Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 02 de xaneiro de 1995 Páx. 6

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia.

O artigo 43 da Constitución española recoñece o dereito de tódolos cidadáns á protección da saúde, e encomendando ós poderes públicos a súa organización e tutela a través de medidas preventivas e das prestacións e servicios necesarios e encárgalles no seu artigo 49, a realización dunha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración dos diminuídos psíquicos ós que se lles deberá presta-la atención especializada que requiran, amparándoos para o goce dos dereitos que o título I outorga a tódolos cidadáns.

A Lei xeral de sanidade, do 25 de abril de 1986, determina, á súa vez, no seu artigo 20, que conforma a totalidade do capítulo III do título I, «Da saúde mental», a integración plena dela no sistema sanitario xeral, indicando que a atención ós problemas de saúde mental da poboación se realizará no ámbito comunitario, potenciando os recursos asistenciais a nivel ambulatorio, os sistemas de hospitalización parcial e atención a domicilio, con reducción ó máximo posible da necesidade de hospitalización, e cubrindo os aspectos de prevención primaria e a atención ós problemas psicosociais que acompañan á perda da saúde en coordinación cos servicios sociais.

Correspondendo á Comunidade Autónoma, conforme o artigo 33.1 do noso Estatuto de autonomía, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, preténdese dar resposta ós mandatos contidos nos textos legais citados, estimando que a situación actual da saúde mental require unha regulación particular que unifique os seus distintos aspectos e organice e racionalice tódolos recursos como paso previo e indispensable para a súa total integración, en pé de igualdade, no sistema sanitario xeral de Galicia.

Na terceira lexislatura do Parlamento de Galicia (1990/1993) presentouse un proxecto de lei de saúde mental da Comunidade Autónoma que tiña como antecedentes máis importantes o Informe da Comisión Ministerial para a Reforma Psiquiátrica de abril de 1985 e o traballo da comisión asesora en materia de saúde mental creada por Orde do 26 de novembro de 1986. Diversas circunstancias aconsellaron hoxe abandona-la idea de regra-la saúde mental cunha lei independente, así:

-O traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios do Instituto Nacional da Saúde, polo Real decreto 1.679/1990, do 28 de decembro, que culmina o proceso de transferencias do Estado á Comunidade Autónoma en materia sanitaria.

-A modificación da Lei l/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde, pola Lei 8/1991, do 23 de xullo.

-A posta en funcionamento do Servicio Galego de Saúde como organismo autónomo de carácter admi

nistrativo, asumindo as funcións previstas na devandita Lei 8/1991, do 23 de xullo, trala Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1992.

-A creación do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, polo Decreto 33/1993, do 19 de febreiro, unificando a dirección de tódalas accións que se desenvolvan neste campo, seguindo as recomendacións do dictame do 7 de febreiro de 1992, da Comisión non Permanente do Parlamento de Galicia para o estudio das repercusións socioeconómicas e sanitarias do narcotráfico na nosa Comunidade.

-Aprobación polo Consello da Xunta, do 24 de xuño de 1993, e polo tanto tamén no eido da saúde mental, do Plan de Saúde de Galicia 1993/1997 que establece as liñas xerais de actuación sanitaria e senta as bases para a elaboración dun proxecto de Lei de sanidade de Galicia, co fin de dispoñer dun instrumento eficaz para ordenar e xestiona-los recursos e as competencias sanitarias da Comunidade Autónoma.

Estes feitos de absoluta relevancia no eido sanitario galego permitiron considerar que o proxecto disgregaría unha concepción integral da saúde e a creación dun modelo que impulse as iniciativas e actuacións en materia sanitaria, polo que, decaído este polo transcurso da lexislatura, se procede agora, seguindo un criterio semellante á práctica totalidade das comunidades autónomas do Estado, a promulgación dun decreto de saúde mental que manteña o espírito do proxecto de lei e do informe da comisión asesora referenciados, pero que non se atopa en contradicción coas novidades sanitarias que se produciron desde a súa presentación ó Parlamento.

Neste decreto regúlanse os dispositivos que, para os seus fins, se consideran básicos no desenvolvemento deste modelo, poñendo sempre a énfase na atención na comunidade e para a comunidade, e superando os criterios que centran preferentemente a atención nos hospitais. Así, as unidades de saúde mental actuarán con orientación comunitaria cun equipo interdisciplinario que servirá de apoio ós dispositivos de atención primaria de saúde, e a medio camiño entre a unidade de saúde mental e as unidades de hospitalización psiquiátrica, prevese outro dispositivo básico de gran importancia, como é o hospital de día. Seguindo os principios básicos sinalados, a hospitalización dos enfermos mentais realizarase en unidades de hospitalización psiquiátrica integradas nos hospitais xerais, e de acordo co previsto no artigo 20 da Lei xeral de sanidade e as normas básicas da atención psiquiátrica moderna, adóptanse medidas cautelares para reduci-las necesidades de hospitalización, á cal se debe acudir

soamente cando se evidencie a súa necesidade, por achegar maiores beneficios, que as outras modalidades terapéuticas.

Considérase, por outra banda, a posibilidade de establecer programas específicos para trata-las situacións especiais que requiran actuacións singulares, podendo crearse unidades específicas, temporais ou permanentes para o seu control. De forma especial posibilítase a creación das de saúde mental infanto-xuvenil, psicoxeriatría, alcoholismo e depen

dencias non alcohólicas, por constituíren problemas actuais que necesitan dunha acción urxente, específica e permanente, non obstante, adoptándose cautelas para evita-lo perigo de que estas unidades poidan dar lugar á creación de redes paralelas, o que iría en contra do espírito que inspira este texto.

Tamén se regulan unha serie de dispositivos complementarios, que na súa maior parte terán que provir da transformación dos actuais hospitais psiquiátricos e que deberán xogar un importante papel na rehabilitación psiquiátrica dos enfermos e na súa integración social. A súa actuación é imprescindible que se desenvolva en constante cooperación coa rede de dispositivos sociais da Comunidade Autónoma, así como as consellerías que teñan competencias no ámbito laboral e educativo.

Por todo isto, oídas, en aplicación do artigo 130 da Lei de procedemento administrativo, do 17 de xullo de 1958 as asociacións, entidades e institucións relacionadas coa saúde mental e a asistencia psiquiátrica, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de decembro de mil novecentos noventa e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto establecer, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as directrices xerais de actuación na saúde mental e na asistencia psiquiátrica, a regulación dos dispositivos dirixidos á promoción e protección da saúde mental, a prevención das enfermidades psíquicas e a asistencia, rehabilitación e integración dos enfermos mentais.

Artigo 2. Directrices xerais.

1.-A saúde mental e a asistencia psiquiátrica, tanto extra como intrahospitalaria, integrarase no conxunto de plans e accións de saúde xeral, evitando calquera discriminación con outras parcelas de saúde.

2.-Os programas preventivos, asistenciais e rehabilitadores formarán un todo homoxéneo e garantirán a través da continuidade terapéutica unha actuación coherente na atención da saúde mental.

3.-A actuación sanitaria en saúde mental procurará unha orientación comunitaria potenciando os recursos asistenciais a nivel ambulatorio, os sistemas de hospitalización parcial e a atención a domicilio, asegurando a participación efectiva da comunidade e a utilización de tódolos recursos desta en favor dos seus integrantes.

4.-Tódalas actuacións e tódolos programas de saúde mental serán debidamente avaliados para adecualos ás necesidades reais da poboación e optimiza-la acción sanitaria neste campo, participando nela tódolos dispositivos no nivel que lles corresponda.

5.-Tódolos dispositivos e unidades de saúde mental participarán e realizarán actividades de investigación, formación e docencia ó nivel que lles corresponda.

6.-Os dispositivos de saúde mental serán estructurados cun enfoque interdisciplinario na súa composición e no seu funcionamento e basearán a súa actividade na cooperación de tódolos seus membros.

7.-Os dispositivos de saúde mental serán organizados de xeito que quede garantida a súa extensión a toda a poboación. A este fin distribuiranse equitativamente segundo criterios obxectivos que terán en conta factores xeográficos, demográficos, epidemiolóxicos, socioeconómicos, laborais, culturais e de dotación de vías e medios de comunicación.

8.-Tódolos dispositivos de saúde mental deberán estar acreditados pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 3. Coordinación da saúde mental.

1. Dentro da estructura administrativa dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde existirá unha unidade que xestionará os plans e programas de saúde mental da Comunidade Autónoma, co nivel orgánico que se determine, dependendo da dirección xeral competente en asistencia sanitaria, e coordinará os dispositivos dedicados á saúde mental.

2. En cada área de referencia de cada hospital ou complexo hospitalario existirá un responsable que, dependendo directamente do director xerente ou director médico de atención especializada, segundo proceda, garantirá o adecuado funcionamento de tódolos recursos de saúde mental. O seu nivel orgánico determinarase regulamentariamente.

O citado responsable realizará as seguintes funcións:

a) Avalia-los programas e as actividades desenvolvidas polos distintos dispositivos e realiza-los estudios epidemiolóxicos, psicolóxicos e sociolóxicos precisos para coñece-las actitudes da comunidade relacionadas coa saúde mental, os índices de morbilidade psiquiátrica, as demandas obxectivas e subxectivas en materia de saúde mental, así como as características cualitativas e cuantitativas dos grupos de risco.

b) Propoñe-los obxectivos e actuacións en materia de saúde mental.

c) Asegurar na área de referencia a conexión e apoio coa atención primaria e cos servicios sociais.

d) Establecer, cos restantes servicios e unidades hospitalarias, os programas de interconsulta e enlace pertinentes.

e) Desenvolver programas de prevención e educación sanitaria dirixidos á poboación en xeral ou sectores sociais especificos.

1) Elaboración e proposta dentro do seu ámbito competencial dos plans de intervención en situacións de crise psicosocial.

g) Exerce-las demais competencias que se determinen regulamentariamente.

Arligo 4. Dispositivos de saúde mental.

A rede sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia estará integrada polos seguintes dispositivos de saúde mental:

1. Dispositivos básicos.

2. Dispositivos complementarios.

Artigo 5. Dispositivos básicos.

Os dispositivos básicos de saúde mental estructuraranse en:

1. Unidades de saúde mental.

2. Hospitais de día.

3. Unidades de hospitalización psiquiátrica.

4. Unidades específicas.

Artigo 6. As unidades de saúde mental.

1. As unidades de saúde mental comunitaria serán o dispositivo básico sobre o que se asentarán tódalas accións de saúde mental.

2. As unidades de saúde mental comunitaria situaranse, dentro da área á que pertenzan, naqueles lugares que o Servicio Galego de Saúde determine e, preferentemente, nos edificios propios dos centros de asistencia especializada extrahospitalaria e, alternativamente, nos centros de atención primaria.

Artigo 7. Funcións das unidades de saúde mental.

As unidades de saúde mental terán, no seu ámbito territorial, as seguintes funcións:

a) Atende-los pacientes que lles sexan remitidos a través dos servicios competentes e os que se atopen en réxime de hospitalización domiciliaria.

b) Realiza-la interconsulta e a psiquiatría de enlace nos hospitais xerais que non dispoñan de unidade de hospitalización psiquiátrica.

c) Participar, cando sexa posible, nas decisións de ingreso psiquiátrico, en coordinación coa unidade de hospitalización.

d) Participar na rehabilitación e integración comunitaria dos pacientes e face-lo seguimento dos casos dados de alta nestas unidades en colaboración cos profesionais de atención primaria.

e) Apoiar e asesora-los profesionais de atención primaria, os servicios de urxencias e a intervención en crise.

f) Apoiar e asesora-los dispositivos sociais e educativos relacionados coa saúde mental, os facultativos das institucións penitenciarias e, de acordo coa normativa vixente, a autoridade xudicial.

g) Desenvolver programas de promoción da saúde mental, prevención da enfermidade e educación sanitaria.

Artigo 8. Hospitais de día.

Os hospitais de día serán centros de hospitalización parcial coa misión de desenvolver funcións intermedias entre as unidades de saúde mental e as unidades de hospitalización.

Artigo 9. Funcións dos hospitais de día.

1. Os hospitais de día ofertarán tratamentos intensivos e continuados sen separar totalmente o paciente do seu medio social e familiar.

2. Os equipos dos hospitais de día, ademais de desenvolveren as funcións propias destes establecementos, participarán cando sexa necesario en tódalas correspondentes ós dispositivos cos que se atopan articulados.

Artigo 10. Unidades de hospitalización psiquiátrica.

1. As unidades de hospitalización psiquiátrica son os dispositivos asistenciais destinados ó ingreso temporal daqueles pacientes que se poidan beneficiar desta modalidade terapéutica.

Estarán integradas nos hospitais xerais como un servicio destes adaptando a súa estructura orgánica e funcional ás características da súa especialización.

2. As unidades de hospitalización psiquiátrica destinaranse a resolve-la situación de crise do paciente, sen que factores estrictamente sociais ou variables de cronicidade do cadro sexan os determinantes básicos para o internamento ou permanencia nelas. En todo caso, a indicación de hospitalización farase por decisión dos equipos das unidades de saúde mental, hospitais de día ou unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica, segundo proceda, en colaboración cos equipos propios da unidade de hospitalización, seguindo os criterios establecidos de derivación e de continuidade terapéutica.

Artigo 11. Funcións das unidades de hospitalización psiquiátrica.

As unidades de hospitalización psiquiátrica terán as seguintes funcións:

a) O tratamento dos pacientes internados, tendo sempre en conta o principio de continuidade terapéutica e o criterio de alta hospitalaria ó remata-la crise que determinou o ingreso do paciente.

b) A psiquiatría de enlace e a interconsulta na atención ó enfermo hospitalizado.

c) A cobertura e o apoio ás situacións de urxencia hospitalaria.

d) A docencia e a investigación sanitaria en materia de saúde mental.

Artigo 12. Programas específicos.

Terán a consideración de programas específicos en materia de saúde mental o conxunto de actuacións encamiñadas ó cumprimento de obxectivos diferenciados en función das esixencias e das necesidades comunitarias xerais.

Os programas específicos estableceranse, con carácter temporal ou permanente, para resolve-las seguintes situacións:

a) As que se presenten con carácter episódico, tales como situacións de crise ou emerxencias.

b) Aquelas que deriven da propia natureza ou condición das persoas implicadas, como a infancia, a adolescencia ou a senectude.

c) As que poidan presentar unha alta incidencia no territorio ou unha gran relevancia socio-sanitaria, como o alcoholismo ou dependencias non alcohólicas.

Artigo 13. Unidades específicas.

Para o desenvolvemento de programas específicos poderán crearse unidades de saúde mental infanto-xuvenil, de psicoxeriatría, de alcoholismo e dependencias non alcohólicas.

a) O establecemento de unidades específicas non implicará, en ningún caso, a creación de redes paralelas con centros independentes ou recursos especiais que desenvolvan a súa actividade á marxe dos programas xerais de saúde mental e de asistencia psiquiátrica.

b) Con carácter xeral o acceso dos pacientes a estas unidades realizarase a través das unidades de saúde mental.

Artigo 14. Dispositivos complementarios.

Os dispositivos complementarios clasificaranse en:

1. Unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica.

2. Unidades de apoio comunitario.

Estes dispositivos actuarán na área de rehabilitación e integración comunitaria, en estreita colaboración cos servicios de atención social e cos organismos que teñan incidencia na vida laboral.

Artigo 15. Unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica.

As unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica estarán destinadas á atención de pacientes cunha patoloxía que esixa unha actuación terapéutica activa de duración intermedia cando non estea indicado realizala noutros dispositivos de hospitalización total ou parcial.

Artigo 16. Unidades de apoio comunitario.

1. Pisos protexidos e vivendas de transición.

Poderán habilitarse pisos protexidos, vivendas de transición ou outras fórmulas de aloxamento alternativas co obxecto de acoller pacientes que, con autonomía de conducta pero sen posibilidades de convivencia familiar, requiran axuda social.

Estas unidades recibirán o apoio sanitario dos dispositivos da área.

A atención dos pacientes acollidos nos pisos protexidos e vivendas de transición realizaraa a unidade de saúde mental que lle corresponda.

2. Unidades de apoio social intermedio.

Fomentarase a adquisición de habilidades sociais e laborais que permitan a determinados pacientes o acceso a emprego protexido, formación profesional ou emprego libre mediante cursos de reciclaxe, e

centros ou talleres ocupacionais. As unidades de apoio destinadas a esta actividade xestionaranse polos organismos competentes na materia.

3. Unidades residenciais.

Poderán destinarse unidades residenciais a aloxar pacientes que non precisen coidados sanitarios específicos, pero que presenten carencias de autonomía que requiran unha atención social continuada de carácter tutelar.

Estas unidades xestionaranse polos organismos competentes e recibirán apoio sanitario de tódolos dispositivos asistenciais da área na que están situadas.

Artigo 17. Educación sanitaria.

A administración sanitaria fomentará a educación en saúde mental mediante programas dirixidos á poboación en xeral ou sectores sociais específicos e, de modo permanente, a través dos dispositivos que integran a rede de saúde, especialmente, as unidades de saúde mental comunitaria e os dispositivos de atención primaria.

Artigo 18. Docencia.

1. Estableceranse programas de formación continuada en saúde mental tanto para os profesionais do nivel especializado, nas súas diferentes categorías, coma para os profesionais do nivel primario, facilitando a creación dun substrato conceptual e técnico común a todos eles.

2. Neste labor docente será prioritaria a utilización dos recursos humanos propios dos dispositivos de saúde mental e deberá realizarse en coordinación coa universidade, institucións educativas e organismos competentes da Comunidade Autónoma.

Artigo 19. Investigación.

1. O Servicio Galego de Saúde fomentará o desenvolvemento da investigación na área de saúde mental. Para tal efecto poderán establecerse concertos coa universidade e con outras institucións implicadas no campo da investigación.

2. A investigación en saúde mental integrarase nos plans xerais de investigación que en cada momento a Comunidade Autónoma deseñe a través dos seus órganos competentes.

Artigo 20. Avaliación en saúde mental.

Tódolos programas e actuacións en materia de saúde mental serán debidamente avaliados para adecualos ás necesidades reais da poboación e optimiza-las accións neste campo. A avaliación comportará unha apreciación sistemática dos programas de saúde mental en relación coa súa pertinencia, suficiencia, evolución, eficiencia, eficacia e efectos.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. As distintas funcións, programas e accións previstos nesta norma desenvolveranse de forma coordinada polas consellerías da Xunta de Galicia que teñan atribuídas competencias na materia.

2. Estableceranse expresamente programas de coordinación e colaboración, en tódalas áreas de interese común, con Servicios Sociais, Atención Primaria e Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

Segunda.

A ordenación e os dispositivos de saúde mental previstos no presente decreto estableceranse gradualmente en función da definición e xerarquización de obxectivos e dos programas de actuación que fixe o Servicio Galego de Saúde e de acordo coas dotacións que anualmente se consignen nas respectivas leis de orzamento xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. As unidades de hospitalización psiquiátrica poderán situarse nunha primeira fase de desenvolvemento deste decreto, nos actuais hospitais psiquiátricos, ocupando dependencias claramente diferenciadas das de rehabilitación ou auxiliares e coa dotación de persoal que lles corresponda, pero integrarse funcionalmente nun hospital xeral cos mesmos criterios de homologación psiquiátrica dos hospitais xerais.

2. As unidades de saúde mental ás que fai referencia este decreto poderán situarse excepcionalmente anexas a unha unidade de hospitalización, se ben deberá establecerse sempre unha suficiente diferenciación física e funcional.

Segunda.

Para conseguir un paulatino funcionamento integrado dos recursos públicos de saúde mental dependentes das diferentes administracións públicas de Galicia, e mentres non se complete o proceso de transferencias destes á Comunidade Autónoma, poderanse crear comisións coordinadoras coas Administracións que posúan dispositivos e competencias en materia de saúde mental.

Terceira.

No prazo dun ano, a partir da publicación do presente decreto, definiranse, regularanse e adaptaranse as estructuras de coordinación previstas no artigo 3, así como a definición de plans funcionais de saúde mental nas distintas áreas sanitarias, conforme as previsións contidas no presente decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Este decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais dictará as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta norma.

Santiago de Compostela, quince de decembro de mil novecentos noventa e catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais