Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 02 de decembro de 1998 Páx. 12.900

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 341/1998, do 12 de novembro, polo que se regula a composición e funcionamento dos órganos colexiados na área das drogodependencias.

O artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia da Comunidade Autónoma en materia de sanidade interior.

Trala unánime aprobación por parte do Parlamento galego do dictame da comisión non permanente para o estudio da repercusión socioeconómica e sanitaria do narcotráfico en Galicia (Boletín Oficial do Parlamento de Galicia nº 282, do 10 de xuño de 1992), no que se instaba á Xunta de Galicia á presentación dun proxecto de lei sobre prevención, asistencia e integración en materia de drogodependendencias, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o dito proxecto, que foi remitido e aprobado pola Asemblea Lexislativa autonómica, promulgándose posteriormente como Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

O artigo 31 da citada lei prevía a existencia de órganos colexiados de coordinación interconsellerías, interadministracións públicas e de organizacións non gobernamentais que en Galicia interveñan no ámbito das drogodependencias.

Nese sentido debe recordarse que, con anterioridade á promulgación da Lei de Galicia sobre drogas, polo Decreto 174/1994, do 2 de xuño, de órganos colexiados de coordinación en materia de drogodependencias, creábanse as Comisións de Coordinación Interconsellerías, de Coordinación Interadministracións Públicas e de Coordinación con Organizacións non gobernamentais, comisións estas que tiveron como antecedente a Comisión Galega de Prevención e Loita conta a Drogodependencia, creada polo Decreto 81/1985, do 21 de marzo.

Por outra banda, en cumprimento do disposto no artigo 4 do Real decreto 75/1990, do 19 de xaneiro, regulador dos tratamentos con opiáceos de persoas dependentes destes, a Orde do 15 de maio de 1990 regulou a denominación, composición, funcións e outros aspectos da Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control do Programa de Tratamento con Opiáceos, que viría substituí-la inicial Comisión Galega Reguladora dos Tratamentos con Metadona creada pola Orde do 1 de xullo de 1986, e que foi posteriormente modificada pola Orde do 4 de agosto de 1995.

Cómpre recordar, así mesmo, a existencia con carácer previo á promulgación da Lei de Galicia sobre drogas, da comisión tripartita de prevención e integración de drogodependentes, creada polo Decreto 218/1993, do 24 de setembro, que naceu co fin de tratar de previ-lo consumo de drogas, especialmente no ámbito laboral, e de integrar social e laboralmente os exdrogodependentes.

Dada a dispersión normativa existente na regulación dos referidos órganos que actúan no ámbito das drogodependencias, e dado así mesmo que a súa estructura e funcións non se atopan na actualidade obsoletas, constitúen aínda vehículos adecuados de comunicación dos intereses dos distintos colectivos representados neles, parece oportuno optar polo mantemento das citadas comisións, se ben con algunha modificación na súa estructura e funcións para adecualas ós cambios acontecidos na estructura orgánica da Xunta de Galicia, ás necesidades de dotar de maior operatividade de funcionamento ós citados órganos colexiados.

En atención a todo o anteriormente exposto, parece oportuno proceder a regular nunha única norma tódolos órganos colexiados que desenvolvan actuacións no ámbito das materias reguladas pola Lei de Galicia sobre drogas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto do decreto.

1. O presente decreto ten por obxecto o desenvolvemento dos órganos colexiados coordinadores intervinientes na área das drogodependencias, e para tal efecto modifícase en parte o funcionamento e a composición das seguintes comisións creadas polo Decreto 174/1994, do 2 de xuño:

-A Comisión de Coordinación Interconsellerías.

-A Comisión de Coordinación Interadministracións Públicas.

-A Comisión de Coordinación con Organizacións non Gobernamentais.

2. Considéranse, así mesmo, órganos colexiados intervinientes no ámbito das drogodependencias as seguintes comisións:

-A Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control de Programa de Tratamento con Opiáceos, creada pola Orde do 1 de xullo de 1986.

-A Comisión Tripartita para o Desenvolvemento do Programa de Intervención en Drogodependencias no Ámbito Laboral, creada polo Decreto 218/1993, do 24 de setembro, baixo a denominación de Comisión Tripartita de Prevención e Integración de Drogodependentes.

Comisión de Coordinación Interconsellerías.

Artigo 2º.-Composición.

1. A Comisión de Coordinación Interconsellerías estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente:

O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Vicepresidente 1º:

O secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

c) Vicepresidente 2º:

O comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

d) Vocais:

-Un representante da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

-Un representante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un representante da Consellería de Industria e Comercio.

-Un representante da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Un representante da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-Un representante da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

-Un representante da Academia Galega de Seguridade.

Un representante do Servicio Galego de Saúde.

e) Secretario:

Un funcionario do grupo A da Administración autonómica que designará o presidente da comisión.

2. Os vocais da comisión serán designados polos conselleiros e directores dos organismos autónomos respectivos e deberán te-lo nivel de director xeral.

Artigo 3º.-Funcións.

En relación co ámbito de competencias asumidas polas distintas consellerías da Xunta de Galicia, a Comisión de Coordinación Interconsellerías é o órgano encargado do establecemento de pautas, da coordinación e da unidade de programación das accións e proxectos dos distintos departamentos en materia de drogodependencias.

En concreto, correpóndenlle as seguintes funcións:

a) Asegura-la unidade de programación e coordinación de tódalas actuacións e proxectos da Xunta de Galicia en materia de drogodependencias.

b) Efectua-lo seguimento das actuacións que as distintas consellerías e entidades subvencionadas por elas desenvolvan en canto á problemática das drogodependencias.

c) Coñecer e coordina-las actuacións do Plan de Galicia sobre Drogas, cos proxectos e accións xenéricas ou específicas que, en materia de drogodependencias, desenvolvan ou vaian desenvolver no ámbito da Comunidade Autónoma galega, a Administración central, deputacións provinciais, concellos e organizacións non gobernamentais.

d) Estudiar e propoñerlle ó Consello da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, programas e accións concretas enmarcadas no Plan de Galicia sobre Drogas que excedan do ámbito competencial de cada un dos departamentos representados nesta comisión e que, en consecuencia, requiran da aprobación do dito órgano.

e) Emitir informe sobre as convocatorias de subvencións e axudas dos distintos departamentos da Xunta de Galicia en relación coas drogodependencias.

f) Emitir informe preceptivo sobre a concesión, suspensión ou retirada de axudas e subvencións da Xunta de Galicia a persoas físicas ou xurídicas que, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, desenvolvan actividades de prevención, asistencia ou incorporación social dos afectados pola drogodependencia, así como actividades de formación ou investigación na materia.

g) Promove-lo desenvolvemento normativo nas materias relacionadas coa problemática das drogodependencias. Neste sentido, a comisión poderá propoñer ós departamentos representados as dotacións orzamentarias e económicas que xulgue imprescindibles ou convenientes para actuar eficazmente ante a problemática da dependencia das drogas.

h) Realizar unha memoria anual sobre as actividades desenvolvidas pola comisión.

i) Calquera outra función que se lle encomende asumir no futuro en relación coa problemática das drogas.

Comisión de Coordinación Interadministracións Públicas.

Artigo 4º.-Composición.

A Comisión de Coordinación Interadministracións Públicas estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente:

O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Vicepresidente 1º:

O secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

c) Vicepresidente 2º:

O comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

d) Vocais:

-Un representante da Delegación do Goberno en Galicia.

-Un representante da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas.

-Un representante por cada unha das catro deputacións provinciais de Galicia.

-Seis representantes designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), dos que catro deberán ser representantes de concellos que, dentro do marco do Plan de Galicia sobre Drogas, estean a desenvolver programas ou actividades de prevención, asistencia ou incorporación social, formación ou investigación sobre a problemática das drogodependencias e teñan para isto subscritos convenios de colaboración coa Xunta de Galicia.

e) Secretario:

Un funcionario do grupo A da Administración autonómica que designará o presidente da comisión.

Artigo 5º.-Funcións.

Correspóndenlle á Comisión de Coordinación Interadministracións Públicas as seguintes funcións:

a) Emitir informes sobre os plans, programas e proxectos de carácter xeral que, desenvoltos polas administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, estean referidos ó campo das drogodependencias, tendo por obxecto a prevención, tratamento, rehabilitación ou incorporación social das persoas afectadas por elas, así como a formación do persoal necesario para o desempeño dos labores anteriores e da investigación científica e técnica na materia.

b) Coñece-los plans, programas e proxectos que, en materia de drogodependencias, poida desenvolve-la Administración central no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tales como rótulos disuasivos do Plan Nacional sobre conductas prexudiciais para a saúde, anuncios televisivos coa mesma finalidade e outros similares.

c) Servir de canle para a formulación recíproca de propostas de actuacións conxuntas das distintas administracións públicas, así como promove-la súa execución e a unificación eficaz dos seus criterios de actuación, de acordo coas determinacións do Plan Nacional sobre Drogas.

d) Servir de instrumento adecuado para facilita-las actuacións que deban realizarse en materia de drogodependencias mediante a intervención conxunta das diversas administracións públicas.

e) Adopta-las medidas necesarias para acada-la homoxeneización dos sistemas de información, documentación e estatística sobre drogodependencias e promove-la utilización dun sistema conxunto de información por parte de tódalas administracións públicas.

f) Calquera outra función que regulamentariamente se lle encomende en relación coa problemática das drogodependencias.

Comisión de Coordinación con Organizacións non Gobernamentais.

Artigo 6º.-Composición.

1. A Comisión de Coordinación con Organizacións non Gobernamentais estará composta polos seguintes membros:

a) Presidente:

O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Vicepresidente 1º:

O secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

c) Vicepresidente 2º:

O comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

d) Vocais:

-Un representante da Cruz Vermella-Galicia.

-Un representante de Cáritas-Galicia.

-Un representante da Confederación Galega de Asociacións de Pais de Alumnos.

-Un representante da Confederación Galega de Federacións de Asociacións de Veciños.

-Un representante da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa.

-Un representante da Unión de Consumidores de Galicia.

-Un representante da Federación Galega de Asociacións de Exalcohólicos.

-Un representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

-Un representante das organizacións sindicais máis representantivas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Un representante dos Colexios Profesionais de Avogados de Galicia.

-Un representante dos Colexios Profesionais de Farmacéuticos de Galicia.

-Un representante dos Colexios Profesionais de Médicos de Galicia.

-Un representante do Colexio Oficial de Psicólogos-Galicia.

-Un representante dos Colexios Profesionais de Asistentes Técnico-Sanitarios e Diplomados Universitarios en Enfermería de Galicia.

-Un representante dos Colexios Profesionais de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia.

-Tres representantes da Federación Galega de Asociacións de Axuda ó Drogodependente (FEGAD).

-Tres representantes das ONGs sen ánimo de lucro que, en coordinación co Plan de Galicia sobre Drogas, desenvolvan programas ou actividades de prevención-incorporación social e teñan subscritos convenios de colaboración coa Xunta de Galicia.

-Tres representantes das ONGs sen ánimo de lucro que, en coordinación co Plan de Galicia sobre Drogas, desenvolvan programas ou servicios de tratamento de drogodependencias a través de unidades, centros, establecementos ou servicios asistenciais xestionados por elas e teñan subscritos convenios de colaboración coa Xunta de Galicia.

e) Secretario:

Un funcionario do grupo A da Administración autonómica que designará o presidente da comisión.

2. Os representantes dos colexios profesionais serán elixidos entre aquelas persoas que ocupen cargos directivos neles por un período de dous anos contados desde o seu nomeamento. Con seis meses de antelación á expiración do mandato bianual dos seus representantes, os citados colexios deberán comunicarlle á Comisión de Coordinación de ONGs a súa nova representación.

3. Os representantes das ONGs sen ánimo de lucro serán elixidos por elas mesmas e para un período de dous anos. Con seis meses de antelación á expiración do mandato bianual dos seus representantes, as ditas ONGs deberán comunicarlle á Comisión de Coordinación de ONGs a súa nova representación.

Artigo 7º.-Funcións.

A Comisión de Coordinación con ONGs terá, no seu respectivo ámbito de actuación, as seguintes funcións:

a) Garantir unha canle de representación, coordinación e cooperación continuada entre a Xunta de Galicia e as ONGs que, dentro da Comunidade Autónoma galega, interveñan sobre a problemática das drogas.

b) Unificar criterios e propoñer directrices de actuación coordinada coas ONGs ante a problemática das drogodependencias, nas súas vertentes de prevención, asistencia e incorporación social.

c) Coñecer e coordinar coas ONGs os programas e accións xenéricas ou específicas que, en materia de drogodependencias, se desenvolvan ou se vaian desenvolver na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Estudiar, elaborar e dirixir á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, propostas relativas a programas e medidas de coordinación das accións en materia de prevención, asistencia ou incorporación social.

e) Calquera outra función que regulamentariamente se lle encomende en relación coa problemática das drogodependencias.

Artigo 8º

A Comisión de Coordinación Interconsellerías reunirase cunha periodicidade mínima semestral, e de xeito extraordinario sempre que o seu presidente o considere oportuno, por iniciativa propia ou por solicitude de dous tercios dos seus membros.

Artigo 9º

A Comisión de Coordinación Interadministracións Públicas e a Comisión de Coordinación con Organizacións non Gobernamentais reuniranse cunha periodicidade mínima anual, e de xeito extraordinario sempre que os seus presidentes o consideren oportuno, por iniciativa propia ou por solicitude de dos tercios dos seus membros.

Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control do Programa de Tratamento con Opiáceos.

Artigo 10º.-Composición.

A composición da Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control do Programa de Tratamento con Opiáceos será a seguinte:

a) Presidente: o comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

b) Vicepresidente: o xefe do Servicio de Asistencia, Formación e Investigación do Plan de Galicia sobre Drogas.

c) Vocais:

-Un representante da División de Farmacia e Productos Sanitarios do Servicio Galego de Saúde.

-Un inspector farmacéutico designado pola secretaría xeral por proposta da Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria.

-O xefe do Servicio de Autorización de Actividades e Centros.

-Un representante da Administración central designado pola Delegación do Goberno en Galicia.

-Dous directores de Unidades Asistenciais de Drogodependencias (UADs) designados polo presidente da comisión.

d) Secretario: un funcionario do grupo A da Oficina do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, con voz e voto.

Artigo 11º.-Funcións da comisión.

Son funcións da Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control do Programa de Tratamento con Opiáceos as seguintes:

1. Emitir informe en relación con:

a) As solicitudes de autorización para desenvolve-lo programa de tratamento con derivados opiáceos para persoas dependentes presentadas ante a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais polos centros ou servicios interesados.

b) Os expedientes administrativos que se tramiten para revoga-las autorizacións ás que se refire o parágrafo anterior.

2. Coordinar e avalia-la información sobre a materia obxecto da súa competencia, especialmente en materia de tratamentos e funcionamento ó respecto dos centros e servicios debidamente acreditados.

3. Subministrar á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e, se é o caso, ó Ministerio de Sanidade e Consumo a través daquela, a información que lle sexa solicitada, de xeito que se garanta sempre a súa confidencialidade.

4. Establecer un rexistro de pacientes con mecanismos que garantan o dereito á confidencialidade.

5. Dalo visto e prace, no caso de petición do centro autorizado correspondente, ós tratamentos que se prescriban no marco do Real decreto 75/1990, do 19 de xaneiro, polo que se regulan os tratamentos con opiáceos de persoas dependentes deles.

6. A formulación e deseño de novas propostas e estratexias, no ámbito dos programas terapéuticos que, implicando a utilización de derivados opiáceos, se empreguen no tratamento e rehabilitación das persoas drogodependentes, así como a elaboración de orientacións sobre coordinación destes programas con outros programas ou recursos sanitario-asistenciais.

7. Solicitar dos centros ou servicios acreditados a información mínima establecida no artigo 10 do Real

decreto 75/1990, do 19 de xaneiro, á marxe de toda aquela adicional que considere necesaria no exercicio das súas funcións.

8. Aprobar, a proposta do responsable médico, os plans terapéuticos individuais. Así mesmo, poderán acorda-la súa suspensión ou revogación nos supostos en que se aprecie falta de colaboración no enfermo ou naqueles en que se aprecie a utilización por este de substancias xeradoras de adicción.

9. Dirimir, se é o caso, as controversias que puidesen xurdir sobre o contido da normativa reguladora dos tratamentos con metadona e demais derivados opiáceos, así como informa-los órganos competentes na Comunidade Autónoma de Galicia, sobre as posibles dúbidas ou lagoas que puidesen presentarse para tal efecto, derivadas da aplicación da normativa vixente no ámbito do tratamento das drogodependencias con derivados opiáceos.

10. Establecer, se procede, criterios de admisión, cumprimento e finalización de tratamentos, e solicitar información dos centros e servicios acreditados sobre estes aspectos.

Artigo 12º

Os informes que reciba a comisión sobre pacientes terán carácter reservado e os seus membros non poderán divulgalos incluso cando deixen de pertencer a ela.

Artigo 13º

A Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control do Programa de Tratamento con Opiáceos adscríbese á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

A comisión reunirase de forma ordinaria polo menos unha vez ó ano, e de xeito extraordinario, sempre que o seu presidente o considere oportuno.

Para a súa válida constitución, requirirase a presencia do presidente e do secretario ou, de se-lo caso, a dos seus substitutos, e a de polo menos a metade máis un dos seus membros.

Comisión Tripartita para o Desenvolvemento do Programa de Intervención en Drogodependencias no Ámbito Laboral.

Artigo 14º

A Comisión Tripartita de Prevención e Integración de Drogodependentes creada polo Decreto 309/1994, do 14 de outubro, pasa a denominarse Comisión Tripartita para o Desenvolvemento do Programa de Intervención en Drogodependencias no Ámbito Laboral.

Artigo 15º.-Composición.

A composición da Comisión Tripartita para o Desenvolvemento do Programa de Intervención en Drogodependencias no Ámbito Laboral será a seguinte:

a) Presidente:

O secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou persoa en que delegue.

b) Vicepresidente 1º:

O director xeral de Servicios Sociais.

c) Vicepresidente 2º:

O comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

d) Vocais:

1. Un representente da Dirección Xeral de Formación e Emprego, en representación da Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Un representante da Dirección Xeral de Relacións Laborais, en representación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

3. Tres representantes das organizacións sindicais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma.

4. Tres representantes das organizacións empresariais máis representativas no mesmo ámbito.

e) Secretario:

Un funcionario do grupo A da Consellería de Sanidade e de Servicios Sociais, elixido polo seu secretario xeral, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 16º.-Funcións.

A Comisión Tripartita para o Desenvolvemento do Programa de Intervención en Drogodependencias no Ámbito Laboral terá as seguintes funcións:

a) Propoñer ás administracións públicas, a través do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, a adopción de calquera medida tendente a previ-lo consumo de drogas, especialmente no ámbito laboral, así como alcanza-la incorporación sociolaboral das persoas afectadas por aquel.

b) Coordinar e colaborar coas distintas administracións públicas e institucións de cara ó deseño, xestión e avaliación de programas de intervención no ámbito laboral.

c) Coñece-las convocatorias de axudas e subvencións que efectúen as consellerías de Sanidade e Servicios Sociais, de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en materia de prevención das drogodependencias e incorporación sociolaboral de persoas afectadas polo consumo de drogas.

d) Colaborar, a través das entidades representadas nela, nas campañas de información e divulgación de programas relacionados coa prevención do consumo de drogas, especialmente no ámbito laboral, e nas de incorporación socio-laboral dos traballadores exdrogodependentes.

e) Elevar á Comisión de Coordinación Interconsellerías propostas de desenvolvemento normativo en relación coas materias obxecto da súa competencia.

f) Elevar á Comisión de Coordinación Interconsellerías, a través do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, os resultados das súas actuacións.

g) Calquera outra función que lles encomende a Comisión de Coordinación Interconsellerías en materia de drogodependencias.

Artigo 17º

1. A Comisión Tripartita para o Desenvolvemento do Programa de Intervención en Drogodependencias no Ámbito Laboral reunirase de forma ordinaria cunha periodiciade mínima semestral, e de forma extraordinaria, sempre que o seu presidente a convoque.

2. Para a súa válida constitución requirirase a presencia do presidente e do secretario ou, se é o caso, a dos seus substitutos, e de polo menos a metade máis un dos seus membros.

3. Os cambios que acontezan na representación das organizacións sindicais e empresariais comunicaranse á comisión en canto se teña coñecemento deles. Cando as persoas designadas para desempeña-la representación das organizacións sindicais ou empresariais cesasen nela ou fosen substituídas por outras, tal feito será posto en coñecemento da comisión o antes posible.

Artigo 18º

A Comisión Tripartita para o Desenvolvemento do Programa de Intervención en Drogodependencias no Ámbito Laboral e a Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control de Programa de Tratamento con Opiáceos, axustarán o seu funcionamento ó disposto no capítulo II, título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que poidan elaborar normas propias de funcionamento.

Artigo 19º.

1. As comisións ás que se refiren os artigos 2º, 4º e 6º da presente norma, rexeranse polo disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que poidan elaborar normas propias de funcionamento.

2. Cada entidade representada nas comisións designará un número de suplentes igual ó de vocais que lle correspondan, que substituirán a aqueles nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade.

3. Por petición dos seus membros e co visto e prace dos presidentes das comisións respectivas, poderase solicitar que asistan ás súas reunións funcionarios, persoal facultativo ou técnico ó servicio das administracións públicas ou ONGs representadas, así como persoas cunha acreditada traxectoria persoal ou profesional no campo das drogodependencias. Todas estas persoas que asistan ás comisións farano con voz pero sen voto.

4. Sempre que o xulguen conveniente, as comisións poderán establecer subcomisións que teñan por finalidade o estudio de temas ou actividades específicas, podendo designar como integrantes destas as persoas que consideren oportuno.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó presente decreto, e en particular as seguintes:

-As ordes do 18 de abril de 1988, e do 8 de maio de 1990, polas que se crea a Comisión Asesora para o Desenvolvemento do Programa de Prevención do Consumo de Drogas, e se modifica a súa composición.

-O Decreto 174/1994, do 2 de xuño, polo que se crean órganos colexiados de coordinación en materia de drogodependencias.

-O Decreto 309/1994, do 14 de outubro, polo que se establece a composición e funcións da Comisión Tripartita de Prevención e Integración de Drogodependentes.

-A Orde do 15 de maio de 1990, pola que se desenvolve o Real decreto 75/1990, do 19 de xaneiro, regulador dos tratamentos con opiáceos de persoas dependentes deles.

-A Orde do 4 de agosto de 1995 pola que se modifica a do 15 de maio de 1990.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

11028