Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 22 de maio de 1996 Páx. 4.763

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

O consumo de drogas, aínda que acompañou á humanidade desde as súas orixes, nas súas actuais características forma parte do contexto social contemporáneo. O desenvolvemento científico-técnico trouxo consigo tanto a posibilidade de consumir unha maior variedade de drogas -inicialmente de orixe natural e na actualidade con progresiva tendencia cara ás de orixe sintética- coma a de utilizar diferentes vías de administración, particularmente, desde mediados do século XIX, a parenteral. A evolución sociocultural configurouno como un fenómeno de mercado sometido ademais á dinámica da oferta e da demanda.

En Galicia, comezaría a xerar problemas a finais da década dos 70, e entre 1979 e 1981 revelaríase como especialmente preocupante. A partir dese momento iniciouse a creación de servicios de atención ós afectados, que, promovidos inicialmente por asociacións cidadás e posteriormente por algúns concellos, empezaban a recibi-lo apoio da Administración autonómica e central.

A Xunta de Galicia, sensible ós problemas xerados polo consumo de drogas na nosa Comunidade, creou en 1986 o Plan autonómico sobre drogodependencias (PAD), coordinado co Plan nacional sobre drogas (PND), que a Administración central comezou a poñer en marcha en 1985. A partir de entón comezou o proceso de organización, planificación, coordinación e xestión da resposta ós ditos problemas, tanto no que respecta ós programas e servicios de atención ós afectados coma no que atinxe á colaboración entre as administracións e o movemento social.

A extensión do consumo de drogas é, na actualidade, un dos motivos que maior preocupación social xera, asociado coa conflictividade e inseguridade, que a sociedade percibe como unha das súas consecuencias. O uso de drogas non institucionalizadas, como a heroína, a cocaína ou os derivados da cannabis, se ben en proceso de estancamento as dúas primeiras e en franco retroceso os últimos, provoca dolorosas e difíciles situacións tanto persoais coma familiares e sociais.

O elevado consumo de bebidas alcohólicas na nosa Comunidade, aínda situado na media estatal, é un factor importante na aparición de problemas sociais, familiares, persoais e de saúde. E isto é especialmente preocupante por canto os sectores de xente nova da nosa sociedade parecen estar incrementando tal uso, sobre todo o das bebidas destiladas, de maior graduación e menos asimiladas culturalmente.

O consumo de tabaco en Galicia é excesivamente elevado. As enfermidades asociadas a el diminúen a esperanza de vida en gran proporción, polo que a promoción da vida sen tabaco é un dos programas que se consideran prioritarios no campo da saúde pública.

Esta lei ten como finalidade dotar dun marco normativo amplo a necesaria revisión do PAD tras oito anos de funcionamento, de xeito que supoña un sólido apoio na adecuada resolución dos retos, tanto presentes coma futuros, que a evolución deste fenómeno lle formula á sociedade galega. Do mesmo xeito dálle cumprida resposta ó compromiso asumido pola Xunta de Galicia trala unánime aprobación por parte do Parlamento galego do Dictame da Comisión non permanente para o estudio da repercusión socioeconómica e sanitaria do narcotráfico en Galicia (Boletín Oficial do Parlamento de Galicia Núm. 282, do 10 de xuño de 1992), no que se instaba á presentación dun proxecto de lei sobre prevención, asistencia e integración en materia de drogodependencias.

O dictame recomendaba ademais dota-lo PAD dunha estructura forte que unificase a dirección de tódalas accións que se estivesen levando a cabo en materia de drogodependencias, o que deu lugar ó Decreto 33/1993, do 19 de febreiro, polo que se creaba o comisionado do Plan autonómico sobre drogodependencias, e ó Decreto 86/1994, do 14 de abril, no que se procedía a establece-la estructura e as funcións da Oficina do comisionado do PAD, nun intento de dotar a este da operatividade suficiente para desenvolve-las súas funcións. Posteriormente reforzaríase esta estructura mediante o Decreto 174/1994, do 2 de xuño, creándose as comisións de coordinación interconsellerías, interadministracións públicas e de organizacións non gobernamentais (ONG), como órganos colexiados coa finalidade de garanti-la coordinación de tódalas institucións que interveñen no campo das drogodependencias.

Na elaboración deste texto tivéronse ademais en conta a experiencia acumulada e as recomendacións dos organismos internacionais do sistema de Nacións Unidas competentes nesta materia, da Organización Mundial da Saúde, do Consello de Europa e doutras institucións da Comunidade Europea, así como a lexislación relacionada coas drogodependencias da nosa Comunidade Autónoma e do resto de España, e, singularmente, o dictame xa mencionado da Comisión non permanente do Parlamento de Galicia; o presente texto incorporou o contido das súas conclusións, no ámbito das competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma, especialmente as que fan referencia ás actuacións sobre a demanda do consumo de drogas.

A presente lei estructúrase nun título preliminar e catro títulos máis, cun total de 40 artigos. Contén, ademais, unha disposición transitoria, outra derrogatoria e catro disposicións derradeiras.

O título preliminar («Do obxecto da lei»), ademais de defini-lo obxecto da lei, establece varias definicións conceptuais que permiten unha homoxénea interpretación do texto.

Sendo a prevención do consumo de drogas un elemento da maior relevancia, o título I («Da prevención das drogodependencias») formula como principios rectores desta área de intervención a responsabilidade de cada individuo así como a corresponsabilidade de toda a sociedade en acadar hábitos de vida saudables.

A lei pon especial énfase en medidas dirixidas a mozos e adolescentes, posto que nesta etapa evolutiva é cando se van fixando os valores que sustentan os antes referidos hábitos de vida saudables.

Nesa liña, o título I dedica o seu capítulo I a recolle-las premisas prioritarias que terán que orienta-la promoción da saúde e o benestar social, así como a prevención das drogodependencias, a través de diversas directrices de intervención en relación coa saúde laboral, a educación para a saúde, a prevención comunitaria... Atención particular reciben os colectivos sociais máis vulnerables, xa que estes son os que maior risco presentan.

No capítulo II, por outra banda, recóllense normas tendentes a reduci-la oferta, facendo un especial fincapé en medidas de control e limitativas da publicidade, promoción, venda ou subministración de bebidas alcohólicas e de tabaco. Estas normas intentan ser complementarias entre si e reforza-la finalidade última que trazou o lexislador na elaboración da presente norma: non só se trata de limita-lo acceso ás drogas, antes ben preténdese que a demanda do consumo diminúa progresivamente sen renunciar a unha sociedade galega libre de drogodependencias.

O título II («Da asistencia e reinserción dos afectados polo consumo de drogas») recolle normas relativas á reducción da demanda, a través de medidas sobre a asistencia e integración social dos afectados polas drogodependencias, pretendendo manter un coidadoso equilibrio entre a necesidade de propiciar unha particular atención ós afectados e a obriga da Administración de non propiciar un trato de favor a un sector social que puidese resultar discriminatorio para outras persoas, colectivos ou, incluso, para os outros problemas cos que se enfronta a sociedade e ós que a dita Administración tamén ten que facer fronte.

Recollendo a tipoloxía e os criterios de ordenación que os recursos sociosanitarios de atención das drogodependencias teñen que observar en Galicia, este título II delimita os principios xerais de actuación das administracións públicas e do movemento asociativo no que a asistencia sociosanitaria se refire, avogando en todo momento por unha atención de carácter global e integrada que conciba a drogodependencia como un desaxuste biopsicosocial e garanta a coordinación entre os recursos asistenciais especializados e os recursos da rede xeral de saúde e servicios sociais.

O título III («Da organización e da participación social») dedica o seu capítulo I a establece-la atribución de competencias da Administración autonómica.

O capítulo II recolle normas relativas a como e quen ten que efectua-la planificación de obxectivos, prioridades, funcións e estratexias en materia de drogodependencias, constituíndose o Plan de Galicia sobre drogas, elemento básico da dita planificación.

Neste capítulo II tamén se establecen normas referentes á ordenación de centros, establecementos ou servicios que desenvolvan funcións en materia de dro

godependencias, así como de estructuración dun sistema de información e vixilancia epidemiolóxico-sanitarias.

Entendendo que o fenómeno que aborda esta lei é complexo e está relacionado con outros moitos, o capítulo III regula a participación social, recoñecendo como principio esencial a necesidade de que toda a sociedade, os poderes públicos, outras entidades e institucións, así como a poboación en xeral, manteñan e incrementen ante as drogodependencias un esforzo de franca colaboración e coordinación con vontade solidaria, acadando o clima social preciso para que o conxunto de medidas adoptadas, ou que se poidan adoptar no futuro (sociosanitarias, educativas, culturais, económicas, laborais e políticas), acaden os seus obxectivos na diminución do problema que motiva esta lei.

A necesidade de coordina-las actuacións que desenvolvan no eido das drogodependencias os distintos sectores, tanto públicos coma privados, da Comunidade Autónoma de Galicia leva a regular no capítulo IV distintos órganos de coordinación.

O capítulo V, pola súa banda, entendéndoas como aspectos fundamentais, establece liñas de actuación da Administración autonómica no referente á formación, investigación e documentación. Nesta liña adóptanse preceptos que intentan garantir unha adecuada formación, de pregrao e posgrao, así como a formación continuada de tódolos profesionais e axentes sociais implicados.

A investigación prevese como unha ferramenta imprescindible para abordar eficazmente o complexo fenómeno das drogodependencias, establecéndose por isto medidas que a impulsen, facilitando que os diferentes profesionais desenvolvan estudios sobre a materia.

Por último, o título IV («Da función inspectora e do réxime sancionador») establece un réxime de inspección e vixilancia que pretende velar polo estricto cumprimento do establecido no resto do texto.

Entendendo que ese réxime de inspección e vixilancia se efectúa dentro do ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia, a proposta que se fai neste título non obvia a necesidade de realiza-las ditas funcións en coordinación cos correspondentes servicios doutras administracións públicas ou organismos competentes.

Este título IV establece, así mesmo, un réxime sancionador de infraccións cun carácter eminentemente práctico, o cal pretende acadarse ó ter en conta criterios que modulan e gradúan tanto as infraccións coma as sancións, tendo presentes os principios de legalidade, tipicidade e proporcionalidade que sempre teñen que presidir todo procedemento administrativo sancionador.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de Galicia sobre drogas.

Título preliminar

Do obxecto da lei

Artigo 1.-Obxecto.

É obxecto da presente lei establecer, no ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia, os criterios que permitan unha adecuada coordinación das entidades e institucións que actúan no campo das drogodependencias e regula-lo conxunto de accións dirixidas á prevención do consumo de drogas e das drogodependencias, ó tratamento e á integración social dos afectados por elas e á formación e investigación no dito campo.

Artigo 2.-Conceptos básicos.

1. Consideraranse drogas, para efectos desta lei, aquelas substancias que administradas ó organismo estimulan, inhiben ou perturban as funcións psíquicas, prexudican a saúde e son susceptibles de xerar dependencia.

Especificamente, daráselles esta cualificación a:

a) Os estupefacientes e psicotrópicos que determinen as convencións internacionais e se sometan a medidas de fiscalización pola autoridade pública competente.

b) As bebidas alcohólicas.

c) O tabaco.

d) Os productos de uso doméstico ou industrial, substancias volátiles e outras que sexan susceptibles de produci-los efectos propios das drogas.

2. Para estes efectos considerarase por:

a) Dependencia: o estado psicofisiolóxico caracterizado pola necesidade do individuo de consumir droga para suprimir un malestar psíquico ou somático.

b) Desintoxicación: o proceso terapéutico dirixido a supera-lo estado de dependencia física.

c) Deshabituación: o proceso terapéutico dirixido a supera-lo estado de dependencia psicolóxica.

d) Reinserción ou integración social: o proceso de reincorporación do individuo á sociedade como cidadán responsable.

Título I

Da prevención das drogodependencias

Capítulo I

Das medidas preventivas

Artigo 3.-Medidas xerais.

1. Correspóndelles á Administración autonómica e ás demais administracións públicas de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, desenvolve-las actuacións de prevención tendentes a eliminar ou, no seu defecto, reduci-la promoción e o consumo das substancias definidas como drogas no artigo 2.1 da presente lei.

2. A prevención en drogodependencias debe enmarcarse nunha acción planificada e global que, con carácter inespecífico e comunitario, incida sobre os factores que predispoñan ó consumo, sen prexuízo doutros programas sectoriais concretos e específicos que poidan xerar intervencións máis amplas.

3. As actividades e os programas deberán contar con obxectivos e metodoloxía acorde coa realidade social sobre a que se pretende actuar e dispoñer dun sistema de avaliación das intervencións efectuadas e dos resultados acadados.

Artigo 4.-Actuacións e programas.

Coa finalidade de promove-la saúde e o benestar social, evitando a situación de dependencia, a Administración autonómica:

a) Articulará programas de información, consello e divulgación dirixidos ós cidadáns sobre as substancias que poidan xerar dependencia, as consecuencias do seu consumo e a súa incidencia no tocante á saúde da poboación.

b) Elaborará programas de prevención do uso indebido de drogas que comprenderán actividades informativas, de asesoramento e actuacións de carácter preventivo preferentemente nos ámbitos educativo, laboral, sanitario e comunitario. Para o desenvolvemento e a posta en marcha destes programas buscarase a colaboración coas administracións locais.

c) Promoverá a formación en drogodependencias de profesionais dos servicios sanitarios e facilitaralles, a través das unidades e dos servicios informativos da rede asistencial, asesoramento e orientación ós usuarios nesta materia.

Artigo 5.- Saúde laboral.

1. A Administración autonómica, en colaboración cos organismos competentes e coas organizacións sindicais e empresariais, fomentará:

a) Programas de prevención, asistencia e reinserción no ámbito laboral.

b) Programas de saúde laboral que inclúan actividades informativas e de formación dos traballadores e empresarios nos problemas derivados do consumo de drogas.

No deseño, execución e avaliación dos ditos programas en cada empresa fomentarase a corresponsabilización e participación dos sindicatos, empresarios, servicios médicos de empresa e comités de seguridade e hixiene.

2. A Administración autonómica de Galicia, nos seus centros, establecementos e servicios, reservará o posto de traballo da persoa drogodependente durante o proceso de tratamento. Regulamentariamente estableceranse as condicións e os requisitos que se teñen que cumprir para poder facer efectiva esa reserva do posto de traballo.

3. Fomentaranse entre organizacións empresariais e sindicais acordos que tendan a garanti-la reserva do posto de traballo de persoas drogodependentes e a non exerce-las potestades disciplinarias que prevé a lexislación laboral en casos de problemas derivados do abuso de drogas, cando as ditas persoas participen nun proceso voluntario de tratamento ou rehabilitación.

Artigo 6.-Educación para a saúde.

1. As consellerías competentes en materia de educación, sanidade e servicios sociais garantirán, mediante programas de educación para a saúde en tódolos

niveis non universitarios, a formación dos escolares para a prevención das drogodependencias. Fomentarán igualmente que o profesorado acade un coñecemento axeitado da problemática do consumo de drogas a través de programas de formación continuada.

2. Igualmente, garantirase unha formación axeitada sobre os distintos aspectos das drogodependencias nos estudios universitarios das áreas educativa, sanitaria e social.

Artigo 7.-Programas comunitarios.

A Administración autonómica velará polo establecemento de programas preventivos de carácter comunitario coa finalidade de incrementa-la solidariedade social e unha valoración positiva da saúde e do benestar individual e colectivo, potenciando a diminución de desigualdades sociais e factores de marxinación favorecedores do consumo de drogas.

Artigo 8.-Medidas sobre factores sociais condicionantes.

1. As administracións públicas de Galicia velarán polo establecemento de programas tendentes a diminuí-las desigualdades sociais, fundamentalmente daqueles factores de marxinación favorecedores do consumo de drogas.

2. Estes programas dirixiranse preferentemente a grupos con especiais dificultades de incorporación social, alto risco de consumo de drogas ou especial vulnerabilidade.

3. As actuacións canalizaranse a través do sistema de asistencia social, de acordo coa Lei de Galicia 4/1993, do 23 de abril, de servicios sociais, de plans culturais e deportivos da xuventude e do fomento do asociacionismo, formación ocupacional e accesibilidade ó emprego.

Artigo 9.-Medidas de apoio.

Os poderes públicos articularán medidas de apoio a iniciativas sociais encamiñadas á información e sensibilización social respecto da problemática derivada do consumo de drogas e solicitarán, con este fin, a colaboración dos medios de comunicación social.

Artigo 10.-Control e inspección.

As administracións públicas de Galicia, no marco das súas respectivas competencias e da lexislación vixente, prestaranlles especial atención ás medidas de control e inspección das distintas substancias obxecto desta lei e do cumprimento da normativa de venda e dispensamento de medicamentos, controlando o seu posible desvío cara a mercados ilegais.

Capítulo II

Da promoción, publicidade e venda de bebidas alcohólicas e tabaco

Sección 1ª

Das limitacións á promoción e publicidade de bebidas alcohólicas e tabaco

Artigo 11.-Condicións da publicidade.

1. A publicidade de bebidas alcohólicas e tabaco non poderá dirixirse especificamente a menores de ida

de, utiliza-la imaxe de menores ou de mulleres xestantes nin asocia-lo seu consumo a prácticas deportivas, educativas ou sanitarias.

2. Tampouco poderá vincularse o consumo de bebidas alcohólicas e tabaco ó éxito social, ó rendemento físico ou á conducción de vehículos nin atribuírlle carácter terapéutico, estimulante ou sedante, ou ben ofrece-la abstinencia ou a sobriedade como unha imaxe negativa da persoa.

Artigo 12.-Limitacións á promoción e á publicidade.

1. A promoción de bebidas alcohólicas no marco de feiras, exposicións, mostras ou semellantes levarase a cabo en espacios diferenciados ou separados, non permitíndose o acceso a menores de 18 anos non acompañados de persoas maiores de idade. En todo caso, prohibirase a promoción de bebidas alcohólicas a través de concursos ou actividades de consumo incontrolado.

2. Queda prohibida toda forma de publicidade de tabaco polos centros emisores de radio e televisión situados en Galicia.

3. Queda prohibida toda forma de publicidade de bebidas alcohólicas polos centros emisores de radio e televisión situados en Galicia, entre as 8 e as 22 horas.

4. Nos periódicos, revistas e demais publicacións que se editen na Comunidade Autónoma non se poderá facer publicidade do tabaco e bebidas alcohólicas en primeira páxina, nas destinadas a deportes e pasatempos e naquelas seccións que, polo seu contido, estean orientadas preferentemente a menores de 18 anos.

5. A Administración autonómica promoverá a formalización de acordos de autocontrol e autolimitación da publicidade de bebidas alcohólicas e tabaco con empresas fabricantes e distribuidoras das ditas bebidas, así como con anunciantes, axencias, empresas e medios de publicidade, coa finalidade de restrinxir, para todo o que a presente lei non regulamente, a actividade publicitaria das substancias referidas.

Sección 2ª

Da subministración e venda de bebidas alcohólicas e tabaco

Artigo 13.-Limitacións.

1. Non se permitirá a venda ou subministración de tabaco a menores de 18 anos. Igualmente, non se permitirá a venda ou subministración de bebidas alcohólicas a menores de 16 anos, e no caso de bebidas alcohólicas de máis de 18 graos centesimais ós menores de 18 anos. Así mesmo, queda prohibida a venda ou subministración de alcohol ós profesionais de diversos sectores como conductores de medios de transporte público ou persoal sanitario que, estando de servicio ou en disposición de prestalo, de realizaren a súa actividade baixo a influencia de bebidas alcohólicas pui

desen causar danos contra a vida e integridade física das persoas.

2. Non se poderá vender ou subministrar bebidas alcohólicas ou tabaco en:

a) Locais e centros preferentemente destinados a menores de 18 anos.

b) Centros culturais.

c) Centros educativos que imparten educación primaria e educación secundaria ou outras ensinanzas de nivel equivalente.

d) Instalacións deportivas.

e) Centros sanitarios.

3. Non se permitirá a subministración ou venda de bebidas cunha graduación alcohólica de máis de 18 graos en:

a) Centros de educación superior e universitaria.

b) Dependencias das administracións públicas de Galicia.

c) Áreas de servicio e descanso das autoestradas, autovías, vías rápidas e similares.

4. A venda ou subministración de alcohol e tabaco por medio de máquinas automáticas só poderá realizarse en lugares pechados, debendo constar na superficie frontal da máquina, onde non poida retirarse, a prohibición do seu uso por menores de 18 anos.

Sección 3ª

Desenvolvemento regulamentario

Artigo 14.-Desenvolvemento regulamentario.

As disposicións do presente capítulo relativas á publicidade, subministración e venda de tabaco e bebidas alcohólicas deberán adaptarse en cada momento á súa lexislación básica, e poderá regulamentarse, ó igual cós lugares de consumo de tabaco e bebidas alcohólicas, para a protección da saúde e seguridade das persoas tendo en conta os suxeitos destinatarios, a non inducción directa ou indirecta ó seu consumo indiscriminado e en atención ós ámbitos educativo, sanitario e deportivo.

Artigo 15.-Sinalización de prohibicións.

A sinalización formal ou externa das prohibicións que en materia de alcohol e tabaco se establezan nesta lei regularase por norma regulamentaria.

Título II

Da asistencia e reinserción dos afectados polo consumo de drogas

Artigo 16.-Do dispositivo asistencial.

1. Os poderes públicos da Comunidade Autónoma galega garantirán, en iguais condicións ca ó resto da poboación, o proceso de atención ó drogodependente nos servicios sanitarios e sociais, respectando os dereitos e as obrigas que establece a normativa básica e autonómica nesta materia.

2. Os recursos de tratamento das drogodependencias axustaranse á seguinte tipoloxía básica e distribución sanitaria:

a) Unidades asistenciais de drogodependencias (UAD): centros ou servicios de tratamento ambulatorio que, dependendo ou non dun hospital, desenvolvan calquera tipo de actividade terapéutica en drogodependencias. Promoverase a implantación de unha UAD por área de saúde.

b) Unidades de desintoxicación hospitalaria (UDH): aquelas que, dentro dun servicio hospitalario, realizan tratamentos de desintoxicación en réxime de internamento hospitalario. Promoverase a dotación de unha UDH por rexión sanitaria.

c) Unidades de día (UD): aquelas que, en réxime de estancia de día, realizan tratamentos de deshabituación mediante terapia farmacolóxica, psicolóxica ou ocupacional. Promoverase a implantación, como mínimo, de unha UD por cada unha das sete grandes cidades de Galicia.

d) Comunidades terapéuticas (CT): aquelas unidades, centros ou servicios que, en réxime de internamento, realizan tratamentos de deshabituación mediante terapia farmacolóxica, psicolóxica ou ocupacional. Promoverase a dotación de unha CT por cada rexión sanitaria.

3. En función da evolución do consumo de drogas e das súas consecuencias, poderán crearse outro tipo de centros, establecementos ou servicios e altera-la distribución anteriormente indicada.

Artigo 17.-Criterios de actuación.

Serán criterios de actuación dos servicios sanitarios e sociais:

1) Promove-la reducción da morbi/mortalidade asociada ó consumo das drogas.

2) Atende-las persoas con problemas derivados do consumo de drogas preferentemente no seu ámbito comunitario, potenciando os recursos asistenciais de réxime ambulatorio (UAD), de hospitalización parcial (UD) e de atención domiciliaria, evitando, na medida do posible, a necesidade de internamento.

Nos procesos que así o requiran, a hospitalización dos pacientes drogodependentes realizarase nas unidades correspondentes dos hospitais da rede sanitaria xeral.

3) Facilitarlle ó drogodependente unha resposta terapéutica de carácter global, mediante a coordinación permanente dos servicios sanitarios e sociais e a optimización racional dos recursos, procurando a adaptación social dos afectados e a súa reinserción na sociedade.

Artigo 18.-Da asistencia sanitaria pública.

l. As administracións públicas de Galicia velarán polo desenvolvemento das actividades asistenciais precisas para o tratamento dos diversos problemas derivados do consumo de drogas, a desintoxicación, a deshabituación-rehabilitación e a atención ás complica

cións orgánicas, psíquicas e sociais e ás urxencias derivadas do uso das drogas.

Co obxecto de garanti-las prestacións adecuadas, a Administración autonómica, no marco das súas competencias, poderá establecer acordos, convenios, contratos ou concertos con entidades tanto públicas coma privadas, preferentemente con aquelas que non teñan ánimo de lucro.

2. A Administración sanitaria desenvolverá programas de promoción da saúde orientados de forma prioritaria a colectivos de risco, especialmente de vacinación e quimioprofilaxe dos suxeitos afectados e das persoas que con el convivan, considerándose preferentes os de hepatite, tétano e tuberculose.

Tamén levará a cabo accións de educación sanitaria, de detección e tratamento de enfermidades infecciosas asociadas e de dispoñibilidade de material e axeitada utilización deste como profilaxe na transmisión de enfermidades infecciosas, especialmente VIH-SIDA.

Artigo 19.-Dos servicios sociais.

1. As administracións públicas de Galicia velarán polo desenvolvemento e pola promoción de actuacións encamiñadas a garanti-la atención das necesidades sociais dos afectados e a favorece-la súa integración social, mediante a utilización conxunta e coordinada dos diferentes programas da rede xeral de servicios sociais.

2. Directamente ou en colaboración coas administracións locais ou coa iniciativa social, a Administración autonómica desenvolverá programas orientados á promoción do movemento asociativo e á integración familiar e social dos afectados e fomentará o voluntariado social ou outras formas de apoio e axuda ó drogodependente que actúen coordinadamente coa rede xeral de servicios sociosanitarios.

Artigo 20.-Do movemento asociativo.

1. As asociacións, fundacións e outras organizacións non gobernamentais que interveñan no campo das drogodependencias poderán cooperar nas distintas materias obxecto da presente lei, logo de inscrición nos correspondentes rexistros que regulamentariamente se determinen e sempre que se adecúen ás normas previstas na lexislación vixente.

2. A Xunta de Galicia poderá declarar de interese para a Comunidade Autónoma galega aquelas entidades sen ánimo de lucro que estean levando a cabo programas ou servicios no campo das distintas drogodependencias e cumpran os requisitos que regulamentariamente se establezan.

Artigo 21.-Da asistencia á poboación drogodependente interna, detida ou reclusa.

Os poderes públicos que interveñen en Galicia, e no ámbito das súas respectivas competencias, promoverán os servicios de asistencia e orientación ó detido drogodependente a través das seguintes accións:

a) Facilitándolles información ós órganos xudiciais que teñan que adoptar decisións relacionadas coa situación xurídica dos afectados, especialmente naqueles

casos en que, estando sometidos a tratamento en establecementos, centros ou servicios asistenciais, a actuación xudicial supoña unha interrupción do proceso terapéutico.

b) Desenvolvendo programas de atención ó drogodependente detido ou recluso que teñan por obxectivo prioritario a detección e prevención de enfermidades infecciosas e que faciliten a posterior integración social do afectado a través da coordinación dos recursos da rede sociosanitaria. Estas actuacións poderán adoptarse igualmente en relación cos menores suxeitos a medidas de protección que estean ingresados en institucións, así como cos internados en virtude de resolución xudicial.

c) Promovendo a dotación de medios humanos e materiais que permitan aborda-los problemas derivados do consumo de drogas en reclusos drogodependentes acollidos a medidas terapéuticas derivadas da remisión condicional da pena ou en réxime de reclusión preventiva.

Título III

Da organización e da participación social

Capítulo I

Da atribución de competencias

Artigo 22.-Competencias.

1. Toda actuación e desenvolvemento normativo ós que houbese lugar en aplicación desta lei exerceranos, sen prexuízo das competencias da Administración central do Estado, a Administración autonómica, as deputacións provinciais e os concellos da Comunidade Autónoma, axustándose ás respectivas competencias que legalmente teñan atribuídas en materia educativa, cultural, de orde pública, comercio, sanidade, servicios sociais ou outras.

2. En todo caso, será competencia da Administración autonómica:

a) A planificación xeral e avaliación das necesidades, demandas e recursos relacionados coas materias obxecto da presente lei.

b) A coordinación e ordenación das funcións, actuacións e servicios que en materia de drogodependencias teñan que desenvolve-las distintas administracións e institucións públicas ou privadas da Comunidade Autónoma galega.

c) A autorización, rexistro, acreditación e inspección de centros, programas e servicios que, postos en marcha por entidades públicas ou privadas, desenvolvan actividades e accións de intervención en materia de consumo de drogas ou problemática asociada a este.

d) O establecemento dun sistema centralizado de información e documentación sobre drogodependencias, que permita o seguimento e a avaliación continua do consumo de drogas e da súa problemática asociada, coas debidas garantías do dereito ó anonimato sobre os datos que se rexistren.

Capítulo II

Da planificación e da ordenación

Artigo 23.-Planificación.

1. A planificación dos obxectivos, prioridades e estratexias de actuación que en materia de drogodependencias se realicen na Comunidade Autónoma preverase nun Plan de Galicia sobre drogas.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería á que resulte adscrito o órgano coordinador do Plan de Galicia sobre drogas, aprobará e remitiralle ó Parlamento o documento do dito plan. Así mesmo, remitiralle anualmente ó Parlamento galego unha memoria coa pertinente avaliación do plan.

2. O plan recollerá, de forma global, as accións que se van realizar nas áreas de prevención, asistencia, reinserción, formación, investigación, coordinación e outras que estimen oportunas as distintas administracións públicas, asociacións e organizacións non gobernamentais da Comunidade Autónoma galega.

3. O plan será vinculante para tódalas administracións públicas e entidades privadas ou institucións que, con cargo ós presupostos xerais da Comunidade Autónoma, reciban fondos para desenvolvemento de actuacións en relación co consumo de drogas e problemática asociada, debendo as súas actuacións na dita materia axustarse ós obxectivos, criterios e funcións que se establezan nel.

Artigo 24.-Contido do Plan de Galicia sobre drogas.

Na elaboración do Plan de Galicia sobre drogas concretaranse como mínimo os aspectos seguintes:

a) Análise epidemiolóxica do consumo de drogas en Galicia e da súa problemática asociada.

b) Obxectivos xerais e obxectivos específicos por áreas de intervención.

c) Criterios básicos de actuación.

d) Programas e calendario de actuacións.

e) Responsabilidades e funcións das administracións públicas, entidades privadas e institucións que interveñan nesta materia.

f) Descrición do dispositivo asistencial.

g) Recursos necesarios para executa-lo plan.

h) Sistemas de avaliación.

Artigo 25.-Da ordenación.

1. Os centros, establecementos e outros servicios que no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolvan funcións en materia de drogodependencias someteranse a un réxime de autorización previa ó inicio da súa actividade.

2. Corresponderalles ás consellerías competentes nas materias de sanidade e de servicios sociais a autorización, rexistro e acreditación dos centros, establecementos e servicios de tratamento das drogodependencias e dos que teñan un carácter social orientado especificamente ó desenvolvemento de programas de

prevención e inserción social de persoas afectadas por calquera forma de drogodependencia.

Artigo 26.-Modalidades terapéuticas.

A Administración autonómica, a través da Consellería competente en materia de sanidade e servicios sociais, establecerá sistemas de rexistro, análise, tipificación e avaliación das distintas modalidades terapéuticas e de reinserción desenvoltos no marco do Plan de Galicia sobre drogas. Tódolos centros deberán inscribi-las modalidades terapéuticas e de reinserción que desenvolvan.

Artigo 27.-Sistema de información.

A Consellería competente en materia de sanidade, a través do órgano coordinador do Plan de Galicia sobre drogas, estructurará un sistema de información e vixilancia sobre a frecuentación asistencial e morbi/mortalidade derivadas do uso de drogas, preservando o dereito á confidencialidade dos datos que se manexen.

Capítulo III

Da participación social

Artigo 28.-Voluntariado social.

1. A Administración autonómica fomentará e apoiará as iniciativas sociais e a colaboración do voluntariado social nas tarefas de prestación de servicios de prevención, asistencia e reinserción que en materia de drogodependencias desenvolvan as administracións públicas ou as entidades privadas sen ánimo de lucro.

2. As actividades de voluntariado social non poderán ser retribuídas.

3. Serán ámbitos preferentes de actuación do voluntariado social:

a) A concienciación social acerca da problemática das drogodependencias.

b) A prevención no ámbito comunitario.

c) O apoio á reinserción.

Artigo 29.-Concertos, convenios e subvencións.

1. A Administración autonómica de Galicia poderá subscribir, conforme a normativa vixente, concertos e convenios e concederlles subvencións a entidades públicas, entidades benéficas privadas sen ánimo de lucro e entidades privadas que interveñan no ámbito da prevención, asistencia, rehabilitación, reinserción, formación ou investigación en materia de drogodependencias.

2. As entidades, institucións e persoas que colaboren sen finalidade lucrativa na prevención, asistencia, rehabilitación e reinserción de persoas afectadas por dependencia de drogas serán especialmente consideradas e recoñecidas de acordo coa normativa regulamentaria que se estableza.

3. Co fin de evitar duplicidades e disfuncións e acadar unha optimización de recursos, a Xunta de Galicia promoverá a integración da asistencia ós usuarios de drogas na rede xeral de saúde e servicios sociais. En todo caso, o Goberno galego adoptará as medidas nece

sarias para garanti-la efectiva coordinación dos dispositivos asistenciais de drogodependencias cos da rede sociosanitaria xeral.

4. A totalidade dos centros e servicios de atención de drogodependentes xestionados por entidades que, segundo o previsto no apartado 1 deste artigo, subscriban concertos e convenios ou se beneficien de axudas da Administración autonómica terá, en canto ó desenvolvemento de programas de intervención, unha dependencia funcional do órgano administrativo ó que se adscriba o Plan de Galicia sobre drogas.

Capítulo IV

Da coordinación

Artigo 30.-Órgano coordinador do Plan de Galicia sobre drogas.

1. O órgano coordinador do Plan de Galicia sobre drogas será o órgano encargado de asesorar, coordinar e supervisa-las directrices e accións que, respecto da materia obxecto desta lei, se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, corresponderalle a coordinación e supervisión dos programas, presupostos e recursos que, en relación co Plan de Galicia sobre drogas, teña asignada a Administración autonómica.

2. O seu nivel orgánico e ámbito competencial virá determinado por un decreto da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería á que resulte adscrito.

Artigo 31.-Comisións de coordinación.

Constituiranse órganos colexiados de coordinación interconsellerías, interadministracións públicas e de organizacións non gobernamentais que en Galicia interveñan no campo das drogodependencias; a súa composición e o seu funcionamento determinaranse regulamentariamente.

Capítulo V

Da formación, investigación e documentación

Artigo 32.-Formación, investigación e documentación.

No marco da presente lei, a Xunta de Galicia promoverá:

a) A actividade formativa, nas súas vertentes de pregrao, posgrao e formación continuada, e de investigación de tódolos profesionais e axentes sociais implicados na materia obxecto desta lei.

b) Liñas de estudio, formación e investigación científica sobre a problemática social, sanitaria e económica, relativas ás drogodependencias, das que se deriven pautas de actuación futura neste campo.

c) Enquisas periódicas e estudios epidemiolóxicos, económicos e sociais que permitan coñece-la incidencia, prevalencia e problemática asociada ó consumo de drogas.

d) A avaliación dos programas de intervención no campo das drogodependencias.

e) A elaboración dun informe anual que reflicta a situación das drogodependencias en Galicia.

f) A posta en marcha dun servicio de documentación en materia de drogodependencias, garantíndolle-la súa accesibilidade a tódolos organismos públicos e privados que desenvolvan accións e actividades relacionadas coa materia mencionada.

Capítulo VI

Do financiamento

Artigo 33.-Compromisos presupostarios.

Os presupostos das distintas consellerías da Xunta de Galicia e dos seus organismos autónomos que actúen no ámbito das drogodependencias, así como os das distintas administracións locais, deberán prever para cada exercicio económico, a través dos órganos de coordinación que regulamentariamente se establezan, as dotacións presupostarias que, conforme as dispoñibilidades económicas de cada exercicio, se destinen a executa-las actividades reguladas nesta lei e que sexan da súa competencia.

Título IV

Da función inspectora e do réxime sancionador

Capítulo I

Da función inspectora e de vixilancia

Artigo 34.-Competencia.

A Xunta de Galicia exercerá funcións de inspección e control sobre as entidades, centros, establecementos e servicios previstos na presente lei.

Artigo 35.-Labores de inspección e control.

1. As autoridades e os axentes destas ós que regulamentariamente se lles encomende velar polo cumprimento desta lei, debidamente acreditados, levarán a cabo labores de inspección e control.

2. Efectuadas as comprobacións oportunas, as ditas autoridades e axentes levantarán actas de inspección, que gozarán da presunción de veracidade.

3. Os titulares das entidades, centros, servicios e demais recursos en materia de drogodependencias estarán suxeitos á obriga de lles permitir ós axentes de inspección o acceso ás instalacións e de facilita-la información, documentos, libros e demais datos que lles sexan requiridos, así como a prestar toda a colaboración precisa para a comprobación do cumprimento da normativa vixente.

A obstrucción ós labores de inspección dos axentes será sancionada conforme o establecido na presente lei e na normativa legal vixente sobre inspección sanitaria.

No exercicio das súas funcións, os axentes de inspección poderán solicita-lo auxilio da autoridade competente.

4. Tódalas entidades, centros, servicios e demais recursos en materia de drogodependencias inspeccionaranse periodicamente e en todo caso sempre que exista unha denuncia.

Capítulo II

Réxime sancionador

Artigo 36.-Disposicións xerais.

Constitúe infracción administrativa toda acción ou omisión que vulnere as prescricións contidas nesta lei. O procedemento sancionador axustarase ós principios recollidos no título IX da Lei do Estado 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou de calquera outra orde que poidan concorrer.

Capítulo III

Das infraccións

Artigo 37.-Clasificación das infraccións.

1. As infraccións administrativas ó establecido na presente lei cualifícanse como leves, graves ou moi graves.

2. Constitúen infraccións leves:

a) O incumprimento das obrigas de carácter formal ou de sinalización externa que determine a normativa vixente en materia de drogodependencias.

b) Todas aquelas que se cometan por simple neglixencia e non comporten un prexuízo directo para a saúde individual ou colectiva.

c) O mero retraso no cumprimento das obrigas de información, comunicación ou comparecencia por requirimento da autoridade competente.

d) Calquera outro incumprimento ó prescrito na presente lei que non se tipifique como infracción grave ou moi grave.

3. Constitúen infraccións graves:

a) O incumprimento do disposto nos artigos 11; 12, números 1, 2, 3 e 4; e 13 da presente lei.

b) A negativa ou resistencia a prestar colaboración ou facilita-la información requirida polas autoridades competentes, así como a subministración de información inexacta ou documentación falsa.

c) As accións ou omisións que perturben, obstrúan ou impidan de xeito grave o desempeño da actividade inspectora e de control da Administración, así como as ofensas graves ás autoridades e axentes encargados daquela.

d) A alteración substancial das características establecidas no correspondente título administrativo de acreditación ou autorización que habilita establecementos, centros ou servicios para desenvolver actividades de asistencia, reinserción ou prevención.

e) Levar a cabo actividades de carácter lucrativo en establecementos, centros ou servicios dependentes de entidades constituídas sen ánimo de lucro.

f) A non aplicación, o falseamento e a desviación de todo tipo de axudas e subvencións que os beneficiarios perciban con cargo a fondos públicos, sempre que non se cualifique como infracción moi grave.

g) Aquelas que sexan concorrentes con infraccións sanitarias leves ou servisen para facilitar ou encubri-la súa comisión.

h) A reincidencia en infraccións leves.

4. Constitúen infraccións moi graves:

a) Non respecta-la dignidade humana e a integridade física ou moral das persoas, ou a restricción inxustificada das súas liberdades e dereitos, así como atentar ou vulnera-lo dereito á intimidade persoal ou familiar, ou o deber de sixilo profesional na prestación de servicios ou no desenvolvemento de actividades de asistencia, prevención ou reinserción en materia de drogodependencias.

b) A negativa absoluta a facilitar información ou prestarlles colaboración ós servicios de control e inspección e o falseamento da información subministrada.

c) O incumprimento reiterado dos requirimentos específicos que formulen as autoridades sanitarias.

d) A prestación do servicio ou o desenvolvemento de actividades de asistencia, prevención ou reinserción en materia de drogodependencias con ocultación ou enmascaramento da súa auténtica natureza co obxecto de eludi-la aplicación da lexislación vixente na materia.

e) A resistencia, coacción, ameaza, represalia, desacato ou calquera outra forma de presión que se exerza sobre as autoridades sanitarias ou os seus axentes, na súa actividade de control ou inspección.

f) Iniciar, prestar ou desenvolver servicios ou actividades de asistencia, reinserción ou prevención en materia de drogodependencias en establecementos, centros ou servicios non autorizados ou por persoal non cualificado legalmente.

g) Non efectua-lo previo rexistro das modalidades terapéuticas que desenvolvan os centros, servicios ou establecementos en materia de drogodependencias de acordo co que establece esta lei.

h) A reincidencia en infraccións graves.

i) O incumprimento por centros, servicios e establecementos das medidas de inspección, control e información estatística e sanitaria, e de tratamento de productos tóxicos e perigosos que a lexislación vixente estableza.

j) Aquelas que sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias graves ou que servisen para facilitar ou encubri-la súa comisión.

Capítulo IV

Das sancións

Artigo 38.-Sancións.

As infraccións á presente lei sancionaranse en graos mínimo, medio ou máximo, atendendo a gravidade da infracción, a natureza dos prexuízos causados, o risco

para a saúde e a intencionalidade ou reiteración, da forma seguinte:

a) Infraccións leves:

-Multa de ata 500.000 ptas., nos seguintes graos:

* Mínimo: ata 100.000 ptas.

* Medio: de 100.001 ata 250.000 ptas.

* Máximo: de 250.001 ata 500.000 ptas.

b) Infraccións graves:

-Multa de 500.001 ata 2.500.000 ptas., nos seguintes graos:

* Mínimo: de 500.001 ata 1.000.000 de ptas.

* Medio: de 1.000.001 ata 1.750.000 ptas.

* Máximo: de 1.750.001 ata 2.500.000 ptas.

c) Infraccións moi graves:

-Multa de 2.500.001 ata 100.000.000 de ptas., nos seguintes graos:

* Mínimo: de 2.500.001 ata 20.000.000 de ptas.

* Medio: de 20.000.001 ata 50.000.000 de ptas.

* Máximo: de 50.000.001 ata 100.000.000 de ptas.

d) Nos casos de especial gravidade con transcendencia notoria e grave para a saúde, o Consello da Xunta de Galicia poderá acorda-lo peche temporal do establecemento, instalación ou servicio por un prazo máximo de cinco anos.

Nestes casos ós que se refire o parágrafo anterior, poderá impoñerse como sanción complementaria a supresión, cancelación ou suspensión de calquera tipo de axudas ou subvencións de carácter financeiro que o particular ou a entidade infractora obtivesen ou teñan solicitadas da Administración pública galega.

Artigo 39.-Competencia sancionadora.

A competencia para a imposición de sancións corresponderalles ós seguintes órganos:

a) Ós delegados provinciais ou territoriais da Consellería á que resulte adscrito o órgano coordinador do Plan de Galicia sobre drogas, para as sancións leves.

b) Ó titular do centro directivo con rango de director xeral do que dependa organicamente o órgano coordinador do Plan de Galicia sobre drogas, para as sancións graves.

c) Ó titular da Consellería á que resulte adscrito o órgano coordinador do Plan de Galicia sobre drogas, para as sancións moi graves en contía igual ou inferior a 50.000.000 de pesetas.

d) Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia:

a') Impoñe-las sancións previstas pola comisión de faltas moi graves de contía superior a 50.000.000 de pesetas.

b') Acorda-lo peche temporal, por un prazo máximo de cinco anos, do establecemento, instalación ou servicio infractor.

c') Así mesmo poderá impoñe-la sanción complementaria de supresión, cancelación ou suspensión de calquera tipo de axuda ou subvención de carácter financeiro que o particular ou a entidade infractora obtivesen ou teñan solicitadas da Administración pública galega.

Artigo 40.-Medidas cautelares ou provisionais.

1. Iniciado o expediente sancionador, o órgano competente poderá adopta-las medidas provisionais ou cautelares imprescindibles tendentes á salvagarda da saúde, seguridade e protección das persoas, así como a suspensión ou clausura preventiva de servicios, establecementos e centros ou a retirada preventiva de autorizacións, permisos, licencias e outros títulos expedidos polas autoridades administrativas, nos termos que autorice a lexislación vixente.

2. Non terán carácter de sanción a clausura ou o peche de centros, establecementos ou servicios que non conten coas autorizacións administrativas preceptivas ou a suspensión das actividades ata tanto se reparen os defectos ou se cumpran os requisitos esixidos.

Disposición transitoria

Os centros, servicios e establecementos en materia de drogodependencias contarán cun prazo de seis meses para adecuarse ás prescricións da presente lei.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto na presente lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia remitiralle ó Parlamento o Plan de Galicia sobre drogas ó que se refire esta lei.

Segunda.-Autorízase a Xunta de Galicia a dictar cantas normas sexan precisas para o desenvolvemento e a execución desta lei.

Terceira.-A presente lei entrará en vigor ós dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Cuarta.-No prazo de seis meses, a partir da entrada en vigor da presente lei, a Xunta de Galicia aprobará a normativa que regule a autorización de apertura, funcionamento e acreditación dos centros e servicios de atención ó drogodependente.

Santiago de Compostela, oito de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

3691