Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Luns, 23 de outubro de 2000 Páx. 14.325

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 27 de setembro de 2000 pola que se aproba a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Porcina Celta.

A raza porcina celta agrupa a animais de tamaño grande, rústicos, moi adaptados á súa explotación en réxime extensivo. Atópanse exemplares da raza en todo o territorio galego, centrándose máis na provincia de Ourense, o sur da provincia de Lugo e na rexión central e noroeste da provincia da Coruña.

Tradicionalmente, a raza porcina celta explotouse en réxime extensivo ou, cando menos, semiextensivo. Caracterízase pola súa gran rusticidade, perfectamente adaptada ó medio no que se desenvolve, pastoreando, e alimentándose de recursos naturais estacionais como landras, castañas e abrochos vexetais dos extensos e ricos bosques autóctonos galegos.

Nas últimas décadas a despoboación rural, coa consecuente falta de man de obra e o abandono das terras, xunto coa intensificación dos sistemas productivos en busca de maiores rendementos das explotacións, fixeron que en Galicia se extinguira case totalmente o hábito do pastoreo porcino, en especial coa raza celta que foi cruzada con razas foráneas, máis selectas e con maiores rendementos cárnicos, ou substituída por estas, poñendo en perigo a conservación da única raza porcina autóctona galega.

As especiais características de rusticidade da raza porcina celta que lle permiten unha perfecta adaptación ás condicións de hábitat dos bosques autóctonos galegos, cargados de peculiaridades orográficas e climáticas, fan que estes animais poidan explotarse totalmente en réxime extensivo, obtendo deles uns productos de calidade excepcional, moi demandados actualmente. Este sistema de explotación fai ademais a esta raza colaboradora no mantemento e control da biomasa vexetal favorecendo a biodiversidade vexetal e o embelecemento do contorno paisaxístico, que unido ás súas peculiares características morfolóxicas, as súas cualidades reproductivas e á calidade organoléptica dos seus productos, fan que se lle deba prestar especial atención de modo que se garanta a súa recuperación e conservación.

A nova PAC prevé medidas encamiñadas ó desenvolvemento sostible dos bosques, ó mantemento e fomento de sistemas agrícolas de baixos insumos e á conservación e promoción dunha natureza de alta calidade e dunha agricultura sostible que respecte as esixencias ambientais.

O Catálogo Oficial de Razas de Gando de España, actualizado polo Real decreto 1682/1997, do 7 de novembro, contén a relación das razas autóctonas

de protección especial das especies bovina, ovina, caprina, porcina e equina onde se inclúen aquelas razas gandeiras en perigo de extinción, entre elas a raza porcina celta.

O Real decreto 723/1990, do 12 de xuño, sobre selección e reproducción de gando porcino de razas puras, adapta a normativa comunitaria en aspectos tales como a inscrición de gando porcino nos libros xenealóxicos e os requisitos que hai que esixir para o recoñecemento de asociacións ou agrupacións de criadores de gando porcino, facultando ás comunidades autónomas para a organización, desenvolvemento e control das ditas actividades no ámbito das súas respectivas competencias.

O Real decreto 997/1999, do 11 de xuño, sobre fomento das razas autóctonas españolas de protección especial en perigo de extinción, establece as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas polas comunidades autónomas, para a promoción e defensa das razas autóctonas españolas en perigo de extinción, coa finalidade de evita-la súa desaparición.

Dado o interese xenético, social, cultural, ambiental e económico, que supón para Galicia a recuperación, conservación e o fomento da raza porcina celta, así como constituír un valioso caudal xenético, resulta procedente o establecemento da regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Porcina Celta.

Por todo iso, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Porcina Celta, que figura no anexo da presente orde e que será de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para establece-la normativa adicional necesaria para o axeitado cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

ANEXO

Regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Porcina Celta

1º Levanza do Libro Xenealóxico da Raza Porcina Celta.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será o órgano competente para leva-lo Libro Xenealóxico da Raza Porcina Celta.

Non obstante, cando a Asociación de Criadores de Gando de Raza Porcina Celta, con recoñecemento oficial, reúna o número de reproductores necesarios e as condicións de infraestructura para a correcta xestión do libro xenealóxico, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá encomendarlle á dita asociación a levanza del. En todo caso, a inspección e intervención do Libro Xenealóxico será competencia da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2º O Libro Xenealóxico da Raza Porcina Celta constará dos seguintes rexistros:

Rexistro Auxiliar (RA).

Rexistro de Nacementos (RN).

Rexistro Definitivo (RD).

Rexistro de Mérito (RM).

Rexistro de Ganderías (RG).

Para a inscrición dun animal en calquera dos rexistros xenealóxicos que lle corresponda, así como para o rexistro dunha gandería no correspondente Rexistro de Ganderías, o titular ou o seu representante legal deberá solicitalo de forma expresa en impreso normalizado e aprobado para o efecto, pola Comisión Rectora de Libro Xenealóxico, á oficina do Libro Xenealóxico da Raza Porcina Celta.

O pase de animais dun a outro rexistro producirase automaticamente segundo o establecido na presente regulamentación.

Como referendo ós rexistros deste libro xenealóxico e para maior garantía da inscrición e identificación dos exemplares neles, a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico poderá realiza-las dilixencias e investigacións que estime pertinentes para aclarar cantos extremos considere necesarios, podendo, así mesmo, recorrer á verificación do parentesco mediante as correspondentes probas de paternidade.

Rexistro Auxiliar (RA): neste rexistro inscribiranse aqueles animais machos e femias que non cumpran as condicións para seren inscritos no Rexistro Definitivo (RD) e que cumpran as seguintes esixencias.

a) Que pertenzan a unha gandería inscrita no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan unha idade superior ós sete meses.

c) Que respondan ó prototipo racial.

d) Que manifesten un grao de formación acorde coa idade.

e) Que acaden na súa cualificación morfolóxica unha puntuación mínima de 60 puntos as femias e 70 puntos os machos.

f) Que non posúan defectos que dificulten a actividade reproductora.

Os exemplares inscritos neste Rexistro Auxiliar permanecerán nel durante toda a súa vida. O período

de inscrición neste rexistro manterase aberto mentres o considere procedente a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Rexistro de Nacementos (RN): inscribiranse as crías de ámbolos sexos nados de proxenitores inscritos nos distintos rexistros, sempre que cumpran as seguintes esixencias.

a) Que pertenzan a unha gandería inscrita no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que a declaración da cubrición ou da inseminación artificial fose remitida á Oficina do Libro Xenealóxico no correspondente parte mensual de cubricións e inseminacións.

c) Que o nacemento lle fose comunicado á Oficina do Libro Xenealóxico no correspondente parte mensual de nacementos.

d) Que os leitóns respondan ó prototipo racial e carezan de defectos determinados de descualificación.

Antes da desteta dos leitóns, o gandeiro deberá solicita-la inscrición no Rexistro de Nacementos daqueles que, ó seu xuízo, reúnan as condicións necesarias.

As crías inscritas neste rexistro estarán nel ata o seu traslado ó Rexistro Auxiliar ou ó Rexistro Definitivo, despois de ser cualificadas aptas pola Comisión Rectora do libro Xenealóxico.

Rexistro Definitivo (RD): poderán inscribirse nel os exemplares machos e femias procedentes do Rexistro de Nacementos que teñan alomenos inscritos os seus catro avós, a inscrición dos cales sexa aprobada pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico e que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería inscrita no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que obtivese unha cualificación morfolóxica mínima de 60 puntos as femias e 70 puntos os machos.

c) Que teñan un grao de formación, no momento da cualificación, en concordancia coa idade.

d) Que non presenten taras ou defectos que lles impidan unha normal función reproductora.

A permanencia dos exemplares neste rexistro estará condicionada ós resultados que se aprecien no control da súa descendencia, sendo dados de baixa no libro xenealóxico no caso de influencias desfavorables.

Igualmente causarán baixa tódolos reproductores machos e femias, e a descendencia deles, cando poidan apreciarse neles condicións hereditarias de baixa fertilidade, fecundidade ou deficientes cualidades maternais.

Rexistro de Méritos (RM): inscribiranse nel os reproductores máis sobresaíntes da raza, que procedan do Rexistro Definitivo e destaquen polas súas características morfolóxicas, productivas e xenealóxicas e sexa aprobada esta inscrición pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Este rexistro constará de dúas seccións: femias e machos.

Sección femias: accederán a esta sección aquelas reproductoras que alcancen os seguintes niveis selectivos:

a) Obtiveran no momento da súa inscrición no Rexistro Definitivo unha puntuación mínima de 85 puntos (moi bo) na súa cualificación morfolóxica.

b) Verificaran o primeiro parto antes dos quince meses de idade.

c) Contar cun mínimo de vintecinco descendentes inscritos no Rexistro Definitivo.

Estas femias obterán o título de «Reproductora de Mérito».

Sección machos: destinada a aqueles machos que fosen cualificados como «Excelente» nas probas de cualificación morfolóxica.

Estes machos obterán o título de «Castizo de Mérito».

Rexistro de Ganderías (RG): para o rexistro de animais no Libro Xenealóxico é obriga previa que a gandería á que pertenza figure inscrita no Rexistro de Ganderías de Criadores da Raza Porcina Celta. A cada gandería asignaráselle un código identificativo para efectos do libro xenealóxico. Este código está composto como segue: os dous primeiros caracteres serán as siglas «PC», procedentes do nome «Porco Celta»; os tres seguintes caracteres serán numéricos e corresponderán á orde correlativa de inscrición no citado Rexistro de Ganderías de modo que á primeira lle corresponda o número «001», á segunda o «002», etc.; finalmente, os dous últimos caracteres serán as siglas asignadas pola Oficina do Libro Xenealóxico a cada gandería segundo a súa orde de inscrición no Rexistro de Ganderías, de modo que a primeira gandería lle corresponderán as siglas «AA», a segunda «AB» e así sucesivamente.

3º Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Conforme o establecido na presente regulamentación e como salvagarda das actividades do libro xenealóxico e garante da súa pureza racial, funcionará unha comisión denominada Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, de exemplares, que terá a constitución e cometidos seguintes:

Composición da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Presidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Animal ou persoa en quen delegue.

b) Inspector director técnico: o xefe do Servicio de Producción Animal ou persoa en quen delegue.

c) Secretario: un veterinario técnico do Servicio de Producción Animal.

d) Vocais:

-Un técnico cualificador da raza nomeado, para o efecto, pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-O presidente da Asociación de Criadores de Gando da Raza Porcina Celta, recoñecida oficialmente pola autoridade competente, ou persoa en quen delegue.

Competencias da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Aprobar, se procede, as solicitudes de inscrición de animais nos distintos rexistros do libro xenealóxico.

b) Expedi-los respectivos documentos xenealóxicos.

c) Atende-las incidencias que xurdan no normal funcionamento do libro xenealóxico, así como resolve-las reclamacións que puideran presentarse.

d) Propoñe-las modificacións do prototipo racial ou da regulamentación específica do libro xenealóxico que se consideren convenientes.

e) Valida-los técnicos cualificadores da raza.

f) Dicta-las instruccións oportunas e establece-los documentos necesarios para o correcto funcionamento do réxime interno do libro xenealóxico.

4º Identificación de exemplares.

Todo animal inscrito será identificado, para efectos do libro xenealóxico, polo método que aprobe a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

5º Prototipo da raza porcina celta.

O prototipo ó que deben responde-los exemplares da raza porcina celta para a súa inscrición no libro xenealóxico é o que a continuación se detalla:

5.1. Aspecto xeral.

A raza porcina celta agrupa animais de tamaño grande, dolicocéfalos e perfil frontonasal de subcóncavo a recto, eumétricos e lonxilíneos. No seu conxunto son animais rústicos e harmónicos. O gran desenvolvemento do seu esqueleto, sobre todo do tercio anterior, e a lonxitude dos seus membros demostran a súa aptitude para a marcha, que é viva, grácil e de contorneo característico da raza.

Diferéncianse tres variedades: a variedade santiaguesa, a variedade barcina e a variedade carballina. As tres variedades son morfoloxicamente iguais e só se diferencian na ausencia ou presencia de pigmentacións e polo seu lugar de orixe, así, a variedade santiaguesa e barcina sitúanse no sur das provincial de Lugo e A Coruña e nas provincias de Pontevedra e Ourense, mentres que a variedade carballina é orixinaria da comarca de Carballo e comarcas limítrofes na provincia da Coruña.

5.2. Caracteres rexionais.

A) Cabeza.-De tamaño grande, forte, alongada e de perfil frontonasal de subcóncavo a recto, sendo no seu conxunto voluminosa. Fronte plana e proporcionada, formando unha aresta aguda na liña da caluga. Fociño ancho e gordo. Orellas grandes e caídas que cobren os pequenos ollos.

B) Pescozo.-Longo, estreito e forte.

C) Tórax.-Forte e profundo, con costelares pouco arqueados.

D) Costas.-Longas, lixeiramente inclinadas e de manifesta musculatura, facendo máis robusto o tercio anterior.

E) Dorso e lombo.-Estreitos, longos (conta con seis vértebras lumbares) e arqueados. A liña dorsolumbar debuxa desde a cruz ancha un arco que se fai máis prominente na unión de lombos e cadrís.

F) Cruz dos cadrís.-Caída, con formación muscular medio. O rabo está provisto na súa extremidade dunha borla de sedas e retórcese de modo típico.

G) Ventre e xenitais externos.-Ventre recollido, con liña inferior plana, cun mínimo de 6/6 tetas formadas, de implantación ampla e regularmente espaciadas. Excepcionalmente poderán admitirse exemplares con menos de 12 tetas, sempre que a súa cualificación global sexa superior a suficiente.

Testículos ben formados, simétricos en lonxitude e tamaño. Vulva ben formada nas femias.

H) Extremidades e marcha.-Extremidades ben formadas, longas e fortes, con articulacións limpas e definidas. Falanxes de lonxitude media. Pezuños resistentes e duros, con ausencia total de pigmentación.

Marcha viva, grácil e de contorneo característico da raza.

I) Cor e pelo.-A variedade santiaguesa caracterízase por posuír unha pel rosada con ausencia total de pigmentacións. A variedade barcina posúe pequenas pigmentacións, como lunares circulares de cor gris-lousa e a variedade carballina caracterízase polas súas extensas pigmentacións negras brillantes que en ocasións poden chegar a cubrir todo o seu corpo. Nas tres variedades a pel está cuberta de abundantes sedas, longas e fortes.

5.3. Defectos obxectables.

De acordo coa descrición do prototipo racial, considéranse como defectos obxectables os seguintes:

a) Defectos no asentamento das extremidades pouco destacables.

b) Extremidades curtas que fan baixo o animal.

c) Fociño pouco formado.

4.4. Defectos descualificables.

De acordo coa descrición do prototipo racial, considéranse como defectos descualificables os seguintes:

a) Conformación xeral ou rexional defectuosa en grao acusado (cabeza moi pequena e pouco voluminosa, perfil convexo, orellas curtas, estreitas ou levantadas, liña dorsolumbar recta, cruz dos cadrís horizontal e moi musculada).

b) Hernias.

c) Anomalías nos xenitais: monorquidia, criptorquidia e infantilismo xenital.

d) Desenvolvemento corporal non acorde coa idade.

e) Pigmentación total ou parcial dos pezuños.

6º Cualificación morfolóxica.

A cualificación morfolóxica dos exemplares será efectuada por técnicos validados para tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

A cualificación morfolóxica realizarase mediante apreciación visual e polo método dos puntos, no que o detalle servirá para xulgar comparativamente o valor dun exemplar determinado.

Cada rexión corporal cualificarase asignándolle de 1 a 10 puntos, segundo a seguinte escala:

ClasePuntos

Excelente10

Moi bo9

Máis que bo8

Bo6-7

Suficiente4-5

Insuficiente'4

A adxudicación de menos de catro puntos a calquera das rexións a valorar será causa para descualifica-lo animal, sexa cal fora a puntuación acadada nas restantes.

Os caracteres que hai que considerar son os que a continuación se relacionan, con expresión para cada un deles do coeficiente de ponderación. Os puntos que se asignen a cada un dos ditos aspectos multiplicaranse polo coeficiente correspondente, resultando así a puntuación definitiva.

Caracteres que hai que cualificarCoeficiente

Aspecto xeral (desenvolvemento, proporcións e peso) 2.00

Pel, pelo e pigmentación0.30

Cabeza1.70

Pescozo e tórax0.50

Costas0.70

Dorso e lombo1.50

Cruz dos cadrís e xamóns1.50

Ventre e xenitais0.30

Asentamento das extremidades e marcha1.50

TOTAL10.00

Obtida deste modo a puntuación final, os exemplares quedarán clasificados segundo as seguintes denominacións:

ClasificaciónPuntos

Excelenteo90

Moi boo85 e '90

Máis que boo80 e '85

Boo75 e '80

Aceptableo70 e '75

Suficienteo60 e '70

Os animais con puntuación inferior a 60 puntos estímanse rexeitados.