Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Mércores, 30 de outubro de 1996 Páx. 9.623

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica.

No marco dos principios xerais recollidos no bloque de constitucionalidade ós que debe suxeitarse a actuación das administracións públicas cobra especial relevancia o réxime de incompatibilidades do persoal ó seu servicio e, conseguintemente e dun xeito máis especial, dos seus responsables públicos e altos cargos para garantir unha actuación pública, ó tempo que eficaz, imparcial e obxectiva dentro do Estado social e democrático de dereito; principios os de imparcialidade e obxectividade que esixen dos altos cargos unha dedicación absoluta ás funcións que lles foron encomendadas sen que poida verse mediatizada por actividades ou intereses diferentes ós correspondentes ó seu cargo.

Neste sentido, faise preciso dota-la Xunta de Galicia e a súa Administración autonómica dun réxime propio de incompatibilidades dos seus responsables públicos que, adaptándose ás peculiaridades da súa organización, garanta un servicio ós intereses xerais de Galicia conforme os principios constitucionais aludidos. A regulación deste réxime constitúe o obxecto da presente lei.

Malia o principio xeral de incompatibilidade absoluta entre o desempeño do alto cargo e calquera outra actividade, parece necesario favorece-lo achegamento e intercambio recíproco de coñecementos e experiencias entre a Administración e os centros docentes; interrelación que, en todo caso, persegue a mellor prestación dos servicios públicos sen que isto xogue en detrimento da atención ás responsabilidades públicas. Isto aconsella que a posibilidade que a lei abre con carácter de excepción para compatibiliza-lo desempeño de cargos públicos con determinados labores de ensino veña á súa vez limitada nos termos recollidos nela.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica.

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente lei regula o réxime de incompatibilidades de actividades e control de intereses así como dos bens patrimoniais aplicable ós membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica e das entidades de dereito público vinculadas ou dependentes desta.

O desenvolvemento das funcións de goberno e administración da Comunidade Autónoma de Galicia exercerase baixo o principio de incompatibilidade de actividades e dedicación absoluta, de conformidade coas disposicións que se recollen na presente lei.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O réxime de incompatibilidades establecido na presente lei seralles aplicable ós seguintes cargos públicos:

a) Os membros do Goberno autonómico.

b) Os secretarios xerais, directores xerais e cargos asimilados.

c) Os delegados e representantes do Goberno galego nos entes con personalidade xurídica pública.

d) Os presidentes, directores xerais e asimilados dos organismos autónomos.

e) Os delegados provinciais e territoriais das consellerías da Xunta de Galicia.

f) O persoal eventual que, en virtude de nomeamento legal, exerza funcións de carácter non permanente, expresamente cualificadas de confianza e asesoramento especial, nos gabinetes do presidente e dos conselleiros da Xunta de Galicia.

g) Os presidentes, directores xerais, directores executivos, directores técnicos e titulares doutros postos ou cargos asimilados, calquera que sexa a súa denominación, en entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Administración autonómica, cun nomeamento que sexa efectuado por decisión do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno.

h) Os presidentes, directores xerais e asimilados das empresas públicas, sociedades ou fundacións nas que a Xunta de Galicia, directa ou indirectamente, participe ou achegue máis do 50% do capital ou do patrimonio, cando tales cargos sexan designados logo do acordo do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno.

i) Os titulares de calquera outro posto de traballo da Administración autonómica, calquera que sexa a súa denominación, cun nomeamento que se efectúe por decisión do Consello da Xunta de Galicia.

Capítulo II

Réxime de actividades

Artigo 3º.-Principios xerais.

1. Os cargos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei exercerán as súas funcións con dedicación absoluta e non poderán compatibiliza-la súa actividade pública con:

a) O desenvolvemento, en por si ou mediante substitución de persoa interposta, de calquera outro posto, profesión ou actividade, públicos ou privados, por conta propia ou allea.

b) O exercicio de calquera outra función ou actividade pública representativa, incluído o exercicio de cargos electivos en colexios, cámaras ou entidades que teñan atribuídas funcións públicas ou coadxuven a estas, salvo as autorizadas por esta lei.

c) O desenvolvemento, en por si ou por persoas interpostas, de cargos de toda orde en empresas ou sociedades concesionarias, contratistas de obras, servicios ou subministracións, arrendatarias ou administradoras de monopolios ou participación do sector público, calquera que sexa a configuración xurídica daquelas.

d) O exercicio de cargos, en por si ou por persoas interpostas, que leven anexas funcións de dirección, representación ou asesoramento de toda clase de sociedades mercantís e civís e consorcios de fin lucrativo, aínda que uns e outros non realicen fins de servicios públicos nin teñan relacións contractuais coas administracións, organismos ou empresas públicas.

e) A xestión, defensa, dirección ou asesoramento de asuntos particulares alleos cando, pola índole das operacións ou dos asuntos, lles competa ás administracións públicas resolvelos ou quede implicada neles a realización dalgún servicio ou fin público.

f) A percepción de pensión de xubilación ou retiro por dereitos pasivos ou por calquera réxime de seguridade social público e obrigatorio.

2. En ningún caso poderá percibirse máis de unha remuneración, periódica ou eventual, con cargo ós orzamentos das administracións públicas e dos organismos e empresas delas dependentes, sen prexuízo das indemnizacións por gastos de viaxes, estadías, traslados e asistencias que en cada caso correspondan polas actividades declaradas compatibles.

3. Os que desempeñen un cargo dos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei veñen obrigados a inhibirse do coñecemento dos asuntos nos que no seu despacho interviñesen ou que interesen a empresas ou sociedades nas que na súa dirección, asesoramento ou administración tivesen algunha parte eles, o seu cónxuxe ou persoa da súa familia dentro do segundo grao civil. A inhibición producirase por escrito para a súa adecuada expresión e constancia, e notificaráselle ó superior inmediato do alto cargo ou órgano que o nomeou.

4. As persoas que desempeñen un cargo dos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei non poderán posuí-la titularidade de participacións, xunto co seu cónxuxe, persoa unida por análoga relación, fillos dependentes e persoas tuteladas, superiores ó 10% en empresas que teñan concertos ou contratos de calquera natureza co sector público estatal, autonómico ou local.

No suposto de que a persoa que sexa nomeada para ocupar un posto dos comprendidos no artigo 2 da presente lei posuíse a participación á que se refire o apartado anterior, terá que desprenderse dela no prazo de un mes contado desde o seu nomeamento. Se a participación fose adquirida por sucesión hereditaria no exercicio do cargo, terá que desprenderse dela no prazo de tres meses desde a súa adquisición.

5. Durante os dous anos seguintes á data do seu cesamento, os cargos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei non poderán realizar actividades privadas relacionadas con expedientes sobre os que xa dictasen resolución no exercicio do cargo nin asinar contratos de asistencia técnica, de servicios ou similares coas administracións públicas.

Artigo 4º.-Compatibilidades con actividades públicas.

1. O exercicio das funcións dun cargo dos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei será compatible coas seguintes actividades públicas:

a) O exercicio daqueles cargos que lles correspondan con carácter institucional ou para os que fosen designados pola súa propia condición.

b) A representación da Administración autonómica nos órganos colexiados.

c) O desenvolvemento de misións temporais de representación ante organizacións ou conferencias, nacionais e internacionais.

d) A representación da Administración autonómica nos consellos de administración de organismos ou empresas con capital público ou de entidades de dereito público. Non se poderá pertencer a máis de dous consellos de administración.

No suposto de que concorran razóns que o xustifiquen, e mediante resolución motivada, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar, con carácter excepcional, a pertenza a un terceiro e sucesivos consellos de administración de organismos ou empresas con capital público ou de entidades de dereito público. Nestes supostos non poderá percibirse cantidade ningunha en concepto de asistencia.

2. Nos supostos previstos nos apartados anteriores, os cargos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei só poderán percibir, polos indicados cargos ou actividades compatibles, as indemnizacións por gastos de viaxes, estadías e traslados que lles correspondan de acordo coa normativa vixente, así como as cantidades en concepto de asistencia nos supostos previstos nos apartados b) e d). As restantes cantidades que, se é o caso, se devenguen polo desenvolvemento destas funcións e cargos, sexa cal fose o concepto do devengo, serán ingresadas pola empresa, sociedade, organismo ou ente pagador directamente na Tesourería Xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 5º.-Compatibilidade co exercicio da docencia.

1. Poderá compatibilizarse, cumpridas as restantes esixencias desta lei, o exercicio de funcións docentes, de carácter regrado, sempre que non supoñan menoscabo da dedicación no exercicio do cargo público e se realice en réxime de dedicación a tempo parcial.

2. O desenvolvemento desta actividade non poderá supoñer en ningún caso incremento ningún sobre as cantidades que por calquera concepto corresponda percibir polo exercicio do cargo público, con excepción das indemnizacións por gastos de viaxes, estadías e traslados que lles correspondan de acordo coa normativa vixente na área docente e dándolles idéntico destino ós dereitos económicos que, se é o caso, puidesen devengarse de acordo co disposto no artigo 4.2.

3. Para o exercicio das funcións docentes requirirase a autorización expresa do conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 6º.-Compatibilidade con cargos representativos.

Os membros do Goberno galego poderán compatibiliza-lo desenvolvemento do seu cargo co de deputado do Parlamento de Galicia.

Artigo 7º.-Compatibilidade con actividades privadas.

O exercicio dun cargo dos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei será compatible coas seguintes actividades privadas, sempre que co seu desenvolvemento non comprometa a imparcialidade ou independencia das súas funcións públicas:

a) As que deriven da mera administración do patrimonio persoal ou familiar.

b) As actividades de producción e creación literaria, artística, científica ou técnica e as publicacións derivadas daquelas, así como a colaboración e a asistencia ocasional como relator a congresos, seminarios, xornadas de traballo, conferencias ou cursos de carácter profesional, sempre que non sexan consecuencia dunha relación de emprego ou de prestación de servicios ou supoñan un menoscabo do estricto cumprimento dos seus deberes.

c) A participación en entidades culturais ou benéficas que non teñan ánimo de lucro e sempre que non perciban ningún tipo de retribución ou percepción pola dita participación.

Capítulo III

Obrigacións dos altos cargos

Artigo 8º.-Declaracións de actividades e de bens patrimoniais.

1. Os cargos ós que fai referencia o artigo 2 desta lei están obrigados a formula-las seguintes declaracións:

a) Declaración de actividades que desenvolvan por si ou mediante substitución ou apoderamento ante o Rexistro de Actividades e Intereses de Altos Cargos. Esta virá referida a calquera actividade, negocio, empresa ou sociedade pública ou privada que lles proporcione ou poida proporcionar ingresos económicos ou nos que teñan participación ou intereses.

b) Declaración de bens patrimoniais ante o correspondente Rexistro constituído para o efecto, referida ós que integren o patrimonio do interesado, comprensiva da totalidade dos seus bens, dereitos e obrigacións, á que se lle xuntará a copia da última declaración tributaria correspondente ó imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e ó imposto sobre o patrimonio neto no caso de que tivese obriga de presentalo o declarante ante a Administración tributaria.

Esta declaración deberá incluí-las participacións en todo tipo de empresas e sociedades pertencentes ó cargo dos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei e ás persoas mencionadas no artigo 3.4.

A esta declaración poderán achega-la relativa ó patrimonio do seu cónxuxe, ou persoa vinculada por análoga relación, logo de consentimento deles, e ó patrimonio dos fillos dependentes.

2. As declaracións mencionadas nos apartados a) e b) efectuaranse nos termos que regulamentariamente se establezan dentro dos tres meses seguintes á data de toma de posesión e cesamento, respectivamente, no alto cargo, así como se se produce modificación das circunstancias de feito. Para tal efecto considérase modificación das circunstancias de feito calquera alte

ración na situación patrimonial dos declarantes pola adquisición ou transmisión de bens ou dereitos e calquera alteración nas actividades ou causas de posible incompatibilidade declaradas.

Regulamentariamente determinaranse as contías e características das adquisicións e transmisións de bens e dereitos que deben ser declaradas.

Ademais, anualmente, durante o mes de xullo, presentarase ante o Rexistro de Bens Patrimoniais copia das declaracións tributarias mencionadas no apartado b) do presente artigo.

Artigo 9º.-Doutras obrigas.

1. As persoas incluídas no ámbito de aplicación desta lei que teñan competencias reguladoras, de supervisión ou control sobre sociedades mercantís, que emitan valores e outros activos financeiros negociables nun mercado organizado e en relación con aqueles dos que sexan titulares tales persoas, os seus cónxuxes que presten a súa conformidade ou os seus fillos menores de idade non emancipados deberán encomendarlle contractualmente a xestión e administración de tales valores ou activos a unha entidade financeira rexistrada na Comisión Nacional do Mercado de Valores. A encomenda de xestión manterase mentres dure o desenvolvemento do cargo e nos dous anos posteriores ó cesamento nel.

A entidade coa que contraten efectuará a administración con suxeición exclusivamente ás directrices xerais da rendibilidade e risco establecidas no contrato sen que poida pedir nin recibir instruccións de investimento dos interesados. Tampouco poderán revelárselle-la composición dos seus investimentos, agás que se trate de institucións de investimento colectivo ou que, por causa xustificada, medie autorización da Comisión Nacional do Mercado de Valores.

2. Os interesados entregaranlle copias dos contratos subscritos ó Rexistro de Bens Patrimoniais para a súa anotación.

Capítulo IV

Órganos de xestión, vixilancia e control

Artigo 10º.-Rexistros.

1. Constitúense o Rexistro de Actividades de Altos Cargos e o Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos da Xunta de Galicia, nos que se inscribirán as correspondentes declaracións.

2. O Rexistro de Actividades de Altos Cargos terá carácter público e poderá acceder a el calquera persoa que teña interese en coñece-las inscricións efectuadas. Instalarase nun sistema de xestión documental que garanta a inalterabilidade e permanencia dos seus datos, así como a alta seguridade no acceso e uso deles. Seranlle aplicables a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal.

3. O Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos terá carácter reservado e, como tal, só poderán acceder a el:

a) O Parlamento de Galicia, de acordo co que para o efecto dispoña o Regulamento da Cámara.

b) Os órganos xudiciais, para a instrucción ou resolución de procesos que requiran o coñecemento dos datos que constan no Rexistro, de conformidade co disposto nas leis procesuais.

c) O ministerio fiscal, cando realice actuacións de investigación no exercicio das súas funcións que requiran o coñecemento dos datos que constan no Rexistro.

d) O Defensor del Pueblo e o Valedor do Pobo, nos termos previstos nas súas leis de creación.

O acceso ás declaracións inscritas no Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos realizarase nos termos que se establezan regulamentariamente.

4. O persoal que preste servicios nos rexistros ten o deber permanente de manter en segredo os datos de informacións que coñeza por razón do seu traballo.

Artigo 11º.-Órgano de xestión.

O órgano competente para a xestión do réxime de incompatibilidades desta lei será a Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia. Este órgano será o encargado de cualifica-la declaración de actividades e a declaración de bens patrimoniais, nos termos establecidos regulamentariamente.

Así mesmo procederá a recordar e, se é o caso, requirir a quen sexa nomeado ou a quen cese nun cargo dos comprendidos no ámbito de aplicación o cumprimento das obrigacións previstas na presente lei.

Artigo 12º.-Información ó Parlamento de Galicia.

Para asegura-la transparencia do control do réxime de incompatibilidades previsto nesta lei, e sen prexuízo das competencias atribuídas ás autoridades administrativas sinaladas, a Xunta de Galicia, a través da Inspección Xeral de Servicios, deberá informar anualmente ó Parlamento de Galicia do grao de cumprimento das obrigas de declarar establecidas nesta lei, así como das conductas contrarias ás obrigacións impostas nesta lei e ás responsabilidades declaradas.

Capítulo V

Réxime de responsabilidades

Artigo 13º.-Conductas.

1. As conductas contrarias ás obrigacións impostas nesta lei darán lugar á esixencia de responsabilidade moi grave, grave e leve.

2. Darán lugar á esixencia de responsabilidade moi grave:

a) O incumprimento das normas sobre incompatibilidades a que se refiren os artigos 3, 4 e 5 cando se producise dano manifesto á Administración autonómica da Xunta de Galicia.

b) A falsidade dos datos e documentos que deben presentarse conforme o establecido nesta lei.

c) O incumprimento das obrigacións a que se refire o artigo 9 en relación coa xestión de valores bolsistas cando se producise dano á Administración autonómica.

3. Darán lugar á esixencia de responsabilidade grave:

a) O incumprimento das normas sobre incompatibilidades e abstencións recollidas nos artigos 3, 4 e 5 desta lei.

b) A omisión de datos e documentos que deban ser presentados conforme o establecido nesta lei.

c) A non presentación das declaracións previstas nesta lei, tralo correspondente apercibimento.

d) O incumprimento das obrigacións a que se refire o artigo 9 en relación coa xestión de valores bolsistas cando conforme o establecido no artigo anterior non constitúa falta moi grave.

e) A comisión de dúas infraccións leves no período de un ano.

4. Dará lugar á esixencia de responsabilidade leve a non presentación no prazo establecido das declaracións previstas no artigo 8 da presente lei, cando se emende tralo requirimento que se formule para o efecto.

Artigo 14º.-Responsabilidades.

1. Os acordos polos que se declare a responsabilidade moi grave ou grave serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

2. As persoas comprendidas no ámbito de aplicación desta lei que incorran en responsabilidade leve serán amoestadas por incumprimento desta lei.

3. Con independencia das responsabilidades declaradas, os cargos responsables das conductas contrarias ás obrigacións impostas nesta lei deberán, se é o caso, restituí-las cantidades percibidas indebidamente, na forma que se determine regulamentariamente.

4. O disposto na presente lei entenderase sen prexuízo da esixencia das demais responsabilidades a que houbese lugar. Se as infraccións puidesen ser constitutivas de delicto, a Administración pasaralle o tanto de culpa ó ministerio fiscal.

5. Sen prexuízo do disposto no apartado 1 do presente artigo, as responsabilidades declaradas anotaranse no Rexistro de Actividades ou no Rexistro de Bens Patrimoniais, segundo proceda.

Artigo 15º.-Imposibilidade de ocupar altos cargos.

1. As persoas que fosen declaradas responsables dalgunha das conductas moi graves das recollidas no artigo 13.2 desta lei non poderán ser nomeadas para ocupar un cargo dos relacionados no artigo 2 durante un período entre tres e dez anos.

2. As persoas que fosen declaradas responsables dalgunha das conductas graves das recollidas no artigo 13.3 desta lei non poderán ser nomeadas para ocupar

un cargo dos relacionados no artigo 2 durante un período de ata tres anos.

3. Na graduación das medidas anteriormente previstas valorarase a existencia de prexuízo para o interese público, a repercusión da conducta nos administrados e, se é o caso, a percepción indebida de cantidades polo desenvolvemento de actividades públicas incompatibles.

4. Os cargos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei responsables de conductas moi graves cesarán por acordo do órgano que procedese ó seu nomeamento.

5. A responsabilidade do presidente da Xunta de Galicia será a regulada no Estatuto de autonomía de Galicia, no Regulamento do Parlamento de Galicia e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Artigo 16º.-Prescrición.

As responsabilidades reguladas nesta lei prescribirán ós cinco anos, tres anos e seis meses, segundo se trate de responsabilidades moi graves, graves ou leves.

Artigo 17º.-Procedemento.

As responsabilidades reguladas nos artigos precedentes serán declaradas logo da instrucción dun expediente no que se lle dea audiencia ó interesado.

Artigo 18º.-Actuacións previas.

1. A Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia, con anterioridade á iniciación de calquera expediente de responsabilidade, poderá realizar actuacións previas de carácter reservado co obxecto de determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación, notificándolle o inicio de tales actuacións ó interesado.

2. Así mesmo a Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia coñecerá das denuncias que sobre os presuntos incumprimentos desta lei puidesen formularse.

3. Os ficheiros, arquivos e rexistros de carácter público proporcionaranlle á Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia, cando lle sexa requirido, información, datos e colaboración na forma establecida na Lei orgánica de regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal.

4. Unha vez realizada a información previa, a Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia elevaralles ós órganos previstos no artigo 19 o informe das actuacións previas realizadas.

Artigo 19º.-Órganos competentes.

1. O órgano competente para a incoación será o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

2. A instrucción dos correspondentes expedientes será realizada pola Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia.

3. Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia a declaración das responsabilidades reguladas na presente lei.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. As entidades de dereito público dependentes da Administración autonómica e as sociedades e fundacións nas que a Administración autonómica, directa ou indirectamente, participe ou achegue máis do 50% do capital ou do patrimonio deberán informar á Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia dos nomeamentos que efectúen respecto daqueles postos de traballo que conforme esta lei teñan a condición de altos cargos.

2. As entidades ou empresas públicas ou privadas con representación do sector público autonómico nos seus consellos de administración están obrigadas a comunicarlle á Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia as designacións que efectúen para o seu consello de administración ou órganos de goberno de persoas que conforme o disposto na presente lei teñan a condición de alto cargo.

Segunda.

O disposto nesta lei entenderase sen prexuízo das incompatibilidades máis rigorosas que se establezan para determinados altos cargos de acordo coa especial natureza da súa función.

Disposición transitoria

Mentres non se desenvolva regulamentariamente esta lei, permanecerán en vigor os rexistros de actividades e intereses e de bens patrimoniais existentes actualmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.

1. Autorízase a Xunta de Galicia, no marco das súas competencias, para dictar cantas disposicións esixan a aplicación e o desenvolvemento desta lei.

2. As obrigacións que establece esta lei serán aplicables desde a súa entrada en vigor.

3. No prazo de tres meses, a Xunta de Galicia dictará as normas regulamentarias que esixan a aplicación e o desenvolvemento desta lei.

Segunda.

A presente lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

7805