Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 15 de setembro de 1997 Páx. 9.101

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece, na Comunidade Autónoma de Galicia, a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas así como para a obtención dos carnés de manipuladores destes productos.

A regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas, aprobada polo Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, e modificada polos reais decretos 162/1991, do 8 de febreiro, e 443/1994, do 11 de marzo, establece que o persoal de empresas que preste servicios de tratamentos con praguicidas debe ter superados os correspondentes cursos de capacitación homologados, e que cuando se deban utilizar praguicidas clasificados, conforme a dita regulamentación, como moi tóxicos, así como os tóxicos autorizados para uso ambiental, os aplicadores deberán ter superados os correspondentes cursos de capacitación, aínda no caso de que o tratamento se realice para fins propios.

A Orde do 8 de marzo de 1994, do Ministerio da Presidencia, establece a normativa reguladora da homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos praguicidas.

Por outra parte, a Directiva do Consello 91/414/CEE, do 15 de xullo, prevé a adaptación das normativas nacionais en materia de subministración de certos productos fitosanitarios a determinadas clases de usuarios, polo que é necesario diferenciar distintos niveis de capacitación.

En consecuencia, o obxecto da presente orde é establecer, na Comunidade Autónoma de Galicia, os criterios que permitan garantir uns niveis mínimos suficientes de capacitación ás persoas que desenvolvan actividades relacionadas coa utilización de praguicidas.

De acordo co establecido no artígo 30.I do Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia en materia de Agricultura e Gandería, e segundo indica o artigo 33.1º o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica en materia de sanidade interior.

Por todo isto e ó amparo dos reais decretos 3318/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcions e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca, e 1634/1980, do 31 de xullo, de transferencia de competencias da Administración

do Estado á Xunta de Galicia en materia, entre outras, de sanidade,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Na Comunidade Autónoma de Galicia os aplicadores de praguicidas e o persoal de establecementos e servicios que manipulen praguicidas de usos fitosanitario, ambiental, gandeiro e na industria alimentaria, ademais de cumpri-lo regulamentado nas disposicións vixentes, deberán estar en posesión do carné de manipulador de praguicidas, expedido polos organismos oficiais responsables, unha vez superados os cursos de capacitación correspondentes.

Artigo 2º.-Organismos oficiais.

Os organismos oficiais responsables na Comunidade Autónoma de Galicia para tramita-la homologación dos cursos, a concesión das validacións das materias destes e a expedición dos carnés de aplicadores serán:

1. A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, ou organismo que o substitúa, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para os relacionados cos productos fitosanitarios e os praguicidas de uso gandeiro.

2. A Dirección Xeral de Saúde Pública, ou organismo que o substitúa, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os relacionados cos praguicidas de uso ambiental e para os de uso na industria alimentaria.

Artigo 3º.-Requisitos para poder solicita-lo carné.

Para a obtención do carné de manipulador de praguicidas o solicitante deberá cumprir previamente os seguintes requisitos:

1. Encontrarse en idade laboral para poder traballar con estes productos, segundo a lexislación vixente.

2. Ter superados os cursos de capacitación correspondentes que se regulan na presente orde.

Artigo 4º.-Niveis de capacitación.

Para os cursos citados no artigo 1, e dos que os contidos se especifican nos anexos, establécense os seguintes niveis, que determinan o carné que se ten que obter en cada caso:

1. Para aplicación/manipulación de productos fitosanitarios.

1.1. Nivel básico.

Dirixido ó personal auxiliar de tratamentos terrestres e aéreos, ós agricultores que os realicen nas súas propias explotacións sen empregar persoal auxiliar e ó persoal responsable da manipulación de praguicidas nos establecementos de almacenamento e de venda recollidos nos apartados 1.4, 1.5, 1.6, 1,7 do artigo 4 da Orde de 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, sempre que os praguicidas que manipulen non estean clasificados

como moi tóxicos (segundo o disposto no Real decreto 3349/1983).

1.2. Nivel cualificado.

Dirixido a responsables de equipos de tratamentos terrestres e aéreos e ós agricultores que os realicen na súa propia explotación empregando persoal auxiliar, siempre que os praguicidas manipulados non estean clasificados como moi tóxicos.

1.3. Piloto agroforestal.

Dirixido a persoas que estean en posesión do título e licencia de piloto comercial de avión ou helicóptero, que capacita para obte-la habilitación correspondente.

2. Para aplicación/manipulación de productos de uso ambiental e na industria alimentaria.

2.1. Nivel básico.

Dirixido ó persoal auxiliar dos servicios de aplicación de tratamentos DDD (desinsectación-desinfección-desratización) e ó persoal responsable da manipulación de praguicidas nos establecementos de almacenamento e de venda recollidos nos apartados 1.4, 1.5, 1.6, 1,7 do artigo 4 da Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, sempre que os praguicidas que se vaian manipular non estean clasificados como moi tóxicos.

2.2. Nivel cualificado.

Dirixido ós responsables dos tratamentos DDD, sempre que os praguicidas que se vaian manipular non estén clasificados como muy tóxicos.

3. Niveis especiais.

Dirixiranse a quen superase as probas do nivel cualificado e queiran aplicar productos clasificados como moi tóxicos, tendo en conta a súa modalidade de aplicación.

Neste grupo encontranse os seguintes:

3.1. Bromuro de metilo.

3.2. Fosfuro de aluminio e fosfuro de magnesio.

3.3. Fumigación cianhídrica.

4. Outros cursos.

Ademais dos cursos relacionados anteriormente, os organismos oficiais responsables das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e a de Sanidade e Servicios Sociais, poderán regula-la celebración doutros cursos para determinados productos, cando as súas características de toxicidade, impacto ambiental ou outros efectos ou condicións de manipulación os fagan aconsellables.

Artigo 5º.-Número de alumnos e superación do curso.

O número máximo de alumnos por curso será de 30.

Para supera-los cursos, será necesario que os alumnos asistan á totalidade das horas lectivas e demostren o seu aproveitamento mediante a realización dunha proba obxectiva ó final destes.

Artigo 6º.-Validacións.

1. Os titulados universitarios superiores e medios das ramas agrícola e forestal quedan exentos do requisito de posesión do carné para a realización de tratamentos fitosanitarios.

2. Os titulados en ciencias químicas, biológicas, farmacia, medicina e veterinaria poderán validar todos ou algúns dos programas dos niveis de capacitación previstos nos anexos II, III e IV, para os praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria, sempre que acrediten documentalmente que superaron na súa formación universitaria posgraduada as materias dos ditos programas.

3. Para as restantes titulacións ou diplomas oficiais, universitarios ou de formación profesional, validaranse aquelas unidades didácticas incluídas nos anexos II, III e IV que se acredite ter superadas, debéndose cursa-las restantes.

4. As validacións sinaladas anteriormente serán resoltas logo da solicitude ós organismos oficiais responsables.

Artigo 7º.-Organización de cursos.

1. Os cursos de capacitación para imparti-las ensinanzas correspondentes a cada nivel dos definidos na Art. 4 ou para complementa-las ensinanzas cubertas por outros títulos ou diplomas oficiais, poderán ser organizadas por universidades, centros docentes ou por servicios oficiais.

2. Mentres non sexan modificados os anexos II ó V, así como os requisitos esixidos no apartado 1 do artigo 8 desta orde, o organizador poderá realizar sucesivas edicións do mesmo curso, previamente homologado, debendo solicitar para cada curso a autorización para a súa celebración.

Artigo 8º.-Homologación dos cursos.

1. Os servicios oficiais, universidades e centros docentes que queiran impartir estes cursos deberán solicita-la homologación de cada curso ó organismo oficial responsable mencionado no artigo 2 desta orde, presentando o impreso de solicitude que figura no anexo I debidamente cuberto, xunto cunha memoria que conterá, polo menos, os seguintes datos:

a) Entidade ou organismo que organiza o curso.

b) Obxectivos do curso.

c) Programa que se vai impartir, especificando: unidades didácticas, horas lectivas, tipo e duración das prácticas.

d) Relación de profesores coas súas respectivas titulacións, experiencia na materia que se vai impartir e outras condicións complementarias que poidan interesar. Todas estas circunstancias deberán ser xustificadas documentalmente.

e) Descrición e localización das instalacións nas que se van imparti-las clases teóricas e prácticas do curso.

f) Relación de medios materiais e equipo dispoñible para o desenvolvemento dos exercicios prácticos.

2. Se durante a celebración do curso se producise algunha modificación das circunstancias iniciais, o seu organizador deberá comunicarlla ó organismo oficial responsable xunto coa solicitude do anexo I a documentación explicativa e, se é o caso, xustificativa de tal modificación.

3. As solicitudes dirixiranse ás direccións xerais de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias ou de Saúde Pública, segundo corresponda, presentándose en calquera das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As direccións xerais mencionadas no apartado anterior coordinaranse para efectos de comunicación dos cursos homologados.

5. Se a solicitude carece dalgún dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, a dirección xeral correspondente notificará ó solicitante tal circunstancia outorgándolle un prazo de dez días para a súa emenda. De non facelo arquivarase a solicitude sen máis trámite.

6. Os organismos responsables na Comunidade Autónoma unha vez comunicada polos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Sanidade e Consumo, a homologación do curso notificarán ó interesado tal circunstancia.

Artigo 9º.-Publicidade.

O organismo oficial responsable publicará no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso homologado, incluíndo a súa denominación, o seu obxectivo, nivel ou niveis de capacitación que cobre, programa, número de alumnos, condicións de inscrición, denominación e dirección do centro que o vai a impartir, e o modelo de instancia para solicitalo.

Artigo 10º.-Inspección.

As direccións xerais de Saúde Pública ou de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, segundo corresponda, poderán designar un coordinador técnico para cada curso, que exercerá cantas accións sexan precisas para garanti-lo seu correcto desenvolvemento, a adecuada impartición das ensinanzas de acordo coas condicións establecidas na solicitude de homologación e a comprobación da adquisición dos coñecementos esixidos polos participantes, informando á dirección xeral de calquera anomalía observada que poderá invalida-lo curso en cuestión.

Artigo 11º.-Certificado de superación do curso.

Unha vez realizado o curso, o organizador, expedirá o correspondente certificado ou diploma acreditativo de que o alumno superou as materias teóricas e prácticas de que constaba o programa.

Artigo 12º.-Expedición do carné de manipulador de praguicidas.

1. A solicitude do carné de manipulador de praguicidas, segundo modelo do anexo V, realizaráse ante o organismo oficial responsable sinalado no arti

go 2 da presente orde acompañando á mesma o certificado a que fai referencia o artigo 11 desta orde e dúas fotografías de tamaño carné do solicitante, sen prexuízo do establecido no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Unha vez comprobada a documentación a que se refire o apartado 1 anterior, o organismo oficial responsable expedirá o carné do nivel que corresponda segundo modelo do anexo VI, estando de acordo en canto a material e dimensións co disposto na Orde do 8 de marzo de 1994, do Ministerio da Presidencia.

2.1. Os carnés de manipuladores de praguicidas de usos fitosanitario e gandeiro serán expedidos pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

2.2. Os carnés de manipuladores de praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria serán expedidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 13º.-Validez e renovación dos carnés.

1. O carné de manipulador de praguicidas terá unha validez de 10 anos para todo o territorio nacional. Transcorrido ese tempo deberase renovar por outro novo para o cal o interesado presentará solicitude ante o organismo competente de acordo co modelo do anexo V.

Á vista da documentación expedirase, ou non, un novo carné.

2. O carné de manipulador de praguicidas poderá ser esixido polas autoridades competentes a quen realice actividades das referidas no artigo 1.

3. O organismo oficial responsable poderá establece-las ensinanzas e probas de actualización de coñecementos que considere oportunas, que deberán supera-los solicitantes de renovación de carné.

Disposicións transitorias

Primeira.-Concédese un prazo máximo de seis meses a partir da entrada en vigor desta disposición, para que o persoal encargado da aplicación de productos praguicidas acredite a obtención do nivel de capacitación correspondente, de conformidade co previsto na presente orde.

Segunda.-Os diplomas e carnés expedidos con anterioridade á entrada en vigor da Orde do 8 de marzo de 1994, do Ministerio da Presidencia, poderán ser convalidados polo organismo oficial responsable da Comunidade Autónoma, sempre que se axusten ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 1997.

Tomás Pérez VidalJosé Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Agricultura,Conselleiro de Sanidade e

Gandería e Montes Servicios Sociais

7072