Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Xoves, 28 de outubro de 1999 Páx. 12.711

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 274/1999, do 21 de outubro, polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais das Illas Atlánticas.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, establece a necesidade de adecua-la xestión dos espacios naturais e das especies que se deben protexer ós seus principios inspiradores, para o que se fai preciso a posta en vigor dun instrumento de planificación dos recursos naturais que permita acada-los obxectivos de conservación do ecosistema e harmonice os distintos intereses implicados no uso sostido e desfrute público destes espacios.

O artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espacios naturais e das especies e elementos singulares de fauna, flora e xea de Galicia que polo seu valor e interese científico, paisaxístico, cultural ou histórico requiran unha especial atención.

Ante a necesidade de xeneralizar este enfoque preventivo co fin de harmoniza-las actividades económicas e o ambiente no espacio dos arquipélagos das illas Cíes, Ons e Sálvora, procédese á redacción do Plan de Ordenación de Recursos Naturais.

A declaración deste territorio como futuro espacio protexido ten por obxecto conserva-la integridade dos ecosistemas incluídos dentro dos límites, que cons

titúen unha representación significativa dos sistemas naturais e seminaturais asociados á vexetación de acantilados e os procesos xeodinámicos mariños (sistemas dunares), así como dos elementos físicos e biolóxicos que os caracterizan. Así mesmo, ten como obxectivo contribuír á protección, recuperación, fomento e difusión dos valores culturais e antropolóxicos que conforman a historia deste espacio natural, permitindo o coñecemento e desfrute dos principais valores e asegurando, sempre de xeito compatible coa súa conservación, tanto a actividade investigadora e educativa como o simple acceso dos visitantes. Finalmente, a declaración deste espacio protexido promoverá o desenvolvemento social, económico e cultural sostible para as persoas e comunidades asociadas ó seu ámbito territorial e área de influencia, garantindo a súa participación en todo o proceso. Deste xeito achegaríase ó patrimonio nacional, europeo e mundial unha mostra representativa dos ecosistemas insulares de

acantilados e de dinámica dunar dos arquipélagos galegos das Cíes, Ons e Sálvora e o seu legado natural e cultural, co que se podería participar nos programas nacionais e internacionais de conservación da biodiversidade.

Co propósito de cumpri-los obxectivos reflectidos no artigo 4.3º da Lei 4/1989, do 27 de marzo, e ante a necesidade de xeneralizar un enfoque preventivo no tratamento da problemática ambiental no que se refire ó proceso xeral de toma de decisións económicas e á integración das esixencias ambientais na planificación dos espacios naturais segundo a política ambiental comunitaria, procedeuse á elaboración deste Plan de Ordenación dos Recursos Naturais a partir da información obtida do inventario elaborado para este fin sobre estes arquipélagos.

O PORN elaborado pola Consellería de Medio Ambiente respecta os obxectivos e contidos que recolle o artigo 4 da Lei 4/1989. Así, delimita e describe o ámbito territorial, define o estado de conservación dos recursos e ecosistemas, especifica as distintas zonas existentes no espacio e determina as limitacións para cada unha delas, concreta as actividades que requiren un réxime de avaliación e establece recomendacións básicas para a xestión. Como anexo a este decreto figuran as principais prescricións do PORN.

O procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) das Illas Atlánticas inclúe, entre outros, os trámites de audiencia ós interesados, información pública mediante publicación no DOG e consulta dos intereses sociais.

Por estas razóns, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo lº

De acordo co establecido no título segundo da Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, apróbase o Plan

de Ordenación dos Recursos Naturais das Illas Atlánticas como instrumento de ordenación dos seus recursos naturais, que figura como anexo a este decreto, e que inclúe o xa declarado Parque Natural das Illas Cíes e os arquipélagos de Ons e Sálvora, coas súas augas adxacentes.

Artigo 2º

No referente ós usos e actividades que se poden levar a cabo dentro dos límites do espacio natural haberá que aterse ó disposto no Plan de Ordenación dos Recursos Naturais das Illas Atlánticas, á normativa vixente en materia de conservación da natureza, así como ó resto das disposicións existentes.

Artigo 3º

O outorgamento das autorizacións previstas neste decreto corresponderalle ó órgano competente por razón da materia, logo de informe preceptivo da Consellería de Medio Ambiente. No Parque Natural das Illas Cíes, o citado informe deberá ser emitido pola xunta rectora do dito parque.

Disposición transitoria

A teor do disposto no artigo 5 da Lei 4/1989, do 27 de marzo, este Plan de Ordenación dos Recursos Naturais prevalece sobre calquera ordenación territorial ou física, que deberá adaptarse a aquel no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ó da publicación deste decreto.

Disposición derrogatoria

Derrógase o Decreto 156/1998, do 28 de maio (DOG nº 107, do 5 de xuño), polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural das Illas Cíes, en todo o que se opoña ou contradiga o contido deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para desenvolver este decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO

Índice

1. Delimitación do ámbito territorial.

2. Definición do estado de conservación, diagnóstico e evolución dos valores naturais.

2.1. Ecosistemas.

2.2. Paisaxes.

2.3. Elementos singulares.

2.4. Evolución.

3. Limitacións de usos e especificacións de zonas.

3.1. Limitacións xerais.

3.2. Limitacións específicas e criterios de zonificación.

4. Réximes de protección que hai que aplicar.

5. Actividades, obras e instalacións suxeitas a avaliación de impacto ambiental.

6. Criterios de referencia orientadores das políticas sectoriais que inciden no ámbito do espacio obxecto do PORN.

6.1. Actividades pesqueiras e marisqueiras.

6.2. Actividades agrícolas e gandeiras.

6.3. Edificacións e infraestructuras.

6.4. Actividades turísticas e recreativas.

6.5. Actividades da poboación residente.

6.6. Actividades educativas e culturais.

6.7. Actividades científicas.

7. Liñas básicas de xestión.

7.1. Xestión para a conservación da natureza.

7.2. Xestión do uso público.

1. Delimitación do ámbito territorial.

Este Plan de Ordenación dos Recursos Naturais é de aplicación nos arquipélagos galegos das Cíes, Ons e Sálvora, e abrangue en cada un dos casos o arquipélago e o seu contorno marítimo definido ata a isobata 10 m, tanto no dominio autonómico como estatal.

Para estes efectos considérase ámbito territorial os arquipélagos das illas Cíes, Ons e Sálvora. Á súa vez o ámbito territorial de cada un dos devanditos arquipélagos é o seguinte:

-Arquipélago das illas Cíes: o espacio marítimo-terrestre limitado polas isobatas de 10 metros que rodean as illas de Monte Faro, Monteagudo e San Martiño, e illotes adxacentes. Atópase localizado na entrada da ría de Vigo, e abrangue unha superficie de 1.000,80 ha das que 446,35 ha corresponden á área emerxida. Pertence ó concello de Vigo.

-Arquipélago das illas Ons: o espacio marítimo-terrestre limitado polas isobatas de 10 metros que rodean as illas de Ons e de Onza, e illotes adxacentes. Atópase localizado na entrada da ría de Pontevedra, e abrangue unha superficie de 989,80 ha, das que 445,88 ha corresponden á área emerxida. Pertence ó concello de Bueu.

-Arquipélago das illas Sálvora: o espacio marítimo-terrestre limitado polas isobatas de 10 metros que rodean as illas e illotes adxacentes. Atópase localizado na parte occidental da ría de Arousa, e abrangue unha superficie de 781,67 ha, das que 242,86 ha corresponden á área emerxida. Pertence ó concello de Ribeira.

Para definir xeograficamente o ámbito obxecto deste plan, establecéronse dous límites, un terrestre e outro do contorno marítimo afectado, para cada arquipélago. Cada un destes límites referenciouse, tanto en coordenadas UTM como en xeográficas, indicando as esquinas SO e NE do rectángulo que encadra o perímetro deste, tal e como se indica a continuación:

Arquipélago de Sálvora.

Límite terrestre:

NE 500744,50 UTM X/4705658,21 UTM Y

42º 30' 9,11'' Lat./8º 59' 27,38' Lonx.

SO 498137,36 UTM X/4701353,89 UTM Y

42º 27' 49,56'' Lat./9º 1' 21,56'' Lonx.

Límite marítimo:

NE 500900,53 UTM X/4706238, 02 UTM Y

42º 30' 27,91'' Lat./8º 59' 20,54'' Lonx.

SO 497524,81 UTM X/4700801,76 UTM Y

42º 27' 31,65'' Lat./9º 1' 48,37'' Lonx.

Arquipélago de Ons.

Límite terrestre:

NE 506714,17 UTM X/4694619,48 UTM Y

42º 24' 11,13'' Lat./8º 55' 6,29'' Lonx.

SO 504249,70 UTM X/468747,62 UTM Y

42º 20' 31,64'' Lat./8º 56' 54,28'' Lonx.

Límite marítimo:

NE 507106,95 UTM X/4694794,73 UTM Y

42º 24' 16,80'' Lat./8º 54' 49,10'' Lonx.

SO 503653,36 UTM X/4687621,65 UTM Y

42º 20' 24,33'' Lat./8º 57' 20,35'' Lonx.

Arquipélago de Cíes.

Límite terrestre:

NE 509279,35 UTM X/4677907,03 UTM Y

42º 15' 9,20'' Lat./8º 53' 15,05'' Lonx.

SO 506813,51 UTM X/4669678,42 UTM Y

42º 10' 42,50'' Lat./8º 55' 3,01'' Lonx.

Límite marítimo:

NE 509926,76 UTM X/4678242,59 UTM Y

42º 15' 20,05'' Lat./8º 52' 46,78'' Lonx.

SO 506509,57 UTM X/4669513,58 UTM Y

42º 10' 37,17'' Lat./8º 55' 16,26'' Lonx.

2. Definición do estado de conservación, diagnóstico e evolución dos valores naturais.

2.1. Ecosistemas.

Terrestres.

Nas illas Cíes e Ons a vexetación potencial atópase en estadios intermedios de evolución, debido, sobre todo, á deforestación, ós reiterados incendios e, en menor medida, á plantación de piñeiros

e eucaliptos, que ocupan unha superficie importante das illas, atopándose nas áreas nas que se podería asenta-lo bosque potencialmente climax de Rusco aculeati-Quercetum roboris, que é unha asociación de alto interese ambiental.

Un dos riscos que comporta a biomasa existente, xunto coas abundantes formacións de urceira-toxeira de Cíes e Ons, é o de incendio. A elevada xericidade do clima das illas, a constancia e intensidade do vento e a natureza pirófita das formacións de matogueira, fan do lume unha das ameazas máis graves neste territorio.

Outro dos problemas ambientais que sofre a vexetación son os procesos de colonización por parte de plantas alóctonas de carácter invasivo. Nos pasteiros anuais das dunas a presencia de Arctoheca calendula (L) Levyns supón un risco que hai que ter en conta, xa que acada grandes coberturas e pode ser moi negativa para outras especies de terófitas dunares e de praia. O caso da Acacia melanoxylon é tamén grave, xa que aparece en calquera área ou ambiente e que forma bosquetes de pequeno porte e cobertura do cen por cento, que imposibilitan a supervivencia de calquera outra especie vascular, polo que o seu efecto é devastador. Presenta un crecemento moi rápido e un comportamento moi invasivo, polo que resulta especialmente preocupante o proceso de colonización da duna detectado no complexo dunar de Figueiras-Muxieiro. A acacia xa supón hoxe en día un dos maiores problemas nos complexos dunares de Portugal e avanza cara a este complexo de enorme valor desde o punto de vista botánico.

Os efectos máis notorios sobre a vexetación en Cíes e Ons son debidos ás pisadas e por iso resultan especialmente afectadas as plantas de praia e duna, prexudicando de xeito preocupante o cordón dunar de Rodas e o complexo Figueiras-Muxieiro. Este último, xunto co areal de Nosa Señora, constitúen dous dos valores máis sobresaíntes das illas, xa que a súa estructura orixinal e as súas formacións vexetais atópanse en bo estado de conservación e posúen unha serie de plantas de indubidable valor como Corema album (camariña) e Armeria pungens. A vexetación de acantilado tamén é sensible ás pisadas, nembargantes, a súa inaccesibilidade xeral non fai prever un dano importante das visitas sobre ela. Por último cabe destaca-las distintas comunidades presentes na Lagoa dos Nenos, único lugar desta natureza en todo o ámbito deste PORN.

Por outra banda, non hai que esquecer que no ámbito deste estudio existen especies de flora e fauna dun grande interese. Unha axeitada xestión aseguraría a conservación destes espacios.

A Directiva Hábitats (Directiva do Consello da Unión Europea 92/43/CEE do 21 de maio de 1992, sobre a conservación dos hábitats naturais e a flora e fauna salvaxe) transposta á lexislación española por medio do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación

dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, dá protección a certos hábitats, entre os que atopamos nas illas os seguintes:

Vexetación anual pioneira sobre refugallos mariños acumulados (Cod. 1210 da Rede Natura 2000).

Acantilados con vexetación das costas atlánticas e bálticas (Cod. 1230 da Rede Natura 2000).

Pasteiros salinos atlánticos (Glauco-puccinelletalia maritimae) (Cod. 1330 da Rede Natura 2000).

Dunas móbiles con vexetación embrionaria (Cod. 2110 da Rede Natura 2000).

Dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria (dunas brancas) (Cod. 2120 da Rede Natura 2000).

Dunas fixas con vexetación herbácea (dunas grises) (Cod. 2130 da Rede Natura 2000).

Urceiras húmidas atlánticas meridionais de Erica ciliaris y Erica tetralix (Cod. 4030 da Rede Natura 2000).

Todos eles son prioritarios segundo o Real decreto 1997/1995, do 7 decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats e da fauna e flora silvestres.

Mariños

O estado de conservación dos ecosistemas mariños considérase en xeral bo, sen embargo o equilibrio natural pode verse afectado en maior medida na época de verán, cando existe un factor de risco baseado nos contaminantes orgánicos procedentes do turismo ocasional e as pisadas, sobre todo nos casos de Cíes e Ons.

Por outra banda, ó estaren en primeira liña de costa, son susceptibles de sufrir contaminación por hidrocarburos procedentes de accidentes ou ben do baleirado e limpeza dos tanques; sobre estas prácticas non existe un control efectivo. A isto hai que engadir un risco potencial de contaminación difusa procedente da ría, a sobreexplotación de recursos, o uso de artes e técnicas de pesca ilegais daniñas para o medio mariño, a falta de protección do patrimonio arqueolóxico e o descoñecemento da potencialidade de novos recursos mariños, como algunhas especies de algas, peneiras, vermes anélidos poliquetos, etc. Nalgúns casos os recursos foron sobreexplotados, pero cunha xestión axeitada son recuperables.

A fauna e flora mariña, que se atopa en aceptable estado de conservación, constitúen un motivo singular de interese, así como a pluralidade de substratos e graos de exposición que xeran múltiples hábitats distintos en curtos tramos de costa. Son áreas propensas á compatibilización de usos: pesqueiro, marisqueiro, deportivo e turístico, así como de actuacións potenciadoras das ditas actividades. En Sálvora, o estado de conservación vese favorecido pola vixilancia das confrarías, aínda que continúa a deterioración debido ó uso de artes de pesca e marisqueo ilegais daniñas e ós contaminantes do tráfico marítimo traídos polas correntes. A prohibición da pesca subma

rina frea do mesmo xeito a deterioración das illas. Todo isto indica que unha xestión axeitada aseguraría a conservación destes espacios.

Na Directiva Hábitats establécense medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, entre os cales atopamos nas illas os seguintes:

Arrecifes (Cod. 1170 da Rede Natura 2000).

Bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña pouco profundos (Cod. 1110 da Rede Natura 2000).

Lagoas (Cod. 1150 da Rede Natura 2000).

2.2. Paisaxes.

Atopamos en tódalas illas moitos puntos de elevada calidade paisaxística, tanto na costa coma no interior (vistas das rías ou das illas veciñas, imaxes mariñas de rompentes, furnas ou solpores, rochedos de granito modelado pola erosión, etc.).

Os únicos impactos correspóndense coas illas máis humanizadas, como son a de Monteagudo e Santo Estevo no arquipélago de Cíes, e a illa de Ons; as demais illas non posúen actividades que danen en exceso o medio, unicamente cabe menciona-los obrigados faros, algún pequeno peirao, ou as construccións particulares de Sálvora. A illa de San Martiño é a menos humanizada do arquipélago de Cíes, xa que presenta na súa cara oeste abruptos cantís de grande beleza, e na illa do Faro (Santo Estevo) atópanse os cantís mais escarpados.

Ons e Cíes comparten atractivo turístico, e así hoxe atopámonos con restaurantes, un cámping, ou incluso un monolito de excesiva dimensión, estando as demais construccións máis adaptadas ó contorno. As illas débense considerar como un recurso en si mesmo que, desde o punto de vista paisaxístico de fraxilidade alta ou media segundo a súa situación e perspectiva, debe permanecer invariable, conservando os seus atributos naturais, contrarrestando os impactos hoxe presentes e freando actuacións equívocas cunha xestión axeitada que conduzan a un mellor entendemento do medio por parte de todos.

As paisaxes submarinas, como a franxa infralitoral que circunda as Cíes, son tamén moi interesantes e, en xeral, as caras occidentais ou oceánicas de tódalas illas, con paredes verticais, baixos, furnas e especies de grande interese que os fan ideais para as actividades subacuáticas.

2.3. Elementos singulares.

a) Medio mariño.

O medio mariño caracterízase pola claridade das augas e as temperaturas medianamente frías, cunha lixeira influencia cálida achegada pola corrente do Golfo, e cunha homoxeneidade vertical en inverno (13-16ºC) e unha estratificación en verán (12-18ºC) polo gradiente térmico producido polo quecemento das capas superiores. A salinidade media oscila entre un 33 e un 36 por mil, valores que varían segundo

as achegas fluviais, os afloramentos de nutrientes e a temperatura. A amplitude da marea chega ós 4 m, alternando unha preamar cunha baixamar cada 6 horas e 12 minutos. Debido ó fenómeno chamado afloramento, prodúcese un descenso de auga superficial, que provoca que as augas frías do fondo, ricas en nutrientes, saian á superficie, que constitúen sistemas de grande riqueza. A protección destas formacións fronte ós impactos producidos polo fondeo e a acumulación de refugallos favorecerá a súa protección e con iso a conservación das máis de 200 especies de algas, os numerosos invertebrados asociados, así como da gran cantidade de peixes que se alimentan ou refuxian nelas. Algunhas destas especies atópanse catalogadas como vulnerables (30) e raras (máis de 10). Isto fai que toda a cadea trófica de especies do medio emerxido que se levanta a partir de aquí sexa tamén de grande importancia.

Así, identificáronse 33 especies de algas verdes, 122 de algas Vermellas, e 56 de algas pardas, con presencia de fanerógamas mariñas, respecto á flora, e 25 especies de poríferos, 18 de cnidarios, 8 de anélidos, 51 de moluscos, 27 de crustáceos, 21 de equinodermos, 11 de asciadiáceos e 3 de briozoos respecto á fauna. Tamén se documentaron pola zona 2 especies de tartarugas, 4 de golfiños, un golfiño de cabeza grande, unha marsopa, una foca gris e unha balea sen identificar. A reducción da navegación é imprescindible para a recolonización deste enclave.

b) Medio terrestre.

Corresponde a un clima entre mediterráneo húmido e oceánico, con temperaturas medias entre 12 e 16ºC, precipitacións entre 900 e 1.600 mm, e cun déficit de aridez de Martonne entre 40 e 80 (illas sureñas e norteñas respectivamente). Os ventos dominantes son do primeiro cadrante. A litoloxía dominante altérnase entre o dominio esquistoso (micaesquistos e cuarzoesquistos), o granítico e o gnéisico. Trala oroxenia alpina do terciario, que provoca a aparición dos bloques en dirección N-S e N-E, e coa inundación polo mar das partes baixas da costas trala última glaciación, fórmanse as rías e as illas. As costas son moi irregulares e abruptas, con numerosos acantilados e depósitos areosos. A case totalidade das unidades edáficas están alteradas pola ocupación histórica das illas, coa excepción dos acantilados polo seu carácter inaccesible: aínda así, é factible a súa recuperación.

En canto á flora, os arquipélagos que se consideran neste decreto están todos enclavados dentro do sector galaico-portugués, da provincia cántabro-atlántica, pertencente á superprovincia atlántica da rexión eurosiberiana. Coñécense nos arquipélagos 412 especies, cun forte compoñente mediterráneo. Cabe indica-la existencia de 55 endemismos. En xeral, no conxunto das illas hai presencia de numerosas especies de interese por ser de área máis ou menos reducida ou polo feito de ser na súa maior parte plantas propias dos ambientes máis característicos das illas: os acantilados e, sobre todo, as praias e dunas con algún caso de marisma-lagoa.

Polo que respecta á fauna, contabilizouse a presencia dun total de 150 especies de vertebrados pertencentes ás clases anfibios (5 especies), réptiles (9 especies), aves (124 especies) e mamíferos (12 especies). Ademais citáronse nas illas atlánticas 63 invertebrados protexidos en convenios internacionais pertencentes ós Phylum Cnidarios (2), Nermetea (1), moluscos (6), anélidos (1), equinodermos (2), artrópodos (51), e destes últimos 2 arácnidos, 1 decápodo, 7 odonatos, 2 ortópteros, 1 mantodeo, 2 neurópteros, 10 coleópteros, 1 díptero, 23 lepidópteros, 2 himenópteros.

2.4. Evolución.

O control dos impactos producidos polas actividades humanas mediante e regulación e mesmo a supresión dalgunhas delas permitiría a recuperación dos sistemas terrestres e mariños e a conservación das paisaxes.

3. Limitacións de usos e especificacións de zonas.

3.1. Limitacións xerais.

Serán de aplicación as limitacións que se establecen tanto na lexislación de Galicia coma na básica do Estado. En relación cos espacios naturais xa declarados como protexidos serán tamén de aplicación as limitacións que establecen os seus respectivos instrumentos de planificación.

Con carácter xeral e en todo o ámbito territorial do futuro espacio protexido establécense os seguintes criterios de limitación de actividades, de cara a favorece-la evolución e rexeneración natural dos recursos, ecosistemas e paisaxes:

a) Xea:

-Non estará permitida ningunha actividade que deteriore os valores xeolóxicos e xeomorfolóxicos do espacio, tales como a extracción de area dos fondos mariños e das praias, así como a extracción, recollida, ruptura ou recolección de minerais, estructuras xeomorfolóxicas, restos arqueolóxicos ou outros elementos xeolóxicos singulares.

-Non estará permitida ningunha actividade que poida supoñe-la degradación dos solos.

b) Auga:

-Queda prohibida a eliminación de calquera brote natural do territorio considerado, e a deterioración da calidade da auga dos acuíferos.

-Non se permitirá a sobreexplotación da auga, así como calquera tipo de contaminación desta, incluída a derivada da actividade agropecuaria, vertedoiros, augas residuais ou calquera outra actividade.

-Non se poderá realizar ningunha actividade que supoña a contaminación das praias, marismas e, en xeral, das augas mariñas.

c) Flora:

-Evitarase, dentro do ámbito do futuro espacio protexido, a explotación directa da vexetación natural, especialmente a recollida de exemplares ou das súas partes, excepto a necesaria para a xestión do espacio protexido e o autorizado segundo a regulación de usos de leñas do presente plan.

-Limitarase a intervención humana nas comunidades vexetais para permiti-la súa evolución espontánea e para dispoñer de comunidades modelo para o estudio dos procesos ecolóxicos ligados a elas.

-Prohíbese a introducción de especies vexetais alóctonas.

d) Fauna:

-Agás por necesidades de xestión, e coa excepción da actividade pesqueira e marisqueira autorizada, prohíbese matar, danar, perturbar ou inqueda-los animais silvestres, incluíndo a súa captura en vivo e a recollida dos seus ovos ou crías, así como altera-la súa reproducción. Non se poderán realizar actividades cinexéticas nin de pesca deportiva.

-Non se permitirá a introducción de maneira asilvestrada de animais domésticos ou exóticos.

3.2. Limitacións específicas e criterios de zonificación.

Entre os valores naturais e culturais presentes no espacio obxecto deste PORN, de acordo coas particularidades mencionadas nas alíneas anteriores, existen recursos, ecosistemas e paisaxes que merecen, polo seu valor, singularidade e fraxilidade, unha especial protección, que esixirá certas limitacións de uso segundo as zonas determinadas polo Plan Rector de Uso e Xestión.

Non obstante establécense uns criterios básicos e unha zonificación preliminar baseados no inventario do presente PORN que poida servir como orientación ata o momento en que se establezan de forma definitiva no correspondente Plan Rector de Uso e Xestión.

3.2.1. Criterios de zonificación para o medio mariño.

-Zonas de hábitats naturais de interese comunitario Natura 2000.

-Zonas con presencia de especies catalogadas (en perigo de extinción, vulnerable, rara, indeterminada, pouco coñecida ou endémica).

-Zonas de interese xeolóxico e xeomorfolóxico.

-Zonas con paisaxes de alta calidade intrínseca.

-Áreas mariñas que poidan actuar como zonas de rexeneración, reproducción e cría de especies mariñas.

-Áreas de distribución de comunidades bentónicas de grande fraxilidade e en especial as de coralíxeno. Fondos de Mäerl. Presencia de briozoos como Pentapora foliacea, cnidarios como Lophogorgia sp. e Eunicella verrucosa, poliquetos como Salmacina incrustans e asteriodeos como Stichastrella rosea.

-Zonas de paredes verticais con fendas e de grande riqueza e diversidade específica.

-Áreas de distribución natural de fanerógamas, en especial de Zostera marina e Zostera noltii.

-Cavidades submarinas con fauna de especial relevancia.

-Zonas con recursos naturais pesqueiros e marisqueiros de grande interese.

-Zonas de interese arqueolóxico-histórico e cultural.

3.2.2. Criterios de zonificación para o medio terrestre.

-Zonas de hábitats naturais de interese comunitario Natura 2000.

-Zonas con formacións xeolóxicas ou xeomorfolóxicas singulares.

-Áreas de nidificación de aves mariñas e rapaces de especial interese.

-Zonas de alimentación e de refuxio de aves catalogadas.

-Zonas con presencia de especies de mamíferos, anfíbios e réptiles catalogados.

-Zonas con presencia de invertebrados protexidos por convenios internacionais.

-Zonas de elevada concentración de especies vexetais endémicas ibéricas, do NO peninsular, de límite de distribución, protexidas ou escasas.

-Áreas de distribución de especies e comunidades vexetais singulares no ámbito do espacio obxecto deste PORN, como as formacións vexetais de acantilado, de praias e dunas, e de marisma.

3.2.3. Orientación para a zonificación.

As delimitacións zonais que se van establecer en función dos criterios do Plan de Ordenación de Recursos Naturais (PORN) non deben impedi-la revisións futuras dos ámbitos abarcados.

O PORN é un documento marco de análise e orientación, en función do cal se debe realizar unha planificación que rexa a xestión e o uso do territorio implicado mediante o PRUX.

De xeito estimativo defínense unhas liñas xerais para a futura zonificación do PRUX A zonificación en detalle débese imbricar no contexto da análise da base de datos confeccionada no PORN, aplicando os criterios das recomendacións sinaladas na súa normativa e considerando o estado real das variables analizadas no momento de deseña-la zonificación. Este procedemento facilita a consideración da evolución do sistema e a actualización dos datos do inventario, e aplícase un método dinámico de xestión, máis acorde coa realidade que nos atopamos no medio natural. Deste xeito poderá declararse unha nova zona de reserva se unha especie protexida aniña nunha área descoñecida ata ese momento nos inventarios realizados, ou derrogar unha declaración de área de uso especial porque existise un incendio.

En función da calidade e fraxilidade dos recursos ambientais inventariados clasifícase de xeito provisional o territorio considerado nas seguintes categorías ou tipos de zonas:

* Zona de edificacións existentes: integrada polos núcleos de poboación e as áreas colindantes directamente relacionadas con eles.

* Zona de uso especial: ocupadas por infraestructuras e instalacións permanentes dedicadas á xestión do parque.

* Zona de uso moderado: na que o mantemento das actividades tradicionais e o desenvolvemento do uso público dentro dos límites son compatibles coa conservación dos valores ambientais existentes nela.

* Zona de uso restrinxido: onde o acceso e desprazamentos dos visitantes estarán permitidos, aínda que sometidos a certas limitacións, e poderán desenvolverse usos tradicionais con restriccións específicas.

* Zona de reserva: na que non se permitirá, con carácter xeral, o acceso dos visitantes e as actuacións e usos limitaranse ás directamente vinculadas á investigación, seguimento e recuperación dos seus valores ambientais.

A distribución da superficie das illas atlánticas en zonas e por arquipélagos pode observarse nas seguintes táboas de superficies (en ha).

Nos mapas adxuntos reflíctese a distribución territorial das distintas zonas propostas.

4. Réximes de protección que se aplicarán.

Son de aplicación, no grao máximo, as medidas de protección dos espacios naturais establecidas no título III da Lei 4/1989, modificada pola Lei 41/1997 como sistema ligado a zonas costeiras e plataforma continental con algún caso de zona húmida con influencia mariña da rexión eurosiberiana, e son tamén de aplicación as disposicións para a conservación da flora e a fauna silvestre previstas no título IV da Lei 4/1989.

5. Actividades, obras e instalacións suxeitas a avaliación de impacto ambiental.

No ámbito do futuro espacio protexido non poderán realizarse actividades das suxeitas a avaliación de impacto ambiental previstas na lexislación vixente estatal e autonómica e considerarase en todo momento a normativa máis restrictiva, agás as estrictamente necesarias para a xestión do espacio natural protexido, que irán precedidas dunha análise sobre as súas posibles incidencias ambientais.

6. Criterios de referencia orientadores das políticas sectoriais que inciden no ámbito do espacio obxecto do PORN.

6.1. Actividades pesqueiras e marisqueiras.

A finalidade dos criterios orientadores que se aplicarán será a de conserva-los ecosistemas e as súas poboacións mediante o permiso, como única explotación dos recursos naturais mariños, da pesca e o marisqueo artesanal tradicional de carácter profesional, polo que queda prohibido calquera outro tipo de pesca.

Obxectivos.

-Propoñer unha actividade pesqueira e marisqueira artesanal, tradicional e profesional dentro dos límites do futuro espacio protexido, de xeito que non poña en perigo as especies, comunidades, ecosistemas e paisaxes presentes.

-Ordena-la actividade dos mencionados profesionais que tradicionalmente faenaron na zona do futuro espacio protexido para que non se produzan diminucións no rendemento ó levaren a cabo as mencionadas actividades.

Criterios orientadores.

-Definiranse as artes e aparellos de pesca e marisqueo profesional considerados artesanais e tradicionais e, polo tanto, permitidos dentro dos límites deste espacio.

-Establecerase, de acordo coa Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, un máximo de unidades de pesca e marisqueo por artes, épocas e zonas, que simultanemente poidan operar nos límites do espacio protexido a partir da información dispoñible acerca da actividade en anos precedentes.

-Establecerase un sistema de concesión de permisos de pesca e marisqueo na área do futuro espacio protexido, ós que soamente poderán opta-las embarcacións de pesca e os mariscadores incluídos no censo, e suprimiranse as actividades pesqueiras e marisqueiras das flotas sen regularidade probada na zona.

-Estableceranse zonas de rexeneración ou reserva onde se prohibirán ou limitarán a pesca e o marisqueo durante determinados períodos co fin de asegura-la repoboación e o mantemento das poboacións mariñas; neste sentido poderanse establecer vedas estacionais ou zonas para un determinado tipo de embarcacións, artes, aparellos ou especies.

-Para velar pola protección dos recursos pesqueiros e marisqueiros realizarase un seguimento estatístico detallado, en colaboración coas administracións pesqueiras, da actividade pesqueira e marisqueira dentro do espacio protexido, así como da evolución dos ecosistemas mariños e da incidencia da pesca profesional sobre eles. A Administración establecerá medidas específicas encamiñadas a favorece-la conservación de áreas mariñas próximas ó futuro parque. Así mesmo, tomaranse as medidas necesarias para a erradicación do furtivismo e para asegura-lo cumprimento

da normativa de pesca vixente e a que se estableza para o futuro espacio protexido.

-O Plan Rector de Uso e Xestión determinará o sistema que se seguirá para establecer con carácter específico unha regulación das actividades pesqueiras e marisqueiras que permita acada-los obxectivos establecidos no presente Plan de Ordenación dos Recursos Naturais.

6.2. Actividades agrícolas e gandeiras.

Obxectivos.

-A conservación e mellora xunto cun desenvolvemento ordenado das actividades tradicionais é un obxectivo prioritario para acadar, por unha banda, a conservación dinámica da mencionada paisaxe e, por outra, o mantemento dos usos tradicionais tratando de vincula-la á poboación rural á conservación dos recursos naturais, co obxecto de xerar unha mellor calidade de vida dos habitantes.

Criterios orientadores.

-A superficie agrícola das illas que actualmente posúan aproveitamentos desta natureza non poderá aumentarse, salvo autorización expresa do organismo de xestión competente deste espacio.

-As actividades agrícolas serán de tipo tradicional ou biolóxico, evitarase o uso de biocidas e fertilizantes que poidan afecta-los ecosistemas do espacio natural.

-As actividades gandeiras regularanse no marco dun consumo local ou do aproveitamento ou reciclaxe de residuos orgánicos.

-O gando deberá manterse estabulado ou cercado, de xeito que non teña acceso ás comunidades vexetais naturais e non interfira nos ecosistemas do futuro espacio protexido.

6.3. Edificacións e infraestructuras.

Obxectivos.

-Pola incidencia que estas actuacións poden ter sobre o medio e a conservación dos valores naturais e culturais da zona prestarase especial atención á eliminación dos impactos producidos polas infraestructuras actuais e faranse as pertinentes avaliacións ambientais en función da actividade, para que os proxectos de novas actuacións sexan ambientalmente admisibles.

Criterios orientadores.

-Como criterio de base orientativo de tódolos posibles usos e actuacións prohíbese a execución de calquera construcción de nova planta. Unicamente se poderán realizar melloras ou restauracións de acordo co estilo tradicional nos edificios xa existentes, con fins de uso público, hixiene, adecuación á paisaxe e benestar da poboación residente, ou a construcción de nova planta que, en cumprimento do Plan Rector do Uso e Xestión, deba acomete-la administración do espacio protexido.

-A construcción de peiraos de atraque e dotacións asociadas estará sometida á avaliación de impacto ambiental.

-Non se aumentará a rede actual de pistas, a excepción das necesarias para a xestión do futuro espacio protexido e potenciarase que a vexetación restaure os impactos indirectos producidos por estas. Evitarase o tránsito por camiños que supoñan algún impacto sobre zonas de elevado interese e pecharanse aqueles que carezan de utilidade.

-Calquera infraestructura de servicio eléctrico ou telefónico deberá proxectarse de xeito subterráneo e coa súa correspondente avaliación de impacto ambiental.

6.4. Actividades turísticas e recreativas.

Obxectivos.

-Ordenar racionalmente as actividades turísticas e recreativas dentro dos límites do futuro espacio protexido de xeito que se garanta a conservación dos recursos, ecosistemas e paisaxes presentes.

Criterios orientadores.

-A administración do futuro parque autorizará soamente aquelas actividades recreativas e culturais que se desenvolvan nas áreas e períodos en que a presencia de visitantes non altere o equilibrio das poboacións animais que, debido á súa singularidade, requiran un elevado grao de protección, ben por competencia polo espacio, xa que as desprazaría dos seus lugares habituais de alimentación, refuxio ou repouso, ou ben por molestias na época de reproducción. Así mesmo, as mencionadas actividades non deberán destruír especies vexetais terrestres ou marítimas por acción mecánica directa ou outras causas.

-Para diminuí-lo impacto negativo que puideran ocasionar, nas áreas autorizadas imporanse unhas regulacións de usos, como a limitación da velocidade das embarcacións, amarre, fondeo ou acompañamento dos grupos por guías, restricción do acceso exclusivamente ós camiños e sendeiros ou pasarelas sobre dunas e areais, entre outras.

-O acceso público ás diferentes áreas do espacio obxecto deste PORN estará restrinxido segundo a zonificación.

-Establecerase en función do uso público un sistema de concesión de autorizacións para a navegación e o fondeo de embarcacións, e para o mergullo con escafandro autónomo.

6.5. Actividades da poboación residente.

Obxectivos.

-Regula-las actividades realizadas pola poboación residente no espacio ordenado, de xeito que non supoña unha alteración dos recursos, ecosistemas e paisaxes presentes.

-Establecer liñas de colaboración entre a administración do espacio obxecto de ordenación e a poboación residente.

Criterios orientadores.

-O acceso dos residentes ás diferentes áreas do espacio natural estará restrinxido segundo a zonificación que se estableza.

-Os usos que a poboación residente faga dos recursos presentes no espacio ordenado regularanse co fin de evitar que se produzan danos ós valores naturais e culturais presentes.

-O uso de elementos naturais regularase de xeito que se permita de forma libre a recollida de leñas mortas caídas, e mediante autorización a extracción de leñas en verde de piñeiro, uz e toxo, sempre para o consumo particular.

6.6. Actividades educativas e culturais.

Obxectivos.

-Ordenar e racionaliza-las actividades educativas e culturais dentro dos límites do espacio obxecto de ordenación, de xeito que non supoñan dano significativo para os recursos, ecosistemas e paisaxes presentes.

-Proporcionar un marco para a realización de actividades de carácter cultural e educativo nas visitas turísticas e recreativas.

-Promove-lo respecto e o coñecemento da natureza insular galega entre os visitantes, en colaboración coas institucións dedicadas a este fin.

-Facilitar e promociona-las actividades que favorezan o coñecemento, a divulgación e a interpretación dos valores naturais e culturais do espacio natural.

Directrices.

-Facilitarase o coñecemento dos valores naturais e culturais do espacio ordenado ós sectores de poboación relacionados con el, en especial ós grupos máis directamente vinculados ó mar.

-Facilitarase o desenvolvemento de visitas educativas e culturais organizadas e previamente concertadas, en especial de centros escolares.

-Disporán dos medios persoais e materiais necesarios para facilitarlles ós visitantes o coñecemento e a interpretación dos valores naturais e culturais do espacio obxecto de ordenación.

-Realizarase un seguimento dos usos educativos e culturais dentro do futuro espacio protexido, en especial da súa incidencia sobre as actitudes dos visitantes.

-Favoreceranse os intercambios de material e experiencias de carácter educativo con outros centros e institucións dedicadas á educación ambiental, principalmente con aqueles situados dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

6.7. Actividades científicas.

Obxectivos.

-Establece-las liñas prioritarias de investigación.

-Ordena-las actividades científicas dentro dos límites do espacio natural, de xeito que non supoñan ningún perigo para os recursos, ecosistemas e paisaxes presentes.

-Promove-la difusión dos coñecementos científicos sobre os espacios que se protexen.

Directrices.

-Autorizaranse unicamente proxectos de investigación que estean debidamente xustificados e avalados por unha institución ou autoridade científica.

-A recolección de espécimes e mostras de calquera tipo limitarase ós casos estrictamente necesarios, que serán depositados no propio espacio natural, en institucións de carácter científico ou en coleccións públicas, preferentemente de Galicia.

-Regularanse as actividades de investigación que poidan inducir a espécimes animais sensibles a modifica-los seus lugares habituais de alimentación, refuxio ou reproducción de xeito permanente, a manipulación de hábitats ou de especies e a instalación de artefactos no interior do espacio natural.

-Favorecerase a investigación, a creación de fondos documentais, o intercambio científico e a protección do patrimonio arqueolóxico.

7. Liñas básicas para a xestión.

Para os efectos deste PORN, enténdese por xestión o conxunto de actividades que desenvolverá a administración, e que ten as seguintes liñas básicas:

7.1. Xestión para a conservación da natureza.

Obxectivos.

-O conxunto de características naturais que presentan as illas atlánticas fai necesario adoptar medidas de protección e conservación destes valores, así como outras tendentes á recuperación de áreas máis degradadas.

Directrices.

-Garantirase a conservación de enclaves naturais con valores singulares de fauna, vexetación, xeoloxía e xeomorfoloxía, definindo a capacidade de carga de cada unha das zonas do espacio ordenado e establecendo os usos admisibles e as limitacións que deberán concretarse no Plan Rector de Uso e Xestión. Pola súa parte, os organismos e administracións con competencias na periferia do espacio natural establecerán as medidas para a consecución dos obxectivos propostos.

-Con independencia do cumprimento da lexislación vixente en materia de especies vexetais protexidas, no ámbito do espacio obxecto de ordenación conservaranse estrictamente tódalas masas arbóreas de especies autóctonas climáticas, calquera que sexa o seu tamaño, mesmo exemplares illados, e non se permitirá ningún tipo de alteración ou cambio de uso.

-Conservarase e restaurarase, se é o caso, a vexetación natural onde esta se atope degradada, dada a súa importancia no mantemento dos ecosistemas e a regulación dos procesos físicos e biolóxicos segundo os seguintes criterios:

1. Potencia-la rexeneración natural da cuberta vexetal cando sexa posible. En caso contrario, cómpre efectuar intervencións máis amplas con plantacións de árbores, tendo en conta sempre a vexetación potencial de cada zona e utilizando chantóns da máxima

afinidade taxonómica e xeográfica. Para estos labores non se poderán efectuar aterrazamentos e os vías que fosen necesarias eliminaranse unha vez rematada a actuación. Favorecerase a diversidade no que se refire á clase de idade dos chantóns.

2. Garanti-la protección da flora relevante dos arquipélagos, prestando especial atención ás especies catalogadas así como á vexetación de acantilados, dunas praias, marismas e lagoas.

3. Prestar especial atención á prevención e extinción de incendios mellorando os equipamentos existentes para tal fin, así como a rexeneración de zonas afectadas.

-Garantirase a protección da fauna, prestando especial atención ás especies faunísticas catalogadas ou de interese natural de presencia constatada ou posible nos arquipélagos e realizándose un seguimento constante temporal e especialmente de exemplares illados e poboacións en xeral.

-Adoptaranse as seguintes medidas tendentes á preservación dos valores naturais das illas atlánticas procurando que a actividade humana se integre como un aspecto máis:

1. Garantir que os proxectos de actividades e obras tanto de promoción pública coma privada, que incidan sobre o medio e a paisaxe, teñan en conta desde o inicio as medidas e presupostos necesarios para a corrección, se é o caso, de efectos negativos sobre o medio.

2. Restaurar no posible as paisaxes, ecosistemas e lugares alterados e degradados pola acción humana. Favorece-la eliminación de estructuras artificiais innecesarias e abandonadas, a eliminación de entullos e lixo, a restitución de efectos inducidos por obras de orixe humana, así como a adopción de opcións que minimicen o impacto visual das infraestructuras.

3. Evitarase calquera modalidade de publicidade exterior, tanto sobre soporte artificial como natural.

7.2. Xestión do uso público.

Obxectivos.

Ordena-las actividades de uso público recreativo, facéndoas compatibles coa conservación dos recursos, ecosistemas e paisaxes presentes no espacio obxecto de ordenación.

Directrices.

-Fomentaranse aquelas actividades que permitan un mellor coñecemento e divulgación dos valores naturais e culturais do espacio obxecto deste PORN, sempre que non supoñan impacto significativo sobre estes.

-Disporanse os medios necesarios para minimiza-los efectos negativos da ancoraxe de embarcacións sobre os fondos mariños. Neste marco levarase a cabo un seguimento dos efectos dos usos turísticos e recreativos dentro do espacio natural protexido, en particular das ancoraxes de embarcacións, da afluencia de visitantes en lanchas e veleiros particulares, e do mergullo con escafandro autónomo.