Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 27 de xaneiro de 2000 Páx. 1.100

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 13 de xaneiro de 2000 pola que se fixan os prezos privados esixibles pola prestación do servicio de venda de follas de reclamacións no Instituto Galego de Consumo.

A Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no artigo 5 do seu capítulo I do título II o que se entende por prezos privados, cualificándoos como aquelas contraprestacións que obteñan os órganos da Administración, entes e organismos autónomos como consecuencia da cesión ou do alleamento de bens ou da prestación de servicios sempre que exista oferta privada concorrente. Entenderase satisfeito este último requisito cando non haxa impedimento legal para acceder como oferente ó mercado de que se trate.

A lexislación en materia de consumo, a través principalmente da Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, e da Lei 12/1984, do 28 de decembro, do Estatuto Galego do Consumidor e Usuario, recolle amplamente o

dereito do consumidor e usuario á protección da súa saúde e dos seus intereses económicos e sociais.

No cumprimento deste obxectivo, unha das vías para facilita-la tramitación das reclamacións e, en definitiva, defende-los dereitos e reestablece-los intereses lesionados dos consumidores, son as follas de reclamacións, que se configuran coma un instrumento áxil para facilita-la remisión á Administración das denuncias por presuntas infraccións ós dereitos legalmente recoñecidos, así como daquelas reclamacións que os consumidores desexen someter á arbitraxe de consumo.

Tendo en conta o anterior, por medio do Decreto 375/1998, do 23 de decembro, reguláronse as follas de reclamacións dos consumidores e usuarios, onde se establece un modelo de folla de reclamación, que nada impide a súa producción e comercialización no mercado, sempre que se respecte o devandito modelo inserido como anexo, no que se refire á forma e ó contido deste.

Nesta orde de cousas, o Instituto Galego de Consumo entende que para favorece-la implantación xenérica das devanditas follas en todo o mercado e co fin de dar cobertura á demanda, é preciso establecer unha canle de distribución ó público fixando os correspondentes prezos.

Segundo a disposición derradeira primeira do Decreto 375/1998, facúltase o conselleiro competente en materia de consumo para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento do citado decreto.

Na súa virtude, por proposta do presidente do Instituto Galego de Consumo e logo do informe favorable da Consellería de Economía e Facenda

DISPOÑO:

Artigo 1º

Establécese como prezo privado do xogo de folla de reclamación o que figura no anexo desta orde, que se obterá polo Instituto Galego de Consumo como consecuencia da contraprestación recibida pola súa venda.

Artigo 2º

Os xogos de follas de reclamacións serán facilitados nos servicios centrais e provinciais do Instituto Galego de Consumo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO

-O prezo de cada xogo de follas de reclamacións será de 25 pesetas unidade.-Este prezo entenderase co IVE incluído.