Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 22 de maio de 1995 Páx. 3.784

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 133/1995, do 10 de maio, sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

A Constitución española, no seu artigo 27.6º recoñece ás persoas físicas e xurídicas a liberdade de creación de centros docentes.

De conformidade coas competencias que en materia de educación ten atribuídas a nosa Comunidade Autónoma en virtude do establecido no artigo 31 do Estatuto de autonomía, o presente decreto desenvolve o procedemento que deberá seguirse para que os centros privados, de nova creación, poidan ser autorizados a teor do disposto no artigo 23 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (LODE), e tendo en conta o establecido no Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Así mesmo, cómpre regula-las modificacións de que pode ser obxecto a autorización dun centro docente e a extinción desta, así como o procedemento que se seguirá para o efecto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe do Consello Escolar de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º

1. A apertura e funcionamento dos centros docentes privados que impartan ensinanzas de réxime xeral, das regulamentadas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, someterase ó principio de autorización administrativa.

2. O réxime xurídico das autorizacións dos centros ós que se refire o apartado anterior regularase polo que se establece no presente decreto.

3. A autorización concederase sempre que os centros reúnan os requisitos mínimos establecidos con carácter xeral polo Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, e as modificacións introducidas polo Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, na súa disposición adicional terceira e revogarase cando os centros deixen de reunir estes requisitos. Os centros autorizados desfrutarán de plenas facultades académicas e inscribiranse no Rexistro de Centros.

Artigo 2º

1. Toda persoa física ou xurídica de carácter privado e de nacionalidade española ou de calquera outro Estado membro da Unión Europea poderá obter autorización para a apertura e funcionamento de centros docentes privados se reúne os requisitos establecidos pola lexislación vixente.

2. Poderán, igualmente, obte-la dita autorización as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, de nacionalidade estranxeira, axustándose ó que resulte da lexislación vixente, dos acordos internacionais, ou, se é o caso, do principio de reciprocidade.

Artigo 3º

Non poderán ser titulares de centros docentes privados:

a) As persoas que presten servicios na Administración educativa estatal, autonómica ou local.

b) Os que teñan antecedentes penais por delictos dolosos.

c) As persoas, físicas ou xurídicas, expresamente privadas do exercicio deste dereito por sentencia xudicial firme.

d) As persoas xurídicas nas que as personas incluídas nos apartados anteriores desempeñen cargos rectores ou sexan titulares do 20 por 100 ou máis do capital social.

Artigo 4º

1. Os centros autorizados terán como denominación xenérica a correspondente ás ensinanzas para as que estean autorizados.

2. Tódolos centros privados terán unha denominación específica que figurará na correspondente inscrición rexistral. Non poderán utilizarse, por parte dos centros, denominacións diferentes daquela.

TÍTULO II

Expedientes de autorizacións

CAPÍTULO I

Da solicitude

Artigo 5º

1. O expediente de autorización administrativa para a apertura e funcionamento dun centro docente privado iniciarase a instancia de parte, mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a través da delegación provincial correspondente.

2. A solicitude xuntaráselle declaración ou manifestación de que a persoa promotora do centro non se encontra incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 3º do presente decreto.

3. Xuntarase o proxecto das obras que teñan que realizarse para a construcción do centro, que se axustará ás condicións establecidas no Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitarias e as modi

ficacións introducidas na disposición adicional terceira do Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo. Se se trata de inmobles xa existentes, deberán presentarse os planos das instalacións no seu estado actual e, se é o caso, o proxecto das obras previstas para o seu acondicionamento. En calquera caso, aportarase o título xurídico que xustifique a posibilidade de utiliación dos inmobles afectados.

CAPÍTULO II

Da aprobación do proxecto

Artigo 6º

A solicitude, acompañada da documentación indicada no artigo anterior, será elevada á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, que dictará resolución, á vista dos informes emitidos polos servicios correspondentes da delegación provincial respectiva, sobre a adecuación das edificacións propostas ós requisitos mínimos que, en canto a instalacións, sinala a lexislación vixente para as distintas ensinanzas, e logo de audiencia dos interesados, de se-lo caso.

Artigo 7º

A resolución da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros deberá producirse no prazo máximo de dous meses desde a data en que o promotor do centro completase a documentación á que se refire o artigo anterior. Esta resolución non porá fin á vía administrativa, podendo interpoñerse recurso ordinario ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

CAPÍTULO III

Da autorización definitiva

Artigo 8º

1. Aprobadas as edificacións propostas e realizadas, se é o caso, as obras necesarias, o interesado instará á autorización definitiva. A solicitude presentarase na delegación provincial, xuntando tamén relación do persoal de que disporá o centro desde o momento do inicio da súa actividade, con indicación das súas titulacións respectivas.

A devandita relación poderá ser substituída polo compromiso de ser aportada antes do inicio das actividades educativas e deberá ser aprobada expresamente pola delegación provincial correspondente, logo de informe da inspección educativa.

2. A autorización de apertura e funcionamento non poderá ser denegada por insuficiencia das instalacións propostas, se as obras foran realizadas conforme o proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

3. A delegación provincial, logo das verificacións oportunas, remitirá o expediente co seu informe, no prazo máximo de dous meses, á dirección xeral citada, que formulará proposta de resolución ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de audiencia dos interesados, de se-lo caso. A resolución do conselleiro que deberá producirse no prazo

máximo de tres meses a partir da recepción do expediente, porá fin á vía administrativa.

Artigo 9º

1. A autorización de apertura e funcionamento dun centro docente producirá efectos a partir do curso académico inmediatamente seguinte ó da data da correspondente resolución. Non obstante o titular do centro poderá solicitar que se aprace a posta en funcionamento deste.

En ningún caso se poderá poñer en funcionamento ningún centro nin unidade ningunha con antelación á concesión da correspondente autorización, sendo este motivo dabondo para denega-la autorización ou, se é o caso, revogala.

2. No centro impartiranse as ensinanzas autorizadas conforme a ordenación académica vixente.

Calquera modificación nas ensinanzas autorizadas, aínda que se realicen con carácter experimental, deberá ser aprobada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria por proposta do director xeral de Ordenación Educativa e Centros e deberá inscribirse no Rexistro de Centros.

TÍTULO III

Expedientes de autorización dos centros de ensinanzas obrigatorias que desexen acceder ó réxime de concertos

Artigo 10º

Os expedientes de autorización dos centros nos que se pretenda impartir ensinanzas obrigatorias e que desexen acceder, no seu momento, ó réxime de concertos educativos, tramitaranse conforme o disposto no título II do presente decreto, coas particularidades que se establecen nos artigos seguintes.

Artigo 11º

A solicitude de iniciación do expediente de autorización deberá conter manifestación expresa da vontade de acollerse ó réxime de concertos educativos.

Por petición do promotor do centro, a presentación dos proxectos de obras ou planos das instalacións poderá postergarse ata que recaia a resolución á que se refire o artigo seguinte.

Artigo 12º

A delegación provincial procederá segundo o disposto no artigo 6º deste decreto e elevará á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, xunto coa solicitude de apertura e funcionamento do centro, o seu informe.

Artigo 13º

1. A subscrición do concerto procederá cando do expediente tramitado resulte que no centro concorran as circunstancias de prioridade que se establezan e sempre que sexan suficientes os fondos públicos destinados o sostenemento de centros concertados, establecidos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que a subscrición do concerto non resultase procedente, o promotor do centro poderá proseguir, non obstante, a tramitación do expediente de autorización, segundo o previsto no título II deste decreto, e sen prexuízo de solicita-lo acceso ó réxime de concertos conforme o disposto no artigo 19 e seguintes do Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, aprobado por Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

TÍTULO IV

Modificacións da autorización

Artigo 14º

1. Considéranse circunstancias que dan lugar á modificación da autorización as seguintes:

a) Cambio de denominación específica do centro.

b) Modificación das instalacións que implique:

-Alteración das dimnensións dos espacios que se tiveron en conta para outorga-la autorización.

-Cambio no uso ou destino dos ditos espacios.

c) Ampliación e reducción de unidades e postos escolares.

d) Modificación das ensinanzas cando se realice con carácter experimental, manténdose o mesmo ciclo, etapa ou nivel educativo para o que foi autorizado o centro.

e) Ampliación, reducción ou substitución de ensinanzas, no caso de centros que impartan formación profesional específica.

f) Ampliación, reducción ou substitución de modalidades, en caso de centros que impartan bacharelato.

g) Cambio de titularidade do centro.

2. Considéranse circunstancias que dan lugar a unha nova autorización as seguintes:

a) Cambio de domicilio do centro por traslado de instalacións.

b) Cambio de ciclo, etapa ou nivel educativo para o que foi autorizado o centro, salvo o disposto nos apartados 1 d), 1 e) e 1 f) anteriores.

2. O cambio de domicilio dun centro concertado, se non se modifica a área de influencia do mesmo e se manteñan as condicións de atención ó mesmo grupo de poboación escolarizable, non implicará modificación do concerto subscrito.

Artigo 15º

1. A modificación de autorización deberá ser aprobada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que a concederá se se cumpren os requisitos mínimos fixados no Real decreto 1004/1991 e nas modificacións introducidas na disposición adicional terceira do Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, e o establecido no presente decreto.

2. Os interesados formularán a correspondente solicitude, na que se expresen as causas de modificación, ante a delegación provincial.

3. A delegación provincial elevará a solicitude, acompañada dos informes pertinentes á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, que proporá ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a oportuna resolución, logo de audiencia do interesado, de se-lo caso.

4. A resolución que poña fin ó expediente dictarase nun prazo máximo de tres meses, contados desde a presentación da solicitude ou, se é o caso, desde a corrección dos reparos que se formularan. Esta resolución porá fin á vía administrativa.

5. A modificación que se aprobe dará lugar á correspondente modificación da inscrición do centro no rexistro establecido para o efecto.

Extinción da autorización

Artigo 16º

1. A autorización extínguese polo cesamento nas súas actividades do centro docente ou por revogación expresa pola Administración educativa, de acordo co que se dispón nos artigos seguintes.

2. A resolución correspondente, que porá fin á vía administrativa, adoptarase por orde do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 17º

1. A extinción da autorización poderá acordarse por instancia do titular do centro.

No suposto dun centro acollido ó réxime de concertos educativos, non procederá a extinción da autorización a instancia do titular do centro concertado ata a data de extinción do concerto, salvo acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o interesado.

2. A extinción da autorización por cesamento de actividades dun centro docente, ó longo do período que regulamentariamente se estableza, será declarado de oficio polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de audiencia do interesado.

O disposto neste apartado será de aplicación, no caso de actividades de formación profesional, respecto das ensinanzas que deixaran de impartir, ó longo do período que, regulamentariarnente se estableza. Neste suposto, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, de oficio, logo de audiencia do interesado, procederá a modifica-la autorización, excluíndo dela as ensinanzas non impartidas.

3. En todo caso, a extinción da autorización producirá efectos desde o inicio do curso académico seguinte.

Artigo 18º

1. O expediente de extinción da autorización por revogación expresa da Administración procederá de acordo co disposto no artigo 23 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación, cando o centro deixe de reunir algún dos requisitos mínimos establecidos no Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, ou nas modificacións introducidas na disposición adicional

terceira do Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo. Procederá tamén o dito expedienta e no suposto previsto no artigo 20º deste decreto.

2. En todo caso, poñerase de relevo ó titular establecido no apartado anterior para que corrixa as deficiencias; no caso de non facelo no prazo que se lle conceda, iniciarase o oportuno expediente. A duración do prazo indicado establecerase en función da deficiencia que se corrixa.

3. O expediente de revogación será iniciado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros. Instruído o expediente daráselle vista e audiencia titular do centro. Cumprido este trámite, e á vista das actuacións realizadas e das alegacións formuladas, se é o caso, polo interesado, formularase proposta de resolución ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 19º

1. Na orde pola que se autorice o cesamento de actividades dun centro e na que se acorde a revogación da autorización poderá establecerse que os efectos daquelas sexan progresivos, a fin de que os alumnos matriculados no centro non sufran alteración na súa traxectoria educativa.

2. As ordes ás que se refire o apartado anterior darán lugar á correspondente inscrición de baixa no Rexistro de Centros Docentes.

Artigo 20º

Os incumprimentos de normas de réxime académico que regulamentariaMente se determinen comunicaránselle ó interesado para a súa emenda. De non facelo así no prazo que se sinale, iniciarase o procedemento de revogación da autorización, segundo o disposto no artigo 18º deste decreto.

Disposicións adicionais

Primeira.-Quedarán excluídos do procedemento sinalado no título III os centros a que se refire a disposición transitoria terceira número 2 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Segunda.-Independentemente do número de unidades autorizadas e que se autoricen por reuni-los requisitos mínimos, os centros concertados unicamente poderán poñer en funcionamento, a partir da entrada en vigor deste decreto, o número de unidades concertadas.

Terceira.-Tódalas resolucións que impliquen modificación do Rexistro de Centros serán publicadas, na súa parte dispositiva, no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes de autorización de novos centros, as de modificación ou extinción da autorización, así como os expedientes de revogación que se estean tramitando á entrada en vigor do presente decreto, continuarán tramitándose conforme esta norma.

Segunda.-Sen prexuízo do establecido na disposición adicional segunda, os centros concertados que tiveran funcionando un número de unidades superior ás concertadas poderán mantelas en funcionamento ata o remate da escolarización dos alumnos que na actualidade as ocupan.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior categoría se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Por orde do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria poderase delegar na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros a resolución das solicitudes de modificación da autorización a que se refire o artigo 15º deste decreto.

Segunda.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria