Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 11 de abril de 2001 Páx. 4.883

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 77/2001, do 29 de marzo, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 33, punto 1, do Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1983, do 6 de abril) atribúelle á Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de sanidade interior.

O Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, sobre transferencias da Administración do Estado á Xunta de Galicia en materia de traballo, industria, comercio, sanidade, cultura e pesca, no artigo 33, letra g), transfire á Xunta de Galicia o outorgamento da autorización oportuna para a creación, construcción, modificación, adaptación ou supresión de centros, servicios e establecementos sanitarios de calquera clase e natureza, incluídos os balnearios e as entidades do seguro libre de asistencia médico-farmacéutica.

En uso das competencias atribuídas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios, desenvolveuse un conxunto de normativa composto polo Decreto 99/1984, do 7 de xuño, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios, o Decreto 147/1984, do 13 de setembro, sobre autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios, a Orde do 7 de novembro de 1984 pola que se regula o procedemento para solicita-la autorización dos centros, servicios e establecementos sanitarios e a Orde do 24 de setembro de 1986 pola que se fixan os requisitos e condicións necesarias para a autorización dos centros de asistencia hospitalaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O tempo transcorrido desde a súa aplicación e a experiencia acumulada recomendan a posta ó día desta normativa coa finalidade de plasmar todos aqueles cambios que a realidade e a práctica aconsellan, como son, entre outros, a consideración de centros, servicios e establecementos sanitarios de conformidade coas autorizacións outorgadas ata o momento actual e a incorporación de novas obrigas para eles que melloren a protección da saúde e a información dos usuarios.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de marzo de dos mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Este decreto é de aplicación ós centros, servicios e establecementos sanitarios civís, públicos e privados, que se encontren situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

Considéranse centros, servicios e establecementos sanitarios:

1. Centros hospitalarios.

2. Centros ou consultas de medicina xeral, de especialidades médicas, de odontoloxía/estomatoloxía, de enfermería, de podoloxía, de psicoloxía clínica, de fisioterapia e demais profesionais sanitarios.

3. Oficinas de farmacia, boticas anexas a oficinas de farmacia, servicios de farmacia, depósitos de medicamentos de uso humano, almacéns de distribución de medicamentos de uso humano e unidades de dosificación de medicamentos.

4. Establecementos de óptica.

5. Establecementos de ortopedia.

6. Centros de transfusión, bancos e depósitos de sangue.

7. Bancos de tecidos.

8. Laboratorios clínicos.

9. Centros móbiles destinados á atención sanitaria.

10. Centros de tratamento de drogodependencias: unidades asistenciais de drogodependencias, unidades de desintoxicación hospitalaria, unidades de día e comunidades terapéuticas.

11. Centros de recoñecemento de aptitude para a obtención e renovación de permisos de armas e de conducir.

12. Centros de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos mentais crónicos.

13. Establecementos balnearios.

14. Todos aqueles que pola súa finalidade, medios ou técnicas empregadas, teñan carácter sanitario e/ou ós que se atribúa esa natureza por disposición legal ou regulamentaria.

Artigo 3º

1. Os centros, servicios e establecementos sanitarios obxecto deste decreto están suxeitos a:

a) Autorización previa de creación, así como das modificacións que respecto da súa estructura e réxime inicial poidan establecerse.

b) Autorización de funcionamento que implicará a comprobación de que se cumpren as condicións e requisitos establecidos, comprobación que se acreditará mediante acta de inspección.

c) Autorización previa para a realización de actividades sanitarias específicas que a normativa así o esixa.

d) Control, inspección e avaliación das súas actividades, organización e funcionamento pola autoridade sanitaria.

2. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais procederá á inscrición de oficio no rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios, de todos aqueles ós que se conceda a autorización de funcionamento.

3. A autorización de funcionamento será requisito indispensable para:

-Inicia-lo exercicio das actividades sanitarias.

-Establecer concertos ou convenios coa Administración sanitaria.

-Obte-la autorización para actividades sanitarias específicas, se é o caso.

4. O procedemento para solicita-las autorizacións establecerase por orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 4º

Con independencia doutros deberes, os centros, servicios e establecementos sanitarios teñen as seguintes obrigas:

a) Comunicar previamente o seu peche, con independencia de que se establezan réximes temporais e excepcionais de funcionamento cando a protección da saúde da poboación o requira.

b) O cumprimento dos requisitos técnicos e condicións mínimas establecidos con carácter xeral ou específico para o seu correcto funcionamento.

c) A adaptación da súa estructura, organización e funcionamento ó establecido, se é o caso, para cada clase ou tipo de centro, servicio ou establecemento sanitario.

d) Proporciona-la información solicitada pola Administración sanitaria.

e) Manter actualizada e exposta ó público unha relación de servicios sanitarios autorizados en función da titulación dos profesionais sanitarios.

f) Garantir, se é o caso, a constancia documental, durante un mínimo de cinco anos, da atención sanitaria prestada a cada usuario, así como a confidencialidade da devandita documentación.

g) Garanti-lo cumprimento dos dereitos dos usuarios que lles sexan de aplicación, recollidos no artigo 10 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

h) Ter á disposición dos usuarios follas de reclamacións que se axusten ó modelo oficial establecido pola consellería competente en materia de consumo, así como carteis anunciadores da súa existencia.

i) A identificación do persoal do centro, servicio ou establecemento sanitario que deberá exhibir en lugar visible da súa indumentaria.

j) Ter designado un director que asuma a responsabilidade do centro, servicio ou establecemento sanitario.

k) O cumprimento das obrigas derivadas dos principios de coordinación, solidariedade e integración sanitaria en caso de emerxencia e perigo para a saúde.

Artigo 5º

Correspóndelle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais:

a) Determina-los períodos de vixencia das autorizacións concedidas en función do centro, servicio e establecemento sanitario.

b) A clausura ou peche dos centros, servicios e establecementos sanitarios que non conten coas previas autorizacións preceptivas ou a suspensión do seu funcionamento mentres non reparen os defectos ou se cumpran os requisitos esixidos, sen carácter de sanción de conformidade co disposto no artigo 37 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

c) Adopta-las medidas preventivas que coide pertinentes e sanitariamente xustificadas en caso de que

exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco para a saúde.

d) Adopta-las medidas necesarias para a debida ordenación, rexistro e control sanitario dos centros, servicios e establecementos sanitarios.

e) A revogación motivada das autorizacións concedidas.

f) Rexistra-los centros, servicios e establecementos sanitarios ós que se lles conceda a autorización de funcionamento.

Artigo 6º

1. Os centros, servicios e establecementos sanitarios incluídos no ámbito de aplicación do presente decreto están sometidos ó réxime sancionador establecido na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, así como, se é o caso, naqueloutras disposicións que en función da súa tipoloxía ou materia de que se trate sexan de aplicación.

2. O procedemento sancionador, excepto ás oficinas de farmacia, será incoado polo delegado provincial correspondente e axustarase na súa tramitación ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

3. Os órganos competentes para a imposición de sancións serán:

a) O delegado provincial correspondente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para a imposición de sancións en contía non superior a cincocentas mil pesetas (500.000 pesetas).

b) O secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para a imposición de sancións en contía comprendida entre cincocentas mil unha pesetas (500.001 pesetas) e dous millóns de pesetas (2.000.000 de pesetas).

c) O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para a imposición de sancións en contía comprendida entre dous millóns unha pesetas (2.000.001 pesetas) e dous millóns cincocentas mil pesetas (2.500.000 pesetas).

d) O Consello da Xunta de Galicia para os acordos de peche temporal do centro, servicio ou establecemento sanitario e a imposición de sancións en contía igual ou superior a dous millóns cincocentas mil unha pesetas (2.500.001 pesetas).

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 99/1984, do 7 de xuño, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios, o Decreto 147/1984, do 13 de setembro sobre autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios, a Orde do 7 de novembro de 1984, pola que se regula o procedemento para solicita-la autorización dos centros, servicios e establecementos sanitarios e, en particular, o artigo 18 do Decreto 198/1994, do 16 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no que se refire á comprobación posterior do cumprimento das condicións e requisitos

esixidos para a autorización de apertura e posta en funcionamento, así como para a súa acreditación, se procede.

Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango contradigan o disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais dictará as normas e adoptará as medidas oportunas para o desenvolvemento e aplicación do establecido neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ó mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de marzo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais