Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 27 de xaneiro de 2000 Páx. 1.094

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 9/2000, do 12 de xaneiro, polo que se regulan as iniciativas de emprego e as súas clases, así como o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, foille transferida á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo Inem no ámbito do traballo, emprego e formación, transferencia que foi efectivamente asumida e asignada á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en virtude do Decreto 289/1997, do 9 de outubro, en relación co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica. Na súa con

secuencia, e dentro do ámbito funcional da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle a cualificación e inscrición das iniciativas de emprego que se proxecten en Galicia.

Así mesmo, nos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, asinado o 13 de xullo de 1998 pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT-Galicia e o S.N. CC.OO. de Galicia, incídese na relevancia das iniciativas locais de emprego para lles dar resposta ás novas necesidades sociais a través de actividades xeradoras de emprego cualificadas como novos viveiros de emprego e para favorece-la fixación de poboación, principalmente nova, no medio rural.

Co obxecto de dar un enfoque integral á promoción da iniciativa empresarial e do emprego no ámbito local e rural, e co obxecto de reforza-la colaboración das administracións no apoio á creación e consolidación de pequenas e medianas empresas para favorece-lo tecido empresarial e o emprego e unha maior diversificación das actividades no contorno local e no medio rural, considerouse conveninte modifica-la normativa autonómica reguladora destes programas.

A diferencia da normativa estatal, que regula nunha única norma-orde ministerial do 15 de xullo de 1999-mantense o sistema de regular por separado os aspectos de contido substantivo e o procedemento de cualificación do marco de axudas dirixido ás iniciativas de emprego.

Destácanse como novidades máis salientables as seguintes:

A redefinición e ampliación do concepto de iniciativas de emprego, mantendo as configuradas como iniciativas locais do emprego (ILES) e creando unha nova clase, as iniciativas de emprego rural (IER).

Parece necesario poñer en marcha unha acción específica dirixida a favorece-la modernización, o desenvolvemento e a diversificación das actividades productivas no medio rural galego, co fin de potencia-lo asentamento e a fixación da poboación, especialmente moza, nas zonas rurais. Nesta estratexia articúlanse as iniciativas de emprego rural, que se configuran como proxectos empresariais integrados en plans de actuación conxuntos froito da colaboración e cooperación dos departamentos sectoriais e o de emprego da Xunta de Galicia, dirixidos a promover, facilitar e apoia-la creación de novas actividades económicas e o desenvolvemento das xa existentes, co obxecto de favorece-la creación e consolidación do emprego e da riqueza nas zonas rurais.

Para a súa potenciación reformúlanse as formas de apoio e de participación das administracións locais e da Xunta de Galicia nos proxectos empresariais para a súa cualificación como iniciativa de emprego.

Así mesmo, e co obxecto de reforza-la implicación das administracións colaboradoras, e para profundar nas relacións de cooperación institucional, prevese que estas emitan informe razoado e documentado sobre a viabilidade do proxecto.

Neste contexto, e no marco dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia

1998-2001, este decreto ten por obxecto regula-las iniciativas de emprego e as súas clases, así como o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral.

Polo anterior é polo que, por proposta da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

Capítulo I

Definición, clases e requisitos

Artigo 1º.-Definición e clases.

1. Poderán te-la consideración de iniciativas de emprego os proxectos empresariais innovadores e xeradores de emprego promocionados e apoiados pola Xunta de Galicia ou por administracións locais de carácter territorial desta Comunidade Autónoma.

2. As iniciativas de emprego poderán ser de dúas clases:

-Iniciativas de Emprego Local (ILES).

-Iniciativas de Emprego Rural (IER).

3. A cualificación dun proxecto empresarial como iniciativa de emprego correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co procedemento establecido neste decreto.

Artigo 2º.-Requisitos.

1. Os referidos proxectos empresariais, para que poidan ser cualificados como iniciativas de emprego, deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Proxectos empresariais, que reúnan condicións de viabilidade técnica, económica e financeira e xeren postos de traballo estables.

b) Proxectos apoiados pola Xunta de Galicia ou por administracións locais de carácter territorial desta Comunidade Autónoma e que vaian te-la sede social e fiscal no seu respectivo territorio. Entenderase que unha Administración apoia o proxecto cando poña á disposición do promotor a achega de recursos económicos e/ou materiais tales como infraestructura ou servicios que favorezan a posta en práctica e/ou a xestión do negocio.

Para o caso de que colaboren varias administracións nun mesmo proxecto, debe consta-la forma de participación de cada unha delas, e a sede social e fiscal da empresa resultante terá que fixarse no territorio dalgunha das administracións colaboradoras.

c) Proxectos nos que o cadro de persoal previsto, ó constituírse en empresa, non sexa superior a vintecinco traballadores.

Excepcionalmente, cando concorran razóns de interese social para o desenvolvemento dunha actividade en zona determinada, poderán ser cualificadas como iniciativas de emprego proxectos que prevexan un cadro de persoal superior.

d) Que se trate de empresa privada de nova creación.

e) Que a producción de bens e servicios estea relacionada con actividades económicas emerxentes ou que, dentro dunha actividade tradicional na zona, cubra necesidades non satisfeitas na estructura existente.

2. Cualificaranse como iniciativas locais de emprego (ILES) os proxectos empresariais innovadores que reúnan os requisitos establecidos no punto 1 deste artigo.

3. E cualificaranse como iniciativas de emprego rural(IER), aqueles proxectos empresariais innovadores nos que, ademais de reuni-los ditos requisitos, concorran as seguintes características: estar integrados nun plan de actuación conxunto elaborado por un departamento sectorial da Xunta de Galicia e a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dirixido a dinamizar e consolida-lo emprego e a actividade económica no medio rural galego, e apoiados polo departamento sectorial correspondente.

Artigo 3º.-Axudas e subvencións.

Os promotores ou as empresas resultantes dos ditos proxectos, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, sempre que se constitúan como empresa e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como iniciativa de emprego, local ou rural, poderán beneficiarse das liñas de axudas e subvencións que estableza a Xunta de Galicia para a promoción e o estímulo das iniciativas de emprego reguladas neste decreto, de acordo cos requisitos e coas condicións que se fixen para os distintos tipos de axuda nas correspondentes ordes de convocatoria.

Con carácter xeral, e agás que nas ordes de convocatoria se dispoña outra cousa, as solicitudes de axudas e subvencións terán que presentarse antes de que transcorra un ano desde que se iniciou a actividade.

Con carácter excepcional, cando as características dos proxectos empresariais así o xustifiquen, na resolución de cualificación poderá ampliarse o prazo para inicia-la actividade. Nestes supostos as solicitudes de axuda deberán presentarse antes de que transcorran dous anos desde a data de cualificación, e sempre que no dito prazo iniciasen a actividade.

Capítulo II

Procedemento de cualificación como iniciativa de emprego

Artigo 4º.-Solicitude de cualificación e documentación.

1. Poderán solicita-la cualificación como iniciativa de emprego os promotores de proxectos empresariais e as empresas constituídas dentro dun prazo máximo de seis meses anteriores ó momento no que se formule a solicitude de cualificación, sempre que non iniciasen a actividade.

2. A Administración colaboradora deberá emitir informe razonado e documentado sobre a viabilidade do proxecto empresarial, detallando os aspectos técnicos, de producción e comercialización, así como a valoración sobre as distintas fontes de financiamento do proxecto.

O dito informe será preceptivo no caso de que a Administración colaboradora sexa un departamento da Xunta de Galicia, e potestativo cando sexa unha Administración local de carácter territorial.

3. As solicitudes de cualificación como iniciativa de emprego, local ou rural, dirixiranse á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e presentaranse no modelo normalizado que figura como anexo deste decreto, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. As ditas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Declaración do promotor ou, se é o caso, do representante da empresa de non ter iniciada a actividade empresarial.

b) Memoria explicativa da viabilidade do proxecto empresarial, detallando os aspectos técnicos de producción e comercialización, así como o plan de investimentos que se vaia realizar, con expresión detallada das fontes de financiamento.

c) Certificación da Administración pública colaboradora na que se especifique de forma detallada e concreta a infraestructura, os instrumentos ou medios postos á disposición do promotor para a execución e/ou xestión do proxecto.

d) E, se é o caso, informe razoado e documentado da Administración colaboradora sobre a viabilidade do proxecto empresarial ó que se refire o punto 2 deste artigo.

Cando se achegue informe razoado e documentado da Administración colaboradora non será preciso xunta-la memoria da letra b) anterior.

Artigo 5º.-Instrucción e tramitación.

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación sinalada no artigo anterior, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, será tido por desistido da súa petición, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Cando se considere necesario poderáselle reclamar ó interesado a documentación relativa a calquera dos datos consignados na memoria achegada, concedéndolle un prazo de dez días para a súa presentación.

3. En caso de que se xulgue conveniente, poderase solicitar da Administración que apoia o proxecto unha ampliación do informe sobre a viabilidade ou sobre calquera outro aspecto do proxecto que poida resultar de interese.

Artigo 6º.-Resolución e recurso administrativo.

1. A competencia para coñecer e resolver sobre as solicitudes de cualificación de proxectos empresariais como iniciativas de emprego corresponderalles:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude,

competentes por razón do territorio, en atención ó domicilio social da empresa que se pretende constituír.

b) Ó director xeral de Fomento do Emprego cando se trate de proxectos empresariais apoiados por un departamento da Xunta de Galicia.

2. O prazo para resolver será dun mes, no caso de que se presente informe razoado e documentado da Administración que colabora no proxecto e, para o caso de que non se achegue o dito informe ou que este sexa incompleto, o dito prazo será de dous meses.

Os ditos prazos empezarán a computarse desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorridos os ditos prazos sen que recaese resolución expresa, poderase entender estimada a solicitude de cualificación.

3. Contra as resolucións dictadas neste procedemento poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, desde a súa notificación, ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 7º.-Rexistro administrativo de iniciativas de emprego.

1. En cada unha das delegacións provinciais e na Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levarase un rexistro administrativo de iniciativas de emprego, no que se inscribirán os proxectos empresariais cualificados como iniciativas locais de emprego ou como iniciativas de emprego rural.

2. A inscrición no rexistro administrativo farase de oficio e practicarase na mesma data en que se cualifique o proxecto empresarial como iniciativa de emprego, facéndose constar, como mínimo, a seguinte información:

a) Número de rexistro que se lle asigna, con identificación da súa clase e data de cualificación.

b) Datos de identificación do proxecto/empresa, con indicación do nome ou razón social, domicilio social e localidade.

c) Definición, obxecto e actividade económica.

d) Número previsto de postos de traballo que se van crear.

e) Identificación dos promotores do proxecto ou, se é o caso, do representante da empresa xa constituída.

f) Identificación da Administración local ou departamento da Xunta de Galicia que colabora no proxecto, e formas do dito apoio e, se é o caso, do plan de actuación no que se integra o proxecto.

g) Vencemento do prazo para constituírse en empresa e/ou inicia-la súa actividade.

3. As inscricións numeraranse correlativamente e constarán de nove díxitos, correspondendo os dous primeiros ó número de identificación provincial ou de Comunidade Autónoma, os tres seguintes expresarán a orde secuencial, e os catro últimos indicarán o ano no que se cualifica e inscribe o proxecto empre

sarial como iniciativa de emprego, e a continuación identificarase a súa clase coas siglas ILE ou IER.

4. Na resolución pola que se cualifique o proxecto empresarial como iniciativa de emprego deberá constar expresamente o número de inscrición e a clase de iniciativa.

5. As delegacións provinciais deberanlle comunicar á Dirección Xeral de Fomento do Emprego as inscricións realizadas.

Artigo 8º.-Obrigas.

1. No prazo dun ano desde a data da resolución de cualificación como iniciativa de emprego, os promotores deberán constituí-las empresas correspondentes e inicia-la actividade productiva obxecto do proxecto, agás nos supostos excepcionais previstos no último parágrafo do artigo 3º deste decreto. Transcorrido o dito prazo sen que se constitúa e/ou inicie a actividade, a cualificación quedará sen efecto, procedéndose a practica-lo correspondente asento rexistral.

As empresas que teñan a súa orixe en proxectos cualificados como iniciativas de emprego poderán constituírse baixo calquera forma xurídica, incluídas as distintas fórmulas de economía social, tales como cooperativas ou sociedades laborais.

Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, cando cause alta no Censo de Facenda.

Entenderase que inicia a súa actividade productiva cando cause alta no Imposto de Actividades Económicas.

2. O promotor do proxecto ou a empresa resultante está obrigada a comunicarlle ó órgano correspondente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a data da súa constitución e/ ou do inicio da actividade dentro dos 15 días seguintes a aquel en que se produzan estas. As ditas circunstancias anotaranse no rexistro.

Disposicións adicionais

Primeira.-A numeración das inscricións das iniciativas de emprego, de conformidade co disposto no artigo 7º deste decreto, realizaranse continuando a orde de numeración prevista na normativa anterior.

Segunda.-No plano da colaboración interdepartamental, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e as consellerías sectoriais poderán elaborar plans de actuación conxuntos que recollan a dinamización e consolidación de proxectos empresariais conceptuables como iniciativas de emprego coa finalidade de apoia-la creación de actividades económicas e/ou estructuras empresariais-tipo que leven consigo a xeración de emprego principalmente no medio rural.

Os instrumentos e mecanismos de colaboración deberán conte-lo programa ou plan de actuación, no

que se deberán especificar, entre outros, os seguintes extremos:

-Obxectivos de interese común.

-Características dos proxectos empresariais-tipo, para o seu encadramento no programa ou plan de acción, debendo figura-lo número mínimo de postos de traballo que se van crear e o investimento medio que se vai realizar para a posta en marcha e inicio da actividade.

-Requisitos que deben reuni-los promotores ou beneficiarios-tipo, con indicación de que, cando menos o proxecto, debe supoñe-la creación dun posto de traballo estable para desempregados.

-Formas de apoio que lles vai presta-la consellería sectorial que participe na elaboración dos plans ou programas de actuación ós proxectos empresariais definidos neles.

-Actuacións que van desenvolver cada unha das consellerías participantes na elaboración do plan.

Nos ditos instrumentos poderá preverse que a consellería sectorial interveña na xestión das solicitudes para a cualificación dos proxectos como iniciativas de emprego, así como na xestión das axudas e subvencións que convoque para a dita finalidade a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Para a implantación, o desenvolvemento e a execución destes plans de actuación sectorial poderán articularse mecanismos específicos de participación doutras administracións ou institucións, públicas ou privadas, co obxecto, de se-lo caso, de optimiza-la súa efectividade e resultado.

Disposición transitoria

Os procedementos incluídos no ámbito de aplicación deste decreto, iniciados con anterioridade á súa entrada en vigor, rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 347/1998, do 18 de decembro, polo que se regulan as iniciativas locais de emprego e o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e cumprimento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude