Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 22 de maio de 1997 Páx. 4.756

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 24 de abril de 1997 pola que se crea o Fondo de Investigación de Galicia sobre Drogodependencias e se regula a convocatoria anual de axudas ó seu cargo.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia é o órgano administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia que, a través da oficina do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas (CPGD), se ocupa da planificación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a reduci-la demanda do consumo de drogas, así como outras encamiñadas ó tratamento dos problemas derivados do dito consumo.

No marco desas funcións, a oficina do CPGD considera como áreas prioritarias de actuación, entre outras, a da formación e a da investigación das drogodependencias.

A dita consideración é froito de entender que a formación dos profesionais sociosanitarios debe apoiarse e ter unha relación directa coa actividade de investigación científica que se xere sobre o tema das drogodependencias.

A promoción da investigación científica e da formación dos profesionais na área das drogodependencias persegue unha dobre finalidade: tanto unha actualización de coñecementos como unha continua mellora da eficacia da actuación dos profesionais sociosanitarios e da planificación de medidas que desde a Administración e outras instancias se poida facer para aborda-la problemática das drogodependencias.

De acordo co anterior, no ano 1987 a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais procedía a crear e convoca-los premios Xunta de Galicia para traballos de investigación científica sobre drogodependencias. Estes premios convocáronse anualmente desde a súa creación ata o pasado ano.

Da experiencia xurdida durante estes anos en que se convocaron os referidos premios Xunta de Galicia para traballos de investigación, e atendendo ás recomendacións do xurado da última edición destes, facíase necesaria unha revisión desta acción. O resultado desa revisión é a creación do fondo que regula a presente orde, o cal en definitiva persegue o seguinte:

a) Apoia-la actividade investigadora tanto de equipos de investigación xa existentes como de nova creación, en materias que sexan prioritarias de acordo cos principios de coordinación e planificación do CPGD.

b) Rendibiliza-los diñeiros públicos que o CPGD destina a financia-las áreas de formación e investigación dirixindo esta a traballos que teñan por obxecto materias prioritarias para o CPGD e que permitan mellora-las medidas de planificación, coordinación e xestión que en canto á problemática das drogodependencias desenvolve esta consellería no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta todo o anterior e no uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983,

do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a través da presente orde,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A través da presente orde créase un Fondo de Investigación de Galicia sobre Drogodependencias (FIGAD).

2. Con cargo ó FIGAD, anualmente, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais convocará e abrirá un prazo de presentación de solicitudes de axudas económicas para financiar proxectos ou accións de investigación científica no eido das drogodependencias e que respondan ós requisitos que se especifican nos seguintes artigos.

Artigo 2º.-Obxectivos do FIGAD.

O FIGAD terá, entre outros, os seguintes obxectivos:

a) Promove-lo desenvolvemento de liñas de investigación científica no eido das drogodependencias.

b) Apoiar e incrementa-los equipos de investigación neste eido, fomentando a súa competitividade tanto nacional como internacional.

c) Complementa-las axudas económicas a proxectos e traballos de investigación outorgados por organismos ou entidades de ámbito autonómico, nacional ou internacional.

Artigo 3º.-Áreas de especial interese e promoción.

As actividades que poidan ser financiadas con cargo ó FIGAD encadraranse dentro das directrices marcadas polo CPGD, e terán consideración preferente aquelas actividades que aborden as seguintes áreas da problemática das drogodependencias:

a) Prevención.

b) Asistencia.

c) Incorporación social.

Artigo 4º.-Beneficiarios do FIGAD.

As axudas económicas que se convoquen con cargo ó FIGAD irán dirixidas a aquelas persoas físicas ou xurídicas que desenvolvan as anteditas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte orde de prelación:

a) Equipos de investigación formados por profesionais que traballen na rede de recursos do Plan de Galicia sobre Drogas.

b) Equipos de investigadores adscritos a entidades e institucións públicas sociosanitarias de Galicia.

c) Equipos de investigación de entidades privadas sen ánimo de lucro con especial incidencia no eido das drogodependencias e áreas afíns.

d) Persoas físicas de recoñecido prestixio investigador no eido das drogodependencias ou áreas afíns.

Artigo 5º.-Requisitos dos beneficiarios.

5.1. En calquera caso, os interesados que aspiren a seren beneficiarios do fondo creado pola presente orde deberán cumprir cos seguintes requisitos xerais:

a) Ser cidadán español ou dun país membro da Unión Europea.

b) Ser maior de idade.

c) Estar, polo menos o investigador principal, en posesión dunha titulación universitaria de grao medio ou superior.

d) Un mesmo investigador non poderá participar en máis dun proxecto de investigación para o que se solicite a concesión dunha axuda con cargo ó FIGAD.

e) Non incorrer en incompatibilidade, segundo a lexislación vixente, para executa-lo proxecto de investigación que pretenda beneficiarse do FIGAD.

5.2. Os equipos de investigación estarán formados por un mínimo de tres investigadores, incluído o investigador principal.

5.3. O investigador principal do proxecto terá que avala-la súa experiencia investigadora previa mediante currículum vitae no que se deixe constancia da súa producción científica nos tres últimos anos.

Artigo 6º.-Orzamento.

Anualmente, o fondo de investigación creado será economicamente dotado con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Finalidade das axudas do FIGAD.

7.1. As axudas que se concedan con cargo ó FIGAD irán destinadas a financia-la totalidade ou parte dos gastos de elaboración ou execución de proxectos de investigación en materia de drogodependencias ou áreas afíns.

7.2. No suposto de que as axudas que se resolva conceder non cubran a totalidade do crédito orzado, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá facer pública unha nova convocatoria destas axudas.

Artigo 8º.-Solicitude e documentación complementaria.

8.1. A solicitude de axudas farase mediante instancia, en modelo normalizado que figura como anexo I desta orde. Tratándose dun equipo de investigadores, a solicitude será presentada polo investigador principal.

8.2. Xunto coa instancia presentaranse os seguintes documentos que, en todo caso, deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles:

a) Currículum vitae de cada membro do equipo, xunto con canta documentación poida avalalo.

b) Fotocopia do DNI ou pasaporte de cada investigador.

c) Xustificante da titulación académica de cada un dos investigadores.

d) Declaración de cada un dos investigadores de non estar afectado por incompatibilidade ningunha para o desenvolvemento do proxecto de investigación, conforme o disposto na normativa vixente de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas.

e) De se-lo caso, declaración de ter financiamento doutras administracións ou entidades xa aprobado ou concedido ó equipo investigador ou a cada un dos seus membros, para desenvolve-lo proxecto de investigación que pretenda beneficiarse do FIGAD, con indicación da contía do finanzamento.

f) Memoria descritiva do proxecto de investigación para o que se solicita financiamento, dos antecedentes e do estado actual do tema obxecto do proxecto no contexto da investigación científica, apoiado todo isto nunha análise da bibliografía máis relevante sobre o dito tema.

Na dita memoria detallaranse tamén os obxectivos concretos do proxecto, o interese destes, a hipótese e a metodoloxía de traballo, así como outros datos que como mínimo serán os recollidos no modelo presentado no anexo II desta orde.

g) Plan de traballo co seu correspondente cronograma de accións e plan de necesidades orzamentarias e de recursos, indicando qué axuda económica se lle solicita á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e a previsión de qué necesidades específicas cubriría a dita axuda.

8.3 Os investigadores individuais deberán presenta-la documentación indicada nos puntos arriba sinalados

8.4 Nos casos en que os membros do equipo investigador dependan dunha entidade ou institución, á solicitude deberá xuntárselle o visto e prace do representante legal da correspondente entidade ou institución.

Artigo 9º.-Prazo e presentación das solicitudes.

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, e maila documentación sinalada no anterior artigo, deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria anual de axudas con cargo ó FIGAD.

Artigo 10º.-Xurado de valoración.

10.1. A valoración das solicitudes presentadas será realizada por un xurado que se constituirá para o efecto. O dito xurado estará presidido polo comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas e composto por catro vocais e un secretario. Tres dos vocais serán propostos polo presidente do xurado e nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais. Para cubri-lo posto de cuarto vocal do xurado, solicitarase da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a designación dun representante do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Como secretario actuará un funcionario da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

10.2. O xurado non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias e que non estean acreditados documentalmente.

10.3. O presidente do xurado proporalle á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a relación de candidatos a beneficiarios de axudas con cargo ó FIGAD e logo a dita secretaría xeral fará pública a resolución provisional de beneficiarios mediante anuncio inserido no Diario Oficial de Galicia.

10.4. Contra esta resolución provisional poderase formular reclamación no prazo de 10 días naturais; transcorrido o dito prazo, o xurado procederá a estudia-las reclamacións que houbese e elevará unha proposta defi

nitiva á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para que resolva.

10.5. A resolución definitiva da convocatoria farase por resolución do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, que se publicará no DOG e porá fin á vía administrativa.

Artigo 11º.-Resolución.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei do Estado 30/1992, do 26 de novembro, o prazo máximo de resolución das convocatorias de axudas do FIGAD será de 4 meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo establecido no artigo 9º para presentar solicitudes.

De non dictarse no dito prazo resolución expresa da convocatoria, entenderase que quedan desestimadas tódalas solicitudes presentadas.

Artigo 12º.-Recursos.

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Forma de pagamento e xustificacións.

1. Cando sexa o caso, o pagamento das axudas do FIGAD efectuarase a través do investigador principal do equipo investigador.

2. O dito pagamento realizarase do seguinte xeito:

a) Cando a axuda non supere o importe de 1.000.000 de pesetas:

-O 75% do importe farase efectivo trala resolución definitiva de concesión das axudas e logo da presentación polos beneficiarios dunha aceptación formal da axuda concedida e do compromiso de cumpri-lo cronograma de accións referido no artigo 8.2.g) desta orde.

-O 25% restante aboarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e de gasto da axuda concedida de acordo coa previsión feita no Plan de necesidades orzamentarias referido no citado artigo 8.2.g) da presente orde, presentando, en todo caso, como xustificantes de gasto facturas ou xustificantes orixinais ou compulsados pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Nos demais casos, poderán acordarse pagamentos parciais, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, e a conta de liquidación ata o 80% da subvención concedida.

3. Á parte da documentación requirida nos apartados anteriores deste artigo, en tódolos casos, para poder facer efectivo o derradeiro pagamento das axudas concedidas, os beneficiarios das axudas deberán remata-lo proxecto ou acción de investigación obxecto de financiamento con cargo ó FIGAD e, no prazo de 10 días hábiles desde o remate, deberán ter presentado o seguinte:

a) Unha memoria xustificativa da aplicación definitiva da axuda recibida e que conterá as distintas fases de realización; a avaliación do cumprimento dos prazos de execución do proxecto previstos no plan de traballo requirido polo artigo 8.2.g) ,

b) Tres exemplares dunha memoria descritiva do proxecto ou acción desenvolta na que queden reflectidos os seguintes apartados:

-Introducción

-Obxectivos

-Material e métodos

-Resultados

-Conclusións e discusión

-Bibliografía

Artigo 14º.-Seguimento do proxecto.

14.1. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través do comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades libradas.

A través do xurado de valoración descrito no artigo 10º desta orde, poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento.

14.2. En ningún caso o remate do proxecto ou acción financiada poderá exceder do 15 de decembro de cada ano no que se efectúe a convocatoria de axudas con cargo ó FIGAD.

14.3. Se o proxecto ou acción non fose realizado na súa totalidade no prazo establecido, ou concorrese algunha das causas establecidas no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, procederase á revogación da axuda concedida e á devolución do diñeiro percibido cos correspondentes xuros de demora.

14.4. Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores. No momento de facelos públicos deberán facer consta-la referencia específica da axuda que con cargo ó FIGAD recibiron da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais -comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, e deberán remitir cinco exemplares de cada publicación que se faga sobre estes.

Artigo 15º.-Incidencias.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través do xurado de valoración resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación das convocatorias do FIGAD.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases da presente orde poderá dar lugar á revogación das axudas concedidas e á reclamación das cantidades anticipadas de conformidade co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Para o ano 1997 as axudas económicas que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais resolva conceder con cargo ó FIGAD, satisfaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.01.313A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, na que existe crédito suficiente.

Segunda.-O prazo de presentación das solicitudes de axudas que con cargo ó FIGAD se convocan para o

exercicio de 1997, será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas

oportunas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO II

Aspectos que deben considerarse na memoria ó proxecto ou acción para o cal se solicita a axuda do FIGAD:

1. Datos de identificación:

-Título.

-Coordinador/a ou representante.

-Lugar de realización.

-Datos bancarios xuntando certificado.

-Datos persoais, profesionais e funcións dos compoñentes do grupo (se é o caso) .

-Outros profesionais, entidades ou colectivos cos que se interactúa.

2. Deseño:

-Xustificación do proxecto.

-Obxectivos que se pretenden.

-Actividades que se realizan para cada obxectivo e temporalización delas.

3. Recursos necesarios:

* Materiais:

-Materiais útiles dos que xa se dispón para o proxecto.

-Materiais que é necesario adquirir.

* Orzamento:

-Gastos materiais.

-Gastos de desprazamento e organización.

-Outros gastos.

-Axuda que se solicita á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais con cargo ó FIGAD e previsións de partidas de gasto desta.

* Outras axudas solicitadas ou dispoñibles.

4. Criterios e procedemento deseñados para avalia-los resultados.

3769