Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 23 de outubro de 2001 Páx. 13.738

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 274/2001, do 27 de setembro, polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural do Monte Aloia.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, establece a necesidade de axeita-la xestión dos espacios naturais e das especies que deben protexerse ós seus principios inspiradores, para o que resulta necesaria a posta en vigor dun instrumento de planificación dos recursos naturais que permita acada-los obxectivos de conservación do ecosistema e harmonice os distintos intereses implicados no uso sustentable e goce público destes espacios.

En Galicia estes obxectivos están desenvoltos por medio da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

O artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espacios naturais e das especies e elementos singulares de fauna, flora e xea de Galicia que polo seu valor e interese científico, paisaxístico, cultural ou histórico requiren unha especial atención.

Co propósito de cumpri-los obxectivos reflectidos no artigo 4.3º da Lei 4/1989, e do artigo 4 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e ante a necesidade de xeneralizar este enfoque preventivo co fin de harmoniza-las actividades económicas e o medio no espacio do Parque Natural do Monte Aloia, procédese á redacción do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN).

O Parque Natural de Monte Aloia é un espacio natural cunha importante vocación forestal. Esta característica fixo que, con carácter previo á aprobación do PORN, a Dirección Xeral de Montes e MAN elaborase o Plan de Ordenación Forestal do Monte que, tralo informe favorable da Xunta Rectora do parque, foi aprobado pola Consellería de Medio Ambiente. O PORN elaborado pola dita consellería respecta os obxectivos e contidos do Plan de Ordenación Forestal, á vez que recolle os contidos previstos para un PORN. Así, delimita e describe o ámbito territorial, define o estado de conservación dos recursos e ecosistemas, especifica as distintas zonas existentes no espacio e determina as limitacións para cada unha delas, concreta as actividades que requiren un réxime de avaliación e establece recomendacións básicas para a xestión.

O plan de ordenación ten por obxecto conserva-la integridade dos ecosistemas que constitúen unha representación significativa dos sistemas naturais e seminaturais asociados a rochas graníticas, ós regatos e ribeiras fluviais e nas formacións arborizadas de especies autóctonas. Así mesmo, ten como obxec

tivo contribuír á protección, recuperación, fomento e difusión dos valores históricos e etnográficos que se encontran estreitamente vencellados e integrados na paisaxe do monte Aloia, permitindo o coñecemento e goce dos principais valores e asegurando, sempre de forma compatible coa suá conservación, a actividade investigadora e educativa. O uso recreativo encóntrase profundamente arraigado en forma de actividades de lecer e esparexemento xeral e na celebración de romarías populares, cunha ordenación e fomento que son tamén obxectivos deste plan. Finalmente, a ordenación deste parque promoverá o desenvolvemento social, económico e cultural sustentable para as persoas e comunidades asociadas ó seu ámbito territorial e área de influencia, garantindo a súa participación en todo o proceso.

O procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do Parque Natural do Monte Aloia inclúe, entre outros, os trámites de información pública e audiencia ós interesados publicados no DOG e consulta ós intereses sociais. A Xunta Rectora do parque natural -da que forman parte tódolos propietarios existentes no espacio- foi consultada durante a elaboración do documento e, por unanimidade, informouno favorablemente. A continuación, o plan estivo sometido a información pública e audiencia ós interesados durante trinta (30) días de acordo coa resolución da Dirección Xeral de Montes e MAN do 25 de maio de 2001, publicada no DOG o día 14 de xuño e non foi presentada ningunha alegación.

Por estas razóns, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintesete de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co establecido no título segundo da Lei 4/1989, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre e do capítulo I do título I da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, apróbase o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural do Monte Aloia como instrumento de ordenación dos seus recursos naturais, cunhas prescricións de carácter normativo que figuran como anexo a este decreto.

Artigo 2º

1. O Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural do Monte Aloia é obrigatorio e executivo nas materias reguladas na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre, as súas disposicións constitúen un límite para calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física, as determinacións das cales non poderán alterar ou modificar tales disposicións.

2. No referente a usos e actividades que se poden levar a cabo dentro dos límites do espacio natural

terán que aterse ó disposto no plan que se aproba, ademais da normativa vixente en materia de conservación da natureza, así como ó resto das disposicións existentes.

Artigo 3º

A concesión das autorizacións previstas neste decreto corresponderalle ó órgano competente por razón da materia, tralo informe, se é o caso, da Xunta Consultiva do parque natural.

Disposición transitoria

De acordo co establecido no artigo 5 da Lei 4/1989, así como o artigo 6 da Lei 9/2001, de conservación da natureza, este Plan de Ordenación dos Recursos Naturais prevalece sobre calquera ordenación territorial ou física, que deberá adaptarse a aquel nun prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ó da publicación deste decreto.

Disposición derrogatoria

Derróganse tódalas aquelas disposicións de igual ou inferior rango en todo o que se opoñan ou contradigan este decreto, e en concreto derróganse:

-Orde do 21 de xaneiro de 1992, pola que se establece o réxime de protección do Monte Aloia (DOG nº 39, do 26 de febreiro).

-Orde do 24 de setembro de 1997, pola que se regula a limitación de paso para os vehículos que circulan polo parque natural do Monte Aloia (DOG nº 196, do 10 de outubro). Corrección de erros (DOG nº 209, do 29 de outubro).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para desenvolver este decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO

Índice:

1. Delimitación do ámbito territorial.

2. Definición do estado de conservación, diagnóstico e evolución dos valores ambientais.

3. Criterios de ordenación.

4. Obxectivos de ordenación.

5. Directrices de ordenación dos recursos naturais.

5.1. Directrices para a xestión.

5.2. Directrices sobre o aproveitamento dos recursos.

5.3. Directrices sobre uso público.

6. Normas xerais.

6.1. Usos permitidos.

6.2. Usos prohibidos.

6.3. Usos autorizables.

7. Normas particulares. Zonificación.

7.1. Zona de uso restrinxido.

7.2. Zona de uso moderado.

7.3. Zona de uso especial.

7.3.1. Uso turístico e recreativo.

7.3.2. Uso xeral.

8. Réxime de avaliación de impacto ambiental.

9. Desenvolvemento do plan.

1. Delimitación do ámbito territorial.

Correspóndese cos límites establecidos no Real decreto 3160/1978, do 4 de decembro, sobre a declaración do parque natural do Monte Aloia, cunha superficie de 746,29 ha. Os seus límites xeográficos son:

Norte: termo municipal do Porriño, liña de separación co monte de utilidade pública número 493 denominado Costa de Oia e outros da entidade local menor de Chenlo e monte da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Costa de Oia da parroquia de Ribadelouro (concello de Tui).

Leste e sur: predios de propiedade privada do concello de Tui.

Oeste: monte da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común denominado Casas Novas e Rega de Bastián da parroquia de Randufe (concello de Tui).

2. Definición do estado de conservación, diagnóstico e evolución dos valores naturais.

O Monte Aloia, debido á súa situación e singular fisonomía albergou historicamente a diferentes culturas que o utilizaron como lugar de veneración ou situación defensiva. Na actualidade é un espacio rural dominado polo aproveitamento forestal a través de repoboacións de Pinus pinaster e por un uso recreativo en forma de actividades de lecer e entretemento xeral, así como pola celebración de romarías populares. O resto de usos e actividades que se desenvolven no ámbito do parque non revisten o

mesmo nivel de importancia que os indicados anteriormente, a pesar de que as actividades relacionadas coa educación ambiental e a interpretación do medio adquiren cada día unha maior notoriedade.

Os valores ambientais máis significativos do ámbito do plan concéntranse nas rochas graníticas e no seu contorno inmediato, nos regatos e ribeiras fluviais e nas formacións arbóreas de especies autóctonas. Estes radican na presencia de vexetación climácica, de flora de carácter endémico ou rara, de fauna con gran dependencia de lugares húmidos como é o caso dos anfibios, así como dunha pequena poboación de vermella (Rutilus arcasii) localizada nun reducido tramo fluvial.

Son tamén de consideración os valores ambientais referidos ó patrimonio histórico e etnográfico que se encontran estreitamente vencellados e integrados na paisaxe do Monte Aloia.

No tocante ás alteracións ambientais máis significativas detectadas no ámbito do plan, en primeiro lugar hai que menciona-la perda da cobertura vexetal autóctona e a súa substitución maioritaria por un piñeiral de repoboación e por mouteiras de especies exóticas. Esto incide negativamente na diversidade das comunidades faunísticas e na calidade intrínseca da paisaxe. En segundo lugar, o uso recreativo masivo provoca procesos erosivos puntuais e eliminación de vexetación natural; así mesmo determinados labores silvícolas e de mantemento de pistas forestais poden agudizar determinados procesos erosivos e de desnaturalización de leitos fluviais.

As zonas de rochas graníticas, as asociadas a cursos de auga, as manchas de arborizado autóctono e as ladeiras cubertas de mato denso encóntranse na actualidade sometidas a determinados usos e actividades que provocan unha degradación dos seus valores naturais, polo que resulta necesario establecer certas limitacións, mantendo só os usos compatibles coa conservación e rexeneración destes valores.

As zonas de repoboación e de uso agrícola presentan uns valores ambientais medios e baixos, tendo como uso principal o aproveitamento de recursos naturais. A explotación forestal de Pinus pinaster é o uso predominante aínda que existe tamén unha área residual de Eucalyptus globulus e cultivos agrícolas coma uso marxinal no recinto do parque. As particularidades da repoboación de Pinus pinaster facilita a rexeneración de pés de Quercus robur, polo que o uso forestal, aínda que sexa predominante, pode permiti-la rexeneración parcial do bosque autóctono.

As zonas arborizadas de carácter recreativo e as canteiras abandonadas unha vez que sexan restauradas, amosan unha clara vocación para o uso público ordenado que ademais resulta predominante, podendo compatibilizar este uso coa rexeneración da vexetación arbórea autóctona e a conservación dos recursos naturais existentes.

Os espacios antropizados caracterízanse por ter perdida a súa naturalidade orixinaria e presentan un uso urbano ou semi-urbano, que pode compatibilizarse coa miniminazión dos impactos derivados deste uso.

3. Criterios de ordenación.

A orientación principal do parque natural será a de conservación dos valores naturais e a rexeneración daqueles que, debido ás actividades humanas se encontran degradados.

A consideración da propiedade dos terreos onde se localiza o parque natural, así como os aspectos socioeconómicos, obrigan a compaxina-lo aproveitamento forestal coa súa regulación e a conservación dos valores naturais do espacio. Neste sentido, as repoboacións productivas deberanse limitar ás zonas con suficiente capacidade para realizar tal actividade e onde esta no produza impactos relevantes. Promoverase en xeral a evolución progresiva á vexetación climácica, e preferentemente, con fins ecolóxicos ou protectores, nos terreos onde as repoboacións productivas resulten inadecuadas.

O Parque Natural do Monte Aloia pódese considerar como un enclave cun alto potencial turístico. Por iso, fomentaranse os usos turísticos e recreativos sustentables que non produzan unha diminución da calidade ambiental da área, nin poñan en perigo a conservación dos seus valores naturais e culturais.

4. Obxectivos de ordenación.

Como obxectivos xerais de ordenación no ámbito deste plan, establécense os seguintes:

a) Conservar e protexe-la integridade da xea, auga, flora, fauna, paisaxe, a dinámica e estructura funcional dos ecosistemas do parque natural, así como dos seus recursos culturais e arqueolóxicos.

b) Restaurar no posible os ecosistemas e valores do espacio que foran deteriorados.

c) Asegura-la utilización ordenada dos recursos.

d) Impulsar e programar actividades de información, interpretación e educación ambiental e o recoñecemento do patrimonio natural e cultural, que logren o respecto imprescindible para logra-los obxectivos de conservación.

e) Promove-lo coñecemento e goce dos seus valores naturais e culturais, desde os puntos de vista educativo, científico, recreativo e turístico, dentro do máis escrupuloso respecto ós valores que se tratan de protexer.

f) Promove-la salvagarda dos bens e valores históricos, artísticos, culturais ou arqueolóxicos relacionados co parque natural.

g) Promove-la investigación e a súa aplicación á xestión dos recursos naturais.

5. Directrices de ordenación dos recursos naturais.

5.1. Directrices para a xestión do medio natural.

* Auga.

a) Preservaranse as marxes dos regatos, charcas e pozas, restaurando aquelas zonas que sufriran alteracións importantes por actuacións ou usos inadecuados.

b) Os usos recreativos estarán supeditados ó mantemento da calidade da auga e ós seus valores ecolóxicos.

c) Evitaranse as actuacións, infraestructuras e instalacións que supoñan un impedimento ou modificación á normal circulación das augas polos seus leitos, agás as mínimas imprescindibles para o abastecemento a poboacións e os usos agrícolas tradicionais da zona.

* Xeoloxía, xeomorfoloxía e solo.

a) Velarase para que as técnicas de preparación do terreo en plantacións e repoboacións non resulten agresivas para o solo e eviten a alteración dos perfís edáficos e da topografía das ladeiras afectadas.

b) Impedirase a apertura de canteiras e outras actividades extractivas similares a ceo aberto no parque natural.

* Vexetación.

a) Protexeranse e fomentaranse en especial as formacións vexetais e especies propias dos medios fluviais e ribeireños.

b) Estableceranse as medidas necesarias para evita-las alteracións da cuberta vexetal que poidan repercutir negativamente na protección dos solos fronte á erosión superficial, a regulación hídrica, e os valores paisaxísticos ou ecolóxicos do parque natural.

c) Procurarase evita-la desaparición de calquera especie autóctona, aplicándose se fora preciso, medidas de protección e conservación da flora endémica, rara ou ameazada.

d) Evitarase a plantación e difusión de especies alóctonas e tenderase á eliminación das actualmente existentes que teñan carácter intensivo.

* Fauna.

a) Deberase protexer e conserva-lo conxunto da fauna existente ou visitante no parque natural, así como afondar no seu coñecemento para aplica-la mellor xestión.

b) Promove-la realización de estudios das diferentes causas de mortandade ou outro tipo de perturbacións que poidan afectar negativamente ás poboacións de vertebrados e invertebrados.

c) Procurarase, mediante as oportunas medidas correctoras, minimiza-lo impacto sobre a herpetofauna causado pola circulación de vehículos.

* Paisaxe.

a) Estableceranse as medidas necesarias para que áreas naturais próximas como as Gándaras de Budiño e a Serra do Galiñeiro manteñan vías naturais de conexión co parque natural, sen barreiras ou obstáculos que impidan o fluxo ecolóxico.

b) Procurarase evita-la introducción de calquera elemento estructural artificial que altere a paisaxe natural ou desfigure as súas formas e perspectivas, modificando o seu valor estético.

c) Velarase polo mantemento do parque natural libre de lixo, refugallos e verteduras.

d) Procurarase que os tendidos eléctricos e as liñas telefónicas causen o menor impacto posible na paisaxe e que, na medida do posible, sexan substituídas por conduccións subterráneas.

e) Os elementos constructivos, de sinalización ou calquera outro elemento que se xere como consecuencia da xestión do parque, deberán integrarse no medio natural onde se localicen, de maneira que causen o mínimo impacto visual.

5.2. Directrices sobre o aproveitamento dos recursos.

* Aproveitamentos forestais.

a) O aproveitamento forestal desenvolverase no marco do vixente Plan de Ordenación Forestal, acorde coas esixencias de conservación do parque natural e coas directrices deste PORN e dos instrumentos de planificación que o desenvolvan.

b) Darase prioridade á conservación da flora e fauna silvestres no momento de determina-las técnicas silvícolas que se van utilizar.

c) Utilizaranse métodos de explotación do monte que sexan respectuosos coa paisaxe e non xeren riscos de erosión.

d) No caso de ser necesario realizar controis de pragas e enfermidades forestais, efectuaranse mediante métodos biolóxicos sempre que sexa posible.

e) Desenvolveranse as medidas necesarias para a prevención e extinción de incendios forestais, procurando que as actuacións preventivas minimicen o seu impacto paisaxístico.

5.3. Directrices sobre o uso público.

* Actividades de información e interpretación.

a) Sinalizaranse tódalas entradas ó parque natural con expresa mención a súa categoría de protección, empregando para iso materiais e deseños que compatibilicen a visibilidade dos sinais coa súa integración na paisaxe.

b) Os sistemas de información e interpretación farán especial énfase nos valores específicos do ecosistema forestal e no seu aproveitamento racional.

c) Buscarase, a través da interpretación do parque natural, promover actitudes de respecto ó medio natural en xeral e a adquisición dun maior grao de conciencia sobre a problemática ambiental.

d) Promoverase o descubrimento dos contidos do parque natural mediante sendeiros, itinerarios guiados ou non, etc.

* Dos recursos histórico-artísticos e culturais.

a) A Xunta de Galicia velará pola conservación e restauración, nos casos nos que se requira, dos valores arqueolóxicos, histórico-artísticos e etnográficos, e en xeral por tódalas manifestacións artísticas que existan nel.

b) Promoverase o coñecemento e a divulgación dos valores anteriormente citados, así como a investigación da historia e cultura popular.

* Actividades turísticas e recreativas.

a) As zonas consideradas de maior valor ambiental deben quedar restrinxidas ó uso público, evitando a instalación de equipamentos e limitando o acceso de visitantes.

b) As áreas recreativas, coas adecuacións e equipamentos necesarios para a súa óptima utilización tanto polos habitantes da zona como de visitantes, instalaranse preferentemente en áreas atractivas (fontes, ermidas, zonas tradicionais de espallamento e recreo, etc.).

6. Normas xerais.

A normativa de carácter xeral de aplicación no recinto do Parque Natural do Monte Aloia no ámbito de conservación e protección da natureza, é basicamente a recollida na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre, así como a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

6.1. Usos permitidos.

Con carácter xeral considéranse usos ou actividades permitidos os forestais e recreativos que sexan compatibles ca protección de cada zona diferenciada na zonificación do parque natural.

6.2. Usos prohibidos.

Son usos ou actividades prohibidos todos aqueles que sexan incompatibles coas finalidades de protección do espacio natural, e en particular, os seguintes:

a) A introducción de especies exóticas, animais ou vexetais, agás por motivos científicos e tralo estudio previo para avalia-lo seu impacto sobre a fauna ou vexetación autóctonas.

b) A presencia de animais domésticos soltos.

c) A utilización de herbicidas, pesticidas e outros productos químicos, agás nos casos estrictamente necesarios e que así o requira a xestión do parque

natural e sempre baixo a supervisión da administración do parque.

d) O exercicio da caza e da pesca, agás por necesidades razoadas de investigación ou de xestión do parque natural.

e) A captura de animais vivos ou dos seus ovos ou crías, así como a tenencia dentro do parque de artes ou armas para usos cinexéticos ou similares, agás por motivos de interese científico, de utilización no campo de tiro debidamente xustificado ou de xestión do parque natural.

f) A extracción de plantas, ou partes delas, e de rochas e minerais, agás por motivos de interese científico ou de xestión do parque natural.

g) A escavación ou modificación sensible da topografía do terreo así como a realización de prospeccións, sondaxes e extracción de areas, pedras ou terra, agás autorización da Consellería de Medio Ambiente.

h) A vertedura de entullos, lixo, refugallos e demais residuos.

i) Todo tipo de actividade da que puidera derivar contaminación das augas nacentes ou circulantes polo parque natural, así como o baño fóra das zonas autorizadas.

j) Altera-la cantidade ou a calidade dos leitos de auga.

k) A perforación de pozos ou captación de augas subterráneas.

l) A práctica da acampada.

m) Acender calquera tipo de lume ou fogueiras fóra das instalacións destinadas a ese uso.

n) A circulación con vehículos motorizados fóra das estradas e pistas forestais, agás os expresamente autorizados pola Consellería de Medio Ambiente.

o) Aquelas accións que provoquen danos á sinalización e ás infraestructuras do parque natural.

p) A apertura de novas sendas ou camiños.

q) A instalación de rótulos, anuncios, carteis ou calquera outra forma de mensaxe publicitaria.

r) A instalación ou uso de altofalantes u outros aparellos de audición cun volume de son que altere a tranquilidade natural do lugar.

s) E, en xeral, calquera actividade que atente contra os valores naturais do parque.

6.3. Usos autorizables.

Considéranse usos ou actividades autorizables todos aqueles que, sen estar permitidos ou prohibidos con carácter xeral, poderán ser levados a cabo tralo sometemento previo a un control por parte da Administración do parque natural, tralo informe, se é o caso, da Xunta Consultiva. Deberá en todo caso

obterse autorización previa para executa-los seguintes aproveitamentos e actividades:

a) Para os aproveitamentos forestais, tratamentos silvícolas e os labores de todo tipo que se executen nos montes do parque natural e que non estean previstos nos plans anuais de traballos ou nos de melloras.

b) Para a creación de novos cerramentos ou modificacións dos existentes, así como para a execución de calquera obra nova ou de ampliación ou modificación das xa existentes, sen prexuízo das atribucións propias doutros organismos.

c) Para a instalación de sinalizacións non previstas no plan anual de traballos.

d) Para a realización de actividades de investigación no medio natural.

e) Para a realización de actividades e probas de carácter deportivo.

f) Para a actividade fotográfica, de filmación e gravación, cando sexan de carácter comercial ou científico.

7. Normas particulares. Zonificación.

Para os efectos de regula-los usos e actividades das distintas áreas do parque natural e defini-los criterios de xestión que haberán de seguirse, divídese o parque nas seguintes zonas:

7.1. Zona de uso restrinxido (limitado).

Teñen esta consideración aquelas áreas que conteñen os principais valores naturais do parque natural, entre os que se inclúen as zonas de rochedos graníticos existentes en posicións culminantes; os regatos e ribeiras fluviais, delimitados por unha franxa de 20 m a cada lado do curso fluvial; os arboredos de especies autóctonas inseridas nas masas de Pinus pinaster; e aquelas ladeiras cubertas de forma predominante por mato con escasa o nula cobertura arbórea, e non aptas para o aproveitamento forestal.

Estes espacios dedicaranse fundamentalmente a funcións de conservación, rexeneración, investigación e uso educativo controlado. O uso público estará restrinxido, excepto naquelas áreas debidamente delimitadas e sinalizadas pola Consellería de Medio Ambiente, onde se poderán desenvolver cunha finalidade didáctica.

* Usos e actividades compatibles.

a) As accións destinadas á conservación, rexeneración e recuperación de fauna, flora e hábitats representativos.

b) O uso científico e as actividades didácticas por medio de rutas e sendas específicas establecidas para este uso.

* Usos e actividades incompatibles.

a) Considéranse usos e actividades incompatibles aquelas que impliquen unha modificación das condicións actuais, a excepción das actuacións de conservación e rexeneración.

b) A circulación con calquera tipo de vehículo.

c) A apertura de novos camiños, pistas ou sendas, agás que se consideren imprescindibles para a xestión e conservación.

d) A circulación a pé e a estancia fóra das sendas e camiños existentes.

7.2. Zona de uso moderado (forestal).

Delimitaranse e incluiranse nestas zonas aquelas superficies do parque natural que se atopan sometidas a un aproveitamento forestal ordenado e que amosan a necesaria aptitude para iso. Tamén se inclúen aquí as zonas marxinais do parque onde se desenvolven cultivos agrícolas tradicionais con carácter marxinal.

Estes espacios terán un uso predominantemente forestal. Tamén resultará compatible un uso público controlado, que radicará basicamente na existencia de rutas e sendeiros didácticos.

* Usos e actividades compatibles.

a) Considéranse usos compatibles todos aqueles destinados ó desenvolvemento da actividade forestal, e que non atenten contra as determinacións do presente PORN.

b) Os usos e actuacións destinados a mellora-las condicións naturais e paisaxísticas destes espacios ou a facilita-la realización de actividades científicas e didácticas.

* Usos e actividades incompatibles.

a) Con carácter xeral, todos aqueles usos que poidan comporta-la alteración e degradación de arboredo autóctono.

b) As actuacións que supoñan a introducción ou repoboación con novas especies vexetais alóctonas ou cunha distribución que non corresponde á área.

c) A transformación en solo agrícola.

d) A circulación de vehículos a motor polas pistas e camiños, exceptuando os vehículos utilizados en actividades forestais e agrarias, e aqueles expresamente autorizados pola Consellería de Medio Ambiente.

e) A circulación de vehículos a motor fóra das pistas, exceptuando aqueles expresamente autorizados pola Consellería de Medio Ambiente.

7.3. Zona de uso especial.

7.3.1. Uso turístico e recreativo.

Son espacios con certos valores naturais e paisaxísticos, que constitúen lugares de estancia, recreo

e espallamento ó aire libre de modo compatible ca conservación da natureza e a educación ambiental. Inclúense baixo esta denominación aquelas áreas do parque natural cun alto interese recreativo, xa que reúnen condicións idóneas para este uso, entre as que destacan a presencia de auga, sombra, topografía suave e boa accesibilidade. Están englobados aquí os seguintes enclaves do parque natural: Circos, A Macoca, Trapa, Faca, Casa Forestal, Cabanas, O Cruceiro Novo, Udencias, Santuario de San Xiao e miradoiro da Oliva, antiga zona de acampada, San Fins e Muíños do Deique.

Nestas zonas o uso recreativo deberá ser compatible coa rexeneración da vexetación autóctona e as actividades didácticas de educación ambiental.

* Usos e actividades compatibles.

a) Con carácter xeral, o uso recreativo que non supoña unha deterioración das condicións naturais destes espacios.

b) Os usos e actuacións destinados a mellora-las condicións naturais e paisaxísticas destes espacios ou a facilita-la realización de actividades científicas e didácticas.

* Usos e actividades incompatibles.

a) Con carácter xeral, todos aqueles usos que poidan comporta-la alteración e degradación da vexetación autóctona.

b) A circulación de vehículos a motor fóra das pistas e camiños.

c) As verteduras de calquera tipo de materiais, lixo e refugallos fóra dos puntos especialmente habilitados para tal fin.

d) Facer lume fóra dos puntos especialmente habilitados para tal fin.

7.3.2. Uso xeral.

Teñen esta consideración aquelas áreas con importantes alteracións de orixe antrópico dentro do recinto do parque natural. Inclúense nesta zona as vías principais de comunicación, que teñen como finalidade básica o fluxo de vehículos e visitantes, significando sectores cunha forte presión de uso polo público; as áreas urbanizadas con edificacións e as instalacións deportivas de uso intensivo (campos de fútbol e campo de tiro).

* Usos e actividades compatibles.

a) Permitiranse todos aqueles usos e actividades que estean relacionados coas áreas en cuestión, sen prexuízo do espírito conservacionista e de protección que rexerá calquera actividade que se realice dentro do parque natural.

b) Permítese o uso de vehículos a motor polas vías pavimentadas e os aparcadoiros.

c) Poderanse realizar obras de mellora das vías sen que supoñan unha deterioración dos valores naturais que se pretende protexer.

* Usos e actividades incompatibles.

a) Calquera actuación que vaia en contra dos valores naturais que se pretenden protexer ou en contra das determinacións do presente PORN.

b) O aparcamento de vehículos, agás nas áreas debidamente acondicionadas para tal fin.

c) Queda limitado a 20 toneladas o peso máximo autorizado por vehículo en tódalas pistas e estradas do parque natural con excepción da estrada Tui-Gondomar.

8. Réxime de avaliación de impacto ambiental.

As actividades suxeitas ó procedemento de avaliación de impacto ambiental no ámbito deste plan serán as que estableza a normativa vixente, que na actualidade é:

a) Directiva do Consello 85/337/CEE, do 27 de xuño de 1985, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o ambiente e Directiva 97/11/CEE do Consello, do 3 de marzo de 1997, que a modifica.

b) Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, Real decreto lei 9/2000 e Lei 6/2001, que o modifican.

c) Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución do Real decreto 1302/1986.

d) Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

e) Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

f) Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación dos efectos ambientais de Galicia.

9. Desenvolvemento do plan.

O desenvolvemento deste Plan de Ordenación de Recursos Naturais deberá realizarse mediante o correspondente Plan Rector de Uso e Xestión, que se elaborará segundo o disposto na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre e na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

O Plan Rector de Uso e Xestión desenvolverase mediante programas básicos de actuación sectorial que poderían se-los que a continuación se citan:

a) Programa de conservación e restauración dos valores naturais.

b) Programa de ordenación forestal.

c) Programa de investigación.

d) Programa de uso público e interpretación.

e) Programa de educación ambiental.

f) Programa de defensa contra incendios forestais e seguridade en xeral.

g) Programa de desenvolvemento socioeconómico.