Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 18 de outubro de 1999 Páx. 12.328

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 267/1999, do 30 de setembro, polo que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros.

Ó abeiro do artigo 27.21º do Estatuto de autonomía, Galicia ten atribuída a competencia exclusiva en materia de ordenación do turismo no seu ámbito territorial, posuíndo, deste xeito, a potestade de regulamenta-lo réxime propio dos establecementos hoteleiros.

A Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, regula no seu título IV os establecementos hoteleiros, precisando nas súas disposicións adicionais a necesidade do seu posterior desenvolvemento regulamentario.

Calquera política turística que teña como meta a modernización das infraestructuras e os servicios debe apoiarse na industria hoteleira como protagonista principal e factor clave. Esta modernización debe incorporar fundamentalmente as novas e crecentes esixencias do usuario turístico e, asemade, atender ás evolucións duns mercados cada vez máis competitivos e globalizados. Trátase, xa que logo, da configuración básica ou elemental dunha oferta aloxativa competitiva dentro duns horizontes amplos, afastados de visións inmediatistas ou parciais.

A oferta aloxativa e, singularmente, os establecementos hoteleiros, son os principais beneficiarios dos esforzos de tódolos axentes públicos e privados na configuración de productos diversificados nun espacio turístico atractivo e dinamizador do desenvolvemento económico. É imprescindible, pois, a articulación dunhas regras de xogo claras para o sector, pero tamén, moi especialmente, para ese usuario especialísimo (o turista) que se desenvolve nun ambiente en principio alleo e pouco coñecido e que o fai merecedor dunha tutela singular na defensa dos seus dereitos irrenunciables, nunha sociedade moderna e avanzada que, ademais, outorga a estes un fundamento constitucional. Sen estes eixes básicos, resulta imposible configurar un destino atractivo que estimule a demanda con carácter sostido no tempo e que contribúa de xeito importante á creación de riqueza e emprego.

É por iso que toda regulamentación debe arelar senta-las bases dunha seguridade, claridade e garantías mínimas en relación coas infraestructuras, instalacións, e dotacións que se lle ofrecen ó cliente e que supoñan para os operadores ou intermediarios turísticos un aval de calidade e un nivel mínimo de satisfacción. Arela que, nembargantes, debe procurarse sen caer en intervencionismos estériles ou contraproducentes, deixando toda a marxe posible á capacidade e creatividade empresarial.

A autonomía normativa, por outra banda, debe servir, sen distanciarnos do contorno normativo do ámbito estatal e europeo, para dar resposta e poñer en valor tódalas nosas peculiaridades que permitan vertebrar unha oferta con selo e identidade propias, tal como se require hoxe en día se se quere atopar un lugar de privilexio nos mercados.

Os esforzos realizados por este subsector nos últimos anos deron como resultado un incremento da calidade e unha actualización que, nalgúns casos, podemos cualificar de punteira, polo que as novas realidades reclaman a súa correspondente categorización ou singularización tamén desde o punto de vista administrativo. Neste sentido, o subsector hoteleiro e os seus beneficiarios non deben ser despoxados do importante avance que supuxo a completa e mesmo adiantada regulación do ano 1968, senón que, partindo desa sólida base, debe recollerse a experiencia de todos estes anos, que non é outra que a do gran desenvolvemento turístico español das últimas décadas. Algo a que contribuíu non pouco unha normativa dotada de rigor e completación.

O presente regulamento pretende ser un instrumento máis nas coordenadas devanditas; establécese unha definición e clasificación sinxelas e diáfanas das que desaparecen figuras de escasa xustificación nestes momentos como os hostais, as fondas ou as casas de hóspedes, sen prexuízo das adaptacións e réximes transitorios correspondentes; regúlanse os distintivos e a publicidade nas coordenadas tradicionais por mor de evitar confusións ou escuridades, simplifícase o procedemento de apertura prescindíndose da redundante autorización provisional; recóllense uns requisitos comúns a tódolos establecementos ou como esixencias mínimas irrenunciables, así como aquelas condicións indispensables para a obtención de cada unha das categorías segundo criterios adaptados á realidade actual en canto ós servicios, infraestructuras e dotacións; finalmente, as distintas especialidades responden á importancia de estructurar unha oferta plural que teña en conta as especificidades que en cada caso poidan

existir e que son de interese para unha demanda cada vez máis segmentada.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, de conformidade co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de setembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Quedan suxeitos ó disposto neste decreto as empresas de aloxamento turístico que se dedican de maneira profesional e habitual desde un establecemento hoteleiro aberto ó público, situado no ámbito terri

torial da Comunidade Autónoma de Galicia, e mediante contraprestación económica, a prestar un servicio de hospedaxe de forma temporal ás persoas, con ou sen prestación de servicios de carácter complementario.

Artigo 2º

Os establecementos hoteleiros clasifícanse nos seguintes grupos e categorías:

-Grupo primeiro: hoteis de cinco, catro, tres, dúas e unha estrelas.

-Grupo segundo: pensións de tres, dúas e unha estrelas.

Artigo 3º

1. Os hoteis son aqueles establecementos que, ofrecendo aloxamento con ou sen comedor e outros servicios complementarios, ocupan a totalidade dun ou varios edificios ou unha parte independizada deles, constituíndo as súas dependencias un todo homoxéneo, con accesos, escaleiras e ascensores de uso exclusivo, e que reúnan os requisitos técnicos mínimos que para cada categoría se determinan neste decreto.

2. As pensións son aqueles establecementos que, ofrecendo aloxamento con ou sen comedor e outros servicios complementarios, teñen unha estructura e unhas características que lles impiden acada-los requisitos e condicións esixidas para os hoteis, estando sometidos ós requisitos técnicos mínimos que para cada categoría se determinan neste decreto.

Artigo 4º

1. Os hoteis de cinco estrelas deberán estar instalados en edificios que, construídos con materiais de primeira calidade, destaquen ademais polas súas condicións de luxo e confort tanto no exterior como no interior do establecemento.

As súas instalacións, materiais, equipamentos e elementos decorativos, serán de excelente calidade e reunirán os perfeccionamentos máis modernos da técnica hoteleira.

Ós situados en núcleos urbanos, valoraráselles para obteren esa clasificación os servicios, os equipamentos e as singulares condicións do seu contorno.

2. Os hoteis de catro estrelas deberán estar instalados en edificios que, construídos con materiais de primeira calidade, ofrezan condicións de alto confort e distinción.

As instalacións, materiais, equipamentos, mobiliario e elementos decorativos serán de excelente calidade.

3. Os hoteis de tres estrelas deberán estar en edificios que sen chegaren a ser suntuosos, ofrezan boas condicións de confort.

As súas instalacións, materiais, equipamentos e elementos decorativos serán de primeira calidade.

4. Os hoteis de dúas estrelas deberán ofrecer ós seus clientes boas condicións de comodidade.

As súas instalacións, materiais, equipamentos e elementos decorativos serán de boa calidade.

5. Os hoteis dunha estrela poderán contar con instalacións, equipamentos e materiais máis sinxelos que as categorías anteriores, pero deberán ofrecer ós seus clientes as indispensables condicións de comodidade.

Artigo 5º

1. Os establecementos hoteleiros que en función das instalacións, modalidades de explotación, servicios ofertados, tipoloxía da demanda ou situación, reúnan os requisitos que se establecen neste decreto, poderán obte-lo recoñecemento da súa especialización, que será complementaria á clasificación do establecemento.

2. As especialidades que se poderán solicitar son as seguintes:

-Hoteis apartamentos.

-Moteis.

-Hoteis balnearios.

-Hoteis deportivos.

-Hoteis clubes.

-Hoteis familiares.

-Hoteis de cidade.

-Hoteis en praia.

-Hoteis de montaña.

-Hoteis de natureza.

-Hoteis gastronómicos.

-Hoteis de tempada.

-Hoteis paradores.

-Hoteis pousadas.

-Hoteis rústicos.

-Hoteis monumentos.

-Albergues turísticos.

3. A lista de especialidades poderá ampliarse co fin de incorporar aqueles que esixa o mercado, correspondéndolle á consellería competente en materia de turismo o seu recoñecemento e a determinación dos requisitos e condicións esixibles a cada unha.

Capítulo II

Distintivos e publicidade

Artigo 6º

1. En tódolos establecementos hoteleiros será obrigatoria a exhibición na parte exterior da entrada principal, e nun lugar moi visible dunha placa identificativa normalizada na que conste o grupo e categoría no que foi clasificado o establecemento, así

como a especialización recoñecida, de se-lo caso, e sempre que para esta última exista distintivo específico.

2. A placa identificativa conterá, sobre fondo azul-turquesa, as letras que corresponden ó grupo e especialidade, así como as estrelas que correspondan á súa categoría. As estrelas serán de cor ouro para os establecementos do grupo primeiro e de cor prata para os do grupo segundo.

3. Os modelos, dimensións e cores das placas identificativas de obrigatoria exhibición a que aluden os puntos anteriores son os que constan no anexo I desta disposición.

Artigo 7º

Na publicidade ou propaganda impresa, facturas e demais documentación deberá indicarse, de xeito que non induza á confusión, o grupo, categoría e especialización outorgados pola Administración turística.

Artigo 8º

Ningún establecemento hoteleiro poderá usa-la denominación, rótulo ou distintivo diferentes dos que lle correspondan polo seu grupo e especialización, nin exhibir outra categoría que aquela na que se atopar clasificado.

As denominacións derivadas ou compostas do termo hotel non poderán ser utilizadas máis que polos establecementos clasificados no grupo 1º.

Queda prohibido o emprego da palabra turismo, así como a de parador reservada á Administración turística do Estado e a de pousada reservada á Administración turística galega como título ou subtítulo dos establecementos turísticos consonte o artigo 32 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Queda, así mesmo, prohibido o uso de iniciais, abreviaturas ou termos que poidan inducir a confusión.

O cualificativo gran luxo ou os seus derivados tan só poderá ser utilizado polos hoteis de 5 estrelas que reúnan as condicións de excepcional calidade nas súas instalacións, equipamentos e servicios.

Capítulo III

Normas para a instalación e apertura

Artigo 9º

Nos lugares de paisaxe aberta e natural de especial interese, sexa rural ou marítima, ou nas perspectivas que ofrezan os conxuntos urbanos de características histórico-artísticas, típicos ou tradicionais, e nas inmediacións das estradas e camiños de traxecto pintoresco, non se permitirá que a situación, masa, altura dos edificios, muros e cerramentos e a instalación doutros elementos dos establecementos hoteleiros, limiten o campo visual para contempla-las belezas ou desfiguren a perspectiva propia dela.

Artigo 10º

1. Para realiza-la actividade propia dos establecementos hoteleiros en calquera dos grupos, categorías e especialidades descritas, será requisito previo a obtención do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, da autorización de apertura e clasificación turística na que se fixará o grupo, categoría e, se é o caso, especialización que lle puidera corresponder conforme a presente ordenación.

2. Para os efectos de obte-la autorización de apertura e clasificación turística, os interesados deberán presentar ante a correspondente delegación provincial da citada consellería a seguinte documentación:

a) Solicitude de autorización de apertura e clasificación turística, segundo o modelo oficial que consta no anexo II deste decreto.

b) Fotocopia compulsada do DNI ou CIF, segundo corresponda, do solicitante.

c) Se a titularidade do establecemento correspondese a unha persoa xurídica, fotocopia compulsada da escritura de constitución da sociedade e poderes do solicitante para o caso de que non se deduza claramente da escritura social.

d) Fotocopia compulsada da escritura de propiedade do inmoble, contrato de aluguer, onde conste expresamente a actividade que desenvolverá o arrendatario, ou de calquera outro documento que acredite a disponibilidade do inmoble para ser destinado a aloxamento hoteleiro.

e) Fotocopia compulsada da licencia municipal de obras do establecemento hoteleiro de que se trate.

f) Fotocopia compulsada da licencia municipal de apertura ou no seu defecto, da súa solicitude, á que se lle achegarán, neste último caso, os seguintes certificados:

-Certificado do órgano competente da Xunta de Galicia, acreditativo do cumprimento das condicións hixiénico-sanitarias do establecemento esixidas pola normativa vixente.

-Certificado do órgano competente da Xunta de Galicia acreditativo do cumprimento dos requisitos de prevención e protección contra incendios esixidos pola normativa vixente.

g) Póliza de responsabilidade civil que garanta o normal desenvolvemento da súa actividade, que cubra as seguintes contías mínimas:

-Establecementos hoteleiros con menos de 50 prazas: 50 millóns de pesetas.

-Establecementos hoteleiros con máis de 50 prazas e menos de 200: 75 millóns de pesetas.

-Establecementos hoteleiros con máis de 200 prazas: 100 millóns de pesetas.

Estas coberturas terán que incluí-la totalidade dos riscos, é dicir, danos corporais, danos materiais e

os prexuízos económicos causados, excluíndose calquera tipo de franquía.

Os establecementos están obrigados a manter en permanente vixencia a devandita póliza. Para estes efectos deberán presentar periodicamente os correspondentes recibos de pagamento que acrediten tal vixencia.

Non obstante, a póliza de responsabilidade civil poderana achega-los interesados unha vez que lles sexa concedida a preceptiva autorización de apertura e clasificación turística. Nese caso, esta autorización non producirá efecto ata o momento da correcta presentación desa póliza no centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo.

Co fin de que a póliza de responsabilidade civil cumpra a súa finalidade, as súas contías poderán ser actualizadas conforme o índice de prezos de consumo, mediante orde do conselleiro competente en materia de turismo.

h) Os seguintes planos:

-Plano de edificacións e instalacións a escala mínima de 1:100, cando non se trate dun só bloque, con indicación do destino e superficie de cada unha delas.

-Plano das fachadas, a escala mínima de 1:100, debendo reflectirse a altura do solo ó teito de cada planta, cando non se acompañe plano de seccións.

-Planos de distribución interior de plantas, a escala mínima de 1:50, no que se indicará o destino e a superficie de cada dependencia, así como a situación de portas, fiestras, escaleiras, armarios encaixados, terrazas etc.

-Planos dos diferentes tipos de cuartos (incluíndo os cuartos de baño e aseos) a escala 1:50 nos que figurarán as instalacións e mobiliario.

-Planos referentes ás medidas de seguridade, evacuación e prevención e protección contra incendios.

i) No caso de solicita-lo recoñecemento dalgunha especialidade, deberanse presenta-los certificados ou documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos esixidos por este decreto para a especialidade de que se trate.

l) Relación dos cuartos con indicación do número que as identifica, superficie, capacidade en prazas e servicios de que están dotadas.

m) Normas de réxime interior que rexerán no establecemento formuladas e asinadas polo seu titular ou, no seu defecto, unha declaración deste acreditativa de que no seu establecemnto non existen tales normas de réxime interior.

n) Se é o caso, de concedérselle subvención para a construcción, ampliación ou modernización do establecemento, declaración sobre o órgano conce-

dente, o grupo, categoría e, se é o caso, especialización para a que a obtivese, así como o número de cuartos que figuren no proxecto aprobado para tal fin.

3. A delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo iniciará o oportuno expediente de apertura e clasificación que, unha vez completo, o elevará, xunto co seu informe, ó centro directivo da citada consellería, que expedirá, se procede, a autorización de apertura e clasificación turística no prazo máximo de tres meses, contados desde a recepción do expediente.

Transcorrido ese prazo sen que se teña expedida a autorización de apertura e clasificación, entenderase estimada, sen prexuízo da obriga do pagamento das correspondentes taxas, producíndose os efectos xurídicos que establece respecto ós actos presuntos o artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

4. A autorización de apertura e clasificación turística do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo non exime da necesidade da obtención do resto das preceptivas autorizacións doutros organismos.

5. O citado centro directivo, ponderando no seu conxunto as circunstancias existentes e os requisitos técnicos mínimos esixidos, poderá razoadamente dispensar un establecemento determinado do cumprimento dalgún deles cando así o aconsellen as súas características especiais. Así mesmo, poderá facer uso desta facultade de dispensa ponderando a calidade e demais condicións das existentes nos establecementos, de xeito que se compensen as carencias obxecto de dispensa.

Especialmente poderase facer uso desta facultade cando se trate de establecementos de aloxamento situados en espacios naturais, en edificios de especial relevancia histórico-artística da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 11º

Para realizar calquera ampliación, modificación ou reforma substancial entendida esta en canto afecte a estructura, características, servicios ou sistema de explotación dos establecementos que puidera afecta-la súa clasificación, capacidade ou o resto dos requisitos conforme os cales se lles outorgou a autorización de apertura e clasificación, será precisa a autorización previa do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo.

Para estes efectos, os interesados presentarán, da documentación que se relaciona no artigo 12º, unicamente aquela que o citado centro directivo considere necesaria respecto a cada tipo de modificación, ampliación e reforma, e que se determinará mediante resolución.

A implantación de novos servicios que non afecten a clasificación, capacidade ou o resto dos requisitos conforme os cales se outorgou a autorización turística, tan só requirirá a súa notificación á correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de turismo, que a comunicará ó devandito centro directivo

Artigo 12º

Os titulares dos establecementos hoteleiros poderán solicitar do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, a través das correspondentes delegacións provinciais, a reclasificación daqueles a unha categoría superior ou inferior á que tiveren outorgada, achegando para iso os documentos relacionados no artigo 12º que se consideren necesarios para xustificar tal solicitude.

Artigo 13º

A clasificación outorgada polo centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo manterase mentres se cumpran os requisitos que foron tidos en conta no momento de concedela, podéndose revisar de oficio ou por instancia do interesado.

A revisión de oficio será efectuada polo citado centro directivo ben por propia iniciativa ou trala proposta da correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de turismo. Requirirase informe técnico da inspección e emitirá resolución motivada o centro directivo correspondente, logo de audiencia do interesado.

Artigo 14º

A titularidade dos establecementos hoteleiros pode transmitirse por calquera dos medios válidos en dereito. Os interesados deberán solicitar do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, a través das correspondentes delegacións provinciais, a autorización dos cambios de titularidade, para os efectos do exercicio da actividade hoteleira, achegando para iso fotocopia compulsada da documentación acreditativa da dita transmisión.

Capítulo IV

A dirección dos establecementos hoteleiros

Artigo 15º

Á fronte dos establecementos hoteleiros deberá existir un director que deberá reuni-los requisitos de titulación e formación que en cada caso determine a titularidade do establecemento. Este posto poderá ser desempeñado polo propio titular.

Os nomeamentos e cambios que se produzan respecto ó posto de director deberán ser comunicados polo titular do establecemento, no prazo de 15 días, ó centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo.

Capítulo V

Da clasificación dos establecementos hoteleiros

Sección primeira

Requisitos técnicos xerais

Artigo 16º

Os requisitos sinalados neste capítulo serán de aplicación a tódolos establecementos hoteleiros, calquera que sexa o seu grupo, categoría e especialidade, salvo que de modo expreso se limiten a algúns deles.

Artigo 17º

Tódolos establecementos hoteleiros deberán cumpri-la normativa vixente en materia de construcción e edificación, instalación e funcionamento de maquinaria, sanidade e consumo e seguridade e hixiene.

En particular, terase en conta o cumprimento da normativa vixente en materia de prevención e extinción de incendios, así como a referente ó abastecemento de augas, saneamento e depuración e ambiente.

Os cuartos e os accesos para minusválidos dos establecementos hoteleiros que superen o número de prazas que se establecen neste decreto, deberán cumpri-los requisitos que determinan a Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as demais disposicións aplicables sobre esta materia.

Artigo 18º

A calidade das instalacións terá que estar en relación directa coa categoría que exhiba o establecemento, e o seu titular procurará o perfecto estado delas coidando especialmente as condicións hixiénicas e de seguridade de tódalas dependencias.

Artigo 19º

A superficie dos vestíbulos estará en relación coa capacidade receptiva dos establecementos, debendo ser suficiente en todo caso para que non se produzan aglomeracións que dificulten o acceso ás distintas dependencias e instalacións.

Artigo 20º

Nos establecementos hoteleiros de 5, 4 e 3 estrelas os vestíbulos e salóns sociais deberán ter uns pavimentos e unhas alfombras de calidade adecuada á categoría do establecemento.

Artigo 21º

A instalación de máquinas que xeren ruídos e, en particular, dos elevadores e sistemas de climatización, terá que realizarse cos adecuados sistemas de insonorización que garantan o illamento dos ruídos respecto dos usuarios das unidades aloxativas.

Nos distintos cuartos dos hoteis o illamento acústico mínimo ó ruído aéreo aplicable ás paredes separadoras de usuarios distintos, ás paredes separadoras

de cuartos con zonas comúns do edificio, ás súas fachadas, elementos horizontais de separación, carpinterías e cubertas, será o que estableza en cada caso a vixente normativa básica de edificación sobre condicións acústicas nos edificios e a demais normativa vixente sobre esta materia.

Os cuartos dos hoteis de 5, 4 e 3 estrelas deberán contar cuns sistemas de illamento que garantan a súa insonorización total.

As salas de uso común, bares, cafeterías, comedores e salas de reunións de tódolos establecementos do grupo primeiro terán que estar recubertas de materiais acústicos e absorbentes que garantan o seu illamento e insonorización.

Artigo 22º

Nas zonas de uso común poderán utilizarse tanto sistemas de ventilación directa como forzada, sempre que sexan suficientes para unha adecuada renovación hixiénica do aire.

Artigo 23º

1. A instalación dos ascensores, ademais de suxeitarse ás condicións de seguridade esixidas nas disposicóns sobre a materia, efectuarase de modo que se eviten vibracións orixinadas, tanto pola maquinaria como polo desprazamento das cabinas sobre as guías, mediante o emprego dos precedementos técnicos adecuados.

2. A velocidade dos ascensores será a suficiente para evitar longas esperas ós clientes. En todo caso o tempo de desprazamento das cabinas desde a planta baixa á última, realizándose esta proba con aquelas baleiras e sen paradas intermedias, non poderá exceder de corenta segundos nos establecementos clasificados nas categorías de cinco, catro e tres estrelas e de sesenta segundos nos demais.

3. Non se admitirá a instalación de ascensores con cabinas de capacidade inferior a catro persoas.

Sección segunda

Requisitos dos cuartos

Artigo 24º

Para os efectos do regulado na presente ordenación entenderase por:

a) Cuartos as dependencias destinadas a dormitorios dos clientes do establecemento hoteleiro.

b) Suites os conxuntos dun ou máis cuartos con un ou máis cuartos de baño e alomenos un salón, acondicionados segundo cada categoría, cunha maior suntuosidade có resto dos cuartos.

Artigo 25º

Os hoteis deberán dispor de cuartos dobres, é dicir de dúas prazas, e de cuartos individuais, é dicir dunha praza. Non obstante, se o establecemento dispuxese só de cuartos dobres, o 10% deles será de uso individual.

Artigo 26º

Os establecementos hoteleiros que dispoñan de máis de 50 cuartos terán que contar con cuartos para minusválidos segundo a seguinte proporción:

De 50 a 100 cuartos: 2 cuartos.

De 100 a 150 cuartos: 3 cuartos.

Con máis de 150 cuartos: 4 cuartos.

Artigo 27º

1. Tódolos cuartos dos hóspedes terán que estar identificados mediante un número, que figurará no exterior da súa porta de entrada.

2. Cando os cuartos estean situados en máis dunha planta, o primeiro ou primeiros díxitos do número que os identifique indicará a planta, e o restante ou restantes o número de orde do cuarto.

Artigo 28º

1. Tódolos cuartos terán iluminación e ventilación directa ó exterior mediante fiestra ou balcón aperturable. Excepcionalmente poderán autorizarse cuartos que dean a un patio interior sempre e cando se garanta unha ventilación e iluminación adecuadas en correspondencia á súa categoría e con suxeición estrica ó ordenamento urbanístico vixente. A superficie dos ocos das fiestras, incluídos os marcos, será do 10% da superficie do cuarto cun mínimo de 1,20 m.

2. Tódalos cuartos disporán dalgún sistema de escurecemento que impida o paso da luz, á vontade do cliente.

Artigo 29º

No cómputo das superficies dos cuartos non se incluirán as correspondentes ós salóns, baños, aseos e zonas de acceso a eles. Sen embargo, incluirase nese cómputo a superficie dos armarios, encaixados ou non, ata un máximo do 15% da superficie dos cuartos.

Artigo 30º

1. Tódolos cuartos dos establecementos hoteleiros do grupo 1º estarán equipados, alomenos, cos seguintes mobles, enxoval e instalacións:

a) Unha cama individual, ou unha dobre, ou dúas camas individuais, segundo se trate de cuartos sinxelos ou dobres. As dimensións mínimas das camas dobres serán en hoteis de 5 estrelas de 2 m de longo por 1,90 m de largo e as individuais de 2 m de longo por 1,05 m de largo; nos hoteis de 4 estrelas as camas dobres serán de 1,90 m de longo por 1,50 m de largo e as camas individuais de 1,90 m de longo por 1 m de largo; e en hoteis de 3, 2 e 1 estrelas as camas dobres serán de 1,90 m de longo por 1,35 m de largo e as individuais de 1,90 m de longo por 0,90 m de largo.

b) Unha ou dúas mesas de noite, segundo o número de ocupantes, separadas ou incorporadas ó cabeceiro da cama.

c) Un sillón, butaca ou cadeira por hóspede e unha mesa ou escritorio con iluminación propia.

d) Un portamaletas.

e) Un armario, encaixado ou non, con bandexa ou baldas e perchas en número suficiente. A súa profundidade útil nos hoteis de 5 e 4 estrelas será polo menos de 0,60 metros e a súa largura de 2 metros. Disporá de luces interiores e grandes espellos, salvo que estes estean instalados noutro lugar dos cuartos.

f) Unha ou dúas alfombras de pé de cama, excepto que o chan do cuarto estea convenientemente cuberto por alfombra ou moqueta.

g) Unha ou dúas lámpadas ou apliques de cabeceira.

h) Un conmutador de luces xunto á cabeceira das camas.

Artigo 31º

Nos cuartos con bufardas, mansardas ou teitos inclinados, alomenos o 70% da súa superficie disporá da altura mínima esixida por este decreto en función da categoría do establecemento, e nela situarase o mobiliario fundamental do cuarto.

Nos establecementos hoteleiros de 5, 4 e 3 estrelas as fiestras ou balcóns deberán de dispoñer de vistas ó exterior ou a un patio de luces descuberto.

Artigo 32º

En tódolos cuartos poderanse instalar, a petición dos clientes, como máximo dúas camas supletorias que deberán estar previamente autorizadas polo centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo. Para iso, a superficie dos cuartos terá que exceder nun 25% da mínima esixida por cada cama supletoria que se utilice.

Sección terceira

Requisitos dos comedores, cociñas e servicios hixiénicos

Artigo 33º

1. Os establecementos hoteleiros poderán ou non presta-lo servicio de comedor (almorzos, xantares e ceas).

2. A prestación do servicio de comedor terá lugar dentro do horario sinalado pola dirección do establecemento, que, en todo caso, comprenderá un período mínimo de dúas horas e media para o xantar e a cea e de tres horas para o almorzo.

3. Os establecementos hoteleiros nos que non se preste o servicio de comedor denominaranse hoteis-residencia ou pensións-residencia, segundo pertenzan ó grupo primeiro ou segundo.

4. Os hoteis-residencia e as pensións-residencia poderán, non obstante, facilita-lo servicio de almorzo.

Artigo 34º

As cociñas deberán ter capacidade e instalacións suficientes para preparar simultaneamente comidas como mínimo para o 40% das prazas de comedor e, en todo caso, a súa superficie gardará relación directa coa superficie correspondente ós comedores.

Disporán de ventilación ó exterior directa ou asistida e tamén de aparellos para a renovación do aire e a extracción de fumes.

Os chans e paredes estarán revestidos de materiais non porosos e de fácil limpeza.

Artigo 35º

Cando con independencia dos servicios propios do establecemento hoteleiro, aloxativos e de restauración, se ofrezan anexionados ó público en xeral servicios de restaurante, cafetería ou bar, con nomes, entradas e categorías propias, pero integrados na mesma unidade de explotación, a categoría destes establecementos e a súa prestación de servicios estarán en consonancia coa clasificación do aloxamento hoteleiro e rexeranse polas normas específicas que lle sexan de aplicación ós establecementos de restauración. Para o caso de que fose preciso compartir determinados espacios comúns do establecemento hoteleiro, non se prexudicarán os dereitos da clientela do aloxamento e a do restaurante, cafetería ou bar, non podendo supera-las prazas dos establecementos abertos ó público en xeral o do número total de prazas do aloxamento.

Artigo 36º

Para os efectos da presente ordenación e independentemente de se os servicios hixiénicos se encontran ou non dentro dos cuartos, considerarase:

Baño: cando dispoña alomenos de bañeira con ducha, lavabo, inodoro e bidé.

Aseo: cando dispoña alomenos de prato de ducha, lavabo e inodoro.

Ducha e lavabo: cando dispoña de prato de ducha e lavabo.

Lavabo: cando dispoña só deste servicio.

Artigo 37º

Os cuartos de baño ou aseos dos cuartos, terán ventilación directa ou asistida, con renovación do aire.

As bañeiras, duchas, bidés e lavabos disporán de auga corrente quente e fría a tódalas horas. Os hoteis de 5 e 4 estrelas disporán na ducha de regulador de temperatura.

Artigo 38º

Os cuartos de baño e aseos dos cuartos deberán estar equipados, ademais de cos elementos sanitarios, co seguinte enxoval e instalacións:

a) Punto de luz e espello encima do lavabo.

b) Soportes para obxectos de toucador cerca do lavabo e da ducha.

c) Toma de corrente.

d) Mamparas ou cortinas nas bañeiras e duchas.

e) Alfombra de baño.

f) Un xogo de toallas por cada hóspede para baño ou ducha, lavabo e bidé.

A calidade destes equipamentos será adecuada á categoría de cada establecemento.

Artigo 39º

Instalaranse servicios hixiénicos en cada unha das plantas nas que existan instalacións de uso común ou en lugares que teñan fácil acceso desde elas, con lavabos e inodoros en peza separada e independientes para homes e mulleres.

Estarán dotados, polo menos, de xabón, toallas dunha soa utilización ou secador de mans, e papel hixiénico.

As paredes, chans e teitos estarán revestidos de materiais de fácil limpeza.

Nos establecementos de 5, 4 e 3 estrelas o acceso ós servicios estará constituído por dobres portas, cun corredor entre elas, ou construído de maneira tal que desde o exterior non sexa visible o interior cando se produza a apertura das portas.

As portas de acceso ós servicios estarán dotadas dun sistema que permita o peche por elas mesmas.

Sección cuarta

Outros servicios

Artigo 40º

A recepción e a conserxería constituirán o centro de relación cos clientes para os efectos administrativos, de asistencia e de información. Estarán establecidas de modo que a atención ó cliente sexa continuada durante as 24 horas do día.

Corresponde á recepción, entre outras funcións, a de atende-las reservas de aloxamento; formaliza-la hospedaxe; recibi-los clientes e asegurarse da súa identidade, á vista dos correspondentes documentos; inscribilos no libro de viaxeiros; atende-las reclamacións; entrega-las follas de reclamacións; expedir factura e percibi-lo seu importe.

Será misión da conserxería custodia-las chaves dos cuartos; recibir, gardar e entregar ós hóspedes a correspondencia, así como os avisos ou mensaxes que reciban; coidar da recepción e entrega das equipaxes e cumprir no posible as encargas dos clientes. Estará ó cargo do conserxe de noite o servicio espertador. Cando a recepción e conserxería se atopen diferenciadas, estes servicios estarán claramente identificados á vista dos clientes. Se os servicios se realizan no mesmo espacio, cada servicio estará identificado por un rótulo indicativo.

Artigo 41º

O servicio de pisos coidará de que as cuartos estean preparados e limpos no momento de seren ocupados polos clientes.

Artigo 42º

O persoal encargado do servicio telefónico coidará de anotar e poñer canto antes en coñecemento dos hóspedes, directamente ou a través da conserxería, as chamadas que estes reciban.

O referido persoal levará o control das conferencias que se realicen expedindo ó termo de cada unha delas o xustificante da súa duración e o importe segundo a tarifa aplicable.

Artigo 43º

O servicio de lavandería e pasada de ferro poderá ser concertado cunha empresa especializada, se ben será responsable o establecemento hoteleiro da correcta prestación e especialmente de que as roupas sexan devoltas ós clientes no prazo máximo de 48 h ou de 24 h no caso de servicio urxente.

Artigo 44º

O establecemento deberá establece-las medidas adecuadas para garanti-lo máximo nivel de seguridade ós seus clientes.

Para tales efectos, limitarase o acceso das persoas que non sexan clientes en horario nocturno especialmente ás dependencias nas que se atopen os cuartos.

Así mesmo, levarase un control estricto das chaves dos cuartos (mecánicas e electrónicas) non sendo accesible por parte de calquera persoa allea ó persoal encargado da devandita actividade.

Artigo 45º

En tódolos establecementos hoteleiros deberá existir unha caixa de primeiros auxilios, así como servicios concertados de atención médica e practicante, que serán facilitados por conta do cliente.

Artigo 46º

Todo o persoal de servicio nos distintos departamentos vestirá uniforme adecuado ó cometido que preste, segundo os usos e costumes da hostalería. Levará placas identificativas, distinguirase pola súa correcta presentación e esmerarase en atender á clientela con amabilidade e cortesía.

Capítulo VI

Requisitos mínimos esixidos ós hoteis

Artigo 47º

Os requisitos e condicións xerais mínimas dos hoteis de 5, 4, 3, 2 e 1 estrelas son os recollidos no anexo III deste decreto.

Capítulo VII

Requisitos esixibles ás pensións

Artigo 48º

Poderanse clasificar como pensións aqueles establecementos que reúnan os requisitos mínimos xerais establecidos no capítulo V e os particulares que se establecen no anexo IV deste decreto.

Capítulo VIII

Requisitos esixibles nas distintas especialidades dos establecementos hoteleiros

Sección primeira

Requisitos xerais

Artigo 49º

Os establecementos hoteleiros especiais deberán reuni-las condicións mínimas que para a súa respectiva categoría se esixan con carácter xeral para os establecementos hoteleiros, tendo en conta as especificidades de cada especialidade, que se determinan nos artigos seguintes.

Sección segunda

Hoteis-apartamentos

Artigo 50º

Son hoteis apartamentos aqueles que pola súa estructura e servicios dispoñen das instalacións adecuadas para a conservación, elaboración e consumo de alimentos dentro da unidade de aloxamento, e que como mínimo constarán de dormitorio, salón-comedor, baño ou aseos e cociña.

Artigo 51º

Ós hoteis apartamentos seranlles aplicables os seguintes requisitos:

a) A capacidade en prazas virá determinada polo número de camas existentes nos dormitorios e polo de camas convertibles instaladas noutras pezas.

O número de prazas das camas convertibles non poderá exceder do 50% das correspondentes ós dormitorios.

b) Os departamentos aloxativos deberán reunír, como mínimo, as condicións establecidas no anexo V deste decreto.

c) Os mobles, o equipamento (louza e cubertos, roupas de cama, mesa e aseo, utensilios de cociña) e a decoración serán os adecuados en cantidade e calidade á capacidade e categoría do aloxamento.

d) Non se precisará salón social.

e) Os hoteis-apartamentos disporán dun comedor xeral. A súa superficie será de 1,25 m por praza nos establecementos de cinco estrelas; de 1 m nos de catro estrelas; de 0,75 m nos de tres estrelas; de 0,60 m nos de dúas estrelas, e de 0,50 m nos de unha estrela.

f) Consideraranse comprendida no prezo do hospedaxe a limpeza, unha vez cada 3 días, non só das distintas dependencias e instalacións do apartamento, senón tamén a do enxoval, excluído o da cociña.

g) No referente ás demais dependencias, instalacións e prestación de servicios, serán de aplicación as condicións mínimas esixidas con carácter xeral por esta disposición ós hoteis.

Sección terceira

Moteis

Artigo 52º

1. Son moteis os establecementos situados fóra dos núcleos urbanos e nas proximidades das estradas, nos que se facilita aloxamento para estadías normalmente non superiores a 24 horas, en departamentos que teñen entradas independentes desde o exterior, e están compostos de dormitorio e cuarto de baño ou aseo e con garaxes ou alpendres para automóbiles, contiguos ou próximos a aqueles.

2. Os moteis clasificaranse nas categorías de tres, dúas e unha estrelas.

Artigo 53º

Os departamentos nos que se facilite o aloxamento constituirán unha edificación independente cada un deles, ou integraranse nun ou máis edificios ou bloques, pero neste último caso, cada departamento terá a súa propia entrada desde o exterior, e os edificios ou bloques non excederán de dúas plantas.

Artigo 54º

1. Os moteis disporán, polo menos, das seguintes dependencias e instalacións de uso xeral para os clientes:

a) Vestíbulo debidamente acondicionado para a súa utilización como sala de espera. Nel atoparase a recepción-conserxería, a centraliña telefónica para as chamadas ó exterior e para a comunicación cos departamentos, así como unha cabina telefónica pechada e insonorizada.

b) Garaxes individuais para cada departamento contiguo a estes.

c) Cafetería, con servicio durante as 24 horas do día. As cafeterías dos moteis de tres estrelas deberán reuni-las condicións mínimas esixidas ás cafeterías de primeira categoría pola normativa de ordenación turística de cafeterías; as dos moteis de dúas estrelas as esixidas ás cafeterías de segunda categoría e as dos moteis dunha estrela as esixidas por esa normativa ás cafeterías de terceira categoría.

O servicio de cafetería prestarase nos departamentos durante as 24 horas do día.

d) Comedor, na categoría de 3 estrelas, ó que lle serán de aplicación as disposicións xerais dos establecementos hoteleiros.

e) Non se precisará salón social.

Artigo 55º

1. Os departamentos deberán reuni-los requisitos recollidos no anexo VI deste decreto.

2. O 75% polo menos dos departamentos serán dunha ou dúas prazas, podendo instalarse nos res

tantes tres ou catro camas ou liteiras cando o permita a superficie do dormitorio, para o cal se reservarán 6 m por cada cama individual, 10 m por cada cama dobre e 4 m por cada cama convertible ou liteira.

Artigo 56º

No exterior dos establecementos deberá indicarse a existencia ou non de prazas libres, mediante carteis ou rótulos con caracteres luminosos ou reflectores que permitan a súa lectura sen dificultade desde a estrada, especialmente durante a noite.

Sección cuarta

Hoteis balnearios

Artigo 57º

Considéranse establecementos hoteleiros balnearios os que oferten a utilización de augas termais, declaradas como tales polos órganos competentes, como servicios hídricos de relax ou terapéuticos, ou a prestación de servicios de talasoterapia, xa sexa no propio establecemento ou noutro próximo da mesma localidade co que os teñan concertados.

Artigo 58º

Estes establecementos deberán contar coas seguintes instalacións, equipamento e servicios:

-Sala de lectura.

-Sala de xogos.

-Sala ou salóns para a práctica de exercicios físicos e de recuperación.

-Equipamento médico-sanitario e fisioterapéutico.

-Menú dietético.

Artigo 59º

Respecto á superficie dos salóns sociais esixirase un metro cadrado máis por cuarto nos hoteis de 5, 4 e 3 estrelas e pensións de 3 estrelas, e de 0,50 m máis por cuarto nos restantes establecementos.

Os hoteis de 5, 4 e 3 estrelas deberán contar, ademais, con espacios exteriores de esparexemento vinculados ó propio establecemento.

Sección quinta

Hoteis deportivos

Artigo 60º

Poderán considerarse hoteis deportivos aqueles que conten coas instalacións suficientes para a práctica de alomenos dous deportes, dos que se excluirán a natación e os deportes de mesa.

Artigo 61º

Estes establecementos contarán cos seguintes equipamentos e servicios:

-Monitores para o ensino dos deportes de que se trate.

-Compra ou aluguer do material adecuado para a práctica deportiva.

-Organización de competicións.

-Sauna e sala de masaxe.

-Menú dietético.

Artigo 62º

As cuartos estarán dotados do mobiliario adecuado para garda-los equipos deportivos que en cada caso se precisen.

Sección sexta

Hoteis clubs

Artigo 63º

Son aqueles establecementos vinculados á realización das actividades dos clubs turístico-deportivos.

Sección sétima

Hoteis familiares

Artigo 64º

1. Os establecementos hoteleiros familiares deberán contar coas seguintes instalacións e servicios:

-Xardín, cunha superficie mínima de 2 m por praza aloxativa, cun mínimo de 250 m.

-Parque infantil con aparellos ou instalacións de recreo.

-Sala de televisión.

-Sala de xogos.

-Instalacións deportivas.

-Piscina.

-Servicio de gardería, alomenos durante o día.

-Servicio de animación acorde coa clientela de carácter familiar, cunha programación específica de actividades para nenos.

-Menú infantil.

-Berces gratuítos e obrigatorios.

2. Alomenos un 25% das unidades aloxativas serán apartamentos, os cales estarán compostos das pezas que se especifican no artigo 55º deste decreto.

Sección oitava

Hoteis de cidade

Artigo 65º

Poderán considerarse establecementos hoteleiros de cidade os situados en núcleos urbanos de máis de 50.000 habitantes.

Artigo 66º

Estes establecementos deberán contar coas seguintes instalacións e servicios:

-Servicio de información relativa ó seguinte:

* Horario de medios de transporte.

* Liñas de transportes urbanos.

* Lugares de interese da cidade.

* Restaurantes e especialidades.

-Planos da cidade á disposición do cliente e guía de rúas para consulta.

-Aseguramento destas xestións:

* Cambio de moeda.

* Servicios médicos.

* Servicios de traducción.

-Sala de conferencias.

-Sala de reunións.

-Despachos para utilización dos clientes.

-Servicios ofimáticos, fax, ordenador e conexión INTERNET.

-Servicio de mensaxeiros

O 20% do total dos cuartos poderán ser convertibles durante o día.

Sección novena

Hoteis en praia

Artigo 67º

Poderán considerarse establecementos hoteleiros en praia todos aqueles situados a menos de 500 metros dunha praia de mar.

Esta distancia poderá ser ampliada en determinados casos, nos casos de franxas de litoral con réximes especiais de protección.

Artigo 68º

Estes establecementos deberán contar coas seguintes instalacións:

a) Terraza, alomenos no 25% dos cuartos ou apartamentos, de 4 m como mínimo.

b) Terraza xeral ou xardín, acondicionados para a estadía dos hóspedes e co mobiliario adecuado.

c) Os hoteis desta especialidade poderán reducir en 1,50 m a superficie dos cuartos dobres e 1 m a dos individuais.

Así mesmo, poderán reducir nun 25% as superficies destinadas a salón e zonas comúns, respectando en todo caso as superficies mínimas establecidas.

Sección décima

Hoteis de montaña

Artigo 69º

Poderán considerarse establecementos hoteleiros de montaña todos aqueles situados nunha zona de montaña ou nas proximidades dunha estación de inverno.

Os hoteis de 5 e 4 estrelas deberán estar situados en espacios protexidos por normas de ámbito estatal, autonómico ou local.

Artigo 70º

Respecto á superficie dos salóns sociais esixirase 1 m máis por cuarto nos hoteis de 5, 4 e 3 estrelas

así como nas pensións de 3 estrelas, e de 0,50 m máis nos restantes establecementos.

Artigo 71º

Os cuartos deberán contar co mobiliario necesario para garda-lo equipamento que se precise para a práctica dos deportes da zona.

Artigo 72º

Sen prexuízo da esixencia da porcentaxe de cuartos de uso individual establecida con carácter xeral, estes establecementos poderán ter un 25%, como máximo, de cuartos con liteiras, debendo corresponder, polo menos, 3 m da superficie daquelas para cada liteira.

Artigo 73º

Non será preciso contar con climatización, pero si con calefacción, aínda que se trate de establecementos de tempada.

Artigo 74º

Nestes establecementos existirá un servicio de información referente á práctica de deportes na zona e con monitores para o seu ensino.

Sección décimo primeira

Hoteis de natureza

Artigo 75º

Poderán considerarse establecementos hoteleiros de natureza aqueles situados nun espacio aberto e natural que constitúa un enclave axeitado para a realización de actividades en contacto coa natureza.

Os hoteis de 5 e 4 estrelas deberán estar situados en espacios protexidos por normas de ámbito estatal, autonómico ou local.

Os establecementos hoteleiros de natureza deberán dispor de espacios exteriores de esparexemento.

Artigo 76º

Respecto ás superficies dos salóns sociais, deberán contar con 0,5 m máis que o esixido con carácter xeral, por cuarto, en tódolos grupos e categorías.

Artigo 77º

Os cuartos deberán contar co mobiliario necesario para garda-lo equipamento que se precise para a práctica de deportes de natureza nesa zona.

Artigo 78º

Sen prexuízo da esixencia da porcentaxe de cuartos individuais establecida con carácter xeral, estes establecementos poderán ter un 25%, como máximo, de cuartos con liteira, debendo corresponder, polo menos, 3 m da superficie daquelas para cada liteira.

Artigo 79º

Nestes establecementos existirá un servicio de información referente ás actividades turístico-deportivas que se poidan realizar nesa zona e que estean relacionados co medio natural.

Sección décimo segunda

Hoteis gastronómicos

Artigo 80º

Os establecementos hoteleiros do grupo hoteis poderán obte-la especialidade de gastronómicos sempre que presten os servicios de restauración de acordo cos requisitos que se indican nos seguintes artigos.

Artigo 81º

Estes establecementos deberán prestar servicios de restauración non só ós seus clientes senón ó público en xeral, na forma que se determina neste decreto.

Artigo 82º

Tódolos establecementos, calquera que sexa a súa categoría, deberán presta-los servicios de almorzos, xantares e ceas, e comidas e bebidas nas cuartos.

Os hoteis de 3, 4 e 5 estrelas deberán prestar o servicio de almorzo en mesa (comedor), tipo buffet, con menús alternativos e carta.

Os almorzos en cuarto prestaranse con menús alternativos.

Ademais, prestarán servicio de almorzo rápido en cafetería ou mesa.

Os hoteis de 2 e 1 estrelas deberán prestar o servicio de almorzo en mesa, tipo buffet, e nos cuartos polo menos cun menú continental.

Ademais prestarán un servicio de almorzo rápido en cafetería ou mesa.

Os hoteis de 3, 4 e 5 estrelas deberán presta-los servicios de xantares e ceas mediante os sistemas de carta, buffet e menús.

Ofertarase unha grande variedade de pratos da cociña internacional, nacional e outros típicos da gastronomía galega e máis concretamente da localidade de que se trate.

A oferta de viños será ampla e conterá marcas de recoñecido prestixio a nivel internacional, nacional e galego.

Os hoteis de 2 e 1 estrela deberán presta-los servicios de xantares e ceas mediante os sistemas de carta e menús.

Ofertaranse variedades de pratos de cociña nacional e outros típicos da gastronomía galega e da localidade de que se trate.

Sección décimo terceira

Hoteis de tempada

Artigo 83º

Son establecementos hoteleiros de tempada todos aqueles nos que o seu funcionamento se limita a unha determinada época ou épocas, sempre que a súa duración non exceda en conxunto de sete meses ó ano.

Artigo 84º

Excepcionalmente poderá ser dispensada a instalación de climatización (calor e frío) ou de calefacción naqueles establecementos situados en localidades nas que durante a súa tempada de funcionamento a temperatura ambiente non o requira.

Sección décimo cuarta

Hoteis paradores

Artigo 85º

Son aqueles establecementos hoteleiros pertencentes á Rede de Establecementos Turísticos que, baixo a denominación de paradores, son propiedade do Estado.

Sección décimo quinta

Hoteis pousadas

Artigo 86º

Son aqueles establecementos hoteleiros, que baixo a denominación de pousada, pertencen á Xunta de Galicia ou ás administracións locais cumpren os requisitos establecidos para eles na Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Sección décimo sexta

Hoteis rústicos

Artigo 87º

Son establecementos hoteleiros rústicos os situados en espacios ou núcleos de poboación de natureza rural ou de escasa complexidade urbanística.

Artigo 88º

A tipoloxía das construccións, a súa decoración e equipamentos deberán estar en consonancia coas características do contorno, e responderán á tipicidade propia das edificacións rústicas galegas.

Os materiais empregados no acabameno das fachadas, cubertas e cerramentos de parcelas deberán harmonizar co medio.

Sección décimo sétima

Hoteis monumentos

Artigo 89º

Son aqueles establecementos hoteleiros do grupo hoteis situados en bens de interese cultural declarados, catalogados ou inventariados como tales polo órgano competente da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Estes establecementos poderán utilizar xunto co termo hotel as denominacións propias coas que estivesen declarados ou catalogados.

Sección décimo oitava

Albergues turísticos

Artigo 90º

Poderán considerarse albergues turísticos aqueles establecementos pertencentes ó grupo de pensións

que oferten aloxamento en cuartos colectivos, aínda que tamén puideran dispoñer de cuartos dobres e individuais, e que cumpran os requistos que se determinan a continuación.

Para os efectos do establecido neste artigo, entenderase por cuartos colectivos os que, contando con camas ou literas, dispoñan de máis de dúas prazas.

Artigo 91º

Os albergues turísticos deberán reuni-los requisitos que se recollen no anexo VII do presente decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.

Ós establecementos de que á entrada en vigor deste decreto a administración turística teña constancia documental de que se atopan en construcción, así como ós que estean a tramita-la súa solicitude de apertura e clasificación turística ante as correspondentes delegacións provinciais da consellería competente en materia de turismo, seralles aplicable a normativa sobre ordenación de establecementos hoteleiros vixente con anterioridade.

Segunda.

1. Os establecementos hoteleiros existentes á entrada en vigor deste decreto que conten coa preceptiva autorización turística de apertura e clasificación, así como os mencionados na anterior disposición, que se atopen clasificados nalgún dos grupos ou categorías a que fai referencia este decreto disporán dun prazo máximo de cinco anos para adapta-las súas instalacións e servicios á categoría que exhiban. Para estes efectos terán prioridade na concesión de subvencións que periodicamente puidera anuncia-la consellería competente en materia de turismo.

2. De non realizarse a adaptación mencionada no número anterior, o centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, procederá de oficio, ben por propia iniciativa ou por proposta das correspondentes delegacións provinciais da citada consellería, logo da audiencia ó interesado, a reclasifica-lo establecemento no grupo e categoría que lle corresponda de acordo coas disposicións deste decreto.

3. Non obstante, unha vez rematado ese prazo, para os efectos do mantemento do grupo e categoría en que se atopasen clasificados os establecementos, o centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo poderá concede-las dispensas que razoadamente se soliciten cando os condicionamentos arquitectónicos existentes ou as características especiais dos establecementos dificulten a realización de tales adaptacións, conforme o sinalado no artigo 12º número 5 desta disposición.

Terceira.

1. Os establecementos hoteleiros que á data de entrada en vigor deste decreto se encontren clasificados nalgún grupo, categoría ou modalidade non recollida nel disporán tamén dun prazo de cinco anos para realiza-las adaptacións das súas instalacións e servicios ós novos grupos e categorías establecidos, nos que desexen estar clasificados. Para estes efectos terán prioridade na concesión de subvencións que periodicamente puidera anuncia-la consellería competente en materia de turismo.

2. De non realizarse a adaptación mencionada no número anterior, o centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo procederá de oficio, ben por propia iniciativa ou por proposta das correspondentes delegacións provinciais da devandita consellería, logo da audiencia do interesado, a reclasifica-lo establecemento no grupo e categoría que lle corresponda de acordo coas disposicións deste decreto.

3. Non obstante, unha vez rematado ese prazo, para os efectos da reclasificación establecida nesta disposición terceira nos novos grupos e categorías, o centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo poderá concede-las dispensas que razoadamente se soliciten cando os condicionamentos arquitectónicos existentes ou as características especiais dos establecementos dificulten a realización de tales adaptacións.

Cuarta.

Entrementres non entre en vigor a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, as solicitudes que se reciban deberán tramitarse, para os efectos da taxa unicamente, como se fosen solicitudes presentadas para a apertura e clasificación de establecementos hoteleiros segundo os grupos establecidos na Orde do 19 de xullo de 1968 (BOE do 7 de agosto, número 189).

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro competente en materia de turismo para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo