Toponimia oficial e Nomenclátor de Galicia

A toponimia das provincias, parroquias, concellos e lugares de Galicia, de acordo cos ditames da Comisión de Toponimia e coas normas ditadas pola Xunta de Galicia, pode consultarse a través do servizo de consulta do Nomenclátor de Galicia.

No Nomenclátor figuran os nomes oficiais das entidades de poboación. Para a recollida, normativización e dixitalización de toda a microtoponimia de Galicia iniciouse o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), que no seu buscador ofrece resultados parciais sobre os nomes de entidades humanas, terras, augas, vías e accidentes xeográficos.

Principios normativos

A toponimia oficial elaborouse con base nos principios normativos seguintes:

  • Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG 14.07.1983). No seu artigo 10 establece:
    • Os topónimos terán como única forma oficial a galega
    • Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente
    • Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización da rotulación pública respectando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado
  • Decreto 174/1998, do 5 de xuño, polo que se modifica o Decreto 43/1984, do 23 de marzo, polo que se regulan as funcións e a composición da Comisión de Toponimia (DOG do 22.06.1998)
  • Decreto 132/1984, do 6 de setembro, polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia (DOG do 21.09.1984)

Decretos da toponimia oficial

A toponimia oficial está recollida nos seguintes decretos:

  • A Coruña - Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña (DOG do 25.03.2003)
  • Lugo - Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo (DOG do 25.01.2000)
  • Ourense - Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Ourense (DOG do 29.08.1996)
  • Pontevedra - Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra (DOG do 28.07.1998)