Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2001 Páx. 517

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 9/2001, do 11 de xaneiro polo que se regulan os criterios sanitarios para a prevención da contaminación por legionella nas instalacións térmicas.

A lexionelose é unha enfermidade causada pola bacteria legionella pneumophila e outras do seu xénero, e preséntase baixo dúas formas diferenciadas: enfermidade do lexionario, que é unha pneumonía atípica, cun período de incubación de 2 a 10 días, máis frecuente nas idades comprendidas entre 40-70 anos e en homes. O seu tratamento é antibiótico e case sempre require hospitalización. A letalidade é de menos do 5% na poboación xeral cun tratamento axeitado e do 15-20% sen tratamento; nos casos nosocomiais é do 40%, chegando ó 80% nos inmunocomprometidos sen tratamento axeitado e a febre de Pontiac, que se presenta como un cadro de tipo gripal e de carácter leve, cun período de incubación de 5 a 66 horas, e que só require tratamento sintomático.

A legionella é un xerme da familia legionellaceae que comprende un xénero, legionella e 40 especies, sendo a máis común a L. Pneumophila serogrupo 1, que é a causante do 85% aproximadamente das infeccións por legionella.

Atópase ampliamente distribuída nos ambientes acuáticos naturais (ríos, augas termais, lagos, etc.), en baixas concentracións, sobrevive en diversas condicións ambientais, e multiplícase entre 20 e 45ºC, sendo a súa temperatura óptima 35-37ºC, e destruíndose a 70ºC, polo que, para que a súa concentración aumente, ten que pasar a colonizar sistemas hídricos construídos polo home como torres de refrixeración e sistemas de distribución de auga sanitaria.

A transmisión ás persoas realízase desde estas instalacións, cando se producen aerosois, que son inhalados, xa que a súa vía de transmisión é aérea e non se demostrou risco ningún ó bebe-la auga contaminada.

A preocupación das autoridades sanitarias baséase na gravidade da enfermidade, a súa dimensión epidemiolóxica, a posibilidade de prevención e a relativa dificultade que ten a localización exacta das fontes de exposición nos casos de xermolo así como os tratamentos requiridos nas instalacións de risco unha vez que se produce a súa contaminación.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, nos seus artigos 18.6º e 24, establece que as administracións públicas elaborarán programas, entre outros, para a protección fronte a factores de risco e correspóndelle-la mellora dos sistemas de saneamento e control do aire e a vixilancia sanitaria e adecuación á saúde do medio en tódolos ámbitos da vida, incluíndo a vivenda. Así mesmo, as acti

vidades públicas ou privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias negativas para a saúde, serán sometidas polos órganos competentes a limitacións preventivas de carácter administrativo.

Así mesmo, a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, no seu artigo 23, recolle que para a consecución dos seus obxectivos as administracións sanitarias, de acordo coas súas competencias, crearán os rexistros e elaborarán as análises de información necesarios para o coñecemento das distintas situacións das que poidan derivarse accións de intervención da autoridade ás actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias negativas para a saúde, serán sometidas polos órganos competentes a limitacións preventivas de carácter administrativo, de acordo coa normativa básica do Estado.

O artigo 10 do Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, da Xunta de Galicia, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais establece que á Dirección Xeral de Saúde Pública, lle corresponden, no marco da actuación sanitaria da Comunidade Autónoma galega, as competencias relativas, entre outras, a actividades dirixidas a diminuí-lo impacto dos factores de risco e as dirixidas a aumenta-lo impacto dos factores protectores da saúde.

O Real decreto 1571/1998, do 31 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións términas nos edificios (RITE) e as súas instruccións térmicas complementarias (ITE) e crea a comisión asesora para as instalacións térmicas nos edificios, establece que os titulares ou usuarios das instalacións son responsables do cumprimento do regulamento e das súas instruccións técnicas no que se refire ó funcionamento e mantemento. Así mesmo, esixe que, para a posta en funcionamento será necesaria a autorización do órgano competente que se emitirá trala presentación do certificado da instalación, así como a existencia dun mantemento.

A norma UNE100-030-94, Guía para a prevención da legionella en instalacións, ten por obxecto proporcionar criterios para a prevención da contaminación de certas instalacións e equipos pola bacteria denominada legionella e para o control da súa multiplicación ambiental.

Co fin de poder planifica-las actuacións, valora-las situacións de risco e, se é o caso, adopta-las medidas que procedan, faise necesario o establecemento de sistemas de mantemento preventivo, debidamente documentados, fronte á contaminación por legionella nas instalacións térmicas de risco que os titulares ou usuarios deben establecer e poñer á disposición dos órganos competentes.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Industria e Comercio e Sanidade e Servicios Sociais, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, de conformidade co dictame do

Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de xaneiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto previ-la contaminación por legionella, a través do mantemento e desinfección sanitaria en determinadas instalacións consideradas de risco, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos do páragrafo anterior determinaranse:

1. As instalacións térmicas que son susceptibles de se converter en fonte de exposición e risco de lexionelose.

2. Os requisitos técnicos das instalacións.

3. As actividades preceptivas de mantemento preventivo e a súa frecuencia.

4. Os requisitos de desinfección e aspectos ambientais.

5. A información que hai que presentar nos órganos competentes, así como o rexistro de mantemento e desinfección.

6. As responsabilidades, órganos con competencia, infraccións e o réxime sancionador.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Terán a consideración de instalacións de risco de legionella:

1. Sistemas de climatización, quentamento ou refrixeración a través de aparellos que afecten os ambientes exteriores con equipos de transferencia de masas de auga en corrente de aire tales como torres de refrixeración e os condensadores evaporativos; e en ambientes interiores con aparellos de arrefriamento evaporativo e humectadores.

2. Sistemas de edificios que incorporen instalacións de auga quente sanitaria con acumulación que dean servicio principalmente a duchas para o aseo persoal e que teñan como destino o uso colectivo de persoas, tales como hospitais, clínicas, residencias, cuarteis, centros educativos, hoteis, cárceres, piscinas, vestiarios de complexos deportivos e calquera outro edificio de uso similar.

Capítulo II

Requisitos técnicos das instalacións

Artigo 3º.-Requisitos técnicos das instalacións.

As instalacións de risco deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) A instalación dos equipos deberá efectuarse de maneira que sexan facilmente accesibles para as operacións de limpeza e mantemento.

b) Deberán estar dotadas de, polo menos, un dispositivo para realizar tomas de mostras da auga de recirculación. O dispositivo permitirá unha fácil apertura e peche manual sen necesidade de emprego de ferramentas e estará nun lugar accesible.

c) Para reduci-la entrada de sucidade ó interior do equipo, as tomas de aire estarán dotadas de barreiras apropiadas.

d) No caso das torres de refrixeración e condensadores evaporativos, estes non poderán realizar descargas directas de bioaerosois a zonas públicas e/ou lugares frecuentados, debendose situar, preferentemente, na cuberta do edificio e afastados de elementos de risco como ventás, tomas de aire e de lugares frecuentados. En calquera caso, as descargas de aire destes equipos estarán sempre a unha cota de 2 metros por enriba da parte superior de calquera elemento ou lugar que se precise protexer, cando a distancia horizontal a eles sexa inferior a 10 metros.

Capítulo III

Mantemento preventivo fronte á lexionelose

Artigo 4º.-Mantemento das instalacións.

1. A tódalas instalacións que se recollen no artigo 2º e que estean afectadas polo Regulamento de instalacións térmicas nos edificios e as súas instruccións técnicas complementarias, aprobado polo Real Decreto 1751/1998, ou construídas ó amparo de regulamentos anteriores , así como ás afectadas polo Regulamento de seguridade para plantas e instalacións frigoríficas, aprobado polo Real decreto 3099/1977, do 8 de setembro, seralles de aplicación o mantemento establecido nel.

2. Para estas instalacións, ademais, no relativo ás normas de mantemento, cumpriranse os seguintes requisitos:

a) Os titulares que desexen cambiar de empresa mantedora, ou mantedor autorizado, deberán comunicalo por escrito á delegación correspondente competente en materia de industria, xuntando os datos da nova empresa mantedora ou mantedor autorizado, os cales asumirán o mantemento, unha vez que a delegación correspondente reciba a notificación.

b) Se o contrato de mantemento, que obrigatoriamente deben subscribi-lo titular e a empresa mantedora ou mantedor autorizado, vence sen que as partes o renovasen ou cambiasen, segundo o punto anterior, a empresa mantedora ou mantedor autorizado comunicaralle, por escrito, á delegación provincial competente na materia, a finalización da súa relación contractual co titular da instalación.

3. As instalacións construídas ó amparo das normas anteriores ó R.D. 1751/1998, ademais de cumpri-las prescricións previstas no parágrafo anterior, deberán levar a cabo un mantemento e limpeza dos compoñentes estructurais da instalación que garantan a ausencia de desperfectos, inscrustacións, corrosións, lodos, sucidade en xeral e calquera outra circunstancia que altere ou poida altera-lo bo funcionamento do equipo.

4. En calquera caso, durante o período de funcionamento normal das instalacións, aplicarase, como mínimo, un programa de mantemento e desinfección preventivo cada seis meses, coincidindo co inicio da primavera e do outono.

Capítulo IV

Desinfección e aspectos ambientais

Artigo 5º.-Desinfección.

1. Os desinfectantes que se deberán empregar serán os autorizados polo Ministerio de Sanidade e Consumo para uso ambiental, atendendo ás normas técnicas establecidas na Directiva 98/8/CE, relativa á comercialización de biocidas, e as disposicións que se transpoñan ó dereito nacional. Ademais serán de probada eficacia fronte á lexionelose, e o seu uso axustarase en todo momento ás especificacións técnicas e réxime de dosificación establecidos polo fabricante.

2. Cando os desinfectantes usados estean rexistrados como de uso ambiental no Rexistro Oficial de Praguicidas da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade e Consumo, deberán ser aplicados por empresas rexistradas no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas segundo a Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, publicada no Diario Oficial de Galicia, número 99, do 21 de maio.

3. Calquera tipo de substancia usada nestes procesos deberá cumpri-los requisitos de clasificación, envasado, etiquetaxe e provisión de fichas de datos de seguridade a que as obriga o vixente marco lexislativo de substancias e preparados perigosos recollidos no Real decreto 363/1995 e Real decreto 1078/1993, respectivamente.

Artigo 6º-Aspectos ambientais.

1. A descarga de auga con desinfectantes se se realiza directamente a un leito deberá contar coa preceptiva autorización do organismo de conca correspondente, tal e como se establece no artigo 92 da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, procedendo á oportuna neutralización previa deles.

2. As descargas anteriores, se se fan directamente ó sistema integral de saneamento deberán cumprir co Real decreto lei 1/1995, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas aplicables ó tratamento de augas residuais urbanas e o seu regulamento posterior aprobado polo Real decreto 509/1996, do 15 de marzo, de normas aplicables ó tratamento das augas residuais urbanas, e a súa modificación posterior no Real decreto 2116/1998, do 20 de outubro.

Capítulo V

Rexistro de instalacións, mantemento

e desinfección

Artigo 7º.-Rexistro de instalacións, mantemento e desinfección.

1. As instalacións expresadas no artigo 2º deberán estar inscritas no rexistro correspondente da Con-

sellería de Industria e Comercio de acordo coa regulamentación específica.

Os seus titulares deberán notificar á Dirección Xeral de Saúde Pública que posúen o certificado da instalación, segundo o Real decreto 1751/1998, do 31 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE) e que se atopan debidamente rexistrados na delegación correspondente da Consellería de Industria e Comercio, segundo o anexo I deste decreto e nos seguintes prazos:

a) As de nova creación, con carácter previo á súa entrada en funcionamento.

b) As xa existentes, nun período non superior a 30 días naturais desde a entrada en vigor deste decreto.

2. Tódolos titulares destas instalacións deberán dispor dun rexistro de mantemento e desinfección no que o responsable das ditas operacións realizará as seguintes anotacións:

a) Data da realización da limpeza, desinfección e calquera outra operación de mantemento, con especificación delas, quén as levou a cabo e protocolo seguido, así como calquera tipo de incidencia e medidas adoptadas. Cando iso sexa realizado por unha empresa contratada para o efecto, esta expedirá o correspondente certificado.

b) Data e resultados analíticos dos diferentes análises de auga realizadas.

Este rexistro estará sempre á disposición daqueles que desenvolvan as funcións de inspección na materia.

Capítulo VI

Responsabilidades, infraccións, sancións

e órganos competentes

Artigo 8º.-Responsabilidades.

Os titulares da instalación de risco serán os responsables do cumprimento do disposto neste decreto.

Artigo 9º.-Inspeccións.

Con independencia do recollido na normativa de aplicación, os órganos competentes, ben conxuntamente ou de xeito independente, dispoñerán cantas inspeccións sexan necesarias para comprobar e vixia-lo cumprimento deste decreto.

Así mesmo, por petición de calquera dos órganos competentes, os titulares das instalacións estarán obrigados a remiti-la documentación que sobre as condicións de autorización ou dos plans de mantemento lles sexan requiridas.

Artigo 10º.-Réxime sancionador.

As infraccións cometidas contra o disposto neste decreto poderán ser sancionadas polos órganos competentes, logo de instrucción do expediente correspondente, de acordo co establecido no título IX da

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e nas normas do seu desenvolvemento, sen prexuízo das responsabilidades civis, penais ou doutra orde que poidan concorrer, e das sancións que poidan corresponder en razón da normativa específica de aplicación.

Artigo 11º.-Tipificación das faltas.

1. Terán a consideración de infraccións administrativas os incumprimentos ou inobservancias dos termos deste decreto.

2. As infraccións clasificaranse en leves, graves e moi graves.

3. Terán a consideración de faltas leves, de conformidade co disposto no artigo 31.3º da Lei 21/1992, de industria:

a) A falta de comunicación á delegación provincial competente do cambio de empresa mantedora ou mantedor autorizado, ou da finalización da relación contractual co mantedor.

b) O incumprimento das prescricións contidas neste decreto cando non comporten risco para a saúde ou dano para as persoas, a flora, a fauna, as cousas ou o medio e non teñan a cualificación de faltas graves ou moi graves.

4. De acordo co previsto no artigo 31.2º da Lei 21/1992, de industria, terán a consideración de faltas graves, sempre que comporten perigo ou dano á flora, á fauna, ás cousas ou ó medio:

a) A carencia nas instalacións dos requisitos técnicos previstos no artigo 3, letras b), c) e d) deste decreto.

b) O incumprimento das normas de mantemento esixidas no punto 1 do artigo 4º deste decreto.

c) A falta de mantemento e limpeza dos compoñentes estructurais da instalación en condicións que garantan un bo funcionamento do equipo.

d) O incumprimento semestral do programa de mantemento e desifección preventivo nos períodos sinalados neste decreto.

e) A non adaptación das instalacións ás condicións estructurais ou de localización esixibles nos prazos previstos neste decreto.

f) O incumprimento da guía para a prevención da legionella nas instalacións dentro dos prazos previstos neste decreto.

5. De acordo co disposto no artigo 35B) da Lei 14/1986, xeral de sanidade, terán a consideración de faltas graves, sempre que comporten risco para a saúde ou dano para as persoas:

a) O incumprimento dos requisitos técnicos e das normas de mantemento e desinfección previstos neste decreto.

b) A non adaptación das instalacións ás condicións estructurais ou de localización esixibles ou o incumprimento da guía para a prevención da legionella nas instalacións dentro dos prazos previstos neste decreto.

c) O emprego de desinfectantes non autorizados ou á marxe das especificacións técnicas ou réxime de dosificación establecidas neste decreto ou a súa utilización por empresas non rexistradas.

d) A utilización de substancias nos procesos de desinfección incumprindo os requisitos previstos na súa normativa específica.

e) O incumprimento dos requirimentos específicos que formule a autoridade competente e a resistencia a subministrar datos, facilitar información ou prestar colaboración ós servicios de control e inspección.

6. Terán a consideración de faltas moi graves, de acordo co disposto no artigo 31.1º da Lei 21/1992, de industria, as tipificadas como faltas graves cando delas resulte un dano ou derive un perigo moi grave e inminente para a fauna, a flora, as cousas ou o medio.

7. Serán faltas moi graves, de acordo co disposto no artigo 35C) da Lei 14/1986, xeral de sanidade:

a) As consideradas como faltas graves cando se realicen de forma consciente e deliberada, ou cando sexan concorrentes con outras infraccións graves ou servisen para facilitar ou encubri-la súa comisión.

b) A negativa absoluta a facilitar información ou prestar colaboración á autoridade competente e a resistencia, coacción, ameaza, represalia, desacato ou calquera outra forma de presión exercida sobre as autoridades competentes ou os seus axentes.

Artigo 12º.-Órganos competentes sancionadores.

Os órganos competentes para a imposición de sancións, no marco das respectivas competencias e nas contías previstas na Lei 21/1992, de industria e 14/1986, xeral de sanidade, serán:

a) Para as infraccións leves recollidas no artigo 11º.3 deste decreto, o delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio.

b) Para as infraccións graves sinaladas no artigo 11º.4 deste decreto, o director xeral competente en materia de industria e o director xeral de Saúde Pública nas infraccións recollidas no artigo 11º.5 deste decreto.

c) Para as infraccións moi graves recollidas no artigo 11º.6 deste decreto, o conselleiro de Industria e Comercio, e o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais nas infraccións sinaladas no artigo 11º.7 deste decreto, coa excepción do acordo de peche temporal do establecemento, que lle corresponderá ó Consello da Xunta.

Disposicións transitorias

Primeira.-Tódalas instalacións de risco deberán adecuarse ás condicións hixiénico-sanitarias esixidas nesta norma desde o momento da súa entrada en vigor, excepto no que fai referencia ós aspectos estructurais e de localización previstos no artigo 3º deste decreto, para os que se dá un prazo dun ano desde a súa entrada en vigor.

Segunda.-As instalacións definidas no punto 1 do artigo 2º estarán obrigadas a cumprir, desde a entrada en vigor deste decreto, a UNE 100-030-94, Guía para a prevención da legionella en instalacións. Os aparellos e equipos de producción cumprirana no prazo de 2 anos, e o resto das instalacións de conducción no prazo de 5 anos.

Terceira.-As instalacións definidas no punto 2 do artigo 2º estarán obrigadas igualmente a cumprir, desde a entrada en vigor deste decreto, a UNE 100-030-94, Guía para a prevención da legionella en instalacións. As salas de caldeiras de preparación de auga quente sanitaria cumprirana no prazo de 2 anos e o resto das instalacións de conducción no prazo de 5 anos.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as consellerías de Industria e Comercio e Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor no prazo dun mes contado desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xaneiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

ANEXO I

Notificación á Dirección Xeral de Saúde Pública.

O/A Sr/a. D/na. .... con NIF/CIF.... titular da instalación sita na rúa .... notifica á Dirección Xeral de Saúde Pública que pusúe o certificado da instalación segundo o Real decreto 1751/1998, do 31 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE) e que se atopa debidamente rexistrado na delegación correspondente da Consellería de Industria e Comercio.