Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 09 de abril de 2001 Páx. 4.706

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 28 de marzo de 2001 pola que se aproba a Carta Galega de Calidade dos centros de educación ambiental.

A necesidade de afronta-la problemática ambiental en Galicia, dende as súas propias realidades territoriais -aínda que coa perspectiva da súa pertenza a unha sociedade cada vez máis globalizada-, xustifica unha estratexia específica de educación ambiental para esta Comunidade Autónoma pola esixencia de sinalar prioridades e identificar obxectivos, de racionalizar recursos e convocar vontades (individuais e colectivas), de coordinar e orientar decisións e accións en diversos plans políticos e sociais, situando nun lugar preferente a educación.

Trátase, deste modo, de recoñecer e incentiva-lo papel da educación, nas súas distintas modalidades e ámbitos de intervención, como unha práctica social coadxuvante no logro dunha sociedade ambientalmente máis sostible, consecuente cun reparto equitativo e xusto das cartas e dos beneficios ambientais a nivel global.

Recentemente a Xunta de Galicia procedeu á aprobación do Decreto 32/2001, do 25 de xaneiro, polo que se crea o rexistro xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental e se regulan as condicións de inscrición, co obxecto de dispoñer dun instrumento de publicidade e información sobre a existencia, organización e fins das entidades e centros da educación ambiental, que así mesmo, poida servir de apropiada canle de ordenación das axudas públicas que facilitan o desenvolvemento e cumprimento desas actuacións e obxectivos.

Os centros de educación ambiental son instrumentos de enorme importancia na promoción e desenvolvemento dos programas e actividades de educación ambiental. Neste sentido Galicia precisa dunha infraestructura suficiente de tales centros, tal e como sinala a Estratexia Galega de Educación Ambiental. A Administración autonómica, concertadamente con outras administracións, coa iniciativa privada e outros axentes de educación ambiental considera oportuno aprobar e difundir unha carta de calidade para centros de educación ambiental, que defina os diferentes tipos de centros e determine os requisitos mínimos para cada tipo de instalación. Favorécese así un proceso dinámico de mellora da calidade destes centros que redundará en beneficio da educación ambiental ó tempo que se lle outorga á Administración autonómica un instrumento de avaliación que permitirá unha asignación dos seus recursos máis xusta e eficaz.

En virtude do exposto, e en uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación.

Apróbase a Carta de Calidade da Rede Galega de Centros de Educación Ambiental que se define como o marco que establece os criterios de calidade que deben cumpri-los centros de educación ambiental en Galicia nun horizonte de mellora da educación ambiental en Galicia, de acordo coa Estratexia Galega de Educación Ambiental.

Artigo 2º.-Criterios de calidade.

Os criterios de calidade do centro que se explicitan no anexo abarcan o proxecto de educación ambiental do centro, as instalacións, os recursos, o equipo educativo e a xestión do equipamento.

Artigo 3º.-Cumprimento dos criterios de calidade.

1. A Administración autonómica valorará o cumprimento dos criterios de calidade da Carta de Calidade da Rede Galega de Centros de Educación Ambiental para os efectos de inscrición, suspensión ou cancelación no Rexistro de Centros e Entidades de Educación Ambiental.

2. O cumprimento dos criterios de calidade da Carta de Calidade da Rede Galega de Centros de Educación Ambiental será valorado na concesión de axudas para a educación ambiental que convoque a Administración autonómica.

3. O cumprimento dos criterios de calidade da Carta de Calidade da Rede Galega de Centros de Educación Ambiental será un criterio preferente para o acceso ós intercambios e empréstimos de materiais didácticos, participación na publicidade e calquera outro mecanismo de información cos que conte a Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 4º.-Revisión de criterios.

Transcorridos dous anos desde a súa aprobación e logo do dictame do Observatorio Galego de Educación Ambiental revisaranse, se procede, os criterios da Carta de Calidade da Rede Galega de Centros de Educación Ambiental.

Disposición derradeira

Única.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO

I. Criterios de calidade do proxecto de educación ambiental do centro.

1. O Centro de Educación Ambiental debe ter un proxecto de educación ambiental que afonde na identidade propia e que recolla a oferta e gama de actividades e programas.

2. O proxecto de educación ambiental do centro debe ser fundamentalmente un proxecto encadrado na ética e obxectivos da educación ambiental, aínda que poida compaxinar esta actividade, que é a principal, con outras actividades coherentes coa filosofía do centro (deportes de baixo impacto, turismo rural, proxectos de desenvolvemento local, formación noutros ámbitos relacionados coa educación ambiental...).

3. O centro estará inmerso no seu contorno. Nel desenvolverá iniciativas de coñecemento, sensibilización e conservación dentro de estilos de vida sostible, promovendo a integración e a participación da súa poboación.

4. O proxecto de educación ambiental é un documento que debe recoller explicitamente os fins, obxectivos e sinais de identidade do centro (metodoloxía, contidos, actividades, programas, temporalización, recursos materiais e humanos, destinatarios, avaliación...), así como a descrición física da infraestructura, do contorno como recurso educativo e do programa xeral de actividades.

5. O proxecto de educación ambiental debe valorar e minimiza-lo impacto das diferentes actividades no medio, axeitándoas á súa capacidade de carga.

6. Os obxectivos do proxecto de educación ambiental teñen que ser acordes cos obxectivos xerais da educación ambiental expresados nos seguintes puntos: toma de conciencia, coñecementos, actitudes, aptitudes, avaliación e participación cara á consecución dun desenvolvemento sostible.

7. Os obxectivos educativos teñen que ser explicitados no proxecto dun xeito realista e deben ser avaliables.

8. Os obxectivos dos programas especificamente dirixidos á comunidade educativa serán acordes co currículo escolar.

9. Os obxectivos dos programas dirixidos a outros sectores de poboación abarcarán contidos conceptuais, aspectos de carácter social, de desenvolvemento persoal, de fomento de intercambio de experiencias, de toma de decisións e de participación.

10. O programa educativo debe fomenta-la integración das persoas con discapacidades e as actitudes de igualdade, solidarias e non discriminatorias. As distintas ofertas de actividades educativas estarán adaptadas ós grupos, considerando características como idade, procedencia, formación, motivación, expectativas, características do grupo, disfuncións e minusvalías.

11. A metodoloxía deberá ser activa, participativa, crítica, cooperativa, integradora e interdisciplinar.

12. O programa debe recoller explicitamente tres momentos no desenvolvemento educativo da actividade: o traballo de información e motivación antes da estadía no equipamento, a programación durante a estadía e as actividades de compromiso, participación e avaliación ó remate dela.

13. A avaliación das actividades debe ser realizada polo equipo educativo, polas persoas participantes e polas institucións implicadas.

14. A avaliación debe recolle-la valoración sobre:

a) Os coñecementos, actitudes e comportamentos dos participantes.

b) Os obxectivos, metodoloxía, contidos e actividades do programa educativo.

c) Os recursos e materiais de apoio, así como sobre o seu uso.

d) Os espacios e instalacións.

e) A organización e funcionamento.

f) O equipo educativo.

g) As intervencións realizadas no contorno, se é o caso.

h) A propia avaliación.

15. É recomendable utilizar, sempre que sexa posible, instrumentos de avaliación que permitan o diagnóstico e valoración con criterios comparables.

16. Periodicamente avaliarase ou auditarase o impacto do desenvolvemento das actividades sobre o medio.

17. O proxecto debe actualizarse cunha frecuencia mínima de tres anos, evolucionando segundo o desenvolvemento dos programas, o resultado das avaliacións e a mellora do equipamento.

II. Criterios de calidade das instalacións.

1. As instalacións deben estar ben comunicadas, sinaladas e accesibles a todo tipo de usuarios, respectando as características do contorno.

2. O equipamento debe garanti-lo cumprimento e o control da normativa en canto ás condicións hixiénico-sanitarias, tratamento dos residuos e augas residuais, sistemas de seguridade, comunicación e emerxencia, barreiras arquitectónicas, aloxamento e manipulación de alimentos, infraestructuras específicas, e outras disposicións xerais e específicas do espacio.

3. As instalacións deben cumpri-las medidas de seguridade vixentes en canto á sinalización, recomendacións, valados, prohibicións de acceso a zonas potencialmente perigosas.

4. As instalacións deben ser coherentes desde a perspectiva ambiental, tanto no uso e xestión dos recursos como nos tipos de materiais de construcción e uso e na xeración e tratamento dos residuos, na reducción de contaminantes e na aplicación de sistemas de aforro e eficiencia da enerxía e da auga.

5. Os espacios de traballo deben ser apropiados para o desenvolvemento das actividades e contar cos recursos e dotacións necesarios de habitabilidade (luz, ventilación, calefacción, humectación do aire, etc.), adaptados ó público, ás características do espacio e ós fins das actividades.

6. As instalacións deberían ser, na medida do posible, acordes coa arquitectura do contorno e estaren integradas na paisaxe.

7. O número de participantes ou usuarios ten que ser acorde coa capacidade das instalacións, tanto nos obradoiros e espacios educativos como noutras infraestructuras como comedores, servicios e duchas.

III. Criterios de calidade dos recursos.

1. O centro disporá de recursos específicos necesarios para desenvolve-lo seu programa de educación ambiental.

2. Os materiais necesarios para desenvolve-los programas e actividades deben ser suficientes en canto ó número, adaptados e normalizados ós usuarios, evitando o uso de materiais tóxicos ou contaminantes.

3. O centro contará con materiais e recursos que garantan a seguridade persoal e ambiental das persoas usuarias e do contorno.

4. O centro deberá dispor de recursos suficientes para, ante calquera eventualidade, programar actividades complementarias ou que substitúan as inicialmente concertadas.

5. O centro deberá dispor de recursos ambientalmente coherentes e fará un uso racional deles.

IV. Criterios de calidade do equipo educativo.

1. O número de persoas que integran o equipo educativo debe se-lo suficiente para desenvolve-lo programa, de acordo coas directrices que marca o Decreto 32/2001, do 25 de xaneiro, polo que se crea o Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental a este respecto. No caso de actividades con persoas con discapacidades requirirase persoal de apoio adaptado ás súas necesidades específicas.

2. O centro de educación ambiental debe achegar un organigrama de funcionamento no que apareza especificada a función e responsabilidade de cada un dos integrantes do equipo educativo, a súa formación, a carga horaria. O centro debería ter un responsable educativo.

3. A actitude e hábitos das persoas que integran o equipo deben ser coherentes cos principios recollidos no proxecto de educación ambiental.

4. Os compoñentes do equipo educativo deberán ter suficiente formación específica no ámbito educativo e/ou ambiental.

5. O centro debe dispoñer das acreditacións dos membros do equipo educativo en canto a formación regrada (licenciaturas, diplomaturas ou enxeñerías), formación non regrada (cursos, xornadas, seminarios, encontros...) e outra formación complementaria (títulos de monitoraxe, animación, formación de formadores, avaliación...).

6. O centro de educación ambiental debe favorece-la formación, o intercambio e a actualización dos compoñentes do equipo educativo.

V. Criterios de calidade da xestión.

1. O centro deberá ofertar actividades de educación ambiental de cara ó público nun período non inferior a 180 días ó ano, salvo causas xustificadas.

2. O centro deberá dispor de medios específicos suficientes para difundir axeitadamente a súa oferta educativa ambiental (trípticos, folletos, vídeos, Internet...).

3. O prezo non debe constituír un factor limitante para os usuarios, permitindo a participación e acceso, na medida do posible, a tódalas persoas interesadas, e debe ser acorde coas prestacións.

4. Os servicios do centro así como o mantemento xeral das instalacións ademais de observa-la normativa legal vixente, deben ser apropiados e suficientes para atende-las necesidades dos usuarios.

5. O centro debe ter un plan de emerxencia e evacuación coñecido polo equipo educativo e de ser

vicios, así como planos de continxencias, (incendios, feridos, rescate...) debidamente visibles nos espacios destinados ós usuarios.

6. O centro debe dispor de pólizas de responsabilidade civil e de accidentes para tódolos participantes.

7. O centro poderá estar integrado en redes, asociacións ou federacións que permitan a continua actualizacion, o intercambio e a innovación del.