Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Venres, 11 de xullo de 1997 Páx. 6.837

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Preámbulo

A caza constitúe o aproveitamento dun recurso natural renovable constituído polas poboacións das especies cinexéticas que proporciona utilidades de índole social, económica e ambiental á nosa sociedade, e a competencia exclusiva na materia vénlle atribuída á Comunidade Autónoma de Galicia polo artigo 27.15 do Estatuto de autonomía.

O exercicio da caza, ligado á evolución do home sobre a terra, perdeu basicamente a finalidade de proporcionar alimentos para converterse nunha actividade de ocio nas sociedades modernas, e presenta unha perspectiva diversa e variada segundo se contemple desde a estratexia da conservación dos recursos naturais ou desde a óptica do cazador, da do titular dos dereitos cinexéticos ou da doutros colectivos que realizan un uso dos devanditos recursos.

A demanda de caza, con moita frecuencia, supera a oferta cinexética. Este desequilibrio tradúcese nun exceso de presión sobre os recursos cinexéticos en detrimento da súa conservación e provocando a diminución das poboacións cinexéticas. Se a isto lle engadímo-los profundos cambios operados nos hábitats naturais polas formas intensivas do uso da terra, o abandono do campo, a maior eficacia das armas e medios de caza, a accesibilidade crecente ó conxunto do territorio, etc., atopámonos cunha descapitalización cinexética que a actual Lei de caza de 1970 non é capaz de resolver.

O obxecto da lei é dobre: por unha banda, tratar de conciliar e garantir que o aproveitamento cinexético realizado polos cazadores non afecte a conservación das especies de fauna silvestre patrimonio do conxunto da sociedade, mentres que, por outra banda, se trata de lograr unha mellora dos recursos cinexéticos para atende-la demanda ordenada dos cazadores.

Para iso, aténdese a tres cuestións principais:

-A dimensión dos terreos cinexéticos para garantir un marco territorial suficiente tanto para o fomento da caza coma para o seu exercicio equilibrado.

-A ordenación dos aproveitamentos cinexéticos a través dos preceptivos plans, de xeito que se garanta a persistencia do recurso cinexético.

-A vixilancia dos terreos cinexéticos e o réxime sancionador que cumpra a función de disuasión ós infractores e evite agresións ás especies cinexéticas e ós seus hábitats.

A lei establece un elenco de figuras para os terreos cinexéticos, co fin de atende-las distintas posibi

lidades de formas de aproveitamento cinexético segundo o carácter público, societario particular, deportivo ou de mera explotación económica que os titulares dos terreos pretendan utilizar, asignándolle ó propietario ou titular dun dereito real sobre o solo a facultade de exercer directamente ou ceder a un terceiro o dereito cinexético que lle corresponde.

O marco legal vixente en materia ambiental garante a conservación das especies cinexéticas como integrantes da fauna silvestre, reforzando os preceptos desta lei.

A lei estructúrase nun título preliminar, dez títulos máis (72 artigos), catro disposicións adicionais, sete disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira.

O título preliminar recolle os principios xerais que a inspiran, así como as definicións básicas e a atribución de competencias en materia de caza.

No título I clasifícase o territorio de Galicia para efectos cinexéticos e defínense as características de cada terreo así como a titularidade. As distintas figuras de terreos responden ás diferentes formas de organización social, económica, deportiva, etc., dos titulares de dereitos de caza en función dos seus fins e obxectivos principais, garantindo a maior participación pública nun ámbito territorial para asegurar tanto o fomento dos recursos cinexéticos coma o exercicio da caza.

No título II defínense as especies susceptibles de aproveitamento cinexético e regúlase a apropiación das pezas abatidas.

No título III defínense as normas de protección, conservación e aproveitamento das especies de caza, así como a protección dos seus hábitats, os períodos hábiles de caza, as modalidades de caza e a ordenación dos aproveitamentos cinexéticos a través dos plans de ordenación que se establecen con carácter obrigatorio como un instrumento básico da xestión dos recursos cinexéticos.

No título IV establécense os requisitos para cazar: licencias e seguros, así como a necesidade de supera-las probas de aptitude que regulamentariamente se determinen para obte-la licencia de caza por primeira vez.

No título V regúlase a vixilancia da caza, así como os axentes da autoridade competentes; por iso establécese como obrigatorio un servicio de vixilancia nos terreos cinexéticos ordenados, como colaborador nas funcións de policía e custodia dos recursos naturais e como garantía do cumprimento dos fins desta lei.

No título VI establécense os órganos consultivos con funcións de asesoramento á Administración, así como os requisitos das organizacións colaboradoras dela.

No título VII regúlanse as granxas cinexéticas como productoras de pezas de caza, así como as repoboacións cinexéticas como parte da xestión ordenada dos recursos cinexéticos.

No título VIII regúlase o réxime fiscal dos terreos cinexéticos suxeitos a un réxime especial. Como novidade recóllese a posibilidade de que regulamentariamente se establezan bonificacións nos distintos terreos cinexéticos ordenados en función do seu carácter aberto, desde o punto de vista da participación pública dos cazadores e da superficie que se dedique en cada terreo cinexético especial a vedados de caza.

No título IX defínense e tipifícanse as infraccións e establécese un réxime sancionador, actualizando o importe económico das sancións e obrigando o infractor a repoñe-la cousa alterada ó seu estado orixinal, así como a indemnizar polos danos e perdas causados.

No título X disponse a creación do Rexistro de Infractores de Caza da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de coordina-lo seu contido co Rexistro Nacional de Infractores de Caza e Pesca.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente promulgo en nome de El-Rei a Lei de caza de Galicia.

Título preliminar

Principios xerais

Artigo 1.-Obxecto da lei.

Esta lei ten por obxecto regula-lo exercicio da caza na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o fomento, a protección, a conservación e o ordenado aproveitamento das especies cinexéticas.

Artigo 2.-Acción de cazar.

Considérase acción de caza a exercida polo home, mediante o uso de armas, artes e outros medios autorizados, para buscar, atraer, perseguir ou acosa-los animais que se declaren como pezas de caza, co fin de darlles morte, apropiarse deles ou facilita-la súa captura por un terceiro.

Artigo 3.-Do cazador.

1.-O dereito a cazar correspóndelle a toda persoa maior de dezaseis anos que, acreditando a aptitude e os coñecementos precisos, estea en posesión da pertinente licencia de caza e cumpra os demais requisitos esixidos polas leis e as disposicións aplicables.

2.-Para cazar con armas de fogo será necesario ter acadada a maioría de idade penal ou ir acompañado por algún cazador maior de idade.

Artigo 4.-Obxecto da caza.

1.-A caza só poderá realizarse sobre as especies da fauna silvestre ou abravada declaradas como

pezas de caza, e o seu aproveitamento cinexético deberá acomodarse, en todo caso, ás normas que anualmente aprobe a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

2.-O exercicio da caza regularase de xeito que quede garantida a conservación das especies cinexéticas.

Artigo 5.-Armas e medios de caza.

1.-A tenencia e o uso de armas de caza regularanse polo disposto na lexislación especial sobre armas e nesta lei.

2.-Sen prexuízo do cumprimento do disposto noutras leis especiais, para a tenencia e o uso dos medios empregados na práctica da caza, incluídos os animais domésticos, haberá que aterse ó establecido nesta lei.

3.-Para utilizar medios de caza que precisen autorización especial será necesario estar en posesión do correspondente permiso.

4.-A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá establecer normas de homologación e contraste dos medios de caza que precisen autorización especial, co obxecto de que tales medios non produzan efectos distintos dos pretendidos.

Artigo 6.-Titularidade.

Os dereitos e as obrigas establecidos nesta lei, en canto se relacionan cos terreos cinexéticos, corresponderanlles ós propietarios ou, se é o caso, ós titulares doutros dereitos reais ou persoais que leven consigo o uso e desfrute do aproveitamento da caza.

Artigo 7.-Competencia en materia de caza.

A planificación, ordenación, fomento, vixilancia e control da caza correspóndenlle á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, a cal realizará cantas actuacións considere precisas para acada-los fins desta lei.

Título I

Dos terreos para efectos da caza

Artigo 8.-Concepto.

1.-Son terreos de carácter cinexético os susceptibles de tal aproveitamento.

2.-Exclúense desta consideración todos aqueles que constitúen núcleos urbanos ou rurais, vilas, xardíns, parques destinados ó uso público, recintos deportivos, instalacións fabrís ou industriais, estradas, vías férreas, terreos cercados ou calquera outro lugar que sexa declarado non cinexético en razón das súas especiais características e no que o exercicio da caza deba estar permanentemente prohibido.

3.-Considéranse zonas de seguridade aquelas nas que deban adoptarse medidas precautorias especiais, co fin de garanti-la protección das persoas

e dos seus bens. Con carácter xeral prohíbese nelas o exercicio da caza.

Artigo 9.-Clasificación dos terreos para efectos cinexéticos.

1.-Os terreos de carácter cinexético poden estar suxeitos a un réxime cinexético común ou especial.

2.-Os terreos suxeitos a réxime cinexético especial poden pertencer a algunha das seguintes categorías: reservas de caza; refuxios de fauna; terreos cinexeticamente ordenados (Tecor), terreos cinexético-deportivos ou explotacións cinexéticas.

3.-Os non comprendidos nalgunha das categorías relacionadas no parágrafo anterior quedarán suxeitos ó réxime cinexético común, e neles o exercicio da caza será libre, sen máis limitacións cás contidas nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan.

Os terreos de réxime cinexético común deberán ter como mínimo unha superficie continua de cincocentas hectáreas para poder practicarse neles a caza. De non acadaren a dita superficie, o exercicio da caza estará prohibido e terán a consideración de refuxios de fauna.

A xestión dos terreos de réxime cinexético común realizaraa a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e os seus aproveitamentos virán determinados polo que se estableza anualmente na orde de vedas.

Os terreos cinexéticos incluídos en espacios naturais protexidos perderán a súa condición e pasarán a ser refuxios de fauna, agás que a propia declaración ou o plan de ordenación dos recursos naturais correspondente indique outra cousa.

Artigo 10.-Sinalización.

1.-Os titulares dun terreo cinexético especial están obrigados a sinaliza-los seus límites, con carteis indicadores da súa condición cinexética, conforme o que se determine regulamentariamente.

Nestes terreos prohíbese entrar levando armas, cans e outros medios dispostos para cazar sen estar en posesión de autorización ou permiso do titular correspondente.

2.-As zonas de seguridade que se determinen regulamentariamente, así como os refuxios de fauna enclavados dentro doutros terreos de réxime cinexético especial, deberán ser igualmente sinalizadas polos seus titulares.

Artigo 11.-Reservas de caza.

1.-Por decreto poderán ser declaradas reservas de caza aquelas áreas do territorio que, pola súa situación, condicións ambientais, vexetación, configuración física ou topográfica ou calquera outra característica, se consideren favorables para a aclimatación, reproducción, conservación, fomento e defensa de especies susceptibles de aproveitamento cinexético. A declaración de reserva de caza levará

implícita a súa inclusión no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia.

2.-O decreto de creación precisará a composición e as funcións da dirección técnica e da xunta consultiva e o réxime organizativo da reserva.

3.-A xestión das reservas de caza correspóndelle á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, e o plan de ordenación cinexética incluirá a normativa específica de protección, conservación e recuperación das poboacións de determinadas especies, subordinando a esta finalidade o posible aproveitamento das especies cinexéticas dentro das reservas, e fixará o procedemento de elaboración dos plans anuais de aproveitamento.

Artigo 12.-Refuxios de fauna.

1.-Cando por razóns biolóxicas, científicas ou educativas sexa preciso asegura-la conservación de determinadas especies, a Xunta de Galicia, de oficio ou por proposta de entidades científicas ou culturais, públicas ou privadas, poderá acordar que determinadas áreas do territorio sexan declaradas como refuxios de fauna. Nestas áreas, a caza estará permanentemente prohibida, sen prexuízo de que por circunstancias especiais, suficientemente xustificadas, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes acorde a súa autorización para especies determinadas.

2.-A administración, control e vixilancia destes refuxios correspóndenlle exclusivamente á citada Consellería, se ben esta poderá subscribir convenios de colaboración con asociacións, sociedades ou entidades colaboradoras que se comprometan a cumpri-lo plan de conservación establecido, baixo a súa supervisión.

Artigo 13.-Dos terreos cinexeticamente ordenados.

1.-Denomínanse terreos cinexeticamente ordenados (Tecor) aquelas áreas do territorio galego susceptibles de aproveitamento cinexético que fosen declaradas e recoñecidas como tales por resolución da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e nas que a poboación cinexética debe estar protexida e fomentada, aproveitándose de forma ordenada.

2.-A superficie mínima e continua dos Tecor será de dúas mil hectáreas, e a duración do seu réxime especial será a do prazo de cesión de dereitos cinexéticos, que en ningún caso será menor de cinco anos, nin superará os quince anos, ó cabo dos que se extinguirá o Tecor, agás que se proceda á súa renovación, de acordo co que se dispoña regulamentariamente.

O réxime cinexético especial dos Tecor manterase, malia a perda de dereitos cinexéticos sobre determinados terreos que o integren, sempre que a superficie restante non sexa inferior á mínima sinalada no parágrafo anterior. Sen prexuízo do disposto anteriormente, calquera cambio na titularidade cinexética da totalidade ou parte dos terreos comprendidos

no Tecor deberá serlle comunicado á Administración no prazo e nas condicións previstos regulamentariamente.

Co fin de fomenta-las poboacións cinexéticas, os Tecor manterán como vedado de caza unha superficie mínima do 10% dos seus terreos. Estes vedados de caza deberán mante-los mesmos lindeiros, alomenos, durante dous anos consecutivos.

3.-Os Tecor poderán ser de titularidade pública, societaria ou particular, segundo que promovan a súa constitución as administracións públicas, as sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas, as persoas físicas ou outras xurídicas de carácter particular.

4.-A declaración dos terreos cinexéticos como Tecor leva inherente a favor dos seus titulares a reserva do dereito de caza de tódalas especies cinexéticas que se encontren nel e, consecuentemente, a titularidade dos dereitos e das obrigacións que de conformidade con esta lei deriven do dito aproveitamento cinexético.

5.-Para o exercicio da caza nos Tecor será necesario contar co permiso correspondente, expedido polo titular do aproveitamento.

6.-En todo caso, os aproveitamentos cinexéticos e as medidas de protección, conservación e fomento da riqueza cinexética regularanse a través dos correspondentes plans de ordenación e de aproveitamento cinexético, que deberán ser aprobados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 14.-Procedemento xeral de declaración dos terreos cinexeticamente ordenados.

1.-Á solicitude de declaración de Tecor deberán xuntarse os documentos acreditativos da titularidade cinexética dos terreos e a especificación da súa superficie e dos seus lindeiros, así como unha memoria coas directrices básicas do plan de ordenación cinexética.

2.-O procedemento de declaración dos Tecor incluirá, en todo caso, un trámite de información pública, por un prazo de dous meses, no que os propietarios dos terreos afectados ou titulares doutros dereitos que comporten o seu aproveitamento cinexético poderán efectua-las alegacións que estimen pertinentes.

Se se manifestase a negativa á integración no Tecor de parte dos terreos afectados, e a superficie continua destes fose inferior a cincocentas hectáreas, neles non poderá practicarse a caza e terán a consideración de refuxios de fauna.

3.-En tódolos procedementos de declaración de Tecor deberá solicitarse informe do Comité Provincial de Caza correspondente ou, cando o seu ámbito territorial comprenda varias provincias, do Comité Galego de Caza.

4.-Unha vez iniciado o procedemento de declaración dos Tecor e acreditado o cumprimento do

previsto nos números 1, 2 e 3 deste artigo, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes outorgará unha aprobación provisional para que no prazo máximo de catro meses se adopten as medidas que se sinalen nela. Se non se adoptasen esas medidas no citado prazo, quedará sen efecto a aprobación provisional.

5.-Durante o citado prazo non poderá realizarse ningún aproveitamento cinexético.

6.-Unha vez que se presenten os plans quinquenais de ordenación cinexética, así como o anual de aproveitamentos, que sexa sinalizado o perímetro do Tecor e que se adopten cantas medidas se sinalasen na aprobación provisional, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá declarar constituído o Tecor no prazo máximo de dous meses. Durante este prazo manterase a prohibición de realizar aproveitamentos cinexéticos.

7.-En calquera momento, aqueles titulares de dereitos cinexéticos dos que se presumise a súa cesión poderán solicita-la segregación dos seus terreos do Tecor.

8.-Vencido o prazo de cesión de dereitos cinexéticos, os titulares do Tecor poderán inicia-lo procedemento de renovación, segundo se estableza regulamentariamente.

Este procedemento deberá constar alomenos dun trámite de información pública e do informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 15.-Terreos cinexeticamente ordenados de carácter autonómico.

1.-A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá ser titular de Tecor co fin de garanti-lo ordenado aproveitamento das especies cinexéticas e de favorece-lo acceso dos cazadores galegos á actividade cinexética.

2.-Os Tecor autonómicos constituiranse sobre terreos de titularidade cinexética da Comunidade Autónoma ou sobre terreos de aproveitamento cinexético común.

3.-A xestión dos Tecor autonómicos poderá realizala directamente a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou por medio de sociedades ou asociacións de cazadores ás que se lles adxudique a dita xestión polo procedemento que se estableza regulamentariamente.

Artigo 16.-Terreos cinexeticamente ordenados de carácter municipal.

1.-As corporacións locais poderán solicitar ó seu favor a declaración de Tecor sempre que acrediten documentalmente cando menos a titularidade cinexética do 75% dos terreos para os que se solicite a dita declaración e non estean sometidos a outro réxime especial.

2.-De conformidade co número 2 do artigo 14 desta lei, presumirase a cesión da titularidade do resto

da superficie solicitada, que se incluirá no Tecor en tanto os propietarios ou titulares cinexéticos dos terreos non manifesten expresamente e por escrito a súa negativa á integración no correspondente trámite de información pública.

3.-Os concellos solicitantes da declaración ó seu favor dun determinado territorio como Tecor deberán xuntar á súa solicitude:

a) A cesión de dereitos cinexéticos, asinada polos seus titulares e con especificación da superficie do terreo, e o prazo de cesión.

b) O plano de localización a escala suficiente e a especificación dos lindeiros.

c) A memoria coas directrices básicas do plan de ordenación cinexética.

4.-Cando a extensión do termo municipal non abranga o mínimo de hectáreas necesario para a constitución dun Tecor, dous ou máis municipios poderán agruparse e solicitalo mancomunadamente.

5.-O aproveitamento cinexético dos Tecor municipais poderá xestionalo directamente o Concello ou ben mediante unha sociedade ou asociación de cazadores legalmente constituída, á cal se lle ceda ou adxudique a dita xestión.

6.-Esta cesión da xestión a unha sociedade ou asociación de cazadores realizarase de acordo coa lexislación de réxime local e por prazo non superior ó indicado na resolución de declaración do Tecor.

7.-Os pregos de condicións de adxudicación destas cesións deberán conter, ademais dos requisitos esixidos pola súa lexislación específica, prescricións especiais relativas a:

a) O recoñecemento do dereito que lles corresponde a tódolos propietarios de terreos susceptibles de aproveitamento cinexético, para que de acordo cos estatutos da entidade que o xestione e cos plans de ordenación cinexética en vigor poidan exercita-la caza dentro do Tecor.

b) A obriga de reservar cando menos un 15% dos permisos diarios para cazadores empadroados con veciñanza administrativa nos termos municipais incluídos no Tecor.

c) A obriga de reservar cando menos un 10% dos permisos diarios a favor de cazadores foráneos.

d) A obriga de reservar unha porcentaxe dos permisos diarios a favor dos propietarios de terreos que cedesen o seu aproveitamento cinexético a título gratuíto.

8.-As ditas prescricións serán aplicables igualmente en caso de xestión directa polo Concello.

9.-A entidade que xestione o Tecor será a responsable do seu funcionamento.

Artigo 17.-Terreos cinexeticamente ordenados de carácter societario.

1.-As sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas poderán solicitar ó seu favor a declaración de Tecor sempre que acrediten documentalmente cando menos a titularidade cinexética do 75% dos terreos para os que se pretenda a declaración.

2.-De conformidade co número 2 do artigo 14 desta lei presumirase a cesión da titularidade do resto da superficie solicitada, que se incluirá no Tecor en tanto os propietarios e titulares cinexéticos dos terreos incluídos na solicitude non manifesten expresamente e por escrito a súa negativa á integración no correspondente trámite de información pública.

3.-As asociacións ou sociedades de cazadores que soliciten a declaración ó seu favor dun determinado territorio como Tecor societario deberán xuntar á súa solicitude:

a) A cesión de dereitos cinexéticos, asinada polos seus titulares e con especificación da superficie do terreo, e o prazo de cesión.

b) Os planos de localización a escala suficiente e a especificación dos lindeiros.

c) A memoria coas directrices básicas do plan de ordenación cinexética.

d) A documentación acreditativa da constitución e do legal funcionamento da sociedade ou asociación.

e) A copia autenticada dos estatutos en vigor legalmente aprobados.

4.-Reservarase unha porcentaxe de permisos diarios a favor dos propietarios de terreos incluídos no Tecor que cedesen o seu aproveitamento cinexético a título gratuíto, no momento da constitución do Tecor, e de acordo co que establezan os estatutos en vigor legalmente aprobados a este respecto.

Artigo 18.-Terreos cinexeticamente ordenados de carácter particular.

1.-As persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de dereitos cinexéticos dunha superficie continua mínima de dúas mil hectáreas poderán solicita-la declaración dela como Tecor de carácter particular.

2.-Deberá acreditarse documentalmente a titularidade e cesión de dereitos cinexéticos, especificando que se ceden para un Tecor de carácter particular, e o prazo de cesión para a totalidade da superficie.

3.-Na constitución dos Tecor de carácter particular non será aplicable a presunción de cesión de titularidade cinexética establecida no número 2 do artigo 14.

Artigo 19.-Extinción dos terreos cinexeticamente ordenados.

O réxime cinexético especial dos Tecor extinguirase, logo da tramitación do correspondente expediente:

a) Polo incumprimento das condicións, obrigas, limitacións ou prohibicións establecidas na autorización administrativa correspondente.

b) Pola comisión de infraccións graves ou moi graves de conformidade co número 2 do artigo 61, sempre que estas afecten as condicións impostas nas autorizacións administrativas relativas á protección e ó ordenado aproveitamento das poboacións cinexéticas e dos ecosistemas dos que forman parte.

c) Pola perda da titularidade cinexética dos terreos que integren os Tecor, cando non se reúna a superficie mínima sinalada no número 2 do artigo 13.

d) Polo transcurso do prazo de cesión dos terreos dos dereitos cinexéticos cando non se procedese á súa renovación.

Artigo 20.-Terreos cinexético-deportivos.

1.-Terán a condición de terreos cinexético-deportivos aquelas áreas do territorio nas que a caza poida practicarse de conformidade coa lexislación específica que regule as prácticas deportivas.

2.-As sociedades, asociacións ou federacións de cazadores constituídas ó amparo da lexislación do deporte poderán solicita-la declaración de terreo cinexético-deportivo, para practicar nel a caza cun exclusivo carácter deportivo, exento de calquera ánimo de lucro. En ningún caso a actividade ou os seus resultados poderán ser obxecto de venda ou comercialización.

3.-Os solicitantes deberán acredita-la titularidade cinexética de acordo co establecido no artigo 18 desta lei e dispoñer de terreos continuos cunha superficie mínima e máxima de cincuenta e duascentas cincuenta hectáreas respectivamente. A xestión destes terreos realizaraa directamente a entidade titular, que informará periodicamente á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do calendario de probas, das modalidades e de calquera outro requisito que se determine regulamentariamente.

Artigo 21.-Terreos dedicados a explotacións cinexéticas.

1.-As persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares cinexéticos de terreos en couto redondo, coas superficies mínimas esixidas en cada caso, poderán solicitar autorización para dedicalos a explotación cinexética, co fin de destinalos á producción de pezas de caza ou á explotación comercial da actividade cinexética.

2.-As explotacións constituídas sobre terreos cinexéticos dedicados á producción e venda de pezas vivas estarán suxeitas, en canto ós requisitos de autorización, funcionamento e control, ó réxime establecido para as granxas cinexéticas. O seu réxime fiscal será o mesmo có das explotacións agropecuarias.

3.-Nas explotacións cinexéticas de carácter comercial, que deberán constituírse como empresas mercantís, poderá exercitarse a caza sobre animais procedentes de granxas cinexéticas, de conformidade cos plans establecidos e previamente aprobados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. A superficie mínima e máxima para poder autorizar este tipo de explotacións é de cincuenta e mil hectáreas respectivamente, se se dedican a caza menor, e de cen e dúas mil hectáreas respectivamente cando o obxecto da explotación sexa a caza maior.

Por vía regulamentaria determinaranse as condicións nas que esta actividade poida desenvolverse, e en especial as referentes a controis xenéticos e sanitarios, requisitos para realiza-las soltas, época e frecuencia destas, marcaxe das pezas, modalidades de caza, requisitos para o seu transporte e cantas outras se consideren pertinentes.

Artigo 22.-Obrigas dos titulares.

Son deberes dos titulares do aproveitamento de terreos suxeitos a réxime especial:

a) Cumpri-las condicións establecidas nas resolucións de declaración.

b) Axustarse ó plan de ordenación cinexética e ós plans anuais de aproveitamentos, de obrigado cumprimento unha vez aprobados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

c) Dota-los ditos terreos da vixilancia e sinalización prevista de acordo cos devanditos plans.

d) Colaborar coa Administración pública na protección e no fomento da fauna cinexética, subministrando os datos estatísticos solicitados, realizando os controis sobre as especies susceptibles de captura e adoptando as medidas sanitarias establecidas.

e) Responder da organización e correcta execución das actividades cinexéticas que leven a cabo.

f) Solicitar coa suficiente antelación a realización de monterías, axexos e axotamentos, e velar para que se cumpran as condicións impostas na autorización.

g) Calquera outro establecido ou que estableza a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 23.-Indemnizacións por danos.

1.-Os titulares dos aproveitamentos cinexéticos en terreos suxeitos a réxime especial responderán dos danos e das lesións ocasionados por especies cinexéticas procedentes deses terreos.

2.-A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo da instrucción do correspondente expediente de valoración, indemnizará os danos efectivamente producidos polas especies cinexéticas procedentes de terreos cinexéticos de aproveitamento común, dos Tecor autonómicos da súa administración, das reservas de caza, dos refuxios de fauna e de calquera outro terreo no que a administración e xestión lle correspondan a esta Consellería.

Artigo 24.-Incumprimentos.

Ante o incumprimento das condicións, obrigas, limitacións ou prohibicións establecidas nas autorizacións para o aproveitamento ou a explotación de terreos suxeitos a réxime cinexético especial, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo de audiencia dos titulares dos dereitos cinexéticos, poderá suspender cautelarmente o exercicio da caza neles ou iniciar expediente de anulación da declaración sen prexuízo da imposición das sancións que lles correspondan.

Artigo 25.-Zonas de seguridade.

1.-Para os efectos do establecido no artigo 8.3 desta lei, consideraranse zonas de seguridade:

a) As marxes e zonas de servidume que se atopen cercadas das vías e camiños de uso público e as vías férreas.

b) As augas públicas, incluídos os seus leitos e marxes.

c) Os perímetros dos núcleos urbanos e rurais e doutras zonas habitadas.

d) Os perímetros das vilas, edificios habitables illados, xardíns e parques públicos, áreas recreativas, zonas de acampada, recintos deportivos e calquera outro lugar que polas súas características sexa declarado como tal en razón do previsto no artigo 8.3.

2.-Queda prohibido circular con armas de caza cargadas e usalas no interior dos núcleos urbanos e rurais e noutras zonas habitadas ata o límite que acaden as últimas edificacións ou intalacións habitables, ampliado nunha franxa de cen metros en tódalas direccións.

3.-No caso de vilas, edificios habitables illados, recintos deportivos, xardíns e parques destinados ó uso público, áreas recreativas e zonas de acampada, o límite da prohibición ó que se refire o apartado anterior será o dos propios terreos onde se atopen instalados, ampliado nunha franxa de cen metros en tódalas direccións.

4.-Prohíbese circular con armas de caza cargadas e usalas no caso de autoestradas, autovías, estradas nacionais, comarcais ou locais, nunha franxa de cincuenta metros de ancho a ámbolos dous lados da zona de seguridade. En ningún caso se poderá disparar en dirección a outros camiños de uso público ou vías férreas.

5.-Malia o previsto nos puntos anteriores, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo de petición dos titulares cinexéticos interesados, poderá autoriza-la caza nas vías e nos camiños de uso público, así como nos leitos e nas marxes dos ríos, regatos e canles que atravesen terreos cinexéticos ou constitúan o límite entre eles. Nas resolucións que se dicten para o efecto, se son afirmativas, fixaranse as condicións aplicables en cada caso para exer

cita-la caza baixo a responsabilidade dos titulares da autorización.

6.-Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, poderá solicitar, fundadamente, na Consellería de Agricultura, Gandería e Montes a declaración como zona de seguridade dun determinado lugar cando concorran as circunstancias previstas no artigo 8.3. As ditas zonas, no caso de seren así declaradas, deberán ser sinalizadas polo promotor conforme se determine regulamentariamente.

Artigo 26.-Terreos cercados.

1.-Son terreos cercados, para os efectos desta lei, aqueles que se atopen rodeados materialmente por muros, cercas ou valos, construídos co fin de lles impedir ou prohibi-lo acceso ás persoas ou a animais alleos ou para evita-la saída dos propios.

2.-Nos terreos cercados non acollidos a réxime cinexético especial, a caza estará permanentemente prohibida.

3.-Nestes terreos a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá acorda-las medidas que considere precisas dirixidas a reduci-la caza existente, cando razóns técnicas ou sanitarias o aconsellen, así como autoriza-la penetración neles dos seus axentes, para vixia-lo cumprimento da lei.

Título II

Das especies cinexéticas e da propiedade das pezas de caza

Artigo 27.-Das especies cinexéticas.

1.-Son especies cinexéticas as declaradas regulamentariamente obxecto de caza.

2.-Para efectos de planificación e ordenación dos aproveitamentos cinexéticos, as especies de caza clasificaranse en dous grandes grupos: especies de caza maior e especies de caza menor.

3.-Coa mesma finalidade, dentro das especies de caza menor distinguiranse as migratorias das que non o son, e de maneira diferenciada as aves acuáticas.

4.-Así mesmo consideraranse separadamente as especies cinexéticas predadoras que poidan exercer sensibles efectos sobre as restantes especies obxecto da caza.

Artigo 28.-Da propiedade das pezas de caza.

1.-Serán propiedade do cazador as pezas que capturase, vivas ou mortas, mediante o exercicio da caza, sempre que esta sexa realizada conforme as prescricións establecidas nesta lei ou na normativa que a desenvolva.

2.-O cazador que fira unha peza en terreo onde lle sexa permitido cazar ten dereito a cobrala aínda que entre ou caia en terreo distinto. Cando este estivese cercado, necesitará permiso do titular ou do seu representante para penetrar nel, e se lle fose negado terá dereito a que se lle entregue a peza

ferida ou morta se fose atopada e puidese ser aprehendida.

3.-En terreos abertos sometidos a réxime cinexético especial, e para pezas de caza menor, non será necesario o permiso ó que se refire o parágrafo anterior, cando o cazador entre a cobra-la peza só, sen armas nin can.

4.-Cando un ou varios cazadores levantasen e perseguisen unha peza de caza, calquera outro cazador deberá absterse, en tanto dure a persecución, de abater ou intentar abate-la devandita peza.

5.-Entenderase que unha peza de caza é perseguida cando o cazador que a levantou, con ou sen axuda de can ou doutros medios, vaia no seu seguimento e teña unha razoable posibilidade de cobrala.

6.-Cando haxa dúbida respecto da propiedade das pezas de caza, aplicaranse os usos e costumes do lugar. No seu defecto, a propiedade corresponderalle ó cazador que lle dese morte, cando se trate de caza menor, e ó autor do primeiro sangue, cando se trate de caza maior.

Título III

Da protección, da conservación e do aproveitamento da caza

Capítulo I

Da protección

Artigo 29.-Das medidas de protección.

1.-Cando razóns técnicas ou sanitarias o aconsellen, a Consellería poderá acordar en calquera momento medidas xerais ou particulares que corrixan situacións anómalas ou excepcionais.

2.-Cando as persoas, os cultivos, a gandería, a caza, os bens ou as instalacións sexan prexudicados pola fauna silvestre cinexética, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, a instancia de parte, poderá autoriza-los seus donos para que adopten, dentro delas, medidas extraordinarias de control ou acometer ela mesma as accións preventivas necesarias para evitar que os ditos danos se repitan.

Artigo 30.-Do estado sanitario das especies cinexéticas.

1.-A Administración autonómica velará polo estado sanitario das especies cinexéticas e adoptará as medidas necesarias para previr, detectar, comprobar, diagnosticar e eliminar calquera xermolo ou foco infeccioso na fauna silvestre.

2.-Os cazadores, os titulares de terreos cinexéticos en réxime especial e, en xeral, calquera persoa que teña coñecemento ou sospeita dalgunha anomalía no comportamento dos animais que puidese facer presumi-la existencia de enfermidade contaxiosa ou de intoxicación deberán comunicárllelo de inmediato ás autoridades ou ós seus axentes.

3.-As inspeccións sanitarias realizaranse na forma e nas condicións que regulamentariamente se determinen.

Artigo 31.-Das repoboacións cinexéticas.

1.-As soltas de espécimes de especies cinexéticas esixirán a autorización previa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes en todo tipo de terreos sometidos a réxime cinexético especial. Nos terreos de aproveitamento cinexético común, nos refuxios de fauna e nos terreos non cinexéticos, as ditas repoboacións soamente poderán ser realizadas directamente pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

2.-Para os efectos do establecido no punto anterior, os espécimes deberán proceder dunha granxa cinexética ou dunha explotación cinexética autorizada, con garantías sanitarias.

3.-Cando proveñan de capturas en terreos abertos deberán acredita-la súa procedencia e a legalidade da súa captura e, en calquera caso, o seu correcto estado sanitario.

Capítulo II

Da conservación

Artigo 32.-Procedementos masivos e non selectivos de caza.

1.-Quedan prohibidas a tenencia e utilización de tódolos procedementos de caza masivos ou non selectivos, así como aqueles que puidesen causar localmente a desaparición dunha especie cinexética ou indirectamente dunha especie incluída nalgún dos catálogos de especies ameazadas, ou alterar significativamente a estabilidade das súas poboacións e dos ecosistemas dos que forman parte.

2.-Por razóns de control de poboación e en circunstancias ou condicións excepcionais, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá autoriza-la utilización dalgúns destes medios.

Artigo 33.-Medios e métodos prohibidos.

Regulamentariamente estableceranse os medios e métodos prohibidos para a caza.

Artigo 34.-Doutras prohibicións.

1.-Queda prohibido:

1) Cazar en época de veda.

2) Cazar fóra do período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois do seu ocaso, agás nas modalidades de caza nocturna expresamente autorizadas.

3) Cazar en tempo e lugares nos que, como consecuencia de incendios, epizootias, envelenamentos, inundacións, secas ou outras causas, os animais se ven privados dos seus hábitats e das súas facultades normais de defensa e obrigados a concentrarse en determinados lugares.

4) Cazar en días de neve, cando esta cubra de forma continua o chan ou cando por causa dela queden reducidas as posibilidades de defensa das pezas de caza. Esta prohibición non lles será aplicable á caza maior de alta montaña nin a determinadas especies de aves migratorias nin a outras especies cinexéticas ás que a existencia de neve non lles reduza as súas posibilidades de defensa nas condicións que regulamentariamente se fixen.

5) Cazar cando por circunstancias metereolóxicas e calquera outra circunstancia estea reducida a visibilidade, de forma que poidan producirse perigos para as persoas ou para os seus bens.

6) Cazar servíndose de animais ou de calquera vehículo como medio de ocultación.

7) Cazar en liña de retranca, tanto que se trate de caza maior coma menor.

8) Cazar en refuxios de fauna, en terreos vedados temporal ou permanentemente en razón de plans cinexéticos legalmente aprobados ou en estacións biolóxicas ou zoolóxicas, agás que se estea en posesión dun permiso especial.

9) Entrar en terreos sometidos a regulamentación cinexética especial debidamente sinalizados, sen o oportuno permiso, levando armas, cans ou artes dispostas para cazar.

10) Cazar combinando a acción de dous ou máis grupos de cazadores ou facendo uso de medios que persigan o cansazo ou esgotamento das pezas, agás nos casos de batidas e monterías debidamente autorizadas.

11) Cazar ó axotamento sen autorización expresa.

12) Portar armas de caza desenfundadas ou dispostas para o seu uso cando se circule polo campo en época de veda.

13) Cazar con armas de fogo quen careza dos requisitos esixidos para iso ou non dispoña dos oportunos permisos.

14) Dispararen con ningunha clase de armas os axotadores, batedores, secretarios ou podengueiros que asistan en calidade de tales a axotamentos, batidas ou monterías.

15) Cazar sen estar provisto da documentación preceptiva ou sen levala consigo.

16) Cazar, ter ou transportar especies non cinexéticas ou pezas de caza das que a súa idade ou sexo, sempre que sexan notorios, non concorden ou non cumpran os requisitos legalmente permitidos.

17) Cazar con chamariz de perdiz, incumprindo as disposicións que regulen esta modalidade.

18) Destruír tobeiras e niños, así como a recollida de crías ou ovos e a súa circulación e venda.

19) Calquera práctica que tenda a alterar e alarmar, atraer ou espanta-la caza existente en terreos alleos.

20) Usar ou posuír sen autorización animais, aparellos, artes ou productos aplicables á captura ou atracción de pezas de caza ós que se refire o artigo anterior.

21) Posuír en catividade individuos de especies cinexéticas de caza maior sen a oportuna autorización.

22) Dispararlles ás pombas nos bebedoiros habituais ou a menos de mil metros dun pombal autorizado, sempre que a súa localización estea debidamente sinalada. Así mesmo, dispararlles ás pombas mensaxeiras e ás deportivas ou bochonas que teñan marcas regulamentarias.

23) Empregar ou posuír postas ou balas explosivas, así como calquera tipo de proxectil no que se producisen manipulacións.

24) Cazar con arma longa raiada ou empregar cartuchos de bala ou postas para especies de caza menor ou utilizar municións de perdigóns ou postas para a caza maior.

25) Cazar en terreos que carezan de plan de ordenación cinexética ou de plan de aproveitamento cinexético anual e que teñan a obriga legal de telos.

26) Cazar con pistola e armas de aire ou outros gases comprimidos.

27) Cazar con armas que disparen en refachos ou con armas automáticas ou semiautomáticas provistas de cargador que poida conter máis de dous cartuchos, así como coas dotadas de silenciador, visor para o disparo nocturno ou munición non autorizada.

28) Calquera outro sistema establecido ou que se estableza en disposicións legais ou regulamentarias.

2.-A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, de oficio ou por petición de organismos ou institucións públicas ou privadas ou dun particular, poderá acordar, por medio dunha resolución motivada, o emprego de calquera dos medios, modos ou formas prohibidos neste artigo ou no anterior.

3.-Neste caso, a autorización que se conceda será por prazo determinado, persoal e intransferible, fixará as condicións para a súa utilización e responsabilizará expresamente o titular da autorización, solicitándolle, se se considera pertinente, a oportuna fianza.

Artigo 35.-Aves de cetrería e furóns.

A posesión de aves de cetrería e furóns esixirá unha especial autorización. A súa tenencia axustarase ás normas que lle sexan aplicables e ó que se dispoña por vía regulamentaria.

Artigo 36.-Limitacións por razóns de cultivos e en masas de auga.

1.-Nas hortas, viñedos, campos de froiteiras, cultivos de regadío e montes de repoboación recente, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes

poderá condicionar ou prohibi-lo exercicio da caza durante determinadas épocas.

2.-A Consellería establecerá igualmente de forma regulamentaria o aproveitamento cinexético das masas de auga que teñen unhas características que aconsellan aplicar un réxime especial, logo de informe dos organismos con competencia sobre elas.

Artigo 37.-Conservación de hábitats.

1.-Co fin de conservar, preservar e mellora-lo hábitat natural das diferentes especies cinexéticas, a Xunta de Galicia poderá acorda-las oportunas medidas de axuda para o logro do dito obxectivo e cantas outras de carácter limitativo, correctoras ou restauradoras persigan idéntica finalidade.

2.-A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá declarar determinadas áreas ou hábitats como zonas de especial interese cinexético. Estas áreas estarán sometidas a un réxime especial de xestión cinexética que fomente e garanta a conservación dos hábitats e do patrimonio xenético.

As actuacións públicas ou privadas que poidan altera-las condicións do medio, afectando as especies cinexéticas nas ditas áreas, deberán contar cun informe previo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

3.-Logo de notificación e audiencia ós titulares dos dereitos cinexéticos, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, nos terreos de réxime cinexético especial, poderá vedar toda ou parte da súa superficie, vedar unha determinada especie ou reduci-lo período hábil de caza, cando así o aconsellen circunstancias especiais para a protección da fauna ou da flora.

Artigo 38.-Caza con fins científicos.

1.-A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá autorizar, condicionadamente, para fins científicos ou de investigación, a caza de especies cinexéticas en calquera época do ano así como a utilización de medios e métodos prohibidos con carácter xeral.

2.-Estas autorizacións serán persoais e intransferibles e por prazo determinado a favor de persoal cualificado, e requirirán informe previo favorable da institución directamente relacionada coa actividade investigadora do peticionario.

Artigo 39.-Anelamento e marcaxe.

1.-A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá dictar normas para a práctica do anelamento ou da marcaxe de especies cinexéticas sen prexuízo do que establezan outras disposicións ó respecto.

2.-Quen atope ou capture algunha peza portadora de aneis ou marcas utilizadas para a identificación

de animais deberá comunicarllo á Consellería facendo chegar a esta aqueles sinais e os datos sobre o lugar e tempo da aprehensión.

Artigo 40.-Dos cans e da caza.

1.-Os donos de cans utilizados para a práctica da caza quedarán obrigados a cumpri-las prescricións xerais que sobre tenencia, matriculación e vacinación dicten as autoridades competentes, de conformidade coa Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

2.-O tránsito de cans soltos por terreos cinexéticos ou o seu emprego no exercicio da caza acomodarase ós preceptos que se dicten regulamentariamente.

3.-En todo caso o dono destes animais evitará que vaguen sen control, tanto en terreos cinexéticos coma nas zonas de seguridade, evitando danos ou molestias ás pezas de caza, ás crías ou ós seus ovos, e responderá dos danos que aqueles ocasionen.

4.-Os cans utilizados para a práctica da caza deberán ir provistos da identificación que se determine regulamentariamente. Para o emprego de mandas de cans será necesario estar en posesión de licencia especial.

5.-Co fin de que os cans de caza poidan ser amestrados e adestrados, nos plans de ordenación cinexética fixaranse os lugares, as épocas e as condicións nos que poderá levarse a cabo o adestramento.

6.-Na Consellería de Agricultura, Gandería e Montes abrirase un libro-rexistro de razas caninas de caza existentes na Comunidade Autónoma.

Artigo 41.-Modalidades de caza.

1.-As modalidades de caza que poden practicarse, así como os requisitos para levalas a cabo, as normas de seguridade de persoas e bens e as medidas de protección da fauna silvestre non cinexética que deban adoptarse nas cacerías estableceranse por vía regulamentaria. Da mesma forma regulamentarase o procedemento de caza en postos fixos, combinado coa acción de batedores, axotadores e cans.

2.-As normas que con carácter xeral se dicten para regular esta materia complementaranse cos plans cinexéticos aprobados para os terreos nos que se realicen.

3.-A realización de monterías, batidas, ganchos, espreitas, esperas nocturnas e axotamentos requirirá autorización previa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, á que deberán axustarse. A mesma obriga incúmbelles ós titulares cinexéticos de terreos suxeitos a réxime especial para realizar calquera das modalidades de caza descritas no parágrafo anterior, no caso de batidas por danos.

Os titulares cinexéticos dos terreos, os organizadores de cacerías e os participantes nelas serán directamente responsables do cumprimento das ditas disposicións.

Capítulo III

Do aproveitamento

Artigo 42.-Dos períodos hábiles de caza.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, oído o Comité Galego de Caza, publicará anualmente, coa suficiente antelación, unha orde na que se determinarán as limitacións e épocas hábiles de caza das distintas especies, así como os réximes especiais necesarios e a normativa aplicable nos terreos de réxime cinexético común.

Artigo 43.-Ordenación do aproveitamento cinexético.

1.-Os titulares de aproveitamentos cinexéticos suxeitos a réxime especial deberán presentar obrigatoriamente un plan quinquenal de ordenación cinexética redactado por técnico competente, que unha vez aprobado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes constituirá norma de obrigado cumprimento, a partir da que se desenvolverá ordenadamente a actividade cinexética, dentro do marco dos períodos hábiles xerais.

2.-Os plans de aproveitamento, de vixencia anual, serán aprobados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e conterán as especies cazables, as cotas de capturas, os períodos, o número de xornadas de caza, o número de cazadores diarios, as zonas de aplicación e modalidades de caza e calquera outra cuestión relacionada co exercicio da caza.

Artigo 44.-Plans de ordenación e aproveitamentos cinexéticos.

1.-Os plans de ordenación cinexética incluirán os datos do estado cinexético, dentro do que deben figurar, alomenos, a definición e descrición das unidades de xestión e inventariación e a estimación de parámetros poboacionais como abundancia e productividade das especies obxecto do aproveitamento, así como unha avaliación da capacidade de carga do hábitat.

2.-Incluirase así mesmo:

a) O establecemento dos obxectivos da ordenación, de acordo coa información recollida na fase de inventario.

b) A estimación da extracción sostible en función da evolución prevista das poboacións.

c) A zonificación da área, un sistema de seguimento da propia planificación e unha previsión de mecanismos correctores.

d) Tamén figurarán articuladas no tempo as accións de conservación das especies cinexéticas, así como, se é o caso, doutras especies silvestres.

e) As accións e modalidades complementarias articuladas no espacio e no tempo, como o adestramento de cans, a solta-captura e outras similares.

f) Calquera outro aspecto que regulamentariamente se determine.

3.-Os plans de aproveitamentos cinexéticos de vixencia anual realizaranse con base no plan de ordenación cinexética e nas táboas de capturas de anos anteriores.

4.-Se se comprobase que un plan de ordenación ou aproveitamento aprobado contén datos falsos ou se está aplicando indebidamente, logo da incoación do oportuno expediente sancionador, poderá ser anulado ou suspendida cautelarmente a actividade cinexética, sen prexuízo de que a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes emprenda as demais accións que correspondan contra o titular do Tecor e contra quen subscriba o plan, se é o caso.

5.-Ó final de cada temporada de caza, e antes da data que regulamentariamente se estableza, os titulares dos aproveitamentos cinexéticos comunicaranlle á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes os datos que sobre ela lles requira.

Título IV

Dos requisitos para cazar

Artigo 45.-Requisitos xerais.

1.-Para poder practica-la caza é preciso:

a) Ser titular dunha licencia de caza en vigor.

b) Ter concertado un contrato de seguro de responsabilidade civil do cazador.

c) Estar en posesión dun documento oficial de identificación.

d) No caso de utilizar armas, posuí-lo correspondente permiso así como a guía de pertenza, de conformidade coa normativa que regula esta materia.

e) Non estar inhabilitado por sentencia firme para a obtención de licencia de caza ou non estar sancionado por resolución administrativa que implique a imposibilidade de obte-la licencia por un período determinado.

f) Calquera outro permiso ou autorización que por razón do lugar, dos métodos ou das especies esixise a lei ou a normativa aplicable.

2.-Estes documentos deberá levalos consigo o cazador durante o exercicio desta actividade.

3.-Os menores de idade deben ir acompañados dalgún cazador maior de idade, para poder cazar con armas.

Artigo 46.-Licencias.

1.-A licencia de caza é un documento persoal e intransferible, expedido pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes a quen, non estando inhabilitado para obtela, acredite a aptitude e os coñecementos precisos e reúna os requisitos legais necesarios.

2.-O menor de idade non emancipado que cumprise dezaseis anos necesitará autorización escrita da persoa que legalmente o represente para obte-la licencia de caza.

3.-A validez das licencias poderá ser dun ou varios anos a partir da data da súa expedición, e estas clasifícanse en:

-Licencias de clase A, que autorizan para o exercicio da caza con armas de fogo.

-Licencias de clase B, que autorizan para o exercicio da caza con outros medios ou procedementos permitidos, distintos dos anteriores.

-Licencias de clase C, que autorizan a tenencia ou utilización de medios ou procedementos especiais.

4.-Regulamentariamente determinaranse os requisitos e as condicións para a obtención da licencia de caza, así como as probas de aptitude que deberán supera-los que pretendan obter por primeira vez a dita licencia.

Artigo 47.-Das persoas inhabilitadas para obte-la licencia.

Non poderán obte-la licencia nin terán dereito a renovación:

a) Os que non reúnan as condicións e os requisitos que se establecen para a súa obtención.

b) Os inhabilitados para obtela en virtude de sentencia firme.

c) Os infractores desta lei ou das normas que a desenvolvan ós que por resolución administrativa firme recaída no expediente sancionador instruído para o efecto se lles impuxese a sanción de inhabilitación ou retirada de licencia.

d) Os infractores desta lei ou das normas que a desenvolvan que non acrediten documentalmente o cumprimento da sanción imposta por resolución firme, recaída no expediente instruído.

Artigo 48.-Anulación e suspensión de licencias.

1.-A licencia de caza poderá ser anulada ou suspendida por tempo determinado, como consecuencia de expediente sancionador, nos supostos establecidos nesta lei.

Nestes casos, o titular da licencia deberá entrega-lo documento acreditativo e absterse de solicitar unha nova, en tanto dure a inhabilitación.

2.-Cautelarmente, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá suspende-la licencia ó incoarse un expediente sancionador por falta grave ou moi grave.

Título V

Da vixilancia e do coidado da caza

Artigo 49.-Da vixilancia da actividade cinexética.

1.-A vixilancia da actividade cinexética e o cumprimento dos preceptos desta lei desempeñaranos os axentes forestais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e os demais corpos e institucións da Administración que, con carácter xeral, teñan

encomendadas funcións de custodia dos recursos naturais.

2.-No exercicio das súas funcións, os axentes forestais terán a consideración de axentes da autoridade e como tales poderán ocupar e reter, cando proceda, as pezas cobradas e os medios de caza empregados.

3.-As autoridades e os seus axentes con competencia en materia cinexética, cando actúen no exercicio das súas funcións de vixilancia, inspección e control, poderán, logo de identificación, acceder a todo tipo de terreo, instalacións e vehículos relacionados coa actividade cinexética.

Artigo 50.-Gardas de campo de caza.

1.-A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá outorgárlle-lo título de garda de campo de caza ás persoas que cumpran os requisitos que se establezan regulamentariamente, co obxecto de colaboraren no cumprimento do disposto nesta lei cos axentes forestais e cos demais corpos e institucións da Administración que, con carácter xeral, teñan encomendadas funcións de custodia dos recursos naturais. Para estes efectos terán a consideración de axentes da autoridade.

2.-Os terreos cinexéticos ordenados dispoñerán dun servicio de vixilancia.

Os membros dos servicios de vixilancia estarán obrigados a denunciar, nun prazo máximo de corenta e oito horas, todos aqueles feitos que se produzan na demarcación que teñan asignada e que presumiblemente constitúan infraccións a esta lei, así como a colaborar cos axentes da autoridade en materia cinexética, para o cal deberán posuí-lo título de gardas de campo de caza.

3.-Os gardas de campo de caza deberán portar uniforme e os distintivos do seu cargo, así como a documentación que os identifiquen como tales.

Título VI

Das entidades colaboradoras e dos órganos consultivos

Artigo 51.-Das entidades colaboradoras.

Consideraranse entidades colaboradoras as que realicen accións en favor da riqueza cinexética, da conservación das especies e o seu hábitat e do seu ordenado aproveitamento, ademais ou indistintamente das que lles correspondan, se é o caso, como titulares de terreos de réxime cinexético especial.

Serán declaradas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Regulamentariamente determinaranse os requisitos necesarios para a obtención da condición de entidade colaboradora, así como os seus beneficios e obrigas.

Artigo 52.-Dos órganos consultivos e asesores.

1.-A función de asesoramento á Administración e de representación das organizacións de cazadores e doutros grupos vinculados á caza na xestión cinexética realizarase a través do Comité Galego de Caza e dos comités provinciais de caza.

2.-Ámbolos dous comités emitirán informe preceptivo no seu respectivo ámbito territorial sobre as propostas de ordes xerais de vedas, os expedientes de declaración dos Tecor e calquera outra cuestión de interese cinexético.

3.-A composición dos comités de caza incluirá representantes das federacións, sociedades colaboradoras e asociacións de cazadores, no ámbito territorial da súa competencia, así como das institucións dedicadas á investigación e das organizacións que teñan como fin a conservación da natureza e dos intereses socioeconómicos relacionados coa actividade cinexética.

4.-Regulamentariamente determinaranse a composición e as funcións do Comité Galego de Caza e dos comités provinciais de caza.

Artigo 53.-A Comisión de Homologación de Trofeos de Caza.

1.-A Comisión de Homologación de Trofeos de Caza é un órgano adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes que ten como función principal a homologación dos trofeos de caza, conforme as fórmulas e os baremos establecidos polos organismos nacionais e internacionais.

2.-A súa composición e réxime de funcionamento determinarase regulamentariamente.

Título VII

Das granxas cinexéticas

Artigo 54.-Requisitos para o seu establecemento.

1.-Considérase granxa cinexética, para os efectos desta lei, toda explotación agroindustrial dedicada á producción de pezas de caza para a súa comercialización, vivas ou mortas. Así mesmo terán tal consideración as pequenas instalacións, independentemente da súa titularidade, que produzan especies cinexéticas.

2.-Para establecer unha granxa cinexética é precisa a autorización administrativa previa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Os interesados deberán presentar, xunto coa solicitude, un proxecto subscrito por técnico competente, no que se prevexa, ademais dos datos técnicos de construcción, instalacións e presuposto, os aspectos hixiénico-sanitarios, as especies que se van criar, o programa de producción, o programa de control zootécnico-sanitario e o destino previsto das pezas producidas. Calquera traslado ou ampliación das instalacións requirirá, igualmente, autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

3.-As granxas cinexéticas deberán contar cun servicio de asistencia zootécnico-sanitario, que infor

mará de inmediato á Consellería de calquera indicio de enfermidade que poida ser sospeitoso de epizootia ou zoonose.

4.-As granxas cinexéticas están obrigadas a levar un libro-rexistro de pezas no que figurarán os datos que se determinen regulamentariamente. Este libro estará á disposición dos organismos da Administración con competencia en materia de caza.

5.-Estas instalacións están obrigadas a face-los controis que a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes estableza e a facilitarlle o acceso a elas ó persoal dos organismos competentes.

Título VIII

Do réxime fiscal

Artigo 55.-Matrículas.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes expedirá a matrícula anual acreditativa da condición cinexética dos terreos suxeitos a réxime cinexético especial.

A taxa anual fixarase atendendo a cualificación outorgada ó terreo na autorización, en proporción ó número de hectáreas e ó grupo no que se inclúa, de conformidade coa normativa autonómica regulamentadora de taxas, prezos e exaccións reguladoras.

No que se refire ás bonificacións, regulamentariamente determinarase a porcentaxe e as condicións delas, e terase en conta, en todo caso, a superficie dedicada a refuxio de fauna, o número de permisos autorizados para cazadores alleos ou propietarios de terreos non socios, o número de socios e o tipo de Tecor.

As explotacións cinexéticas de carácter comercial, así como as granxas cinexéticas, estarán suxeitas ó réxime fiscal das explotacións mercantís.

Así mesmo non se contabilizará para efectos da taxa da matrícula anual a superficie en hectáreas que se dediquen a vedado de caza cando menos durante dous anos.

Título IX

Das infraccións e sancións

Capítulo I

Das infraccións

Artigo 56.-Concepto e clases de infraccións administrativas.

1.-As accións ou omisións que infrinxan o establecido nesta lei darán lugar a responsabilidade de natureza administrativa, sen prexuízo da esixible na vía penal ou civil.

2.-Para os efectos desta lei, as infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 57.-Das infraccións leves.

Son infraccións leves:

1) Cazar sendo menor de dezaseis anos.

2) Cazar con armas de fogo sen ter acadada a maioría de idade cando se faga a máis de cincuenta metros do cazador maior de idade encargado da vixilancia do menor ou cando non se cumpran as súas indicacións.

3) Non vixiar eficazmente as actividades cinexéticas do menor que utilice armas de fogo o cazador maior de idade encargado desa vixilancia.

4) Non levar consigo durante o exercicio da caza a documentación preceptiva, aínda sendo titular dela.

5) Abater ou intentar abater unha peza que fose levantada e sexa perseguida por outro ou outros cazadores e polos seus cans.

6) Practica-la caza dacabalo cando non se dispoña de autorización para iso.

7) Cazar pombas nos seus bebedoiros habituais ou a menos de mil metros dun pombal agroindustrial debidamente sinalizado.

8) Establecer pombais agroindustriais sen autorización.

9) Cazar pombas mensaxeiras, deportivas ou bochonas que teñan as marcas establecidas para o efecto.

10) Non impedir en época hábil que os cans propios vaguen sen control por terreos cinexéticos.

11) Transitar con cans sen a debida dilixencia para evitarlles molestias ás pezas de caza, ás crías ou ós seus ovos.

12) Non exerce-la debida vixilancia sobre os cans pastores de gando para evitar que lles causen prexuízos ou molestias ás pezas de caza.

13) Incumpri-las normas que regulen o adestramento de cans nas zonas que se establezan para o efecto.

14) Non cumpri-las normas sobre caza en camiños e augas públicas que atravesen ou linden con terreos sometidos a réxime cinexético especial, ou cazar nestes lugares sen o debido permiso.

15) Incumpri-las normas que se establezan sobre a actividade cinexética en relación con determinados terreos por razón de cultivos ou repoboacións forestais.

16) Calquera práctica que tenda a alterar e alarmar, atraer ou espanta-la caza en terreos alleos ou zonas protexidas.

17) Infrinxi-lo disposto respecto da entrega e do cobramento de pezas de caza feridas ou mortas que entren en terreos cinexéticos doutra titularidade, cando o peticionario de acceso acredite que a peza foi ferida en terreo onde lle estaba permitido cazar.

18) Entrar con armas ou cans en terreos abertos sometidos a réxime cinexético especial, para cobrar unha peza de caza menor ferida fóra del, sempre que se encontre en lugar visible desde o lindeiro.

19) Infrinxi-las limitacións ou prohibicións que regulen o exercicio da caza en terreos sometidos a réxime cinexético especial, cando o infractor estea en posesión do correspondente permiso para exercita-la caza neles.

20) Incumpri-lo que se estableza regulamentariamente sobre a caza de aves migratorias.

21) Contravi-las disposicións sobre a caza de aves acuáticas desde postos fixos e sobre cans de persecución ou cetrería.

22) Practicaren a caza con armas ou con calquera outro medio ou arte os auxiliares dos cazadores que asistan en tal calidade.

23) Estar en posesión de armas ou municións non permitidas para a modalidade de caza que se estea practicando.

24) Solicita-la licencia de caza estando inhabilitado para obtela por resolución firme, en tanto dure a inhabilitación ou estea pendente de pago algunha sanción firme.

25) Posuír sen autorización ou identificación lazos, trampas, garamelos, costelas, buíces, nasas ou esparrelas, arbolillo, varetas, rametas, barracas ou paranys, artefactos que requiran para o seu uso o funcionamento de mallas, redes abatibles, redes néboa ou verticais ou redes canón, todo tipo de medios que impliquen o uso de visgo, furóns e postas, entendendo por tales aqueles proxectís múltiples que teñan un peso igual ou superior a 2,5 gramos.

26) Posuír, con fins de caza, aparellos electrocutantes ou paralizantes, cebos, gases ou substancias velenosas, paralizantes, tranquilizantes, atraentes ou repelentes, productos para crear rastros de olor, explosivos, anzois e arames.

27) Anelar ou marcar pezas de caza sen a debida autorización, ou non remitirlle á Administración os aneis ou as marcas oficiais que posúan as pezas abatidas.

28) Incumpri-las condicións que se fixen nas autorizacións para realizar batidas.

29) Incumpri-la obriga de dar conta do resultado das cacerías.

30) Incumpriren os cazadores as limitacións contidas no plan de ordenación cinexética oficialmente aprobado, agás que estivese tipificado como infracción específica de maior gravidade nesta lei.

31) Non cumpri-las disposicións específicas dictadas ou cursadas ós titulares de terreos suxeitos a réxime cinexético especial sobre o seu funcionamento.

32) Transportar caza morta sen cumpri-las disposicións que a regulamenten ou non cumprir cos requisitos que, para o efecto, se establezan.

33) Transportar en vehículos motorizados armas desenfundadas e listas para o seu uso, aínda que non estivesen cargadas, en época hábil.

34) Estar en posesión, en épocas de veda, de pezas de caza menor mortas das que non poida xustificarse suficientemente a súa procedencia.

35) En xeral, incumpri-los requisitos, as obrigas, as limitacións ou as prohibicións establecidas nesta lei, cando non sexa constitutivo de infracción grave ou moi grave.

Artigo 58.-Das infraccións graves.

Son infraccións graves:

1) Cazar ou portar medios dispostos para a caza sen autorización ou sen cumpri-los requisitos establecidos en tempo de veda, épocas, horas, lugares ou circunstancias prohibidas.

2) Cazar non sendo titular de licencia ou estando inhabilitado para iso.

3) Falsea-los datos na solicitude da licencia de caza.

4) Cazar con redes ou artefactos que requiran para o seu uso o funcionamento de mallas, redes abatibles, redes néboa ou verticais ou redes canón.

5) Cazar utilizando algún dos procedementos ou instrumentos relacionados nos números 25 e 26 do artigo anterior, así como calquera outro medio masivo ou non selectivo.

6) Utilizar animais vivos, mortos ou naturalizados, como chamariz, sen autorización expresa ou en contra das disposicións establecidas nela.

7) Aproveitar de xeito abusivo e desordenado as especies naturais existentes en terreos suxeitos a réxime cinexético especial ou incumpri-los plans de ordenación e aproveitamento aprobados. A sanción poderá levar aparellada a suspensión ou revogación do dito réxime especial.

8) Impedirlles á autoridade ou ós seus axentes o acceso a terreos suxeitos a réxime cinexético especial ou non mostra-la súa documentación, así como impedir ou resistirse á súa inspección.

9) Incumpriren os titulares de terreos suxeitos a réxime especial calquera das condicións impostas na autorización. A sanción pode levar aparellada a súa anulación.

10) Non sinalizar debidamente os terreos cinexéticos sometidos a réxime cinexético especial. A sanción pode levar aparellada a suspensión da autorización.

11) Comercializar, introducir, soltar ou transportar exemplares de caza vivos ou mortos ou ovos de especies cinexéticas incumprindo os requisitos previstos na normativa vixente.

12) Explotar industrialmente a caza sen autorización ou incumpri-las condicións fixadas nesta.

13) Cazar, comercializar, posuír ou transportar pezas de caza, vivas ou mortas, calquera que sexa a súa idade ou sexo, no caso de que sexan notorios, cando non concorden cos legalmente permitidos.

14) Negarse á inspección polos axentes da autoridade de bornais, cestos, sacos, armas ou outros aparellos ou medios, cando sexan requiridos para iso.

15) Obstruí-los labores de investigación do paradoiro de pezas de caza ilegalmente cobradas.

16) Negarse a mostrárlle-la documentación pertinente para o exercicio da caza ós axentes forestais ou a outros axentes da autoridade que o requiran.

17) Infrinxi-las normas específicas da orde xeral de vedas e demais disposicións concordantes respecto do exercicio da caza en terreos cinexéticos.

18) Infrinxi-las limitacións e prohibicións que regulamenten o exercicio da caza en terreos sometidos a un réxime cinexético especial cando o infractor non estea en posesión do correspondente permiso para exercita-la caza neles.

19) Non declararen os titulares ou xestores de terreos sometidos a un réxime cinexético especial as epizootias ou envelenamentos que afecten a fauna existente neles ou incumpri-las medidas que se dicten para a súa prevención ou erradicación.

20) Posuír pezas de caza maior, viva ou morta, con procedencia que non poida acreditarse debidamente.

21) Altera-los precintos e as marcas regulamentarios.

22) Pechar ou cercar terreos con fins cinexéticos sen autorización ou sen cumpri-los requisitos establecidos nela, así como danar ou altera-los que estean autorizados.

23) Cazar con armas de fogo sen cumpri-las medidas de seguridade que regulamentariamente se especifiquen.

24) Cazar en liña de retranca facendo uso de armas de fogo, tanto se se trata de caza maior coma de caza menor.

25) Cazar con armas que disparen en refachos ou con armas automáticas ou semiautomáticas provistas de cargador que poida conter máis de dous cartuchos, así como coas dotadas de silenciador, visor para o disparo nocturno ou munición non autorizada.

26) Abrir portelos en cercas ou valados ou construír artefactos, trampas, barreiras ou calquera outro dispositivo que sirva ou poida servir para beneficiarse da caza, así como destruír ou dana-las instalacións destinadas á protección e ó fomento da caza.

27) Cazar en terreos sometidos a réxime cinexético especial ou terreos cercados, aínda cando non se cobrase ningunha peza, sen estar en posesión do correspondente permiso.

28) Portar armas de caza desenfundadas, sen a oportuna autorización, cando se transite polo campo en época de veda.

29) Cazar con armas ou medios que precisen de autorización especial sen estar en posesión do correspondente permiso.

30) Realizar monterías, batidas e axotamentos sen a oportuna autorización.

31) Cazar sen ter contratado o seguro obrigatorio do cazador ou telo caducado.

32) Destruír, alterar ou cambia-los sinais indicadores da condición cinexética dun terreo.

33) Facer uso indebido de armas raiadas ou escopetas de caza en zonas de seguridade ou proximidades.

34) Atribuírse indebidamente a titularidade de terreos sometidos a réxime cinexético especial.

35) Destruír tobeiras, zonas de cría ou espacios de reunión habitual das especies da fauna silvestre, tanto cinexética coma non cinexética.

36) Arrendar ou ceder a título oneroso ou gratuíto as autorizacións para o aproveitamento cinexético de terreos sometidos a réxime cinexético especial. A sanción levará aparellada a anulación da autorización.

37) Cazar fóra do período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois do seu ocaso, agás autorización expresa.

38) Cazar cando por circunstancias metereolóxicas ou calquera outra circunstancia estea reducida a visibilidade, de forma que poidan producirse perigos para as persoas ou para os seus bens.

39) Cazar servíndose de animais ou vehículos como medio de ocultación.

40) Entrar con armas ou outras artes autorizadas en terreo cercado, ou con prohibición permanente de cazar, non acollido a outro réxime cinexético especial, cando existan nos seus accesos sinais ou carteis que prohibanban a caza no seu interior.

Artigo 59.-Das infraccións moi graves.

Son infraccións moi graves:

1) Cazar en refuxios de fauna ou reservas de caza ou naquelas zonas dos espacios naturais protexidos onde o exercicio da caza estivese expresamente prohibido sen estar en posesión dunha especial autorización, aínda que non se cobrase ningunha peza.

2) Soltar especies exóticas ou animais infectados.

3) Usar explosivos, velenos ou outras substancias tóxicas co fin de cazar ou eliminar especies animais.

4) Falsear intencionadamente os datos para a obtención de autorizacións e concesións ou para a inscrición nos rexistros correspondentes.

5) Cazar servíndose ou aproveitándose do lume ou dos seus efectos.

6) Envelenar terreos cando poida ocasionarlles danos ás persoas, ós animais domésticos ou á fauna silvestre.

7) Agredir ou adoptar actitudes ameazantes cos axentes da autoridade cando se encontren no exercicio das súas funcións.

8) Transportar en vehículos motorizados, embarcacións ou aeronaves armas desenfundadas e listas para o seu uso, aínda que non estivesen cargadas, en época de veda, en horas non hábiles ou en zonas vedadas.

9) Instalar peches electrificados con fins cinexéticos.

10) Destruí-los aniñadoiros ou as áreas de cría das especies cinexéticas.

11) Cazar baixo a influencia de estupefacientes, alcohol, substancias psicotrópicas ou calquera outra droga que altere sensiblemente as facultades normais do cazador ou a súa capacidade de reacción.

12) Cazar empregando faros, lanternas, espellos e outras fontes luminosas artificiais, desde aeronaves de calquera tipo, vehículos motorizados ou embarcacións en movemento.

Artigo 60.-Da prescrición das infraccións.

1.-As infracións previstas nesta lei prescribirán: ós seis meses as leves, ó ano as graves e ós dous anos as moi graves.

2.-O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día no que a infracción se cometese.

Nas infraccións derivadas dunha actividade continuada, a data inicial do cómputo será a de finalización da actividade ou a do último acto no que a infracción se consume.

3.-Interromperase a prescrición á iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador.

Capítulo II

Das sancións

Artigo 61.-Sancións aplicables.

1.-As infraccións tipificadas nesta lei poderán ser sancionadas polas autoridades competentes coas sancións seguintes:

a) Multa de 10.000 a 100.000 pesetas para as infraccións leves.

Multa de 100.001 a 1.000.000 de pesetas para as infraccións graves e retirada da licencia de caza e inhabilitación para obtela dun ano e un día a cinco anos.

Multa de 1.000.001 a 5.000.000 de pesetas para as infraccións moi graves e retirada da licencia de caza e inhabilitación para obtela de cinco anos e un día a dez anos.

b) Suspensión da actividade cinexética ou inhabilitación para ser titular de terreos sometidos a réxime cinexético especial dun a cinco anos de acordo coa gravidade da infracción.

2.-Nos supostos de infraccións graves ou moi graves, a sanción levará aparellada, se é o caso, a suspensión ou anulación da actividade cinexética.

A dita suspensión ou anulación poderá consistir na declaración de vedado temporal, na anulación do réxime especial dos terreos ou da declaración da granxa cinexética, na inhabilitación temporal para comercializar pezas de caza ou na clausura de instalacións, tratándose de granxas cinexéticas, de ata cinco anos.

3.-O importe das multas ás que fai referencia o número 1 deste artigo poderá ser actualizado por decreto da Xunta de Galicia tendo en conta as variacións do índice de prezos ó consumo.

4.-Nas sancións graves ou moi graves que afecten un Tecor no seu conxunto, deberá solicitarse informe do Comité Galego de Caza.

Artigo 62.-Criterios para a graduación das sancións.

Para a graduación das sancións teranse en conta os seguintes criterios:

a) A intencionalidade.

b) A transcendencia social e o prexuízo causado ós recursos cinexéticos, ás especies incluídas en calquera dos catálogos de especies ameazadas ou ós hábitats.

c) A situación de risco creada para as persoas ou para os bens.

d) O ánimo de lucro e o beneficio obtido.

e) A natureza e o volume dos medios ilícitos empregados.

f) A reincidencia ou reiteración nun período dun ano. De apreciarse esta circunstancia o importe da multa poderá incrementarse nun 50%.

g) No caso de concorrencia de dúas ou máis infraccións, impoñerase a sanción correspondente á de maior gravidade.

Artigo 63.-Da retirada de armas e outros medios de caza.

1.-O axente denunciante procederá á retirada das armas e da súa correspondente guía só naqueles casos nos que fosen utilizadas para comete-la presunta infracción, por disparo directo, morte de animais non cazables ou disposición de uso en lugar ou tempo non autorizados. En todo caso darase recibo no que conste a clase, a marca, o número e o posto da Garda Civil onde quedará depositada.

2.-O uso ou a tenencia durante o exercicio da caza de armas ou medios non autorizados dará lugar á súa retirada polo axente denunciante. As armas serán depositadas no posto da Garda Civil máis próximo a onde se producisen os feitos denunciados.

3.-A negativa á entrega da arma ou dos medios, cando o presunto infractor sexa requirido para iso, poderá dar lugar a denuncia ante o xulgado competente para os efectos previstos na lexislación penal e terase como circunstancia agravante no procedemento administrativo sancionador.

4.-As armas ou os medios retirados, se son de lícita tenencia e utilización conforme esta lei, serán devoltos por algúns dos seguintes procedementos:

a) De forma gratuíta, cando a resolución recaída no expediente fose absolutoria ou se proceda ó sobresemento deste.

b) Gratuitamente, por disposición expresa do instructor do expediente, no suposto de infracción leve, unha vez tipificada por este a infracción, logo de solicitude de devolución polo interesado e sempre que este non teña pendente de pago sancións por infraccións desta lei.

c) Logo de rescate na contía establecida, cando se fagan efectivas as sancións e indemnizacións impostas nos supostos de infracción grave ou moi grave. Non obstante, o instructor do expediente poderá acordar, unha vez dictada a proposta de sanción, a devolución da arma se o presunto infractor presenta aval bancario que garanta o importe total da sanción e da indemnización propostas.

d) No suposto de ocupación de cans utilizados como medio de captura ou acoso de animais, aqueles quedarán en depósito do denunciado, que deberá aboar unha cantidade en concepto de rescate.

e) Ás armas comisadas daráselle-lo destino establecido na lexislación do Estado na materia. Os demais medios materiais non rescatados serán alleados ou destruídos.

Artigo 64.-Indemnizacións e multas coercitivas.

1.-As sancións serán compatibles coa esixencia ó infractor da reposición da situación alterada por el ó seu estado orixinario, así como coa indemnización polos danos e perdas causados.

2.-Para acada-lo cumprimento das resolucións adoptadas, e de conformidade co disposto no artigo 99 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderán impoñerse multas reiteradas por lapsos de tempo non inferiores a quince días e cun importe que non excederá en cada caso de 500.000 pesetas.

Artigo 65.-Comisos.

1.-Toda infracción administrativa grave ou moi grave, en materia de caza, levará consigo o comiso da caza, viva ou morta, que lle fose ocupada ó infractor, así como de cantas artes, medios ou animais, vivos ou mortos, que de forma ilícita servisen para

comete-lo feito. Ós bens ocupados daráselle-lo destino que se sinale regulamentariamente.

2.-Tratándose de cans ou outros animais vivos dos que a súa tenencia estivese autorizada, estes quedarán en depósito do denunciado, e o comiso será substituído polo aboamento da cantidade que se determine regulamentariamente.

3.-A caza viva comisada será posta en liberdade sempre que fose posible. A caza morta útil para o consumo será entregada nun centro benéfico. No caso da existencia de trofeos, estes serán postos á disposición da autoridade cinexética competente. En calquera caso, o axente denunciante expediralle recibo do comisado ó denunciado, no que constará o seu destino e a súa posta á disposición da autoridade correspondente.

Capítulo III

Do procedemento e da competencia

Artigo 66.-Do expediente sancionador e da súa caducidade.

1.-Para impoñe-las sancións previstas nesta lei, será precisa a incoación e instrucción do correspondente expediente sancionador de acordo co previsto na normativa vixente.

2.-Iniciado o expediente, o órgano que ordenase a súa incoación poderá acorda-la adopción de medidas cautelares para evita-la continuidade da infracción ou o agravamento dos danos. As ditas medidas deberán ser proporcionais á natureza e gravidade da infracción.

3.-O acordo de incoación do expediente sancionador, que se lles debe remitir á persoa ou persoas presuntamente responsables, terá que conter como mínimo:

a) Os feitos constatados, destacando os relevantes para efectos da tipificación da infracción e da graduación da sanción.

b) A infracción presuntamente cometida, con expresión do precepto vulnerado.

c) A proposta de sanción, a súa graduación e cuantificación.

d) A indemnización que proceda polos danos e perdas, se é o caso.

e) As sancións accesorias que procedan.

f) O destino das armas, dos medios ou das pezas ocupadas ou comisadas.

Artigo 67.-Da presunción de existencia de delicto ou falta.

1.-Cando das características da infracción que motivou o expediente puidese presumirse a existencia dun delicto ou falta sancionable penalmente, daráselle traslado da denuncia e das actuacións practicadas á autoridade xudicial, suspendéndose

a actuación administrativa en tanto a autoridade xudicial non se pronuncie.

2.-De non estimarse a existencia de delicto ou falta, continuarase o expediente administrativo ata a súa resolución definitiva, con base, se é o caso, nos feitos que a xurisdicción penal considerase probados.

3.-A tramitación das dilixencias penais interromperá a prescrición das infraccións.

Artigo 68.-Da competencia para a imposición de sancións.

A competencia para a imposición das sancións ás que se refire esta lei corresponderalles:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, nas infraccións cualificadas como leves.

b) Ó director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, nas infraccións cualificadas como graves.

c) Ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, nas infraccións cualificadas como moi graves.

Artigo 69.-Executividade das resolucións.

1.-Contra as resolucións sancionadoras poderán interpoñerse os recursos previstos na lexislación vixente.

2.-A resolución sancionadora será executiva cando sexa firme na vía administrativa.

Artigo 70.-Das denuncias dos axentes da autoridade.

Nos procedementos sancionadores que se instrúan con ocasión de infraccións tipificadas nesta lei, as denuncias formuladas polos axentes da autoridade que presenciasen os feitos, acompañadas dos elementos probatorios dispoñibles, e logo de ratificación no caso de ser negados polo infractor, constituirán base suficiente, agás proba en contrario, para adopta-la resolución que proceda.

Artigo 71.-Da prescrición das sancións.

1.-As sancións previstas nesta lei prescribirán: ó ano as impostas por infraccións leves, ós dous anos as impostas por infraccións graves e ós tres anos as que se impoñan por infraccións moi graves.

2.-O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impoña a sanción.

3.-Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución.

Título X

Do Rexistro de Infractores de Caza

Artigo 72.-Creación do Rexistro de Infractores de Caza.

1.-Créase na Comunidade Autónoma de Galicia o Rexistro de Infractores de Caza, no que se ins

cribirán de oficio todos aqueles infractores que fosen sancionados por resolución firme, en expediente incoado como consecuencia do exercicio da actividade cinexética.

2.-As inscricións e variacións que se produzan nos asentos do Rexistro seranlle remitidas ó Rexistro Nacional de Infractores de Caza e Pesca.

Disposición adicional primeira

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, oído o Comité Galego de Caza, establecerá periodicamente os baremos de valoración das pezas de caza para efectos indemnizatorios.

Disposición adicional segunda

As autorizacións ás que se refiren os artigos 33, 34, 35 e 41 desta lei entenderanse denegadas se transcorrido o prazo dun mes desde a presentación da solicitude correspondente non recaeu resolución expresa.

Para as restantes peticións haberá que aterse ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional terceira

Para os efectos do disposto nesta lei, terán a consideración de reserva de caza os terreos da Comunidade Autónoma de Galicia integrados na reserva nacional de caza dos Ancares, sen prexuízo da súa lexislación específica. A reserva nacional de caza dos Ancares, en canto ós terreos comprendidos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, quedará suxeita ás disposicións desta lei.

Disposición adicional cuarta

Os Tecor situados en espacios naturais protexidos rexeranse pola normativa específica que regule os ditos espacios.

Disposición transitoria primeira

Os cazadores que acrediten que estiveron en posesión da licencia de caza, expedida en calquera Comunidade Autónoma española, nalgún dos últimos cinco anos, contados desde a data de entrada en vigor desta lei, poderán obte-la licencia de caza na Comunidade Autónoma de Galicia sen necesidade de realizaren as probas de aptitude previstas no artigo 46.4.

Disposición transitoria segunda

1.-Os coutos de caza de titularidade de sociedades ou asociacións de cazadores que estean legalmente constituídas á entrada en vigor desta lei e cunha superficie superior a dúas mil hectáreas dispoñerán dun prazo de catro anos para solicita-la súa transformación en Tecor. Para o dito fin, dentro do referido prazo, deberán presenta-la solicitude de transformación, acompañada dunha memoria explicativa da situación actual do couto de caza, de copia autenticada dos estatutos en vigor da entidade titular, da relación dos socios, da composición da Xunta

Directiva, dun plano a escala 1:25.000 dos terreos que comprende e dun plan de ordenación cinexética, que deberá ser aprobado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

2.-As mesmas condicións para a súa transformación seranlles aplicables a aqueles coutos que, a pesar do seu carácter societario, figuren a nome dunha persoa física ou xurídica. Neste caso deberá xustificarse abondo na memoria a razón de tal anomalía e precisar expresamente cál é a entidade á que realmente lle corresponde a titularidade. De non facerse así, o couto considerarase como couto privado e o seu titular deberá acreditar formalmente, na forma prevista no artigo 18 desta lei, a titularidade cinexética de todas e cada un dos predios que o integran, para a súa transformación en Tecor particular.

3.-Os coutos existentes na actualidade que pertenzan a sociedades ou asociacións de cazadores, pero cunha superficie que non alcance as dúas mil hectáreas, poderán fusionarse con outro ou outros lindantes, para constituír un Tecor, incorporarse a outro xa existente, sempre que exista lindancia, ou obte-la superficie necesaria por ampliación do primitivo couto sobre terreos de réxime cinexético común.

Nos dous primeiros casos abondará co acordo legalmente adoptado polas entidades que pretendan fusionarse ou integrarse, que deberán achegarlle á solicitude de transformación os documentos de constitución da sociedade resultante da fusión ou integración e os demais sinalados no parágrafo 1 precedente.

Se o aumento de superficie se consegue por ampliación sobre terreos que actualmente son de aproveitamento común, a titularidade destes deberá acreditarse na forma prevista no artigo 17 desta lei.

4.-Nos casos nos que os procedementos descritos no punto 3 non sexan posibles, poderán constituírse Tecor societarios con titularidade compartida por un máximo de tres sociedades ou asociacións de cazadores.

Cada sociedade poderá aproveitar de modo exclusivo a superficie correspondente ó seu couto de caza orixinal, de acordo co plan de ordenación cinexética único, que regulará os aproveitamentos cinexéticos do Tecor.

A superficie mínima dos Tecor societarios de titularidade compartida será de dúas mil hectáreas continuas.

No caso de non haber lindeiro que posibilite a titularidade compartida, poderán constituírse Tecor a partir de coutos de caza que non acaden a superficie mínima prevista nesta lei mediante a adhesión ó plan de ordenación cinexética doutro Tecor.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes comunicarálles ós ditos coutos de caza a qué plan de ordenación de Tecor lindante deberán adherirse.

Para estes efectos, os titulares dun Tecor estarán obrigados a facilitarlles ós titulares dos devanditos coutos de caza as normas e directrices básicas do seu plan de ordenación cinexética co fin de redacta-los correspondentes plans de aproveitamento.

5.-A non presentación da solicitude de transformación no referido prazo de catro anos a partir da data de entrada en vigor desta lei producirá automaticamente a caducidade do couto de caza e os terreos pasarán á condición de terreos de réxime cinexético común.

Se a documentación para a súa transformación se presentase nos seis últimos meses de prazo, mentres o plan de ordenación cinexética non fose aprobado, os terreos terán a consideración de Tecor provisional, non permitíndose o exercicio da caza neles.

Disposición transitoria terceira

1.-Os propietarios ou titulares cinexéticos que individualmente ou mediante asociación voluntaria solicitasen coutos privados de caza que se atopen legalmente constituídos á entrada en vigor desta lei, sempre que teñan unha superficie igual ou superior a dúas mil hectáreas, poderán solicita-la súa transformación en Tecor particular, e dentro do prazo de catro anos acreditarán que seguen conservando a titularidade de conformidade co establecido no artigo 18 desta lei.

2.-Cando os coutos existentes non acaden a superficie mínima esixida, poderán seguir con igual réxime durante o referido prazo de catro anos. Transcorrido ese prazo, pasarán á condición de terreos de réxime cinexético común, agás que con anterioridade se integren con outros terreos lindantes para constituír un Tecor compartido, se incorporen a outro Tecor xa constituído ou soliciten e obteñan a transformación dos devanditos terreos nunha explotación cinexética de acordo coas disposicións que regulamenten esta figura.

Disposición transitoria cuarta

1.-Os terreos sometidos a réxime de caza controlada, sempre que estean adxudicados a unha sociedade de cazadores colaboradora, manterán este réxime ata o vencemento do prazo de adxudicación. Se non estivesen adxudicados a ningunha sociedade, extinguiranse automaticamente á entrada en vigor desta lei.

2.-Vencido o prazo de adxudicación ou extinguido o réxime pola causa referida no punto anterior, os terreos afectados pasarán á condición de terreos de réxime cinexético común, agás que con anterioridade se inicie a declaración doutra figura das recollidas nesta lei.

Disposición transitoria quinta

Os coutos locais de caza que estean legalmente constituídos na actualidade dispoñerán dun prazo de catro anos para solicita-la súa transformación en calquera das figuras cinexéticas previstas nesta lei e de acordo coas establecidas para cada caso.

Disposición transitoria sexta

As explotacións cinexéticas e granxas cinexéticas actualmente existentes dispoñerán do prazo dun ano, desde a data de entrada en vigor desta lei, para adaptarse ó esixido nela, pero na súa actividade comercial deberán observa-lo previsto nesta lei desde o momento da súa entrada en vigor.

Disposición transitoria sétima

Os expedientes sancionadores en trámite no momento da entrada en vigor desta lei rexeranse pola lexislación aplicable no momento no que se cometeu a infracción, agás que lle sexa máis favorable ó infractor a aplicación desta.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o disposto nesta lei.

Disposición derradeira

Esta lei entrará en vigor ós tres meses, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

5556