Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2001 Páx. 2.236

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 43/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do depósito legal.

O depósito legal é o instrumento normativo que permite recoller exemplares dos materiais impresos ou audiovisuais de todo tipo realizados en Galicia, reproducidos en calquera soporte e por calquera procedemento para a difusión pública.

As transferencias asumidas pola Xunta de Galicia en materia de depósito legal, contidas no Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, implican poñer baixo a responsabilidade das institucións propias de Galicia a tarefa que comporta a recolla de materiais, a información e a estatística sobre estes, facilitando ademais as medidas necesarias para desenvolver este labor.

Todo isto vén contribuír, en primeiro lugar, a potencia-la formación e elaboración dos catálogos de materiais producidos en Galicia, dentro das normas xerais establecidas; en segundo lugar, a divulgar e coñecer mellor a nosa producción e, en terceiro lugar, indirectamente, a potencia-la nosa producción e a súa utilización.

A producción bibliográfica constitúe un indicador do nivel cultural e científico dun país e é, ademais, fonte informativa de gran valor para o investigador; por iso, recolle-la bibliografía producida e informar sobre ela é un obxectivo primordial dunha sociedade desenvolvida.

Isto cómpre predicalo tamén dos outros materiais non bibliográficos que se recollen polo depósito legal e que hai que catalogar, conservar e divulgar por representaren a manifestación da cultura no seu sentido máis amplo.

Con este decreto unifícase a normativa existente ata este momento na materia: o Decreto 36/1991, do 1 de febreiro, polo que se establecen as normas que regulan o funcionamento do depósito legal en Galicia, e a Orde do 13 de febreiro de 1992, pola que se desenvolve o anterior.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Materias obxecto de depósito legal.

1. Son obxecto de depósito legal tódolos escritos, estampas, imaxes e composicións musicais producidos en Galicia en exemplares múltiples con fins de difusión, feitos por procedementos mecánicos, químicos ou de calquera outra natureza.

2. O depósito legal comprende, xa que logo:

a) Libros, calquera que sexa o seu contido, forma e impresión, estean ou non destinados á venda.

b) Folletos, entendendo por tales os impresos cun número de páxinas maior de catro e non superior a cincuenta, con características semellantes ás sina

ladas no parágrafo anterior. Inclúense neste concepto as separatas de artigos que teñan paxinación propia.

c) Follas impresas, con fins de difusión, que non constitúan propaganda esencialmente comercial.

d) Publicacións periódicas tales como anuarios, revistas e diarios.

e) Partituras musicais.

f) Gravados: láminas soltas, láminas de calendarios, estampas, cromos, postais de Nadal e anuncios artísticos.

g) Carteis anunciadores de espectáculos, festas e demais actos públicos, tanto relixiosos coma profanos, anunciadores de artigos comerciais, sempre que leven gravados artísticos ou textos explicativos literarios, bandos e edictos.

h) Mapas e planos.

i) Postais ilustradas.

j) Naipes.

k) Diapositivas destinadas á difusión e venda.

l) Impresións ou gravacións sonoras realizadas por calquera procedemento ou sistema empregado na actualidade ou no futuro.

m) Produccións cinematográficas, tanto de tipo argumental coma documental, en calquera formato e duración e vídeos.

n) Microformas destinadas á difusión ou venda en tódalas súas variedades, calquera que sexa o seu soporte ou formato.

ñ) Ficheiros de datos lexibles polo ordenador, cando os datos se comunican por medio de calquera soporte, lexible por máquina ou de forma visual, con fins de difusión ou venda.

Artigo 2º.-Exclusión

1. Quedan excluídos da obriga de constituí-lo depósito legal os seguintes impresos:

a) Selos de correos.

b) Impresos de carácter social ou particular, invitacións de voda, bautizos, necrolóxicas, tarxetas de visita, carnés de identidade, títulos, diplomas e outros, sempre que non leven gravados artísticos e texto literario.

c) Impresos de carácter comercial que non teñan gravados artísticos nin textos explicativos de carácter técnico ou literario.

d) Impresos de oficina.

e) Publicacións realizadas por ordes relixiosas que non pasen do ámbito da súa comunidade.

f) Carteis anunciadores de artigos comerciais que non teñan gravados artísticos.

2-Nos casos de dúbida, o centro directivo competente en materia de depósito legal, segundo a estructura orgánica da consellería competente en materia de cultura, determinará a obrigatoriedade de constituí-lo depósito de certos materiais.

Artigo 3º.-Xestión.

O depósito legal en Galicia estará xestionado, segundo determina a Lei 14/1989, do 11 de outubro,

de bibliotecas, desde o Centro Superior Bibliográfico de Galicia. Contará con oficinas en cada unha das delegacións provinciais da consellería competente en materia de cultura e coa oficina local de Vigo.

Artigo 4º.-Presentación de exemplares.

1. Unha vez rematada a obra obxecto de depósito, as oficinas que xestionan o depósito legal recollerán os materiais que se especifican a seguir e daránlle-lo destino que se sinala en cada caso:

a) Das obras suxeitas ó ISBN recolleranse cinco exemplares: un para a biblioteca pública provincial onde estea a oficina de depósito legal, un para o Centro Superior Bibliográfico de Galicia en Santiago de Compostela e outros tres para a Biblioteca Nacional do Estado.

b) Das obras non suxeitas ó ISBN recolleranse catro exemplares: un para a biblioteca pública provincial onde estea a oficina de depósito legal, outro para o Centro Superior Bibliográfico de Galicia en Santiago de Compostela e os outros dous para a Biblioteca Nacional do Estado.

c) No caso das obras sonoras ou de imaxes, microformas e ficheiros de datos lexibles polo ordenador, o productor entregará tres exemplares, dous dos cales serán depositados no Centro Superior Bibliográfico e o terceiro seralle remitido á Biblioteca Nacional do Estado.

2. As oficinas de depósito legal enviarán mensualmente ós lugares anteriormente especificados os exemplares correspondentes.

3. No momento de recibi-los exemplares recollidos neste artigo, os responsables da oficina de depósito legal cubrirán un impreso de recepción por duplicado. Unha das copias seralle entregada ó depositante como xustificación da entrega.

4. A oficina de depósito legal anotará a data da entrega no libro de rexistro e máis na ficha do depositante. Posteriormente enviará á unidade competente en materia do libro e bibliotecas do correspondente centro directivo unha das copias do impreso de recepción xuntando o exemplar de depósito. Outro tanto fará coa biblioteca nodal sita na localidade respectiva, á que se destinará en depósito un exemplar de cada obra. Estes envíos realizaranse mensualmente.

5. Os exemplares depositados que se encontren defectuosos serán devoltos ó impresor para seren substituídos por outros en perfecto estado.

6. No que respecta á dispensa de presentación do número regulamentario de exemplares no caso das obras de bibliófilo, actuarase conforme o disposto no artigo 40.4º do Real decreto de transferencias 1634/1980, do 31 de xullo.

Artigo 5º.-Obriga de constitución do depósito legal.

1. A obriga de constituí-lo depósito legal das obras expresadas no artigo 1 correspóndelle ó impresor, tratándose de impresos e, dunha maneira subsidiaria, ó editor e ó autor. Nas outras clases de obras esta obriga compételle ó productor.

No caso de interviren diversos impresores ou productores, será responsable o impresor ou o productor da parte principal, sen quedaren exentos da responsabilidade subsidiaria os outros impresores ou productores implicados. Para estes efectos enténdese como a parte principal o texto.

2. Os editores de prensa diaria, revistas, publicacións periódicas e obras en fascículos, non obstante a obriga legal de efectuaren o depósito dos exemplares regulamentarios, inscribirán a súa publicación na oficina do depósito legal correspondente unha soa vez e baixo un só número de depósito legal.

Artigo 6º.-Gratuidade.

O depósito legal será gratuíto e deberá constituírse nas oficinas que se determinan no artigo terceiro deste decreto.

Artigo 7º.-Constitución do depósito legal.

A constitución do depósito legal realizarase:

a) Número de depósito: cando a obra estea próxima ó seu remate, o impresor ou o productor solicitará na oficina correspondente a asignación provisional do número do depósito no impreso oficial que se lle facilitará para o efecto. O responsable da oficina devolveralle ó solicitante unha copia da solicitude na que fará consta-lo número de depósito legal asignado. Unha vez asignado o número de depósito, a obra deberá ser finalizada e publicada dentro do prazo de sesenta días naturais. Se rematado este prazo a obra non foi publicada, farase unha nova solicitude demandando unha prórroga ou comunicando a anulación do número reservado. A solicitude de prórroga será resolta favorablemente por un período improrrogable doutros sesenta días naturais. Acabado este período, o número será anulado e se a oficina correspondente do depósito non recibiu noticia neste sentido, iniciarase o pertinente expediente sancionador.

b) Entrega dos exemplares da obra: dentro do prazo de trinta días naturais despois do remate da obra, o solicitante entregará na oficina correspondente os exemplares, completos e en perfecto estado, que han constituí-lo depósito. A oficina de depósito legal facilitará xustificante de entrega, no que se farán consta-los datos do libro rexistrado e o cumprimento desta obriga legal.

Artigo 8º.-Número de depósito legal.

1. A impresión do número de depósito legal debe aparecer de forma clara e visible, segundo as seguintes normas:

a) Nos libros e folletos, o número de depósito legal figurará na mesma folla de impresión do ISBN, no reverso da portada ou da anteportada.

b) Na prensa diaria e revistas en formato periódico, o número de depósito legal figurará na cabeceira de cada exemplar, nas revistas con portada e formato libre figurará no reverso da portada ou anteportada.

c) Os demais impresos levarán o número de depósito legal nun lugar ben visible.

d) En postais, cromos ou estampas, o número de depósito legal imprimirase no reverso da ilustración.

e) Os discos e compactos levarán impreso o número de depósito legal na etiqueta central da placa e na cuberta de cada disco.

f) As cintas magnetofónicas que porten etiqueta levarán nela o número de depósito legal. Nos demais casos este imprimirase na cuberta.

g) Nas películas e vídeos faranse constar de forma ben visible os datos de depósito legal, de xeito que estas poidan lerse ó seren proxectadas.

h) Os diferentes tomos dunha obra unitaria levarán todos un mesmo número de depósito legal, aínda que non leven o mesmo número de ISBN. De non seren impresos todos a un tempo, nin pola mesma imprenta, é responsabilidade do impresor do primeiro tomo solicita-lo número de depósito legal que llo comunicará ó editor para que este llelo comunique, pola súa banda, ós impresores do volume ou volumes restantes. Neste sentido, os editores son os responsables dos sucesivos volumes dunha mesma obra e terán que engadi-lo número que lle corresponde a cada volume. Polo que se refire ás publicacións en serie numeradas, cada número será considerado, para os efectos de depósito legal, como unha unidade independente.

i) As separatas de artigos de revista, con paxinación propia, levarán o mesmo número de depósito legal que a publicación onde aparece o texto. Farase consta-la abreviatura sep entre a sigla da cidade e o número de depósito legal.

j) Nas coleccións lexislativas que sucesivamente publiquen suplementos de follas intercambiables, suxeitas igualmente a depósito legal, manterase o número de depósito legal da publicación básica.

k) As segundas e as sucesivas edicións dunha obra requiren novos números de depósito legal, así como as reimpresións con variacións, por pequenas que estas sexan. As reimpresións sen variación ningunha conservarán o mesmo número de depósito legal da súa anterior impresión, tendo a obriga os productores de entregar na oficina de depósito legal correspondente un exemplar declarando o número de exemplares da tiraxe para elabora-la estatística da producción editorial galega.

l) Nas microformas faranse consta-los datos do depósito legal de xeito que se recoñezan visible e claramente ó seren visualizadas, e imprimiranse na cuberta.

m) Nos ficheiros de datos lexibles polo ordenador faranse consta-los datos de depósito legal de forma que aparezan visible e claramente no acceso a eles ó seren visualizados na pantalla.

2. Unha vez asignado o número de depósito legal, a obra deberá estar finalizada no prazo previsto no artigo 7º deste decreto. No caso de non rematarse a obra nos prazos esixidos, o solicitante poderá pedir unha prórroga nas condicións sinaladas no citado artigo utilizando o impreso que para tal efecto a propia oficina lle facilitará. De non ter previsto remata-la obra, renunciará ó número asignado, que se anulará.

3. Os números de depósito legal anulados non serán concedidos a outras publicacións.

4. O número de depósito legal imprimirase segundo as instruccións que se indican a seguir:

Poñerase en primeiro lugar o depósito legal ou a abreviatura D.L. seguido destas tres partes:

a) Siglas da oficina xestora: C para A Coruña, LU para Lugo, OU para Ourense, PO para Pontevedra e VG para Vigo.

b) Número de orde dentro do ano na oficina que corresponda.

c) Ano que corresponda á numeración. No caso de que a impresión do ano prexudique dalgunha maneira o solicitante, este pode obter autorización para substituí-lo número arábigo do ano pola súa clave, que será facilitada pola oficina de depósito legal. Considérase 1958 como ano I, por se-la data en que se implantou o actual sistema de depósito legal.

Artigo 9º.-Comprobación.

1. O centro directivo competente segundo a estructura orgánica da consellería competente en materia de cultura e, se é o caso, as oficinas de depósito legal, deberán comproba-lo cumprimento do previsto neste decreto.

2. As oficinas de depósito legal recollerán o número de exemplares obxecto de depósito remitidos polos depositantes e encargaranse da súa inspección, comprobando que sexan orixinais e non fotocopias, que estean completos e en perfecto estado, que a cantidade entregada sexa a que corresponde segundo o artigo 4º deste decreto, que os datos do libro de rexistro de solicitude do número de depósito legal coincidan cos que aparecen na publicación e que a impresión do número se realice no lugar correcto.

Artigo 10º.-Expedientes e sancións.

1. Naqueles casos en que se comprobe a existencia de infraccións en materia de depósito legal, de acordo co previsto na normativa aplicable, as oficinas de depósito legal formalizarán a acta correspondente, que deberán remitir ó Centro Superior Bibliográfico de Galicia para ser elevado ó centro directivo competente, que, se procede, formalizará o expediente para determina-la responsabilidade en que se puidese incorrer. A oficina notificaralle á empresa o inicio do expediente de sanción, ó cal se xuntará un prego de cargos, para que no prazo de oito días hábiles a partir do seguinte ó da súa recepción formule o oportuno prego de descargos coa achega das probas que interesen ó seu dereito.

Transcorrido o prazo de oito días sen que a empresa formule alegación ningunha e, en todo caso, dentro dos dez días seguintes ó da recepción do prego de descargos formulado en tempo hábil, o delegado provincial da consellería competente en materia de cultura elevará ó titular do centro directivo competente a correspondente proposta de sanción ou sobresemento, segundo proceda. En todo caso, a empresa poderá interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro competente en materia de cultura no prazo dun mes, contado a partir da notificación da sanción.

2. Os editores, vendedores ou distribuidores incorrerán nas responsabilidades previstas neste artigo cando posúan para a venda ou distribución exemplares de obras suxeitas a depósito legal que carezan do número correspondente.

3. As oficinas de depósito legal darán conta á unidade competente en materia do libro e bibliotecas do correspondente centro directivo das revistas e diarios que cesen na súa publicación.

Artigo 11º.-Rexistro e catalogación.

A unidade competente en materia do libro e bibliotecas do correspondente centro directivo rexistrará os materiais entregados no libro de rexistro, incluiraos no ficheiro de impresores e productores e encargarase da súa catalogación e posterior tratamento.

Artigo 12º.-Inscrición.

A oficina de depósito legal inscribirá a obra no libro de rexistro e na ficha de productores correspondente ó solicitante.

Disposición adicional

Única.-O cumprimento das obrigas establecidas neste decreto será requisito imprescindible para a obtención de subvencións ou axudas para a producción de calquera tipo de material bibliográfico, convocadas pola Comunidade Autónoma de Galicia; este requisito debe figurar nas correspondentes convocatorias.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas as seguintes normas: o Decreto 36/1991, do 1 de febreiro, polo que se establecen as normas que regulan o funcionamento do depósito legal en Galicia, e a Orde do 13 de febreiro de 1992, pola que se desenvolve o Decreto 36/1991, do 1 de febreiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de cultura para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo