Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 1995 Páx. 2.397

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de febreiro de 1995 pola que se publica o catálogo de materias optativas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, se establece o currículo destas materias e se regula a súa oferta.

O Decreto 78/1993, do 25 de febreiro (Diario Oficial de Galicia do 2 de abril de 1993) polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria determina, no seu artigo sexto; que xunto ás áreas de carácter obrigatorio o currículo comprenderá tamén materias optativas que terán a finalidade de responder ós diferentes intereses, motivacións e necesidades do alumnado, amplia-la súa orientación, facilita-la súa transición á vida activa e contribuír ó desenvolvemento das súas capacidades, explicitadas nos obxectivos xerais da etapa.

A Orde do 25 de abril de 1994 (Diario Oficial de Galicia do 12 de maio de 1994), sobre a implantación anticipada da educación secundaria obrigatoria, no seu punto quinto, regula todo o que concerne á planificación e organización das materias optativas, á súa impartición polos centros, á autorización doutras materias optativas propostas polos propios centros e non incluídas no catálogo, ó número de materias optativas que poderán impartirse nos centros e á avaliación destas materias, e así mesmo faculta a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para publica-lo catálogo de materias optativas para a educación secundaria obrigatoria.

En virtude do cal, e no uso das competencias que lle están atribuídas a esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Artigo 1. O catálogo de materias optativas para a educación secundaria obrigatoria nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estará constituído polas que a continuación se relacionan:

-Ciencias medioambientais e da saúde.

-Cultura clásica.

-Iniciación profesional á electricidade e á electrónica.

-Iniciación profesional marítima.

-Iniciación profesional á mecánica.

-Segunda lingua estranxeira.

-Técnicas de expresión escrita.

Artigo 2. Na relación de materias optativas que os centros proporán anualmente, segundo o establecido no punto quinto, apartado 7 da Orde do 25 de abril de 1994 sobre a implantación anticipada da educación secundaria obrigatoria, incluirase, en todo caso unha segunda lingua estranxeira durante toda a etapa, unha materia de iniciación profesional

no segundo ciclo, e cultura clásica polo menos nun curso do segundo ciclo.

Artigo 3. 1. As materias que compoñen o catálogo establecido nesta orde poderán ser ofertadas só no segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria, agás a segunda lingua estranxeira que se ofertará durante toda a etapa.

2. A optativa do primeiro ciclo cursarase durante os dous cursos dos que consta o dito ciclo.

3. No segundo ciclo, os alumnos e as alumnas cursarán as materias optativas durante un só curso, agás a segunda lingua estranxeira que poderá ser cursada durante todo o ciclo.

Artigo 4. O currículo das materias optativas, relacionadas no artigo 1 desta orde, será o que recolle o anexo da mesma.

Artigo 5. Para aqueles aspectos non recollidos explicitamente na presente orde, terase en conta o disposto no punto quinto da Orde do 25 de abril de 1994 (Diario Oficial de Galicia do 12 de maio de 1994), sobre a implantación anticipada da educación secundaria obrigatoria.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros

ANEXO

CURRÍCULO DAS MATERIAS OPTATIVAS

DA EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA

Deseño curricular base

Ciencias medioambientais e da saúde

1. Introducción

A saúde humana e a saúde do planeta Terra son as dúas caras dunha mesma moeda, a moeda da vida, que se encontra na actualidade desvalorizada. Devolverlle a súa potencialidade e resalta-la súa importancia é unha necesidade imperiosa á que só se lle dará resposta se é tratada tanto a nivel individual como colectivo.

Se ben resulta difícil defini-la saúde, pódese considerar que expresa non só o correcto funcionamento e o desenvolvemento dos organismos en tódolos aspectos, senón tamén o sentimento de benestar que ambos producen.

O mundo do século XX carece dese sentimento de benestar, encóntrase inmerso nunha situación de crise de tal gravidade que a biosfera -aquela parte do planeta Terra na que a vida é posible- non pode funcionar de forma correcta, impedindo así, o desenvolvemento non só da humanidade, senón tamén de

tódalas formas de vida que nela teñen o seu lugar. Moitas especies desaparecen debido á súa incapacidade de adaptarse ós cambios brutais que o emprego, non axeitado, dos últimos coñecementos e avances tecnolóxicos introduce no medio en que estas especies han de desenvolverse, polo que a cualidade fundamental do planeta como portador de vida e a súa capacidade para acollela vense, ademais de minguadas, en perigo de desaparecer. Pódese dicir como consecuencia de todo isto que o estado da saúde do planeta é preocupante.

Tamén a humanidade ten problemas de saúde, no sentido do seu benestar, no do seu funcionamento e no do seu desenvolvemento. Nos últimos anos produciuse un espectacular aumento de coñecementos naqueles países xa de por si desenvoltos, dando lugar a concentracións de poder que desequilibran perigosamente as relacións entre a humanidade, debuxando dous bloques, claramente definidos, de países cada vez máis ricos e de países cada vez máis pobres. O desequilibrio non só atinxe ó funcionamento dos bloques entre si, senón que cada un deles por separado vese tamén gravemente afectado: os países ricos ven moitas veces alterado o seu ritmo de «funcionamento» polo desigual reparto do exceso de medios, mentres que nos países pobres a súa incapacidade para funcionar correctamente prodúcese pola escaseza ou pola ausencia deles.

Todo o anteriormente exposto pódese reducir á existencia de relacións pouco harmoniosas entre a humanidade, que fan practicamente imposible o seu desenvolvemento e inciden negativamente en aspectos importantes relacionados coa saúde das persoas, xerando non unha sensación de benestar, senón de crecente malestar.

Ante unha situación tan pouco favorable cabe resaltar un aspecto positivo: o coñecemento gradualmente maior destes feitos e a concienciación paralela de súa gravidade, por parte dos homes e das mulleres, teñen como resultado un crecente interese da poboación en xeral e dos estudiantes en particular cara ós temas ambientais. Este aspecto positivo materializase no tratamento dos problemas medioambientais non só dentro do propio sistema educativo como temas prioritarios de estudio que se inclúen transversalmente nos currículos, senón tamén na especial relevancia que lles dan os medios de comunicación.

Como resposta a este interese ofértaselles ós alumnos e ás alumnas do segundo ciclo da ESO esta materia optativa, ciencias medioambientais e da saúde, na que complementarán contidos presentes noutras áreas co tratamento das tres dimensións da saúde: persoal, social e de equilibrio coa natureza, aplicándoas tanto á saúde da humanidade, considerada como saúde dos individuos que a forman, como á do planeta, considerada como saúde da biosfera e de tódolos subsistemas que a compoñen.

Esta materia, de acordo cos obxectivos xerais da etapa, contribuirá ó coñecemento e á comprensión, por parte dos alumnos e das alumnas, tanto de aspectos básicos do funcionamento do seu corpo e das consecuencias que para a saúde individual e colec

tiva teñen os actos e decisións persoais, como das relacións entre os diversos compoñentes do medio natural e das repercusións das actividades humanas sobre el; e igualmente facilitará a valoración do desenvolvemento científico e tecnolóxico e das súas implicacións e incidencias no medio físico e social.

Os contidos seleccionados agrúpanse en torno a catro bloques relacionados coa alimentación, sexualidade, drogodependencias e a problemática ambiental; todos eles teñen as características de seren relevantes para os alumnos e as alumnas e de estaren relacionados co seu benestar persoal e cos graves problemas sociais e ambientais. Os contidos conceptuais deberán considerarse como instrumentos de análise e de síntese imprescindibles para coñecer e poder aborda-los «mesmos problemas que teñen e tiveron os homes e mulleres, buscar comida e refuxio e aprender a asumi-la problemática do nacemento, a enfermidade, o amor e a morte». A metodoloxía deberá considerar que os contidos no seu conxunto produzan unha aprendizaxe capaz de dota-los alumnos e as alumnas do interese e da capacidade de actuar de forma eficaz para promover cambios, aínda que sexan puntuais, que melloren as perspectivas tanto da propia saúde e da saúde humana como as da saúde do planeta.

É importante, entón, resalta-la especial relevancia dos contidos actitudinais e procedementais nesta materia, pois neles descansan as capacidades de querer e saber actuar de forma axeitada para promover ditos cambios.

2. Obxectivos xerais

A ensinanza-aprendizaxe das «ciencias medioambientais e da saúde» contribuirá a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

-Utiliza-los coñecementos nutricionais necesarios para desenvolver hábitos alimenticios saudables.

-Coñece-la importancia da enerxía como recurso fundamental da humanidade e do uso racional dela.

-Respectar e valorar positivamente as diferencias psicolóxicas que existen entre os homes e as mulleres.

-Coñece-las distintas dimensións da sexualidade como fundamento para unha vivencia responsable dela, e considerala como un aspecto moi importante da conducta humana.

-Comprende-las consecuencias negativas que sobre a saúde e a sociedade teñen as drogodependencias.

-Adoptar actitudes positivas dirixidas a rexeita-las presións que incitan ó consumo de alcohol, tabaco e outras drogas.

-Valora-los problemas medioambientais como fenómenos complexos e globais dos que todos somos responsables.

-Coñece-la existencia das leis que regulan as actuacións humanas respecto ó consumo e á saúde e das que protexen o medio ambiente e, en consecuencia, actuar como consumidores críticos.

-Valora-lo traballo en equipo como unha forma máis eficaz de acometer problemas complexos e como unha forma de aprendizaxe de estratexias para actuar como cidadáns responsables.

-Asumir posturas respectuosas co contorno e participar activamente en tarefas de protección e mellora do medio ambiente.

3. Bloques de contidos

3.1. Alimentación e nutrición

A gran incidencia que teñen os hábitos alimenticios na saúde humana e a problemática medioambiental, que formula o uso abusivo de recursos (ou a carencia deles), na saúde do planeta Terra, son aspectos que fan necesario un tratamento curricular específico nunha materia como a de ciencias medioambientais e da saúde.

Por todo isto, os contidos seleccionados neste bloque fan referencia ó coñecemento dos principais factores que inflúen nunha alimentación saudable desde o punto de vista nutricional e hixiénico, ó do proceso de transformación de recursos en alimentos e ó coñecemento da súa comercialización e distribución, cara á potenciación de hábitos alimenticios acordes con eles e ó fomento de actitudes críticas e responsables ante o consumo.

Preténdese desta maneira que os alumnos e as alumnas dispoñan da información precisa, dominen os procedementos básicos que lles permitan entende-la alimentación como un fenómeno multidimensional (bioquímico, sanitario, económico, social, medioambiental e cultural) e se insiran na cultura nutricional do contorno con capacidade para autorregula-las súas propias conductas alimenticias e para defenderse das presións publicitarias e das pautas dominantes que consideren superfluas e nocivas. Todo isto enmarcado no coñecemento das posibilidades de recursos do planeta e da súa desigual e inxusta distribución, e na valoración da importancia que tería a solidariedade para resolve-lo problema da supervivencia da humanidade e da vida da Terra como planeta do Universo.

3.1.1. Contidos conceptuais

-Os alimentos como fontes de materia e de enerxía. Os recursos naturais e os alimentos.

-Alimentación e nutrición. Clasificación dos alimentos: comercial (os sete grupos de alimentos) e nutricional (enerxéticos, plásticos e dinamizadores). Alimentos completos e de maior consumo. Preparación: cocción, frixidura, asado, ...

-Tecnoloxía dos alimentos. Conservación por calor, frío e outras técnicas. Envasado-etiquetado, aditivos.

-Dieta e hixiene alimenticia. Alimentación por exceso, por defecto e por desequilibrio.

-Saúde e enfermidade. Enfermidades e alteracións moi directamente relacionadas coa alimentación: carie, obesidade, anorexia. A fame.

-Países desenvolvidos e o terceiro mundo. Presente e futuro da alimentación da humanidade.

-Pautas culturais da alimentación en distintas culturas e diferentes épocas.

3.1.2. Contidos procedementais

-Análise, en exemplos concretos, das diferentes clases de recursos nutricionais e das diversas transformacións que sofren ata converterse en alimentos aptos para o consumo.

-Utilización de táboas simplificadas de composición dos alimentos e interpretación do valor nutricional deles.

-Descrición e estudio comparativo do etiquetado e do envasado de productos alimenticios, manexando o código alimenticio.

-Planificación de menús e dietas para distintos supostos.

-Análise da relación entre recursos naturais e hábitos alimenticios.

-Realización de informes sobre hábitos alimenticios do contorno do alumnado e doutros contextos espaciais e temporais, e análise comparativa entre eles.

3.1.3. Contidos actitudinais

-Valoración de hábitos alimenticios guiados por criterios de saúde e de dieta equilibrada.

-Valoración da conveniencia dunha correcta manipulación e conservación dos alimentos.

-Interese por respectar e utilizar de forma razoable os recursos alimenticios do contorno.

-Actitude crítica ante o fenómeno do consumismo na alimentación e das mensaxes publicitarias que o potencian, rexeitando a manipulación publicitaria sobre os productos de alimentación e as dietas, e a autoprescrición de réximes de adelgazamento.

-Sensibilidade e solidariedade en relación co problema da fame no mundo.

-Actitude de respecto cara a outros hábitos alimenticios persoais e culturais diferentes dos propios.

3.2. Sexualidade

A sexualidade é unha dimensión humana que ten gran incidencia na vida das persoas e nas súas relacións. Esta dimensión, dada a súa relevancia, ha de ser considerada como fundamental na educación, tanto no ámbito familiar como no ámbito institucional, polo que é importante a colaboración entre os pais e o sistema educativo para acadar unha coherencia nas formulacións.

O coñecemento ha de se-lo fundamento das actuacións e os valores o marco no que aquelas se insiren. Os contidos tratados neste bloque proporcionaranlles ós alumnos e ás alumnas o coñecemento dos aspectos biolóxicos da sexualidade en xeral e da sexualidade humana en particular, da súa relación coa reproducción, dos cambios físico-emocionais da adolescencia e da consideración e valoración social de ambos sexos. A súa ensinanza-aprendizaxe tratará de desenvolver actitudes de naturalidade, responsabilidade e de respecto cara ó comportamento sexual humano e, polo tanto, de rexeitamento do uso do sexo como reclamo publicitario. É importante resalta-la importancia da afectividade como manifestación da sexualidade. Todo isto enmarcado no valor fundamental da persoa humana.

3.2.1. Contidos conceptuais

-Aspectos biolóxicos da sexualidade. Reproducción e sexo. Dimorfismo sexual e sexismo.

-Sexualidade humana e afectividade. Patoloxía da sexualidade.

-Técnicas reproductivas e anticonceptivas.

-Natalidade e poboación. Control da natalidade. Explosión demográfica.

-Factores hereditarios.

3.2.2. Contidos procedementais

-Identificación das distintas partes de aparellos reproductores mediante a observación de modelos anatómicos.

-Realización de investigacións e informes sobre distintos aspectos relacionados coa sexualidade e coa reproducción, utilizando un vocabulario científico relacionado co tema.

-Análise comparativa das diferencias de carácter e de afeccións entre os alumnos e as alumnas, en particular, e entre os homes e as mulleres, en xeral.

-Identificación e análise de mensaxes sexistas na publicidade e na linguaxe en xeral.

-Identificación de roles e funcións referidas a cada sexo para a análise de situacións discriminatorias no contorno máis próximo do alumnado: estudios, traballo, xogos, afeccións.

-Análise comparativa das diferentes técnicas anticonceptivas.

3.2.3. Contidos actitudinais

-Consideración positiva dos cambios físico-emocionais que se producen na adolescencia.

-Respecto cara a vivencias diferentes da sexualidade.

-Consideración positiva das diferencias entre os dous sexos.

-Aceptación das características persoais sen complexos nin retraementos.

-Valoración crítica dos roles sociais ligados ás diferencias de sexo.

-Rexeitamento dos comportamentos sexistas e de todo tipo de explotación sexual.

-Apreciación pola cooperación, pola afectividade e polo diálogo como aspectos fundamentais das relacións sexuais.

3.3. Drogodependencias

O sistema educativo, en xeral, e a materia de ciencias medioambientais e da Saúde, en particular, deben contribuír a espallar entre o colectivo xuvenil unha información rigorosa sobre a natureza e as consecuencias do consumo de drogas na saúde das persoas e da sociedade, e tamén sobre os factores que inciden na súa producción e comercialización. Esta acción contribuirá a que os alumnos e as alumnas desenvolvan actitudes críticas e responsables ante

o fenómeno da drogadicción e de rexeitamento e desmitificación das conductas e dos roles sociais con que a miúdo se asocian estas. Os contidos conceptuais e procedementais deberán estar, por iso, ó servicio dunha configuración de valores e pautas actitudinais, coherentes cos obxectivos básicos de comprende-las repercusións negativas das drogodependencias, de coñece-la existencia de leis e de valora-la súa importancia cara a resolve-la problemática que o consumo de drogas crea nas sociedades, e de rexeita-los modelos sociais e presións publicitarias tendentes a inducir a eses hábitos.

3.3.1. Contidos conceptuais

-Concepto de droga. Tipos de droga: drogas de orixe natural, derivadas e de síntese.

-Consumo. Dependencia, síndrome de abstinencia, tolerancia.

-Epidemioloxía das drogadiccións. Poboacións de risco.

-Efectos sobre a saúde das distintas drogadiccións: tabaquismo, alcoholismo, automedicación, opiáceos, cocaína, derivados do cannabis e drogas de síntese. Tratamento e incorporación social. Consecuencias sanitarias e sociais da drogadicción.

-Zonas de cultivo e expansión e implicacións socioeconómicas do fenómeno da droga.

-Lexislación sobre drogas.

3.3.2. Contidos procedementais

-Realización de informes sobre os diferentes tipos de drogas e os efectos que producen na saúde das persoas.

-Investigación acerca dos problemas sociais inductores ó consumo de drogas, utilizando mapas e gráficos.

-Identificación de conductas de risco en relación coa drogadicción.

-Debate planificado acerca dalgúns problemas sociais que levan as persoas ó consumo de drogas.

3.3.3. Contidos actitudinais

-Actitude responsable no uso de medicamentos, evitando a automedicación.

-Rexeitamento de todo tipo de droga e concienciación de que o seu consumo non resolve problemas, senón que os crea.

-Valoración da drogadicción como un problema tanto individual como colectivo.

-Desmitificación das conductas de bebedor e fumador e dos roles sociais a que se asocian.

-Aceptación das disposicións legais sobre venda e consumo de alcohol e de tabaco.

-Solidariedade cos drogodependentes e cos colectivos comprometidos na loita contra a drogodependencia.

-Toma de conciencia da necesidade de medidas de precaución ante o contacto con utensilios empregados na administración e na manipulación de drogas.

-Disposición favorable a demandarlles asesoramento e axuda ós pais, profesores, profesionais e centros especializados.

3.4. Ser humano e medio ambiente: a saúde do planeta

O mesmo que a nosa saúde persoal depende da forma de vivir e de actuar de acordo coas normas de funcionamento do noso corpo, a saúde da biosfera -a nosa casa e a nosa despensa- depende hoxe, fundamentalmente, do respecto polo seu funcionamento como sistema e polo uso correcto que a humanidade realice dos recursos que ela nos ofrece. Este uso implica o coñecemento, como mínimo, da existencia de complicados procesos, tales como aqueles que ordenan o clima, rexeneran os solos, impoñen determinadas relacións entre os seres vivos e entre estas e os seus hábitats. Esbozar algúns conceptos como recursos, consumo, reservas, concentración urbana e mostra-las alteracións a que dan lugar o consumo innecesario e o emprego, a veces inadecuado e inxusto, dos recursos, sobre o funcionamento da biosfera. Todo isto servirá para poñer de manifesto a interdependencia e a complexidade destes procesos e sobre todo a nosa inadecuada actuación sobre eles.

Preténdese, ademais de todo o dito anteriormente, mostrarlles ós alumnos e ás alumnas unha perspectiva da situación actual, sensibilizalos co fin de suscitar neles actitudes de responsabilidade e de cooperación na resolución dos problemas medioambientais, de forma que poidan aplica-los coñecementos adquiridos a situacións concretas do seu contorno, entendéndoo non só nos seus aspectos naturais, senón tamén nos sociais. Coñecer, ó seu nivel, as técnicas de resolución de problemas e a aprendizaxe teórica e práctica do exercicio da acción cidadá facilitaralles esta aplicación. Neste sentido, utilizaranse os contidos relativos á lexislación ambiental como simple coñecemento da súa existencia, necesaria para a regulación, a diferentes niveis, das implicacións negativas que o uso, pouco axeitado, que se fai dos recursos e dos avances tecnolóxicos ten sobre a saúde da biosfera.

3 4.1. Contidos conceptuais

-Medio físico e social. Proceso urbanizador: medio rural e medio urbano. Saúde mental.

-Recursos e consumo. Clases de recursos. As fontes da enerxía: orixe, explotación e reservas. Fontes renovables e non renovables.

-Polución e contaminación: focos fixos e móbiles. Degradación das augas, dos solos e da atmosfera. Efectos sobre o medio e a saúde. Factores de risco.

-Vertidos e residuos: tipos e problemática derivada. O lixo doméstico.

-Lexislación ambiental: tratados internacionais. Disposicións comunitarias. Lei española do medio ambiente. Delicto ecolóxico.

3.4.2. Contidos procedementais

-Identificación, coa axuda de materiais bibliográficos e sobre todo audiovisuais, de problemas ecolóxicos con repercusións a escala mundial e das súas posibles causas.

-Utilización de diversas técnicas de investigación do medio ambiente rural e urbano: cartográficas, documentais, sociométricas, estatísticas e físico-químicas en estudios sinxelos acerca de problemas ambientais próximos ós alumnos e ás alumnas.

-Identificación dalgúns desequilibrios económicos, sociais, culturais, ambientais, etc., subxacentes ó proceso urbanizador.

-Identificación de comportamentos individuais que levan asociados efectos negativos sobre o contorno.

-Elaboración de táboas cos distintos compoñentes do lixo doméstico, e deseño de plans de reciclaxe e de aforro enerxético dentro e fóra da casa ou na comunidade escolar.

-Consulta de distintos documentos lexislativos en materia medioambiental.

-Proposta de diferentes alternativas para resolver algún problema medioambiental, considerando as súas implicacións ecolóxicas e culturais.

3.4.3. Contidos actitudinais

-Toma de conciencia da limitación dos recursos naturais.

-Valoración da importancia do aforro no consumo de luz e de auga no contorno máis próximo.

-Actitude de denuncia e rexeitamento de actividades e de productos contaminantes e degradantes co medio.

-Interese por participar en campañas de recolleita, reciclaxe e reutilización de residuos sólidos urbanos.

-Interese por colaborar coas medidas de recolleita de distintas clases de lixo en espacios adecuados para este fin.

-Valoración da conveniencia de consumir productos envasados con materiais retornables ou reciclables.

-Actitude solidaria cos diferentes grupos e institucións vinculados á defensa do medio ambiente.

4. Criterios de avaliación

-Analiza-las diferentes transformacións que experimentan algúns productos, que nos serven de alimentos, desde o seu lugar na natureza ata a súa comercialización e distribución.

Preténdese comprobar se os alumnos e as alumnas poden establece-las interrelacións existentes entre os recursos naturais e os procesos de transformación e de comercialización.

-Realizar informes acerca do valor nutricional de diferentes dietas, elixindo entre elas a máis idónea.

Trátase de comprobar se os alumnos e as alumnas son capaces de utiliza-los coñecementos nutricionais adquiridos, aplicándoos á mellora ou ó cambio da súa dieta persoal.

-Identifica-las diferencias entre sexualidade e reproducción, así como as diferentes partes e funcións dos aparellos reproductores masculino e feminino, utilizando para iso un vocabulario científico.

Inténtase detectar se os alumnos e as alumnas saben distingui-lo proceso reproductivo, en canto mecanismo de perpetuación da especie, da sexualidade como fenómeno de comunicación afectiva, e se coñecen as diferentes partes dos aparellos reproductores e as súas funcións.

-Relaciona-la estructura e a fisioloxía dos aparellos reproductores co funcionamento dos métodos de control da natalidade.

Con este criterio preténdese avalia-la comprensión que o alumnado ten do funcionamento dos aparatos reproductores e das diferentes técnicas anticonceptivas como un dos medios para unha vivencia responsable da sexualidade.

-Recoñece-los distintos tipos de drogas, relacionándoas coas incidencias que cada unha delas ten sobre a saúde das persoas e sobre as relacións sociais.

Este criterio pretende avaliar en que medida os alumnos e as alumnas coñecen os distintos tipos de drogas e comprenden as consecuencias negativas que, sobre a saúde e a sociedade, teñen as drogodependencias.

-Identificar, ante un problema medioambiental concreto, os riscos ecolóxicos e as implicacións persoais, sociais, culturais e económicas que comporta.

Trátase de comprobar se os alumnos e as alumnas son capaces de comprender que os problemas ecolóxicos son fenómenos complexos nos que interveñen moitos factores, pero que dependen en última instancia das nosas actuacións individuais.

-Propoñer e realizar accións destinadas a resolver ou mellorar unha situación problemática do seu ambiente máis próximo.

Preténdese avalia-la súa capacidade para asumir posturas respectuosas e consecuentes respecto do seu contorno máis próximo.

-Coñecer e valora-los diferentes usos da enerxía ó longo da historia e no momento actual, resaltando a súa importancia en tódolos aspectos da vida.

Trátase de comprobar se o alumnado é consciente da importancia que tivo e ten a enerxía no desenvolvemento da humanidade, así como a que ten, no momento actual, o uso racional dela.

Deseño curricular base

Cultura clásica

1. Introducción

A Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo introduce no currículo da educación secundaria obrigatoria, como materia de oferta obrigada para os centros, polo menos nun curso, cultura clásica.

A educación secundaria obrigatoria ten como finalidade transmitir a tódolos alumnos e alumnas os elementos básicos da cultura, formalos para exerce-los seus dereitos e asumi-los seus deberes, e preparalos para a incorporación á vida activa no seo da sociedade ou acceder a niveis de formación posteriores. Cultura clásica, sen esquece-la pluralidade de necesidades, aptitudes e intereses do alumnado

comprendido entre os doce e os dezaseis anos, debe prestarlles axuda para que, ó remate desta etapa, teñan logrado aqueles obxectivos propios da mesma.

A maior parte dos pobos do Occidente basean a súa cultura na grega e na latina. Como cidadáns, pois, europeos, españois e galegos, estamos todos nós inmersos nesa cultura, transformada nalgúns aspectos, pero viva en case todos. Moitos dos problemas do mundo clásico son os problemas de hoxe e moitas das solucións entón propostas son de total actualidade. O estudio dese pasado clásico debe ser de vital importancia para comprendérmonos a nós mesmos. As comparacións que suscita tal estudio, a continuidade e as diferencias que descobre entre o seu pasado e o seu presente, halles permitir ós alumnos e ás alumnas entender mellor o mundo no que viven.

Ter coñecementos sobre cultura clásica é un soporte fundamental para manter viva a conciencia da nosa identidade histórica. Para comprende-la influencia cultural do mundo clásico, basta unha ollada retrospectiva á historia da nosa civilización. Comprobarase que a cultura clásica foi un constante impulso creador, fermento activo de todo renacemento cultural e en particular do gran Renacemento con que se inaugura a Época Moderna. A tradición clásica, en suma, fixo posible o desenvolvemento da nosa civilización. O seu estudio debe permitir que o alumnado dispoña da perspectiva necesaria para garanti-la liberdade dos seus xuízes e para abrirse a outras culturas.

A cultura grecolatina atópase, como patrimonio común e irrenunciable, na base das manifestacións literarias e artísticas e do desenvolvemento científico e técnico da civilización occidental. Presentar este feito ó alumnado para que, observándoo, viva máis consciente da realidade que lle tocou herdar, é unha das finalidades deste currículo.

Currículo que, malia o seu carácter prescritivo, se concibe como aberto e flexible, como un marco no que os centros educativos e os profesores se moverán para a súa práctica docente. O feito de estar destinado a ser un instrumenio útil para unha sociedade pluralista implica a súa flexibilidade e adaptabilidade ás particulares circunstancias dos alumnos e das alumnas. Entenderase, polo tanto, como unha guía coa que os centros e os seus profesores conducirán ó alumnado polo camiño que o leve á consecución dos obxectivos marcados para este tramo educativo; e será, así mesmo, nos propios centros onde se decidirá como facer ese camiño de xeito que todos avancen aínda que sexa a ritmos diferentes.

2. Obxectivos xerais

A materia de cultura clásica debe contribuír a que o alumnado sexa capaz de:

-Recoñecer en que medida o presente é resultado do pasado.

-Identificar aqueles fenómenos culturais que, partindo do pasado, seguen vivos na actualidade.

-Recoñece-la orixe grecolatina das linguas galega e castelá e das faladas na meirande parte de España e de Europa.

-Identifica-los elementos lingüísticos e culturais que subxacen na cultura europea.

-Utilizar axeitadamente o manexo de fontes antigas diversas, contrastando o seu contido e a súa forma coas fontes modernas.

-Estudia-la lingua latina como instrumento para a adquisición doutras linguas antigas e modernas.

-Recoñece-los elementos básicos da civilización clásica na cultura local, hispánica e europea nas súas diferentes manifestacións.

-Identifica-lo ámbito xeográfico no que se espallou a cultura clásica e como foi evolucionando ó longo do tempo.

-Comprender e disfrutar daqueles fenómenos da cultura grecolatina que seguen conformando o contorno cultural no que se atopa o alumnado.

3. Bloques de contidos

Os contidos que se establecen neste currículo, necesarios para que se poidan acada-los obxectivos do mesmo, preséntanse distribuídos en tres bloques nos que se integran non só contidos conceptuais, senón tamén contidos procedementais e contidos actitudinais.

Estes contidos permitiranlle ó alumnado coñece-la orixe da súa lingua e utilizala con maior precisión, pois poderá adentrarse na palabra orixinaria e poderá seguila ata a súa forma evolucionada. Deste xeito, mellorando o coñecemento da súa lingua, mellorará tamén a súa capacidade de intervención social.

A través dos contidos poderase inculcarlles ós alumnos e ás alumnas o desexo de investigación para que poidan ve-la presencia do mundo greco-romano nas pontes, nos miliarios, nos nomes dos pobos, nas vías, etc., e para que poidan comprender e valora-la presencia da antigüidade clásica nas múltiples manifestacións culturais de hoxe coa conciencia de que, en boa medida, son o resultado da cultura nacida en Grecia e Roma coas súas transformacións ó longo da historia.

Serán os centros e os propios profesores os que, tendo en conta as particulares circunstancias en que se atopen, farán un desenvolvemento ou concreción posterior acorde coas súas necesidades.

3.1. Os fundamentos da nosa lingua e da nosa cultura

Os contidos deste bloque permitirán que o alumnado adquira uns coñecementos elementais sobre o latín e sobre o grego, de xeito que sexa capaz de recoñece-la orixe grecolatina de case a totalidade das linguas de España e das de gran parte de Europa, logrando ó mesmo tempo, identifica-los elementos lingüísticos comúns entre elas.

Conscientes, tamén, dos vínculos indisolubles entre lingua e cultura, a rendibilidade do estudio de cultura clásica, en tanto que raíz da nosa, será maior co coñecemento, aínda que elemental, da lingua que lle serve de soporte.

3.1.1. Contidos conceptuais

-A Grecia antiga e Roma: marco xeográfico e cronolóxico. Expansión.

-O alfabeto.

-O latín e o grego, linguas flexivas. A flexión nominal, pronominal e verbal.

-Pervivencia das linguas clásicas. Lexemas, prefixos e sufixos de orixe grega e latina nas linguas europeas.

3.1.2. Contidos procedementais

-Localización, no espacio e no tempo, dos fenómenos máis relevantes da civilización grega e da romana.

-Comparación das estructuras morfosintácticas da lingua latina coas do galego e do castelán.

-Identificación de prefixos e de sufixos de orixe latina e grega en textos das linguas galega e castelá.

3.1.3. Contidos actitudinais

-Valoración do coñecemento de nocións fundamentais do latín e do grego para coñecer mellor a lingua propia.

-Interese pola reflexión sobre a lingua como forma de mellora-las propias produccións.

3.2. A romanización de Europa

Cos contidos deste bloque preténdese que os alumnos e as alumnas coñezan como o espírito de Roma se foi infiltrando, pouco a pouco, ata chegar a contaxiar coa súa lingua e coa súa cultura a boa parte de Europa, a case totalidade de Hispania e a Gallaecia enteira.

Non se trata dun mero relato histórico que enrede ós rapaces coa contemplación estática dun pasado sen continuidade, senón que é a ocasión para a participación activa na descuberta e na explicación da herdanza de Roma na que aínda hoxe se está inmerso sen que, en moitas ocasións, se sexa consciente de tal feito.

3.2.1. Contidos conceptuais

-Romanización de Hispania. Gallaecia.

-Topónimos.

-Realizacións arquitectónicas. Restos arqueolóxicos do contorno.

3.2.2. Contidos procedementais

-Lectura de textos clásicos sobre a romanización de Hispania.

-Recoñecemento de topónimos hispanos do contorno de orixe grega e latina.

-Identificación de realizacións arquitectónicas a partir de restos arqueolóxicos e elaboración e interpretación de planos sinxelos.

3.2.3. Contidos actitudinais

-Valoración, respecto e desfrute do patrimonio artístico.

-Interese pola lectura de textos clásicos como medio de aproximación ás orixes da nosa cultura.

3.3. As pegadas do mundo clásico

-A herdanza do mundo clásico non se limita ás obras literarias, arquitectónicas, de escultura, de pintura, etc. Todas estas obras permanecen como

testemuñas perennes dunha determinada concepción da realidade vital. Pero esa realidade vital, esa maneira de enfrontarse coa vida de cada día no seo da sociedade, foi tamén transmitida desde o mundo clásico. Este bloque de contidos debe servir para explicar moitos dos modos de vivir, de pensar e de actuar da sociedade occidental actual.

3.3.1. Contidos conceptuais

-Sistemas políticos. Vida familiar e social.

-A mitoloxía.

-A organización e o cómputo do tempo.

3.3.2. Contidos procedementais

-Identificación dos principais mitos grecolatinos presentes en obras pictóricas, literarias, etc.

-Comparación entre a organización das comunidades clásicas e as do mundo occidental actual.

-Identificación dos fenómenos astronómicos nos que se fundamenta o calendario.

-Establecemento de relacións entre o calendario e a mitoloxía.

3.3.3. Contidos actitudinais

-Curiosidade por coñece-la pervivencia da cultura clásica nas manifestacións da cultura occidental.

4. Criterios de avaliación

-Situar, no espacio e no tempo, os fenómenos máis relevantes da civilización grega e da romana que permanezan vivos no contorno, confeccionando mapas e situando neles o desenvolvemento do imperio romano, as diferentes divisións administrativas de Hispania, as vías de comunicación e os topónimos latinos con especial atención á provincia Gallaecia.

Con este criterio trátase de verificar se o alumnado é quen de situar espacial e temporalmente aqueles fenómenos referidos á cultura clásica, empezando polo contorno máis próximo, tanto no referente a grandes monumentos e obras de arte coma a orixes de pobos e de cidades ou modos de pensar e de actuar. Trátase de avaliar, ademais, a capacidade do alumnado para establecer relacións entre as manifestacións actuais da cultura e as súas raíces, así como a capacidade de comprensión e de producción crítica e razoada de feitos da romanización.

-Identificar, agrupar e caracterizar prefixos e sufixos de orixe latina e grega, e analiza-los helenismos e os latinismos da linguaxe científica e técnica e mesmo da linguaxe habitual, nas linguas galega e castelá.

Este criterio permitirá comproba-la capacidade dos alumnos e das alumnas de recoñece-lo significado e a orixe latina ou grega do léxico galego e castelán, tanto do científico e do técnico, coma do empregado habitualmente. Observarase, así mesmo, o grao de formación lingüística e etimolóxica que adquiriron os alumnos e as alumnas.

-Identifica-los principais cambios no vocalismo e no consonantismo desde o latín ás linguas romances.

Con este criterio preténdese que os alumnos e as alumnas mostren a súa capacidade de comprende-la

evolución dos fonemas desde o latín ás linguas romances. Trátase de que apliquen os elementais coñecementos teóricos aprendidos a palabras nas que sexa facilmente observable a devandita evolución.

-Relacionar semanticamente cultismos e palabras patrimoniais con palabras latinas orixinais.

Este criterio é complementario do anterior, e con el comprobarase se o alumnado capta a dimensión diacrónica da súa lingua a través da análise, da reflexión e da comparación co latín do que procede.

-Aplica-los coñecementos teóricos á resolución práctica de problemas (traducir frases e textos latinos sinxelos).

Preténdese con este criterio avaliar se o alumnado é quen de expresar comprensivamente, nas linguas galega e castelán, os conceptos e as formas lingüísticas do latín, e ata que punto a súa formación lingüística lle pode facilita-lo estudio e a aprendizaxe doutras linguas.

-Descubrir, nas obras de creación das diferentes épocas da cultura occidental, os principais mitos grecolatinos e os distintos estilos arquitectónicos, escultóricos e pictóricos do mundo clásico.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado é quen de descubrir como a mitoloxía grecolatina, a arquitectura e a pintura clásicas permaneceron, xa sexa sen alteracións ou xa sexa con transformacións, na creación artistica ó longo da historia da cultura occidental.

-Recoñecer determinados costumes de hoxe ou tradicións aínda vivas á luz de textos ou situacións do mundo clásico.

Preténdese observa-la capacidade de comprensión, do alumnado, daqueles fenómenos culturais ou modos de comportarse actuais que teñen a súa raíz no pasado clásico.

Deseño curricular base

Iniciación profesional á electricidade

e á electrónica

1. Introducción

Desde hai pouco máis dun século, a electricidade é esencial no desenvolvemento industrial e na vida cidadá. O conxunto das súas aplicacións así como as derivadas da electrónica están presentes, cunha importancia crecente, nos diversos ámbitos da actividade humana. É, polo tanto, importante aproximar e familiariza-los alumnos e as alumnas cunha forma de enerxía e coas súas aplicacións, que usarán de cotío ó longo da súa vida.

Por outra banda, o extenso conxunto de opcións formativas e profesionais ligadas á electricidade e á electrónica, xa sexa porque teñen como base os coñecementos relativos a este campo, ou porque precisan das súas aplicacións para o seu desenvolvemento, fan que os contidos desta materia sexan especialmente adecuados para facilita-la transición dos alumnos e das alumnas, que así o desexen, ó mundo laboral. Polo tanto é importante fomentar neles actitudes relacionadas coa asistencia, a puntualidade, o rendemento, a responsabilidade na tarefa, o respecto polas normas de seguridade, etc.

Aínda que a materia se decanta como unha iniciación profesional, contempla tanto os aspectos que contribúen ó desenvolvemento das capacidades xerais citadas nos obxectivos da etapa, como os que proporcionan ós estudiantes unha visión xeral do campo da actividade relacionada coa electricidade e a electrónica. Isto facilitarálle-la elección dos estudios posteriores de formación profesional específica que mellor se adecúen ás súas expectativas, capacidades e aptitudes.

As interrelacións entre o que ensinar e o como ensinar son moi estreitas no caso da electricidade-electrónica. Os contidos seleccionados son os básicos para unha materia de iniciación, na que os contidos de carácter procedemental teñen unha grande importancia para unha adecuada orientación profesional. Os estudiantes deben coñecer, manexar, usar e coida-las ferramentas e instrumentos máis comúns da profesión, así como coñece-los compoñentes comerciais e algunhas das súas características fundamentais, observando as normas de seguridade nas prácticas que realicen. Pero a aprendizaxe dos contidos procedementais non debe reducirse a unha simple clase de prácticas, senón que haberá que ter en conta o importante papel que xogan procedementos tales como a realización de montaxes previas e a observación dos fenómenos, ós que será preciso recorrer para chegar á conceptualización e á formalización.

É importante sinalar que a coordinación desta materia coas áreas de tecnoloxía e de ciencias da natureza pode facilita-la resolución dunha das primeiras dificultades coa que se atopan os estudiantes, como é o uso dun vocabulario específico; o seu dominio favorecerá o progreso na aprendizaxe e a precisión e a eficacia na comunicación. Por outra parte, o uso de técnicas de cálculo para a determinación de valores de distintas magnitudes eléctricas non é imprescindible, bastando con que se estimen valores aproximados. Os estudiantes deben coñecer algúns compoñentes básicos e comprender que existen unhas certas características que os diferencian entre si e que, polo tanto, cada compoñente ten uns límites de traballo que non deben ser superados.

Hai unha serie de principios que favorecen o logro de aprendizaxes significativas e que convén ter presentes á hora de deseña-la metodoloxía a empregar como son: a motivación dos estudiantes, o establecemento de conexións entre os coñecementos previos dos alumnos e das alumnas e os novos contidos, a realización de actividades axeitadas para fixar estas conexións e a utilización do aprendido nun contexto real.

A progresión dos estudiantes na materia irá desde a adquisición dunha perspectiva xeral, na que o máis importante sexa a análise cualitativa, ata centrarse máis no cálculo de magnitudes e chegar a un afondamento nas distintas aplicacións específicas da electricidade e da electrónica, o que se pode facer a través do método de proxectos. A concepción dun proxecto final máis ambicioso será outra posibilidade a ter en conta. Neste caso fomentarase a diversidade dos proxectos entre os distintos grupos de traballo. Iso permitirá, por un lado, mostrarlles que existe unha ampla variedade de opcións dentro do campo da electricidade-electrónica e, por outro, atende-la pluralidade de intereses dos distintos alumnos e

alumnas do grupo. En todo caso procurarase que as actividades, os materiais utilizados e as instalacións se aproximen o máis posible ás características que estes elementos teñen no mundo laboral.

Calquera que sexa o nivel de afondamento alcanzado noutros aspados hai que subliña-la importancia que debe te-lo compoñente de orientación profesional da materia. Os alumnos e as alumpas deben coñece-las distintas categorías profesionais do sector, como se accede a cada unha delas, as posibilidades de emprego nas grandes e nas pequenas empresas, etc., para o que se debe fomenta-la relación co contorno. As visitas programadas, as investigacións do alumnado e as aportacións de profesionais do sector son recursos que non se deben esquecer.

2. Obxectivos xerais

Como resultado do proceso de ensinanza-aprendizaxe, os alumnos e as alumnas desenvolverán as seguintes capacidades:

-Achegarse ó mundo do traballo e da empresa, e descubri-las posibilidades que ofrece o campo da electricidade e da electrónica de cara ó futuro profesional.

-Coñecer e utilizar algúns compoñentes, algunhas ferramentas propias da profesión, as precaucións a adoptar no uso das mesmas e as repercusións medioambientais que se derivan, aplicando os coñecementos e procedementos de traballo propios do campo profesional da electricidade e da electrónica.

-Identificar, formular e resolver situacións problemáticas, utilizando estratexias de análise e de síntese, e valorando a importancia do traballo técnico e manual.

-Expresarse con linguaxe técnica específica, tanto oral coma escrita, en diversos contextos para comunica-las ideas e decisións adoptadas, apoiándose, cando sexa preciso, no emprego de gráficos e esquemas axeitados.

-Desenvolve-la confianza e a capacidade de intervención autónoma en situacións prácticas, tomando conciencia dos propios valores e capacidades, en relación con posibles opcións relacionadas co corpo profesional da electricidade-electrónica.

3. Bloques de contidos

Os contidos preséntanse agrupados en bloques que seguen fundamentalmente a estructura da materia. A orde na que aparecen os bloques e os contidos dentro de cada un deles non presupón ningunha futura secuencia de unidades didácticas, que o profesor terá que elaborar seleccionando contidos pertencentes a un ou a varios bloques.

Preséntanse os tres tipos de contidos: conceptuais, procedementais e actitudinais. Os contidos conceptuais están relacionados cos feitos, conceptos e principios que os alumnos deben coñecer da materia; é dicir, fan referencia ó saber. Os contidos procedementais están relacionados cos procedementos, as técnicas, as habilidades, etc.; fan referencia, polo tanto, ó saber facer. Os contidos actitudinais están relacionados coas actitudes, valores e normas; fan referencia ó ser.

3.1. Electricidade e magnetismo

Os contidos aqui recollidos permitirán ir introducindo os alumnos e as alumnas no campo da electricidade e da electrónica. Débese prestar especial atención ó uso do vocabulario específico da materia, imprescindible para unha boa comunicación entre o profesor e os estudiantes.

Considérase importante o traballo sobre os seguintes aspectos: o papel do electrón en relación coa corrente eléctrica; as diferencias existentes entre os distintos tipos de correntes eléctricas; a interdependencia existente entre as tres variables básicas no campo da electricidade-electrónica como son a intensidade de corrente, a diferencia de potencia e a resistencia eléctrica; o papel desempeñado polo xerador no mantemento da corrente eléctrica nun circuíto; os efectos que produce o paso de corrente eléctrica ó través do corpo humano; as diferentes orixes dos campos magnéticos e a obtención de enerxía eléctrica a partir de campos eléctricos variables.

3.1.1. Contidos conceptuais

-O electrón e os modelos de enlace nos sólidos.

-Magnitudes e unidades básicas: intensidade de corrente, diferencia de potencial e resistencia eléctrica.

-Tipos de correntes: continua pura, continua pulsada e alterna.

-Perigos da corrente eléctrica.

-Magnetismo: imáns e electroimáns.

-Inducción electromagnética. Alternadores, motores e transformadores. Producción de enerxía eléctrica.

3.1.2. Contidos procedementais

-Realización de montaxes eléctricas sinxelas con pilas ou xeradores e resistencias.

-Identificación de accións magnéticas entre diferentes imáns, utilizando limaduras de ferro para visualizalas.

-Producción de accións magnéticas con correntes eléctricas, comparando os efectos da corrente cos producidos polos imáns naturais.

-Construcción dun pequeno alternador e identificación do modo en que se aproveita o fenómeno de inducción magnética para producir corrente eléctrica.

-Identificación das forzas que actúan sobre as correntes eléctricas sometidas a accións magnéticas e aplicación a un motor eléctrico.

-Medición de distintas magnitudes eléctricas e selección dos instrumentos axeitados.

3.1.2. Contidos actitudinais

-Interese pola planificación e a realización dos traballos de forma ordenada e metódica, participando nas tarefas de equipo, aportando e respectando as iniciativas persoais.

-Respecto e responsabilidade polo manexo de ferramentas, aparellos e fenómenos eléctricos, tanto no que se refire á seguridade como á súa conservación ou emprego axeitado.

-Interese pola observación cualitativa e cuantitativa de fenómenos naturais empregados na tecnoloxía, valorando criticamente e tomando conciencia da incidencia da innovación tecnolóxica no ámbito do traballo e do medio ambiente.

3.2. Instrumentación

Os contidos deste bloque permitirán, por un lado, que o alumno e a alumna se vaian familiarizando co manexo das ferramentas básicas empregadas nos campos da electricidade e da electrónica, tanto desde o punto de vista do traballo ben feito coma da seguridade persoal e, por outro lado, que se inicie no coñecemento e manexo de dous dos instrumentos de medida e visualización máis utilizados: ó polímetro e o osciloscopio. Deberá atenderse ás distintas formas de conexión dun polímetro en cada un dos distintos campos de medida e ás normas utilizadas para minimizar no posible os erros de medida, así como ás normas de protección do aparello e á posibilidade de visualizar ondas eléctricas co osciloscopio, utilizándoo como instrumento de medida.

3.2.1. Contidos conceptuais

-Ferramentas básicas da profesión: tesoiras, pelacables, etc.

-O polímetro. Constitución e características básicas. Medida de resistencias, de intensidades e de diferencias de potencial. Precaucións a tomar no seu manexo.

-O osciloscopio. Constitución. Tubos de raios catódicos: placas deflectoras. Visualización de ondas. Medidas de tensións.

3.2.2. Contidos procedementais

-Medición, co polímetro, de diferencias de potencial e intensidade en circuítos eléctricos, seleccionando adecuadamente escalas e magnitudes.

-Utilización de ferramentas básicas para a montaxe de circuítos eléctricos.

-Realización de medicións de tensións continuas e pulsadas co osciloscopio.

-Visualización de distintos tipos de sinais de correntes variables no tempo, calculando os seus parámetros e efectuando medicións de sinais senoidais.

3.2.3. Contidos actitudinais

-Interese polo rigor na obtención e na análise de medidas directas e na revisión sistemática de montaxes e procedementos cando non se corresponden cos valores esperados.

-Responsabilidade durante o manexo de instrumentos, respectando as normas de uso e seguridade.

3.3. Compoñentes básicos e simboloxía

Cabe resaltar neste bloque que os compoñentes básicos son a clave en toda configuración práctica de circuítos eléctricos ou electrónicos, sendo fundamental o seu coñecemento. Os aspectos fundamentais son: a diferencia de comportamento dos materiais conductores e dos illantes; os límites propios de traballo de cada compoñente e a normalización dos seus valores comerciais; a identificación de cada compoñente cun símbolo propio; a variación

do comportamento dos compoñentes en función de determinados estímulos externos, tales como a luz e a temperatura e a modificación no comportamento dun circuíto ó cambiar un compoñente.

3.3.1. Contidos conceptuais

-Conductores e illantes. Resistencias. Características: NTC, PT, C, LDR. Aplicacións.

-Condensadores. Características e tipos. Valores normalizados e identificación. Condensadores electrolíticos.

-Bobinas: características e funcións nun circuíto.

-Simboloxía.

3.3.2. Contidos procedementais

-Identificación dos tipos e valores normalizados mediante a lectura axeitada de códigos para resistencias e condensadores de uso comercial, expresando a súa tolerancia de fabricación.

-Realización de montaxes sinxelas a partir da interpretación de esquemas, analizando os distintos comportamentos dos compoñentes (resistencias, condensadores e bobinas), en circuítos sinxelos de corrente continua e corrente alterna.

-Elaboración de esquemas gráficos de circuítos elementais a partir de montaxes xa realizadas ou comerciais, tipificando axeitadamente tódolos seus compoñentes.

3.3.3. Contidos actitudinais

-Interese pola planificación e a axeitada realización de tódolos traballos na montaxe de circuítos, valorando a pulcritude e o correcto acabado das produccións, tanto propias coma alleas.

-Valoración da importancia das normas, convenios e técnicas básicas para a representación gráfica e lectura de montaxes eléctricas, como medio para a comunicación e difusión dos coñecementos tecnolóxicos.

-Interese por adoptar unha actitude investigadora e reflexiva para analizar comportamentos en distintas configuracións de montaxes eléctricas ou electrónicas.

3.4. Circuítos

O estudio da intensidade e do potencial nos circuítos eléctricos leva ós conceptos de traballo e de potencia, permitindo aborda-la análise das transferencias e das transformacións de enerxía nestes dispositivos.

Todo isto posibilita a predicción e, coa súa montaxe, a confirmación dos efedos buscados e/ou producidos nas instalacións eléctricas de tipos máis usuais.

3.4.1. Contidos conceptuais

-Circuítos en serie, en paralelo e mixtos.

-Potencia e enerxía eléctrica.

-Instalación eléctrica tipo: puntos de luz, tomas de corrente, elementos de conducción e distribución, de medida, de protección e de accionamento.

-Transferencia de enerxía e tarifación do consumo.

3.4.2. Contidos procedementais

-Realización de circuítos, identificando as distintas situacións e as súas características.

-Elaboración de informes sobre a utilización da electricidade, no contorno do alumnado en aplicacións prácticas das transferencias de enerxía.

-Realización, a pequena escala, dunha instalación eléctrica doméstica, utilizando elementos reais e identificando a función dos distintos mecanismos que interveñen nela, confeccionando o presuposto da instalación e tarifando o seu consumo.

3.4.3. Contidos actitudinais

-Interese por traballar de forma ordenada e metódica, planificando as tarefas con antelación suficiente.

-Interese por coñece-las diferentes solucións dadas a unha situación-problema concreta.

-Valoración da importancia do esmero e da pulcritude na confección de informes.

-Interese pola observación e a análise de semellanzas e diferencias entre as realizacións de aula e as prácticas industriais típicas no contorno dos alumnos e das alumnas.

3.5. Soldadura branda

A soldadura é o procedemento de unión dos elementos que constitúen os circuítos electrónicos e o medio de conexión nos circuítos impresos. O coñecemento dos materiais utilizados na realización da soldadura branda e os procedementos para a súa correcta realización son esenciais para a axeitada execución das montaxes eléctricas ou electrónicas.

3.5.1. Contidos conceptuais

-Soldadura branda. Utensilios empregados: soldador, desoldador, elementos de fixación. Materiais utilizados: material de aportación, estaño, aliaxes, fundentes-desoxidantes. Normas básicas.

-Soldadura en fíos e cables.

-Circuítos impresos. Características e compoñentes. Preparación e realización do circuíto.

3.5.2. Contidos procedementais

-Realización de soldaduras e desoldaduras, comprobando a súa terminación e resposta.

-Desoldado de compoñentes en circuítos impresos.

-Realización dun circuíto impreso en tódalas súas etapas e montaxe dos seus compoñentes.

3.5.3. Contidos actitudinais

-Interese polo coidado na realización de soldaduras en circuíto impreso, analizando na montaxe os posibles fallos que se poidan producir.

-Sensibilidade cara ó aproveitamento racional de materiais e a súa reciclaxe.

3.6. Semiconductores

Basicamente preténdese que os alumnos e as alumnas coñezan, a un nivel elemental, as aplicacións

máis características do díodo e do transistor, especialmente a súa capacidade de resposta binaria.

3.6.1. Contidos conceptuais

-Díodo. A rectificación.

-Transistor. Interrupción e amplificación.

-Circuítos integrados.

3.6.2. Contidos procedementais

-Montaxe dun circuíto rectificador analizando, por medio da visualización oscilográfica, as formas de onda.

-Montaxe dun circuíto cun amplificador básico analizando, por medio da visualización oscilográfica, as ondas de entrada e saída.

-Montaxe dun transistor que funcione como interruptor nun circuíto.

3.6.3. Contidos actitudinais

-Valoración crítica da incidencia da innovación tecnolóxica nos campos da electricidade e da electrónica.

-Interese por investigar, mediante o emprego dos dispositivos estudiados, a forma en que incide a innovación electrónica na busca de solucións novidosas a pequenos problemas da vida cotiá.

3.7. Orientación profesional

Mediante a orientación profesional, que debe presidir todo o desenvolvemento da materia, trátase de que os alumnos e as alumnas acaden uns coñecementos básicos sobre o sector do mundo laboral relacionado coa electricidade e a electrónica, como son a súa estructura, os distintos perfís profesionais que o compoñen, as posibilidades de traballo etc. Trátase, igualmente, de que coñezan os diversos itinerarios profesionais e valoren a importancia que ten a elección daquelo que mellor se adecúe ás súas expectativas, posibilidades e limitacións, para a súa futura inserción no mundo do traballo.

3.7.1. Contidos conceptuais

-Itinerarios formativos e de inserción laboral.

-Familia profesional de electricidade-electrónica.

-Catálogo de títulos profesionais.

-Ciclos formativos do sector. Requisitos de entrada e niveis

-As categorías profesionais no mundo laboral e a súa relación cos ciclos formativos e outros estudios. Tarefas máis comúns. Responsabilidades. Salarios.

-As distintas profesións vistas polos seus profesionais.

3.7.2. Contidos procedementais

-Elaboración de informes sobre posibles itinerarios formativos que satisfagan as propias expectativas.

-Busca de información relativa ós diversos aspectos relacionados coas distintas categorías profesionais

-Realización dun seguimento, a través da prensa, das ofertas e demandas de emprego relacionadas co sector e elaboración de comunicacións a través de entrevistas con distintos profesionais.

3.7.3. Contidos actitudinais

-Valoración das normas que rexen o mundo do traballo: asistencia, puntualidade, rendemento, etc.

-Valoración do traballo como un ben en si mesmo, como medio de desenvolvemento das propias capacidades, como elemento de satisfacción persoal e como factor de integración social.

4. Criterios de avaliación

-Utilizar con propiedade o vocabulario básico específico da materia.

Con este criterio trátase de avaliar se os alumnos e as alumnas asimilaron os conceptos básicos referidos á materia, como a diferencia de potencial, a intensidade de corrente, etc., así como se son capaces de identificar e utilizar correntemente as distintas unidades das magnitudes básicas.

-Describi-los fenómenos magnéticos asociados a toda corrente eléctrica, así como os fenómenos eléctricos asociados ó magnetismo, valorando a súa aplicación na vida cotiá.

Trátase de saber se os alumnos e as alumnas alcanzaron un determinado nivel de coñecementos acerca da interdependencia entre correntes eléctricas e campos magnéticos que lles permita asociar esta idea ó funcionamento de diversos dispositivos como poden se-los motores, alternadores, transformadores, altofalantes, etc.

-Utiliza-los elementos de medida para determinar valores de magnitudes eléctricas e para facer comprobacións nas distintas montaxes que se realicen.

Trátase de avaliar se os alumnos e as alumnas saben utiliza-los instrumentos axeitados e de forma correcta nun circuíto, en función da magnitude a medir. Tamén se trata da avaliar se elixen correctamente a escala adecuada para minimizar, no posible, o erro que toda medida leva consigo.

-Recoñece-los distintos tipos de circuítos existentes e explica-lo seu comportamento cando se inclúen ou eliminan algúns dos seus elementos.

Con este criterio inténtase avaliar se os alumnos e as alumnas recoñecen circuítos en serie e en paralelo, así como se son capaces de predici-los distintos comportamentos dos mesmos cando se inclúen ou eliminan determinados elementos, caso de resistencias ou determinado tipo de receptores.

-Analiza-lo fenómeno da producción de calor, asociado a toda corrente eléctrica, e as súas repercusións nos dispositivos e montaxes.

Con este criterio trátase de apreciar se os alumnos e as alumnas coñecen, na súa dobre vertente, un dos fenómenos máis coñecidos dos asociados ás correntes eléctricas, como é o da producción de calor. É dicir, se relacionan unha disipación excesiva con danos no circuíto e se entenden a necesidade de incluír elementos protectores que eliminen este risco.

-Utilizar correctamente as ferramentas máis comúns da profesión na execución dos distintos traballos propostos, así como mantelas en perfecto estado.

Trátase de comprobar se os alumnos e as alumnas coñecen as posibilidades de utilización das ferramentas máis comúns, se as utilizan de forma axeitada e se poñen en práctica as normas de conservación das mesmas.

-Realizar distintos tipos de unión de compoñentes en circuítos eléctricos e electrónicos.

Con este criterio trátase de avaliar se os alumnos e as alumnas utilizan as posibles formas de unión dos compoñentes dun circuíto e se as unións realizadas cumpren as normas de seguridade. Prestarase especial atención á execución de unións soldadas.

-Deseñar e construír un modelo de instalación eléctrica doméstica, utilizando elementos comerciais, de acordo cunhas especificacións previamente estipuladas, confeccionando o orzamento correspondente e estimando as tarifas de consumo.

Con este criterio trátase de avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para planificar tarefas, resolver problemas e traballar en equipo. Isto supón a previsión no deseño e a correcta montaxe de tódolos elementos de medida, protección e demais mecanismos necesarios para cumpri-las especifcacións propostas.

-Elaborar un posible itinerario formativo para acadar unha determinada categoría profesional no campo da electricidade-electrónica.

Trátase de avaliar se os alumnos e as alumnas son capaces de relaciona-las esixencias das distintas categorías coa formación acadada nos diversos niveis do sistema educativo, de acordo coa información dispoñible.

Deseño curricular base

Iniciación profesional marítima

1. Introducción

Historicamente a actividade marítima tivo, e ten na actualidade, unha extraordinaria importancia na cultura e no desenvolvemento da zona costeira da nasa Comunidade Autónoma. Existe un elevado número de familias relacionadas directa e indirectamente co transporte, a extracción marítima e a súa estreita vinculación coas diferentes industrias afíns, tales como as de construcción e reparación naval, a manipulación e o procesado dos productos do mar, as industrias de cordelería, cordame, equipos de pesca, seguridade, etc.

Os conceptos Galicia e o mar forman unha asociación de ideas inevitable. A presencia do mar para a poboación galega é unha referencia constante que o contempla como un destino profesional, cultural e formativo.

Sen embargo, non existiu unha preocupación por conservar e protexe-los recursos e o medio mariño, sen control ningún para a explotación dos mesmos. Boa parte de responsabilidade de que isto sexo así tena, por un lado, a tradicional mentalidade de que o mar é de todos, e por outro, que para vivir do mar, nas súas diferentes áreas productivas, non facía falta, ata hai pouco tempo, ningunha ou moi pouca preparación especial.

Tamén é importante resaltar que a formación mariñeira, eminentemente técnica, esquécese de que os xoves e as xoves, que se acercan a ela para ter posteriormente un posto de traballo, necesitan tamén

unha formación integral que, á marxe da especialización concreta, capacite o individuo para desenvolverse cultural e inteleclualmente na sociedade.

Esa formación técnica quedou insuficiente para facer fronte ós cambios económicos, tecnolóxicos e sociais, que presentan situacións absolutamente novas e complexas na transición dos xoves á vida activa e adulta. Actualmente, nesa formación é fundamental ter coñecementos en novos eidos, tales como: a seguridade no traballo, o coñecemento dos recursos pesqueiros e a súa axeitada explotación, o tratamento e manipulación dos productos extraídos, a orientación no mundo laboral, etc.

En definitiva, o mundo do mar, e principalmente o sector marítimo galego, necesitan profesionalizarse, o que xustifica unha formación de base no eido marítimo, dentro do segundo ciclo da ESO, que permita ós alumnos e ás alumnas unhas maiores posibilidades e que garante o respecto cara a un medio de riqueza para a nosa comunidade como é o mar.

Os contidos seleccionados contribuirán a: dar resposta á diversidade educativa a través dos centros marítimo-pesqueiros, facilita-la transición á formación profesional específca marítimo-pesqueira nas súas distintas especialidades, ter acceso directo a toda formación ocupacional marítimo-pesqueira, ter posibilidades de acceso á inserción profesional mediante o primeiro embarque en todo tipo de buques, ser seleccionado nas filas do continxente da Armada para realiza-lo servicio militar, facilita-la práctica de actividades deportivas, subacuálicas, acuícolas, etc.

Frecuentemente, os alumnos e as alumnas carecen dunha axeitada orientación escolar e profesional, que canalice os seus intereses e capacidades cara á vida activa e adulta. A este factor cabe engadi-lo descoñecemento que a miúdo existe sobre o valor social que ten o mundo empresarial e laboral. Á súa vez, a diversificación do mercado de traballo e a propia dificultade de acceso a unha primeira ocupación dificultan a consecución da súa autonomía persoal. Estes e outros factores poden conducir a unha situación de desmotivación, inseguridade e desorientación nun momento no que deben tomarse decisións persoais que van condiciona-lo seu futuro.

A orientación cara ó medio laboral e formativo debe concibirse como un ámbito no que exercitar e desenvolve-la observación do propio contorno, famentar e poñer en práctica a capacidade de iniciativa e introduci-los xoves e as xoves no coñecemento de oficios e profesións relacionados co mar, os seus sistemas de formación e o acceso ós mesmos, aportando os elementos de orientación escolar e profesional que os alumnos e as alumnas requiren e os coñecementos e experiencias que fundamenten dita orientación.

Esta materia optativa contribúe ó desenvolvemento e á potenciación da relación entre o centro educativo e o seu contorno económico, laboral e sociocultural. Ademais, terá o obxectivo específico de facilitarlle ó alumnado a transición á vida activa e á orientación profesional, mediante unha oferta de contidos e actividades de iniciación a campos propios da formación profesional específica.

2. Obxectivos xerais

A ensinanza-aprendizaxe de «iniciación profesional marítima» contribuirá a que os alumnos e as alumnas adquiran as seguintes capacidades:

-Coñecer e identifica-la nomenclatura e as características das partes principais dos buques e do equipamento principal da cuberta e colaborar no seu mantemento, utilizando correctamente os equipos e ferramentas de traballo.

-Coñecer e comprende-las tarefas básicas do manexo e goberno dun buque, valorando a capacidade de organizar e de organizarse no traballo a bordo, coñecendo as relacións laborais no medio e asumindo as súas responsabilidades individuais na execución das tarefas encomendadas, con actitude de cooperación, tolerancia e solidariedade.

-Comprende-la importancia da hixiene tanto a nivel persoal como no tratamento, manipulación e conservación dos productos tratados no buque, tomando as precaucións necesaroias e respectando as normas de seguridade.

-Valora-la importancia da conservación do medio mariño, interesándose pola protección dos recursos e o mantemento do equilibrio ecolóxico, valorando o medio como fonte de riqueza e de lecer.

-Analizar, distinguir e desenvolver coñecementos teórico-prácticos sobre seguridade a bordo e supervivencia no mar.

-Manter unha actitude de indagación e de curiosidade por coñece-las características e demandas do seu contorno socioeconómico local e comarcal, interesándose por participar no desenvolvemento do mesmo con autonomía e senso da iniciativa.

-Obter, seleccionar e interpretar información da actividade marítima en xeral, utilizándoa de forma autónoma e crítica de acordo co fin perseguido, e comunicárllela ós demais de maneira organizada e intelixible.

3. Bloques de contidos

Para desenvolve-las capacidades que se pretenden nos obxectivos xerais desta materia é preciso recompila-los coñecementos básicos, procedentes dos distintos campos e sectores marítimos, en grandes bloques que estean en consonancia cos compoñentes básicos do saber marítimo.

Os bloques de contidos non implican ningún tipo de secuencia, é o equipo docente o que decidirá como secuencialos e distribuílos.

Na introducción a cada bloque preséntase algúns dos aspectos, que se pretende que os alumnos e as alumnas acaden, mediante o traballo cos contidos conceptuais, procedementais e actitudinais. Todos eles deberán ser contemplados no desenvolvemento curricular mediante as actividades de ensinanza-aprendizaxe.

3.1. O buque: características e elementos

A actividade marítima ten sempre como referencia o propio buque. O seu coñecemento abórdase cos contidos deste bloque, desde as partes das que se

compón e as súas características principais, pasando polo recoñecemento da cuberta como medio de traballo e de manexo dos cabos, ata as artes e os aparellos que un buque pode ter.

3.1.1. Contidos conceptuais

-O buque: nomenclatura e características principais.

-Equipamento de cuberta e elementos fixos e móbiles.

-Cabos, cables, cadeas, áncoras e rixóns.

-Artes e aparellos de pesca.

3.1.2. Contidos procedementais

-Identificación de distintos tipos de buques e dos elementos que os compoñen.

-Análise e descrición funcional de equipamentos e de utensilios, que pode haber nun buque, mediante a aplicación das técnicas necesarias.

-Identificación, utilización e mantemento dos nós, cabos e cables máis axeitados en cada circunstancia.

-Identificación, utilización, mantemento e construcción dalgúns tipos de artes e aparellos de pesca máis utilizados no litoral galego.

-Resolución de problemas técnicos sinxelos mediante a análise da situación e a consulta de fontes documentais.

3.1.3. Contidos actitudinais

-Confianza nas propias capacidades para alcanzar resultados útiles ante os problemas prácticos, e curiosidade por coñece-los diferentes tipos de solucións dadas nun mesmo caso ou problema técnico.

-Disposición e iniciativa persoal para organizar e participar solidariamente en tarefas de equipo, e curiosidade e respecto de cara ás ideas, valores e solucións técnicas aportadas por outras persoas.

-Valoración da formación como elemento de enriquecemento persoal e para o desenvolvemento profesional.

-Actitude ordenada e metódica no traballo, planificando con antelación as tarefas e perseveranza ante as dificultades e obstáculos encontrados.

3.2. Manexo, goberno, conservación e precaucións no buque

Os contidos deste bloque fan referencia á importancia das funcións e tarefas básicas a bordo dun buque. Preténdese que os alumnos e as alumnas coñezan as manobras esenciais que se realizan no buque, o comportamento nos labores de serviola e vixilancia, o temón e o telégrafo, a lectura de rumbos e as ordes ó temoneiro, a conservación da madeira e o ferro, etc., ademais das precaucións xerais durante a realización das distintas actividades para evitar accidentes.

3.2.1. Contidos conceptuais

-Manobras de cuberta, de atracada e de fondeo: elementos e accesorios que interveñen e ordes e voces máis utilizadas.

-Temón, telégrafo e máquinas: descrición, manexo, gardas e funcións.

-Os rumbos: agulla xiroscópica e agalla magnética.

-As luces de situación do buque.

-Conservación do buque: pintado e mantemento, utensilios de limpeza e armado de guindolas.

-Normas de seguridade.

3.2.2. Contidos procedementais

-Identificación da función da agulla náutica, do indicador de pa e dos demais elementos relacionados co goberno do buque que sexan de interese para o temoneiro.

-Interpretación das ordes durante as manobras, lectura de rumbos e ordes ó temón, identificando a diferencia e utilidade entre unhas e outras.

-Descrición funcional de simulacións de atracada, desatracada e fondeo, desenvolvéndoo sobre o papel e indicando e secuenciando tódolos elementos que interveñen nas manobras.

-Identificación dos utensilios e métodos de conservación e de limpeza do buque.

-Elaboración de informes sobre as funcións do mariñeiro e as precaucións máis importantes a ter en conta durante os distintos traballos e tarefas a bordo, consultando fontes de información escrita.

3.2.3. Contidos actitudinais

-Interese por realizar traballos sobre as distintas manobras a bordo, valorando a importancia das funcións de serviola e temoneiro e o seu comportamento durante a garda.

-Toma de conciencia dos problemas ocasionados polos accidentes laborais a bordo e sensibilización por toma-las medidas de prevención oportunas.

-Respecto polas normas de convivencia, fomentando actitudes receptivas e dialogantes fronte ós puntos de vista dos demais.

3.3. O regulamento e orientación laboral marítima

Este bloque trata de darlle ó alumno ou á alumna unha axeitada formación laboral, que se axuste ó ámbito no que poden desenvolve-lo seu traballo. Polo tanto, é necesario coñecer basicamente o regulamento laboral vixente relacionado co sector marítimo, as súas abrigas e dereitos, as modalidades de contratación, tipos de retribución e outras características que sexan de importancia no sector laboral marítimo e as saídas que existan cara á inserción profesional.

Potenciaranse charlas, debates e elaboración de informes escritos, que faciliten o coñecemento e proxección das distintas actividades de recreo, deportivas e subacuáticas, e que contribúan a aclarar expectativas de cara á posterior integración do alumnado na vida social e activa.

3.3.1. Contidos conceptuais

-O cadro orgánico. Funcións do mariñeiro.

-A normativa xeral da regulamentación laboral vixente: as obrigacións e dereitos do mariñeiro.

-Documentación e profesión do mariñeiro. Tramitación dos documentos máis importantes.

-O contrato de traballo e contrato de embarque: modalidades e outras formas retributivas.

-Réxime especial da Seguridade Social do mar.

-A orientación laboral e formativa.

-A busca de emprego: técnicas, estratexias e instrumentos.

-As saídas formativas e profesionais.

-As distintas actividades de recreo ou deportivas e subacuáticas: coñecemento breve das mesmas e perspectivas.

3.3.2. Contidos procedementais

-Interpretación das funcións respecto do cadro orgánico e especialmente das súas obrigacións en caso de emerxencia.

-Descrición dos dereitos e obrigacións dos mariñeiros de acordo co regulamento laboral vixente en relación co sector marítimo.

-Elaboración da relación de requisitos necesarios para acceder por primeira vez a un buque, e identificación das distintas funcións que se poden desenvolver segundo o tipo buque no que se poida encontrar.

-Identificación dos tipos de contratos máis habituais que se poidan dar a bordo dun buque, analizando as diferencias entre eles e contrastando as distintas formas retributivas que poden darse no sector marítimo.

-Realización de traballos, utilizando fontes de información adecuadas, sobre os tipos de protección que ofrece a Seguridade Social no réxime especial do mar para a súa categoría profesional.

-Elaboración de todo tipo de documentos relacionados coas técnicas e estratexias de busca de emprego e de promoción formativa, analizando, coa axuda da información pertinente, as saídas profesionais e formativas e as distintas actividades que se poidan dar neste sector.

3.3.3. Contidos actitudinais

-Interese por coñece-los seus dereitos e obrigacións e por te-la súa documentación mariñeira en regra.

-Respecto polas normas de convivencia e tolerancia con peculiaridades individuais, fomentando unha actitude receptiva e dialogante con respecto ós puntos de vista dos demais.

-Interese polo futuro tanto formativo como profesional, apreciando a importancia dunha orientación axeitada cara á actividade profesional ou á actividade formativa.

3.4. Os recursos pesqueiros

Os contidos deste bloque tratan sobre o medio mariño, especialmente sobre a identificación dos recursos pesqueiros e a importancia da súa protección e conservación.

Unha vez coñecidos eses recursos, é necesario saber como se poden manipular, estibar e presentar

no punto de venda as especies que sexan susceptibles de explotación pesqueira, tendo en conta a hixiene, tanto persoal como no medio de traballo.

3.4.1. Contidos conceptuais

-Bioloxía pesqueira.

-A plataforma continental.

-Os productores, consumidores e rexeneradores.

-Productividade.

-Os recursos pesqueiros.

-Principais especies de peixes, crustáceos e moluscos da zona.

-Tallas mínimas das especies principais.

-A sobrepesca.

-Esforzos e rendementos de pesca.

-Selectividade de artes e aparellos.

-A hixiene persoal e do buque.

-Preparación e limpeza da cuberta.

-Os problemas de almacenamento de pescado na cuberta.

-Factores que provocan o deterioro do pescado e medios para evitalos.

-O arrefriado: tipos.

-O xeo: clases.

-Manipulación e estiba do pescado.

3.4.2. Contidos procedementais

-Clasificación e identificación de animais e de plantas do medio mariño, analizando a reproducción das distintas especies para comprende-los problemas da sobrepesca.

-Contraste de artes e de aparellos para realizar unha axeitada explotación dos recursos mariños.

-Elaboración e difusión de traballos, consultando fontes bibliográficas, sobre aparellos e artes de pesca, e sobre animais e plantas do medio mariño, para fomentar comportamentos de protección e de conservación do medio e das especies que nel habitan.

-Planificación e realización de actividades sobre a manipulación, conservación e estiba do pescado a bordo dun buque.

-Identificación e análise dos factores que poden deteriora-lo pescado e das técnicas que poden evitalo.

3.4.3. Contidos actitudinais

-Interese polos problemas da sobrepesca e da contaminación mariña, sensibilizándose pola protección e conservación do medio mariño.

-Interese pola axeitada manipulación e conservación dos productos da pesca e polos hábitos de hixiene corporal e de prevención de enfermidades.

3.5. A seguridade a bordo e a supervivencia no mar

Este bloque pretende que os alumnos e as alumnas coñezan, manexen e analicen a seguridade a bordo:

seguridade persoal, primeiros auxilios, características dos elementos de seguridade e a supervivencia no mar.

3.5.1. Contidos conceptuais

-A prevención.

-Táboas, símbolos e códigos de salvamento: instruccións.

-As características dos dispositivos e elementos de seguridade.

-Os primeiros auxilios.

-A supervivencia no mar.

-A protección contraincendios.

3.5.2. Contidos procedementais

-Elaboración de informes escritos sobre as condicións xerais de seguridade nas que debe desenvolverse o traballo a bordo, normas de prevención, abandono do buque, supervivencia no mar e as conductas a seguir por un náufrago utilizando os recursos gráficos, a simboloxía e o vocabulario técnico axeitado.

-Utilización e manexo con destreza de cada un dos elementos e dispositivos de seguridade, anticipando os riscos persoais antes da execución da tarefa a realizar.

-Reproducción de accións, asumindo o rol dun determinado grupo de tripulantes que leven a cabo misións de emerxencia segundo o cedro orgánico, avaliando a forma de proceder nos supostos realizados.

-Realización práctica das medidas a tomar no caso de accidente ou lesión dun tripulante, no caso de incendio, abandono do buque, uso da balsa salvavidas e simulacros de mantemento na auga en circunstancias adversas.

3.5.3. Contidos actitudinais

-Respecto polas normas de seguridade a bordo e toma de conciencia dos perigos que entraña o uso dos distintos utensilios e aparellos, así como os riscos do propio buque e o medio no que opera.

-Valoración da importancia da seguridade, en xeral, como medio de protección persoal.

-Actitude emprendedora e confianza na propia capacidade para consumar unha acción de risco a bordo.

-Valoración da importancia de dispoñer dun contorno de traballo ordenado, seguro e saudable.

-Interese polo manexo e mantemento dos dispositivos de seguridade e técnicas de prevención para evitar accidentes a bordo.

4. Criterios de avaliación

-Describi-las partes do buque e a súa cuberta, recoñecendo cada un dos elementos mediante a elaboración e interpretación de esquemas, táboas, gráficos e láminas que permitan unha identificación global de todos eses elementos.

Con este criterio preténdese comproba-lo grao de coñecemento dos alumnos e das alumnas cara á identificación do buque, da súa cuberta e do equipamento principal. A realización de esquemas e gráficos servirá para aprecia-lo grao de coñecemento que os alumnos e as alumnas teñen acerca da composición dun buque.

-Analizar e explora-las características dos distintos cabos, arames, nós, artes e aparellos de pesca, utensilios de manobra e ferramentas de mantemento, levando a cabo a realización funcional de cada un deles mediante a aplicación de diversas técnicas de utilización, manexo práctico e mantemento.

Este criterio pretende valorar se o alumnado é capaz de abordar, con autonomía e de forma metódica, as tarefas habituais coa cabullería dun buque e o manexo dos distintos aparellos e ferramentas. Prestarase especial atención á utilidade, manexo práctico, reparación e mantemento de cada un deses elementos. Valorarase se o alumnado desenvolve as súas habilidades e identifca os erros cometidos, a causa probable dos mesmos e a posible forma de corrixilos.

-Planifica-las tarefas básicas durante a realización das manobras de cuberta, mantemento, conservación e limpeza dun buque, recoñecendo que tipo de elementos interveñen en cada caso e comprendendo o papel que debe desempeñar nas distintas actuacións.

Con este criterio preténdese comprobar que os alumnos e as alumnas teñen a capacidade de diferenciar e de coñece-los tipos de manobras a realizar nun buque como: guindastre, puntais, maquiniñas, cabos e elementos de amarre, cadeas e elementos de fondeo, utensilios e elementos de conservación e mantemento, etc., e interpreta-las ordes e voces que normalmente se utilizan nas operacións de traballo.

-Analizar e describi-las funcións máis importantes durante as operacións de serviola e de vixilancia, realizando unha reproducción do comportamento nas distintas tarefas.

A finalidade deste criterio é a de valorar se os alumnos e as alumnas alcanzaron un nivel de identificación e de coñecemento respecto dos elementos e dispositivos que inflúen nas operacións de serviola e de vixilancia. Trátase pois de comprobar se os alumnos e as alumnas acadaron os coñecementos necesarios sobre o uso das luces de situación dos tipos de buques máis importantes, a agalla magnética e xiroscópica, a interpretación dos rumbos, as gordas de mar e sobre os diversos aparellos utilizados na navegación e na pesca.

-Realizar informes que contemplen aqueles coñecementos fundamentais relativos á regulamentación laboral marítima e á súa organización e seguridade no traballo, ilustrando con exemplos as necesidades en cada caso e os efectos e repercusións que representan ante a actividade laboral marítima.

Este criterio pretende comprobar se o alumnado, a raíz da elaboración de informes, é capaz de sintetizar e de organizar de forma clara aqueles aspectos de maior importancia que lle afecten directa ou indirectamente en relación co medio laboral A realización dos informes comprenderá os procedementos a seguir en relación ós seus dereitos e obrigacións no traballo, os criterios de organización laboral a bordo dun buque, a documentación obrigatoria e os requisitos para obtela, os tipos de retribución, as prestacións sociais, as normas de seguridade laboral a bordo, etc.

-Realizar traballos relacionados coa protección e conservación do medio mariño, valorando a forma axeitada de aproveitamento dos recursos e identificando os animais e plantas máis importantes que o habitan.

Con este criterio preténdese compraba-lo coñecemento que os alumnos e as alumnas teñen sobre o medio mariño e sobre as medidas a tomar para a súa protección e conservación.

-Identifica-los procesos de manipulación e de tratamento dos productos pesqueiros a bordo dun buque, clasificando os métodos de conservación, analizando os factores que producen o deterioro do pescado e valorando a hixiene persoal e no medio de traballo.

Este criterio trata de comproba-lo coñecemento dos alumnos e das alumnas sobre as técnicas de manipulación, conservación e estiba dos productos pesqueiros extraídos, valorando a importancia que ten a hixiene persoal, a hixiene do medio de traballo e a boa presentación do producto ata chegar ó punto de venda, co obxecto de te-la maior rendibilidade posible.

-Desenvolver técnicas de utilización e realización de prácticas cos dispositivos e cos medios de seguridade que ten que levar un buque, identificando os riscos e analizando as prevencións en cada caso.

Con este criterio preténdese que os alumnos e as alumnas estean familiarizados e sensibilizados cos medios e normas de seguridade a bordo dun buque, polo que deben demostrar un axeitado adestramento e recoñecemento dos dispositivos máis importantes (chaleco salvavidas, balsa salvavidas, sinais pirotécnicos, aros salvavidas, extintores, cintos de seguridade, cascos, roupas e calzado axeitado, caixa de urxencias, etc.) e unha interpretación clara das normas e códigos de seguridade máis relevantes (cadro orgánico, táboas de sinais de salvamento, símbolos relativos ós dispositivos e ós medios de salvamento, instruccións de manexo de equipos, normas de rescate de feridos, etc.).

-Elaborar memorias, ilustradas con exemplos, relacionadas coa actividade marítima en xeral, analizando as demandas do contorno socioeconómico local e comarcal e as saídas formativas e laborais.

Con este criterio preténdese verifica-lo grao de formación xeral que o alumnado ten sobre o funcionamento da actividade marítima, así como a súa capacidade de iniciativa, amosando os coñecementos de oficios e de profesións relacionados co mar, os seus sistemas de formación e acceso ós mesmos.

Deseño curricular base

Iniciación profesional á mecánica

1. Introducción

A mecánica considérase relacionada, en principio, con todo o relativo ás máquinas entre as que vivimos e, polo tanto, cos procesos de deseño, construcción, uso e mantemento das mesmas. Os sucesivos avances no coñecemento dos materiais e o perfeccionamento das técnicas de fabricación, aplicados na construcción dos elementos estructurais das grandes obras de enxeñería civil e de obras públicas, deron lugar, por outra parte, ó campo das construccións metálicas.

A expansión da industria automobilística, iniciada por Henry Ford a principios de século, e a importancia socio-económica deste fenómeno favoreceron a producción dun elevadísimo número de automóbiles. As técnicas de fabricación automática masiva de pezas utilizadas na actualidade fan que sexan moitas máis as persoas dedicadas a aspectos relacionados coa montaxe, mantemento e reparación, ca aquelas que se dedican á fabricación das mesmas. Como consecuencia inmediata, no campo da mecánica do automóbil priman os coñecementos relacionados coas operacións de montaxe, desmontaxe, mantemento, etc., obviándose, practicamente, os relativos á fabricación.

Cada un destes aspectos da mecánica dá lugar a diferentes e moi especializadas actividades productivas -que na nova formación profesional se agrupan en grandes familias de profesións-. No nivel da iniciación profesional que se pretende na educación secundaria obrigatoria, polo contrario, un tratamento global permitirá ofrecer ós alumnos un amplo panorama da variedade de oficios e profesións relacionados coa mecánica, favorecendo así que os alumnos e as alumnas, a partir dos seus diferentes intereses, adquiran unha orientación profesional concreta.

Os procesos de especial interese para a formación dos alumnos e as alumnas da educación secundaria obrigatoria interesados en coñecer este campo profesional son a construcción das pezas e o seu encaixe para forma-las máquinas.

O presente deseño curricular base recolle os aspectos comúns das actividades relacionadas coa mecánica ó tempo que trata de que tales aspectos poidan contemplarse desde diferentes enfoques. Teñen en común que o seu desenvolvemento pode organizarse arredor dos contidos procedementais relativos ás habilidades e métodos utilizados na identificación e formulación dos problemas mecánicos e ós empregados na súa solución constructiva, así como á análise e á comprensión do funcionamento dos mecanismos e máquinas. Isto podará materializarse, ben a través da realización de pequenos traballos secuenciados e deseñados ad hoc, ben a través dun proxecto global que os relacione. Por outro lado, o traballo en pequenos grupos de alumnos permitirá acadar obxectivos relacionados coa cooperación, coa comunicación de ideas, etc. Este tipo de agrupamento tamén permite que os traballos propostos, ou pequenos proxectos, poidan ser diferentes para cada grupo, podendo ser motivo de enriquecemento de todo o

conxunto da clase.

É importante sinalar que a coordinación desta materia coas outras áreas, sobre todo coas de tecnoloxía e ciencias da natureza, permitirá un reforzo mutuo e unha máis rápida asimilación de conceptos básicos por parte dos alumnos e das alumnas. É igualmente esencial establecer conexións entre os novos coñecementos que se desexa ensinar e os coñecementos xa adquiridos polos alumnos e as alumnas. A realización de actividades dirixidas a fixar estas conexións e a motivación relacionada coa utilización do aprendido nun contorno real favorecerán o logro dunha aprendizaxe significativa.

Os contidos desta materia deben contribuír á consecución das finalidades da educación secundaria

obrigatoria, propiciando un desenvolvemento persoal dos alumnos e capacitándoos para tomar decisións sobre o seu futuro académico e profesional. Neste senso cómpre subliña-la importancia que se lle debe dar ó compoñente de orientación profesional da materia. Independentemente do nivel de afondamento alcanzado noutros aspectos, convén que os alumnos e as alumnas coñezan as categorías profesionais das distintas familias de profesións relacionadas coa mecánica, as vías de acceso a cada unha delas, as posibilidades de emprego, etc. As visitas programadas, as investigacións do alumnado, as aportacións de profesionais, son algúns dos recursos que favorecerán a adquisición desta tipo de coñecementos.

2. Obxectivos xerais

A materia de «iniciación profesional á mecánica» contribuirá a que os alumnos e as alumnas desenvolvan as seguintes capacidades:

-Describi-lo funcionamento de mecanismos e máquinas sinxelos, montalos e desmontalos empregando as ferramentas adecuadas para cada operación e analiza-las posibilidades de emprego, manexabilidade, conservación, calidade e formas de control.

-Empregar adecuadamente a terminoloxía e as formas de expresión propias da linguaxe técnica da mecánica e utiliza-las súas representacións gráficas e simbólicas.

-Realizar traballos mecánicos sinxelos, partindo da interpretación de debuxos, e valora-la importancia tanto da precisión das medidas para o correcto funcionamento das pezas, como da correcta execución, da orde e da limpeza no traballo.

-Actuar con autonomía e confianza na manipulación de máquinas sinxelas -unha vez comprendido o seu funcionamento e respecta-las normas de seguridade na manipulación de ferramentas e de máquinas.

-Valorar con ideas e argumentos, aportados polos coñecementos adquiridos, os cambios tecnolóxicos producidos no eido da mecánica e as súas repercusións económicas e sociais.

-Investiga-lo mundo laboral próximo e coñece-lo conxunto de oficios e profesións relacionados coa mecánica, e extraer conclusións acerca das súas expectativas e posibilidades de traballo.

3. Bloques de contidos

Os contidos preséntense agrupados en bloques que tratan aspectos básicos da mecánica. Esta agrupación en bloques non implica ningunha orde no seu desenvolvemento e moito menos un tratamento illado dos seus contidos. As relacións que se poden establecer entre os contidos dos bloques deben poñerse de manifesto na programación de aula, que o profesor ou a profesora elaborará de acordo cos seus criterios e coas directrices establecidas no proxecto curricular do centro. Neste senso deberá entenderse a proposta de dous bloques alternativos: o de máquinas-ferramentas e o do automóbil. Isto permitirá que o desenvolvemento curricular deste deseño curricular base tome, cando menos, dúas orientacións diferentes, unha orientada á fabricación mecánica e outra relacionada coa mecánica do automóbil.

Os bloques a tratar son:

-Medida, verificación e control.

-O debuxo técnico aplicado á mecánica.

-Materiais e procedementos de fabricación.

-Operacións manuais e ferramentas.

-Mecanismos e automatismos.

-Bloque optativo (o centro seleccionará un deles):

-Opción 1: Máquinas-ferramentas.

-Opción 2: O automóbil.

-Orientación profesional.

3.1. Medida, verificación e control

Os contidos deste bloque abordaranse co obxecto de que os alumnos e as alumnas recoñezan e utilicen os aparellos de medida e verificación, e as unidades, así como as normas e os signos relacionados coa mecánica usados a nivel internacional.

Dado que na mecánica se utilizan aparellos de medida e control moi específcos (calibres, micrómetros, gardaplanos, etc.), inténtase que os alumnos e as alumnas os coñezan e os saiban usar e conservar.

3.1.1. Contidos conceptuais

-Medida. Magnitudes básicas e relación entre elas. Unidades de medida máis usadas e notación das mesmas.

-Aparellos de medida, control e verificación.

-Erros. Grao de apreciación dun aparello de medida.

-Técnicas de uso e de conservación dos aparatos.

3.1.2. Contidos procedementais

-Utilización das unidades de medida en situacións reais.

-Identificación e manexo dos aparellos de medida, de control e de verificación.

-Selección e utilización dos aparellos de medida, de verificación e/ou de control máis adecuados para resolver diversas situacións-problema con obxectos reais.

-Determinación do grao de apreciación de aparellos de medida en casos concretos.

3.1.3. Contidos actitudinais

-Valoración da importancia das operacións de medida, de verificación e de control, no campo da mecánica.

-Valoración da necesidade da exactitude das medidas na realización de traballos.

-Interese en utilizar correctamente os aparellos de medida, de control e de comprobación, así como en coidalos e conservalos, dándolle-lo trato adecuado e manténdoos en bo estado.

3.2. O debuxo técnico aplicado á mecánica

O debuxo técnico é unha forma de representación baseada na simboloxía e na aplicación de normas

recoñecidas universalmente. Isto convérteo nunha linguaxe universal, que é imprescindible que coñezan tódolos que se moven no ámbito da técnica. Con este bloque trátase de que as alumnas e os alumnos apliquen, consoliden e amplíen os seus coñecementos de debuxo técnico relacionándoos co campo da mecánica.

Inclúese neste bloque o trazado co fin de reforza-la súa condición de aplicación inmediata dos coñecementos do debuxo técnico ó campo da fabricación mecánica. Neste caso o debuxo, ademais de linguaxe, convértese nunha operación máis dentro do proceso de fabricación de pezas.

3.2.1. Contidos conceptuais

-Tipos de debuxos técnicos: esbozo, croquis, delineado, esquemas e diagramas.

-Vistas, cortes, seccións e roturas de pezas.

-Formas de representación de pezas normalizadas: arandelas, porcas, parafusos, rodas dentadas e resortes.

-Planos de conxunto e de despezamento.

-Esquemas de instalacións eléctricas e pneumáticas. Simboloxía.

-O trazado. Finalidade. Clases. Instrumentos de trazado. Normas de uso e conversación.

3.2.2. Contidos procedementais

-Realización de esbozos para transmitir concepcións relacionadas con obxectos.

-Realización de esbozos axustados á normativa.

-Interpretación de planos sinxelos de conxunto e de despezamento.

-Interpretación de esquemas sinxelos de instalacións eléctricas e pneumáticas, e de cadeas cinemáticas.

-Interpretación de debuxos e de esquemas de informacións técnicas comerciais.

-Interpretación de diagramas e ábacos sinxelos.

-Trazado plano e determinación dos centros dunha peza para tornear, ulilizando os instrumentos adecuados.

3.2.3. Contidos actitudinais

-Valoración do debuxo técnico como medio de expresión universal.

-Interese por coñecer e utiliza-la normativa e a simboloxía nos distintos tipos de debuxos realizados e por presentalos coa máxima pulcritude e claridade.

-Valoración da necesidade do trazado para a realización dalgunhas pezas concretas e tendencia a colaborar cos compañeiros e compañeiras na análise dos mesmos.

3.3. Materiais e procedementos de fabricación

-Os conxuntos mecánicos están constituídos por pezas que se fabrican de distintos materiais. Os alumnos e as alumnas deberán comprobar que a elección do material está relacionada coas solicitacións ás que debe estar sometida a peza de que se trate e as características propias do material. Por outro

lado, observarán que a forma da peza e o material determinan o proceso de fabricación máis axeitado en cada caso concreto.

3.3.1. Contidos conceptuais

-Materiais máis empregados na fabricación de pezas. Aliaxes de ferro. Aliaxes de aluminio. Plásticos.

-Estado natural e obtención dos materiais. Propiedades. Formas comerciais.

-Procedementos de fabricación. Forxa. Fundición. Mecanizado. Soldadura.

3.3.2. Contidos procedementais

-Elección, coa axuda dos catálogos comerciais, dos materiais adecuados para empregalos en casos concretos.

-Identificación, pola súa aparencia, de aliaxes de ferro, de aliaxes de aluminio e diferenciación entre estas e as aliaxes doutros materiais.

-Análise do aspecto das pezas e deducción do procedemento empregado na súa fabricación.

3.3.3. Contidos actitudinais

-Interese por coñecer como se fabrican as pezas de uso cotián.

3.4. Operacións manuais e ferramentas empregadas

A pesar de que a maioría dos procesos de fabricación están automatizados, existen operacións fundamentais nas que é imposible prescindir do traballo manual. O acabado dalgunhas pezas obtidas mecanicamente e os traballos de conservación e mantemento das máquinas requiren operacións elementais que os alumnos e as alumnas deben executar.

3.4.1. Contidos conceptuais

-Finalidade e fases das operacións de desmontaxe e montaxe. Ferramentas empregadas. Normas de uso e conservación.

-Finalidade e fases das operacións de mantemento. Ferramentas empregadas. Normas de uso e conservación. Clases de lubricantes.

-Operacións de fabricación e reparación:

-Cortado: finalidade, formas de realizalo. Ferramentas empregadas. Cortado de tubos. Serrado.

-Limado: finalidade, formas de realizalo. Limas: tipos.

-Roscado: finalidade, formas de realizalo. Machos e tarraxas.

-Soldadura: finalidade, formas de realizala. Soldadura branda: utilización, materiais e ferramentas empregados. Soldadura por arco: utilización, electrodos. Máquinas de soldar.

-Normas de seguridade xerais e propias de cada operación.

3.4.2. Contidos procedementais

-Desmontaxe, segundo as instruccións dadas, de conxuntos sinxelos.

-Montaxe coa axuda de información gráfica (planos, esbozos, etc.) de conxuntos sinxelos.

-Realización de operacións de mantemento de mecanismos e máquinas sinxelas, seguindo un plano establecido.

-Reparación de pequenos danos en pezas estragadas.

-Realización de pezas sinxelas por procedementos manuais.

-Identificación de distintas ferramentas e elección da máis axeitada para cada traballo.

3.4.3. Contidos actitudinais

-Interese en cumpri-las normas de seguridade na realización dos distintos traballos.

-Interese por manter ordenadas e en bo uso as ferramentas e por empregar correctamente tanto os nomes das ferramentas como os das operacións.

-Tendencia a utiliza-las ferramentas unicamente na realización das operacións para as que foron deseñadas e aceptación das indicacións encamiñadas a mellora-la práctica operatoria.

-Tendencia a cooperar cos compañeiros nos traballos en grupo.

-Valoración da importancia do mantemento periódico dos mecanismos para o seu correcto funcionamento e maior duración.

-Valoración do traballo manual e da súa necesidade.

3.5. Mecanismos e automatismos

As máquinas, en xeral, están constituídas por un número relativamente pequeno de mecanismos. Na actualidade, a aparición de novas técnicas, que permiten accionar sen a intervención do home os distintos mecanismos que constitúen unha máquina, propiciou o desenvolvemento dos chamados automatismos. O coñecemento, tanto dos mecanismos coma dos automatismos que os poden accionar, é imprescindible para unha máis rápida aproximación e comprensión de calquera máquina moderna.

3.5.1. Contidos conceptuais

-Mecanismos de transmisión, conversión e control de movementos nas máquinas.

-Cadea cinemática.

-Accionamento dos mecanismos: manual, automático.

-Automatismos: Esquema básico dun automatismo. Captadores de sinal, módulos de tratamento e de mando. Aplicacións mecánicas, pueumáticas, eléctricas e electrónicas.

-Elementos e circuítos pneumáticos.

-Control numérico de máquinas (CNC).

3.5.2. Contidos procedementais

-Análise do funcionamento de mecanismos e selección do máis adecuado para unha aplicación particular.

-Realización de simulacións de automatismos pneumáticos sinxelos coa axuda de esquemas e montaxe dos mesmos.

-Identificación de situacións susceptibles de ser automatizadas.

-Análise do funcionamento dunha máquina sinxela ou dun proceso automatizado simple.

-Deseño de automatismos e construcción de maquetas ou de simuladores para verifica-lo seu funcionamento.

3.5.3. Contidos actitudinais

-Curiosidade polo funcionamento dos mecanismos.

-Valoración económica da automatización de operacións ou procesos.

-Valoración crítica das repercusións sociais derivadas da xeneralización dos procesos de automatización.

-Interese en buscar e propoñer solucións de automatización a tarefas rutineiras.

3.6. Opción 1: Máquinas-ferramentas

Con este bloque preténdese que os alumnos e as alumnas coñezan as máquinas-ferramentas máis empregadas na mecanización de pezas e que aprendan o manexo das máis sinxelas para que as utilicen correctamente, respedando as normas de seguridade, uso e conservación.

3.6.1. Contidos conceptuais

-Máquinas-ferramentas: electroamoladora, trades, serra mecánica e torno. Movementos característicos. Cadea cinemática. Operacións que realizan. Normas de uso e seguridade.

-Proceso de mecanizado. Folla de proceso. Folla de instruccións.

-Automatización de máquinas-ferramentas: Fundamento do CNC. Introducción á programación. O torno de CNC.

3.6.2. Contidos procedementais

-Identificación das distintas partes das máquinas-ferramentas.

-Manexo das máquinas para a fabricación de pezas.

-Interpretación dos esquemas e debuxos da documentación que acompaña ás máquinas e dos folletos informativos facilitados polos fabricantes.

-Elaboración de follas de instruccións de procesos de mecanizado sinxelos e comparación de follas de instruccións co programa dun proceso de mecanizado sinxelo.

-Realización das operacións de mantemento precisas para conservar en bo uso as máquinas e ferramentas.

3.6.3. Contidos actitudinais

-Interese por utiliza-los medios de protección e por cumpri-las normas de seguridade no uso das máquinas.

-Interese por coñece-lo funcionamento das distintas máquinas empregadas na elaboración de pezas.

-Valoración do propio coñecemento sobre as máquinas e da capacidade de aplicalo con confianza e iniciativa.

-Tendencia a colaborar na realización das operacións auxiliares de posta a punto, preparación, limpeza e conservación das máquinas utilizadas.

-Valoración da importancia da comprobación da forma e das dimensións das pezas realizadas.

-Valoración dos traballos realizados por outras persoas.

3.7. Opción 2: O automóbil

O automóbil é unha máquina complexa que ofrece a posibilidade de analizar un amplo abano de mecanismos e instalacións. O interese que esperta na maioría dos alumnos e das alumnas fai do automóbil un centro de interese que pode favorece-la motivación. Con este bloque de contidos, non se trata tanto de facer un estudio exhaustivo do automóbil, canto de utilizalo como un recurso, que permita unha aproximación ós outros campos relacionados coa mecánica.

3.7.1. Contidos conceptuais

-Motores de explosión. Principios de funcionamento. Tipos.

-Elementos dos motores de explosión. Potencia, cilindrada e par motor. Lubricación e engraxe. Carburador: principio de funcionamento.

-Sistema de dirección. Suspensión: tipos. Rodas e pneumáticos. Freos: tipos. A transmisión: embrague e caixa de cambios.

-Sistema eléctrico. Baterías: principio de funcionamento. Xeradores.

-A carrocería.

3.7.2. Contidos procedementais

-Desmontaxe e montaxe de motores e doutros mecanismos propios dos vehículos automóbiles.

-Análise do funcionamento dos mecanismos que constitúen o automóbil.

-Identificación dos sistemas e elementos que integran o automóbil.

-Determinación da cilindrada dun motor dado.

-Interpretación de esquemas e debuxos facilitados polos fabricantes, e doutra documentación técnica relacionada cos automóbiles.

-Realización das operacións de limpeza e de mantemento precisas para mante-lo automóbil en bo uso.

3.7.3. Contidos actitudinais

-Interese por utiliza-los medios de protección e por cumpri-las normas de seguridade.

-Interese por coñece-lo funcionamento dos distintos mecanismos que compoñen o automóbil.

-Tendencia a colaborar na realización das operacións de limpeza da zona de traballo.

-Valoración da importancia das operacións de revisión periódica para a boa conservación e funcionamento dos automóbiles.

-Valoración dos traballos realizados por outras persoas.

3.8. Orientación profesional

Mediante a orientación profesional, que debe presidir todo o desenvolvemento da materia, trátase de que os alumnos e as alumnas acaden uns coñecementos básicos sobre o sector do mundo laboral relacionado coa mecánica: a súa estructura, os distintos perfís profesionais que o compoñen, as posibilidades de traballo, etc. Trátase igualmente de que coñezan os diversos itinerarios profesionais e valoren a importancia que ten a elección do que mellor se adecúe ás súas expectativas e posibilidades para a súa inserción no mundo do traballo.

3.8.1. Contidos conceptuais

-Itinerarios formativos e de inserción laboral.

-Familias profesionais e ciclos formativos relacionados coa mecánica. Títulos profesionais.

-As categorías profesionais no mundo laboral. Tarefas máis comúns. Responsabilidades. Salarios. Relación cos ciclos formativos de formación profesional e outros estudios.

-Oficinas de información: Oficinas de emprego. Expectativas de emprego.

3.8.2. Contidos procedementais

-Elaboración de informes sobre posibles itinerarios formativos que satisfagan as propias expectativas.

-Busca de información relativa ós diversos aspectos relacionados coas distintas categorías profesionais.

-Seguimento, a través da prensa, das ofertas e demandas de emprego relacionadas co sector e elaboración de comunicacións a través de entrevistas con distintos profesionais.

3.8.3. Contidos actitudinais

-Valoración das normas que rexen o mundo do traballo (asistencia, puntualidade, rendemento).

-Valoración do traballo como un ben en si mesmo, como medio de desenvolvemento das propias capacidades, como elemento de satisfacción persoal e como factor de integración social.

4. Criterios de avaliación

-Utilizar correctamente, en diferentes situacións, as unidades de medida e os signos cos que se representan unidades e magnitudes, e realizar operacións coas unidades a partir das relacións entre as magnitudes, valorando positivamente esta normalización e interesándose no seu coñecemento.

Este criterio pretende verificar se os alumnos e as alumnas utilizan correctamente as unidades e as normas empregadas na mecánica, e se son capaces de expresar, relacionar e usar correctamente as unidades e os aparatos de medida en calquera proceso que teñan que realizar. Tamén pretende comprobar se os estudiantes coñecen a normalización e a valoran.

-Identificar materiais empregados na mecánica e as súas formas comerciais comúns, elixindo -coa axu-

da de catálogos ou folletos-, o máis adecuado para cada aplicación.

Con este criterio preténdese comprobar se os alumnos e as alumnas son capaces de identifica-los distintos materiais usados na mecánica e que forman parte das diversas pezas sinxelas de uso cotián, nomeándo as correctamente e recoñecendo as posibles aplicacións.

-Identificar e utiliza-los aparatos de medida, control e comprobación -agrupándoos segundo o seu grao de apreciación-, e selecciona-lo máis adecuado en función do obxecto a medir e da precisión esixida.

Con este criterio preténdese valorar se os alumnos e alumnas coñecen os distintos aparatos de medida e comprobación e se saben utilizalos con precisión, o que se reflectirá na exactitude das medidas dos traballos realizados e na súa correspondencia coa medida dos planos.

-Identifcar, empregando a terminoloxía técnica apropiada, as partes dos mecanismos e das máquinas, e describi-lo seu funcionamento.

Con este criterio preténdese compraba-lo grao con que os alumnos e as alumnas incorporan a terminoloxía específica referida ás distintas máquinas e ós seus compoñentes.

-Montar e desmontar máquinas e mecanismos sinxelos coa axuda de distintos tipos de debuxos, identificando e substituíndo, se fose o caso, algunha peza defectuosa.

Con este criterio preténdese verifica-la capacidade dos alumnos e das alumnas de interpretar debuxos técnicos -e a súa aplicación á identificación e á manipulación de obxectos reais-, así como a capacidade de observación e identificación de defectos nas pezas, que impidan o seu funcionamento dentro do conxunto.

-Planificar e realizar un proceso de traballo sinxelo, respectando a secuencia de fases na súa execución.

Con este criterio preténdese comprobar se os alumnos e as alumnas son capaces de planificar un proceso de traballo. Tamén pretende comprobar se son quen de seguir unha orde na realización das distintas fases, operacións e uso das ferramentas e máquinas para a realización dos traballos.

-Realiza-lo traballo, usa-las ferramentas con orde e participar na limpeza e no mantemento, tanto das ferramentas como das máquinas empregadas, respectando as normas de seguridade na realización dos traballos.

Con este criterio preténdese comprobar se os alumnos e as alumnas realizan, antes de efectua-los traballos, as comprobacións previas necesarias, tanto do estado das ferramentas, como do correcto funcionamento das máquinas, e se adoptan as medidas de precaución necesarias para evita-los accidentes durante o seu manexo.

-Colaborar, aportando ideas e opinións propias, cos membros do grupo de traballo, e respectar e valora-las ideas alleas.

Preténdese valora-la capacidade dos alumnos e das alumnas de contribuír co seu esforzo persoal

nunha tarefa de grupo, tomando iniciativas para expoñer e defende-las formulacións propias, e mostrando flexibilidade e receptividade ante as opinións dos restantes membros do grupo.

-Elaborar posibles itinerarios formativos para acadar determinadas categorías profesionais nalgún dos campos relacionados coa mecánica.

Trátase de avaliar se os alumnos e as alumnas son quen de relaciona-las esixencias das distintas categorías profesionais coa formación acadada nos diversos niveis do sistema educativo, de acordo coa información dispoñible.

Deseño cucricular base

Segunda lingua estranxeira

1. Introducción

A complexidade da sociedade actual orixina unha variedade de necesidades de comunicación dentro do campo da relación internacional, en especial entre os países da Comunidade Europea, nas que o dominio de linguas estranxeiras é fundamental. A incorporación dunha segunda lingua estranxeira ó currículo da educación secundaria obrigatoria favorecerá a integración dos alumnos e alumnas nesta sociedade plurilingüe e facilitaralles unha mellor incorporación ó mundo laboral.

A aprendizaxe dunha nova lingua proporciónalles ós alumnos e ás alumnas un instrumento para o acceso ó mundo da información e da comunicación nesa lingua e contribúe ó enriquccemento humano que supón unha educación multicultural ampliando ademais as súas perspectivas de lecer.

Esta nova lingua ha de presentarse ós alumnos e ás alumnas de forma contextualizada e relacionada coas outras linguas nas que xa tiveron experiencias de aprendizaxe. Os alumnos e alumnas utilizarán procedementos, desenvolverán actitudes e consolidarán conceptos xa traballados durante a súa experiencia escolar previa; a esta idade posúen unhas capacidades cognitivas que lles permiten realizar unha aprendizaxe reflexiva e que lles axudarán a comprende-los mecanismos da nova lingua e a recoñecer e empregar estratexias de aprendizaxe Nesta perspectiva acadarán unha aproximación máis doada ó novo idioma estranxeiro se son conscientes de que poden emprega-las estratexias que xa teñen adquiridas na aprendizaxe do galego, do castelán e da primeira lingua estranxeira.

Co estudio da segunda lingua estranxeira nesta etapa preténdese que os alumnos e alumnas desenvolvan unha competencia comunicativa básica que lles permita manexarse nesa lingua, en situacións próximas, acordes coa súa idade e intereses. A competencia comunicativa supón o desenvolvemento progresivo das catro competencias que a compoñen: a competencia lingüística, necesaria para actualiza-las unidades lingüísticas e as regras de funcionamento das mesmas; a competencia sociolingüística, que permite axeita-los actos de fala ás regras sociais e ás normas de interacción; a competencia discursiva, para utiliza-los diferentes tipos de discurso e organizalos en función da situación de comunicación; e a competencia estratéxica, que permite solventa-las dificultades que xorden na interacción.

Ademais da interacción derivada do desenvolvemento normal da clase, para que os alumnos e alumnas acaden habilidades básicas no uso da lingua seleccionarase unha variedade suficiente de actividades que cubran as situacións máis habituais de comunicación en relación cos obxectivos desta materia. Esta comunicación verase favorecida se existe un ambiente distendido e un clima de cooperación.

Cada actividade que se propoña na clase ha de ter unha finalidade ben definida para que os alumnos e as alumnas teñan en todo momento a sensación de que a aprendizaxe que están realizando é funcional, que están aprendendo para algo concreto: conta-las súas experiencias, pedir algo cando o necesitan, preguntar algo, etc., han de ser suficientemente motivadoras, para que se sintan estimulados a participar espontaneamente e con creatividade. Na selección de actividades será o grao de complexidade da tarefa e non a complexidade da lingua o que haberá de adecuarse ó nivel dos alumnos e das alumnas. Partir dos coñecementos que aportan, e ter en conta as súas experiencias, intereses e motivacións, axudará a promove-la aprendizaxe e a facela significativa.

Na segunda lingua estranxeira traballarase de forma equilibrada o desenvolvemento das destrezas receptivas e productivas aínda que nun primeiro momento se dará un maior peso á comprensión e á expresión orais. A lectura, tanto intensiva como extensiva, ha de ocupar un lugar relevante na aprendizaxe da nova lingua, posto que é unha das destrezas que os alumnos posiblemente necesiten máis na súa vida académica e profesional futura.

O estudio da estructura interna da lingua contémplase como unha reflexión sobre o funcionamento da lingua na comunicación e sobre os elementos que a compoñen, recoñecendo a importancia non só de coñece-lo código lingüístico senón tamén as regras de uso e a incidencia do contexto na utilización da linguaxe e na interpretación das mensaxes.

En razón do cambio afectivo e cognitivo que se produce na adolescencia convén fomenta-la autoestima dos xoves e darlles a oportunidade de que apliquen métodos de razoamento, análise e formulación de hipóteses, que lles permitan ter un papel activo na súa aprendizaxe e incrementa-la súa autonomía. Neste senso, os erros, considerados normais na adquisición da lingua, serán motivo de refexión e constituirán un elemento orientador no proceso de ensinanza-aprendizaxe.

2. Obxectivos xerais

A materia de «segunda lingua estranxeira» contribuirá a que os alumnos e as alumnas desenvolvan as capacidades de:

-Comprender mensaxes orais sinxelas emitidas na lingua estranxeira, relativas ás situacións máis habituais de comunicación, producidas directamente por falantes ou por medios de eomunicación.

-Comprender mensaxes escritas na lingua estranxeira relativas ás diversas situacións habituais de comunicación, procedentes de diversas fontes, utilizando as informacións globais e específicas, transmitidas polos textos, con fins concretos.

-Utiliza-la lingua estranxeira como lingua de comunicación co profesor e cos compañeiros durante o desenvolvemento da clase, atendendo ás normas básicas da comunicación interpersoal.

-Utilizar oralmente a lingua estranxeira usando recursos lingüísticos e non lingüísticos, co fin de satisface-las necesidades máis básicas de comunicación, nas situncións creadas na aula, amosando interese por comprender e facerse comprender.

-Ler de forma comprensiva e autónoma textos sinxelos adecuados ás súas capacidades e intereses, para obter informacións globais e específicas.

-Producir mensaxes escritas sinxelas na lingua estranxeira, nas situacións máis habituais de comunicación escrita, respectando as regras básicas do código escrito.

-Reflexionar sobre o funcionamento do sistema lingüístico na comunicación como elemento que facilita a aprendizaxe e como un dos medios para mellora-las produccións propias.

-Valora-lo coñecemento dunha segunda lingua estranxeira como medio de acceso ás relacións internacionais e a outros ámbitos da actividade humana.

-Aprecia-la riqueza que supoñen as diversas linguas e culturas como formas distintas de codifica-la experiencia e de organiza-las relacións interpersoais.

-Manter unha actitude receptiva e crítica cara á información cultural que as linguas estranxeiras transmiten para reflexionar e actuar sobre a propia realidade.

-Aplica-la experiencia previa noutras linguas á aprendizaxe da segunda lingua estranxeira para desenvolver estratexias de aprendizaxe autónoma e establecer analoxías, comparacións e contrastes entre as linguas do currículo.

3. Bloques de contidos

A estructuración dos contidos en catro grandes bloques: «Comunicación oral», «Comunicación escrita», «Reflexión sobre a lingua e a súa aprendizaxe» e «Compoñente sociocultural», ten por obxecto proporcionar ó profesorado unha relación dos distintos aspectos da lingua que teñen que ser contemplados nesta etapa. A presentación en bloques non implica unha xerarquización dos contidos nin a súa organización coincide necesariamente coa que han de ter na programación de aula xa que, polo contrario, existe unha evidente interrelación entre os contidos dos catro bloques.

Segundo os coñecementos adquiridos en aprendizaxes previas nas outras linguas do currículo e tendo en consideración os intereses, as motivacións e a bagaxe cultural dos alumnos e das alumnas, decidirase sobre a secuencia de contidos nas programacións de aula.

3.1. Comunicación oral

Mediante os contidos desta bloque preténdese un desenvolvemento das destrezas de comprensión e expresión oral que son prioritarias nun enfoque comunicativo. Polo tanto os alumnos e as alumnas han de acostumarse desde os primeiros momentos

a oír distintos tipos de mensaxes, familiarizándose con fontes diversas de linguaxe auténtica.

A producción oral que se espera dos alumnos e das alumnas refírese, en primeiro lugar, á lingua necesaria para reaccionar activamente e de forma comprensible naquelas situacións que son propias da súa idade, tanto relacionadas coas actividades de aula, como fóra dela. Incídese especialmente no desenvolvemento de estratexias de comunicación e de compensación.

3.1.1. Contidos conceptuais

-Situacións de comunicación oral máis habituais nas que se vai utiliza-la lingua estranxeira: intencionalidade comunicativa; funcións habituais na interacción cotiá; elementos que configuran a situación de comunicación; vocabulario, tanto activo como pasivo, relativo ós temas máis habituais.

-Rutinas e fórmulas básicas de interacción social.

-Normas que rexen a comprensión e a producción dun discurso cohesionado e coherente: elementos de cohesión e mecanismos de progresión.

-Contidos procedementais.

-Recoñecemento e reproducción dos sons característicos da lingua estranxeira e as súas pautas de ritmo e entoación.

-Comprensión global de mensaxes orais contextualizadas, sobre temas coñecidos, procedentes de fontes distintas: profesor, compañeiros, radio, televisión, anuncios, avisos, etc.

-Comprension específica con fins concretos de mensaxes orais, emitidas cara a cara ou gravadas, en situacións xa coñecidas.

-Reproducción comprensible e contextualizada de patróns lingüísticos necesarios para satisface-las necesidades de comunicación.

-Participación activa en intercambios comunicativos para pedir información, expresa-los gustos e preferencias, as necesidades, etc.

-Utilización de estratexias de compensación que axuden a unha comunicación máis fácil, fluída e eficaz.

3.1.3. Contidos actitudinais

-Valoración da capacidade de expresarse oralmente na lingua estranxeira para satisfacer necesidades de comunicación e como medio de entendemento entre as perscas.

-Atención e respecto ás mensaxes orais procedentes doutras persoas.

-Valoración da capacidade para comprender unha mensaxe oral sen ter que entender tódolos elementos da mesma.

3.2. Comunicación escrita

A diferencia das mensaxes orais, os textos escritos caracterízanse pola súa permanencia e pola ausencia de elementos distorsionantes. Non hai xestos nin expresións que axuden á comprensión da mensaxe pero existen claves visuais e contextuais que facilitan a súa interpretación.

Neste bloque trátanse contidos que permiten que os alumnos e as alumnas se familiaricen con textos escritos diversos que atendan ás funcións e intencionalidades comunicativas máis usuais.

É importante a formación de hábitos de lectura como fonte de información e lecer; os textos seleccionados estarán adaptados á idade e intereses das alumnas e alumnos, e relacionados con outras áreas curriculares. Os contidos procedementais deste bloque fan referencia ás habilidades de comprensión da idea xeral, busca de informacións específicas, deducción de signifcados polo contexto, utilización do diccionario, etc.

Os textos que han de produci-los alumnos e mailas alumnas referiranse ás situacións máis habituais da vida cotiá e responderán a funcións diversas, atendendo ós aspectos formais que corresponden ós diferentes tipos de textos -narración, descrición, diálogo, formularios, cartas, relatos, etc.-, con especial énfase na cohesión e na coherencia do texto producido.

3.2.1. Contidos conceptuais

-Situacións da comunicación escrita máis habituais na lingua estranxeira: intencionalidade comunicativa; funcións máis usuais na comunicación escrita; elementos que configuran a situación de comunicación; vocabulario activo e pasivo relativo ós temas da vida cotiá.

-Correspondencias gráfico-fónicas.

-Características máis relevantes do discurso escrito en situacións de comunicación básicas.

3.2.2. Contidos procedementais

-Comprensión global de textos relacionados coas actividades da aula (instruccións, comentarios ós traballos, avisos, etc.).

-Recoñecemento de información específica, previamente requirida en textos qué presentan léxico e estructuras descoñecidas, deducindo polo contexto o significado dalgunhas palabras.

-Comprensión global e extracción de informacións específicas a partir de textos auténticos, con ou sen apoio visual, coa axuda do diccionario.

-Producción de textos escritos, sinxelos e comprensibles, en resposta a estímulos orais ou escritos, dirixidos a distintos tipos de lectores e atendendo as diferentes necesidades e intencións comunicativas (breves notas e cartas, datos persoais, formularios, enquisas, invitacións, descricións, narracións, etc.).

3.2.3. Contidos actitudinais

-Interese e curiosidade cara ás ideas expresadas en textos escritos na lingua estranxeira.

-Interese pola lectura autónoma de textos na lingua estranxeira para obter información, como medio de pracer persoal, etc.

-Interese por realizar intercambios comunicativos escritos na lingua estranxeira con falantes desa lingua.

-Superación das propias limitacións sacando o máximo partido dos recursos lingüísticos persoais.

-Valoración da capacidade para comprender globalmente un texto escrito sen necesidade de entender tódolos seus elementos.

3.3. Reflexión sobre a lingua e a súa aprendizaxe

Os contidos conceptuais desta bloque refírense ós elementos básicos da linguaxe e ós mecanismos que interveñen na aprendizaxe da mesma. O coñecemento sistémico da lingua proporcionará ós alumnos e ás alumnas a posibilidade de mellora-la súa comprensión e de controla-las súas produccións.

En canto ós procedementos, convén destaca-la autocorrección e o desenvolvemento de estratexias propias para mellora-la comunicación. Unha actitude positiva e a confianza nas propias posibilidades son tamén fundamentais para acadar un mellor dominio da lingua estranxeira.

3.3.1. Contidos conceptuais

-Elementos básicos da lingua: intencións comunicativas; léxico das situacións de comunicación máis habituais; fonoloxía; ortografía e puntuación; elementos morfolóxicos; elementos sintácticos; conectores e outros recursos de cohesión.

3.3.2. Contidos procedementais

-Utilización dos coñecementos adquiridos sobre o novo sistema lingüístico como instrumento de control e autocorrección para mellora-la eficacia comunicativa das produccións propias e para comprender mellor as produccións doutros.

-Utilización consciente dalgúns dos mecanismos implicados na aprendizaxe da lingua estranxeira: parafrasear, deducir, ordenar, resumir, etc.

-Utilización consciente das diferentes formas de aprende-la lingua estranxeira (cantar, representar, escoitar, memorizar, ler, etc.) e das estratexias de comunicación que mellor se adapten ás caractertsticas propias.

3.3.3. Contidos actitudinais

-Curiosidade por coñece-lo funcionamento da lingua estranxeira e aprecio da corrección no seu uso como garantía dunha comunicación fluída e eficaz.

-Actitude positiva cara ás actividades da clase máis idóneas para desenvolver ó máximo a competencia comunicativa e cara á superación dos problemas que poidan xurdir no proceso de aprendizaxe.

-Valoración da capacidade persoal para progresar no emprego da lingua estranxeira e valoración dos erros como parte integrante do proceso de aprendizaxe.

3.4. Compoñente sociocultural

Toda lingua está inserida nun contexto socio-cultural; polo tanto, os alumnos e as alumnas han de ser conscientes da importancia que ten o coñecemento destes aspectos para poder comprender mellor a lingua obxecto de estudio. Así mesmo, a posibilidade de establecer comparacións entre a cultura propia e a dos países nos que se fala a lingua estranxeira contribúe a un enriquecemento persoal.

3.4.1. Contidos conceptuais

-Aspectos socioculturais dos países onde se fala a lingua obxecto desta materia relacionados coas necesidades, intereses e as motivacións dos alumnos e as alumnas.

-Presencia da lingua estranxeira no ámbito local: turismo, medios de comunicación, manifestacións artísticas, culturais, deportivas, etc.

-Presencia da lingua estranxeira en Galicia e no ámbito internacional.

3.4.2. Contidos procedementais

-Análise de aspectos socioculturais relevantes nos países onde se fala a lingua obxecto de estudio.

-Emprego contextualizado das normas e hábitos de conducta deses países.

-Comparación das formas de vida dos países nos que se fala a lingua estranxeita coa cultura propia.

-Utilización dos coñecementos adquiridos para interpretar mensaxes presentes no propio medio.

-Utilización consciente de materiais auténticos procedentes de distintas fontes.

3.4.3. Contidos actitudinais

-Curiosidade, respecto e valoración crítica das formas de vida, e demais aspectos socioculturais dos países onde se fala a lingua obxecto desta materia.

-Valoración dos comportamentos sociolingüísticos que facilitan as relacións de convivencia.

-Valoración do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas doutras culturas.

-Actitude receptiva ante as informacións dispoñibles na lingua estranxeira.

4. Criterios de avaliación

-Capta-la idea global en textos orais emitidos en situacións de comunicación cara a cara, con apoio xestual e as repeticións necesarias, que conteñan combinacións de elementos previamente aprendidos e que versen sobre temas familiares e coñecidos polo alumno.

Con este criterio trátase de avalia-la capacidade dos alumnos e alumnas para comprende-lo esencial de textos orais nas condicións máis idóneas: comunicación cara a cara, apoio contextual, estructuras sinxelas e temas relacionados cos seus esquemas de coñecemento previo.

-Extraer informacións específicas, previamente requiridas, de textos orais cunha estructura e vocabulario sinxelos que traten temas familiares e de interese, relativos á vida cotiá, ós seus gustos, preferencias e opinións, experiencias persoais, etc.

Este criterio pretende avalia-la capacidade do alumnado para comprende-las informacións relevantes, previamente requiridas, de textos orais sobre temas xa coñecidos, aínda que haxa outras partes da mensaxe que non capte con precisión.

-Participar en intercambios orais breves, derivados de situacións reais habituais de clase, producindo un discurso comprensible e adaptado ás caracte

rísticas da situación e á intención comunicativa, atendendo as pautas de ritmo e entoación.

Este criterio trata de avalia-la capacidade de expresarse oralmente en situacións de comunicación propias da aula, coa fluidez e corrección suficientes para que a mensaxe sexa comprensible e para formular necesidades básicas: preguntar, pedir axuda, pedir permiso, pedir algo, agradecer...

-Participar en situacións de comunicación simuladas, que se traballaran previamente na clase, utilizando de maneira contextualizada as fórmulas de interacción social máis habituais na lingua estranxeira.

Con este criterio preténdese avalia-la capacidade do alumnado para comunicarse oralmente en situacións cotiás, utilizando adecuadamente as fórmulas de relación social. Os erros morfosintácticos e fonolóxicos dos alumnos poderán obviarse sempre e cando non incidan na comprensibilidade da mensaxe.

-Extrae-lo sentido global e algunhas informacións específicas de textos escritos breves cun desenvolvemento lineal, unhas estructuras e un vocabulario sinxelos, con ou sen apoio visual, nos que se traten temas familiares e de interese.

Con este criterio trátase de avalia-la capacidade do alumnado para comprender escritos breves do profesor ou de compañeiros, anuncios e outros textos con apoio gráfico, aínda que conteñan algúns elementos descoñecidos non relevantes para a comprensión da mensaxe.

-Ler coa axuda do diccionario, libros, manuais, folletos, etc. de carácter narrativo, descritivo ou instruccional, que presenten nunha linguaxe sinxela e con soporte visual, amasando a comprensión por medio dunha tarefa específica.

Trátase de avaliar con este criterio a capacidade do alumnado para realizar unha lectura extensiva, de maneira comprensiva e autónoma, axudándose de maneira eficaz do diccionario e dos apoios visuais, e amosando a súa comprensión mediante a realización de diversas tarefas nas que se avaliará a comprensión e non a expresión.

-Producir textos escritos breves e sinxelos, comprensibles e adaptados ás características da situación, que respondan ás intencións máis usuais na comunicación escrita co fin de satisfacer diferentes necesidades.

Preténdese avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para redactar pequenos textos, notas e cartas dirixidas a compañeiros, e para cumprimentar formularios e enquisas, fichas de datos persoais, etc. que, aínda que presenten incorreccións, deberán respecta-lo formato e a presentación adecuados e ter en conta as características do código escrito.

-Utilizar aquelas estratexias que axuden a mante-la comunicación e a mellora-los coñecementos sobre a lingua estranxeira e que mellor se adapten ás características e desenvolvemento de cada alumno.

Trátase de avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para aplicar de maneira persoal e autónoma aquelas estratexias lingüísticas e non lingüísticas que lles permiten solventa-las dificultades xurdidas na comunicación e as que lles axuden a progresar na aprendizaxe.

-Ulilizar de maneira reflexiva os coñecementos adquiridos na lingua estranxeira como un instrumento de autocorrección das propias produccións e como un medio de mellora-la comprensión.

Preténdese avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para recoñece-la corrección e adecuación das produccións propias e alleas e progresar na súa eficacia comunicativa

-Identificar e empregar de forma contextualizada os aspectos socioculturais dos países onde se fala a lingua obxecto desta materia para unha mellor comprensión e producción das mensaxes, e analizalos comparativamente como medio para comprender e valora-la cultura propia desde unha perspectiva máis ampla.

Este criterio pretende avaliar que o alumnado identifica e valora criticamente certos aspectos como pertencentes ó contexto sociocultural dun determinado país e que son necesarios para a correcta interpretación das mensaxes na lingua correspondente.

Deseño curricular base

Técnicas de expresión escrita

1. Introducción

A sociedade moderna demanda de tódolos cidadáns e cidadás a capacidade de poder expresarse por escrito nas situacións máis habituais de comunicación. O deseño curricular base de educación secundaria obrigatoria recolle esta necesidade: menciona tanto o carácter transcendental que ten a aprendizaxe da lingua para o desenvolvemento cognitivo do individuo, como o obxectivo xeral de «comprender e producir mensaxes orais e escritas con propiedade, autonomía e creatividade». A área de lingua e literatura ofrece unha primeira resposta básica a esta necesidade, con contidos que inclúen a lingua oral, a reflexión gramatical e a literatura.

Neste contexto, a materia de técnicas de expresión escrita ofrece un espacio, no ciclo 14-16 anos, para desenvolve-las habilidades e os coñecementos específicos da escritura, máis alá dun primeiro nivel básico. Permite dedicarse exclusivamente á práctica da comprensión e da expresión escritas, adoptando unha perspectiva textual da lingua e poñendo énfase nos procesos de composición e na variada tipoloxía de comunicacións que encontramos na realidade. Ademais, a materia permite tratar de maneira máis individualizada os intereses e as dificultades concretas do alumnado, así como utiliza-los recursos que proporciona noutras áreas do currículo (sociais, áreas de formación profesional, etc.).

O coñecemento que se ten hoxe da escrita aglutina os achados realizados durante o século XX en disciplinas dispares como a psicoloxía cognitiva, a lingüística do texto, a sociolingüística ou a crítica literaria. Polo tanto, para aprender a escribir non abonda con saber gramática e ortografía, senón que se requiren outros coñecementos lingüísticos de nivel textual, destrezas do proceso de composición, unha rica bagaxe de recursos expresivos e unha importante sensibilidade sociolingüística.

O DCB de técnicas de expresión escrita inclúe estas últimas aportacións interdisciplinarias e ofrece unha resposta sintética máis completa á necesidade

de escribir que se mencionaba máis arriba. Os cinco apartados de que consta constitúen cinco aproximacións complementarias á escrita: as características da comunicación, a descrición das propiedades textuais, a tipoloxía de textos, as estratexias de composición e os recursos expresivos.

A metodoloxía a desenvolver debe ser basicamente práctica. O traballo na aula debe basearse tanto na lectura, na análise e no comentario de textos escritos coma nas prácticas diversificadas de producción. É moi importante que durante o curso o alumno e a alumna entren en contacto con todo tipo de textos, que practiquen tódalas destrezas que require a escritura e que poidan comentar e corrixi-los seus traballos con compañeiros e co seu profesor ou coa súa profesora. Tamén é aconsellable que o alumnado poida asumir unha marxe importante de autonomía e que poida elixi-los temas sobre os que quere escribir ou a forma de facelo.

A aprendizaxe da expresión escrita require tempo e moita práctica, de modo que se deben considerar obxectivos a medio e a longo prazo. A avaliación continua da materia debe combinar múltiples aspectos: a cantidade de escritos que produciu o alumno, a súa calidade lingüística, o proceso de traballo seguido (número de borradores e correccións), o progreso realizado, etc.

2. Obxectivos xerais

Como resultado do proceso de ensinanza-aprendizaxe desta materia, os alumnos e as alumnas han de desenvolve-las seguintes capacidades:

-Utiliza-la expresión escrita para o aproveitamento persoal: gardar datos, aprender, reflexionar; e como fonte de lecer e expresión persoal.

-Comprender e producir todo tipo de textos escritos, desenvolvendo actitudes reflexivas e críticas tanto na comprensión coma na producción dos mesmos.

-Recoñece-las propiedades lingüísticas esenciais que reúne calquera texto escrito (corrección, adecuación, cohesión, coherencia e presentación) e aplicalas na composición de textos propios.

-Practicar e integrar na expresión escrita persoal técnicas variadas de composición.

-Desenvolver actitudes positivas cara á elaboración de borradores e cara á súa redacción e mellora.

-Desenvolve-la comprensión lectora e crítica daqueles recursos retóricos máis complexos como as figuras retóricas, os tons do discurso e os fenómenos de significación.

-Utilizar con fluidez recursos básicos da expresión escrita como a puntuación, os estilos directo e indirecto, a modalidade oracional e as figuras retóricas máis habituais.

-Recoñece-los principais tipos de texto e as súas características específícas.

3. Bloques de contidos

Os contidos da materia están repartidos en cinco bloques que ofrecen unha visión global, xeral e pluralista da escritura.

Trátase de cinco perspectivas ou puntos de vista dun mesmo núcleo temático. Así o bloque «As pro

piedades do texto escrito» sistematiza tódolos aspectos lingüísticos e paralingüísticos a ter en conta na redacción dun escrito, mentres que «Tipoloxía de comunicacións escritas» ofrece dúas tipoloxías exhaustivas de comunicacións escritas e «O proceso de composición de textos», unha descrición detallada do proceso de composición.

Obviamente, estes bloques de contidos non poden desenvolverse illadamente na aula, senón que deben integrarse globalmente na práctica da expresión escrita. Calquera actividade de aula traballará sobre un determinado tipo de texto, para analizar algunha propiedade con algún paso do proceso de composición.

3.1. A comunicación e o código escrito

Este primeiro bloque trata as características específicas da comunicación escrita. Propón analiza-los elementos básicos da comunicación nunha mensaxe escrita (autor, lector, texto, contexto, etc.), comparar e contrasta-la escritura coa oralidade a partir de transcricións ou distingui-las distintas funcións que exerce a escrita na sociedade moderna (gardar información, persuadir, informar, etc.). Tamén se propón a práctica e a análise dalgúns textos mixtos orais e escritos como a toma de apuntes, a elaboración de guións, etc. Trátase de que o alumno se decate de forma práctica da especificidade da escritura.

3.1.1. Contidos conceptuais

-Os elementos da comunicación escrita: autor, lector, texto, propósito, tema, intención, código e contexto.

-As funcións da lingua escrita: rexistro de datos, comunicación de mensaxes, elaboración da información, aprendizaxe, método de traballo, diversión e lecer.

-Características da comunicación escrita: diferida, elaborada, precisa, permanente, visual, etc.

-Diferencias básicas entre o discurso oral e o discurso escrito.

-Os textos mixtos orais e escritos: dictado, oralización e transcrición. Textos escritos para ser lidos e escoitados (noticias, teatro, discursos, etc.)

3.1.2. Contidos procedementais

-Análise dos elementos principais de varias comunicacións escritas.

-Clasificación de textos escritos segundo as súas funcións (informar, gardar, aprender, anotar, etc.)

-Transformación dalgún texto escrito a partir do cambio dalgún dos seus elementos básicos: destinatario, función ou propósito.

-Toma de notas de fragmentos de discursos orais.

3.1.3. Contidos actitudinais

-Actitude positiva respecto da escritura.

-Conciencia das funcións e importancia da escritura así como do beneficio persoal que esta pode aportar.

-Interese pola análise e a reflexión sobre as comunicacións escritas.

3.2. As propiedades do texto escrito

Este bloque trata das propiedades ou dos requisitos ós que debe responder un texto para poder comunica-la súa mensaxe de forma eficaz. Os alumnos e as alumnas deberán realizar actividades encamiñadas a domina-la corrección ou a gramaticalidade (respecta-las regras de gramática e normativa), a adecuación (utiliza-lo rexistro apropiado segundo a situación), a coherencia (vehicula-la información requirida estructurada de forma lóxica), a cohesión (utiliza-las formas gramaticais de cohesión para relaciona-las súas frases entre si) e a presentación (respecta-las convencións sociais), co fin de producir textos que integren estas propiedades lingüísticas esenciais.

3.2.1. Contidos conceptuais

-Corrección ou gramaticalidade: construcción de frases, gramática normativa (ortografía, morfoloxía, sintaxe e léxico).

-Cohesión do texto: a conexión superficial entre as frases. Mecanismos de cohesión.

-Coherencia do texto: selección e organización da información. Estructura de cada tipo de texto. O parágrafo como unidade.

-Adecuación do texto: rexistros adecuados á comunicación (grao de formalidade, grao de especificade do contido, léxico, formulismos e outras expresións características)

-Presentación: disposición do texto na folla. O deseño da páxina.

3.2.2. Contidos procedementais

-Corrección dos textos propios ou doutros, consultando diccionarios, gramáticas, manuais e todo tipo de fontes.

-Identificación dos elementos de cohesión en textos escritos.

-Redacción de textos a partir de frases desconectadas, utilizando todo tipo de conectores.

-Análise de parágrafos identificando tema, estructura e función.

-Análise do nivel de formalidade dun texto escrito.

-Transformación de textos especializados en versións máis accesibles ou xerais.

-Análise dos usos tipográficos actuais: cursivas, negriñas, columnas, etc., nalgún texto escrito.

-Disposición dun escrito nunha folla, buscando a máxima eficacia e beleza.

3.2.3. Contidos actitudinais

-Valoración equitativa de tódalas propiedades do texto escrito.

-Actitude favorable cara á autocorrección ou á utilización de libros de consulta.

-Interese por desenvolve-la sensibilidade sociolingüística para saber escolle-lo nivel de formalidade adecuado a cada comunicación.

3.3. Tipoloxía de comunicacións escritas

Esle bloque distingue distintos tipos de textos escritos segundo dous criterios básicos: a función (descrición, narración, argumentación, instrucción, etc. ) e o ámbito (persoal, familiar, laboral, académico, etc.). Cada tipo de texto reúne unhas características específicas (linguaxe, estructura, destinatario, rexistro, etc.) e presenta dificultades distintas. Non se trata tanto de que os alumnos e as alumnas aprendan esta clasificación como de que durante o curso se traballen todo tipo de textos, de forma que tomen contacto coa gamma máis variada e diversa posible de textos.

3.3.1. Contidos conceptuais

-Tipoloxía de comunicacións escritas segundo a súa función: conversación, descrición, narración, instrucción, explicación, argumentación e creación literaria ou retórica.

-Tipoloxía de comunicacións escritas segundo o seu ámbito: persoal, laboral, académico, social e da prensa.

3.3.2. Contidos procedementais

-Análise de modelos variados de distintos tipos de texto.

-Análise dos formulismos e das expresións arquetípicas de cada tipo textual.

-Elaboración persoal de exemplos de cada tipo de texto.

3.3.3. Contidos actitudinais

-Actitude positiva cara a todo tipo de comunicacións escritas.

-Interese por desenvolver hábitos de lectura e de escritura.

-Actitude reflexiva cara á análise de textos.

3.4. O proceso de composición de textos

Este bloque distingue os procesos máis importantes que interveñen na composición de textos escritos. A escritura é unha habilidade elaborada e complexa que require varias destrezas: saber analiza-la situación de comunicación, poder buscar ideas para comunicar, organiza-las ideas nunha estructura, traducir estas ideas en prosa, revisar e avalia-los borradores, ou saber corrixilos e melloralos. Os alumnos e as alumnas deben practicar técnicas variadas e específicas para cada destreza, de modo que poidan desenvolve-los seus procesos de composición, os seus propios métodos de escritura.

3.4.1. Contidos conceptuais

-Elaboración e recursividade no proceso de escribir: borradores, revisión...

-Pasos do proceso de escribir: análise de cada situación concreta de escritura, elaboración dun proxecto de traballo, xeración de ideas, organización de ideas, redacción ou textualización, avaliación do escrito e revisión.

-O ordenador e os programas de tratamento de textos.

3.4.2. Contidos procedementais

-Análise dos elementos da comunicación escrita (autor, lector, propósito comunicativo, tema, tipo de texto, etc.) para planifica-lo texto.

-Elaboración dun proxecto de traballo sobre calquera propósito de escritura.

-Xeración de ideas propias para un texto.

-Activación dos coñecementos previos sobre o tema.

-Utilización de técnicas creativas: remuíño de ideas, exploración de temas, escritura libre, mapas,...

-Busca e consulta de todo tipo de fontes.

-Organización de ideas: uso de técnicas para estructurar ideas (esquemas xerárquicos, decimais, corchetes, diagramas, etc.), clasificación de ideas e informacións inconexas, e elaboración de esquemas.

-Redacción e textualización dun tema dado.

-Avaliación do escrito.

-Revisión do escrito e reelaboración dos aspectos mellorables do texto.

3.4.3. Contidos actitudinais

-Actitude positiva cara ó proceso de composición de textos.

-Actitude reflexiva para evita-la precipitación na escritura.

-Valoración de hábilos de xeración de ideas, de lectura e reformulación de borradores que combatan a preguiza e o desinterese por mellorar borradores de traballo.

-Toma de conciencia da importancia dos primeiros pasos da composición: análise da comunicación e planificación do traballo escrito.

-Actitude receptiva e aberta respecto dos comentarios que outros poidan facer do texto que se escribe.

3.5. Os recursos expresivos do código escrito

Este último bloque aborda a gran diversidade de recursos expresivos lingüísticos, retóricos e paraliterarios que pode utilizar un texto escrito para comunicar. Trátanse desde os estilos directo e indirecto, os valores expresivos da puntuación, as figuras retóricas clásicas ata a modalidade, o ton e a voz do texto (ironía, humor, ambigüidade). Preténdese que as alumnas e os alumnos se familiaricen cos recursos expresivos usados en todo tipo de textos non só literarios e que aprendan a utilizalos de forma eficaz.

3.5.1. Contidos conceptuais

-Estilística. Posibilidades expresivas da lingua: estilos directo, indirecto e indirecto libre. Valores expresivos da sintaxe e da puntuación. A modalidade oracional. As figuras e os recursos retóricos.

-A puntuación. Funcións e uso.

-O ton do texto. A actitude do autor e a súa expresión na prosa.

3.5.2. Contidos procedementais.

-Comparación entre frases con estilos distintos.

-Transformación de textos dun estilo a outro.

-Redacción variada de frases illadas e de fragmentos breves, cambiando a súa estructura sintáctica, a modalidade e a puntuación, buscando tódalas súas posibilidades expresivas.

-Creación de textos breves que conteñan figuras retóricas e outros recursos.

-Puntuación de todo tipo de textos, de forma paulatina do máis fácil ó máis difícil.

-Lectura detallada e entre liñas de textos de opinión.

-Comprensión do senso global e dos detalles ambiguos escondidos ou presupostos do texto.

-Redacción de textos breves que utilicen recursos expresivos: ironía, humor, etc.

3.5.3. Contidos actitudinais

-Concienciación sobre a importancia dos signos de puntuación na elaboración dun texto.

-Sensibilidade literaria e estética na comprensión e na elaboración de todo tipo de textos.

4. Criterios de avaliación

-Producir de xeito autónomo todo tipo de textos escritos con tódalas súas propiedades.

Este criterio pretende comprobar que os alumnos e as alumnas teñen conseguido un nivel suficiente e autónomo de dominio da habilidade da expresión escrita adecuado á súa idade e formación.

-Identifica-la función, o contido e as características formais (estructura, formulismos, estilo, etc.) dos tipos de texto que teñan que usar.

Preténdese con este criterio verifica-lo coñecemento lingüístico daquelas comunicacións que, por interese, necesidade ou currículo, teñan que escribi-los alumnos e as alumnas e que, polo tanto, foran traballadas durante o proceso de ensinanza-aprendizaxe.

-Retoñece-lo destinatario e o propósito dunha comunicación determinada.

Este criterio permite compraba-la comprensión que teñen as alumnas e os alumnos da especificidade de cada comunicación, así como a súa capacidade de reacción ante un texto escrito.

-Elaborar listas e esquemas de ideas propias sobre un tema determinado.

Este criterio permite comprobar se os alumnos e as alumnas teñen adquirido o proceso cognitivo de xerar e desenvolver ideas sobre un tema a partir de técnicas variadas de creatividade.

-Consultar fontes externas (manuais, enciclopedias, libros, etc.) para conseguir informacións específicas sobre un tema.

Con este criterio preténdese avalia-lo coñecemento que os alumnos e as alumnas teñen das principais fontes externas de consulta, así como as súas habi

lidades para utilizalas en situacións concretas de escritura.

-Facer esquemas de textos lidos e dos que se queira escribir.

Este criterio permite avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas de comprende-las ideas principais dun texto e de utilizar distintos formatos de esquemas para representar graficamente as mesmas; igualmente, permite avalia-la capacidade de planificación no proceso de composición de textos, que inclúe as habilidades de saber organiza-las ideas propias e de saber plasmalas nun proxecto de texto escrito.

-Selecciona-lo nivel adecuado de formalidade á comunicación escrita.

Con este criterio preténdese verificar se os alumnos e as alumnas perciben a diversidade lingüística e saben escolle-la modalidade máis axeitada para unha comunicación concreta.

-Engadi-los signos de puntuación necesarios en textos xa escritos e nas produccións propias.

Este criterio permite comprobar que as alumnas e os alumnos teñen comprendido a importancia, os principais usos e as funcións dos signos de puntuación como elementos moduladores da prosa escrita.

-Identifica-los erros de todo tipo no propio texto ou nun texto alleo.

Este criterio permite avalia-los coñecementos dos alumnos e das alumnas sobre as propiedades lingüísticas (coherencia, cohesión, adecuación, corrección e presentación) que todo texto debe ter, así como a capacidade de comprensión e análise dun texto escrito.

-Identificar, a partir dun texto, a actitude e a tendencia ideolóxica que mantén un autor respecto a un tema.

Este criterio permite comproba-lo nivel de comprensión lectora das alumnas e dos alumnos nos aspectos máis complexos: informacións secundarias, detalles e ton do texto.

-Utilizar libros de consulta, recursos informáticos e outros medios para emendar erros e mellora-la expresividade e a precisión dun texto (corrección, sinónimos, terminoloxía...).

Este criterio permite comprobar que os alumnos e as alumnas teñen a capacidade de autocorrección e mellora dos seus textos, aproveitando as vantaxes que ofrecen os libros e os medios informáticos creados a tal fin.

-Utilizar recursos lingüísticos variados (modalidade, estilos directo e indirecto, figuras retóricas, etc.) na redacción dun texto.

Con este criterio preténdese comproba-lo dominio productivo que os alumnos e as alumnas teñen dos recursos expresivos da lingua escrita.

-Dispoñe-lo texto escrito na páxina en branco segundo as disposicións formais necesarias.

Este criterio permite verifica-lo coñecemento que os alumnos e as alumnas teñen das convencións sociais de presentación de textos escritos.