Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Martes, 06 de agosto de 1996 Páx. 7.487

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 16 de xullo de 1996 sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, regula con carácter xeral a actividade económico-financeira da Comunidade Autónoma, recollendo tanto os principios xerais desa actividade como os seus aspectos ins

trumentais, que normalmente son tratados co detalle suficiente como para permiti-la súa aplicación directa sen necesidade de recorrer ó desenvolvemento regulamentario, aínda que en determinadas materias a exposición de motivos da propia lei recoñece a conveniencia de levar a cabo o dito desenvolvemento.

O artigo 73.b) da lei establece as distintas fases a través das que se desenvolve a xestión dos dereitos incluídos nos orzamentos da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos, dos que as competencias corresponden respectivamente á Consellería de Economía e Facenda e ás propias entidades autónomas, sen prexuízo da facultade de dirección e coordenación da Facenda Pública de Galicia que a devandita consellería ten atribuída.

A importancia que dentro do orzamento de ingresos representan os recursos procedentes de transferencias correntes e de capital, así como a súa peculiar natureza que os dota dunhas características perfectamente diferenciadas tanto no referente ó seu proceso de captación como ó do seu seguimento e materialización, aconsellan desenvolver a normativa que facilite unha actuación coordenada do seu tratamento orzamentario, utilizando para iso os documentos de xestión creados para o efecto que servirán ó mesmo tempo de soporte para a entrada de datos no sistema contable, evitando os desaxustes que puideran presentarse durante o proceso de execución e mellorando ó mesmo tempo as condicións necesarias para o mantemento do equilibrio orzamentario entre gastos e ingresos.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Contido e ámbito de aplicación.

1. A xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital comprenderá o conxunto de actuacións necesarias para establece-lo dereito á súa percepción e a determinación da súa contía, a recadación, e a contabilización do recurso.

2. O establecido nesta orde será de aplicación á xestión dos capítulos IV e VII do orzamento de ingresos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e á dos orzamentos dos seus organismos autónomos.

Artigo 2º.-Fases da xestión orzamentaria dos ingresos.

1. A xestión orzamentaria dos ingresos realizarase a través das seguintes fases:

a) Compromiso de ingreso. Que se define como o acto conforme ó que se recoñece en contas o dereito a liquidar un recurso no momento no que se cumpran as condicións ou trámites que se determinan no título xurídico do que nace a expectativa do dereito á súa percepción.

b) Contraído do recurso. Que é o acto polo que se liquida o ingreso e se recoñece en contas o dereito definitivo á súa percepción, unha vez cumpridas as condicións esixidas para o perfeccionamento do dereito.

c) Recadación do recurso. Que constitúe o proceso a través do que a Tesourería ingresa en caixa o importe do dereito recoñecido.

2. O desenvolvemento das distintas fases realizarase tendo en conta o principio de mantemento do equilibrio económico-financeiro na execución do orzamento.

Artigo 3º.-Documentos de xestión orzamentaria.

1. A instrumentación do proceso de xestión dos dereitos realizarase a través dos documentos «ICI», «IC», «ICC», «IR», e «ICCR», que ó mesmo tempo constituirán o soporte para a entrada de datos ó sistema contable.

O documento «ICI» formalizará o acto administrativo de recoñecemento do compromiso de ingreso e a súa posterior anotación en conta.

O documento «IC» formalizará o acto administrativo de recoñecemento do dereito, que dará paso ó contraído do recurso.

O documento «ICC» formalizará conxuntamente as fases de compromiso de ingreso e de contraído do recurso.

O documento «IR» formalizará o ingreso do recurso en Tesourería e a contabilización do recadado.

O documento «ICCR» formalizará o conxunto das operacións de compromiso de ingreso, contraído e recadación do recurso.

2. A corrección de erros e a anulación de operacións instrumentadas a través dos documentos de xestión orzamentaria levarase a cabo, cando proceda, mediante a expedición do correspondente documento negativo (/).

Artigo 4º.-Criterios para o recoñecemento do compromiso de ingreso.

1. O acto administrativo de recoñecemento do compromiso de ingreso realizarase pola Dirección Xeral de Orzamentos, da Consellería de Economía e Facenda, tomando como base as aplicacións e os importes incluídos nos estados de ingresos aprobados pola Lei de orzamentos de cada exercicio.

Polo que respecta ós ingresos que non figuren orzados inicialmente, o recoñecemento do compromiso de ingreso efectuarase á vista do documento que acredite o compromiso do organismo transferinte de contrae-la obriga no momento no que se xustifique a contraprestación correspondente, ou á vista do ingreso xa producido cando a transferencia teña carácter de anticipo.

2. Nos mesmos termos, corresponderá ós organismos autónomos o recoñecemento do compromiso

de ingreso nos seus orzamentos, con excepción do suposto recollido no artigo 6º.

Artigo 5º.-Tramitación do compromiso de ingreso.

No momento da entrada en vigor da Lei anual de orzamentos expediranse documentos «ICI» polo importe de cada unha das partidas de ingresos dos capítulos IV e VII.

Igualmente darán lugar á tramitación illada de documento «ICI» os recursos procedentes da Unión Europea, do Fondo de Compensación Interterritorial, ou de calquera outro tipo de transferencia de natureza finalista, que financien expedientes non recollidos inicialmente nos orzamentos da Comunidade Autónoma, excluídos os destinados á atención de gastos correspondentes ós capítulos I e II que darán lugar á tramitación conxunta, nun só acto, das fases de compromiso de ingreso e de contraído do recurso.

Artigo 6º.-Xeración de crédito conforme o compromiso de ingreso.

O recoñecemento de compromisos de ingresos non orzados inicialmente poderá dar lugar á xeración de crédito prevista no artigo 69 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Nese caso, os expedientes de recoñecemento do compromiso de ingreso e de xeración de crédito tramitaranse simultaneamente pola Dirección Xeral de Presupostos, por propia iniciativa ou por solicitude das consellerías ou dos organismos autónomos afectados.

No suposto de expedientes financiados con fondos da Unión Europea ou do Fondo de Compensación Interterritorial, a Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións coa Unión Europea, da Consellería de Economía e Facenda, informará sobre o dereito a percibi-los recursos correspondentes.

Artigo 7º.-Criterios para o recoñecemento do dereito.

Considerarase que concorren as condicións necesarias para o recoñecemento do dereito cando exista constancia de que o organismo do que procede a transferencia dictou o acto administrativo polo que se recoñece a obriga de pagamento, ou cando se teña coñecemento de que imputou a operación ó seu orzamento de gastos.

Establécense as seguintes excepcións á regra anterior:

a) No suposto de transferencias de devengo períodico o recoñecemento do dereito poderá realizarse, nun só acto ou coa periodicidade que corresponda, conforme a norma ou disposición concreta da que se derive o dereito á súa percepción.

b) No caso de expedientes financiados con recursos do Fondo de Compensación Interterritorial, con fondos da Unión Europea ou con subvencións de carácter finalista, dará lugar ó recoñecemento do dereito a xustificación do cumprimento da obriga

que dá orixe á transferencia de fondos. Non se aplicará este criterio ós ingresos desa natureza que financien gastos dos capítulos I e II, que seguirán a regra xeral.

Artigo 8º.-Tramitación do recoñecemento do dereito.

1. A tramitación da fase de contraído do recurso terá lugar cando se cumpran os requisitos necesarios para o recoñecemento do dereito.

No caso de expedientes financiados con fondos da Unión Europea, co Fondo de Compensación Interterritorial, ou con subvencións finalistas, o recoñecemento do dereito será formalizado pola Dirección Xeral de Presupostos en documento «IC», logo de certificación da Intervención Xeral acreditativa de terse alcanzado a fase de obriga na execución do expediente de gasto. Conforme ese documento a Intervención Delegada na Consellería de Economía e Facenda efectuará o contraído do recurso.

2. A tramitación do recoñecemento do dereito e do contraído do recurso nos orzamentos de ingresos dos organismos autónomos, será realizada polos propios organismos e as súas intervencións delegadas conforme os criterios sinalados no punto anterior.

Artigo 9º.-Tramitación conxunta do compromiso de ingreso e do contraído do recurso.

1. Cando se cumpran as condicións necesarias para o recoñecemento do dereito e non se emitira con anterioridade documento «ICI», a Dirección Xeral de Presupostos expedirá o documento «ICC», que remitirá á Intervención Delegada para anotación en conta e contraído do recurso.

2. Os organismos autónomos, e as súas intervencións delegadas, realizarán respecto ós seus orzamentos de ingresos o desenvolvemento do trámite descrito no punto anterior. Sen embargo, no suposto de que da tramitación conxunta do compromiso de ingreso e do contraído do recurso se derivase unha solicitude de xeración de crédito, ámbolos dous expedientes tramitaranse pola Dirección Xeral de Presupostos, por propia iniciativa ou a solicitude do organismo autónomo interesado.

Artigo 10º.-Recadación do recurso.

A recadación do recurso, ou ingreso nas contas da Tesourería dun importe previamente contraído, dará lugar á expedición de documento «IR» por parte da Intervención Delegada na Consellería de Economía e Facenda ou no organismo autónomo correspondente.

No suposto de que algún ingreso non poida ser identificado por non figurar claramente especificada a súa procedencia, a Intervención Delegada comunicarao á Dirección Xeral de Presupostos ou ó organismo autónomo, segundo os casos, para a determinación da aplicación que corresponda, quedando mentres contabilizado na conta extrapresupostaria de «Ingresos pendentes de aplicación».

Artigo 11º.-Aplicación de ingresos a contas extrapresupostarias.

Polo que se refire ós recursos procedentes do Fondo de Compensación Interterritorial, de fondos da Unión Europea, ou de subvencións finalistas, mentres non se produza o recoñecemento do dereito que se vincula á xustificación do cumprimento da obriga, segundo indicado no último parágrafo do artigo 7º, os ingresos que se produzan con carácter de anticipo aplicaranse extrapresupostariamente como «Ingresos pendentes de aplicación» no concepto que proceda.

Para tal efecto, a Intervención Delegada correspondente porao en coñecemento da Dirección Xeral de Presupostos ou do organismo autónomo, para que identifiquen o concepto extraorzamentario ó que corresponde a súa aplicación en tanto non proceda a imputación orzamentaria de acordo co establecido no artigo 8º.

Artigo 12º.-Tramitación conxunta do compromiso de ingreso, do contraído e do recadado do recurso.

1. Cando se produza o ingreso en conta dun dereito de carácter non finalista e non orzados inicialmente, que non fora recoñecido e contraído previamente, a Intervención Delegada na Consellería de Economía e Facenda comunicarao á Dirección Xeral de Presupostos para que proceda, se é o caso, ó recoñecemento do dereito, que se efectuará a través de documento «ICCR» consonte o que a Intervención Delegada contabilizará simultaneamente o compromiso de ingreso, o contraído e o recadado do recurso.

2. Do mesmo modo tramitaranse conxuntamente as tres fases cando se produza o ingreso en caixa dun recurso de carácter finalista non orzado inicialmente e destinado ó financiamento de gastos xa executados, motivo polo que non procede realizar xeración de crédito vinculada ó recurso finalista.

3. O procedemento descrito nos apartados anteriores será igualmente utilizado polos organismos autónomos na xestión dos seus ingresos, con excepción dos supostos nos que do documento «ICCR» se derive unha solicitude de xeración de crédito, caso no que ámbolos dous expedientes se tramitarán ante a Dirección Xeral de Presupostos.

Disposicións adicionais

Primeira.-Polo que se refire ós recursos procedentes da Unión Europea, do Fondo de Compensación Interterritorial, ou de subvencións finalistas, que figuren incluídos no orzamento de ingresos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e que financien créditos incluídos no orzamento de gastos para a súa transferencia ós organismos autónomos, o recoñecemento do dereito efectuarase unha vez que estes últimos certifiquen a execución do gasto financiado pola transferencia, acreditando

desa forma o cumprimento da obriga que dá orixe ó dereito da Comunidade Autónoma a percibi-los fondos correspondentes.

Unha vez recoñecido o dereito no orzamento de ingresos da Administración Xeral procederase pola consellería correspondente a transferi-los fondos ó organismo autónomo, quen contabilizará simultaneamente as fases de compromiso, contraído, e recadado, no seu orzamento presuposto de ingresos.

Segunda.-Os dereitos de carácter finalista previstos no orzamento inicial ou que sexan obxecto de recoñecemento do compromiso de ingreso, previo á xeración de crédito, ó longo do exercicio, incorporaranse ó orzamento de ingresos do ano seguinte polo importe que non acadara a fase de contraído, cando o crédito do estado de gastos que financian resulte incorporado segundo previsto no artigo 71 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Para tal efecto a Dirección Xeral de Presupostos, ou o organismo autónomo, no momento no que o conselleiro de Economía e Facenda autorice a incorporación do crédito, emitirá documento «ICI» nas aplicacións e polos importes correspondentes.

Disposicións transitorias

Primeira.

Os procesos en curso de xestión de ingresos dos capítulos IV e VII, iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta orde e desenvoltos conforme a orde comunicada de 28 de febreiro de 1994, pola que se establecían instruccións provisionais de xestión, continuarán tramitándose segundo o disposto na citada orde comunicada ata a súa terminación.

Segunda.

1. Os organismos autónomos que recibiran calquera tipo de transferencia de carácter finalista destinada ó financiamento de créditos incluídos no seu orzamento de gastos, que non figurasen executados a 31 de decembro de 1995 e que se incorporen ó exercicio de 1996, enviarán á Dirección Xeral de Presupostos certificación do saldo que non acadara a fase de obriga recoñecida.

No momento en que sexan executados os créditos incorporados, remitirán igualmente certificado da súa execución, para efectos do recoñecemento do dereito, nos casos nos que proceda, no orzamento da Administración Xeral da Comunidade Autónoma.

2. Do mesmo modo, e con referencia ó orzamento de 1995, os organismos autónomos enviarán á Dirección Xeral de Presupostos certificación dos ingresos percibidos e dos dereitos recoñecidos, correspondentes a fondos finalistas non executados, que foran aplicados ó seu orzamento de ingresos e que polo tanto se encontren englobados no remanente de tesourería do referido exercicio. Neste caso as incorporacións entenderanse producidas a través do

remanente, e non procederá a súa inclusión como créditos finalistas.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde comunicada do 28 de febreiro de 1994, pola que se establecen instruccións provisionais sobre xestión orzamentaria dos dereitos incluídos nos capítulos IV e VII do orzamento de ingresos da Comunidade Autónoma, así como as disposicións de igual ou inferior rango no que se opoñan ó disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Presupostos e á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, no ámbito das súas respectivas competencias, para dicta-las resolucións que se consideren necesarias para a aplicación do establecido nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

5850