Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 09 de agosto de 2001 Páx. 10.801

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 31 de xullo de 2001 pola que se crea a Comisión Asesora en Materia de Garantía de Calidade en Radiodiagnóstico.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no ámbito das súas competencias, debe velar polo cumprimento das normas básicas establecidas nas disposicións legais, regulamentarias e administrativas vixentes sobre a protección radiolóxica das persoas sometidas a exames e tratamentos médicos. A práctica radiolóxica é unha das situacións máis frecuentes de exposición dos cidadáns ás radiacións ionizantes, polo que é necesario asegurar unhas condicións óptimas de protección radiolóxica ó paciente, compatibles co mellor resultado posible no coidado da súa saúde.

Neste sentido, o Real decreto 1976/1999, do 23 de decembro, establece os criterios de calidade en radiodiagnóstico para asegura-la optimización na obtención das imaxes e a protección radiolóxica do paciente nas unidades asistenciais de radiodiagnóstico. O seu desenvolvemento implica a correcta aplicación dos principios de xustificación e optimización dos procedementos radiolóxicos, as medidas de control de calidade, a avaliación dos indicadores de dose a pacientes, a avaliación da calidade da imaxe, o establecemento das responsabilidades e obrigas das persoas que traballan nas unidades e o programa de formación, entre outros, todos eles recollidos no programa de garantía de calidade para implantar en toda unidade asistencial de radiodiagnóstico.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais deberá promover e coida-lo desenvolvemento e implantación dos mencionados programas de garantía de calidade, para o que precisa da colaboración dos profesionais implicados no radiodiagnóstico, que asesoren en materia de garantía de calidade, facilitando o establecemento de actuacións no ámbito de toda a Comunidade autónoma, adaptados en cada momento ó marco científico, técnico e asistencial correspondente. Sen prexuízo das competencias atribuídas á propia consellería, outros organismos oficiais e a outras consellerías, esta colaboración enfócase mediante a creación dunha comisión asesora de expertos en materia de garantía de calidade en radiodiagnóstico, sendo necesario regula-las súas funcións, organización e funcionamento.

Polo tanto, facendo uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase a Comisión Asesora en Materia de Garantía de Calidade en Radiodiagnóstico.

Artigo 2º.-Composición.

A Comisión Asesora en Materia de Garantía de Calidade en Radiodiagnóstico estará formada por:

a) Presidenta: subdirectora xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento.

b) Secretario: xefe do Servicio de Protección Radiolóxica da Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento.

c) Vocais: 7 vocais en representación dos profesionais que presten os seus servicios no ámbito da garantía de calidade en radiodiagnóstico.

-Vocal: Benigno Cossio Coll. Servicio de Radioloxía. Complexo Hospitalario Juan Canalejo da Coruña. Representante da Sociedade Española de Radioloxía.

En substitución: Marcelino del Castillo Fraile. Servicio de Radioloxía do Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Novoa Santos de Ferrol.

-Vocal: Juan Manuel Vieito Fuentes. Servicio de Radioloxía, Complexo Hospitalario Xeral-Cíes de Vigo.

En substitución: María Teresa Toscano Novella. Servicio de Radioloxía, Hospital Meixoeiro de Vigo.

-Vocal: Julio Rodríguez García. Servicio de Radioloxía, Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo.

En substitución: Esperanza Montón Álvarez. Servicio de Radioloxía, Hospital Cristal-Piñor, Complexo Hospitalario de Ourense.

-Vocal: Pilar Alonso de la Meiar. Servicio de Radioloxía, Hospital Comarcal da Costa-Burela.

En substitución: José Antonio Lapeña Villarroya. Servicio de Radioloxía, Hospital Comarcal de Monforte.

-Vocal: Cruz Galindo Vicente. Servicio de Radioloxía, Fundación Hospital de Verín.

En substitución: Lucía Fuentes Taibo. Unidade de Radioloxía, Fundación Hospital da Barbanza de Ribeira.

Na área da radiofísica hospitalaria:

-Vocal: Miguel Pombar Cameán. Servicio de Protección Radiolóxica e Radiofísica, Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Representante da Sociedade Española de Física Médica e da Sociedade Española de Protección Radiolóxica.

En substitución: Pablo Jiménez Cencerrado. Servicio de Radiofísica e Protección Radiolóxica, Hospital do Meixoeiro de Vigo.

-Vocal: Olga Kaphammel Camiña. Unidade Técnica de Protección Radiolóxica Xpert.

En substitución: Ana Moreno Moreno. Unidade Técnica de Protección Radiolóxica Medtec.

Artigo 3º.-Ámbito de traballo e funcións.

1. As propostas e asesoramento da comisión incluirán tódolos centros, servicios e establecementos sanitarios que prestan asistencia ou servicios públicos.

2. Corresponderanlle á Comisión Asesora en Materia de Garantía de Calidade en Radiodiagnóstico as seguintes funcións:

a) Asesorar en materia de garantía de calidade, protección radiolóxica, planificación e xestión en radiodiagnóstico.

b) Propor criterios para cumpri-los diferentes aspectos do programa de garantía de calidade en radiodiagnóstico, aplicables en toda a Comunidade Autónoma.

c) Asesorar sobre as mellores estratexias para a implantación dos programas de garantía de calidade en radiodiagnóstico.

d) Promover e asesora-la normalización de procedementos relativos á garantía de calidade e á protección radiolóxica do paciente, de acordo coa evidencia científica de que se dispón, o estado actual da técnica ou a realidade das unidades asistenciais de radiodiagnóstico.

e) Propor medidas para a mellora continua da calidade nos servicios de radiodiagnóstico.

f) Promove-la participación conxunta de tódolos profesionais implicados.

g) Emitir propostas acerca das actividades que se van incluír no Programa de Formación Continuada do Servicio Galego de Saúde en relación coa garantía de calidade en radiodiagnóstico así como participar na súa avaliación.

h) Promove-la implantación de sistemas que faciliten a información nos procedementos para avalia-la súa efectividade orientada á mellora dos resultados.

Artigo 5º.-Duración.

A Comisión Asesora en Materia de Garantía de Calidade en Radiodiagnóstico terá carácter permanente e manterase mentres a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais o estime necesario para impulsa-la mellora continua da calidade en radiodiagnóstico.

Artigo 6º.-Grupos de traballo.

1. Por proposta da comisión asesora en materia de garantía de calidade en radiodiagnóstico crearanse grupos de traballo dependentes dela, co fin de achegar respostas a obxectivos concretos, pudendo coincidir un ou máis grupos no tempo, traballando sobre diferentes aspectos relativos á garantía de calidade en radiodiagnóstico. Cada un destes grupos disolverase unha vez acadados os obxectivos para os que foi creado.

2. Cada un dos grupos de traballo que se constitúan estará formado polos profesionais das especialidades correspondentes que se considere oportuno, con relación ó tema específico que se trate. Terán estructuralmente a seguinte composición:

a) Coordinador: facultativo especialista designado polo presidente da comisión por proposta dela.

b) Vocais: un máximo de sete vocais designados polo presidente da comisión por proposta desta, representantes da área de traballo.

3. Correspóndenlle ós grupos de traballo da Comisión Asesora en Materia de Garantía de Calidade en Radiodiagnóstico, as seguintes funcións:

a) Participar na confección, desenvolvemento e revisión de informes que, desde a Comisión Asesora en Materia de Garantía de Calidade en Radiodiagnóstico, se consideren oportunos.

b) Elaboración de recomendacións e documentos de consenso, obtidos a partir da evidencia científica dispoñible, o estado actual da técnica ou a realidade das unidades asistenciais de radiodiagnóstico.

c) Informar á comisión asesora e favorece-la difusión e integración da garantía de calidade en radiodiagnóstico a calquera nivel do ámbito sanitario.

d) Aqueloutras funcións que por parte do seu presidente se consideren oportunas.

Artigo 6º.-Asesoramento.

A comisión e os grupos de traballo, a través do seu presidente, poderán solicitar asesoramento ós expertos que consideren oportunos para as funcións que se lles encomenden.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral do Sergas para adopta-las medidas adecuadas en relación coa execución e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2001.

P.S. (Decreto 178/2001, do 27 de xullo,

DOG do 30 de xullo)

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria