Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Venres, 03 de maio de 1996 Páx. 4.056

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Baloncesto.

Visto os estatutos da Federación Deportiva Galega de Baloncesto e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria de 17-12-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990 xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da

Federación Galega de Baloncesto

Capítulo I

Denominación, domicilio social e finalidade

Artigo 1º

A Federación Galega de Baloncesto é unha entidade de dereito privado que reúne xogadores, adestradores, árbitros, así coma clubs, asociacións, agrupacións e a totalidade de entidades dedicadas á práctica do baloncesto no territorio galego.

Artigo 2º

A Federación Galega de Baloncesto ten plena persoalidade xurídica propia, e absoluta capacidade de obrar para o logro da consecución dos seus fins, sen ánimo de lucro e de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia, Lei 10/1990, do 15 de outubro do deporte, os estatutos da Federación Española de Baloncesto, o Decreto 228/1994, do 14 de xullo, da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia e Orde do 28 de xullo de 1995 que a desenvolve, os presentes estatutos, regulamentos e disposicións que no desenvolvemento cotián se acorden na asemblea e outros órganos de goberno competentes para o efecto da Federación Galega de Baloncesto.

Artigo 3º

A Federación Galega de Baloncesto ten o seu domicilio en Santiago de Compostela, estadio multiusos de San Lázaro, Porta 14.

Artigo 4º

É función da Federación Galega de Baloncesto ordenar, dirixir e planificar tódalas actividades do baloncesto en Galicia, en coordinación co organismo

competente da Xunta de Galicia, e formar parte da Federación Española de Baloncesto de acordo co Decreto 228/1994, da Xunta de Galicia, en coordinación cos estatutos da Federación Española de Baloncesto e disposicións que traten das actividades de ámbito español e da FIBA no ámbito internacional

Artigo 5º

Son competencias da Federación Galega de Baloncesto:

1.-Promociona-lo desenvolvemento e práctica do baloncesto, regulamentar e coordina-lo aspecto técnico e organiza-los campionatos e competicións da súa xurisdicción.

2.-Regula-lo réxime xurídico e disciplinario dos clubs, asociacións, agrupacións, comités e a totalidade das entidades, xogadores, adestradores, árbitros, oficiais de mesa, técnicos arbitrais, directivos e, en fin, de todas aquelas persoas que dalgún xeito interveñan na organización e práctica do baloncesto, cumprindo sempre as disposicións vixentes sobre estes casos.

3.-Formar e cualificar a persoal técnico e deportivo especializado.

4.-Coordina-las funcións e competencias das federacións zonais e delegacións comarcais.

5.-Regula-lo seu réxime disciplinario e velar polo seu cumprimento.

6.-Asignar, controlar e fiscaliza-las axudas e subvencións ós seus afiliados.

Artigo 6º

No ámbito internacional, a Federación Galega de Baloncesto participará en competicións de acordo co que establezan as disposicións vixentes.

Capítulo II

Requisitos para ser membro da Federación Galega de Baloncesto. Estatuto, dereitos e deberes dos seus afiliados

Sección primeira

Clubs

Artigo 7º

Son clubs de baloncesto as asociacións con personalidade xurídica e capacidade de obrar que teñan por obxecto o fomento e a práctica do baloncesto, e estean afiliados á Federación Galega de Baloncesto.

Para afiliarse á Federación Galega de Baloncesto o club ou entidade deberán solicitalo por escrito acompañando copia dos seus estatutos. Tamén deberán afiliarse á Federación Galega de Baloncesto as asociacións de clubs que poidan crearse e sempre como trámite previo para a asunción de competencias expresamente delegadas pola FGB. Os acordos tomados polas asociacións en uso da dita delegación deberán ser notificados á FGB dentro do prazo dos 10 días seguintes ó da data da súa adopción.

Tódolos clubs e entidades afiliadas á Federación Galega de Baloncesto estarán sometidos ás normas

e disposicións emanadas desta; contribuirán ó cumprimento das distintas finalidades dunha forma harmónica e activa, baixo os principios democráticos dos presentes estatutos, e participarán nas distintas actividades.

Artigo 8º

Son dereitos dos clubs os seguintes:

a) Intervir na elección dos órganos de goberno e representación da Federación Galega de Baloncesto.

b) Participar cos seus equipos nas competicións oficiais que lles correspondan pola súa categoría, nos termos e observando os requisitos que establezan as bases de competición correspondentes.

c) Concertar e participar en encontros amigables con outros clubs federados ou estranxeiros, en datas compatibles para as competicións oficiais, coa previa autorización, segundo o caso, da Federación Galega de Baloncesto, Federación Española de Baloncesto e, incluso se fose necesario, do Ministerio de Asuntos Exteriores.

d) Asistir e intervir nas reunións dos órganos federativos que lles correspondan de acordo coas normas vixentes.

e) Optar ás axudas económicas que estableza a Federación Galega de Baloncesto para os clubs, na medida e ocasión que determinen as correspondentes normas.

f) Asociarse para o cumprimento dos seus fins.

g) Fusionarse cos requisitos que regulamentariamente poidan establecerse no desenvolvemento dos presentes estatutos.

h) Tódolos demais que a Federación Galega de Baloncesto estableza en cada caso.

Artigo 9º

Son obrigas dos clubs as seguintes:

a) Participar cos seus equipos nas competicións oficiais que lles correspondan pola súa categoría, nos termos e observando os requisitos que regulamentariamente se determinen, así como os que estableza a Federación Galega de Baloncesto, debendo fixa-la súa cancha oficial de xogo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumpri-los estatutos, regulamentos e demais normas da Federación Galega de Baloncesto, así coma os seus propios estatutos.

c) Poñer a disposición da Federación Galega de Baloncesto os seus campos de xogo cando sexan precisos ó dito organismo.

d) Contribuir ó sostemento económico da Federación Galega de Baloncesto, na medida en que lles corresponda, aboando as correspondentes cotas, dereitos e compensacións económicas que se determinen.

e) Aboa-los dereitos de arbitraxe que segundo as normas federativas lles correspondan, así como liquidar dentro de cada temporada as débedas contraídas coas federacións galega ou zonal, cos seus xogadores, ou técnicos, e con outros clubs no transcurso da competición.

f) Mante-la disciplina deportiva evitando situacións de violencia ou animosidade con outros membros ou estamentos do baloncesto.

g) Tramitar, atender e contestar coa maior dilixencia as comunicacións que reciban dos organismos federativos, e auxiliar a estes mediante a facilitación de cantos datos precisen.

h) Non impedi-la asistencia dos seus xogadores e técnicos ás seleccións autonómicas e ás actividades federativas de perfeccionamento técnico.

i) Coidar da máis perfecta formación deportiva dos seus xogadores, proporcionándolle-los medios precisos para iso, e garantindo a súa efectiva e plena actividade deportiva.

j) Dispor para os encontros oficiais dunha cancha de xogo que cumpra os requisitos regulamentarios.

k) Contar cun adestrador oficialmente titulado para cada un dos equipos que teñan.

l) Recoñecer para tódolos efectos as tarxetas de identidade expedidas pola Federación Galega de Baloncesto.

m) Facilita-la entrada gratuíta nas súas instalacións deportivas ós membros do equipo contrario en posesión da correspondente licencia federativa.

n) Comunicarlle á Federación Galega de Baloncesto as modificacións estatutarias, o nomeamento e cesamento de directivos ou administradores, e os acordos de fusión, escisión ou disolución nos prazos establecidos.

o) Presenta-la documentación e demais requisitos que sexan necesarios para formaliza-la inscrición de cada equipo, segundo o establecido nas normas específicas para as competicións da Federación Galega de Baloncesto.

Artigo 10º

Regulamentariamente, en desenvolvemento dos presentes estatutos, determinarase o modo e forma no que se exercerán e cumprirán os dereitos e deberes que quedan relacionados, así como o que atinxe á clasificación dos clubs por categorías, cambios de residencia deles, fusións ou baixas.

Sección segunda

Xogadores

Artigo 11º

Para efectos dos presentes estatutos son xogadores aquelas persoas naturais que practican o baloncesto nun club afiliado á Federación Galega de Baloncesto e subscriben a licencia regulamentaria. Coa sinatura da mencionada licencia, queda vinculado ó seu club

e suxeito á disciplina da federación, quedando toda a organización desta última ó seu servicio.

Os xogadores contribuirán ó cumprimento das distintas finalidades dunha maneira activa e harmónica sobre os principios democráticos dos presentes estatutos, e participarán nas distintas actividades.

Artigo 12º

Para poder subscribir unha licencia coma xogador deberanse cumpri-los seguintes requisitos:

A) Ser español

B) Non ter compromiso vixente con ningún outro club.

C) Ter condición de afeccionado, segundo o establecido pola FEB.

A condición de ser español poderá ser dispensada pola Federación Galega de Baloncesto, con carácter excepcional, de forma permanente ou temporal, nos seguintes casos:

a) Cando un xogador teña que actuar en competicións amigables.

b) Ou cando un xogador só vaia actuar en competicións internacionais de clubs, para as que a regulamentación FIBA admite a súa inscrición, ou

c) Cando o xogador vaia actuar en competicións organizadas pola Federación Galega de Baloncesto, nas que a asemblea desta federación teña dispensado expresamente esta condición.

Artigo 13º

O xogador ten os seguintes dereitos:

a) Liberdade para subscribir licencia, respectando os dereitos adquiridos.

b) Participar en cantas probas, cursos, fases de preparación, seleccións ou outro tipo de cocentración, sexa convocado pola Federación Galega de Baloncesto.

c) Participar nas eleccións ós organos de goberno e representación da Federación Galega de Baloncesto

d) Ser recoñecido medicamente polo seu club, de acordo cas directrices determinadas pola Federación Galega de Baloncesto, e por esta unicamente cando se trate de selección ou concentracións organizadas pola mesma.

e) Ser adestrado por técnico titulado.

f) Consideración á súa actividade deportiva.

g) Recibir material deportivo para a práctica do baloncesto.

h) Recibir atención sanitaria gratuíta e axeitada no caso de lesión deportiva, ben por atención directa do seu club ou a través de concertos, voluntarios ou obrigatorios, que no mesmo teña coa Mutualidade Xeral Deportiva ou outra entidade pública ou privada.

i) Participar nas sesións de adestramento e nos encontros do seu equipo, agás decisión disciplinaria.

Artigo 14º

O xogador ten as seguintes obrigas:

a) Someterse á disciplina do seu club, sempre e cando esta se axuste ó disposto no ordenamento xurídico e participar nos adestramentos e encontros do seu equipo.

b) Non intervir en actividades deportivas con equipo distinto do seu sen autorización do club.

c) Utilizar, coidar e cando sexa requirido para iso, devolve-lo material deportivo que o club lle tivera entregado para tal fin.

d) Asistir ás probas e cursos ós que sexa convocado pola Federación Galega de Baloncesto.

e) Participar nas seleccións galegas.

Artigo 15º

Así mesmo, os xogadores de baloncesto poderán asociarse para a defensa dos seus intereses relacionados co baloncesto, nos termos que establece, ou poida establecer, a normativa vixente.

Tales asociacións poderán exercer por delegación competencias da Federación Galega de Baloncesto, para o cal deberán afiliarse a ela. Os acordos tomados polas asociacións en uso da dita delegación, deberán ser notificados á Federación Galega de Baloncesto dentro do prazo de dez días seguintes ó da data da súa adopción.

Artigo 16º

Regulamentariamente, no desenvolvemento dos presentes estatutos, determinarase o xeito e forma no que se exercerán e cumprirán os dereitos e deberes que quedan relacionados, así como as materias pertencentes á relación entre clubs e xogadores, categorías destes, licencias, categorías, baixas e cambios.

Sección terceira

Adestradores

Artigo 17º

Son adestradores as persoas naturais con título recoñecido pola Federación Galega de Baloncesto, dedicadas ó ensino, preparación e dirección técnica do baloncesto, tanto a nivel de clubs como da propia federación.

Os títulos de adestradores serán expedidos polo organismo competente.

Todolos adestradores inscritos estarán sometidos ás normas e disposicións da Federación Galega de Baloncesto, contribuirán ó cumprimento das distintas finalidades dunha maneira activa e harmónica sobre os principios democráticos dos presentes estatutos, e participarán nas distintas actividades.

Artigo 18º

Para actuar á fronte dun equipo o adestrador, ademais de te-lo título correspondente, deberá estar en posesión da licencia anual, expedida pola Fede

ración Galega de Baloncesto, que o vinculará a un ou varios equipos determinados.

Artigo 19º

O adestrador ten os seguintes dereitos:

a) Liberdade para subscribir licencia, de acordo coas normas establecidas e con respecto ós dereitos adquiridos.

b) Participar na elección dos órganos de goberno e representación da Federación Galega de Baloncesto.

c) Asistir ás probas e cursos de preparación ós que sexa convocado pola Federación Galega de Baloncesto, sen prexuízo das obrigas para co seu club.

d) Recibi-las prestacións da mutualidade nos casos de cobertura previstos.

e) Recibi-lo material deportivo preciso para a súa actividade.

f) Ó cumprimento das estipulacións pactadas co seu club.

Artigo 20º

O adestrador ten as seguintes obrigas:

a) Someterse á disciplina das entidades deportivas ás que se atope vinculado por licencia.

b) Non intervir en actividades deportivas con equipo distinto ó seu, sen autorización do club.

c) Empregar, coidar e cando sexa necesario para iso, devolve-lo material deportivo que o club lle teña facilitado.

d) Asistir ás probas e cursos ós que sexa convocado pola federación.

Artigo 21º

Os adestradores de baloncesto poderán asociarse para a defensa dos seus intereses relacionados co baloncesto nos termos que establece, ou poida establecer, a normativa vixente.

Tales asociacións poderán exercer por delegación, competencias da Federación Galega de Baloncesto, para o cal deberán afiliarse a ela. Os acordos tomados polas asociacións en uso da dita delegación, deberán ser notificados á Federación Galega de Baloncesto dentro do prazo de dez días seguintes á data da súa adopción.

Artigo 22º

Regulamentariamente, no desenvolvemento dos presentes estatutos, determinarase o xeito e forma no que se exercerán e cumprirán os dereitos e deberes que quedan relacionados, así como as materias relativas a categorías, titulacións, licencias, cambios, altas e baixas.

Sección cuarta

Árbitros, oficiais de mesa e técnicos arbitrais

Artigo 23º

Son árbitros as persoas naturais que, tendo subscrita a correspondente licencia federativa, coidan do cumprimento das regras oficiais de xogo e demais normas de aplicación perante os encontros, ostentando a máxima autoridade dentro do terreo de xogo.

Son oficiais de mesa as persoas naturais que, tendo subscrita a correspondente licencia federativa, colaboran cos árbitros no desempeño da súa función durante os encontros. Son técnicos arbitrais as persoas naturais, que, tendo subscrita a correspondente licencia federativa, colaboran co comité técnico de árbitros realizando informes sobre actuacións arbitrais, ou calquera tarefa relacionada coa formación e seguemento de árbitros e oficiais de mesa.

Tódolos árbitros, oficiais de mesa e técnicos arbitrais inscritos no Comité Galego de Árbitros estarán sometidos ás normas e disposicións da Federación Galega de Baloncesto, contribuirán ó cumprimento das distintas finalidades dunha maneira activa e harmónica sobre os principios democráticos dos presentes estatutos, e participarán nas distintas actividades.

Artigo 24º

Para que un árbitro, oficial de mesa e técnico arbitral poida subscribir licencia federativa deberá reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español. Este requisito poderá ser dispensado pola Federación Galega de Baloncesto para determinados supostos.

b) Ter máis de catorce anos.

c) Posuír título oficial de árbitro, oficial de mesa ou técnico arbitral recoñecido pola Federación Galega de Baloncesto.

d) Non ser xogador ou adestrador, nin ostentar outra condición dentro do baloncesto de modo activo.

Artigo 25º

Son dereitos dos árbitros, oficiais de mesa e técnicos arbitrais:

a) Asistir ás probas e cursos de perfeccionamento ou divulgación ós que sexa convocado pola Federación Galega de Baloncesto.

b) Recibi-las prestacións da mutualidade nos casos de cobertura previstos.

c) Percibi-las cantidades que se establezan nas bases de competición.

d) Ser clasificado nunha das categorías que se establezan pola Federación Galega de Baloncesto, a través do Comité Galego de Árbitros.

e) Participar na elección de órganos de goberno e representación da Federación Galega de Baloncesto.

Artigo 26º

Son obrigas dos árbitros, oficiais de mesa e técnicos arbitrais:

a) Someterse á disciplina da Federación Galega de Baloncesto, á do Comité Galego de Árbitros e ás dos seus comités zonais.

b) Non intervir en actividades deportivas relacionadas co baloncestos sen autorización da Federación Galega de Baloncesto.

c) Asistir ás probas e cursos ós que sexa convocado pola Federación Galega de Baloncesto.

d) Retirar semanalmente as designacións dos encontros, darse por informados delas, segundo as normas do comité galego ou dos comités zonais.

e) Asistir e exerce-las súas funcións nos encontros deportivos para os que sexan designados. Para que esta obriga quede dispensada, os colexiados deberán xustificar-la súa indispoñibilidade debidamente e coa antelación prevista nas normas do comité galego e dos seus comités zonais.

f) Coñece-las regras do xogo e regulamentos da Federación Galega de Baloncesto

Artigo 27º

Regulamentariamente, en desenvolvemento dos presentes estatutos, determinarase o modo e forma en que se exercerán os dereitos e deberes que quedan relacionados, así coma as materias referentes a titulación, licencias e clasificación por categorías.

Tamén se redactará un Regulamento xeral de premios e recompensas aplicable no territorio da Federación Galega de Baloncesto, no que constarán as súas categorías e sistema de concesión, divididos en ordinarios e extraordinarios. Os primeiros, de carácter anual, co fin de servir de exemplo e estímulo ós diversos estamentos do baloncesto galego; os segundos, para distinguir feitos excepcionais.

Sección quinta

Outros colectivos

Artigo 28º

Regulamentariamente, en desenvolvemento dos presentes estatutos, regularanse as figuras de:

a) Directivos das federacións zonais e Comité Galego de Árbitros.

b) Delegado de equipo, á que se asimilarán os directivos, médicos, directores deportivos, adestradores, preparadores físicos ou encargados de material e a do delegado de campo.

Capítulo III

Ámbito xurisdiccional

Artigo 29º

Estarán sometidos á disciplina da Federación Galega de Baloncesto tódolos seus directivos e funcionarios, tódalas federacións zonais ou delegacións comarcais, os xogadores, adestradores, delegados de equipo e asimilados, delegados de campo, clubs, asociacións ou agrupacións, comités, árbitros, oficiais de mesa, técnicos arbitrais e, en xeral, toda

persoa ou entidade que teña relación coa práctica do baloncesto.

Cando actúen en actividades de ámbito español ou internacional, estarán sometidos ó que determinen os estatutos, regulamentos, bases, normas e disposicións da Federación Española de Baloncesto da FIBA, segundo corresponda.

Artigo 30º

Os organismos e entidades dependentes da Federación Galega de Baloncesto rexeranse polas súas propias normas e regulamentos, subordinadas a este estatuto e ó resto das disposicións federativas vixentes, limitando a súa total competencia ó ámbito que ten asignado. Todas estas normas e regulamentos serán propostos pola xunta directiva da Federación Galega de Baloncesto á asemblea xeral para a súa aprobación, sendo dados a coñecer ós organismos superiores para a súa homologación.

Capítulo IV

Organización territorial

Artigo 31º

A Federación Galega de Baloncesto ten plena xurisdicción no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 32º

A Federación Galega de Baloncesto estará integrada en si por sete federacións zonais, a saber: Federación Arousá de Baloncesto, Federación Coruñesa de Baloncesto, Federación Ferrolá de Baloncesto, Federación Lucense de Baloncesto, Federación Ourensá de Baloncesto, Federación Santiaguesa de Baloncesto, e Federación Viguesa de Baloncesto.

Para unha mellor organización e cumprimento dos seus fins, a asemblea xeral, de acordo co sentir e as posibilidades de cada zona, poderá dividi-lo territorio galego nas demarcacións que sexan necesarias.

Artigo 33º

Tamén se poderán crear unidades de ámbito xeográfico inferior, denominadas delegacións comarcais, dependentes das federacións zonais, para mellor desenvolvemento e promoción do baloncesto en cada zona, sempre por acordo da xunta directiva da Federación Galega de Baloncesto, por proposta de cada federación zonal, pero mantendo os actuais e sempre que con iso se consiga unha maior organización das competicións.

Artigo 34º

As federacións zonais e, se é o caso as delegacións comarcais, axustarán a súa actividade ás normas dictadas pola Federación Galega de Baloncesto a través dos órganos que corresponda, e directamente do seu presidente.

Artigo 35º

Os titulares das federacións zonais serán nomeados e cesados polo presidente da federación galega, de acordo co artigo 51 dos presentes estatutos.

A composición do equipo directivo da federación zonal ou delegación comarcal, así coma as súas competencias, serán de libre facultade do titular da federación zonal ou delegación comarcal, o cal dará conta ó presidente da federación galega.

Título II

Órganos de goberno e representación

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 36º

Son órganos de goberno e representación da Federación Galega de Baloncesto, a asemblea xeral e o presidente.

No seo da asemblea xeral constituirase unha comisión delegada de asistencia á mesma

Artigo 37º

Serán órganos efectivos da federación galega, o presidente, a asemblea xeral e a comisión delegada no ámbito das súas respectivas competencias.

Os membros dos demais órganos e comités serán designados e destituídos libremente polo presidente, coas excepcións previstas nos presentes estatutos.

O nomeamento ou renovación dos órganos de goberno e representación dos órganos complementarios, e dos comités que poidan crearse dentro da federación, deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e á Secretaría Xeral para o Deporte, nun prazo máximo de 15 días a partir da data de nomeamento.

Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e termos establecidos nestes estatutos, os seus acordos, agás disposición expresa en contrario, adoptaranse por maioría simple; en caso de empate o presidente terá voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos.

A responsabilidade dos membros dos órganos da Federación Galega de Baloncesto no exercicio das súas funcións será esixida no ámbito disciplinario de conformidade co disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, e nos ámbitos civil e penal, de acordo coa lexislación xeral de aplicación.

Son requisitos xerais para ser membro de calquera órgano da Federación Galega de Baloncesto, os seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos seus dereitos civís.

c) Non estar suxeito a corrección disciplinaria de carácter deportivo que supoña inhabilitación.

d) Non ter sido condenado mediante sentencia penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta para cargo público.

e) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade establecida legal ou estatutariamente.

f) Reuni-los requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

Capítulo II

A asemblea xeral

Sección primeira

Natureza, composición, nomeamento e cesamento

Artigo 38º

A asemblea xeral é o órgano superior de goberno e representación da Federación Galega de Baloncesto.

Artigo 39º

A asemblea xeral estará contituída polo presidente da federación galega e por representantes dos clubs, entidades deportivas, deportistas, técnicos-adestradores, árbitros e outros colectivos.

Os clubs e entidades deportivas non poderán ser membros da asemblea xeral se, no momento da convocatoria de eleccións non figuran inscritos no Rexistro Xeral de Clubs, Federacións e entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

Os compoñentes da xunta directiva, por esa soa consideración, poderán asistir ás reunións da asemblea, con voz, pero sen dereito a voto.

Artigo 40º

A asemblea xeral estará integrada por oitenta membros, e a representación de estamentos responderá ás seguintes proporcións:

-Clubs e entidades deportivas: 72,5% correspondendo 58 membros

-Deportistas: 10%, correspondendo 8 membros.

-Adestradores-técnicos: 2,5% correspondendo 2 membros

-Árbitros, oficiais de mesa e técnicos arbitrais: 5% correspondendo 4 membros.

-Outros colectivos: 10% correspondendo 8 membros.

Artigo 41º

A convocatoria de eleccións deberá indicar expresamente o número de membros da asemblea xeral e de cada un dos seus estamentos.

Artigo 42º

Os membros da asemblea xeral e da comisión delegada cesarán polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Disolución do club ou entidade á que representen.

c) Expiración do mandato para o que foron elexidos.

d) Renuncia ou demisión.

e) Estar incurso de causa de inexibilidade ou incompatibilidade legal ou estatutaria.

f) Sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que ostenta.

g) Perda dos requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento.

Artigo 43º

As vacantes que se produzan na asemblea xeral antes das seguintes eleccións xerais a ela, serán cubertas, dentro de cada estamento e de forma sucesiva, polos candidatos que no proceso electoral obtivesen maior número de votos despois dos que resultaron electos e, a falta destes, mediante a realización de elecccións parciais, sempre que, neste último caso, as vacantes superen o 20% dos membros da asemblea.

Os elixidos para ocupa-las vacantes a que se refire o apartado anterior ostentarán o seu mandato polo tempo que falte para a celebración das seguintes eleccións xerais.

Sección segunda

Réxime de funcionamento

Artigo 44º.-Competencias

A asemblea xeral en canto órgano máximo de goberno e representación da Federación Galega de Baloncesto, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre ela, con sometemento ás regras de competencia e procedemento. Especialmente son competencias da asemblea xeral as seguintes:

1.-Modifica-los presentes estatutos e aproba-los regulamentos que sexan necesarios para o desenvolvemento e organización da federación.

2.-Elixir, mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, o presidente e a comisión delegada da federación galega, así como o cesamento e a moción de censura ó presidente

3.-Aproba-lo balance, as contas, orzamentos e memorias que teñen que formalizarse seguindo as disposicións vixentes.

4.-Resolve-las propostas que, en forma, sexan presentadas á asemblea.

5.-Aproba-los os programas e calendarios deportivos anuais que desenvolverá a federación galega así como as bases e regulamentos que rexerán as competicións

6.-Aproba-la creación de órganos territoriais da federación galega

7.-Aproba-lo Regulamento de eleccións á asemblea, presidente e comisión delegada da federación galega.

8.-Aprobación do Regulamento de disciplina deportiva.

9.-Calquera outra competencia da federación galega que non estea expresamente atribuída polos presente estatutos a outro órgano.

Artigo 45º

As reunións da asemblea xeral axustaranse ó seguinte réxime:

a) A asemblea xeral, reunirase unha vez ó ano, necesariamente antes de comeza-la nova temporada deportiva, en sesión ordinaria para os fins da súa competencia e, como mínimo para a aprobación do novo orzamento e liquidación do anterior, aprobación do calendario deportivo e das bases e regulamentos que rexerán a competición, e para a aprobación da memoria de actividades anuais.

A asemblea xeral será convocada polo presidente da federación galega a iniciativa propia ou por instancia razoada da cuarta parte dos seus membros cun mínimo de trinta días naturais de antelación á data da súa celebración, no taboleiro de novas da federación galega, así coma nas federacións zonais e, se é o seu caso, delegacións comarcais, debendo incluir necesariamente os puntos da orde do día que se van tratar. En todo caso, notificarase individualmente a cada un dos membros da asemblea por calquera método que permita ter constancia da data de recepción dela, cunha antelación mínima de 48 horas; a notificación efectuarase ós enderezos que consten na federación galega 30 días antes da data de convocatoria.

Os defectos formais na convocatoria non darán lugar á nulidade da asemblea sempre e cando os membros dela recibisen a convocatoria coa orde do día no prazo establecido.

En todo caso, a asemblea será válida, sen necesidade de ningún outro requisito, sempre e cando concorran a ela a totalidade dos seus membros.

b) As demais reunións da asemblea xeral terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente, ou por proposta de ó menos o 25% de membros da asemblea, cos mesmos requisitos previstos para a asemblea ordinaria. Presentada a solicitude de convocatoria por un número de membros suficiente, o presidente deberá convocala necesariamente no prazo de dez días naturais seguintes. Desde a convocatoria ata a data de celebración da asemblea non poderán transcorrer máis de vinte días naturais. Na solicitude deberán indicarse os puntos que compoñerán a orde do día. A convocatoria non poderá conter ningún outro punto distinto ós da solicitude.

c) A asemblea quedará validamente constituída cando concorran en primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros, ou en segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, calquera que sexa o número de membros asistentes.

d) A asemblea xeral será presidida polo presidente da Federación Galega de Baloncesto ou quen o substitúa, e actuará coma secretario o que o sexa da federación galega. Os acordos adoptaranse por maioría simple. No caso de empate será decisorio o voto

do presidente. Non obstante o anteriormente exposto, cando se trate de decisións sobre a compra ou alleamento de bens inmobles, ou operacións económicas que supoñan un 25% máis do orzamento anual da federación galega, así coma a modificación dos presentes estatutos, será necesaria a maioría das dúas terceiras partes dos seus membros

Para os efectos de cómputo de quórum e maiorías, cando estes se conformen cun número inexacto de asambleístas, computaranse sempre por exceso e con referencia ó número daqueles efectivamente existentes como membros da asemblea, descontadas as vacantes.

Artigo 46º

Non será admisible en modo ningún para a formación de vontade dos órganos colexiados da federación galega nin para o establecemento de seu quórum, o voto por correo nin a delegación de voto; sendo, polo tanto, necesaria a presencia física dos seus membros. Exceptúanse as eleccións dos membros da asemblea xeral, se así se aprobase no Regulamento electoral.

Con carácter excepcional o voto dos clubs e entidades deportivas poderá exercelo o seu presidente, ou a persoa na que el delegue, sempre e cando esta última non sexa membro da asemblea xeral.

Ninguén poderá ostentar na asemblea xeral máis dunha delegación de voto.

Artigo 47º

As votación no seo da asemblea realizaranse na forma e orde que estableza a presidencia, sendo esta a que decidirá se serán ordinarias, nominais ou secretas. Se polo menos o 25% dos asistentes solicita unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da asemblea xeral

Artigo 48º

De tódolos acordos adoptados en asemblea xeral ou comisión delegada, será levantada acta polo secretario das mesmas, especificando o nome das persoas intervenientes e demais circunstancias que se consideren oportunas, contido dos acordos adoptados, resultados das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán ós que os emitan de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.

Artigo 49º

Os acordos da asemblea xeral e da comisión delegada serán vinculantes e de obrigatorio cumprimento para a totalidade de órganos, persoas e entidades que integran a federación galega, e terán forza executiva a partir da data de adopción.

Capítulo III

Comisión delegada

Artigo 50º

No seo da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada que terá carácter electivo e será un órgano de goberno e representación da federación.

A comisión delegada será elixida pola asemblea xeral na primeira reunión que se celebre despois da súa constitución, mediante o sufraxio entre os seus membros, o seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

O número de membros da comisión delegada será o 15% dos membros da asemblea xeral. O número non será inferior a 5 nin superior a 15.

O presidente da federación convocará á comisión delegada, que se reunirá como mínimo cada 4 meses para os fins das súas competencias e, o menos, para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

Son competencias da comisión delegada:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación dos calendarios deportivos.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión económica e deportiva da federación.

As modificacións non poderán excede-los límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta dos temas para tratar na comisión corresponde exclusivamente ó presidente ou ós dous tercios dos seus integrantes

Capítulo cuarto

presidente

Artigo 51º

O presidente da Federación Galega de Baloncesto é o órgano executivo dela. Ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación, executando os seus acordos. Outorga os poderes de representación e administración que sexan precisos e ostenta a dirección superior da Administración federativa. O presidente da federación galega nomeará e destituirá os membros dos órganos xurisdiccionais da federación galega así coma ós presidentes da federacións zonais e Comité Galego de Árbitros.

Artigo 52º

A duración do cargo de presidente será de catro anos.

No caso de que, excepcionalmente, fique vacante a presidencia antes de que transcorra o prazo para o que foi elixido, considerarase dimisionaria toda a xunta directiva, constituíndose a comisión delegada en comisión xestora, presidida polo membro de maior idade. Convocará a asemblea xeral, e esta acordará unha nova elección de presidente para cubri-la vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ó mandato ordinario. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, haberá que aterse ó disposto no artigo 55º destes estatutos.

Artigo 53º

O desempeño do cargo de presidente será incompatible coas seguintes actividades:

a) Ocupación de cargos directivos noutras federacións deportivas; exceptúase a federación española da mesma modalidade deportiva.

b) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en clubs ou entidades deportivas integradas na federación galega.

c) A persoa que resulte elixida como presidente da federación galega deberá cesar en todo tipo de actividades directas no deporte do baloncesto e no ámbito territorial da federación.

Non existirá incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do baloncesto.

Artigo 54º

O presidente cesará por:

a) Transcurso do mandato para o cal foi elixido.

b) Demisión.

c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Aprobación dunha moción de censura pola asemblea xeral.

e) Por incorrer nunha causa de inelixibilidade ou incompatibilidade. Neste último caso dispoñerá dun prazo dun mes para cesar no posto que resulte incompatible co de presidente.

Artigo 55º

A moción de censura ó presidente poderá ser presentada polos membros da asemblea xeral que constitúan polo menos un 25% da mesma, mediante escrito presentado no rexistro xeral da Federación Galega de Baloncesto. Na dita petición deberán solicitar do presidente a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria coa dita moción como único punto da orde do día, así como propoñer un candidato alternativo á presidencia.

En caso de prospera-la moción de censura, que se votará nun sistema de dobre volta, debendo acada-la maioría absoluta dos membros que compoñen a asemblea na primeira volta, ou a maioría simple de asistentes na segunda, celebradas cunha hora de diferencia, o candidato quedará investido, con mandato polo prazo que reste para concluí-lo período ordinario.

Para a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria, haberá que aterse ó disposto no artigo 45 dos presentes. A sesión da asemblea xeral na que se debata a moción de censura, estará presidida polo membro de maior idade. Non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación.

Se a moción de censura non prosperase, non poderá presentarse outra nova ata transcorrido desde a presentación desta

Título III

Órganos complementarios ós de goberno e representación

Artigo 56º

Son órganos complementarios dos de goberno e representación da federación, para asistir ó presidente:

a) A xunta directiva

b) O secretario xeral

c) O tesoureiro.

Artigo 57º

1.-A xunta directiva é o órgano colexiado a quen lle corresponde a xestión e administración da federación galega, así como a execución e cumprimento dos acordos da asemblea. O número de membros non poderá ser inferior a 5 nin superior a 15. Os membros da xunta directiva serán nomeados e revogados libremente polo presidente.

O presidente elixirá entre os membros da súa xunta directiva un máximo de dous vicepresidentes, que o serán tamén da federación, os cales substituirán o presidente por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal; un secretario, que pola súa vez o será da federación, así coma un tesoureiro. Tales cargos, baseados na confianza, poderán ser removidos polo presidente cando o considere oportuno.

Serán membros natos da xunta directiva da federación, agás renuncia expresa, os presidentes das federacións zonais, en que se estructura a federación galega, e Comité Galego de Árbitros.

Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral, terán acceso a ela, con voz pero sen voto.

Tódolos cargos son honoríficos e, en caso de establecerse algunha compensación económica a favor dos membros da xunta directiva, deberá ser expresamente acordada pola asemblea xeral e constar dunha forma diferenciada no orzamento xeral. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación galega.

2.-O presidente da federación nomeará un secretario, o cal exercerá as funcións de fedatario e asesor, e, máis especificamente:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da federación, con indicación de asistentes, temas tratados, o resultado das votacións, e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

b) Expedi-las certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

c) Remitirlle á Secretaría Xeral para o Deporte as actas da asemblea xeral e da comisión delegada, no prazo de 15 días desde a data de celebración, así como as súas convocatorias.

d) Proporcionará toda a información necesaria ós órganos de goberno e representación da federación, para o bo desenvolvemento das súas misións. Preparará a memoria anual das actividades realizadas e levará os libros de actas, rexistro de entradas e saídas e rexistro de clubs e entidades afiliadas.

e) Cantas outras funcións lle poden ser encomendadas polos estatutos e regulamentos da federación e lle sexan delegadas polo presidente.

3.-O tesoureiro da federación galega é o seu órgano de administración.

Como funcións propias exercerá as seguintes:

a) Levar e controla-la contabilidade da federación galega así coma os libros contables, segundo a lexislación vixente.

b) Cobrar e pagar todo o relacionado coa federación.

c) Regulamenta-lo aspecto económico e realiza-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

d) Propo-la adquisición dos bens necesarios.

e) Informar da situación dos asuntos pendentes e propo-las medidas que considere necesarias.

f) Confecciona-lo balance de contas e orzamentos anuais para a súa presentación na asemblea xeral.

g) Elaborar e presentar informes á comisión delegada sobre o estado contable da federación.

h) Supervisará os pagamentos e toda clase de documentos bancarios.

Artigo 58º

Para ser membro da xunta directiva non será preciso formar parte da asemblea xeral.

Artigo 59º

Os membros da xunta directiva cesarán polas seguintes causas:

a) Vacancia na presidencia da federación, sen prexuízo da súa conversión en comisión xestora nos casos previstos nos estatutos.

b) Demisión.

c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do cargo.

d) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade.

e) Cesados directamente polo presidente.

Artigo 60º

A xunta directiva, como órgano colaborador do presidente non terá competencias propias, e exercerá por delegación aquelas que lle encomende o presidente, as cales poderá revogar en calquera momento.

Artigo 61º

Os asuntos ordinarios de trámite serán despachados polo presidente e o secretario.

Título IV

Órganos técnicos e asesores

Capítulo I

Comités en xeral

Artigo 62º

A Federación Galega de Baloncesto poderá crear, logo de aprobación pola asemblea xeral, cantos comités técnicos precise, ademais dos seguintes:

a) Comité de disciplina deportiva: comité de competición e comité de apelación.

b) Comité de árbitros.

c) Comité de relacións exteriores.

d) Comité de actividades.

e) Comité técnico.

f) Comité de promoción.

Tódolos presidentes dos comités serán nomeados polo presidente da federación galega, de entre os membros da xunta directiva. O secretario intervirá como secretario de tódolos comités, sen voz e sen voto, agás que fose membro deles.

Os comités rexeranse polos seus respectivos regulamentos internos e, se é o caso, pola normativa nacional unificada e emanada da Federación Española de Baloncesto, pola lexislación aplicable e polo disposto nos presentes estatutos.

Capítulo II

Comités de competición

Artigo 63º

O Comité Galego de Competición estará integrado por un xuíz único que será auxiliado por un secretario pertencente á secretaría da federación galega. O xuíz único será o encargado de coñecer e resolve-los casos, segundo as súas competencias, que son as seguintes:

1) Resolver en primeira instancia.

a) As reclamacións e incidencias que teñan lugar con motivo das competicións de carácter galego ou das fases clasificatorias para acceso ás fases finais nacionais das distintas categorías.

b) As cuestións disciplinarias que se susciten en relación coas persoas sometidas á disciplina da federación galega. Cando se trate de cuestións que afecten a un ou varios membros da xunta directiva da Federación Galega de Baloncesto, o comité precisará autorización previa do presidente para incoa-lo expediente.

c) Os litixios que se susciten entre xogadores e clubs con motivo da subscrición e expedición de

licencias, cando se refiran ás categorías territoriais galegas quec se é o caso, se considerarán como materia disciplinaria cando se aprecie inobservancia das normas, o cal será obxecto da sanción correspondente.

Artigo 64º

Serán seccións do Comité Galego de Competición para tódolos efectos, os comités de competición das federacións zonais. Os membros destas seccións serán nomeados polo presidente da federación zonal correspondente.

Serán competencia dos comités zonais de competición a resolución en primeira instancia das reclamacións e incidencias que teñan lugar con motivo das competicións das distintas categorías que se desenvolvan dentro do ámbito zonal correspondente.

Capítulo III

Comité galego de apelación

Artigo 65º

O Comité Galego de Apelación da Federación Galega de Baloncesto estará integrado por un xuíz único, que será auxiliado por un secretario pertencente á secretaría da federación galega. O xuíz único será o encargado de coñecer e resolve-los casos que se lle formulen, segundo a súa competencia. Deberá ser licenciado en dereito.

Artigo 66º

É competencia do comité de apelación o coñecemento e resolución de tódolos recursos interpostos contra as resolucións dictadas polos comités zonais de competición ou polo Comité Galego de Competición.

Artigo 67º

Regulamentariamente, e no ámbito das súas competencias, a federación galega desenvolverá o réxime disciplinario, definindo as faltas e sancións establecendo o procedemento a seguir en cada caso, de conformidade coa legalidade vixente na materia. Constituirá falta, que se sancionará de acordo co réxime disciplinario vixente, toda infracción das normas contidas nos presentes estatutos, no regulamento xeral e en calquera disposición de carácter deportivo que o sinale.

Artigo 68º

As resolucións dictadas polo Comité de Apelación da Federación Galega de Baloncesto en relación coas resolucións adoptadas polos comités zonais de competición ou o Comité Galego de Competición poderán ser recorridas no prazo de quince días hábiles, a partir da súa notificación, ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva da Xunta de Galicia, de acordo en cada caso, coa normativa vixente.

Artigo 69º

As resolucións dictadas polo Comité Galego de Competición poderán ser recorridas ante o Comité Galego de Apelación na forma que regulamentariamente se estableza.

As resolucions dictadas polo Comité Galego de Apelación contra resolucións adoptadas polo Comité Galego de Competición poderán ser recorridas ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva da Xunta de Galicia, na forma que regulamentariamente se estableza.

Capítulo IV

Comité de arbitros

Artigo 70º

O Comité Galego de Árbitros é o órgano técnico subordinado á disciplina da Federación Galega de Baloncesto, que se ten que coidar da captación, ensino e organización dos árbitros, oficiais de mesa e técnicos arbitrais no ámbito galego.

O Comité Galego de Árbitros adoptará a estructura territorial da Federación Galega de Baloncesto.

Artigo 71º

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente os arbitros e oficiais de mesa, en función de criterios prefixados pola asemblea xeral, propoñéndolle á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións serán comunicadas á asemblea xeral.

c) Propo-los candidatos a árbitros de categorías nacionais.

d) Proporlle á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da federación.

Artigo 72º

Para efectos funcionais, o Comité Galego de Árbitros de Baloncesto dependerá do Comité Técnico de Árbitros da Federación Española de Baloncesto, co fin de ter unha estreita unidade orientativa ó servicio da arbitraxe.

Capítulo V

Comité de relacións exteriores

Artigo 73º

O Comité de Relacións Exteriores terá como función fundamental a organización e dirección das seleccións galegas, así como as relacións nacionais e internacionais.

Capítulo VI

Comité de actividades

Artigo 74º

O comité de actividades terá ó seu cargo o estudio, organización, supervisión, dirección e control das competicións.

Capítulo VII

Comité técnico

Artigo 75º

O comité técnico terá como función fundamental a planificación, confección, desenvolvemento dos programas relacionados co baloncesto, coas escolas de xogadores, adestradores e árbitros, así como aquelas cuestións técnicas que sexan necesarias, como os "clinics", cursos superiores, concentracións, perfeccionamento de xogadores, adestradores e árbitros e tódalas demas cuestións técnicas que sexan necesarias. O presidente da Federación Galega de Baloncesto poderá nomear un director técnico deste comité, que será un cargo retribuído, se é necesario, e estará ás ordes directas do presidente de dito comité.

Capítulo VIII

Comité de promoción

Artigo 76º

O comité de promoción terá como función fundamental a promoción do baloncesto, a proposta de creación de federacións zonais, escolas de baloncesto, guías locais e zonais, así coma de tódalas categorías que poidan crearse, dentro da orientación educativa preceptiva, o asesoramento para a instalación de novas pistas polideportivas, todas aquelas cuestións que sexan propias, como as campañas de captación e divulgación do baloncesto.

Artigo 77º

Regulamentariamente poderá regularse o funcionamento, composición e competencias dos distintos comités.

Título V

Réxime electoral

Capítulo I

Os censos

Artigo 78º

Compoñerán os censos correspondentes a cada estamento electoral tódolos membros da Federación Galega de Baloncesto que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nos presentes estatutos e no Regulamento electoral.

Capítulo II

Regulamento electoral

Artigo 79º

Os procesos electorais desenvolverse conforme o Regulamento electoral que deberá ser aprobado pola

asemblea xeral, por proposta do presidente e regulará as seguintes cuestións:

1.-Número de membros da asemblea xeral

2.-Calendario electoral.

3.-Censo electoral.

4.-Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

5.-Requisitos para presentación e proclamación de candidatos. O termo para a presentación de candidatos a presidente e a membros da asemblea xeral poderá ser inferior a dez días.

6.-Procedemento de resolución de conflictos, impugnacións e reclamacións, así como de recursos electorais.

7.-Composición, competencia, funcionamento e instalación das mesas electorais.

8.-Elección de presidente.

9.-Elección da comisión delegada.

O Regulamento electoral deberá ser ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Capítulo III

A comisión xestora

Artigo 80º

Acordada a convocatoria de eleccións pola asemblea xeral e aprobado o Regulamento electoral, o presidente procederá no prazo sinalado nel á convocatoria de eleccións á asemblea xeral. A partir deste momento, a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora, e someterán o Regulamento electoral a ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte.

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións á asemblea xeral e a presidente, así como do Regulamento electoral coas medidas previstas nas disposicións federativas a través dun medio que permita asegura-la recepción da dita notificación.

O Regulamento electoral deberá ser exposto en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

A comisión xestora administrará a federación galega e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses no caso de que non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas.

Capítulo IV

Circunscricións electorais

Artigo 81º

Nos estamentos de clubs e deportistas haberá tantas circunscricións electorais como federacións zonais con idéntico ámbito xeográfico.

Nos restantes estamentos a circunscrición será única con ámbito de todo o territorio da Federación Galega de Baloncesto.

a) O número de membros que se elixiren por cada circunscrición será:

-Clubs e entidades proporcionalmente ó de afiliados a cada federación zonal.

-Deportistas: corresponderá un a cada circunscrición electoral e un máis a aquela federación zonal con maior número de licencias de xogadores.

-Árbitros, oficiais de mesa e técnicos arbitrais: corresponderán catro con ámbito de todo o territorio da federación galega.

-Técnicos-adestradores: corresponderán dous con ámbito de todo o territorio da federación galega.

Capítulo V

Xunta electoral

Artigo 82º

A xunta electoral estará composta por tres membros titulares e tres suplentes, elixidos por elección libre, directa e secreda, de entre as persoas que non sendo candidatas formasen parte da asemblea anterior. Inmediatamente quedará constituída a xunta electoral, exercendo como presidente dela o membro de máis idade dos elixidos, e como secretario, o que o sexa da federación, con voz pero sen voto.

A xunta electoral terá as seguintes funcións:

a) Homologación do censo electoral, resolvendo as cuestións e queixas que se formulen sobre el en relación coa súa formación ou rectificación.

b) Resolución das queixas, reclamacións e recursos que se formulen con motivo dos diferentes actos electorais.

c) A admisión e proclamación de candidaturas.

d) A proclamación dos resultados electorais.

e) A corrección das infraccións que, eventualmente, se produzan no proceso electoral.

f) Aqueloutras que se deduzan da súa propia natureza ou se lle atribúan pola normativa vixente.

A xunta electoral tomará as súas decisións, que serán executivas, por maioría simple. Unha vez finalizada a votación e o reconto dela, levantará a correspondente acta, que lle remitirá á Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de tres días.

Unha vez concluído o proceso electoral da asemblea xeral, do presidente da federación e da comisión delegada, a xunta electoral disolverase.

Capítulo VI

Mesas electorais

Artigo 83º

Para a elección dos distintos estamentos da asemblea xeral do presidente e da comisión delegada, constituirase unha ou varias mesas electorais, de

acordo co establecido no Regulamento electoral. Os membros destas mesas non poderán ser candidatos, axustándose no seu funcionamento ás normas que se establezan no Regulamento electoral.

Capítulo VII

Recursos

Artigo 84º

As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á xunta electoral e, contra o que esta resolva caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva. Así mesmo caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva contra tódolos actos, acordos ou resolucións da xunta electoral ou de calquera outro órgano ou membro da federación en materia electoral.

Capítulo VIII

Eleccións á asemblea xeral

Artigo 85º

1.-Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da federación.

2.-As eleccións á asemblea xeral serán acordadas por ela, que aprobará a convocatoria con tódolos requisitos que se establezan no Regulamento electoral que así mesmo se aprobe.

3.-Acordada pola asemblea xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da federación, o cal asinará a mesma.

4.-Desde a convocatoria para a celebración desta asemblea xeral, a xunta directiva e o presidente da federación constituiranse en comisión xestora, de acordo co xa previsto nestes estatutos.

Artigo 86º

Para ser candidato a membro da asemblea xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral no artigo 37 parágrafo último destes estatutos e os establecidos para ser elector que se indican nos artigos 88 a 90 dos presentes estatutos, referentes á antigüidade.

Os requisitos para ser electores ou elixibles deberán cumprirse no día en que se publique a convocatoria de eleccións.

Artigo 87º

As eleccións á asemblea xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes ós estamentos integrantes dela, de acordo co previsto nos presentes.

Artigo 88º

Os representantes dos clubs e entidades deportivas na asemblea xeral serán elixidos por entre os representantes dos correspondentes a cada circunscrición

electoral dos que integren o censo de entidades deportivas inscritas no rexistro público da federación e no rexistro de clubs, federacións e asociacións deportivas da Xunta de Galicia, no momento da convocatoria de eleccións, estivesen igualmente inscritos durante a temporada deportiva anterior, sempre que tivesen participado en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola federación galega ou pola Federación Española de Baloncesto.

Artigo 89º

Os representantes dos deportistas na asemblea xeral serán elixidos entre os maiores de 18 anos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que teñan licencia en vigor expedida pola Federación Galega de Baloncesto no momento da convocatoria de eleccións, e a tivesen tamén, polo menos durante a tempada anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola federación galega ou pola Federación Española de Baloncesto.

Artigo 90º

Os representantes dos técnicos-adestradores e do colectivo arbitral na asemblea xeral, serán elixidos entre os maiores de 18 anos, por e entre os pertencentes a cada estamento calquera que sexa a súa categoría, de entre os que teñan licencia en vigor no momento da convocatoria de eleccións, e que tamén as tivesen, como mínimo, na temporada deportiva inmediatamente anterior, nas mesmas condicións que as establecidas nos dous artigos anteriores.

No concernente ó colectivo arbitral as licencias poderán ser indistintamente de árbitro, oficial de mesa ou técnico arbitral, tanto no momento da convocatoria de eleccións como na temporada deportiva anterior, aínda que en ambas non coincidise o tipo de licencia.

Capítulo IX

Elección de presidente

Artigo 91º

Unha vez concluídas as eleccións á asemblea xeral, o presidente da comisión xestora, logo do acordo da mesma, procederá inmediatamente á convocatoria da dita asemblea para elixi-lo presidente e á comisión delegada da federación galega.

O presidente será elixido por un período de catro anos, coincidindo con anos nos que se celebren Xogos Olímpicos de inverno, pola asemblea xeral, mediante sufraxio, libre, directo, igual e secreto por tódolos membros da dita asemblea xeral, logo da presentación e aceptación das candidaturas correspondentes, que deberán estar avaladas ó menos polo 10% dos membros da asemblea xeral. Os candidatos a presidente poderán non ser membros da asemblea xeral.

Artigo 92º

Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato acade esa maioría procederase

a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que obteña a maioría dos votos.

No suposto de que se presentara un só candidato, non se efectuará votación, sendo proclamado presidente o único candidato pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 93º

Para poder ser candidato a presidente da Federación Galega de Baloncesto deberán reunirse os seguintes requisitos:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o disposto en cada momento polo Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva inhabilitante, dictada polos órganos disciplinarios da Federación Galega de Baloncesto ou polo Comité Galego de Disciplina Deportiva.

d) Non ter sido condenado mediante sentencia xudicial firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de cargos públicos.

Artigo 94º

A votación será libre, igual, secreta e directa, non admitíndose o voto por correo, nin por delegación de persoas físicas.

Capítulo X

Elección da comisión delegada

Artigo 95º

Na mesma asemblea xeral convocada para a elección do presidente, e unha vez realizada esta, procederase á elección dos membros da comisión delegada da asemblea xeral.

A comisión delegada estará composta por 12 membros, ademais de polo presidente da federación galega.

Os membros da comisión delegada serán elixidos por e entre os integrantes da asemblea xeral.

Serán elixidos membros da comisión delegada aqueles que obteñan maior número de votos ata cubri-lo número de membros correspondentes á comisión delegada.

Título VI

Réxime económico

Artigo 96º

A Federación Galega de Baloncesto terá un réxime de administración, orzamento e patrimonio propio, e gozará de plena autonomía.

O orzamento de ingresos e gastos anual realizarase de acordo co principio de caixa única.

O tesoureiro someterá á asemblea xeral ordinaria un balance da situación e as contas de ingresos e gastos, memoria económica, así como o orzamento para a temporada seguinte. Balance e orzamento que deberá serlle notificado á Secretaría Xeral para o Deporte.

Agás autorización expresa da Secretaría Xeral para o Deporte, non poderá aprobarse un orzamento deficitario.

Tampouco poderán repartirse beneficios entre os membros da federación galega.

Artigo 97º

A Federación Galega de Baloncesto elaborará unha memoria na que analizará fielmente a súa actividade económica, a súa axeitada actuación orzamentaria, o cumprimento dos seus obxectivos e os proxectos para desenvolver, e informará separadamente dos seguintes aspectos:

1.-Diferenciación entre ingresos e aportacións, segundo o seguinte desgregación:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou aportacións privadas.

c) Vendas activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola federación, permisos, licencias, inscricións, afiliacións, fichas e outros que se establezan, logo de aprobación pola asemblea.

f) Ingresos financeiros.

2.-Tamén constará o destino da totalidade de recursos, distinguindo como mínimo os seguintes grupos de custo ou investimentos:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de élite profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos disciplinarios.

k) Mantemento de federacións zonais.

3.-O importe das obrigas de pagamento que sexa necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4.-O importe das garantías e os avais comprometidos.

5.-A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea xeral anterior.

Artigo 98º

As contas anuais e os orzamentos deberán estar no domicilio social da federación galega cunha antelación mínima de 15 días á data de celebración da asemblea xeral, a disposición das persoas, clubs ou entidades con dereito a voto na mesma, as cales poderán pedir copia que lles será entregada antes da celebración da asemblea.

Artigo 99º

Constitúen os ingresos da Federación Galega de Baloncesto os seguintes:

a) As subvencións que poida recibir do Estado, Xunta de Galicia, Federación Española de Baloncesto, deputacións, concellos ou calquera outra entidad pública ou privada.

b) Os ingresos obtidos por afiliacións, inscricións, fichas, licencias, servicios e outros ingresos que se establezan, logo de aprobación polos órganos correspondentes.

c) A participación que se poida fixar nos ingresos de toda orde que teñan as asociacións, agrupacións, clubs e resto de entidades, logo de aprobación pola asemblea xeral.

d) O importe das sancións e multas que se produzan a consecuencia das competicións que a federación organice, e con ocasión do exercicio da potestade disciplinaria.

e) O beneficio que se obteña por calquera concepto e se produza en actos, encontros e competicións que se organicen.

f) Os donativos, subvencións e outros ingresos que se deriven do exercicio da actividade propia da federación.

g) Os préstamos ou créditos que se lle concedan.

h) Os procedentes de calquera actividade legal que a título lucrativo ou por explotación ou arrendamento dos seus bens se produzan en favor da federación.

Artigo 100º

A totalidade de ingresos e do patrimonio da Federación Galega de Baloncesto deberán ser destinados á consecución dos fins propios do seu obxecto social, e, en particular á promoción e ensino do baloncesto.

Artigo 101º

En consonancia co disposto no artigo 57.3º anterior, a xestión económica ordinaria da federación correrá por conta do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando das operacións de cobramentos e pagamentos. Autorizará co súa sinatura, mancomunada coa do presidente, ou coa do vicepresidente autorizado, tódolos documentos de move

mentos de fondos. Será responsable da levanza e custodia dos libros contables. Formulará balances que, anualmente, deberán presentarse á asemblea xeral para a súa aprobación.

Suposto de ausencia do tesoureiro, será o presidente da Federación Galega de Baloncesto o responsable do exercicio das funcións propias de aquel, as cales poderá delegar na persoa que estime oportuno.

Artigo 102º

O exercicio económico comeza o día 1 de xaneiro e remata o 31 de decembro.

Titulo VII

Réxime documental

Artigo 103º

A Federación Galega de Baloncesto levará como mínimo os seguintes libros, debidamente dilixenciados:

a) Libro rexistro de entrada e saída de documentos e comunicacións oficiais.

b) Libro rexistro de clubs, no que constará a denominación destes, domicilio social, e número de inscrición no rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Xunta de Galicia.

c) Libros de actas que consignarán as reunións que celebren tódolos órganos colexiados da federación, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libros de contabilidade.

e) Libro inventario de bens mobles e inmobles.

f) Rexistro de membros da asemblea xeral e da comisión delegada, no que deberán consta-los nomes dos titulares ou representantes legais e os domicilios para citacións e comunicacións.

Artigo 104º

En consonancia co previsto no artigo 57.2º anterior, o réxime documental da Federación Galega de Baloncesto estará a cargo do secretario, ó cal lle corresponde a custodia dos libros da federación, levantar actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, asinadas co visto e prace do presidente, expedir certificacións, remitir as certificacións e acordos que procedan á Secretaría Xeral para o Deporte e, en xeral, prepara-la resolución e despacho de tódolos asuntos.

En caso de ausencia ou imposibilidade física do propio secretario, as súas funcións serán desempeñadas polo propio presidente da federación galega, ou por persoa en quen este delegue.

Título IX

Da modificación de estatutos e da disolución da Federación Galega de Baloncesto

Artigo 105º

Os estatutos da Federación Galega de Baloncesto só poderán ser modificados pola asemblea xeral e de acordo co establecido neles.

Artigo 106º

A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada polo presidente ou pola comisión delegada da Federación Galega de Baloncesto nomeándose de seguido pola mesma unha comisión técnica que realice os traballos necesarios para presentar ante a asemblea os novos textos, totais ou parciais, que se someterán a aprobación.

Aprobada a reforma de estatutos pola asemblea xeral, deberá ser ratificada pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 107º

A Federación Galega de Baloncesto extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioría de dous tercios de membros da asemblea xeral, refrendado, por maioría absoluta, por tódolos membros da Federación Galega de Baloncesto a través de votación libre, igual, directa e secreta.

b) Polas demais causas que determinen as leis.

Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto destinarase ós fins de carácter deportivo que determine a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Disposicións adicionais

Única.-En todo o previsto nos presentes estatutos e mentres non se confeccionen os regulamentos e normas de carácter xeral, por analoxía seguirase o disposto polo estatuto da Federación Española de Baloncesto e na Orde de 28 de xullo de 1995, da Consellería da Presidencia Administración Pública da Xunta de Galicia, que desenvolve o Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas.

Disposición derrogatoria e derradeira

Os presentes estatutos, unha vez aprobados pola asemblea xeral da Federación Galega de Baloncesto, entrarán en vigor o mesmo día da súa sanción pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; quedando desde entón derrogada toda norma que se opoña ó disposto neles, e en particular os estatutos aprobados en data, así como Regulamento xeral de desenvolvemento dos mesmos.

3078