Xunta de Galicia

Valedor do Pobo

INSTITUCIÓNS  

Valedor do Pobo

  •  	  	Valedor do Pobo
    Valedor do Pobo

O Valedor do Pobo é o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades comprendidos no título I da Constitución e no Estatuto de Autonomía de Galicia. Con este fin e en xeral co obxecto de coñecer o pleno respecto á lei e o dereito, o Valedor do Pobo supervisará de oficio ou a instancia de parte (a través dunha queixa) a actividade da Administración da Comunidade Autónoma galega e dos seus entes e empresas públicas ou dependentes, así como a da Administración local naquelas materias que sexan competencia da nosa Comunidade.

A posibilidade de creación e organización dunha institución similar ao Defensor del Pueblo recóllese no Estatuto de Autonomía de Galicia, en concreto, no seu artigo 14. Esta posibilidade fíxose efectiva a través da Lei 5/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo.

O Valedor do Pobo é elixido polo Parlamento de Galicia a través dunha maioría cualificada (3/5 dos membros do Parlamento) por un período de 5 anos, e exercerá as súas funcións con autonomía e segundo o seu criterio, sen atoparse suxeito a mandato imperativo e sen recibir instrucións de ningunha autoridade.

Co fin de preservar a súa independencia e imparcialidade establécese que as súas funcións son incompatibles con todos os cargos políticos ou mandatos representativos e en xeral coa actividade política; coa permanencia na Administración Pública; coa afiliación a un partido político ou co desempeño de funcións directivas neles ou en sindicatos, asociacións ou fundacións, ou co emprego nas mesmas; co exercicio de carreira xudicial ou fiscal; ou con calquera actividade profesional, mercantil ou laboral.

O Valedor do Pobo é unha institución que non exerce funcións de tipo coercitivo, senón unicamente de persuasión, de tal forma que a través das súas diferentes actuacións pon en xogo a súa autoridade, para orientar e corrixir as actuacións ou abstencións da Administración que coñece a través dos procedementos correspondentes.

Ligazóns relacionadas