INSTITUCIÓNS

Real Academia Galega

Real Academia Galega

A Real Academia Galega é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego.

A creación da Academia Galega o día 4 de setembro de 1905 na Casa do Consulado da Coruña foi o resultado do intelixente e xeneroso impulso procedente da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, creada en Cuba por un grupo de patriotas da cultura entre os que destacan Xosé Fontenla Leal, polo seu entusiasmo e capacidade organizadora, e Manuel Curros Enríquez, pola súa auctoritas de poeta civil. É ben posible que a Academia non chegase a nacer e consolidarse sen o pulo e a axuda económica permanente dos galegos emigrados a Cuba.

O 25 de agosto de 1906 o rei de España aprobaba os primeiros estatutos e concedíalle o título de Real. É a segunda Academia da Lingua máis antiga de España e Manuel Murguía foi o seu primeiro Presidente.

Entre as funcións da Real Academia Galega están as de establecer as normas referidas ao uso correcto da lingua galega, conforme o disposto na Lei 3/1983, de 15 de xuño, de Normalización Lingüística, do Parlamento de Galicia, como a elaboración da norma gramatical, ortográfica e fónica; o inventario do léxico e a proposta dun dicionario de uso e a modernización e actualización do léxico.

Tamén estudar e propor a restauración da onomástica galega, velar polos dereitos do idioma galego, defender e promover o idioma galego e asesorar os poderes públicos e institucións sobre temas relacionados co uso correcto da lingua e coa súa promoción social.

Así mesmo debe estudar e dar a coñecer o patrimonio literario e documental da institución e decidir a personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Ligazóns relacionadas