Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Xoves, 28 de outubro de 1999 Páx. 12.708

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 273/1999, do 21 de outubro, polo que se modifican os prezos do Diario Oficial de Galicia.

O Diario Oficial de Galicia, órgano oficial de difusión e expresión da actividade administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia, vén publicándose ininterrompidamente desde 1982.

En 1998, por Decreto 336/1998, produciuse o último incremento nos prezos da subscrición e da inserción de anuncios, pero razóns tales como un mellor axuste nos seus custos, así como o aumento do IPC fan aconsellable proceder a un novo incremento dos prezos.

Na súa virtude, e de acordo co artigo 12 da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública tralo informe favorable da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinteún de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. O prezo da subscrición anual en papel ó Diario Oficial de Galicia establécese en 42.600 pesetas. Neste prezo inclúense os CD-ROM correspondentes ó mesmo período, sempre que o subscritor así o solicite ó formaliza-la subscrición.

2. O prezo de venda do exemplar en papel do Diario Oficial de Galicia fíxase en 205 pesetas.

3. O prezo anual da subscrición por internet fíxase en 47.516 pesetas. Neste prezo inclúense tamén os CD-ROM correspondentes ó mesmo período, sempre que o subscritor así o solicite ó formaliza-la subscrición. Rematado este período o subscritor continuará con dereito de acceso ós exemplares pagados sempre que permaneza como tal.

4. O prezo do acceso por internet ós DOG correspondentes ó período comprendido entre o 11 de outubro de 1995 e o 31 de decembro de 1999 fíxase en 60.000 pesetas. Este dereito de acceso, que require a subscrición ó ano que corre, ten vixencia mentres o interesado continúe como subscritor.

5. O prezo dos CD-ROM correspondentes ó ano 2000 fíxase en 15.000 pesetas.

6. O prezo dos CD-ROM correspondentes ós anos 1996, 1997, 1998 e 1999 fíxase en 15.000 pesetas cada anualidade.

Artigo 2º

1. O prezo dos anuncios no Diario Oficial de Galicia fíxase para cada liña en columna de 18 cíceros (54 espacios) en:

a) Procedemento ordinario: 566 pesetas.

b) Procedemento urxente: 1.132 pesetas.

2. Os prezos establecidos no artigo anterior e neste entenderanse, se é o caso, co IVE incluído.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os prezos establecidos no presente decreto entrarán en vigor o día 1 de xaneiro de 2000.

Segunda.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, vinteún de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública