Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 04 de novembro de 1996 Páx. 9.751

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de outubro de 1996 pola que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non univesitario de características singulares, de educación especial e educación de adultos.

A Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e goberno dos centros docentes afonda no disposto na Lei orgánica 8/1995, do 3 de xullo, reguladora do dereito a educación, e completa a organización e funcións dos órganos de goberno para axustalos ó establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

O Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, e o Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria viñeron desenvolve-lo o establecido na Lei 9/1995, do 20 de novembro, no que se refire a estructura e funcionamento dos órganos de goberno, tanto unipersoais como colexiados para os centros docentes de ensinanzas non universitarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta que estes decretos derrogaron ou modificaron substancialmente as seguintes disposicións: Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, Decreto 101/1988, do 5 de maio, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario de características singulares, Decreto 539/1990, do 14 de decembro, polo que se regula a composición do consello escolar nos conservatorios públicos de música e Decreto 257/1995, do 29 de setembro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 120/1982, do 5 de outubro, polo que se crea o Instituto Galego de Bacharelato a Distancia; procede adapta-la composición e regula-la renovación parcial dos consellos escolares dos centros de características singulares, de educación especial e de educación de adultos ás súas condicións específicas.

Na súa virtude, ó abeiro do disposto nos artigos 7 e 42 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro, e do artigo 43 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, esta consellería,

DISPÓN:

Centros de características singulares

Primeiro.-Os institutos específicos de formación profesional de grao superior, a escola de conservación e restauración de bens culturais, o instituto

galego de bacharelato a distancia, as extensións do instituto galego de bacharelato a distancia, as escolas oficiais de idiomas, as escolas de arte, os conservatorios de música e de danza e calquera outro centro de características singulares rexerase, para efectos de elección, constitución e funcionamento de órganos de goberno, polo Regulamento orgánico de institutos de educación secundaria e polas normas seguintes:

1. Os centros mencionados anteriormente que, no momento das eleccións, teñan un claustro de 16 ou máis profesores, constituirán e renovarán o consello escolar de acordo co disposto para institutos de oito ou máis unidades no Regulamento orgánico de institutos de educación secundaria.

2. Se os centros antes mencionados teñen un claustro de menos de 16 profesores constituirán o consello escolar cos seguintes membros:

a) O director, que será o seu presidente.

b) Un concelleiro ou representante do concello do municipio no que estea situado o centro.

c) Dous profesores elixidos polo claustro. Un deles, designado polo director, actuará como secretario, con voz e voto no consello escolar.

d) Un representante dos pais de alumnos.

e) Un alumno.

Nestes centros na primeira renovación parcial prevista no artigo 40 do Regulamento orgánico de institutos de educación secundaria serán substituídos un profesor e o alumno, na seguinte renovación parcial serán substituídos os membros non renovados antes.

3. Os alumnos e pais de alumnos escolarizados en centros colaboradores do Instituto galego de bacharelato a distancia integraranse no instituto no que están localizados, e formarán parte, segundo corresponda, de tódolos órganos de goberno, asumindo tódolos dereitos e obrigas que, como membros da dita comunidade educativa, lles son aplicables.

4. Nos centros colaboradores do instituto galego de bacharelato a distancia haberá un xefe de estudios nomeado entre os profesores que imparten ensino ós alumnos do citado instituto galego de bacharelato a distancia. O mesmo que o outro xefe de estudios do instituto no que se localiza o centro colaborador, integrarase no consello escolar e percibirá o mesmo complemento específico.

5. Os alumnos e alumnas dos centros de características singulares serán considerados para efectos electorais da seguinte maneira: alumnos menores de 13 anos asimilaranse a alumnos de educación primaria, alumnos de 13 e 14 anos asimilaranse a alumnos de primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria, alumnos maiores de 14 anos asimilaranse a alumnos de segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria.

Para determina-los anos de idade, consideraranse os anos que se cumpren dentro do ano natural no que se celebran as eleccións.

Centros de educación especial

Segundo.-O consello escolar dos centros de educación especial estará composto polos seguintes membros:

1. Centros catalogados con oito, ou máis postos de traballo docentes.

a) O director, que será o seu presidente.

b) Un concelleiro ou representante do Concello do municipio no que estea situado o centro.

c) Tres mestres elixidos polo claustro.

d) Tres representantes dos pais de alumnos.

e) O secretario do centro, que actuará como secretario do consello, con voz, pero sen voto.

f) Catro representantes do persoal non docente, no que se incluirá persoal de admininistración e servicios, persoal que desenvolve funcións psicopedagóxicas e de atención individualizada ós alumnos.

2. Centros catalogados con menos de oito postos de traballo docentes.

a) O director, que será o seu presidente.

b) Un concelleiro ou representante do concello do municipio no que estea situado o centro.

c) Dous mestres elixidos polo claustro. Un deles, designado polo director, actuará como secretario, con voz e voto no consello.

d) Dous representantes dos pais de alumnos.

e) Dous representantes do persoal non docente, no que se incluirá persoal de admininistración e servicios, persoal que desenvolve funcións psicopedagóxicas e de atención individualizada ós alumnos.

3. A elección do persoal non docente realizarase conforme o procedemento previsto no Decreto 92/1988, do 28 de abril, para os representantes do persoal de administración e servicios.

4. Incorporarase ó consello escolar un representante dos alumnos, no caso de que existan alumnos que sigan as ensinanzas de educación secundaria.

Terceiro.-Para efectos da renovación parcial prevista no Regulamento orgánico de escolas de educación infantil e colexios de educación primaria terase en conta:

1. Na primeira renovación parcial del serán substituídos os seguintes membros:

a) Centros catalogados con oito ou máis postos de traballo docentes. Un mestre, dous pais e dous representantes do persoal non docente.

b) Centros catalogados con menos de oito postos de traballo docentes: un mestre, un pai e un representante do persoal non docente.

2. Dous anos despois, substituiranse os membros non considerados na renovación parcial anterior:

3. O representante dos alumnos, no caso de que exista, será substituído cada catro anos.

Centros de educación de adultos

Cuarto.-Nos centros de educación de adultos constituirase o consello escolar cos representantes fixados no artigo 37 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria coas seguintes variacións:

1. A representación dos pais asignaráselle na súa totalidade e para tódolos efectos ós alumnos.

2. Os alumnos dos centros de educación de adultos asimilaranse para efectos electorais e de representación nos órganos de goberno ós alumnos de segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria.

3. Nos centros de educación de adultos, aínda cando se imparta neles educación secundaria, na xunta electoral os alumnos terán un so representante.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección para dictar tódalas disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

7501