Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Xoves, 30 de decembro de 1999 Páx. 15.269

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 338/1999, do 3 de decembro, polo que se modifica o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, aprobado polo Decreto 406/1996, do 7 de novembro.

O presente decreto ten por obxecto a modificación do artigo 37 do Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, co fin de regula-lo abastecemento de semente de mexillón en banco natural de acordo coa experiencia obtida desde a súa entrada en vigor.

O sector mexilloeiro vén demostrando que as campañas de extracción de semente de mexillón están suxeitas a unha dinámica conxuntural e que depende de factores variables como a climatoloxía, a problemática social das zonas de extracción ou a maior ou menor abundancia de semente, nun período determinado do ano.

As modificacións que se introducen teñen como finalidade permitir que tanto as zonas como os períodos de extracción se establezan mediante o desenvolvemento da correspondente orde, permitindo este tipo de regulación unha maior flexibilidade e facilidade de resposta á variabilidade do estado dos recursos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, oídas as organizacións representativas do sector, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 37 do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, que quedarán coa seguinte redacción:

1. As condicións das habilitacións para o abastecemento de semente en banco natural, as zonas e períodos de extracción, e as cantidades máximas que se extraerán en cada zona, regularanse mediante orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. Os concesionarios de bateas dedicados ó cultivo de mexillón que desexen abastecerse de semente de banco natural, deberán solicitalo ás delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

As delegacións territoriais resolverán as peticións de conformidade coa regulación contida na orde indicada no parágrafo primeiro deste artigo.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura