Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Venres, 06 de xuño de 1997 Páx. 5.413

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de maio de 1997 pola que se regulan os programas de diversificación curricular na educación secundaria obrigatoria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, sinala no seu artigo 23.1º que para determinados alumnos maiores de dezaseis anos, logo da súa oportuna avaliación, poderán establecerse diversificacións do currículo nos centros ordinarios. Neste suposto, os obxectivos da etapa de educación secundaria obrigatoria lograranse cunha metodoloxía específica e a través de contidos e incluso áreas diferentes ás establecidas con carácter xeral.

O modelo curricular aberto e flexible, adoptado para tódalas etapas educativas, baséase, entre outras razóns, en que os currículos están establecidos no seu primeiro nivel de concreción tendo como fonte psicopedagóxica o referente dun alumnado posuidor dunhas capacidades consideradas como máis habituais entre o mesmo grupo de idade. Isto implica que aspectos propios da individualidade de cada un, como a historia escolar , os intereses, as motivacións ou o estilo e ritmo de aprendizaxe, non se puideron ter en conta. Por esta razón, os centros educativos deben concretar no seu propio contexto o currículo establecido con carácter xeral e, xa que logo, mediante medidas de adaptación do currículo, darlles resposta ós alumnos e alumnas con algún tipo de necesidade educativa especial, adecuando os contidos e o ritmo xeral de aprendizaxe ás súas características persoais para que poidan acadar así os obxectivos de ciclo ou curso.

Pero pode suceder que, malia esta flexibilización do currículo en determinadas áreas, algúns alumnos e alumnas terminen o período de escolaridade obrigatoria sen teren acadados os obxectivos xerais da etapa de educación secundaria obrigatoria e, polo tanto, sen recibi-lo título de graduado en educación secundaria que, de se-lo caso, lles permitirá continuar estudios posteriores. Dada a importancia que ten para o seu futuro profesional e académico contar co dito título, débense establecer medidas de apoio para que todos e todas poidan logra-los obxectivos establecidos. Cómpre, polo tanto, adoptar outros criterios metodolóxicos e de organización do currículo para aqueles alumnos que se prevexa que son quen de acada-los obxectivos xerais da educación secundaria obrigatoria con axudas específicas apropiadas ás súas necesidades.

Estas medidas extraordinarias deben tomarse de tal xeito que resuman unha formación xeral básica e capacidades vinculadas á iniciación profesional, para que o alumnado que a reciba poida de seguido

optar libremente e sen carencias esenciais por calquera das vías conducentes a estudios posteriores ou pola incorporación ó mundo laboral. Cómpre, xa que logo, regula-las condicións específicas que deben conforma-los programas de diversificación curricular na educación secundaria.

Así, o artigo 17 do Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, Diario Oficial de Galicia do 2 de abril, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia dispón que as diversificacións do currículo estarán dirixidas a alumnos con máis de dezaseis anos e que as actividades educativas do currículo diversificado incluirán, cando menos, tres áreas do currículo básico que deberán incorporar, en todo caso, elementos formativos dos ámbitos lingüístico-social e científico-tecnolóxico.

En cumprimento do disposto no artigo 17 do Decreto 78/1993, a Orde do 19 de xuño de 1996, Diario Oficial de Galicia do 11 de xullo, pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria, establece no seu capítulo IX as condicións básicas que deben cumpri-los programas de diversificación curricular. No artigo 11, disponse que os alumnos e alumnas con máis de dezaseis anos, ou que os cumpran no ano natural no que comeza o curso, que non acadasen os obxectivos previstos malia recibiren medidas extraordinarias de diversificación do currículo, poderán seguir programas de diversificación curricular sempre que, a xuízo do profesorado do grupo ó que pertenzan e do departamento de orientación, se considere que teñen posibilidades razoables de logra-los obxectivos xerais da educación secundaria obrigatoria con estas medidas especiais de atención. Igualmente, no dito artigo, establécese a composición curricular dos programas de diversificación curricular e o tratamento

metodolóxico das áreas específicas.

A presente orde concreta o disposto no artigo 11 da Orde do 19 de xuño de 1996 nos ámbitos das condicións de acceso a un programa de diversificación curricular, a duración, organización e horario, os agrupamentos, a titoría, as condicións de elaboración dos programas, o profesorado que o impartirá e, en definitiva, todos aqueles aspectos que ordenan esta medida específica de atención á diversidade.

En consecuencia co exposto e en virtude do artigo 17 do Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, e da Orde do 19 de xuño de 1996, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a regulamentación dos programas de diversificación curricular establecidos no artigo 11 da Orde do 19 de xuño de 1996 pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria.

Artigo 2º.-Definición e finalidade.

Os programas de diversificación curricular constitúen medidas especiais de atención á diversidade que teñen como finalidade posibilitar que os alumnos e alumnas que accedan a estes programas poidan acada-los obxectivos xerais da educación secundaria obrigatoria e, xa que logo, o título de graduado en educación secundaria, mediante unha metodoloxía e uns contidos axeitados ás súas características e necesidades.

Artigo 3º.-Acceso.

Poderán incorporarse ós programas de diversificación curricular os alumnos e alumnas con máis de dezaseis anos ou que os cumpran no ano natural no que comeza o curso que cursasen o primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria e cando se dean tódalas circunstancias que seguen:

a) Que en cursos anteriores o alumno tivese dificultades xeneralizadas de aprendizaxe ata tal punto que lle impedisen acada-los obxectivos previstos para o ciclo ou curso.

b) Que recibise medidas complementarias de adaptación do currículo que, aínda que non lle posibilitasen o logro dos obxectivos, fosen beneficiosas como para ter expectativas razoables respecto do logro dos obxectivos xerais desta etapa con medidas especiais de atención.

c) Que o equipo de profesores do grupo ó que pertence o alumno manifeste, mediante un informe individualizado extraordinario elaborado polo titor, a necesidade de que o dito alumno siga un programa de diversificación curricular.

d) Que o dictame da avaliación psicopedagóxica emitido polo departamento de orientación, ademais da valoración das potencialidades do alumno e do establecido na Orde do 31 de outubro de 1996 (Diario Oficial de Galicia do 19 de decembro), acredite que se cumpren as circunstancias a) e b).

e) Que a inspección educativa dea a súa autorización expresa, que se outorgará á vista do disposto no presente artigo e oídos o alumno e os seus pais ou titores legais.

Artigo 4º.-Duración.

Con carácter xeral, a duración destes programas será de dous anos. Non obstante, poderán establecerse programas dun ano de duración para aqueles alumnos ou alumnas que cursasen o cuarto curso de educación secundaria obrigatoria ou que repetisen o terceiro curso sen superalo.

Artigo 5º.-Organización e horario.

1. Segundo o establecido no artigo 11 da Orde do 19 de xuño de 1996, os programas de diversificación curricular incluirán tres áreas de coñecemento con tratamento de contidos globalizador:

-Unha área do ámbito lingüístico e social que terá dez períodos lectivos semanais e que tomará como

referencia o currículo das áreas seguintes: lingua galega e literatura; lingua castelá e literatura; e ciencias sociais, xeografía e historia.

-Unha área de lingua estranxeira que tomará como referencia o currículo do idioma correspondente e que terá dous períodos lectivos semanais.

-Unha área do ámbito científico que tomará como referencia o currículo das áreas de matemáticas e de ciencias da natureza, e que terá sete períodos lectivos semanais.

2. Os alumnos completarán este programa con tres áreas do currículo común nas que se lles aplicarán as medidas de reforzo educativo que sexan precisas. Nestas áreas non se incluirán as que conforman as áreas específicas do programa de diversificación curricular mencionadas no apartado anterior. As áreas do currículo común serán as que seguen:

a) O primeiro ano dos programas de diversificación curricular os alumnos e alumnas cursarán tecnoloxía, educación física e educación plástica e visual cun grupo de alumnos do terceiro curso.

b) No segundo ano, cursarán tecnoloxía, educación física e música cun grupo de cuarto curso.

3. Completarase o programa de diversificación curricular cunha materia optativa en cada curso, segundo se establece de seguido:

3.1. No primeiro ano, esta materia optativa terá tres períodos lectivos semanais, estará deseñada especificamente para estes alumnos e os seus obxectivos deberán ter estreita relación coas capacidades vinculadas á iniciación profesional.

3.2. No segundo ano, a materia optativa será elixida de entre as ofertadas polo centro con carácter xeral para o cuarto curso e cursarase co grupo de referencia.

4. As ensinanzas de relixión ou, se é o caso, as actividades de estudio alternativas a elas deberán ser cursadas co grupo de referencia.

5. No caso dos programas dun ano de duración dirixidos a alumnos ou alumnas que cursaron cuarto curso, os contidos do ámbito científico e as áreas que deben cursar co grupo ordinario de referencia estableceranse axustándose ás áreas que cursasen no ano anterior, oído o alumno ou alumna e cando a organización do centro así o permita.

Artigo 6º.-Agrupamentos.

1. Segundo o establecido no artigo 11 da Orde do 19 de xuño de 1996, os alumnos e alumnas que sigan un programa de diversificación curricular terán un grupo ordinario de referencia co que cursarán algunhas áreas do currículo común. Con todo, excepcionalmente, cando as circunstancias así o aconsellen, a inspección educativa poderá autorizar outras fórmulas de agrupamento.

2. Para a impartición das áreas e materias específicas destes programas conformaranse grupos que

non poderán supera-lo número de 15 alumnos e alumnas.

3. Dado o carácter excepcional destes programas, poderá deseñarse máis dunha materia optativa específica para o primeiro ano. A delegación provincial poderá autorizar, logo do informe da inspección educativa, a impartición das ditas materias a un número de alumnos menor do establecido con carácter xeral.

Artigo 7º.-Titoría.

1. O grupo de alumnos que siga un programa de diversificación curricular deberá ter un profesor titor designado polo director de entre os profesores que impartan docencia a todo o grupo do programa.

2. O funcionamento das titorías dos programas de diversificación curricular deberá realizarse segundo o plan de acción titorial establecido para estes programas no proxecto curricular. O espacio horario dedicado á titoría será similar ó establecido con carácter xeral para a educación secundaria obrigatoria.

3. Os profesores titores de grupos de alumnos que seguen un programa de diversificación curricular elaborarán, co apoio do departamento de orientación, un plan titorial anual específico para estes alumnos no que se fará especial incidencia nos aspectos que seguen:

a) No estímulo da integración no centro e da participación nas estructuras de grupo.

b) Na motivación e no desenvolvemento persoal, especialmente na construcción apropiada do autoconcepto.

c) No seguimento das adaptacións do currículo que se propoñan e que, en todo caso, deberán ter como obxectivos os propios desta etapa educativa.

d) Na orientación vocacional e profesional.

4. A profesora ou o profesor titor asignado a un grupo de alumnos deberá face-lo seguimento do seu proceso de aprendizaxe durante toda a duración prevista para o programa.

Artigo 8º.-Elaboración dos programas.

1. O programa de diversificación será elaborado polo departamento de orientación en colaboración cos xefes dos distintos departamentos didácticos, a partir das directrices xerais establecidas pola comisión pedagóxica, e coordinados polo xefe ou xefa de estudios.

2. O programa incluirá os elementos que seguen:

a) Propostas metodolóxicas para o tratamento globalizador dos contidos das áreas específicas e da área de lingua estranxeira, facendo fincapé no tratamento dos temas transversais.

b) Programación didáctica e distribución do horario semanal de cada unha das áreas establecidas no artigo 6º.1 da presente orde.

c) Proposta xustificada da materia ou materias optativas específicas para o primeiro ano, establecidas no artigo 6º desta orde, e da programación didáctica correspondente.

d) Proposta de agrupamento e xustificación dela no caso de non optar pola pertenza dos alumnos e alumnas a un grupo ordinario de referencia.

e) Proposta de avaliación inicial en cada unha das áreas, tanto específicas como comúns, para determina-la axuda pedagóxica necesaria respecto dos criterios de avaliación correspondentes.

f) Orientacións para aplica-los criterios establecidos no proxecto curricular de etapa para a obtención do título de educación secundaria.

g) Criterios e procedementos para a avaliación e revisión do propio programa de diversificación curricular.

3. En todo caso, o programa resultante deberá responder globalmente ós obxectivos xerais da etapa, de xeito que o seu desenvolvemento posibilite a obtención do título de graduado en educación secundaria.

4. Unha vez elaborado, o programa de diversificación curricular incluirase no proxecto curricular do centro como unha medida específica de atención á diversidade.

Artigo 9º.-Proceso de incorporación.

1. Para determina-la incorporación dun alumno ou alumna a un programa de diversificación curricular, seguirase o proceso que segue:

a) Proposta xustificada do equipo de profesores do grupo ó que pertence o alumno ou alumna expresada mediante un informe individualizado do titor no que se fará constar, ademais do establecido no artigo 3º, apartado a):

-O grao de consecución das capacidades enunciadas nos obxectivos xerais da etapa e das distintas áreas e materias.

-As áreas e materias nas que se aplicaron medidas de apoio, tanto de reforzo como de adaptación curricular.

-A valoración do progreso da aprendizaxe realizada mediante medidas de reforzo ou de adaptación curricular.

b) Informe do departamento de orientación no que se incluirán as conclusións da avaliación psicopedagóxica e a opinión do alumno ou alumna e a dos seus pais ou titores legais respecto da proposta de acceso a un programa de diversificación curricular.

A avaliación psicopedagóxica rexerase polo disposto no capítulo II da Orde do 31 de outubro de 1996 (Diario Oficial de Galicia do 19 de decembro), incidindo nas orientacións para a proposta curricular.

c) Sesión de proposta definitiva de acceso a un programa de diversificación curricular, convocada polo xefe de estudios, coa asistencia deste, do xefe do departamento de orientación e do titor do alumno ou alumna.

d) Remisión da proposta ó servicio de inspección educativa para o seu informe. Na dita proposta incluiranse:

-A proposta xustificada e o informe do departamento de orientación.

-A xustificación da duración do programa que se considere máis recomendable para o alumno ou alumna.

-Os recursos materiais e humanos para desenvolve-lo programa.

-Dispoñibilidade de aulas para imparti-las áreas específicas e a optativa específica de iniciación profesional.

-Profesores con destino definitivo no centro que se responsabilizarán das áreas específicas: especialidade e dispoñibilidade horaria.

2. Unha vez autorizado o seu acceso a un programa de diversificación curricular, cada alumno será obxecto dunha avaliación inicial mediante os medios ou instrumentos que se establecesen no programa, segundo o disposto no artigo 8º, apartado 2 e).

Artigo 10º.-Prazos.

1. Con carácter xeral, o proceso de proposta de acceso deberá estar rematado antes do 30 de xuño, de xeito que se lle garanta ó alumno ou alumna o inicio do programa no comezo do curso escolar.

2. Excepcionalmente, a inspección educativa poderá autoriza-lo acceso dun alumno ou alumna a un programa de diversificación curricular xa iniciado cando as circunstancias así o aconsellen e sempre que se dean as condicións establecidas nesta orde e que a dita incorporación se realice dentro do primeiro trimestre do curso.

Artigo 11º.-Profesorado.

1. Con carácter xeral, as áreas específicas dos programas de diversificación curricular, organizadas no ámbito científico e no ámbito lingüístico e social, serán impartidas polo profesorado titor destes ámbitos que forme parte do departamento de orientación.

2. Cando o profesorado citado no apartado anterior non poida asumir tódalas horas das áreas específicas destes programas ou cando as circunstancias así o aconsellen, as ditas áreas poderán ser impartidas polo profesorado dos distintos departamentos didácticos implicados.

3. No caso de que se dea o suposto recollido no apartado anterior, corresponderalle ó director ou directora do centro a asignación das áreas específicas ós departamentos didácticos implicados no ámbito científico. Para asigna-la impartición da área do ámbito lingüístico e social terase como criterio

preferente a pertenza do profesorado ós departamentos de lingua galega ou de lingua castelá.

4. En todo caso, cada ámbito deberá ser impartido por un único profesor ou profesora.

5. A materia optativa específica para o primeiro ano será impartida polo departamento didáctico ó que lle corresponda, segundo o carácter dos obxectivos e contidos previstos nela na configuración do programa de diversificación curricular establecida no artigo 8º desta orde.

Artigo 12º.-Localización dos programas.

Tódolos centros que impartan as ensinanzas correspondentes ó segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria deberán establecer un programa de diversificación curricular que elaborarán segundo o disposto na presente orde.

Artigo 13º.-Avaliación.

1. O referente para avalia-las aprendizaxes dos alumnos serán os obxectivos xerais da etapa e os criterios de avaliación establecidos para cada un dos ámbitos e cada unha das áreas ou materias que curse cada alumno ou alumna, coas adaptacións curriculares que, de se-lo caso, lles correspondan.

2. De acordo co disposto no artigo 11.1º da Orde do 19 de xuño de 1996, pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria, e no punto décimo terceiro da Orde do 25 de abril de 1994 sobre a avaliación nesta etapa, os alumnos e alumnas que acaden en termos globais os obxectivos xerais desta etapa obterán o título de graduado en educación secundaria.

3. Para o desenvolvemento das sesións de avaliación haberá que aterse ó disposto no punto décimo, apartados 2 e 3, da Orde do 25 de abril de 1994 sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria. A dita avaliación será realizada polo profesorado que imparte ensinanzas ó alumno.

4. De acordo co punto décimo cuarto da orde citada no apartado anterior, igual có resto do alumnado que cursa esta etapa, os alumnos que seguiron un programa de diversificación curricular recibirán ó remata-la etapa unha acreditación do centro na que constarán os anos cursados e as cualificacións obtidas nas distintas áreas ou materias.

Esta acreditación farase constar nas páxinas 27 e noutra que estea libre do libro de cualificacións da ensinanza básica, segundo o disposto no artigo 14.4º desta orde.

Igualmente, formularase o consello orientador sobre o futuro académico e profesional do alumno ou alumna nas mesmas condicións cás establecidas con carácter xeral para todo o alumnado no punto décimo quinto da Orde do 25 de abril de 1994 sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria.

Artigo 14º.-Documentos de avaliación.

1. Os documentos de avaliación das ensinanzas dos programas de diversificación curricular son os establecidos con carácter xeral na Orde do 25 de abril de 1994 sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria, que se cubrirán segundo se dispón no presente artigo.

2. Acta de avaliación final.

2.1. Os alumnos e alumnas que sigan un programa de diversificación curricular figurarán nas actas do seu grupo de alumnos de referencia, 3º ou 4º da educación secundaria obrigatoria, segundo corresponda.

2.2. Os resultados da avaliación das áreas e materias optativas do currículo común que cursase o alumno consignaranse nas actas do 4º curso, así como, de se-lo caso, a proposta de expedición do título de graduado en educación secundaria.

2.3. Nos recadros correspondentes ó resto das áreas consignarase PDC (Programa de Diversificación Curricular).

2.4. As cualificacións correspondentes ás áreas específicas do programa e á materia optativa do primeiro ano do programa consignaranse nunha acta complementaria.

3. Acta complementaria.

Segundo o establecido no apartado anterior, abrirase unha acta complementaria que se axustará ó modelo que figura no anexo I desta orde e na que se consignarán os resultados obtidos na avaliación nos termos de sobresaliente (Sb), notable (Nt), ben (B), suficiente (Sf), insuficiente (In).

4. Libro de escolaridade.

4.1. Ó remate de cada un dos cursos que compoñen o programa de diversificación curricular, consignaranse os resultados da avaliación obtidos polo alumno no seu libro de escolaridade de ensino básico.

4.2. Cando o programa teña unha duración de dous anos, as cualificacións do currículo común obtidas no primeiro ano consignaranse na páxina 22 do libro de escolaridade, que corresponde ós resultados obtidos no 3º curso da ESO.

4.3. Os resultados da avaliación obtidos no currículo común ó remata-lo programa, tanto se este tivo 2 anos como un ano de duración, consignaranse na páxina 24 do libro de escolaridade, que corresponde ós resultados obtidos no 4º curso da ESO, e na acreditación da avaliación da páxina 27.

4.4. Nas páxinas 22, 24 e 27 do libro de escolaridade ás que se fai referencia nos apartados anteriores, consignarase PDC (1) nas áreas que corresponden ós ámbitos específicos do programa, e no pé da páxina consignarase:

(1) Programa de Diversificación Curricular. Ver páxina...

4.5. Nas páxinas do libro de escolaridade ás que se faga referencia nos pés das páxinas 22, 24 e 27 cubrirase o cadro que recolle o anexo II da presente orde.

4.6. Ó remata-lo programa, certificarase na páxina 26 a finalización da escolaridade obrigatoria e, de se-lo caso, na páxina 25, o logro dos obxectivos da etapa conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria.

5. Expediente académico.

5.1. Ó remate de cada un dos anos do programa de diversificación consignaranse no expediente académico do alumno ou alumna os resultados obtidos.

5.2. Cando o programa teña unha duración de dous anos, as cualificacións do currículo común obtidas no primeiro ano consignaranse nos recadros correspondentes ó 3º curso.

5.3. Os resultados da avaliación obtidos no currículo común ó remata-lo programa, tanto se este tivo 2 anos como un ano de duración, consignaranse nos recadros que corresponden ós resultados obtidos no 4º curso da ESO.

5.4. Consignarase PDC (1) nas áreas que corresponden ós ámbitos específicos do programa, e no pé da páxina farase consta-la seguinte dilixencia:

«Como anexo a este expediente figuran as cualificacións obtidas polo/a alumno/a nas áreas e materias específicas do programa de diversificación curricular cursadas».

5.5. Para recolle-las cualificacións das áreas e materias específicas do programa de diversificación curricular cursadas polo alumno ou alumna utilizarase o cadro que figura no anexo II desta orde.

Disposición transitoria única

Excepcionalmente, os programas de diversificación curricular dos institutos de educación secundaria que aínda non conten co departamento de orientación serán elaborados co apoio de profesionais da orientación externos designados pola inspección educativa que corresponda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a dicta-las disposicións oportunas para o correcto desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA

PROGRAMA DE DIVERSIFICACIÓN CURRICULAR

[Orde do ... (DOG do ...)]

Acta complementaria de avaliación final dos alumnos/as que cursen un programa de diversificación curricular

Acta final do (terceiro/cuarto) cursoGrupo

Curso académico /

Centro Localidade

Enderezo CP Provincia

Nº total alumnos

Nº OrdeRelación alfabética de alumnosÁreas de coñecemento

ApelidosNomeÁrea I (1)Área II (2)Optativa

(siglas) (3)

(1) Lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura, ciencias sociais, xeografía e historia.

(2) Ciencias da natureza e matemáticas.

(3) Denominación da materia optativa.

EMENDAS:

...................................................................................................................................................

...................................................................................................................................................

...................................................................................................................................................

..............................................................

.........................., ............ de.....................

OS PROFESORES DO GRUPO

V. e prace O/A DIRECTOR/A

O/A TITOR/A

Asdo.:..............................

Asdo.:...................

ANEXO II

(Para o alumnado que curse un programa de diversificación de dous anos de duración)

RESULTADOS DA AVALIACIÓN

PROGRAMA DE DIVERSIFICACIÓN CURRICULAR

O/a alumno/a

obtivo no programa de diversificación cursado os seguintes resultados:

ÁreasCualificación

Primeiro anoSegundo ano
Área específica do ámbito lingüístico e social

(Áreas incluídas: c. sociais, xeografía e historia; lingua castelá e literatura; lingua galega e literatura.

Área específica do ámbito científico.

(Áreas incluídas: ciencias da natureza, matemáticas).

Lingua extranxeira.
Optativa especifica

(.......................................)

.........................................................................., ...................................... de ....................... de .............................

V. e prace O/A DIRECTOR/AO/A SECRETARIO/A

(Selo do centro)

Asdo.: .......................................Asdo.: ...........................................

(Para o alumnado que curse un programa de diversificación dun ano de duración)

RESULTADOS DA AVALIACIÓN

PROGRAMA DE DIVERSIFICACIÓN CURRICULAR

O/a alumno/a

obtivo no programa de diversificación cursado os seguintes resultados:

ÁreasCualificación
Área específica do ámbito lingüístico e social

(Áreas incluídas: c. sociais, xeografía e historia; lingua castelá e literatura; lingua galega e literatura.

Área específica do ámbito científico.

(Áreas incluídas: ..............

..........................................).

Lingua extranxeira.

.........................................................................., ...................................... de ....................... de .............................

V. e prace O/A DIRECTOR/AO/A SECRETARIO/A

(Selo do centro)

Asdo.: .......................................Asdo.: ...........................................

4290