Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Venres, 28 de xullo de 2000 Páx. 11.359

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2000, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos do consorcio As Mariñas.

Visto o texto dos estatutos que rexerán o consorcio As Mariñas, observándose que a súa aprobación se realizou conforme o disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 150 e seguintes, así como os 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-O proxecto de estatutos foi elaborado pola comisión xestora e aprobado pola asemblea de concelleiros dos concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.

Segundo.-Con data do 31 de marzo de 2000, a Deputación Provincial da Coruña emitiu informe favorable sobre o dito proxecto.

Terceiro.-O proxecto foi sometido ó trámite de información pública durante o prazo dun mes, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP da Coruña, de datas 16 e 17 de marzo de 2000 respectivamente, sen que se producise ningunha reclamación ou alegación respecto deles, segundo certificación da secretaria da comisión xestora.

Cuarto.-Así mesmo, con data do 10 de maio de 2000, a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local informou o contido do proxecto de estatutos.

Quinto.-O presidente da comisión xestora remitiu con data de entrada nesta consellería do 28 de xuño e 14 de xullo de 2000, certificación dos acordos dos concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada de aprobación definitiva dos estatutos do consorcio As Mariñas para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, a Dirección Xeral de Administración Local

ACORDA:

Dispoñe-la publicación dos estatutos do consorcio As Mariñas no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 141.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2000.

Alfonso Rueda de Valenzuela

Director xeral de Administración Local

ANEXO

Estatutos do consorcio das Mariñas (A Coruña)

Título preliminar

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Composición e denominación.

1. Os concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, todos eles da provincia da Coruña, constitúen un consorcio local, sen prexuízo dos que poidan incorporarse no futuro conforme as previsións estatutarias, de conformidade co establecido nos artigos 37 a 40 do Regulamento de servicios das corporacións locais, aprobado por Decreto do 176-6-1955; artigos 3, 26, 47.3º b), 57, 85 e 87 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; artigos 35, 36 e 110 do R.D. lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local; artigo 7 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; artigos 2 ó 6, 8, 137 e ss, 149 ó 152 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia; así como Lei 10/1998, do 21

de abril, de residuos; demais concordantes e de aplicación.

2. Recibe a denominación de consorcio das Mariñas (A Coruña).

3. Os estatutos determinan as particularidades do seu réxime orgánico, funcional e financeiro.

Artigo 2º.-Natureza e principios de actuación.

1. Servirá con obxectividade os intereses públicos, actuando conforme os principios de eficacia e servicio ós cidadáns, descentralización, desconcentración e coordinación, con autonomía propia e sometemento pleno á lei e ó dereito.

2. Conforme os criterios de reciprocidade nas súas relacións con outras administracións públicas, rexerase polos principios de colaboración, cooperación, auxilio e respecto ós respectivos ámbitos de competencias.

3. Na súa calidade de ente público local de base asociativa, goza da condición de entidade local non territorial, con personalidade xurídica propia e plena capacidade xurídica e de obrar para crear, instalar ou xestionar servicios e actividades de interese local e común, para realizar e consegui-las finalidades públicas que constitúen o seu obxecto, entendendo como servicios públicos locais cantos tendan á consecución dos fins sinalados como da competencia das entidades consorciadas.

4. En consecuencia, para o cumprimento do seu obxecto e fins e o ámbito das súas competencias, de acordo coa Constitución e as leis, terá plena capacidade xurídica para adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar ou allear toda clase de bens, formalizar contratos, establecer e explotar obras, servicios ou actividades públicas, obrigarse, interpoñe-los recursos establecidos e exerce-las accións previstas nas leis.

5. Poderá utilizar calquera das formas de xestión de servicios, directa ou indirecta, previstas na lexislación de réxime local, substituíndo as entidades consorciadas.

6. No ámbito das súas competencias correspóndelle a potestade regulamentaria e de autoorganización, programación e planificación. A potestade tributaria refírese só ó establecemento de taxas, contribucións especiais e prezos públicos; a expropiatoria, só a poderan exercer outras entidades territoriais en beneficio e por instancia do consorcio.

Artigo 3º.-Domicilio.

1. Inicialmente, mentres non dispoña de locais propios, o domicilio do consorcio e os seus servicios xerais estará no municipio o alcalde do cal exerza a presidencia, ou en calquera outro que acorde o pleno.

2. Non obstante, o pleno, ou calquera outro órgano complementario, poderá realiza-las súas sesións en

calquera das sedes das entidades consorciadas ou das instalacións afectas ós servicios que preste.

3. O pleno poderá modifica-lo domicilio, o cal se lles notificará a tódolos entes consorciados, facéndose público no BOP, no Diario Oficial de Galicia, e nun xornal de grande difusión, e comunicaráselle á Administración estatal e autonómica.

4. Os servicios especializados do consorcio poderán instalarse en calquera dos concellos consorciados, segundo acordo do pleno.

Artigo 4º.-Duración.

Establécese con carácter voluntario, e constitúese por un período de tempo indefinido, e mentres subsistan as competencias das entidades consorciadas e o obxecto e fins de interese común e público encomendados.

Artigo 5º.-Obxecto e fins.

1. Constitúeno:

a) Prestación parcial ou integral do servicio de recollida selectiva e transporte conxunto de residuos, e de se-lo caso, cantas outras competencias atribúa a lexislación xeral ou sectorial nesta materia.

b) Obras, xestión e execución de plans, programas ou proxectos de interese público e común para as entidades consorciadas, así como a obtención, xestión e investimento dos correspondentes fondos, en materia de políticas de desenvolvemento rexional, social ou agrícola, no marco das iniciativas europeas, nacionais, autonómicas ou locais, e doutros entes, institucións ou entidades, públicas ou privadas.

c) Asumi-la execución de obras, plans, programas ou proxectos, que as entidades consorciadas ou outras administracións públicas acorden encomendarlle, para a xestión de servicios e actividades de interese público e común, así como a súa creación, instalación e prestación parcial ou integral.

d) A competencia consorcial poderá estenderse a outras obras, plans, programas ou proxectos para a consecución e prestación de servicios e actividades con finalidades de interese público, que interesen en común á pluralidade dos membros asociados.

2. Para o exercicio dos fins establecidos na letra d) do punto 1 anterior, deberase contar con acordo plenario corporativo favorable de tódalas entidades consorciadas.

Artigo 6º.-Réxime xurídico.

1. O consorcio réxese polo dereito administrativo.

2. En materia de procedemento administrativo será aplicable a tódalas actuacións do consorcio a lexislación vixente do réxime local e do réxime xurídico das administracións públicas, que se desenvolverá conforme os principios de racionalidade, economía e eficiencia da xestión.

3. Os acordos e resolucións do consorcio serán impugnables en vía administrativa e xurisdiccional, de conformidade co establecido na lexislación de réxime local e xeral.

4. A publicación dos acordos e resolucións do consorcio farase nos boletíns e diarios oficiais nos que legalmente proceda.

Artigo 7º.-Quórum especial.

Cando, en virtude de disposicións legais ou destes estatutos, se esixa quórum especial de maioría absoluta do número legal de votos asignados ós membros do pleno e do número de representantes das entidades consorciadas, na adopción de acordos polo dito órgano, entenderase que existe aquela cando os votos favorables sumen a metade máis medio ou a metade máis un do total de votos asignados ó pleno, así como o voto favorable da metade máis medio ou a metade máis un do número de representantes das entidades consorciadas.

Esixirase a metade máis medio cando o número total de votos ou representantes sexa impar e a metade máis un cando sexa par.

TÍTULO I

Réxime orgánico

Capítulo I

Da organización

Artigo 8º.-Órganos de xestión e goberno.

1. Rexen o consorcio os seguintes órganos de xestión e goberno:

a) O pleno.

b) O presidente.

c) O vicepresidente.

2. O pleno tamén poderá denominarse e identificarse como consello de dirección.

Artigo 9º.-O pleno ou consello de dirección. Composición.

1. O pleno, supremo órgano de goberno do consorcio, o que personifica e representa con carácter de corporación de dereito público, está integrado polo alcalde ou membro da corporación en quen delegue, de cada unha das corporacións locais que forman o consorcio.

2. Asistirán ás xuntanzas do pleno, con voz pero sen voto, o secretario e o interventor do consorcio, así como, cando sexa requirido para iso, o xerente, ou calquera outro persoal especializado na materia que se vaia tratar.

3. A cada entidade consorciada corresponderalle o mesmo número de votos que o número legal de membros da súa corporación.

Na súa aplicación, cada un dos membros consorciados disporá do seguinte número de votos no pleno ou consello de dirección:

MunicipioPorcentaxeVoto

Abegondo8,724813,0000

Arteixo14,093921,0000

Bergondo8,724813,0000

Betanzos11,409317,0000

Cambre11,409317,0000

Carral8,724813,0000

Culleredo11,409317,0000

Oleiros14,093921,0000

Sada11,409317,0000

Total100,0000149,0000

4. Os votos correspondentes ás entidades consorciadas serán actualizados cada vez que varíe o número de membros das corporacións locais.

5. As actualizacións previstas no número anterior non terán a consideración de modificacións estatutarias, e, polo tanto, non se requirirá segui-lo procedemento previsto nestes Estatutos para a súa modificación.

Artigo 10º.-Duración do mandato.

O mandato de cada representante municipal no consorcio rematará cando deixe de ser membro da corporación que representa. Non obstante, ó finaliza-lo mandato de catro anos ó que se refire a Lei de réxime local, o representante cesante continuará nas súas funcións soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión do seu sucesor.

Artigo 11º.-Elección e cesamento do presidente.

1. O presidente e o vicepresidente serán designados polo pleno, conforme o quórum especial de maioría absoluta establecido polo artigo 7º, cesando nos seus cargos se se producise algunha das seguintes circunstancias:

a) Cesamento das súas funcións polo pleno, co quórum especial de maioría absoluta do artigo 7º.

b) Renovación da corporación que representan.

c) Perda da condición de membro da corporación que representan.

2. Unha vez que o presidente e o vicepresidente finalicen o seu mandato, continuarán exercendo as súas funcións para a Administración ordinaria ata que o pleno designe a quen os substitúan.

Artigo 12º.-Competencias do presidente e do vicepresidente.

1. O presidente do pleno, que será tamén o do consorcio posúe, en todo caso, as seguintes atribucións:

a) Dirixi-lo goberno e a administración, velando polo cumprimento dos estatutos.

b) A representación legal e a sinatura de cantos documentos públicos ou privados sexan necesarios ou útiles para o cumprimento dos seus fins.

c) Convocar e presidi-las sesións do pleno, agás os supostos previstos na lexislación do réxime local,

e de calquera outro órgano do consorcio, e decidi-los empates con voto de calidade.

d) Dirixir, inspeccionar e impulsa-las obras, servicios e actividades, xestionando con entidades públicas e privadas a resolución dos problemas que o afecten, ordenando os informes, estudios e consultas pertinentes.

e) Dictar bandos.

f) O desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado, dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia, concertar operacións de crédito, con exclusión das recollidas no artigo 158.5º da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, sempre que aquelas estean previstas no orzamento e o seu importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10 por 100 dos seus recursos ordinarios, agás as de tesourería, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento non supere o 15 por 100 dos ingresos liquidados no exercicio anterior; ordenar pagamentos e render contas; todo isto de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

g) Aproba-la oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro de persoal aprobados polo pleno, aproba-las bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo e distribuí-las retribucións complementarias que non sexan fixas e periódicas.

h) Desempeña-la xefatura superior de todo o persoal e acorda-lo seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servicio do persoal do consorcio e o despedimento do persoal laboral, dando conta ó pleno, nestes dous últimos casos, na primeira sesión que realice. Esta atribución entenderase sen prexuízo do disposto nos artigos 99.1º e 3º da Lei reguladora das bases de réxime local.

i) O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio nas materias da súa competencia, incluso cando as tivese delegado noutro órgano, e, en caso de urxencia, en materias da competencia do pleno, neste suposto dándolle conta a este na primeira sesión que realice para a súa ratificación.

j) A iniciativa de lle propoñer ó pleno a declaración de lesividade en materias da súa competencia.

k) Adoptar persoalmente, e baixo a súa responsabilidade, en caso de catástrofe ou de infortunios públicos e grave risco destes, as medidas necesarias e axeitadas, dándolle conta inmediata ó pleno.

l) Sanciona-las faltas de desobediencia á súa autoridade ou por infracción das ordenanzas, agás nos casos en que tal facultade estea atribuída a outros órganos.

ll) As contratacións e concesións de toda clase cando o seu importe non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento nin, en calquera caso, os 1.000.000.000 de pesetas; incluídas as de carácter

plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de tódalas súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referida ós recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

m) A aprobación dos proxectos de obras e de servicios cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e estean previstos no orzamento.

n) A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento nin os 500.000.000 de pesetas, así como alleamento do patrimonio, para bens inmobles e mobles, sempre que estea previsto no orzamento.

ñ) Ordena-la publicación, execución e facer cumpri-los acordos do consorcio.

o) As demais que expresamente lle atribúan as leis e aquelas que a lexislación do Estado ou das comunidades autónomas lles asignen ós consorcios, e non lles atribúan a outros órganos deste.

p) A organización e o control dos servicios administrativos e técnicos do consorcio, así como dirixir, impulsar e inspeccionar tódalas obras, servicios e actividades deste.

q) Presentarlle ó pleno os estudios, proxectos e iniciativas de interese para o consorcio, o plan de xestión dos servicios e actividades, así como o estudio, preparación e dictame dos asuntos dos que, por razón da materia, a súa resolución lle incumba ó pleno.

r) O desempeño das tarefas ordinarias do consorcio, así como a aprobación dos actos necesarios para o seu funcionamento.

s) Coordina-las tarefas do consorcio cos servicios municipais directa ou indirectamente relacionados coa competencia consorcial.

t) As funcións que para o desenvolvemento dos servicios lle delegue o pleno.

u) Calquera outra función non atribuída ós demais órganos de goberno e administración do consorcio.

2. En caso de ausencia, enfermidade, incapacidade ou vacante do presidente, serán exercidas as súas funcións polo vicepresidente.

3. O presidente pode delegar no vicepresidente ou no pleno o exercicio das súas atribucións, agás as de convocar e presidi-las sesións do pleno, decidi-los empates co voto de calidade, a concertación das operacións de crédito, a xefatura superior de todo o persoal, a separación do servicio deste e o despedimento do persoal laboral, e as enunciadas nas letras a), e), i), j), k) e t) do número 1 deste artigo.

4. O presidente poderá, así mesmo, conferi-las delegacións especiais para encargos específicos, a favor de calquera membro do consorcio. O acordo de delegación determinará os asuntos que esta comprenda, as potestades que se delegan e as condicións concretas do seu exercicio.

Artigo 13º.-Competencias do pleno.

Corresponderanlle ó pleno, para o desenvolvemento e xestión das actividades e servicios determinados polo obxecto e fins do consorcio, as seguintes atribucións:

a) O control e a fiscalización dos demais órganos de goberno.

b) Os acordos relativos á participación en organizacións supramunicipais; alteración do domicilio, dos seus servicios xerais e os especializados; así como cambio da súa denominación.

c) A aprobación do regulamento orgánico e das ordenanzas ou regulamentos ou, de se-lo caso, a proposta destas ás entidades consorciadas, así como a creación e regulación de órganos complementarios.

d) A determinación dos recursos propios de carácter tributario; a aprobación e modificación dos orzamentos; a disposición de gastos en materia da súa competencia e a aprobación das contas; todo isto de acordo co disposto na Lei de facendas locais.

e) A aprobación dos plans, programas e proxectos, así como a forma de xestión dos servicios e actividades.

f) A aceptación da delegación de competencias feita por outras administracións públicas.

g) A presentación de conflictos de competencias a outras entidades locais e demais administracións públicas.

h) A aprobación do cadro de persoal e da relación de postos de traballo, a fixación da contía das retribucións do persoal, e o número, características e retribucións do persoal eventual.

i) O exercicio de accións xudiciais e administrativas do consorcio en materias de competencia do pleno ou consello de dirección.

j) Coñecer e resolve-las reclamacións que formulen as entidades consorciadas, así como a declaración de lesividade dos actos do consorcio.

k) A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

l) A concertación das operacións de crédito a contía acumulada das cales, dentro de cada exercicio económico, exceda do 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento -agás as de tesourería, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior- todo isto de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

ll) As contratacións e concesións de toda clase cando o seu importe supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento e, en calquera caso, os 1.000.000.000 de pesetas, así como os contratos e concesións plurianuais cando a súa duración sexa superior a catro anos e os plurianuais de menor duración cando o importe acumulado de tódalas súas anua

lidades supere a porcentaxe indicada, referida ós recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio e, en todo caso, cando sexa superior á contía sinalada nesta letra.

m) A aprobación dos proxectos de obras e servicios cando sexa competente para a súa contratación ou concesión, e cando aínda non estean previstos nos orzamentos.

n) A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento e, en todo caso, cando sexa superior a 500.000.000 de pesetas, así como os alleamentos patrimoniais e gravame de bens e dereitos dos que o consorcio sexa titular.

ñ) A aprobación das directrices e normas de réxime interno, dos plans e programas anuais de goberno, administración e dirección do consorcio.

o) A elección de entre os seus membros, de presidente e vicepresidente do consorcio, e o seu cesamento, así como a determinación dos representantes das entidades consorciadas que, se é o caso, desenvolvan as súas responsabilidades en réxime de dedicación exclusiva ou parcial.

p) A aprobación da modificación dos estatutos, e a proposta de modificación destes ás entidades consorciadas.

q) A aprobación do regulamento dos servicios que preste o consorcio, será remitido ós entes consorciados para o seu coñecemento, así como a adopción da forma concreta de xestión dos servicios da súa competencia.

r) A proposición ás entidades consorciadas das ordenanzas fiscais, elementos tributarios, taxas, prezos públicos e tarifas que fosen procedentes en relación coas finalidades do consorcio.

s) Aproba-lo inventario de bens e dereitos e a memoria anual, dando conta diso ás entidades consorciadas.

t) A fixación das contribucións, sexan ordinarias ou extraordinarias, que obrigatoriamente teñan que efectua-las entidades consorciadas para o sostemento do consorcio.

u) Propoñer e aproba-la adhesión ou incorporación ó consorcio de novas entidades locais, doutras administracións públicas ou de entidades privadas sen ánimo de lucro, así como a separación dos que o integran.

v) A proposta de disolución do consorcio.

w) Determina-lo número de votos que lle correspondan a cada representante dos entes consorciados de conformidade co disposto no artigo 9º.

x) Aquelas outras que deban corresponder ó pleno ou consello de dirección por esixi-la súa aprobación unha maioría especial.

y) Calquera outra que se someta á súa consideración por entender que afectan de modo relevante ós intereses comúns, e as demais que expresamente lle confiran as leis.

Capítulo II

Do Persoal

Artigo 14º.-Persoal ó servicio do consorcio.

O persoal será propio ou adscrito, e estará constituído:

a) Secretario, interventor e tesoureiro, nomeados conforme o disposto no artigo seguinte.

b) Xerente.

c) Persoal laboral.

d) De se-lo caso, persoal eventual.

Artigo 15º.-Secretario, interventor e tesoureiro.

1. As funcións de secretario, interventor, e tesoureiro do consorcio serán exercidas polos que respectivamente o sexan das entidades locais que desempeñen en cada momento a presidencia do consorcio.

2. No seu defecto, as funcións de secretario, interventor, e tesoureiro do consorcio serán exercidas polos titulares designados polo pleno de entre quen exerza tales funcións nalgunha das entidades consorciadas.

3. Os ditos cargos pódense crear e clasificar como propios e independentes, de conformidade co establecido pola normativa específica de funcionarios con habilitación de carácter nacional.

Artigo 16º.-O xerente.

1. Por proposta da presidencia, o pleno nomeará un xerente. O dito posto de traballo, sometido á lexislación laboral, terá que ser desempeñado por persoa con formación e titulación axeitada que a capacite para realiza-las funcións propias do posto.

2. Son funcións do xerente:

a) Velar e facer cumpri-los acordos e resolucións dos órganos de goberno do consorcio.

b) Dirixir e coordena-la actuación do consorcio, de conformidade cos regulamentos aprobados e as directrices dos órganos de goberno.

c) Vixiar, fiscalizar, supervisar, impulsar, e inspecciona-las obras, o funcionamento dos servicios, actividades, dependencias e persoal ó seu cargo.

d) Asistir con voz e sen voto, cando sexa requirido para iso, ás sesións do pleno e demais órganos de goberno.

e) Elaborar e propoñer proxectos, plans de actuación de xestión dos servicios e actividades e programas de necesidades do consorcio.

f) Asistencia técnica ó presidente e órganos de goberno.

g) Informa-los asuntos que deban tratarse nas sesións dos órganos de goberno, sen prexuízo das funcións asesoras que correspondan á secretaría e intervención do consorcio.

h) Elabora-lo anteproxecto do orzamento, e a programación plurianual, así como a memoria anual de rendición de contas.

i) Supervisa-la xestión económica e administrativa do consorcio, axustándose ás normas que esixe a súa natureza pública.

j) Promove-los expedientes de contratación de toda clase, de obras, servicios, e subministración.

k) Formula-las propostas de gastos correntes, así como de contribucións económicas das entidades consorciadas.

l) Elevar anualmente ó pleno unha memoria das actividades do consorcio.

ll) Propoñe-las medidas e reformas que considere convenientes para o mellor cumprimento do obxecto e fins do consorcio.

m) Manter un contacto permanente cos responsables executivos e técnicos das institucións e entidades integrantes do consorcio, co fin de garanti-la máxima coordinación funcional.

n) As demais que lle sexan encomendadas polos órganos de goberno.

Artigo 17º.-Persoal laboral e eventual.

1. O resto do persoal que precise o consorcio estará sometido ó réxime de dereito laboral. O número de postos de traballo e as funcións atribuídas a cada un deles serán as que se determinen no cadro de persoal e relación de postos de traballo, axustándose a súa selección ó disposto para as corporacións locais.

2. Poderase nomear persoal eventual, na forma establecida polos artigos 104 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e 250 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 18º.-Persoal adscrito.

Integran o persoal adscrito os funcionarios e persoal laboral das entidades consorciadas que presten os seus servicios no consorcio.

TÍTULO II

Réxime funcional

Artigo 19º.-Réxime de funcionamento.

1. O réxime de sesións e acordos do consorcio e, en xeral, o seu funcionamento acomodarase ó disposto na lexislación de réxime local, en canto lle sexa aplicable, para os plenos municipais, sen prexuízo das particularidades derivadas da organización propia do consorcio.

2. Subsidiariamente aplicaranse as disposicións da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 20º.-Sesións do pleno ou consello de dirección.

1. O pleno realizará reunión ordinaria, como mínimo, unha vez cada dous meses, e extraordinaria cando así o decida o presidente ou o solicite, cando menos, a cuarta parte dos seus membros que representen, cando menos, a cuarta parte dos votos; neste caso,

o presidente deberá convoca-la reunión solicitada dentro dos 4 días seguintes ó da presentación da solicitude, e a súa realización non poderá demorarse por máis de 15 días desde que fose solicitada.

2. O presidente poderá dispoñer que asistan ás sesións os técnicos ou persoal especializado que conveña oír nalgún asunto determinado.

3. O quórum para a válida realización das sesións en primeira convocatoria será a maioría absoluta do número legal de membros e de votos das entidades que integran o consorcio.

4. As sesións realizaranse en segunda convocatoria media hora despois da determinada para a primeira, sempre que se encontren presentes cando menos un tercio do número legal de membros e dispoñan dun tercio do número de votos.

Artigo 21º.-Réxime de acordos.

1. Os acordos do pleno ou consello de dirección adoptaranse por maioría simple dos votos dos membros presentes. En casos de empate, procederase segundo o disposto por normativa aplicable de réxime local.

2. Será preciso quórum especial de maioría absoluta do número legal de votos asignados ós membros do pleno ou consello de dirección e do número de representantes das entidades consorciadas, para a validez dos acordos do pleno ou consello de dirección, que se adopten nas materias seguintes:

a) Aprobación e modificación do regulamento orgánico propio do consorcio.

b) Liquidación ou disolución do consorcio.

c) Separación de entidades consorciadas.

d) Adhesión de novos membros.

e) Modificación dos estatutos.

f) Aceptación das delegacións ou encomendas de xestión realizadas por outras administracións.

g) A aprobación do regulamento dos servicios que preste o consorcio.

h) Concesión de bens e servicios por máis de cinco anos, sempre que a súa contía exceda do 20 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento.

i) A actualización dos votos que corresponden a cada un dos membros do consorcio, conforme ó previsto no artigo 9º.

j) Aprobación da forma concreta de xestión do servicio correspondente.

k) Aprobacións de operacións financeiras ou de crédito e concesións de quitas ou esperas, cando o seu importe supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do seu orzamento, así como as operacións de crédito previstas no artigo 158.5º da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais.

l) Imposición e ordenación dos recursos propios de carácter tributario.

ll) Alleamento de bens, cando a súa contía exceda do 20 por 100 dos recursos ordinarios do seu orzamento.

m) Alteración da calificación xurídica dos bens demaniais.

n) Cesión gratuíta de bens a outras administracións ou institucións públicas.

ñ) As restantes determinadas pola lei.

3. O anterior enténdese sen prexuízo de que se requira outro quórum específico ou cualificado para a adopción de acordos conforme a lexislación xeral de réxime local.

Artigo 22º.-Obrigatoriedade.

As decisións e acordos do consorcio obrigarán por igual a tódalas entidades consorciadas.

TÍTULO III

Réxime económico, financeiro e contable

Artigo 23º.-Recursos do consorcio.

1. A facenda do consorcio estará constituída polos seguintes recursos:

a) Ingresos procedentes do seu patrimonio e demais de dereito privado.

b) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) As subvencións, contribucións, e transferencias de calquera entidade pública ou privada, incluíndo os fondos estructurais, de cohesión, ou calquera outro, procedentes da Unión Europea, tales como FEDER, FEOGA, FSE, que coadxuven ó obxecto e fins relacionados no artigo 5º.

d) Subvencións a fondo perdido, que poden ser outorgadas pola Xunta de Galicia, nos termos establecidos polo artigo 252 b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administación local de Galicia.

e) As contribucións económicas ordinarias ó orzamento por parte das entidades consorciadas.

f) As taxas, e prezos públicos que se establezan para a prestación de servicios ou realización de actividades da súa competencia.

g) Contribucións especiais pola execución de obras ou polo establecemento, ampliación ou mellora de servicios da competencia das entidades consorciadas.

h) O producto das operacións de crédito.

i) O producto de multas e sancións no ámbito das súas competencias.

j) Outros recursos que a lexislación de facendas locais recoñece a favor das entidades locais.

k) As demais prestacións de dereito público.

2. Tamén constituirán recursos do consorcio as contribucións económicas extraordinarias das entidades consorciadas.

3. Son aplicables ós recursos do consorcio o disposto na Lei de facendas locais, respecto ós recursos dos

concellos, coas particularidades propias do seu obxecto e fins.

4. O réxime financeiro do consorcio non alterará o propio dos concellos que o integran.

Artigo 24º.-Xestións, liquidación, inspección e recadación de tributos.

A xestión, liquidación, inspección e recadación dos tributos que estableza o consorcio realizaranse de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como as disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 25º.-Infraccións, sancións e recargas.

Será aplicable ós tributos que estableza o consorcio o réxime de infraccións, sancións e recargas regulado na Lei xeral tributaria e nas disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 26º.-Contribucións económicas ordinarias.

1. As contribucións económicas ordinarias anuais de cada entidade consorciada calcularanse en función da poboación de cada concello resultante do último padrón aprobado o 31 de decembro, segundo datos oficiais proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística.

2. Para o ano 2000, as porcentaxes provisionais de contribución, correspóndense cos datos achegados polo INE, referidos á poboación de cada un dos concellos o 31-12-1997.

ConcelloHabitantesPorcentaxe

Abegondo5.4514,5573

Arteixo21.29017,7998

Bergondo5.8174,8633

Betanzos12.29610,2802

Cambre16.40113,7122

Carral5.2124,3575

Culleredo18.74315,6703

Oleiros24.10220,1508

Sada10.2968,6081

Total119.608100

3. Para a determinación das porcentaxes e contribucións do ano 2000, e dos sucesivos, procederase ó seu cálculo en función da poboación de cada concello, na forma prevista nos epígrafes anteriores, o que será aprobado polo pleno.

Artigo 27º.-Financiamento dos servicios e das actividades.

Para a execución das obras e a prestación de servicios e actividades redactarase o correspondente proxecto, memoria valorada e informe técnico, determinándose o sistema de financiamento que proceda, en consonancia cos recursos sinalados nos presentes estatutos.

Artigo 28º.-Aprobación do orzamento.

1. O consorcio aprobará anualmente un orzamento único, comprensivo das obrigas que, como máximo, poderá recoñecer durante o correspondente exercicio económico, e dos dereitos que se prevexa liquidar no mesmo período.

2. O dito orzamento axustarase no seu contido, estructura, tramitación e aprobación ó establecido pola Lei de facendas locais e disposicións que a desenvolvan.

Artigo 29º.-Previsión dos gastos e ingresos.

1. Tódalas contribucións económicas ordinarias, referidas no punto 1 do artigo anterior, serán efectuadas polas entidades consorciadas mediante entregas periódicas, que se ingresarán con anterioridade ó último día de cada trimestre natural, á tesourería do consorcio, ou en calquera outro prazo fixado por acordo do pleno.

2. En caso de que as entregas referidas no punto anterior non se efectúen nos prazos previstos, co obxecto de regulariza-los ingresos das contribucións das entidades consorciadas, estas:

a) Facultan o presidente do consorcio para que, transcorrido o prazo para o ingreso das contribucións das entidades consorciadas, e acreditada a débeda polo seu secretario, logo de informe da tesourería e da intervención, poida dirixirse á Administración central ou á Comunidade Autónoma para a retención dos fondos ou cotas pendentes con cargo ás cantidades que por calquera concepto fosen liquidadas a favor da entidade consorciada debedora, por igual importe ó das contribucións non satisfeitas trimestralmente, para o seu ingreso na facenda do consorcio.

b) Recoñécenlle, á Deputación Provincial da Coruña, a facultade de rete-lo importe das cantidades debidas con calquera crédito que a favor da entidade consorciada se dispoña na Corporación Provincial, transferindo as ditas cantidades ó consorcio. Esta retención solicitaraa o presidente do consorcio, sinalando o importe da débeda e data de vencemento, que deberán acreditarse mediante certificación da secretaría, logo dos informes do tesoureiro e interventor, sobre o importe pendente de ingresar.

3. Nos casos previstos no número anterior do presente artigo, con carácter previo, darase audiencia á entidade afectada, requiríndolle de pagamento por prazo de dez días.

4. No suposto de que algunha entidade consorciada lle debese ó consorcio dous trimestres da súa contribución, a presidencia procederá a dictar resolución, logo de audiencia ó afectado, pola que se acorde deixar de presta-los servicios e actividades.

5. O mesmo réxime dos puntos anteriores aplicarase ás contribucións económicas extraordinarias, que se terán que ingresar na tesourería do consorcio

no prazo máximo dun mes desde a notificación do pertinente acordo do pleno.

6. As contribucións das entidades consorciadas consideraranse ingresos de carácter público do consorcio para tódolos efectos legais.

Artigo 30º.-Demora no ingreso de contribucións.

As cantidades que non fosen ingresadas na tesourería do consorcio na data de vencemento fixada no artigo anterior, incrementaranse en proporción ó tempo transcorrido ata o seu pagamento efectivo coa cantidade que resulte de aplica-lo xuro de demora fixado pola Lei de orzamentos xerais do Estado para o exercicio correspondente.

Artigo 31º.-Xestión orzamentaria.

Será igualmente aplicable o disposto pola Lei de facendas locais, en materia de créditos e as súas modificacións, xestión e liquidación do orzamento, coas peculiaridades propias do consorcio.

Artigo 32º.-Tesourería do consorcio.

A tesourería do consorcio rexerase polo disposto da Lei de facendas locais e, en canto lle sexa de aplicación, polas normas do título V da Lei xeral orzamentaria.

Artigo 33º.-Contabilidade.

O consorcio levará a súa contabilidade de conformidade coa instrucción de contabilidade para a Administración local ordinaria.

Artigo 34º.-Rendición de contas.

O consorcio, coas peculiaridades derivadas da súa finalidade e estructura orgánica, elaborará e renderá as contas anuais nos termos sinalados polos artigos 189 a 193 da Lei de facendas locais.

Artigo 35º.-Fiscalización.

A xestión económica do consorcio será obxecto das fiscalizacións interna e externa reguladas pola Lei de facendas locais.

Artigo 36º.-Dos bens.

1. Os bens do Estado, Comunidade Autónoma, deputación provincial, mancomunidades, entidades consorciadas, ou calquera outra pública ou privada, adscritos ou que poidan adscribirse ó consorcio para o cumprimento dos seus fins, conservarán a súa cualificación xurídica orixinaria, correspondéndolle tan só ó consorcio a súa utilización, administración, explotación e conservación, de conformidade coas disposicións legais vixentes na materia. As facultades de disposición limitadas que lle poidan recoñecer ó consorcio sobre os bens mencionados serán as que consten nos acordos de cesión correspondentes e limitaranse sempre ás finalidades estatutarias.

2. De tales bens farase un inventario detallado.

3. Os bens adquiridos polo consorcio integraranse no seu patrimonio, ó que lle serán de aplicación

as normas reguladoras do patrimonio das entidades locais e da cualificación xurídica dos seus bens.

TÍTULO IV

Modificación e disolución

Artigo 37º.-Modificación dos estatutos e disolución do consorcio.

Para a modificación dos estatutos, así como para a disolución do consorcio, seguiranse as mesmas regras e os mesmos procedementos que o establecido na lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 38º.-Adhesión de novos membros.

1. A adhesión ó consorcio de novos membros deberá facerse mediante solicitude que terá que ser aprobada por todas e cada unha das entidades consorciadas, coa conseguinte modificación dos estatutos, as disposicións dos cales serán de obrigatorio cumprimento para os membros incorporados.

2. Só se poderán adherir ó consorcio outras administracións públicas e entidades privadas sen ánimo de lucro que teñan finalidades de interese público concorrentes co obxecto e fins do consorcio.

3. Calquera que sexa o momento no que se adopte o acordo de adhesión ó consorcio dunha nova entidade, esta non producirá efectos ata a entrada en vigor do orzamento do seguinte exercicio económico, agás que dispoña outra cousa o pleno.

Artigo 39º.-Separación de membros do consorcio.

1. A separación voluntaria dunha entidade do consorcio precisará os seguintes requisitos:

a) Aviso previo dun ano dirixido ó presidente.

b) Estar ó día no cumprimento das obrigas e compromisos anteriores respecto do consorcio e garanti-lo cumprimento e liquidación daquelas e estes.

2. A separación producirá efectos ó finaliza-lo exercicio económico no que se adoptase o correspondente acordo.

3. A separación non poderá comportar perturbación, prexuízo ou risco evidente para a realización de calquera dos servicios ou actividades do consorcio, nin prexuízo para os intereses públicos a este encomendado.

4. O pleno, co quórum especial do artigo 7º, no suposto de incumprimento de obrigas ou compromisos por algunha das entidades consorciadas, con forma motivada, poderá acorda-la súa separación.

5. A separación levará consigo necesariamente a modificación dos estatutos.

Artigo 40º.-Disolución do consorcio.

1. O consorcio poderá disolverse por algunha das causas seguintes:

a) Por transformación do consorcio noutra entidade, mediante acordo do pleno, co quórum esta

blecido no artigo 7º ratificado pola totalidade das entidades locais consorciadas.

b) Polo cumprimento da súa finalidade.

c) Por incumprimento do seu obxecto.

d) Por imposibilidade de continua-lo seu funcionamento.

e) Por separación de algún dos seus membros se con iso devén inoperante.

f) Por mutuo acordo das entidades consorciadas.

2. No caso de disolución, manterá a súa personalidade xurídica, mentres non sexa adoptado polo pleno o acordo de liquidación e distribución do seu patrimonio, que será publicado no BOP e no Diario Oficial de Galicia. Tal acordo determinará a forma pola que se procederá á liquidación dos bens do consorcio e a reversión ás entidades consorciadas das obras, instalacións, e, en xeral, dos bens propios e dos que o consorcio administrase en réxime de cesión de uso, a titularidade dos cales correspondese a outras entidades ou administracións públicas.

3. O coeficiente de participación recollido no artigo 26º, no suposto de disolucións, servirá para a distribución do patrimonio neto.

TÍTULO V

Responsabilidade

Artigo 41º.-Responsabilidade.

As entidades consorciadas responderán subsidiariamente dos actos e acordos do consorcio nas proporcións indicadas no artigo 26 dos estatutos.

Disposicións adicionais

Primeira.-O consorcio, no ámbito determinado para o seu obxecto e finalidades, ten as potestades e prerrogativas que lles corresponden ós entes locais non territoriais.

Segunda.-O custo do persoal adscrito polas entidades consorciadas poderá ser deducido das contribucións económicas ordinarias que lle corresponda aboar á entidade de orixe, na forma que se determine no acordo de adscrición.

Terceira.-Para o cumprimento dos seus fins, o consorcio poderá valerse dos servicios administrativos e técnicos de calquera das entidades locais consorciadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A entrada en vigor destes estatutos producirase, unha vez aprobados definitivamente polas entidades consorciadas, ó día seguinte da publicación do seu texto íntegro no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da que se realice no BOP.

Segunda.-Comunicaráselle á Administración central do Estado e á Xunta de Galicia, a constitución

do consorcio, para os efectos da súa inscrición nos correspondentes rexistros.

O que se fai público para xeral coñecemento.