Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Xoves, 17 de xaneiro de 2002 Páx. 613

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2002, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena a publicación do pacto polo que se establecen as bases do servicio de transporte interurbano subvencionado para o persoal dos servicios centrais da Xunta de Galicia, que prestará a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, subscrito entre a referida consellería e os representantes dos órganos sindicais dos servicios centrais, xunta de persoal e comité de empresa o 31 de xullo de 2001.

Visto o texto do pacto, subscrito o día 31 de xullo de 2001, pola Consellería da Presidencia e Administración Pública e os representantes dos órganos sindicais dos servicios centrais, xunta de persoal e comité de empresa, e de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado acordo no rexistro correspondente desta dirección xeral.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2002.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

En Santiago de Compostela o 31 de xullo de 2001.

Reunidos, dunha parte, Jaime Pita Varela, conselleiro da Presidencia e Administración Pública,

en representación da Xunta de Galicia, e doutra os representantes dos órganos de representación dos traballadores: Xesús Tarrío Peón, pola Xunta de Persoal de Servicios Centrais e Miguel Bordera Pascual, polo Comité de Empresa de Servicios Centrais, subscriben o presente pacto polo que se establecen as bases do servicio do transporte interurbano subvencionado para o persoal de servicios centrais da Xunta de Galicia, que prestará a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Para estes efectos ámbalas partes consideran:

Que o persoal de servicios centrais con residencia particular na Coruña, Pontevedra e Vigo vén desfrutando dun servicio gratuíto de transporte en autobús que é integramente sufragado con cargo ós orzamentos da Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública. Ó longo do tempo este servicio foi sucesivamente incrementado na medida en que se ampliou a demanda de persoal para novos servicios e novas competencias asumidas pola Xunta de Galicia.

O mesmo crecemento afectou igualmente o persoal con residencia en cidades distintas das anteriores que por prestar servicios nas consellerías e dependencias en Santiago de Compostela están a facer uso de medios de transporte colectivo para a súa incorporación e retorno ó traballo sen que os ditos desprazamentos sexan ata agora obxecto de subvención ou bonificación por parte da Administración. Este persoal, que viu incrementado o seu número ata chegar a cifras moi significativas na actualidade, vén formulando desde hai anos, pero moi especialmente a partir de 1993, en que se produce a primeira incorporación de funcionarios propios da Comunidade Autónoma, o seu dereito a un trato igual que o que desfrutan os residentes nas cidades sinaladas en principio.

Na súa consecuencia, a Administración e os órganos de representación dos traballadores recoñecen

a conveniencia de tomar en consideración as ditas demandas establecendo, como marco previo ós acordos que a seguir se expoñen, as seguintes condicións:

1. A situación económico-financeira das administracións públicas, afectadas especialmente pola contención e restricción do gasto corrente, non permite a ampliación do transporte gratuíto de persoal a novos colectivos, polo que calquera solución a esta demanda deberá vir baseada na participaciíon económica dos beneficiarios actuais do transporte gratuíto, así como dos futuros usuarios, de tal xeito que o transporte gratuíto que viña funcionando ata esta data pase a ser transporte subvencionado.

2. A consideración limitativa que afecta o punto anterior debe estenderse igualmente á achega económica que supoña para a Administración o custo deste servicio, de tal xeito que a cantidade destinada á subvención ó transporte queda conxelada na contía que se determine e durante a súa vixencia.

ACORDAN:

Primeiro.-Constitúe o obxecto do presente pacto o establecemento por cinco anos dunha subvención ó transporte colectivo interurbano de traballadores de servicios centrais da Xunta de Galicia que se afrontará con cargo á aplicación orzamentaria 04.09.212C.204, por un importe anual máximo equivalente á media do custo real do actual transporte gratuíto dos tres últimos anos 1998, 1999 e 2000, ata a súa extinción, correspondendo a cantidade resultante á bonificación que achegará a Administración a este tipo de transporte, e que non poderá supera-lo 60% do seu prezo total.

Sen embargo e para atender a posibles continxencias derivadas de alteracións por altas ou baixas ocasionais que puidesen producir variacións á alza na facturación e sobre as que non fose posible, por razóns de tempo, practica-las correccións nas achegas dos usuarios, a Administración, con cargo á mesma aplicación orzamentaria, aboará a diferencia e regularizará posteriormente a repercusión sobre os usuarios de acordo coa porcentaxe establecida.

Con carácter anual, a Administración e a representación dos traballadores, á vista da experiencia no funcionamento deste servicio, e logo da súa avaliación, considerarán as medidas para un mellor servicio, así como, se é o caso, as reformas que deban incluírse no presente pacto.

Segundo.-Será beneficiario desta axuda o persoal de servicios centrais da Xunta de Galicia con residencia fóra do concello de Santiago de Compostela, que logo de cumpri-las condicións que se sinalan no presente pacto e nas normas que a partir da súa sinatura estableza a Consellería da Presidencia e Administración Pública, estea comprendido nalgún dos tipos de persoal establecidos polo artigo 4 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril.

Terceiro.-En principio, condicionadas ó cumprimento das condicións que se establecen no presente pacto, as liñas obxecto de subvención no momento da sinatura deste pacto, son as seguintes:

-A Coruña.

-Pontevedra.

-Vigo.

-Lugo.

-Ourense.

-Ferrol.

-Vilagarcía de Arousa.

-A Estrada.

-Ordes.

-Noia.

Calquera modificación que se poida introducir posteriormente, tanto no sentido de incremento como de reducción nas liñas, non producirá incremento no importe da subvención da Administración, repercutindo unicamente, positiva ou negativamente, nas contías das achegas dos usuarios.

Cuarto.-Establécense como condicións xerais do servicio que o colectivo usuario nun mesmo traxecto estea composto, alomenos, por 25 persoas; que a condición de usuario teña carácter estable durante o tempo de servicio do interesado en servicios centrais ou ata a baixa ou renuncia voluntaria ó transporte, e estea respaldada por documento expedido pola Consellería da Presidencia e Administración Pública e, por último, que a empresa prestadora do servicio sexa previamente contratada pola Administración e estea provista da autorización do servicio regular especial ó que se refiren o Decreto 160/1998, do 9 de xuño, e a orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, do 15 de decembro de 1989.

Quinto.-Para a determinación do importe da subvención terase en conta o custo do transporte de cada unha das liñas contratadas e sobre este, en relación co crédito dispoñible aplicarase unha porcentaxe igual para tódalas liñas, o que constituirá a achega da Administración, e que será librada á empresa ou empresas prestadoras do servicio, coas condicións e periodicidade que se establezan no correspondente contrato.

A contía exacta da porcentaxe que se vai aplicar, que constituirá a bonificación do custo con cargo á Administración, non poderá ser determinada ata que non se resolva a contratación das empresas prestadoras do servicio, e estará sometida, se é o caso, ás variacións que resulten da aplicación das modificacións que figuran no punto terceiro anterior.

A subvención da Administración será igual para tódolos usuarios de cada liña, unha vez determinado o seu importe e porcentaxe aplicable, independentemente do punto de acceso ó transporte en ruta.

Sexto.-En virtude do establecido no punto primeiro do presente pacto, a totalidade do crédito destinado pola Administración para este fin integraríase no Fondo de Acción Social no nomento da extinción do servicio de transporte subvencionado.

Sétimo.-A Consellería da Presidencia e Administración Pública, á que corresponde a organización e xestión deste servicio, adoptará as medidas que aseguren a implantación e posta en funcionamento deste a partir do día 1 de xaneiro de 2002.

Para palia-los posibles efectos que a data de entrada en servicio produza para os futuros usuarios respecto da demora na efectividade da subvención, establécese unha compensación do 60% do importe do custo mensual ós actuais usuarios dos transportes colectivos de Ourense, Lugo, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Ordes e Noia, no caso do real funcionamento de cada un nesta data, durante os meses de setembro, outubro, novembro e decembro do corrente ano 2001. A dita compensación farase con cargo á aplicación 04.09.212C.204, na que existe crédito suficiente.

Oitavo.-O tempo de vixencia deste pacto será de cinco anos, contados desde o establecemento efectivo do transporte. O conselleiro. O presidente da xunta de persoal. O presidente do comité de empresa.

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE