Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 28 de setembro de 1998 Páx. 10.728

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 17 de setembro de 1998 pola que se regula o procedemento para o outorgamento de autorizacións temporais de carácter experimental en polígonos de viveiros de cultivos mariños.

O cultivo a escala industrial de novas especies, o desenvolvemento de novos tipos de artefactos e novas tecnoloxías na acuicultura mariña é consecuencia do labor desenvolvido por diversos equipos de investigadores, tanto de empresas privadas como de organismos públicos que, para levaren a cabo os seus proxectos no medio mariño, inicialmente a escala experimental, precisan dos correspondentes títulos habilitantes outorgados pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O artigo 64 da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, sinala que excepcionalmente, cando se trate de proxectos que introduzan innovacións substanciais, poderán outorgarse autorizacións temporais de carácter experimental en polígonos.

No Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, faise referencia ó

outorgamento, obrigas dos beneficiarios, réxime da autorización e revogación deste tipo de autorizacións.

Por iso, procede agora desenvolve-lo procedemento para a tramitación dos expedientes administrativos para o outorgamento das autorizacións temporais de carácter experimental en polígonos de viveiros de cultivos mariños.

Por todo isto, e tendo en conta a disposición derradeira primeira do citado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Solicitudes.

1. De acordo co disposto no artigo 15 do Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, as persoas naturais ou xurídicas, con nacionalidade e domicilio nun país da U.E., que desexen instalar e poñer en explotación un viveiro para o cultivo experimental de especies ou o desenvolvemento de novas técnicas de cultivo ou artefactos non recollidos no citado regulamento, deberán solicita-la correspondente autorización á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, conforme o modelo de instancia que figura no anexo I á presente orde.

2. As solicitudes, que se dirixirán ó director xeral de Recursos Mariños, presentaranse no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nas súas delegacións territoriais e comarcais ou de calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Documentación.

A instancia irá acompañada por orixinal e dúas copias, da seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do documento nacional de identidade do solicitante, se é persoa física, ou da escritura acreditativa da constitución da sociedade, inscrita no Rexistro Mercantil, e dos estatutos polos que se rexe, así como da acreditación da representación e do documento nacional de identidade do seu representante, se é persoa xurídica. No caso de titularidade compartida, pro indivisos ou gananciais, achegaranse fotocopias cotexadas do DNI de tódolos copartícipes ou, de se-lo caso, de ámbolos dous cónxuxes.

b) Impreso de autoliquidación da taxa administrativa por tramitación.

c) Proxecto descritivo da experiencia que se pretende realizar, redactado e asinado por técnico competente, incluíndo:

c.1) Memoria técnico-biolóxica específica da experiencia, na que se describan tanto a especie que se vai cultivar coma a técnica do cultivo. Ana

lizaranse as características da especie (hábitat, distribución xeográfica, anatomía, fisioloxía, reproducción, alimentación, crecemento, patoloxía, mortandade, interese comercial, vías de comercialización da producción), e a súa adaptabilidade ó cultivo en viveiros (obtención e procedencia das crías e proxenitores, estructura de cultivo, manipulación, talle inicial, densidade, alimentación, crecemento, talle final, mortandade, calendario de producción).

c.2) Proxecto técnico específico do viveiro, no que se describirán detalladamente as características particulares do artefacto, mediante planos da planta, sección e alzada, así como esquema da súa distribución e dos elementos de flotabilidade, fondeo, cultivo e estructurais, con indicación dos materiais empregados.

d) Cuadrícula(s) solicitada(s), con planos topográficos, de situación (distrito e polígono) e indicación das súas características fundamentais (profundidade, tipo de fondo, parámetros físicos e químicos).

e) Estudio económico no que se analice a rendibilidade da explotación polo período solicitado.

f) Plan de seguimento e controis da experiencia.

g) Memoria da incidencia ambiental, xunto coas medidas correctoras suxeridas.

h) Currículum do técnico director e do equipo de investigación previsto para levar a cabo a experiencia, coa súa cualificación profesional, así como a súa dedicación ó desenvolvemento do proxecto.

i) Solicitude para a comercialización controlada dos productos obtidos como resultado das experiencias, de se-lo caso.

j) Outros datos de interese.

Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, arquivándose sen máis tramite, de acordo co sinalado no artigo 71 da Lei 30/1992 citada.

Artigo 3º.-Resolución.

O prazo para resolver será de catro meses. Aínda que o vencemento do prazo de resolución non exime a Administración da obriga de resolver, de non producirse esta no citado prazo poderase entender desestimada, de acordo co disposto na Lei 30/1992.

A decisión sobre o outorgamento da autorización experimental seralle comunicada ó interesado mediante resolución da Dirección Xeral de Recursos Mariños.

Contra a resolución cabe recurso ordinario, perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura,

de acordo co disposto no artigo 107 da Lei 30/1992 citada.

A resolución estimatoria referirase, como mínimo, as seguintes alíneas:

a) Titular da autorización.

b) Finalidade do proxecto, con indicación da innovación que presenta.

c) Equipo de investigación que levará a cabo a experiencia e director técnico.

d) Tipo de viveiro ou viveiros que se van instalar e as súas características.

e) Localización do punto ou puntos de fondeo e dominio público que se van ocupar.

f) Especie ou especies que se van cultivar e producción prevista en cada un deles.

g) Prazo de outorgamento e posibilidade de prórroga.

h) Prazo para a instalación e posta en explotación do viveiro ou viveiros.

i) Características do informe científico anual que se presentará perante a consellería.

j) Causas de caducidade, extinción e revogación da autorización.

k) Recurso que procede contra ela, órgano administrativo perante o que se ten que presentar e prazo para interpoñela.

Disposición adicional

As autorizacións temporais de carácter experimental destinadas a establecer mecanismos que permitan minora-los efectos das purgas de mar, así como comproba-la capacidade de autodepuración dos moluscos, en zonas declaradas de reserva exclusiva, outorgaranse de acordo co disposto na Orde do 22 de marzo de 1994 (DOG nº 80), pola que se declaran de reserva exclusiva diversos polígonos de viveiros flotantes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 1998.

P.O. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22-12)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

8666