Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 24 de setembro de 2001 Páx. 12.618

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

Exposición de motivos

A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, estableceu o marco legal de actuación do sector artesanal de Galicia en virtude das competencias exclusivas atribuídas polo artigo 27.17º do Estatuto de autonomía de Galicia, previndo no seu articulado a creación da Comisión Galega de Artesanía, o Rexistro Xeral de Artesanía, e definindo os conceptos de taller artesán, artesán e mestre artesán.

A devandita lei tivo o seu desenvolvemento regulamentario nos seus aspectos máis significativos.

No que atinxe á Comisión Galega de Artesanía publicouse o Decreto 94/1992, do 11 de abril, polo que se regulaba a composición da Comisión Galega de Artesanía, modificado posteriormente polo Decreto 68/1994, como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 287/1993, do 10 de decembro, que establecía a estructura orgánica da Xunta de Galicia, que obrigou a modifica-los representantes da Administración na citada comisión para adapta-la súa composición a esta estructura orgánica. Regulándose o seu funcionamento polo Decreto 141/1993, do 24 de xullo, polo que se aproban as normas básicas de organización e funcionamento da Comisión Galega de Artesanía.

No relativo a aspectos procedementais publicouse o Decreto 145/1993, do 24 de xuño, polo que se regula o procedemento para a obtención da carta de artesán e mestre artesán, a Orde do 9 de xullo de 1993, pola que se regula o funcionamento do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, e a Orde do 5 de maio de 1997 pola que se aproban as actividades artesás comprendidas na sección correspondente do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Razóns de índole práctica aconsellan unifica-las citadas disposicións para lograr unha maior racionalidade e seguridade no manexo da normativa, seguindo así coa liña de actuación que se está realizando na Xunta de Galicia sobre racionalización e reforma administrativa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio de acordo coa Comisión Galega de Artesanía e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

TÍTULO I

A Comisión Galega de Artesanía

Capítulo I

Funcións e composición da comisión

Artigo 1º.-Funcións da comisión.

A Comisión Galega da Artesanía, creada en virtude do disposto no artigo 5 da Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, terá as seguintes funcións:

a) Estudiar e propoñe-las disposicións reguladoras das condicións necesarias e o procedemento para o outorgamento das cartas de artesán e mestre artesán e da cualificación de taller artesán.

b) Propoñe-la inclusión de actividades na Sección de Actividades Artesás.

c) Estudiar e propoñe-las normas reguladoras para o outorgamento das certificacións de calidade artesanal e dos seus distintivos.

d) Emitir informe preceptivo sobre os proxectos de declaración de zonas de interese.

e) Propoñerlle á Administración autonómica disposicións e actuacións dirixidas ó fomento, protección, promoción e comercialización da artesanía.

Artigo 2º.-Composición da comisión.

A Comisión Galega da Artesanía estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente: o director xeral competente en materia de artesanía da consellería que teña atribuídas as competencias na mesma materia.

b) Vicepresidente: o director xeral competente en materia de comercio da consellería que teña atribuídas as competencias na mesma materia.

c) Vocais:

-1 representante da dirección xeral competente en materia de artesanía.

-1 representante da dirección xeral competente en materia de comercio.

-1 representante da consellería competente en materia de educación.

-1 representante da consellería competente en materia de cultura.

-1 representante da consellería competente en materia de promoción do emprego.

-1 representante da consellería competente en materia de política agroalimentaria.

-4 representantes designados polas asociacións profesionais de artesanía legalmente constituídas, das que os seus membros deberán estar inscritos na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

-4 representantes elixidos entre tódolos artesáns inscritos na sección terceira do Rexistro Xeral da Artesanía de Galicia.

Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da dirección xeral competente en materia de artesanía con nivel mínimo de xefe de sección.

Artigo 3º.-Nomeamento e designación dos vocais.

1. Os vocais da comisión, en representación da Administración, serán nomeados polos respectivos conselleiros.

2. Os vocais, en representación das asociacións artesanais, designaranse da maneira seguinte:

-As de 200 membros ou máis elixirán 2 vocais entre todas elas.

-As de menos de 200 membros designarán entre todas elas 2 vocais.

As asociacións que desexen estar representadas na comisión deberán formula-la pertinente solicitude á dirección xeral competente en materia de artesanía, se a cal terá en conta no momento de proceder á renovación dos vocais ou no caso de producirse algunha vacante.

No caso de presentarse máis de dúas asociacións, a citada dirección xeral convocará os representantes das asociacións interesadas a unha reunión co obxecto de que designen os vocais que as representen na comisión.

3. Os artesáns de cada provincia, inscritos na sección correspondente do Rexistro Xeral da Artesanía de Galicia, designarán por elección democrática a un vocal da comisión.

Artigo 4º.-Renovación dos vocais.

Cada 4 anos procederase á renovación dos vocais designados por elección e en representación das asociacións artesanais.

Capítulo II

Organización e funcionamento da Comisión Galega de Artesanía

Artigo 5º.-Funcionamento.

A comisión levará a cabo a súas funcións mediante:

a) O pleno, que estará integrado por tódolos membros da comisión.

b) A comisión permanente, que estará constituída por un presidente e un secretario, cargos que recaerán nos da Comisión Galega de Artesanía, e cinco vocais desta designados polo pleno, dos cales dous serán representantes das asociacións artesanais, un dos artesáns inscritos na Sección do Rexistro de Artesanía de Galicia e dous da Administración.

Os membros da comisión permanente poderán ser substituídos, provisionalmente, polos membros do Pleno da Comisión Galega de Artesanía que consten como suplentes.

Artigo 6º.-Pleno.

1. Funcións:

O Pleno da Comisión Galega de Artesanía exercerá as funcións sinaladas no artigo 1º deste decreto.

Así mesmo, o pleno poderá acorda-la creación de grupos de traballo no seu seo e determina-la composición e mailo funcionamento deles.

2. Reunións.

O pleno reunirase, polo menos, dúas veces ó ano con carácter ordinario e, con carácter extraordinario, cando o convoque o seu presidente, por decisión propia, a petición da comisión permanente ou a petición de polo menos seis vocais.

Cando a reunión extraordinaria do Pleno a solicite o dito grupo de vocais, deberá incluírse na petición a orde do día dos asuntos que se vaian tratar, e o presidente deberá convoca-la reunión extraordinaria no prazo de dez días naturais, contados desde o día seguinte a aquel en que se recibise a petición.

Para a válida constitución do Pleno, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a presencia do presidente e secretario, ou, de se-lo caso, daqueles que os substitúan, e a de polo menos a metade dos vocais.

O presidente poderá considerar validamente constituído o pleno, para os efectos de celebración de sesións, se están presentes os representantes da Administración e do sector artesán membros do Pleno ós que se lles atribúe a condición de portavoces pola Administración e sectores ós que representan.

Cando o considere conveniente, por razón de materia, o presidente poderá incorporar ás sesións que celebre a comisión, con carácter de técnicos ou asesores, con voz pero sen voto, ata un máximo de tres persoas de recoñecida competencia.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes tódolos membros do pleno da comisión e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 7º.-Comisión permanente.

1. Funcións:

Serán funcións da comisión permanente:

a) Estudiar, tramitar e resolver cantas cuestións lle sexan encomendadas polo pleno.

b) Apoiar e impulsa-las actividades dos grupos de traballo que constitúan o pleno e coordina-lo seu funcionamento.

c) Calquera outra que o pleno da comisión lle confira ou delegue.

2. Reunións:

A comisión permanente reunirase en sesión ordinaria polo menos tres veces ó ano e, con carácter extraordinario, cada vez que a convoque o seu presidente.

Artigo 8º.-O presidente.

1. Correspóndenlle ó presidente as seguintes funcións:

a) Desempeña-la representación da Comisión Galega de Artesanía.

b) Acorda-la convocatoria das sesión ordinarias e extraordinarias e fixa-la orde do día, tendo en conta as propostas dos membros da comisión formuladas coa debida antelación.

c) Presidi-las sesións, modera-lo desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimi-los empates co voto de calidade.

e) Asegura-lo cumprimento das leis.

f) Visa-las actas e autorizar coa súa sinatura os acordos e toda a documentación que afecte ou se relacione coa comisión e os seus órganos.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente.

2. En casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente e, na súa ausencia, polo membro da comisión que se decida no Pleno, de entre os seus membros.

Artigo 9º.-O secretario.

1. A designación e o cesamento, así como a substitución temporal do secretario en suposto de vacante, ausencia ou enfermidade, levaraa a cabo o conselleiro competente en materia de artesanía.

2. Correspóndenlle ó secretario as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións con voz pero sen voto.

b) Efectua-la convocatoria das sesión do órgano por orde do seu presidente, así como as citacións ós membros.

c) Recibi-los actos de comunicación dos membros da comisión e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Prepara-lo despacho dos asuntos, redactar e autoriza-las actas das sesións, co visto e prace do presidente.

e) Expedir certificacións das consultas, dictames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario.

Artigo 10º.-Actas.

1. De cada sesión que se celebre levantará acta o secretario, que especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros da comisión, o voto contrario do acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que os xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicita-la transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se achegue no acto ou no prazo que sinale o presidente, o texto que corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou uníndose copia a esta.

3. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas, que se incorporará ó texto aprobado.

4. Cando os membros do órgano voten en contra ou se absteñan, quedarán exentos da responsabilidade que, de se-lo caso, poida derivarse dos acordos.

5. As actas aprobaranse na seguinte sesión. Nembargantes, o secretario poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.

Nas certificacións dos acordos adoptados emitidos con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

Artigo 11º.-Financiamento.

Para realiza-las súas funcións, a Comisión Galega de Artesanía disporá dos fondos habilitados para o efecto no orzamento da consellería competente en materia de artesanía.

TÍTULO II

Dos procedementos

Capítulo I

Procedemento para a obtención da carta de artesán

Artigo 12º.-Requisitos necesarios para a obtención da carta de artesán.

Para obte-la carta de artesán deberase cumprir algunha das condicións seguintes:

1. Ter superado cursos en centros de ensino, que impartan formación artesá cunha duración mínima de 500 horas.

2. Ter traballado nun taller artesán, debidamente inscrito, baixo a dirección dun mestre artesán, recoñecido como tal pola consellería competente en

materia de artesanía, cunha asistencia mínima de 500 horas.

3. Exercer unha actividade artesanal que supoña a creación, producción, restauración ou reparación de bens de valor artístico ou popular, así como a prestación de servicios, sempre que estas se presten ou obteñan mediante procesos nos que a intervención persoal constitúe un factor predominante e o producto final sexa de factura individualizada e distinta da propiamente industrial, tal e como se establece no artigo 2, apartado 1º, da Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

Artigo 13º.-Documentación acreditativa dos requisitos necesarios para a obtención da carta de artesán.

As persoas que desexen obte-la carta de artesán presentarán solicitude normalizada segundo anexo I deste decreto, perante a dirección xeral competente en materia de artesanía, coa que se xuntará:

a) Fotocopia do DNI ou NIF.

b) Memoria das actividades profesionais realizadas.

c) Certificación ou documento acreditativo dalgún dos requisitos que prevé o artigo 12º.

Artigo 14º.-Expedición da carta de artesán.

As cartas de artesán expediraas a dirección xeral competente en materia de artesanía, por proposta da Comisión Galega de Artesanía.

Capítulo II

Procedemento para a obtención da carta de mestre artesán

Artigo 15º.-Requisitos necesarios para a obtención da carta de mestre artesán.

Para obte-la carta de mestre artesán deberanse cumpri-las condicións seguintes:

1. Ser maior de idade.

2. Estar inscrito como artesán no Rexistro Xeral de Artesanía.

3. Realizar funcións de dirección e participación na actividade dun taller artesán durante un período mínimo de 10 anos ou impartir durante o mesmo período mínimo de 10 anos ensinanzas dunha actividade considerada artesá.

Así mesmo, teranse en conta os méritos a que se fai referencia no parágrafo segundo do artigo 17º deste decreto.

Artigo 16º.-Documentación acreditativa dos requisitos necesarios para a obtención da carta de mestre artesán.

Para obte-la carta de mestre artesán o interesado presentará solicitude normalizada segundo anexo II deste decreto, perante a dirección xeral competente en materia de artesanía, documentación xustificativa de todos e cada un dos requisitos do artigo 15º, fotocopia do DNI ou NIF, xunto cun currículo profesional referido fundamentalmente a:

a) Relación de traballos realizados polos solicitantes.

b) Títulos, diplomas e premios.

c) Cursos de formación.

d) Actividades relacionadas coa formación de aprendices.

Artigo 17º.-Proposta da Comisión Galega de Artesanía.

A documentación será examinada e valorada pola Comisión Galega de Artesanía que emitirá a oportuna proposta.

Na valoración dos expedientes de solicitude da carta de mestre artesán por parte da Comisión Galega de Artesanía, terá especial relevancia o prestixio do artesán no sector, a súa creatividade, estilo, se este creou escola nesa actividade, a súa contribución á pervivencia dos oficios como un referente para xeracións futuras e calquera outro mérito que avalíe a súa traxectoria profesional.

Para que a proposta da Comisión Galega de Artesanía sexa favorable, será necesaria a aprobación das tres cuartas partes dos seus membros, e sempre coa unanimidade dos representantes do colectivo artesanal.

Artigo 18º.-Expedición da carta de mestre artesán.

As cartas de mestre artesán serán expedidas pola dirección xeral competente en materia de artesanía, por proposta da Comisión Galega de Artesanía.

Artigo 19º.-Carta de mestre artesán a título honorífico.

A Comisión Galega de Artesanía poderá propoñer, por acordo unánime dos seus membros, ó conselleiro competente en materia de artesanía, o outorgamento da carta de mestre artesán a título honorífico a aquelas persoas que se destacaran notablemente no estudio, difusión, investigación ou no exercicio da artesanía, co único requisito de que esta figure inscrita como artesán no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Capítulo III

Procedemento para a obtención da cualificación e inscrición do taller artesanal

Artigo 20º.-Requisitos necesarios.

Para a cualificación de taller artesán deberanse cumpri-los requisitos do artigo 2.3º da Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

Artigo 21º.-Documentación acreditativa dos requisitos necesarios.

1. Para obte-los documentos de cualificación e inscrición do taller artesanal haberá que presenta-la correspondente solicitude normalizada segundo anexo III deste decreto, en única instancia perante a dirección xeral competente en materia de artesanía acompañada da seguinte documentación:

-Acreditar que o responsable da actividade é un artesán ou mestre artesán.

-Nome do titular do taller artesán e, de se-lo caso, o nome comercial.

-Fotocopia do NIF ou CIF.

-Fotocopia compulsada da alta no Imposto de Actividades Económicas e, de se-lo caso, do último recibo do IAE, ou certificado do organismo competente

que acredite que se encontra dado de alta no citado imposto.

-Relación por categorías dos traballadores do taller.

2. As entidades cooperativas ou asociativas reguladas no artigo 2, punto 3º e) da Lei 1/1992, de artesanía de Galicia, que comercialicen a producción dos seus socios ou asociados, achegarán, ademais, a certificación ou documento acreditativo da súa constitución legal, estatutos e relación de socios compoñentes.

Artigo 22º.-Expedición do documento de cualificación do taller artesanal.

O documento de cualificación de taller artesanal expedirao a Comisión Galega de Artesanía.

Unha vez concedido o documento de cualificación de taller artesanal procederase á inscrición do taller no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

TÍTULO III

Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia

Capítulo I

Estructura do rexistro

Artigo 23º.-Natureza do rexistro.

1. O Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia ten por obxecto a inscrición tanto da condición da actividade artesá como a dos talleres artesáns e a dos artesáns e mestres artesáns, que efectivamente exerzan as actividades a que se refire o artigo 4 da Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

2. O rexistro terá carácter público e a inscrición será gratuíta, debéndose actualizar cada 5 anos.

3. O Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia dependerá da dirección xeral competente en materia de artesanía.

Artigo 24º.-Seccións do rexistro.

O rexistro organízase en tres seccións:

-Primeira: actividades artesáns.

-Segunda: talleres artesáns.

-Terceira: artesáns e mestres artesáns.

A dirección xeral competente en materia de artesanía, ó expedi-las cartas de artesán e mestre artesán, procederá á súa inscrición no rexistro.

Capítulo II

Funcionamento do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia

Artigo 25º.-Inscrición na sección primeira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Na sección primeira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, a dirección xeral competente en materia de artesanía inscribirá de oficio tódalas actividades que figuran no anexo IV correspondente de actividades artesáns de este decreto. Nela constará o nome do sector á que pertence, actividade e o grupo no que se encadra.

Así mesmo, cada vez que se produzan modificacións na devandita relación aprobadas pola consellería que teña atribuídas as competencias en materia de artesanía, a dirección xeral competente na mesma

materia procederá á súa inscrición, cancelación ou modificación nesta sección.

Artigo 26º.-Inscrición na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

1. A inscrición de taller artesanal efectuarase de oficio, unha vez concedida a Cualificación de Taller Artesanal procederase á inscrición do taller no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia mediante o correspondente asentamento no rexistro.

2. Os asentamentos efectuaranse respectando a orde temporal de recepción, constarán dun número, data de entrada, data de inscrición e anotarase o nome do titular do taller artesán e, de se-lo caso, o nome comercial; NIF ou CIF; actividades económicas; domicilio; epígrafe e data de alta no imposto de actividades económicas; número de traballadores do taller artesán, relación por categorías dos traballadores e data do documento expedido pola Comisión Galega de Artesanía, ó que fai referencia o parágrafo segundo do artigo 2, punto 3º e) da Lei de artesanía de Galicia.

As entidades cooperativas ou asociativas reguladas no artigo 2, punto 3º e) da Lei de artesanía de Galicia, que comercialicen a producción dos seus socios ou asociados, achegarán a certificación ou documento acreditativo da súa constitución legal, estatutos e relación de socios compoñentes.

3. Unha vez inscritos no rexistro, a dirección xeral competente en materia de artesanía expedirá o certificado da inscrición como taller artesán.

4. Cada cinco anos, contados a partir da data de expedición dos documentos de cualificación e inscrición, procederase á súa actualización no rexistro para o que deberá presentar unha nova solicitude de renovación na sección segunda segundo anexo V, xustificando documentalmente a existencia de modificacións nos datos rexistrados, así como fotocopia compulsada, do último recibo do IAE, ou certificado do organismo competente que acredite que se encontra dado de alta no citado imposto.

Artigo 27º.-Inscrición na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

A dirección xeral competente en materia de artesanía procederá a inscribir de oficio nesta sección a todas aquelas persoas que obtivesen as cartas de artesán e mestre artesán.

Esta sección constará de dous epígrafes:

a) No primeiro epígrafe anotaranse os titulares das cartas de artesáns, nel farase o correspondente asentamento, respectando a orde temporal de recepción. Constará dun número e anotaranse así mesmo, nome, apelidos, data de nacemento; NIF, oficio ou actividade que desenvolve, anos de antigüidade, domicilio, así como a data de expedición da carta acreditativa da súa condición, expedida pola dirección xeral competente en materia de artesanía.

b) No segundo epígrafe anotaranse os titulares das cartas de mestre artesán e seguirase o mesmo procedemento de inscrición que para o epígrafe anterior, facendo constar ademais a data de expedición da carta de artesán.

Cada cinco anos, contados a partir da data de expedición das cartas, procederase á súa actualización no rexistro para o que deberá presentar unha solicitude de renovación na sección terceira segundo anexos VI e VII respectivamente, xustificando documentalmente a existencia de modificacións nos datos rexistrados.

Artigo 28º.-Variación dos datos rexistrados.

Os talleres artesáns, artesáns e mestres artesáns que figuren inscritos na correspondente sección do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia están obrigados a comunicar por escrito á dirección xeral competente en materia de artesanía as variacións que se produzan nos datos que constan no devandito rexistro.

Artigo 29º.-Cancelación da inscrición no rexistro.

a) Actividades artesás: procederase á súa cancelación cando, polo mesmo procedemento da súa declaración como artesá, se producise a súa exclusión deste concepto.

b) Talleres artesáns: procederá a súa cancelación no suposto de renuncia do titular da inscrición, por falecemento do titular, por cesamento da actividade, cando deixen de concorrer algún dos requisitos esixidos para a súa inscrición, non comunicación de variación dos datos rexistrados, e non renovación.

c) Carta de artesán e mestre artesán: procederá a súa cancelación en caso de perda da condición de artesán e mestre artesán e por falecemento do titular, cando deixen de concorrer algún dos requisitos esixidos para a súa inscrición, non comunicación de variación dos datos rexistrados, e non renovación.

TÍTULO IV

Actividades artesás

Artigo 30º.-Relación de actividades artesás.

Recoñécense oficialmente como actividades artesás os traballos e actividades que figuran no anexo IV deste decreto, para os efectos da súa inclusión na sección de actividades artesáns do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 31º.-Revisión das actividades artesás.

1. A relación de actividades artesás poderá ser obxecto de revisión periódica pola Comisión Galega de Artesanía, de oficio ou por instancia da parte interesada. A revisión levarase a cabo mediante orde da consellería competente en materia de artesanía por proposta do citado órgano colexiado.

2. Os interesados dirixirán a solicitude de revisión, segundo anexo VIII deste decreto á Comisión Galega de Artesanía, xunto coa da documentación xustificativa dela e da que, de se-lo caso, se determine regulamentariamente.

A Comisión Galega de Artesanía poderá reclamar do solicitante calquera información ou documentación adicional que coide necesaria.

TÍTULO V

Prazo para resolver e réxime de recursos

Artigo 32º.-Prazo para resolver.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver e notifica-las solicitudes correspondentes a este decreto será de 6 meses contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Artigo 33º.-Recursos.

As resolucións da Comisión Galega de Artesanía e da dirección xeral competente en materia de artesanía poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de artesanía.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto, en particular:

-Decreto 94/1992, do 11 de abril, polo que se regula a composición da Comisión Galega da Artesanía.

-Decreto 145/1993, do 24 de xuño, polo que se regula o procedemento de obtención da carta de artesán e o Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

-Decreto 68/1994, do 25 de marzo, polo que se modifica o Decreto 94/1992, do 11 de abril, polo que se regula a composición da Comisión Galega de Artesanía.

-Decreto 141/1993, do 24 de xullo, polo que se aproban as normas básicas de organización e funcionamento da Comisión Galega de Artesanía.

-Orde do 9 de xullo de 1993 pola que se regula o funcionamento do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

-Orde do 5 de maio de 1997 pola que se aproban as actividades artesás comprendidas na sección correspondente do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Industria e Comercio para que dicte cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO IV

Relación de actividades artesanais agrupadas segundo a Clasificación Nacional

de Actividades Económicas (CNAE-93)

Clasificación segundo o Real decreto 1560/1992.

División 15. Industrias de productos alimenticios e bebidas.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

1Chacinería, chacineiro(a)15.1Si
2Queixos e manteiga, queixeiro(a), manteigueiro(a)15.5Si
3Pastelería, pasteleiro(a)15.8Si
4Confeitería, confeiteiro(a)15.8Si
5Panadería, panadeiro(a)15.8Si

División 17. Industria, téxtil.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

6Tecidos, tecedor(a) (alto e baixo lizo, alfombras, tapices...)17.2/4/5SiSiSi
7Decoración de teas, decorador(a) de teas17.3SiSi
8Encaixes, encaixeiro(a), palilleira, picador(a) de cartóns17.5SiSiSi
9Calceta, calceteiro(a), gancho, gancheiro(a)17.7SiSi
10Bordados, bordador(a)17.5SiSiSi
11Productor e reparador de redes, redeiro(a)17.5SiSi

División 18. Industrias da confección e da peletería.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

12Xastre18.2Si
13Modista18.2Si
14Traxes tradicionais populares, productor(a) de...18.2SiSi
15Peletería, peleteiro(a)18.3Si

División 19. Preparación, curtido e acabado do coiro fabricación de artigos de marroquinería e viaxe: artigos de albardaría, talabartería e zapatería.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

16Curtidos, curtidor(a)19.1SiSi
17Albardaría e talabartería, albardeiro(a) ou talabarteiro(a)19.2SiSi
18Repuxado e decorado de coiro, repuxador(a) e...19.2SiSi
19Marroquinería, marroquineiro(a)19.2Si
20Zoqueiro, productor de zocos19.3SiSi
21Zoqueiro, productor de zocas19.3SiSi
22Zapatería, zapateiro(a)19.3SiSi

División 20. Industria da madeira e da cortiza, agás mobles, cestería e espartería.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

23Tornería, torneiro(a) de madeira20.1SiSiSi
24Carpintería, carpinteiro(a)20.3SiSiSi
25Tonelería, toneleiro(a), selleiro(a)20.4SiSi
26Talla, tallista20.5SiSiSi
27Marquetería, marqueteiro(a)20.5SiSi
28Imaxinería, imaxineiro(a)20.5SiSiSiSi
29Cestería, cesteiro(a)20.5SiSi
30Labores de palla, productor(a) de labores de palla20.5SiSi

División 21. Industria do papel.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

31Papel, productor(a) de papel21.1Si
32Manipulados de papel e cartón, manipulador(a) de papel e cartón (producción de obxectos con estes materiais)21.2SiSiSi

División 22. Edición, artes gráficas e reproducción de soportes gravados.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

33Encadernación, encadernador(a)22.2SiSi
34Serigrafía, serígrafo(a)22.2Si
35Gravados, gravador(a) (reproductor)22.3SiSi

División 24. Industria química.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

36Pirotecnia, pirotécnico24.6SiSiSi

División 26. Fabricación doutros productos minerais non metálicos.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

37Vidreiro26.1SiSi
38Vitralista (vidreiras)26.1SiSi
39Tallista de vidro26.1SiSi
40Cerámica, ceramista (decorador, muralista, esmaltista modelador, etc.)26.2SiSi
41Olería, oleiro26.2SiSi
42Cantería, canteiro26.7SiSiSiSi
43Talla de pedra ou mármore, tallista de pedra ou mármore26.7SiSiSi

División 27. Metalurxia.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

44Fundición, fundidor27.5SiSiSi
45Fundición de campás, campaneiro27.5SiSiSi

División 28. Fabricación de productos metálicos agás maquinaria e equipos.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

46Forxa e ferrería, ferreiro28.4SiSiSiSi
47Follalatería, follateiro28.5SiSiSi
48Esmaltes, esmaltistas28.5SiSi
49Metalistería, metalisteiro (traballos de diverso tipo en metais -latón, cobre, estaño, titanio, alpaca, gravados decorativos, cincelados, repuxados, etc.)28.5SiSiSi
50Cerrallería decorativa ou artística, cerralleiro decorativo ou artístico28.6SiSiSi
51Caldeirería, caldeireiro28.7SiSiSi

División 33. Fabricación de equipo e instrumentos médico-cirúrxicos, de precisión, óptica e reloxería.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

52Construcción e reparación de reloxos, reloxeiro(a)33.5SiSi

División 35. Fabricación doutro material de transporte.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

53Carpintería de ribeira, carpinteiro de ribeira35.1SiSiSi

División 36. Fabricación de mobles, outras industrias manufactureiras.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

54Tapicería, tapiceiro(a)36.1Si
55Ebanistería, ebanista36.1SiSiSi
56Dourado, dourador(a)36.1SiSi
57Pratería, prateiro(a)36.2SiSiSiSi
58Xoiería, xoieiro(a)36.2SiSiSiSi
59Ourivería, ourive36.2SiSiSiSi
60Talla de pedras preciosas ou semipreciosas, lapidario(a)36.2Si
61Talla de acibeche, acibecheiro(a)36.2SiSiSiSi
62Productor(a) de instrumentos musicais de corda ou luthier36.3SiSi
63Productor(a) de instrumentos musicais de vento36.3SiSi
64Productor(a) de instrumentos musicais de percusión36.3SiSi
65Productor(a) de instrumentos tradicionais populares galegos36.3SiSiSi
66Afinación de instrumentos musicais, afinador(a)36.3Si
67Palletas, palleteiro(a)36.3SiSi
68Productor(a) de artigos deportivos36.4SiSi
69Xoguetes, xogueteiro(a), bonecos, bonequeiro(a)36.5Si
70Talla de coral, marfil, nácara, carei, ónix, etc. tallista de...36.6SiSiSi
71Modelos ou maquetas, modelista ou maquetistas36.6SiSi
72Miniaturas, miniaturista36.6Si
73Taxidermia, taxidermista36.6Si
74Paraugas e bastóns, paraugueiro ou bastoeiro(a)36.6SiSi
75Productor(a) de perrucas ou postizos36.6Si
76Cerería, cereiro(a) (velas e exvotos)36.6SiSi
77Figuras de pan tradicionais populares, productor(a)36.6SiSi

División 45. Construcción.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

78Mosaicos, productor(a) de mosaicos45.4SiSi
79Pinturas e revestementos decorativos, pintor-decorador(a), estuquista, etc.45.4SiSi

División 52. Comercio polo miúdo de flores e plantas.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

80Arranxos florais con flores naturais ou secas, fabricación de flores de papel ou teas, etc.52.4Si

División 74. Outras actividades empresariais.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

81Fotografía, fotógrafo(a) (proceso non automatizado)74.8Si
82Escaparatismo, escaparatistas74.8Si
83Rotulación74.8Si

División 92. Actividades recreativas, culturais e deportivas.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

84Escultura, escultor(a)92.3Si
85Debuxo, debuxante92.3SiSi
86Restauración, restaurador(a), (madeira, mobiliario, papel, pintura, arqueoloxía, coiro, pedra, etc.)92.3SiSi
87Escenografía e cartelismo, escenógrafo(a) ou cartelista92.3SiSi
88Pirogravado, pirogravador(a)92.3SiSi
89Cartón pedra, productor(a) de obxectos de cartón pedra e similares92.3SiSi

División 93. Actividades diversas de servicios persoais.

Nº de orde

Denominación

Código

CNAE-93

A

B

C

D

90Afiado, afiador93.0SiSi