Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 02 de marzo de 1995 Páx. 1.685

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 15 de febreiro de 1995 pola que se establece o prezo privado que deberán satisfacer, en concepto de matrícula, os alumnos que realicen o Curso Superior de Relacións Laborais.

O Consello Galego de Relacións Laborais, creado pola Lei 7/1988, do 12 de xullo, para responder á necesidade de establecer canles institucionais de encontro e participación entre as organizacións representativas de traballadores e empregadores, ten, entre outras competencias, a de promover iniciativas que recollan estudios, debates e difusión de cuestións relacionadas co dereito laboral e a cultura do traballo.

Coa finalidade de facilita-la actualización e perfeccionamento formativo dos cadros directivos das organizacións sociais e de achegar unha formación especializada ós profesionais das relacións laborais e os titulados que se interesan polo mundo do traballo, o Consello Galego de Relacións Laborais considerou conveniente organizar, no presente ano, a sexta edición do Curso Superior de Relacións Laborais.

Polo que, de acordo co establecido na Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras e en virtude das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1.-A presente orde ten por obxecto establece-las normas de xestión e determina-lo prezo que, en concepto de matrícula, deberán satisface-los alumnos que soliciten a inscrición para realiza-lo Curso Superior de Relacións Laborais que organiza o Consello Galego de Relacións Laborais en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 2.-O prezo que se satisfará en concepto de matrícula que se aproba na presente orde para o exercicio de 1995 será de duascentas quince mil pesetas (215.000 ptas.) por alumno matriculado.

O importe da matrícula deberá ser satisfeito antes do día sinalado para a inauguración oficial do curso

e segundo o procedemento de recadación regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de xuño de 1994 e de acordo coas normas que se establezan na convocatoria oficial do curso.

Artigo 3.-O prezo que se establece na presente orde non será de aplicación para os membros das organizacións empresariais e sindicais con representación no consello que sexan seleccionados e inscritos como bolseiros por estas organizacións para participar no curso, de acordo co número máximo de bolseiros que corresponda a cada organización en proporción á súa representatividade.

Artigo 4.-O importe aboado en concepto de matrícula inclúe e dá dereito á asistencia e participación en tódalas actividades académicas ordinarias e extraordinarias, nos actos de inauguración e clausura, á recepción da documentación e bibliografía de apoio e á expedición do correspondente diploma acreditativo, se o alumno cumpre os requisitos de asistencia e aproveitamento que se establezan na convocatoria do curso.

Artigo 5.-Para os efectos do previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de xuño de 1994, pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, o presente ingreso queda incluído no anexo I da mencionada orde co número de código 36.21.00.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Facúltase o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para a convocatoria do Curso Superior de Relacións Laborais e para o cumprimento da presente orde.

Segunda.-

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais