Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 02 de febreiro de 1995 Páx. 992

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA

DECRETO 24/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regulan os centros bibliotecarios fixos.

A Lei 14/1989, de bibliotecas, recollendo o mandato constitucional de promove-lo acceso á cultura de tódolos cidadáns, e de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia que lle outorga á Xunta de Galicia no artigo 27.18 a competencia exclusiva en materia de bibliotecas que non sexan de titularidade estatal, establece, no seu artigo 1.3, o deber dos poderes públicos galegos de arbitra-las fórmulas necesarias para crear e manter un adecuado sistema bibliotecario.

En función deste mandato e da capacidade que lle outorga a disposición derradeira segunda para dicta-las disposicións ordinarias sobre condicións técnicas de instalacións e utilización das bibliotecas de uso público, incluídas as estatais xestionadas pola Xunta de Galicia, procede o artellamento do sistema bibliotecario galego de forma que non soamente se complete o labor lexislativo comezado coa publicación da Lei de bibliotecas, senón que se poñan as bases para o funcionamento da rede galega de bibliotecas.

A existencia dun número, incluso amplo, de bibliotecas, non supón en si a existencia dunha rede bibliotecaria. As bibliotecas, especialmente as máis pequenas, poden, se traballan coordinadamente, evitar duplicacións innecesarias de traballo, aumenta-la súa eficiencia e traballar nunhas condicións técnicas, materiais e de persoal moi superiores ás que poderían alcanzar traballando de forma illada. Por iso cómpre o artellamento dos centros bibliotecarios de carácter fixo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

Son centros bibliotecarios fixos os seguintes:

-O Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

-As bibliotecas públicas dependentes da Consellería de Cultura.

-As bibliotecas públicas dependentes dos concellos, entre as que se contan as bibliotecas comarcais, as bibliotecas cabeceiras de redes urbanas ou municipais, as bibliotecas públicas municipais e as axencias de lectura desta procedencia.

-As bibliotecas públicas ou as axencias de lectura, de titularidade privada concertadas, así como as bibliotecas públicas non dependentes da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia nin dos concellos, aínda que de titularidade pública.

-As bibliotecas especiais, xa sexa polos seus fondos, xa por estaren dirixidas a sectores de usuarios con especiais necesidades ou dificultades, tanto

sexan de titularidade e uso público, como de titularidade privada concertadas.

-As bibliotecas concertadas de especial interese para Galicia.

Artigo 2

Denomínase «Rede de bibliotecas de Galicia» a estructuración nun sistema coordinado, dos centros bibliotecarios incluídos no Sistema Bibliotecario de Galicia. Formarán parte dela tanto os centros bibliotecarios dependentes directamente da Consellería de Cultura, coma tódolos de titularidade pública ou privada que mediante a sinatura dun convenio, se comprometan a colaborar nos obxectivos de mellora do sistema bibliotecario que se perseguen coa dita rede.

A súa xestión, é dicir, a organización, dirección e inspección dos diversos programas de coordinación e cooperación dentro da rede, correrá a cargo da Consellería de Cultura, a través dos servicios correspondentes da Dirección Xeral de Cultura.

Artigo 3

A cabeceira da rede de bibliotecas de Galicia será o Centro Superior Bibliográfico de Galicia do que dependerán tecnicamente as bibliotecas nodais, e destas as bibliotecas comarcais e as bibliotecas cabeceiras de redes urbanas ou municipais. Tódalas outras bibliotecas, agás as que dispoña a Consellería de Cultura, estarán conectadas á rede a través das bibliotecas comarcais ou das bibliotecas cabeceiras de redes urbanas ou municipais.

Artigo 4

1. O Centro Superior Bibliográfico de Galicia será o núcleo central de información bibliográfica, de automatización, de normalización dos procesos técnicos, dos plans para a catalogación centralizada ou compartida, e de información, asesoría e formación profesional. Será tamén o centro principal de calquera actividade colectiva, ou de carácter xeral para o ámbito galego, que poida xurdir na rede de bibliotecas de Galicia.

2. O Centro Superior Bibliográfico recibirá un exemplar do depósito legal segundo o disposto no artigo 4.a do Decreto 36/1991, do 1 de febreiro, polo que se establecen as normas que regulan o funcionamento do depósito legal en Galicia e os dez exemplares que establece o Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

3. Realizará as funcións que se determinan no artigo 8 da Lei de Galicia 14/1989, de bibliotecas, ademais das que se relacionan a seguir:

-A dirección técnica dos procesos de catalogación compartida ou centralizada, ademais doutros programas que poidan xurdir na rede.

-A xestión das responsabilidades asumidas pola Xunta de Galicia en todo o referente ó tesouro bibliográfico, e dirección e asesoría técnica nos programas de conservación e restauración.

-O estudio, elaboración e difusión dos requisitos de normalización precisos para o correcto funcio

namento en rede e para permiti-las necesarias conexións dentro do sistema e desta coas redes nacionais e internacionais.

-A información, asesoría e formación técnica ás bibliotecas da rede.

-A difusión da información recompilada ou xerada pola propia institución.

Artigo 5

1. Considéranse bibliotecas nodais as catro bibliotecas públicas, antes provinciais, da Coruña, Lugo Ourense e Pontevedra, así como as que no seu momento poida decidi-la Consellería de Cultura. Serán funcións destas bibliotecas, á parte das que lles correspondan como bibliotecas públicas, actuaren como cabeceiras da rede provincial, para efectos de información bibliográfica, rede automatizada e préstamo interbibliotecario. As catro bibliotecas citadas serán depositarias, en concepto de depósito legal, dun exemplar daqueles materiais producidos na súa provincia.

2. As bibliotecas nodais prestarán polo menos, os seguintes servicios:

1.-Información bibliográfica.

2.-Consulta en sala.

3.-Préstamo a domicilio.

4.-Hemeroteca.

5.-Servicio de materiais sonoros e audiovisuais.

6.-Sección infantil e xuvenil.

7.-Sección local.

3. As bibliotecas públicas nodais deberán contar con persoal suficiente para cubrir debidamente estes servicios e levar a cabo as tarefas técnicas que lles correspondan, en horario de mañá e tarde, cun mínimo de 35 horas semanais de apertura ó público e, de ser posible, durante seis días á semana, podendo durante o verán adoptar horario continuado de mañá. A dirección técnica destes centros deberá estar desempeñada por funcionarios dos corpos especiais para bibliotecas, arquivos e museos da Xunta de Galicia.

Artigo 6

1. As bibliotecas comarcais e as bibliotecas cabeceiras de redes urbanas ou municipais serán bibliotecas públicas establecidas nunha comarca ou nunha cidade ou municipio, e que sexan designadas como tales. Poderán actuar como cabeceiras doutras bibliotecas situadas no seu ámbito de influencia aínda cando non exista interdependencia orgánica entre elas.

2. Son funcións destas bibliotecas, á parte das que lles corresponden como bibliotecas públicas, actuaren como cabeceiras da rede dun municipio ou comarca para efectos de información bibliográfica, rede automatizada e préstamo interbibliotecario. Deberán recoller, procesar e conservar tamén, dentro da súa sección local, todo canto material hemerográfico se produza no seu ámbito territorial.

3. Estas bibliotecas prestarán, polo menos, os seguintes servicios:

1.-Información bibliográfica.

2.-Consulta en sala.

3.-Préstamo a domicilio.

4.-Servicio de materiais sonoros e audiovisuais.

5.-Hemeroteca.

6.-Sección infantil e xuvenil.

7.-Sección local.

Artigo 7

As bibliotecas comarcais serán creadas por orde da Consellería de Cultura, seleccionándoas entre as bibliotecas públicas que reúnan as características máis idóneas. Neste sentido terase en conta non só a situación do centro, senón sobre todo as características e importancia das súas instalacións e dos seus fondos, a súa dotación de persoal, e a súa dotación orzamentaria con cargo ó concello ou institución da que dependa, así como a calidade, amplitude e estabilidade dos seus servicios. As bibliotecas comarcais deberán contar con persoal suficiente para esta responsabilidade, e deberán contar cun titulado, polo menos, de grao medio con formación técnica en bibliotecas. A designación dunha biblioteca como comarcal farase de común acordo cos titulares da dita biblioteca. Terán carácter prioritario para a concesión de subvencións da Consellería de Cultura, segundo se determine nos convenios de colaboración que asinen os seus titulares e a Consellería de Cultura.

-A designación dunha biblioteca como cabeceira de rede urbana ou municipal, será competencia dos responsables da dita rede.

Artigo 8

1. Considéranse bibliotecas públicas municipais aquelas bibliotecas públicas xestionadas polos concellos e que presten, polo menos, os seguintes servicios:

1.-Información bibliográfica.

2.-Consulta en sala.

3.-Préstamo a domicilio.

4.-Hemeroteca.

5.-Sección infantil e xuvenil.

6.-Sección local.

No caso de redes municipais, recollerase a posibilidade de bibliotecas especializadas nalgún destes servicios polo que non será necesario que os presten todos.

2. Os locais onde se instalarán as bibliotecas públicas municipais a partir da publicación deste decreto terán como mínimo unha superficie de 100 metros cadrados.

O seu horario de atención ó público será de 25 horas semanais como mínimo, ó longo de, polo menos, cinco días, e preferentemente de seis.

As bibliotecas destas características creadas a partir desta decreto deberán contar, polo menos, cun titulado de grao medio con formación técnica en bibliotecas.

Artigo 9

1. Considéranse axencias de lectura municipais aquelas bibliotecas públicas de titularidade municipal que teñen menores dimensións ou atenden ó público en horario máis reducido.

2. As axencias de lectura municipais prestarán, polo menos, os seguintes servicios:

1.-Información.

2.-Préstamo a domicilio.

3.-Sección infantil e xuvenil.

4.-Consulta en sala.

No caso de redes municipais de bibliotecas recóllese a posibilidade de axencias de lectura especializadas nalgún destes ou outros servicios.

3. Os locais nos que se instalen as axencias de lectura municipais terán como mínimo unha superficie de 40 metros cadrados.

O seu horario de atención ó público será, polo menos, de 15 horas semanais ó longo de 3 días como mínimo.

Estarán atendidas por persoal competente e adecuado ó seu labor.

Poderán depender tecnicamente dunha biblioteca pública, cabeceira de rede urbana ou municipal, ou biblioteca comarcal. Neste sentido establécese a posibilidade de mancomunar servicios entre varios concellos, de forma que as axencias de lectura poidan contar cunha dirección técnica común a varios centros.

Artigo 10

1. Considéranse bibliotecas públicas de titularidade privada concertadas aqueles centros non dependentes de organismos públicos e asimilables nos seus servicios ás bibliotecas públicas, que establezan un convenio de colaboración coa Consellería de Cultura para a súa utilización polo público lector en xeral. Incluiranse neste grupo as bibliotecas públicas dependentes de organismos e entidades diferentes da Consellería de Cultura ou dos concellos, que asinen o correspondente convenio coa Consellería de Cultura.

2. Todas elas deberán contar con información bibliográfica, polo menos, dos seus fondos, e deberán contar con dous como mínimo dos seguintes servicios:

1.-Consulta en sala.

2.-Préstamo a domicilio.

3.-Sección infantil e xuvenil.

3. Os locais onde se instalen terán como mínimo unha superficie de 100 metros cadrados.

O seu horario de atención ó público será, polo menos, de 20 horas semanais, ó longo de tres días como mínimo e estarán atendidas por persoal adecuado.

Artigo 11

1. Considéranse axencias de lectura de titularidade

privada concertadas aqueles centros bibliotecarios que, non dependendo de organismos públicos e non tendo os fondos, os servicios, a superficie e o horario de atención ó público das bibliotecas públicas, presten, sen embargo, algún tipo de servicios bibliotecarios á comunidade.

2. Deberán prestar información bibliográfica dos seus fondos, e un, polo menos, dos seguintes servicios:

1.-Consulta en sala.

2.-Préstamo a domicilio.

3.-Sección infantil e xuvenil.

3. Os locais nos que se instalen terán como mínimo unha superficie de 40 metros cadrados.

O seu horario de atención ó público será de 10 horas semanais como mínimo, en, polo menos, tres días.

Estarán atendidas por persoal competente.

Poderán depender tecnicamente dunha biblioteca pública, ou cabeceira de rede urbana ou municipal, ou biblioteca comarcal.

Artigo 12

1. Considéranse bibliotecas especiais os centros bibliotecarios especializados xa polo carácter dos seus fondos, xa por estaren dirixidas a un sector determinado da sociedade tales como cárceres, hospitais e outros.

2. Estes centros poderán depender xa de organismos públicos, xa de organismos privados, debendo en calquera caso asina-lo correspondente convenio coa Consellería de Cultura para formaren parte da rede.

3. Dadas as especiais características destes centros, a Consellería de Cultura determinará para cada caso concreto a idoneidade dos servicios.

Artigo 13

1. Considéranse bibliotecas de titularidade privada de especial interese para Galicia aquelas bibliotecas que, polos fondos que custodian, teñan especial importancia para a cultura galega. A Consellería de Cultura, mediante orde, determinará as bibliotecas de titularidade privada de entre as concertadas que merecen a denominación de especial interese para Galicia.

2. Prestarán, polo menos, os seguintes servicios:

1.-Información bibliográfica.

2.-Consulta en sala.

3.-Sección especializada con fondo bibliográfico de importancia para a cultura galega.

Artigo 14

Os fondos de tódalas bibliotecas obxecto do presente decreto forman unha unidade de xestión ó servicio da Comunidade galega.

Artigo 15

Todas estas bibliotecas poderán formar parte da rede de bibliotecas de Galicia. Para iso, agás as bibliotecas nodais, deberán asinar un convenio coa

Consellería de Cultura. Para tales efectos a Consellería de Cultura verificará as condicións que deben cumprir para se integrar na rede de bibliotecas de Galicia.

Artigo 16

Os centros bibliotecarios pertencentes á rede de bibliotecas de Galicia deberán axusta-los seus sistemas informáticos ós requisitos de normalización que a Consellería de Cultura determine co fin de permitir e facilita-lo intercambio de rexistros e o correcto funcionamento dos servicios que poidan compartirse dentro da rede.

Artigo 17

Créase na Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura o Rexistro de Bibliotecas de Galicia, no que que se inscribirán tódalas bibliotecas que desexen formar parte da Rede de Bibliotecas de Galicia e que cumpran os requisitos estipulados no presente decreto, así como o acordado nos convenios que se asinen coa Consellería de Cultura.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións, de igual ou inferior rango, que se opoñan total ou parcialmente ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira

Autorízase o conselleiro de Cultura para dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura