Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 20 de xullo de 2001 Páx. 9.933

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 9 de xullo de 2001 pola que se establece un réxime de axudas á api-

cultura.

O Regulamento (CE) 1221/1997, do Consello, do 25 de xuño de 1997, polo que se establecen as normas xerais de aplicación das medidas destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel e o Regulamento 2300/1997, da Comisión, que establece disposicións de aplicación do anterior, consideran o cofinanciamento comunitario das accións previstas no Programa Nacional Anual de medidas de axuda á apicultura.

O devandito programa nacional español para o ano 2001, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación mailas comunidades autónomas en estreita colaboración coas organizacións representativas e as cooperativas do sector apícola, foi aprobado pola Comisión Europea na Decisión do 19 de xullo de 2000.

No marco do dito Programa Nacional Anual establécese un réxime de axudas destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel, no que a participación financeira corresponde nun 50% ó financiamento comunitario, o 25% corresponde ó financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o 25% restante á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Finalmente, e como no artigo 3 do Regulamento (CE) número 1221/1997, do Consello, se establece que os gastos dos Estados membros deberán efectuarse ó máis tardar o 15 de outubro, data na que deben terse presentados os xustificantes de gasto por parte do Estado membro da UE, cómpre que os gastos correspondentes ás accións realizadas se xustifiquen perante a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no prazo fixado na resolución de concesión da axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 1 de setembro de 2001.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1993, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establecer un réxime de axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel, conforme as normas contidas na presente orde, garantindo os preceptos de igualdade, concorrencia e publicidade.

Artigo 2º.-Finalidade das axudas.

Poderán ser obxecto das axudas, consonte o disposto no anexo I da Decisión da Comisión, do 19 de xullo de 2000, aquelas actividades ou investimentos que estean inescusablemente ligadas a un programa sanitario, realizadas desde o 1 de xaneiro de 2001, encamiñadas a:

a) Prestaren información e asistencia técnica: formación de apicultores (cursos iniciación e especialización, detección de enfermidades, control e prevención, deseño de plans sanitarios e redes de alerta epizootiolóxica), formación de persoal de centros de envasado e laboratorios de organizacións apícolas, técnicas apícolas, asesoramento técnico veterinario, divulgación.

b) Loitaren contra a varroase: asociación de defensa sanitaria, custos de tratamentos químicos, métodos de loita biolóxica, mellora das condicións de tratamento das colmeas.

c) Reacionalizaren a transhumancia: identificación das colmeas e dos marcos, investimentos en equipos (manipulación e transporte), divulgación de boas prácticas de transhumancia, implantación dunha rede de alerta sanitaria, cría de mestras autóctonas para a renovación do censo, acondicionamento de espacios, seguro de danos e responsabilidade civil.

d) Estableceren medidas de apoio para a análise do mel: creación de laboratorios de organizacións apícolas e apoio ós mesmos, investimentos en equipos de laboratorio, funcionamento de laboratorios, contrato de servicios de análise por organizacións apícolas, bolsas de formación.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán optar ás medidas da axuda prevista no artigo 2º aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, así como os laboratorios debidamente recoñecidos. Será requisito para a obtención das axudas estar inscrito no rexistro oficial apícola da Comunidade Autónoma, polo menos con anterioridade ó primeiro de xaneiro do ano anterior ó da aplicación do programa nacional anual. Será preciso presenta-la solicitude e documentación correspondente segundo a seguinte relación:

1) As persoas físicas (apicultores) que realicen transhumancia integrados ou non nunha asociación ou organización de apicultores presentarán solicitudes individuais, achegando a solicitude coa seguinte documentación:

a) No caso de representación esixirase autorización para face-la solicitude asinada polo titular da explotación apícola.

b) Xustificación da titularidade da explotación apícola (certificación do rexistro da explotación apícola).

c) Código de identificación fiscal e certificado da conta bancaria.

d) Xustificación da identificación das colmeas (declaración xurada e modo de identificación).

e) Programa de actuación que pretende desenvolver (memoria onde figuren os datos do apicultor, número de colmeas, descrición das obras ou investimentos e finalidade deles para a mobilidade das colmeas, facturas pro forma dos investimentos).

f) Dispoñibilidade dos terreos nos que pretenda face-los asentamentos dos colmeares, así como permisos ou licencias das obras que pretenda realizar para a colocación das colmeas e/ou de adecuación ou mellora dos accesos.

g) Memoria explicativa da realización da transhumancia ( esbozo e situación dos lugares onde se pretende realiza-la transhumancia).

h) Usos alternativos do remolque e tempo de utilización para a actividade transhumante, de se-lo caso.

2) As persoas xurídicas (cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica de seu, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos establecidos no número 1), artigo 3º achegarán a solicitude coa seguinte documentación:

a) Certificación do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se concede autorización para face-la solicitude ó asinante dela. Se

actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

b) Certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

c) Acta de constitución da asociación ou organización.

d) Relación nominal de socios en programa actualizado.

e) Código de identificación fiscal e certificado da conta bancaria.

f) Programa actualizado que se pretende desenvolver.

g) Copia do contrato cos veterinarios responsables da execución do programa sanitario.

h) Declaración xurada de exclusividade dos veterinarios.

i) Xustificación de que a maior parte dos veterinarios contratados posúen formación específica e/ou experiencia probada.

j) Xustificación do cumprimento do número 1) do artigo 3º.

k) Xustificación do recoñecemento do laboratorio de análise das características físico-químicas do mel, de se-lo caso.

3) Ademais, e para as medidas de axuda previstas na alínea d) do artigo 2º, os beneficiarios poderán ser tamén os laboratorios debidamente recoñecidos polos servicios competentes da Comunidade Autónoma que efectúen ou poidan efectuar análises das características fisicoquímicas do mel.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes axustaranse ós modelos que figuran como anexos I (solicitudes individuais de personas físicas que realicen transhumancia) e II (xeral de personas xurídicas ou laboratorios debidamente recoñecidos). Presentaranse preferentemente na Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Resolución e recurso administrativo.

Recibidas as solicitudes de axudas e a súa documentación, serán examinadas polos servicios téc

nicos, os cales, se observan algunha deficiencia concederán ó solicitante un prazo de 10 días para emendalas consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se producira a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

Efectuadas as comprobacións e estudios pertinentes, formularase a correspondente proposta de resolución que conterá unha relación dos solicitantes para os que se propón a concesión de subvencións e a contía, así como daqueles para os que se propón a denegación da subvención solicitada.

A dita proposición elevarase ó director xeral de Producción Agropecuaria, a quen competerá a súa resolución de concesión ou denegación da axuda no prazo máximo de catro meses, contados desde o inicio do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dictara resolución expresa, as solicitudes quedarán desestimadas por silencio administrativo. Contra a dita resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación.

A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo de realización.

O prazo no que debe ser realizada a actividade axudada rematará o 1 de setembro do ano 2001.

Cando o beneficiario considere que non pode remata-lo proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria na que se especifique o grao de realización da actividade axudada.

O director xeral de Producción Agropecuaria dictará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada, non poderá exceder dun mes a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda. O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 8º.-Pagamento das axudas.

1. O pagamento tramitarase logo de xustificación da execución do proxecto no prazo sinalado ou no que resultase como consecuencia da da prórroga concedida, para tal efecto o beneficiario deberá presenta-la seguinte documentación por duplicado (orixinal e fotocopia):

a) Memoria sinxela de realización da actividade indicando datas de realización, número de asistentes

e outros aspectos de interese, á que se xuntará documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros.

b) Facturas por duplicado dos orixinais ou fotocopias compulsadas, dos gastos realizados, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude. No caso de pagamento de salario, gratificacións, etc., deberá consta-la retención correspondente polo IRPF e xustificación do seu ingreso na Facenda.

c) Declaración responsable na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autonómico, local ou institucional.

d) Certificación expedida pola Consellería de Economía e Facenda acreditativa de que o beneficiario non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificación, expedida polo órgano competente, acreditativa de que o beneficiario se encontra ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

f) Se a actividade axudada correspondese á publicación en formato impreso, audiovisual ou multimedia de orixinais de material didáctico ou de divulgación sobre temas apícolas, dirixidos á formación en materia apícola, incluída a súa preparación e elaboración, sempre que a súa finalidade sexa a distribución de balde entre o público, entregarase, ademais do establecido no parágrafo anterior, un exemplar orixinal ou unha copia equivalente do material realizado ou o 5% do número de exemplares editados no caso de que sexa impreso, cunha memoria que indique o seu destino e forma de distribución gratuíta, xustificando a dita distribución.

2. A contía das axudas poderá ser satisfeita mediante pagamentos parciais, unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, trala súa comprobación por parte dos servicios correspondentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorre-los beneficiarios.

Artigo 9º.-Outras condicións.

En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda farase consta-la frase «Esta actividade foi realizada cunha axuda eco

nómica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e Unión Europea», cos correspondentes logotipos institucionais. Nos exemplares de distribución de balde farase constar impreso neles a frase «Exemplar de balde».

Artigo 10º.-Anticipos.

Poderán realizarse, por pedimento dos interesados, os anticipos correspondentes á contratación dos técnicos responsables do seguimento dos distintos subprogramas, de conformidade co disposto no artigo 41. Dous.3 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

Artigo 11º.-Concorrencia con outras axudas.

A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais e a alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 12º.-Inspección e control.

Os beneficiarios das axudas contempladas na presente orde están obrigados a facilitar tódolos labores de inspección ó persoal técnico das distintas administracións que cofinancian o programa, achegando tódolos datos que sobre o particular lle sexan solicitados.

O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito, de se-lo caso, as datas e horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectua-las comprobacións que se consideren oportunas.

No suposto de que unha vez notificada a resolución de concesión houbera algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria da solicitude, ou calquera outra modificación, será comunicada á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria coa antelación suficiente para que poida realiza-las comprobacións que considere necesarias, para efectos de aprobar ou denega-la devandita modificación.

Artigo 13º.-Financiamento e adxudicación das axudas.

As axudas establecidas nesta orde teñen o carácter de cofinanciadas pola UE, o MAPA e a Comunidade Autónoma, en virtude do Regulamento (CE) 1221/1997, do Consello e o R.D. 521/1999, do 26 de marzo, polo que se regula o réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais.

A contía das axudas, por importe máximo de 80.000.000 de pesetas, farase con cargo ós créditos do Plan Apícola galego, co que se dote o concepto orzamentario 09.03.613A.773.0.

A adxudicación da contía das axudas realizarase de acordo co programa de mellora da producción e comercialización do mel presentado por España de conformidade co Regulamento (CE) nº 1221/1997 do Consello, aprobado por Decisión da Comisión do 19 de xullo de 2000, onde se establecen as contías en función das medidas de actuación obxecto da axuda, estando contempladas no artigo 2º da presente orde (información e asistencia técnica, loita contra a varroase, racionalización da transhumancia e análise do mel)

Así mesmo, dentro da contía dispoñible para cada liña de actuación procederase ó reparto proporcional entre os beneficiarios aplicando a mesma porcentaxe ó importe debidamente xustificado dos investimentos realizados. No caso da existencia de remanentes noutras liñas de actuación, incrementarán o orzamento da liña de actuación información e asistencia técnica.

Disposición adicional

Primeira.-Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, agás no caso de expedientes xa iniciados como consecuencia de normas en vigor, nos que non se esixirá a antedita declaración.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria