Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 17 de abril de 2001 Páx. 5.010

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 4 de abril de 2001 pola que se establece a regulamentación específica do Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega.

En Galicia existe unha raza equina autóctona, o cabalo de pura raza galega, actualmente en perigo de extinción e polo tanto de protección especial, tal e como figura no Real decreto 1682/1997, do 7 de novembro, polo que se actualiza o catálogo oficial de razas de gando en España. Por ser unha raza en perigo de extinción, polo seu actual sistema de cría e pola súa especial vinculación ó pobo galego, resulta de gran interese xenético, social, cultural, ambiental e económico para Galicia.

A Directiva do Consello 90/427/CEE, do 26 de xuño, relativa ás condicións zootécnicas e xenealóxicas que regulan os intercambios intracomunitarios de équidos, constitúe a base legal da normativa comunitaria sobre selección e reproducción de razas de gando equino, con especial tratamento dos libros xenealóxicos. Posteriormente, a Decisión 92/353/CEE, do 11 de xuño, da Comisión, establece os criterios para a autorización ou o recoñecemento das organizacións e asociacións que creen ou leven libros xenealóxicos para équidos rexistrados. A transposición destas normas ó ordenamento xurídico español realizouse mediante o Real decreto 1026/1993, do 25 de xuño, que estableceu as disposicións de carácter básico necesarias para a súa aplicación.

O Real decreto 997/1999, do 11 de xuño, sobre fomento das razas autóctonas españolas de protección especial en perigo de extinción, establece as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas polas comunidades autónomas, para a promoción e defensa das razas autóctonas españolas en perigo de extinción, coa finalidade de evita-la súa desaparición.

A Orde do 23 de setembro de 1998, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, estableceu o Libro Xenealóxico da Raza Equina Cabalo Galego do Monte; esta normativa supuxo o punto clave de inicio para a recuperación e conservación da raza e desde entón o número de exemplares inscritos no libro xenealóxico aproxímase ós 350. A citada normativa estableceu as directrices básicas para o comezo do rexistro de animais, o seu sistema de identificación, o prototipo racial, etc.

Trala experiencia de traballo adquirida desde entón compróbase que a citada normativa resultou complexa nalgúns aspectos, como por exemplo o sis

tema de rexistros, e por outra parte debería prever aspectos tales como o sistema de valoración de exemplares ó cumpri-la idade de adultos, a Comisión de Valoración e Cualificación Morfolóxica, etc.

A Orde do 23 de setembro de 1998 pola que se establece o Libro Xenealóxico da Raza Equina Cabalo Galego do Monte fixou como nomenclatura para a raza equina autóctona de Galicia: cabalo galego do monte; posto que a totalidade dos exemplares se criaban en condicións de liberdade nos montes galegos. Na actualidade, e dadas as características dos exemplares da raza para a equitación de ocio e deportiva, así como a proliferación de concursos morfolóxicos da raza, algúns destes animais estanse criando xa en condicións intensivas. A petición dos gandeiros e da asociación de criadores da raza, dado que actualmente é a única raza equina autóctona descrita na Comunidade Autónoma de Galicia, polo que non fai falta a súa diferenciación nominativa con ningunha outra, e debido a que xa non só se cría en condicións de liberdade e se garante a pureza racial, estímase conveniente denominalo «Cabalo de pura raza galega».

Analizando as circunstancias actuais e co fin de unificar, na medida do posible, as regulamentacións específicas de tódolos libros xenealóxicos das distintas razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, resulta necesario, así mesmo, establecer unha nova regulamentación específica para o Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega, de modo que se simplifique o sistema de rexistros e se establezan o Rexistro de Ganderías, a Comisión Rectora do Libro Xenealógico, a Comisión de Valoración e Cualificación de Exemplares así como as súas respectivas competencias, o sistema de valoración de exemplares, etc.

Por todo iso, de acordo co disposto no artículo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A raza equina autóctona de Galicia en perigo de extinción, ata o momento coñecida como cabalo galego do monte, pasará a denominarse «Cabalo de Pura Raza Galega» (PRG).

Artigo 2º

Apróbase esta regulamentación específica do Libro Xenealógico do Cabalo de Pura Raza Galega e o seu prototipo racial, que figuran respectivamente como anexo I e II da presente orde.

Artigo 3º

Tódolos exemplares inscritos no libro xenealóxico segundo a normativa vixente ata o momento pasarán

a estar inscritos nos novos rexistros segundo corresponda acorde coa presente orde.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 23 de setembro de 1998 pola que se establece o Libro Xenealóxico da Raza Equina Cabalo Galego do Monte.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para establece-la normativa adicional necesaria para o axeitado cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da sua publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

ANEXO I

REGULAMENTACIÓN ESPECÍFICA DO LIBRO XENEALÓXICO

DO CABALO DE PURA RAZA GALEGA

1º Levanza do Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será o órgano competente para leva-lo Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega.

Non obstante, cando a Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega, co recoñecemento oficial, reúna o número de reproductores necesarios e as condicións de infraestructura para a correcta xestión do libro xenealóxico, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá encomendarlle á devandita asociación que leve o libro xenealóxico. En todo caso, a inspección e intervención deste libro será competencia da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2º O Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega constará dos seguintes rexistros:

-Rexistro Fundacional (RF).

-Rexistro Auxiliar (RA).

-Rexistro de Nacementos (RN).

-Rexistro Definitivo (RD).

-Rexistro de Méritos (RM).

-Rexistro de Ganderías (RG).

Para a inscrición dun animal en calquera dos rexistros xenealóxicos que lle corresponda, así como para o rexistro dunha gandería no correspondente Rexistro de Ganderías, o titular ou representante legal dela deberá solicitalo, de forma expresa, á Oficina do Libro de Rexistro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega.

Como referendo ós rexistros deste libro xenealóxico e para maior garantía da inscrición e identificación dos exemplares neles, a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico poderá realiza-las dilixencias e investigacións que estime pertinentes para aclarar cantos extremos considere necesarios, podendo recorrer, así mesmo, á verificación do parentesco mediante as correspondentes probas de paternidade.

Rexistro Fundacional (RF). Neste rexistro estarán inscritos a título inicial os exemplares, machos e femias, sen un ou máis proxenitores inscritos, que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan unha idade igual ou superior ós tres anos.

c) Que manifesten un grao de crecemento acorde coa idade.

d) Que respondan ó prototipo racial e na cualificación morfolóxica acaden unha puntuación mínima de 65 puntos.

e) Que non manifesten taras ou defectos que dificulten a función reproductora.

O Rexistro Fundacional permanecerá aberto por un período de dous anos a partir da publicación da presente orde.

Rexistro Auxiliar (RA). Neste rexistro inscribiranse aqueles exemplares, a excepción dos que cumpran as condicións para seren inscritos no Rexistro Fundacional durante o tempo que este permaneza aberto, que non cumpran as condicións para seren inscritos no Rexistro Definitivo e que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan unha idade igual ou superior os tres anos.

c) Que manifesten un grao de crecemento acorde coa idade.

d) Que respondan ó prototipo racial e na súa cualificación morfolóxica acaden unha puntuación mínima de 65 puntos.

e) Que non manifesten taras ou defectos que dificulten a función reproductora.

Os exemplares inscritos neste Rexistro Auxiliar permanecerán nel durante toda a súa vida.

Rexistro de Nacementos (RN). Inscribiranse as crías de ámbolos sexos nadas de proxenitores inscritos nos distintos rexistros, sempre que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que a declaración da cubrición ou da inseminación artificial fose remitido á Oficina do Libro de Rexistro Xenealóxico, antes do 31 de decembro do ano de cubrición.

c) Que o nacemento fose comunicado á Oficina do Libro de Rexistro Xenealóxico no primeiro mes despois do parto.

d) Que non acuse defectos que lle impidan a súa posterior utilización como reproductor.

e) Que posúa os caracteres étnicos descritos para a raza, en ausencia defectos de descualificación.

f) Que o control de cubrición das nais ofreza as suficientes garantías, a xuízo da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Os animais inscritos neste rexistro estarán nel ata o seu traslado ó Rexistro Auxiliar ou ó Rexistro Definitivo segundo corresponda, despois de ser aprobada a súa inscrición pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Rexistro Definitivo (RD). Poderán inscribirse nel os exemplares machos e femias, procedentes do Rexistro de Nacementos que teñan polo menos inscritos os seus catro avós, que sexa aprobada a súa inscrición pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico e que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan unha idade igual ou superior ós tres anos.

c) Que acadasen unha cualificación morfolóxica mínima de 65 puntos.

d) Que respondan ó prototipo racial.

f) Que teñan un grao de crecemento no momento da cualificación morfolóxica en concordancia coa idade.

g) Que non posúan defectos que dificulten a actividade reproductora.

Rexistro de Méritos (RM). Inscribiranse neste rexistro aqueles animais procedentes do Rexistro Definitivo (RD) que polas súas especiais características xenealóxicas, morfolóxicas e productivas, así o merezan e sexa aprobada esta inscrición pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico. Este rexistro constará de dúas seccións: femias e machos, podendo os inscritos te-los seguintes títulos:

Sección femias: accederán a esta sección aquelas femias, aptas como reproductoras, que alcanzasen os seguintes niveis selectivos:

a) Obter no momento da súa cualificación morfolóxica para a súa inscrición no Rexistro Definitivo unha puntuación mínima de 80 puntos.

Estas femias obterán o título de Egua de Mérito.

Sección machos: accederán a esta sección aqueles machos, aptos como reproductores, que alcanzasen os seguintes niveis selectivos:

a) Obter no momento da súa cualificación morfolóxica para a súa inscrición no Rexistro Definitivo unha puntuación mínima de 85 puntos.

Estes machos obterán o título de Cabalo de Mérito.

No futuro, sempre acorde co nivel de melloramento da raza, poderanse establecer programas de valoración xenética e funcional de exemplares.

Rexistro de Ganderías (RG). Para o rexistro de animais no libro xenealóxico é obriga previa que a gandería á que pertenza figure inscrita no Rexistro de Ganderías de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega. A cada gandería asignáraselle un código identificativo para efectos do libro xenealóxico; este código estará composto como segue: os tres primeiros díxitos serán as siglas PRG, identificativas do cabalo de pura raza galega; os catro seguintes díxitos serán numéricos e corresponderán á orde correlativa de inscrición no citado Rexistro de Ganderías de modo que á primeira lle corresponderá o número 0001, á segunda o 0002, etc.

3º Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Conforme o establecido na presente regulamentación e como salvagarda das actividades do libro xenealóxico e garante da súa pureza racial, funcionará unha comisión denominada Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, da que a composición e cometidos serán os seguintes:

Composición da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Presidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Animal ou persoa en quen delegue.

b) Inspector director-técnico: o xefe do Servicio de Producción Animal ou persoa en quen delegue.

c) Secretario: un veterinario técnico do Servicio de Producción Animal.

d) Vocais:

Un técnico cualificador da raza nomeado, para o efecto, pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

O presidente da Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega, recoñecida oficialmente pola autoridade competente, ou persoa en quen delegue.

Competencias da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Aprobar, se procede, as solicitudes de inscrición das ganderías no correspondente Rexistro de Ganderías e de animais nos distintos rexistros do libro xenealóxico.

b) Expedi-los respectivos documentos xenealóxicos.

c) Atende-las incidencias que xurdan no normal funcionamento do libro xenealóxico, así como resolve-las reclamacións que puideran presentarse.

d) Propoñe-las modificacións do prototipo racial ou da regulamentación específica do libro xenealóxico que se consideren convenientes.

e) Designa-lo delegado provincial que actuará como presidente da Comisión de Valoración e Cualificación Morfolóxica e dispoñe-las actuacións desta comisión.

f) Dicta-las instruccións oportunas para o correcto funcionamento do réxime interno do libro xenealóxico.

4º Comisión de Valoración e Cualificación Morfolóxica do Cabalo de Pura Raza Galega.

Todo exemplar de cabalo de pura raza galega deberá ser valorado e cualificado a partir dos tres anos de idade, segundo o establecido na presente regulamentación, para os efectos de ser inscrito no rexistro correspondente e de cualificalo apto ou non apto como reproductor. Para tal efecto funcionará sempre dependente da Comisión Rectora, unha comisión denominada Comisión de Valoración e Cualificación Morfolóxica do Cabalo de Pura Raza Galega, coa composición seguinte:

a) Presidente: un delegado provincial designado para o efecto pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

b) Vocais:

-Un veterinario oficial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-Un gandeiro da Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega recoñecida oficialmente.

Tódolos integrantes da presente comisión deberán estar en posesión do título de xuíz de valoración e cualificación morfolóxica do cabalo de pura raza galega, expedido conxuntamente pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e a Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega; para tal efecto serán válidos tódolos títulos expedidos con anterioridade á publicación da presente normativa. A lista oficial de xuíces en activo será confeccionada pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico durante o mes de xaneiro de cada ano en curso.

5º Identificación de exemplares.

Todo animal inscrito será identificado polo método que aprobe a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico e en todo caso sempre cumprindo a normativa vixente.

6º Prototipo do cabalo de pura raza galega.

O prototipo ó que deben responde-los exemplares do cabalo de pura raza galega para a súa inscrición

no libro xenealóxico é o que a continuación se detalla:

6.1. Aspecto xeral.

O cabalo de pura raza galega agrupa animais de perfil recto ou subcóncavo, elipométricos e de proporcións sublonxilíneas. Cunha alzada á cruz entre 120 e 140 cm. Presentan capa castaña ou negra.

Presentan un temperamento dócil, tranquilo, valente e intelixente que o fai apropiado para a equitación, tanto de ocio como deportiva.

6.2. Características rexionais.

a) Cabeza.

Cabeza proporcionada, con fronte longa e plana, xeralmente presenta abundante topete. Orellas pequenas e pilosas. Órbitas oculares saíntes e ben marcadas. Ollos grandes, vivos e expresivos. Os beizos gordos, podendo presentar en ocasións un guecho de pelos no superior (bigote) así como tamén pelos longos na rexión da barba ou do músculo borla, estendéndose tamén pola rexión da barbada e da canle exterior.

b) Tronco.

O pescozo é proporcionado, con boa conformación e abundantes crinas. Presenta cruz destacada. A liña dorso-lumbar tende á rectitude. A cruz dos cadrís é sinxela e algo inclinada. O nacemento do rabo é medio, sendo longo. O ventre ou abdome é redondeado. Peito con tendencia á profundidade.

c) Extremidades.

Costas lixeiramente inclinadas. Con extremidades finas, curtas e fortes. Articulacións poderosas e duras. Canelas curtas. Casco escuro, tendendo a negro, de conformación redonda, pequeno e duro, ben proporcionado. Presentan escasas produccións córneas e dérmicas (castaña, esporón e sedas no esporón).

d) Capa.

Negra ou castaña. Admitirase no Rexistro Fundacional e no Rexistro Auxiliar unha pequena estrela nos machos e nas femias unha pequena estrela ou un principio de calzado ou calzado moi baixo nunha soa extremidade. No Rexistro Definitivo non se admitirán despigmentacións conxénitas.

e) Faneras.

Cabos (crina e rabo): crina e rabo moi poboados, cunha melena solta de pelos fortes e gordos.

Extremos (rexión naso-labial, parte distal de extremidades): as extremidades presentan en ocasións sedas, pero con pouca cantidade pilosa, así como escasas produccións córneas.

A rexión naso-labial pode presentar pelos (bigote ou barbela).

5.3. Defectos obxectables.

De acordo coa descrición do prototipo racial, considéranse como defectos obxectables os seguintes:

a) Defectos de verticalidade das extremidades non moi destacables.

b) Presencia de despigmentacións conxénitas como unha pequena estrela en femias e machos e comezo de calzado ou calzado baixo nunha única extremidade en femias.

5.4. Defectos descualificables.

De acordo coa descrición do prototipo racial, considéranse como defectos descualificables os seguintes:

a) Calquera capa distinta á castaña ou negra.

b) Para a inscrición no Rexistro Fundacional ou no Auxiliar a presentación de despigmentacións conxénitas na capa a excepción dunha pequena estrela en femias e machos e comezo de calzado ou calzado baixo nunha única extremidade en femias.

c) Para a inscrición no Rexistro Definitivo calquera tipo de despigmentación conxénita na capa.

d) Exceso de sedas.

e) Conformación xeral ou rexional defectuosa en grao acusado.

f) Anomalías nos órganos xenitais, principalmente monorquidia e criptorquidia.

g) Crecemento corporal non acorde coa idade.

7º Cualificación morfolóxica.

A cualificación morfolóxica dos exemplares será efectuada pola Comisión de Valoración e Cualificación Morfolóxica do Cabalo de Pura Raza Galega.

A cualificación morfolóxica realizarase mediante apreciación visual e polo método dos puntos, o que servirá para xulgar comparativamente o valor dun exemplar determinado.

Cada rexión corporal cualificarase asignándolle de 1 a 10 puntos, segundo a seguinte escala:

ClasePuntos

Excelente10

Moi bo 9

Más que bo 8

Bo6-7

Suficiente4-5

Insuficiente'4

A adxudicación de menos de catro puntos a calquera das rexións que se vaia valorar será causa para descualifica-lo animal, sexa cal fora a puntuación acadada nas restantes.

Os caracteres que hai que considerar son os que a continuación se relacionan, con expresión para cada un deles do coeficiente de ponderación. Os puntos que se asignen a cada un dos ditos aspectos multiplicarase polo coeficiente correspondente, resultando así a puntuación definitiva.

Caracteres que se van cualificarCoeficientes

Cabeza1.50

Pescozo0.70

Cruz e costas1.00

Tronco e peito1.00

Dorso e lombo1.00

Cruz dos cadrís e rabo1.30

Extremidades e verticalidade

das extremidades1.00

Harmonía xeral e movementos1.50

Capa e fidelidade racial1.00

TOTAL10.00

Obtida deste modo a puntuación final, os exemplares quedarán clasificados segundo as seguintes denominacións:

ClasePuntos

Excelenteo90

Moi boo80 e '90

Más que boo75 e '80

Boo70 e '75

Suficienteo65 e '70

Insuficiente'65

Os animais con puntuación inferior a 65 puntos considéranse rexeitados.

8º Exemplares reproductores.

Considéranse exemplares aptos como reproductores (machos e femias) aqueles que alcanzasen na súa cualificación morfolóxica un mínimo de 70 puntos.

A condición de apto como reproductor ou non apto como reproductor debe dilixenciarse debidamente na carta xenealóxica polo Rexistro do Cabalo de Pura Raza Galega.

Non se inscribirá no Rexistro de Nacementos do Libro Xenealógico do Cabalo de Pura Raza Galega ningún producto nado de exemplares non aptos como reproductores.

A condición de apto como reproductor de calquera exemplar inscrito no Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega estará suxeita ós resultados que se aprecien no control da súa descendencia, perdendo a citada condición no caso de influencia desfavorable. Igualmente perderán a devandita condición tódolos reproductores machos e femias, e a descendencia deles, cando poidan apreciarse neles condicións hereditarias de baixa fertilidade, fecundidade ou deficientes calidades maternais.

9º Inseminación artificial e transplante de embrións.

Autorízase a inseminación artificial en tódalas súas modalidades e o transplante de embrións.

A tódolos productos nados empregando estas técnicas de reproducción, realizaráselles obrigatoria

mente as probas de paternidade e ó final do nome na súa carta xenealóxica irán dúas siglas que serán IA e TE para indicar que o exemplar naceu producto do emprego de técnicas de inseminación artificial ou de transferencia de embrións respectivamente.

Poderanse inseminar con seme conxelado incluso despois de morto o semental, sen límite de tempo.

Limítase, de momento, a 30 o número de eguas que poderán ser cubertas empregando a inseminación artificial por semental e temporada. Este número poderá ser modificado a xuízo da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, se o estima conveniente.