Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 21 de xaneiro de 2002 Páx. 769

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 427/2001, do 11 de decembro, polo que se aproba o texto do Regulamento de funcionamento interno dos centros de reeducación para menores e mozos sometidos a medidas privativas de liberdade.

O día 13 de xaneiro de 2001 entrou en vigor a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, lei cunha natureza formalmente penal pero materialmente sancionadora educativa, de xeito que priman os criterios educativos e de valoración do interese do menor sobre os puramente sancionadores.

De acordo co artigo 45 da citada lei, é competencia das comunidades autónomas a execución das medidas adoptadas polos xuíces de menores nas súas sentencias firmes, acorde coa disposición derradeira vixésimo segunda da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor. Consecuentemente, as ditas entidades públicas levarán a cabo, segundo as súas respectivas normas de organización, a creación, dirección, organización e xestión dos servicios, institucións e programas axeitados para garanti-la correcta execución das citadas medidas xudiciais.

Non hai que deixar de mencionar que esta competencia xa era desenvolvida polas comunidades autónomas en virtude da Lei orgánica 4/1992, do 5 de xuño, de reforma da Lei reguladora da competencia e do procedemento dos xulgados de menores, que establecía que a execución das medidas adoptadas polos xulgados de menores correspondía ás entidades públicas competentes na materia.

Neste sentido, na Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e da adolescencia regula, baixo o epígrafe Menores en conflicto social, o marco competencial que ten atribuída a Comunidade Autónoma galega para a execución de medidas xudiciais impostas ós menores infractores, segundo a Lei orgánica 4/1992, na súa disposición adicional 3ª. A finalidade fundamental da actuación da Administración autonómica respecto deses menores en conflicto social é acada-la súa integración a través dun tratamento educativo individualizado, impulsando ó mesmo tempo actuacións preventivas na materia.

Concretamente, o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúe á Dirección Xeral de Familia no seu artigo 5.1º estas competencias.

Por conseguinte e no uso da facultade outorgada pola disposición derradeira 1ª da Lei 3/1997, a Xunta de Galicia dictou as disposicións necesarias para levar a cabo as actuacións que lle viñan encomendadas.

Entre estas, a execución das medidas privativas de liberdade que se levan a cabo nos equipamentos residenciais de carácter educativo denominados centros de reeducación.

Nembargantes, a entrada en vigor da Lei orgánica 5/2000 esixe que se aproben novas regras, imprescindibles para o axeitado cumprimento das obrigas que competen á Comunidade Autónoma de Galicia como autoridade administrativa para as que está habilitada pola disposición derradeira 7ª da citada lei, que establece que as comunidades autónomas con competencia respecto á protección e reforma de menores adaptarán a súa normativa para a axeitada execución das funcións que lle son outorgadas pola citada lei orgánica.

Así mesmo, a Lei orgánica 5/2000 prevé o seu desenvolvemento regulamentario, mentres non se aproba a correspondente norma, o que dificulta a aplicación daquela pola Comunidade Autónoma de Galicia, resulta perentoria a elaboración dun instrumento que facilite a aplicación da lei nas disposicións que afectan directamente a nosa Comunidade Autónoma. En particular, respecto do réxime disciplinario aplicable nos centros de reeducación, concíliase a potestade da Comunidade Autónoma para regulalo, de acordo co capítulo I da xa mentada Lei 3/1997, cos principios e sancións previstos no artigo 60 da Lei orgánica 5/2000.

Para responder a estas necesidades adóptase este decreto, polo que se aproba o Regulamento de funcionamento interno dos centros de reeducación para menores e mozos sometidos a medidas privativas de liberdade.

Sistematicamente o regulamento articúlase en cinco títulos.

O título I establece as disposicións comúns e principios xerais, así como os dereitos específicos dos internos e a súas obrigas.

O título II, rubricado «Réxime xeral dos centros», estructúrase en 13 capítulos:

O capítulo I establece as medidas e réximes de internamento, diferenciando o réxime aberto, semiaberto, pechado, o internamento terapéutico e a permanencia de fin de semana.

O capítulo II regula a competencia e procedemento para a designación do centro no cal se han de executa-los internamentos, así como a realización dos ingresos e dos traslados que procedan.

O capítulo III recolle o réxime xeral dos centros, incluíndo as normas de convivencia. Cómpre salienta-la previsión legal de que as menores e mozas internas poidan te-los seus fillos menores de tres anos na súa compañía.

Logo do capítulo IV, relativo á vixilancia e seguridade no centro, o capítulo V establece cando poden ser utilizadas as medidas de contención, consistentes no illamento provisional e a contención física persoal.

O capítulo VI regula as comunicacións. Estas consisten no dereito dos menores e mozos a recibir visitas, enviar e recibir correspondencia e paquetes así como a realizar comunicacións telefónicas. Do mesmo xeito, os internos tamén terán dereito a comunicarse co xuíz, co Ministerio Fiscal, o avogado e demais institucións sempre que o soliciten.

O capítulo VII preceptúa os permisos ordinarios, extraordinarios e de fin de semana dos que poden goza-los internos en réxime aberto e semiaberto, así como os internos en réxime pechado coa autorización expresa da autoridade xudicial.

O capítulo VIII precisa a información que teñen dereito a recibi-los internos e as súas familias, ademais das peticións, queixas e recursos que poden formular, tanto verbalmente como por escrito.

O conxunto de actividades formativas, laborais, socioculturais, deportivas e de tratamento de problemas persoais, dirixidas a consegui-la integración social dos internos configúrase como unha actuación educativa institucional e ven regulada no capítulo IX.

O capítulo X contén os tipos de recompensas dos que poidan ser obxecto os menores e mozos internados pola súa boa conducta.

O capítulo XI refírese á colaboración doutras entidades que poden colaborar no proceso de integración social dos menores internados.

No capítulo XII regúlanse os informes de seguimento que os directores dos centros deberán remitir ós distintos organismos, o dossier persoal -que deberá conter toda a información e documentación derivada dos internamentos de cada un dos menores e mozos- e os libros de rexistro, onde deberán ser anotadas diariamente as incidencias que se produzan nos centros.

Os supostos que dan lugar ó desinternamento dos menores e mozos e o procedemento previsto para efectuala é obxecto de tratamento no capítulo XII, co cal se pecha o título II.

Grande relevancia pola súa extensión ten o título III, destinado ó réxime disciplinario e no que se fixan pormenorizadamente a graduación das faltas, especificación necesaria dada a regulación xenérica da lei nesta materia. Recóllense, así mesmo as posibles sancións que se poden impoñer, previstas no artigo 60 da Lei orgánica 5/2000, e o procedemento aplicable.

O título IV «Prestacións dos centros» recolle os diversos servicios que deberán oferta-los centros ós menores internados, tales como asistencia sanitaria, formación académica e profesional, alimentación e asistencia relixiosa.

Finalmente, o título V pecha o regulamento determinando a estructura organizativa dos centros, distinguindo entre órganos unipersoais e colexiados.

Por todo o exposto, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, oído o Consello Consultivo e logo de deliberación do

Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o texto do Regulamento de funcionamento interno dos centros de reeducación para menores e mozos sometidos a medidas privativas de liberdade que a continuación se insire como anexo.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste regulamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para que dicte cantas disposicións sexan precisas para a aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO

Regulamento de funcionamento interno dos centros de reeducación para menores e mozos sometidos a medidas privativas de liberdade

TÍTULO I

Disposicións xerais

Capítulo I

Principios xerais

Artigo 1º.-Obxecto da norma.

O obxecto deste regulamento é a regulación da execución, pola Comunidade Autónoma de Galicia, das medidas privativas de liberdade e medidas cautelares de internamento que se impoñan polos xuíces de menores, de conformidade coa Lei orgánica 5/2000, e da actividade interna dos centros de reeducación para menores da Comunidade Autónoma de Galicia nos que vaian executarse as ditas medidas.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. O presente regulamento é de aplicación ós menores e mozos sometidos á aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, sobre os que se executen as medidas privativas de liberdade e as medidas cautelares de internamento impostas de conformidade coa citada lei orgánica.

2. Para os efectos de designa-las persoas ás que se aplica este regulamento, utilízase o termo menores

para referirse ós que non cumpriron dezaoito anos, e o de mozos, para referirse ós maiores de esta idade.

Artigo 3º.-Finalidade da actividade dos centros.

A actividade dos centros ten como obxectivo fundamental a integración e a reinserción social dos menores e mozos sentenciados a medidas de internamento, mediante a aplicación de programas educativos individualizados e responsabilizadores, así como a custodia dos menores e mozos internados con medidas privativas de liberdade ou medidas cautelares de internamento.

Artigo 4º.-Principios da actividade dos centros.

A actividade dos centros ha de inspirarse no principio de que o menor ou mozo internado é suxeito de dereitos e continúa formando parte da sociedade. En consecuencia, esta actividade tense que axustar ós criterios rectores seguintes, de conformidade co establecido no artigo 55 da Lei orgánica 5/2000:

a) A vida no centro ha de tomar como referencia a vida en liberdade e reducir ó máximo os efectos negativos que o internamento poida representar para os menores ou mozos ou para as súas familias.

b) Favorecer unha adecuada relación dos menores e mozos cos seus familiares e coñecidos, sempre que non vaia en detrimento dos seus intereses, para evita-la ruptura dos vínculos familiares e sociais e facilita-la súa integración posterior.

c) A promoción da colaboración e participación das institucións comunitarias, públicas e privadas, no proceso de integración social dos menores e mozos internados, especialmente das máis próximas xeográfica e culturalmente.

Capítulo II

Dereitos e deberes

Artigo 5º.-Dereitos xerais.

1. Tódolos menores e mozos ós que se lles aplique este regulamento gozan dos dereitos e liberdades que a todos recoñece a Constitución, os tratados internacionais ratificados polo Estado español e o resto do ordenamento xurídico vixente, sempre que non estean expresamente suspendidos ou restrinxidos pola autoridade xudicial.

2. Os menores de idade ós que se lles aplique este regulamento gozan, ademais dos dereitos recoñecidos no artigo anterior, de tódolos dereitos, non suspendidos xudicialmente, que lles recoñece o ordenamento xurídico vixente en atención á súa minoría, especialmente os recollidos na Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos da Infancia, do 20 de novembro de 1989, e na lexislación específica de protección de menores aplicable no ámbito territorial de Galicia.

Artigo 6º.-Dereitos dos menores internados.

Ademais dos dereitos indicados no artigo anterior, os menores e mozos internados teñen os dereitos que especificamente lles recoñece a Lei orgánica 5/2000,

do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, no seu artigo 56.2º:

a) Dereito a que a consellería competente en materia de menores (en adiante a consellería) vele pola súa vida, a súa integridade física e a súa saúde, sen que poidan, en ningún caso, ser sometidos a tratos degradantes ou a malos tratos de palabra ou de obra, nin ser obxecto dun rigor arbitrario ou innecesario na aplicación das normas.

b) Dereito do menor de idade civil a recibir una educación e formación integral en tódolos ámbitos e á protección específica que pola súa condición lle dispensan as leis.

c) Dereito a que se preserve a súa dignidade e intimidade, a ser designados polo seu propio nome e a que a súa condición de internado sexa estrictamente reservada fronte a terceiros.

d) Dereito ó exercicio dos dereitos civís, políticos, sociais, relixiosos, económicos e culturais que lles correspondan, agás cando sexan incompatibles co obxecto da detención ou o cumprimento da condena.

e) Dereito a estar no centro máis achegado ó seu domicilio, de acordo co seu réxime de internamento, e a non ser trasladados fóra da súa Comunidade Autónoma agás nos casos e cos requisitos previstos na Lei orgánica 5/2000 e as súas normas de desenvolvemento.

f) Dereito á asistencia sanitaria de balde, a recibi-la ensinanza básica obrigatoria que corresponda á súa idade, calquera que sexa a súa situación no centro, e a recibir unha formación educativa ou profesional axeitada ás súas circunstancias.

g) Dereito dos sentenciados a un programa de tratamento individualizado e de tódolos internados a participaren nas actividades do centro.

h) Dereito a comunicarse libremente cos seus pais, representantes legais, familiares ou outras persoas e a gozar de saídas e permisos, de acordo co disposto na Lei orgánica 5/2000 e no presente regulamento.

i) Dereito a comunicarse reservadamente cos seus letrados, co xuíz de menores competente, co Ministerio Fiscal e cos servicios de inspección de centros de internamento.

j) Dereito a una formación laboral axeitada, a un traballo remunerado, dentro das dispoñibilidades da consellería, e ás prestacións sociais que puideran corresponderlles, cando acaden a idade legalmente establecida.

k) Dereito a formular peticións e queixas á dirección do centro, á consellería, ás autoridades xudiciais, ó Ministerio Fiscal, ó Defensor do Pobo ou ó Valedor do Pobo e a presentar tódolos recursos legais que prevé a Lei orgánica 5/2000, perante ó xuíz de menores competente, en defensa dos seus dereitos e intereses lexítimos.

l) Dereito a recibir información persoal e actualizada dos seus dereitos e obrigas, da súa situación persoal e xudicial, das normas de funcionamento interno dos centros que os acollan, así como dos procedementos concretos para facer efectivos tales dereitos, en especial para formular peticións, queixas ou recursos.

m) Dereito a que os seus representantes legais sexan informados sobre a súa situación e evolución e sobre os dereitos que a eles lles corresponden, cos únicos límites previstos na Lei orgánica 5/2000.

n) Dereito das menores internadas a ter na súa compañía os seus fillos menores de tres anos, nas condicións e cos requisitos establecidos neste regulamento.

Artigo 7º.-Deberes dos menores internados.

De acordo co artigo 57 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, os menores internados estarán obrigados a:

a) Permanecer no centro á disposición da autoridade xudicial competente ata o momento da súa posta en liberdade, sen prexuízo das saídas e actividades autorizadas que poidan realizar no exterior.

b) Recibi-la ensinanza básica obrigatoria que legalmente lles corresponda.

c) Respectar e cumpri-las normas de funcionamento interno do centro e as directrices ou instruccións que reciban do persoal de aquel no exercicio lexítimo das súas funcións.

d) Colaborar na consecución dunha actividade ordenada no interior do centro e manter unha actitude de respecto e consideración cara a todos, dentro e fóra do centro, especialmente cara ás autoridades, os traballadores do centro e os demais menores internados.

e) Utilizar adecuadamente as instalacións do centro e os medios materiais que se poñan á súa disposición.

f) Observa-las normas hixiénicas e sanitarias, e sobre vestiario e aseo persoal establecidas no centro.

g) Realiza-las prestacións persoais obrigatorias previstas nas normas de funcionamento interno do centro para mante-la boa orde e a limpeza deste.

h) Participar nas actividades formativas, educativas e laborais establecidas en función da súa situación persoal co fin de prepara-la súa vida en liberdade.

TÍTULO II

Réxime xeral dos centros

Capítulo I

Medidas e réximes de internamento

Artigo 8º.-Clasificación dos centros.

A clasificación dos centros e a definición do carácter e do réxime, ou réximes, de cada un corresponde á consellería. A autoridade xudicial correspondente e o Ministerio Fiscal terán información escrita de cada un dos aspectos anteriormente mencionados, que lles

será facilitada pola dirección xeral competente (en diante a dirección xeral).

Artigo 9º.-Réximes de internamento.

1. Os menores e mozos cumprirán a medida privativa de liberdade ou medida cautelar de internamento, no réxime acordado polo xuíz de menores.

2. A medida privativa de liberdade ou medida cautelar de internamento, de conformidade coa Lei orgánica 5/2000, pode ser de réxime aberto, semiaberto e pechado.

Artigo 10º.-Réxime aberto.

Os menores e mozos internados en réxime aberto levarán a cabo tódalas actividades do proxecto educativo nos servicios normalizados do contorno, residindo no centro como domicilio habitual, con suxeición ó programa e réxime interno deste.

Artigo 11º.-Réxime semiaberto.

Os menores e mozos internados en réxime semiaberto residirán no centro, pero realizarán fóra del actividades formativas, educativas, laborais e de lecer.

Artigo 12º.-Réxime pechado.

Os menores e mozos internados en réxime pechado residirán no centro e desenvolverán nel as actividades formativas, educativas, laborais e de lecer.

Artigo 13º.-Internamento terapéutico.

1. Os menores e mozos ós que se lles aplique a medida de internamento terapéutico residirán no centro que se lles designe para recibir alí una atención educativa especializada ou un tratamento específico para as súas anomalías ou alteracións psíquicas, dependencia de bebidas alcohólicas, drogas tóxicas ou substancias psicotrópicas, ou alteracións na percepción que determinen unha alteración grave da conciencia da realidade.

2. Se o menor ou mozo rexeita o tratamento de deshabituación de bebidas alcohólicas, drogas tóxicas ou substancias psicotrópicas, o centro non iniciará ou suspenderá o tratamento e comunicarallo inmediatamente ó xuíz de menores competente.

3. A dirección xeral pode solicitar ó xuíz de menores o traslado a un centro sociosanitario dos menores ou mozos que manifesten a necesidade dun tratamento terapéutico especializado para a súa anomalía ou alteración psíquica, drogodependencia ou alteración perceptiva que padezan.

Artigo 14º.-A permanencia de fin de semana nun centro.

Na medida de permanencia de fin de semana nun centro, o menor ou mozo ha de permanecer internado ata un máximo de trinta e seis horas, entre a tarde ou noite do venres e a noite do domingo, a excepción do tempo que deban dedicar ás tarefas socio-educativas asignadas polo xuíz.

Capítulo II

Designación de centro, ingresos e traslados

Artigo 15º.-Designación do centro.

1. Corresponde á dirección xeral designa-lo centro onde se executarán as medidas privativas de liberdade e medidas cautelares de internamento. Designarase o centro máis axeitado, entre os máis próximos ó domicilio do menor ou mozo, no que haxa unha praza dispoñible para o tipo de medida ou réxime de internamento acordado.

2. Non obstante o establecido na alínea anterior, requirirase a autorización previa do xuíz de menores competente para internar ou trasladar un menor ou mozo:

a) A un centro doutra Comunidade Autónoma cando se acredite que o seu domicilio ou o da súa familia está naquela comunidade ou cando o interese do menor aconselle afastalo do seu contorno familiar ou social.

b) A un centro sociosanitario, polos motivos establecidos no artigo 13º desta norma.

Artigo 16º.-Ingresos.

1. O ingreso dun menor ou mozo realizarase mediante resolución da dirección xeral en cumprimento de sentencia firme ou auto xudicial de internamento cautelar.

2. Os ingresos dos menores e mozos nos centros comunicaranse ó xuíz de menores competente.

Artigo 17º.-Trámites do ingreso.

1. A dirección do centro comunicará á dirección xeral e á delegación provincial os ingresos e traslados, dentro dos 10 días seguintes a que se produzan, así como os desinternamentos 15 días antes de que vaian ter lugar.

Se o menor ou mozo é estranxeiro, o ingreso porase en coñecemento das autoridades diplomáticas ou consulares do país correspondente.

2. Ó seu ingreso, realizaráselle ó menor ou mozo un rexistro exhaustivo da súa persoa en presencia dun educador. Cos cartos, obxectos de valor ou outras pertenzas do menor ou mozo que non teñan autorizada a súa utilización, procederase de acordo co establecido no artigo 22º.3 deste regulamento.

Coas substancias ou obxectos prohibidos polas normas específicas de convivencia procederase conforme o establecido no artigo 22º.4 deste regulamento.

3. Tódolos menores e mozos internos serán examinados por un médico no prazo máis breve posible e como máximo tres días despois do ingreso. O informe médico incorporarase ó dossier persoal.

4. Tódolos menores e mozos recibirán no momento do ingreso información escrita sobre os seus dereitos e obrigas, o réxime de internamento en que se atopen, as cuestións de organización xeral, as normas de funcionamento do centro, as normas disciplinarias e os medios para formular peticións, queixas ou recursos.

A información estará redactada nun idioma que lles sexa comprensible. A aqueles que teñan algunha dificultade para comprende-lo contido da información ténselles que explicar por outro medio axeitado pola persoa designada pola dirección do centro.

5. Se no mandamento de ingreso se dispuxera a incomunicación do menor ou mozo, será colocado no cuarto que dispoña o director, non podendo contactar con ningún outro menor, e só será visitado polas persoas do exterior que teñan expresa autorización do xulgado de menores. O director do centro adoptará igualmente as medidas necesarias para dar cumprimento ás especiais indicacións que en cada caso formule a autoridade xudicial. Unha vez levantada a incomunicación seguirase o procedemento xeral establecido.

Artigo 18º.-Traslados.

1. Os traslados entre centros ou a institucións hospitalarias e as saídas destinadas á práctica de dilixencias procesuais acordadas polo Ministerio Fiscal ou a autoridade xudicial competente, faranse respectando a dignidade, seguridade, privacidade e dereitos dos menores e mozos.

2. A dirección do centro pode solicita-lo acompañamento de persoal policial ou de seguridade cando considere que hai risco de fuga ou perigo para a integridade física dos menores ou mozos, ou doutras persoas.

3. Os traslados que, por motivos de urxencia, non requiran a autorización previa xudicial comunicaranse, non obstante, á autoridade xudicial competente.

Artigo 19º.-Medios e formas de conducción.

1. Os desprazamentos levaranse a cabo polo medio de transporte máis idóneo, xeralmente por estrada en vehículos axeitados, a cargo do persoal do centro, baixo custodia da forza pública.

2. Cando se estime necesario, realizarase en ambulancia o traslado do menor ou mozo enfermo ou accidentado e o de mulleres embarazadas ou cos seus fillos a cargo, debendo ser acompañados por persoal sanitario ou dos servicios sociais.

Capítulo III

Normativa de funcionamento interno

Artigo 20º.-Normativa de funcionamento interno.

Tódolos centros de reeducación propios e colaboradores da Comunidade Autónoma de Galicia rexeranse por esta normativa de funcionamento interno en canto ós menores e mozos sometidos a medidas privativas de liberdade.

Artigo 21º.-Normas específicas de convivencia diaria.

1. Sen prexuízo do que establece o artigo anterior, cada centro debe establecer normas específicas para regula-la actividade e a convivencia diarias.

2. As normas de convivencia diaria de cada centro, ás que se refire a alínea anterior, deberán de ser aprobadas pola dirección xeral.

Artigo 22º.-Normas de convivencia comúns a tódolos centros.

As normas de convivencia comúns a tódolos centros son as seguintes:

1. Os menores e mozos ocuparán preferentemente un cuarto individual. Nos casos en que sexan compartidos, os dormitorios serán suficientemente amplos para garantir un mínimo de intimidade e, en calquera caso, os menores e mozos disporán dunha cama e un armario ou unha andel para o seu uso individual.

Cando as menores ou mozas internas teñan con elas os seus fillos menores de tres anos, haberá dúas camas ou unha cama e un berce no mesmo dormitorio.

2. Os menores e mozos teñen dereito a utiliza-la súa propia vestimenta, sempre que sexa axeitada, ou optar polas pezas de roupa que lles proporcione o centro, que han de ser correctas, adaptadas ás condicións climatolóxicas e desprovistas de calquera elemento que poida afectar á súa integridade, seguridade ou saúde, ou que os identifique como menores ou mozos internos.

3. Os menores e mozos poden ter no seu poder o diñeiro de curso legal e os obxectos de valor da súa propiedade que a dirección do centro autorice en cada caso de forma expresa.

Os cartos, obxectos de valor ou outros que pertenzan ó menor ou ó mozo e que non estea autorizada a súa utilización han de serlle retirados e gardados nun lugar seguro, coa entrega do xustificante previo correspondente, e devolveránselle no momento do desinternamento. Tamén se poderán entregar ós pais ou representantes legais do menor sempre que o soliciten.

4. Cada centro ha de establecer unha lista de obxectos e substancias prohibidas que constará nas normas específicas de convivencia. En ningún caso, os menores ou mozos poden ter obxectos ou substancias que se consideren perigosas para as persoas ou para a convivencia e a seguridade do centro ou que, pola súa natureza ou cantidade, sexan contrarios ós fins perseguidos no centro.

Se se detectan substancias tóxicas ou estupefacientes ou outras manifestamente perigosas, poranse á disposición da autoridade xudicial correspondente.

5. Tódolos menores e mozos cumprirán as normas de orde, sanidade e hixiene persoal establecidas en cada centro.

O centro ha de facilitar gratuitamente a tódolos internos os servicios e artigos necesarios de limpeza diaria e para a hixiene íntima.

6. Tódolos menores e mozos están obrigados a face-las prestacións persoais necesarias para a boa orde, a limpeza e a hixiene do establecemento, de acordo co que dispoña cada centro nesta materia.

7. Cada centro terá un horario que todos han de cumprir puntualmente e de acordo co que se regularán as diferentes actividades diarias.

O horario será proposto polo director de cada centro e garantirá, necesariamente, tempo de lecer e oito horas ininterrompidas de descanso nocturno.

Artigo 23º.-Internamento de nais con fillos.

1. As menores e mozas internas poden ter na súa compañía, no centro, os fillos menores de tres anos.

2. Son requisitos necesarios para poder autoriza-lo disposto na alínea anterior, a solicitude previa da nai, a acreditación fidedigna da filiación e que a situación non supoña ningún risco para os fillos nin para os demais internos.

3. A decisión adoptada pola dirección xeral porase en coñecemento da delegación provincial da consellería (en diante a delegación provincial), do xuíz de menores e do Ministerio Fiscal.

4. O centro que acolla nais con fillos garantirá a atención axeitada destes, tanto no interior coma no exterior do centro. Cando ingrese o neno no centro será sometido a recoñecemento médico.

5. Os posibles conflictos entre os dereitos do fillo e os da súa nai resolveranse en interese do fillo aplicando a lexislación de protección de menores vixente no ámbito de Galicia.

6. Unha vez cumpridos os tres anos, ou antes se a nai o solicita, o neno deberá ser entregado ós familiares directos que teñan responsabilidade legal sobre el. Previamente o centro comunicará esta situación á delegación provincial, por se fose necesario adoptar unha medida distinta.

Capítulo IV

Vixilancia e seguridade no centro

Artigo 24º.-Actuacións de vixilancia e seguridade.

1. Tódolos traballadores levarán a cabo actuacións sistemáticas dirixidas á prevención de incidentes: control de espacios, aparellos, obxectos ou materiais perigosos e vixilancia das instalacións. Calquera traballador do centro que detecte algunha anomalía, ou calquera feito ou circunstancia que altere ou poida altera-lo funcionamento cotián do centro, porao inmediatamente en coñecemento do equipo directivo.

2. Para a vixilancia e a seguridade interior dos centros contarase co apoio de persoal especializado en funcións de vixilancia e seguridade, que desenvolverá as súas funcións baixo as directrices do director do centro.

3. O equipo educativo, ademais, intervirá activamente na resolución de incidentes protagonizados polos internos que alteren o desenvolvemento normal das actividades do centro e/ou constitúan falta disciplinaria. Só cando a actitude dos internos exceda as posibilidades de resolve-lo incidente desde unha perspectiva educativa, se procederá a requiri-la intervención dos profesionais de seguridade.

4. As actuacións de vixilancia e seguridade interior poden supoñer inspeccións de locais e dependencias, así como rexistros exhaustivos das persoas, roupas ou pertenzas dos menores e mozos internos. Estas actuacións executaranse segundo os principios de necesidade e proporcionalidade, con pleno respecto á dignidade e dereitos fundamentais das persoas, especialmente as que se practiquen directamente con menores e mozos.

5. Se nas inspeccións ou rexistros exhaustivos se atopan obxectos non autorizados ou de procedencia ilícita, retiraranse e remitiranse ó xuíz de menores.

6. A observación dos menores e mozos estará encamiñada ó coñecemento do seu comportamento habitual, das súas actividades, das súas relacións cos demais e do influxo, positivo ou negativo, que exerzan entre eles. Se na dita observación se aprecian feitos ou circunstancias que puideran ser relevantes para a seguridade do centro, o programa educativo individual, ou que puideran ser constitutivos de incumprimento educativo ou falta disciplinaria, elevarase o correspondente parte ó director do centro.

7. Igualmente, procederase ó control das persoas autorizadas a comunicar cos menores e mozos, así como dos que teñan acceso ó interior dos centros para realizar algún traballo ou xestión, sempre que non sexa o persoal ordinario do centro.

8. Cando se sospeite que algunha destas persoas autorizadas sexa portadora dalgún obxecto perigoso ou dalgunha substancia susceptible de causar dano á saúde ou integridade física das persoas ou de altera-la orde ou convivencia do centro avisarase inmediatamente ós corpos de seguridade do Estado, que efectuarán as actuacións propias da súa competencia.

9. Do mesmo xeito, procederase ó rexistro e control dos vehículos que entren ou saian dos centros.

Capítulo V

Medidas especiais de contención

Artigo 25º.-Clases de medidas.

1. As medidas especiais de contención que se poden utilizar son:

a) O illamento provisional.

b) A contención física persoal.

2. Se se adopta o illamento provisional, este non pode ser superior a oito horas. Cumprirase no mesmo cuarto do menor ou mozo ou noutra de características análogas.

3. A contención física persoal suporá o uso da forza física necesaria, que nunca será entendida como agresión.

Artigo 26º.-Situacións ás que son aplicables.

1. Soamente se poden utiliza-las medidas de contención a que se refire o artigo 25º deste regulamento

coa autorización do director do centro ou da persoa que o substitúa, nas circunstancias seguintes:

a) Para evitar actos de violencia ou lesións dos menores ou mozos a si mesmos ou a outras persoas.

b) Para impedir actos de fuga.

c) Para impedir danos nas instalacións do centro.

d) Para vence-la resistencia activa ou pasiva ás instruccións do persoal traballador do centro no exercicio lexítimo do seu cargo.

2. Por razóns de urxencia pódense utiliza-las medidas de contención sen autorización previa, pero ha de comunicarse inmediatamente ó director do centro ou a quen o substitúa.

3. As medidas de contención sempre han de ser proporcionais á resistencia manifestada, unicamente se poden utilizar se non hai outra forma para impedi-los actos sinalados e nunca suporán unha sanción encuberta. Han de subsistir, exclusivamente, durante o tempo estrictamente necesario para restablece-la normalidade.

4. Nos casos de graves alteracións da orde con perigo inminente para a vida, a integridade física das persoas ou as instalacións do centro, que non poidan ser controladas polo persoal deste, o director ou quen o substitúa pode demandar auxilio da policía, que permanecerá no interior do centro o tempo imprescindible para restablece-la orde.

Artigo 27º.-Comunicación da súa utilización.

A utilización das medidas de contención previstas no artigo 25º ha de comunicarse dentro das vintecatro horas seguintes ó xuíz de menores, ó Ministerio Fiscal, á delegación provincial e á dirección xeral, facendo consta-los motivos.

Capítulo VI

Comunicacións

Artigo 28º.-Visitas.

1. Os menores e mozos internos teñen dereito a recibi-las visitas dos seus pais, representantes legais, familiares e outras persoas coñecidas e a comunicarse libremente con eles, coa máxima intimidade e reserva, de acordo coas condicións establecidas neste regulamento.

2. Tódolos centros preverán no seu horario un mínimo de dous días semanais para que os menores e mozos poidan ser visitados.

Artigo 29º.-Condicións das visitas.

1. A duración das visitas non pode ser inferior a 30 minutos nin superior a 2 horas e non poden visita-lo interno máis de dúas persoas simultaneamente. Estas condicións poden ser ampliadas polo director do centro en casos xustificados.

2. As persoas con dereito de visita comunicarán ó centro, como mínimo cun día de antelación, a súa intención de visita-lo menor ou mozo, indicando o parentesco ou a relación que os une, que acreditarán no momento da visita.

3. As visitas fóra do horario previsto serán autorizadas polo director do centro coa solicitude e xustificación previas.

Artigo 30º.-Comunicacións íntimas.

1. Os menores e mozos que non gocen, durante un tempo superior a un mes, de permisos de saída de fin de semana ou de permisos ordinarios teñen dereito, logo da solicitude ó centro, a comunicacións íntimas co seu cónxuxe ou parella estable. Non se pode autorizar máis dunha comunicación íntima ó mes e a súa duración non pode exceder de tres horas. Estas comunicacións terán lugar en dependencias do centro axeitadas e respectando ó máximo a intimidade dos comunicantes.

2. Non poderán levar consigo a menores cando se trate de comunicacións íntimas.

3. Os internos casados poderán realizar comunicacións íntimas co seu cónxuxe se acreditan o matrimonio.

4. Nos supostos de convivencia, para poder realizar comunicacións íntimas os maiores de 18 anos deberán acreditar esta. Os menores que teñan entre 16 a 18 anos ademais deberán contar coa autorización dos seus pais ou titores. Ós menores que teñan menos de 16 anos non se lles permitirán este tipo de comunicacións. No caso de que a persoa que acuda a unha comunicación íntima teña igualmente entre 16 e 18 anos de idade, tamén deberá contar con autorización dos seus pais ou titores e acredita-la convivencia.

Artigo 31º.-Suspensión das visitas.

O director do centro pode ordena-la suspensión inmediata de calquera visita nos seguintes casos:

a) Cando o menor ou mozo sexa ameazado, coaccionado ou agredido física ou verbalmente pola persoa o persoas que o visitan.

b) Cando haxa razóns fundadas para crer que os comunicantes preparan algunha actuación delictuosa ou que atente contra a convivencia e seguridade do centro.

c) Cando os comunicantes non observen un comportamento correcto.

Esta suspensión e os motivos que a orixinaron faranse saber ó xuíz correspondente.

Artigo 32º.-Libro de visitas.

En todo centro haberá un libro de visitas no que se rexistrará: data de visita, o nome do interno, o nome do visitante e o enderezo, o DNI ou calquera outro documento oficial que acredite a súa identidade e o parentesco ou a relación.

Artigo 33º.-Comunicacións escritas.

1. Os menores poden enviar e recibir correspondencia libremente, que só poderá ser intervida por orde do xuíz de menores.

2. O centro facilitará o material necesario para as comunicacións escritas.

3. Se polas características ou o aspecto se considera, a criterio do centro, que unha carta pode conter algún tipo de substancia ou obxecto non autorizado, o menor ou mozo receptor abriraa perante o persoal designado polo director do centro co único obxecto de comprobalo.

Artigo 34º.-Paquetes.

1. Os menores ou mozos poderán recibir e entregar paquetes libremente.

2. Os internos empaquetarán o que envíen en presencia do persoal designado polo director do centro, co único efecto de comprobar que os obxectos enviados lle pertencen lexitimamente.

3. Os menores e mozos asinarán un recibín dos paquetes recibidos, que poden ser revisados na súa presencia coa autorización do director do centro no caso de que haxa motivos suficientes para consideralos sospeitosos.

Artigo 35º.-Recepción de substancias ou obxectos prohibidos.

Se o menor ou mozo, a través de carta ou paquete, recibe obxectos ou substancias prohibidos pola normativa interna do centro, reteránselle e procederase segundo o establecido no artigo 22.4º.

Artigo 36º.-Comunicacións telefónicas.

1. Os menores e mozos poden recibir e efectuar comunicacións telefónicas coa debida privacidade dentro do horario previsto e coa duración máxima establecidos para estes efectos en cada centro.

2. As comunicacións telefónicas aboaraas, como norma xeral, o interno que as efectúa, de acordo coas tarifas vixentes e da maneira establecida en cada centro. Naqueles casos en que a dirección o considere oportuno, o pagamento será a cargo do centro.

3. As comunicacións fóra do horario previsto serán autorizadas pola dirección do centro, con xustificación previa.

4. No momento do ingreso do menor ou mozo no centro, poderá realizar unha chamada gratuíta. Igualmente terá dereito a chama-lo seu avogado.

Artigo 37º.-Relacións prexudiciais para os menores e mozos.

Cando se considere que as visitas ou comunicacións do menor ou mozo cos seus pais, representantes legais, familiares ou outras persoas, o prexudiquen o poidan prexudica-lo gravemente, porque afectan negativamente o seu dereito fundamental á educación e desenvolvemento integral da personalidade, o director do centro porallo en coñecemento do xuíz de menores, para que este acorde as medidas que considere oportunas.

Artigo 38º.-Comunicacións co xuíz, o Ministerio Fiscal, o avogado, consellería e outras autoridades e profesionais.

1. Os menores ou mozos teñen dereito, sempre que o pidan, a comunicarse por teléfono, carta ou comparecencia persoal, coa autoridade xudicial da que dependen, co Ministerio Fiscal, co seu letrado e cos responsables da consellería.

2. O menor ou mozo que desexe poñerse en contacto telefónico ou persoal coas persoas mencionadas na alínea anterior solicitarao ó director do centro. Este, o mesmo día, se o horario o permite, ou o día hábil seguinte, comunicará a solicitude e concertará os días e horas para a comparecencia ou comunicación telefónica.

3. O lugar da comunicación persoal coa autoridade xudicial e o Ministerio Fiscal será o que estes determinen. A comunicación persoal co avogado ou cos responsables da consellería levarase a cabo no centro.

4. No momento da visita, o avogado ha de presentar ó director do centro o carné profesional e o documento que o acredite como defensor ou representante do interno.

5. As comunicacións telefónicas e presenciais descritas neste artigo levaranse a cabo garantindo a súa reserva.

6. Outras autoridades e profesionais interesados en visitar algún interno poderán facelo logo da solicitude, acreditación e autorización do centro.

Capítulo VII

Permisos e saídas do centro

Artigo 39º.-Obxectivos.

Os obxectivos dos permisos e saídas do centro son:

a) Manter, na medida do posible, os lazos de comunicación coa familia do internado e o seu contorno como instrumento para facilita-la inserción social.

b) Facilitar ó internado a realización de experiencias prosociais respecto á utilización do lecer e tempo libre.

c) Facilita-lo acceso do interno ó coñecemento do contorno social e da súas posibilidades na vida cotiá.

Artigo 40º.-Permisos de fin de semana.

1. Os menores e mozos internados en réxime aberto e semiaberto poden saí-los fins de semana coa periodicidade proposta polo centro, de acordo co proxecto educativo individualizado, sempre que estas saídas foran autorizadas previamente polo xuíz de menores competente. O centro pode propoñer ó xuíz de menores unha frecuencia maior ou menor nas saídas de fin de semana, cando as circunstancias do menor ou mozo e a súa evolución educativa o aconsellen.

2. En caso de sanción disciplinaria de separación do grupo que afecte as fins de semana, ou de privación dos permisos de saída de fin de semana, o interno non pode saír durante o tempo da sanción, agás que a autoridade xudicial dispoña o contrario ou a sanción se deixe sen efecto segundo o trámite establecido no artigo 96º desta norma.

Artigo 41º.-Permisos ordinarios.

1. Tamén poden goza-los menores e mozos internados en réxime aberto e semiaberto de permisos ordinarios de saída, polo tempo máximo que aconselle o proxecto educativo individualizado e a súa evolución, coa autorización previa do xuíz de menores competente.

2. Se se trata de menores que estean en período de ensinanza básica obrigatoria, o centro non pode planificar no proxecto educativo individualizado, nin propoñer ó xuíz de menores competente permisos ordinarios para o seu aproveitamento en días lectivos do calendario escolar oficial.

Artigo 42º.-Permisos e saídas dos internos en réxime pechado.

Os menores e mozos internados en réxime pechado non poden saír do centro as fins de semana nin gozar de permisos ordinarios sen autorización expresa e previa da autoridade xudicial da que dependen.

Artigo 43º.-Domicilio dos menores de idade durante o permiso ou a saída.

1. Se a autoridade xudicial non dispuxo expresamente outra cousa, os menores de idade sairán de permiso ordinario ou de fin de semana ó seu domicilio, ó domicilio común dos pais, ou ó de calquera deles. Se estes están privados ou suspendidos das funcións inherentes á patria potestade, sairán ó domicilio do representante legal ou do gardador.

2. Para que un menor de idade poida saír as fins de semana e durante os permisos ordinarios con persoas diferentes ós seus pais non privados ou suspendidos da patria potestade ou dos seus representantes legais, é necesario o consentimento previo destes, outorgado por escrito e por tempo determinado, así como o das persoas acolledoras e o consentimento expreso e por escrito do menor; no caso contrario, non se poden autorizar estas saídas, agás autorización expresa da autoridade xudicial.

3. Se se trata de menores de idade que estean baixo a tutela ou garda da consellería, esta determinará expresamente e por escrito as persoas coas que pode saír o menor as fins de semana e durante os permisos ordinarios, agás que a autoridade xudicial dispuxese outra cousa.

Artigo 44º.-Negativa da familia.

1. Se nalgunha ocasión os pais non privados ou suspendidos da patria potestade, os representantes legais ou as persoas autorizadas xudicialmente se negan a acolle-lo menor de idade a fin de semana ou durante o permiso ordinario, ou o menor se negue a saír con eles, o director do centro non poderá autoriza-la saída e ha de comunicar inmediatamente á autoridade xudicial esta circunstancia para que decida o máis oportuno.

2. Se se trata de persoas acolledoras autorizadas pola consellería e de menores baixo a súa tutela ou garda, o director comunicarao a aquela.

Artigo 45º.-Permisos prexudiciais.

Se se considera que os permisos de fin de semana ou os permisos ordinarios autorizados prexudican ou poden prexudicar gravemente a evolución educativa do menor ou mozo, o director do centro porao en coñecemento da autoridade xudicial correspondente, para que acorde as medidas oportunas.

Artigo 46º.-Permisos extraordinarios.

En casos de extraordinaria gravidade ou significación (falecementos, enfermidades graves de familiares, representantes legais ou outras persoas intimamente vinculadas cos mozos e menores, partos de esposa ou compañeira ou outros casos similares), poderanse conceder permisos extraordinarios, logo da autorización do xuíz de menores e, no caso de que sexa necesario, coas medidas de seguridade que se establezan e coa duración que a dirección determine. Sempre que sexa posible procurarase que algún educador acompañe o menor.

Artigo 47º.-Saídas programadas.

O centro planificará e proporá ó xulgado de menores competente a autorización de saídas programadas dos menores e mozos que poidan facer un uso correcto e axeitado delas, e estean destinadas á realización de actividades concretas e específicas relacionadas co seu proxecto educativo individualizado. Con carácter xeral non se poderán efectuar en días lectivos, de acordo co calendario escolar oficial, se se trata de menores en período de ensinanza básica obrigatoria.

Estas saídas sempre se realizarán en compañía de persoal do centro ou de persoas autorizadas polo centro.

Capítulo VIII

Informes, peticións, queixas e recursos

Artigo 48º.-Información ó menor ou mozo.

1. Sen prexuízo do dereito recoñecido no artigo 17.4º desta norma, tódolos menores e mozos internos terán dereito a recibir, cunha periodicidade axeitada e, en todo caso, sempre que o pidan, información persoal e actualizada dos seus dereitos e as súas obrigas, da súa situación persoal e xudicial, deste regulamento e das normas específicas de convivencia dos centros que os acollen, así como dos procedementos concretos para facer efectivos estes dereitos.

2. O menor ou mozo será informado sen dilación da defunción, accidente ou enfermidade grave dun parente próximo ou dunha persoa intimamente vinculadas a el e de calquera outra noticia importante para el. Esta información comunicaralla a persoa máis axeitada e no momento e forma adecuados para evitar posibles efectos negativos.

Artigo 49º.-Información á familia.

1. Nos casos de enfermidade, accidente e calquera outra circunstancia grave referente ó menor ou mozo, o director do centro ha de informar inmediatamente

os pais ou representantes legais ou as persoas que o mozo designe. Se o menor ou mozo é estranxeiro hanse de comunicar estas circunstancias ás autoridades consulares ou diplomáticas do seu país.

2. Agás nos casos en que haxa prohibición expresa da autoridade xudicial, o director do centro tamén ha de informa-los pais ou representantes legais do menor, ou a persoa designada polo mozo, do internamento, desinternamento, traslado, fuga e non retorno ó centro, traslados a institucións hospitalarias, así como da concesión ou suspensión dos permisos de fin de semana ou permisos de saída ordinarios ou extraordinarios.

3. Os representantes legais dos menores internados han de recibir información periódica e actualizada da situación destes e dos dereitos que os seus representados legais teñen.

Artigo 50º.-Peticións e queixas.

1. Tódolos internos poderán formular verbalmente ou por escrito, en sobre aberto ou pechado, peticións e queixas á consellería sobre cuestións referentes á súa situación de internamento. As ditas peticións ou queixas tamén poderán ser presentadas ó director do centro.

2. O director do centro atenderaas se son da súa competencia e, en calquera caso, poraas en coñecemento da dirección xeral no día hábil seguinte á súa presentación.

3. Os menores e os mozos internos tamén poden formular por escrito peticións e queixas directamente ó Ministerio Fiscal, ós xulgados de Menores, ó Valedor do Pobo ou a calquera outra institución.

4. O director do centro, sen viola-lo segredo das comunicacións, está obrigado a tramitar coa maior brevidade posible as que se lle presenten.

Artigo 51º.-Recursos.

1. Os menores e mozos internos e os seus avogados poden, de conformidade coa Lei orgánica 5/2000, interpoñer recursos contra calquera resolución adoptada durante a execución das medidas de internamento.

2. Os recursos poden presentarse por escrito, directamente ó Xulgado de Menores, ou ó director do centro, quen o porá en coñecemento da autoridade á que vaia dirixido no día hábil seguinte á súa presentación.

3. O menor ou mozo tamén pode presenta-lo recurso mediante manifestación verbal ó director do centro, que dará traslado desta manifestación á autoridade á que vaia dirixido no día hábil seguinte á súa presentación.

Artigo 52º.-Asistencia para efectuar peticións, queixas e recursos.

Para facer efectivos os dereitos de formular peticións, queixas e recursos, os menores e mozos recibirán do centro a información, asistencia e apoio necesarios.

Capítulo IX

Actuación educativa institucional

Artigo 53º.-Contido e principios.

1. A actuación educativa institucional consiste no conxunto de actividades formativas, laborais, socioculturais, deportivas e de tratamento de problemas persoais, dirixidas a consegui-la integración social dos menores e mozos internos.

2. Esta actuación realizarase de acordo co proxecto educativo do centro e cos principios recollidos no artigo 4º deste regulamento.

Artigo 54º.-Proxecto educativo do centro.

Tódolos centros terán un proxecto educativo aprobado pola dirección xeral no que consten, como mínimo, os seguintes contidos:

a) A programación das actividades que constitúen a actuación educativa.

b) A metodoloxía da actuación educativa, os criterios de intervención e observación, e o procedemento de seguimento e avaliación das intervencións.

c) O sistema de elaboración, seguimento e avaliación do proxecto educativo individualizado de cada menor ou mozo.

d) As actividades e tarefas específicas do persoal, así como a distribución de horarios dos diferentes profesionais, de maneira que quede garantida a atención continuada dos menores e mozos internos.

Artigo 55º.-Programa individualizado de intervención.

1. Tódolos menores e mozos sometidos a medidas de internamento teñen dereito a un programa individualizado de intervención, coa definición dos obxectivos para acadar e as actuacións para realizar para conseguilo. Este programa elaborarao o equipo educativo do centro.

2. Ó deseña-lo programa individualizado de intervención, establecerase un proxecto educativo de acordo coas características persoais de cada menor e mozo interno, as súas circunstancias familiares e sociais e a súa situación xudicial.

3. O programa individualizado de intervención elaborarase no termo máximo dun mes desde o ingreso do menor ou mozo no centro, e transmitirase ó xuíz de menores competente para a súa aprobación.

4. O proxecto educativo será obxecto de seguimento e avaliación periódica e na súa execución participarán tódolos profesionais que atenden o menor ou mozo.

5. A cada menor ou mozo internado nun centro asignaráselle un titor que vele de maneira especial pola súa evolución educativa.

6. Para cada menor e mozo en situación de internamento cautelar, o equipo do centro elaborará, respectando o principio de presunción de inocencia, un programa individualizado, adecuado as súas características e circunstancias persoais e compatible co

réxime de internamento e a súa situación xudicial cunha planificación de actividades.

Artigo 56º.-Participación do menor ou mozo.

Estimularase a participación do menor ou mozo na planificación e execución do seu programa individualizado de intervención. Con esta finalidade, informarase dos obxectivos que hai que conseguir durante o internamento, así como da evolución persoal observada. Esta información tamén se dará ós representantes legais dos menores, sempre que non haxa prohibición xudicial expresa.

Tamén se promoverá a participación do menor ou mozo na convivencia do centro a través da celebración de reunións sobre asuntos que os afecten.

Artigo 57º.-Actuación educativa institucional.

A través do proxecto educativo individualizado debe tratarse de que o menor ou mozo tome conciencia da súa evolución e ó centro lle sexa posible avaliala.

Os obxectivos e actuacións que figuran no proxecto educativo individualizado irán dirixidos a favorece-la autonomía do menor ou mozo, a mellora das súas condicións ambientais a medida que aumenten as súas manifestacións de responsabilidade e autocontrol, así como a súa progresiva incorporación a recursos externos ó centro, dentro das posibilidades e límites que estableza a medida xudicial.

Artigo 58º.-Programas de actuación especializada.

1. Os centros facilitarán ós menores e mozos con dependencia das bebidas alcohólicas, drogas tóxicas ou substancias psicotrópicas, e que voluntariamente o soliciten, a posibilidade de seguir programas de tratamento de deshabituación, con independencia do réxime de internamento no que se encontren.

2. Así mesmo, os centros facilitarán ós menores e mozos sometidos a medidas xudiciais por delictos contra a liberdade sexual a súa participación voluntaria en programas específicos de tratamento.

3. Elaboraranse ou facilitaranse programas de tratamento e atención adecuados para os menores e mozos ós que se teña diagnosticado algún tipo de anomalía ou alteración psíquica que non requira o seu traslado a un centro sociosanitario.

Artigo 59º.-Actuacións de apoio nos procesos de reinserción.

Coa finalidade de facilita-la integración social dos menores e mozos que teñan cumprido o internamento, desde o centro realizaranse antes da finalización daquel as actuacións de apoio seguintes:

a) A realización dos trámites necesarios para que os menores que estean en idade de ensinanza básica obrigatoria poidan incorporarse inmediatamente ó centro docente da zona de residencia que lles corresponda, unha vez desinternados.

b) A coordinación cos servicios comunitarios e as entidades e institucións correspondentes, para que os menores ou mozos poidan continuar, se o desexan,

os programas de tratamento de drogodependencias ou doutros problemas persoais, iniciados durante a execución da medida, así como o apoio nos trámites necesarios para a obtención das prestacións sociais, sanitarias e asistenciais ás que teñan dereito.

c) A preparación e tramitación da documentación necesaria para que os menores ou mozos poidan acceder a cursos ou actividades socioculturais, educativas, formativas ou laborais, ou finaliza-los cursos de formación profesional ou ocupacional iniciados.

d) A comunicación ó organismo competente das situacións de desamparo ou de alto risco social detectadas, en caso de menores de idade.

e) A acción concertada cos servicios comunitarios e coas entidades públicas correspondentes, para dar ó menor ou mozo aloxamento temporal ou axuda económica para as necesidades básicas, en caso de que a súa situación persoal o requira.

f) A actuación coordinada cos profesionais de medio aberto, de cara ó cumprimento das medidas en medio aberto que o menor ou mozo teña pendentes.

g) En xeral, calquera outra actuación que favoreza a integración social dos menores e mozos.

Capítulo X

Recompensas

Artigo 60º.-Tipos de recompensas.

Os actos do menor ou mozo que poñan de relevo unha boa conducta, participación activa nas actividades derivadas do proxecto educativo individualizado, espírito de traballo e sentido da responsabilidade no comportamento persoal e colectivo estimularanse con algunha das recompensas seguintes:

a) Entrega de libros e outros obxectos de carácter educativo ou recreativo.

b) Prioridade para participar en saídas programadas polo centro de carácter educativo ou recreativo.

c) Reducción ou anulación das sancións disciplinarias impostas.

d) Cancelación das anotacións das sancións no dossier do menor ou mozo.

e) Proposta de modificación da medida imposta.

f) Calquera outra recompensa de carácter análogo ás anteriores que sexa compatible con este regulamento e as normativas específicas de convivencia dos centros, co proxecto educativo individualizado do menor ou mozo e coa súa situación xudicial.

Artigo 61º.-Procedemento de concesión.

A elección, en cada caso, dalgunha das recompensas anteriores é competencia do director do centro, de acordo coa entidade do acto que se vai recompensar e as circunstancias do menor ou mozo.

As recompensas teranse que anotar no dossier persoal do menor ou mozo e teranse que expresa-los feitos que as motivaron.

Capítulo XI

Colaboración doutras entidades

Artigo 62º.-Colaboración con outras entidades.

As entidades públicas ou privadas que desexen colaborar no proceso de integración social dos internos presentarán ó centro un programa específico de actuación.

O dito programa xustificará a súa necesidade e identificará os obxectivos, as actuacións e os recursos e metodoloxía que se implantarían.

Se o centro considera idóneo o programa solicitará á dirección xeral a autorización para a súa aplicación.

Obtida a autorización o programa integrarase baixo a coordinación do equipo educativo, no proxecto educativo do centro e nos programas educativos individuais dos internados que afecte.

As entidades colaboradoras que desenvolvan o programa deberán presenta-la avaliación del ó centro. O equipo educativo tamén fará unha avaliación das actuacións desenvoltas. Se a avaliación é positiva poderá propoñerse a renovación do programa, que precisará da autorización da dirección xeral.

O persoal dependente da entidade colaboradora deberá estar cuberto por un seguro de accidentes e de responsabilidade civil a cargo da dita entidade.

Capítulo XII

Informes, dossier persoal e libro de incidencias

Artigo 63º.-Sistema de informes.

1. Os directores dos centros remitirán á dirección xeral, á delegación provincial, ó Xulgado de Menores e ó Ministerio Fiscal os informes iniciais, de seguimento e finais sobre a execución do internamento, as súas incidencias e a evolución persoal do menor ou mozo e coa periodicidade determinada pola dirección xeral.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, os informes de seguimento elaboraranse sempre que sexa requirido polo Ministerio Fiscal ou o órgano xudicial competente, ou se considere necesario.

3. Mediante estes informes pódese propoñer ó xuíz de menores a revisión da medida. Neste caso, a proposta será autorizada previamente pola dirección xeral.

4. Estes informes tamén se remitirán ó avogado que acredite se-lo defensor do menor ou mozo, cando o teña solicitado ó órgano administrativo competente.

Artigo 64º.-Dossier persoal.

1. Toda a información e documentación sobre o menor ou mozo existente no centro ha de figurar nun dossier individual.

2. Este dossier considérase reservado e só accederán a el as persoas que interveñen en funcións técnicas ou administrativas e están autorizadas para isto e as autoridades que teñan recoñecido o acceso polas leis. O menor e os seus representantes legais, o mozo, e

os seus respectivos avogados tamén terán acceso ó dossier nas mesmas condicións e procedemento establecidos para o expediente único que se custodia na delegación provincial.

3. Se o menor ou mozo é trasladado a outro centro, o dossier farase chegar ó novo centro no mesmo momento do traslado.

4. Unha vez acabada a estadía do menor ou mozo no centro, o dossier enviarase integramente, mediante as vías que se establezan, á correspondente delegación provincial para que se arquive no expediente único do menor ou mozo.

Artigo 65º.-Libros de rexistro.

Os centros disporán de libros de rexistro, autorizados pola dirección xeral nos que se anotarán diariamente:

a) Ingresos producidos, datos de identidade do menor ou mozo internado, data e hora do ingreso e órganos que interveñan. Farase constar se se trata dun internamento novo ou dun reingreso.

b) Baixas e saídas producidas: datos do menor ou mozo internados, data e hora da baixa ou saída e a súa causa: desinternamento definitivo, traslado, fuga, non retorno ou permiso.

c) Recompensas concedidas.

d) Expedientes disciplinarios incoados.

e) Sancións disciplinarias impostas, cautelares e definitivas.

f) Incidentes a que fai referencia no artigo 26º desta norma e, se é o caso, medidas especiais de contención adoptadas.

g) Visitas efectuadas ós internos.

h) Outras incidencias que se consideren significativas.

Capítulo XIII

Desinternamentos

Artigo 66º.-Procedemento para o desinternamento.

1. Os menores e mozos internados por resolución dunha autoridade xudicial terán que ser desinternados cando a dita autoridade así o ordene de maneira expresa, por resolución comunicada por escrito ó director do centro ou por ter finalizado o prazo establecido na sentencia ou no auto de internamento cautelar.

2. Se o menor ou mozo está pendente de cumprir outras medidas xudiciais de internamento, a dirección xeral comunicarao inmediatamente á autoridade xudicial e solicitará, se é o caso, as instruccións correspondentes.

3. O director do centro comunicará por escrito á dirección xeral, alomenos con quince días de antelación, o día en que deberá de finaliza-lo internamento de cada menor ou mozo, de acordo coa respectiva resolución xudicial. Tamén comunicará inmediatamente á dirección xeral o desinternamento producido como consecuencia dunha resolución que lle comunicase a autoridade xudicial.

Artigo 67º.-Desinternamento do menor de idade.

Nos casos de desinternamento de menores de dezaoito anos, o director do centro porase en comunicación cos seus pais ou representantes legais, ou coa delegación provincial no caso de que os menores estean tutelados, para que se fagan cargo deles no momento do desinternamento.

Artigo 68º.-Traslado a centro penitenciario.

O mozo que estea cumprindo unha medida xudicial de internamento nun centro de reeducación e acade a idade de vintetrés anos, se o xuíz de menores non a modifica, pasará a cumpri-la súa medida nun centro penitenciario. Para isto, tres meses antes de que se cumpra a idade, o director do centro comunicará esta circunstancia á dirección xeral, que, á súa vez, pedirá ó Xulgado de Menores que resolva o que proceda. Chegado o día do cumprimento da idade, o mozo será trasladado ó centro penitenciario correspondente seguindo os procedementos establecidos neste regulamento.

Artigo 69º.-Pase a liberdade vixiada.

Os menores que acaden o período de liberdade vixiada establecido na sentencia, ou que sexan beneficiarios dun cambio de medidas, abandonarán o centro de internamento, pasando a depender do equipo de medio aberto que se estableza, ó que proporcionará unha copia do seu expediente a delegación provincial.

O equipo educativo do centro iniciará, coa antelación suficiente, a tramitación do expediente de pase a esta situación e, unha vez finalizado, será remitido á delegación provincial para a súa aprobación e ratificación do Xulgado de Menores. Recibida esta aprobación, procederase á posta en liberdade do menor.

Artigo 70º.-Certificación de axudas á saída do centro.

1. No momento do desinternamento expediráselle e entregaráselle ó menor ou mozo, se o solicita, certificación sobre o tempo de internamento, informe sobre a súa situación sanitaria ou, se é o caso, a súa proposta de actuación terapéutica e certificación sobre os logros obtidos na área educativa ou de formación profesional.

2. Se o menor carecese de medios económicos, facilitaránselle os necesarios para desprazarse ata o seu domicilio.

TÍTULO III

Réxime disciplinario

Artigo 71º.-Finalidade e ámbito do réxime disciplinario.

1. O réxime disciplinario ten como finalidade contribuír á seguridade e convivencia ordenada nos centros, e estimula-lo sentido de responsabilidade e capacidade de autocontrol dos menores e mozos internos.

2. O réxime disciplinario regulado nesta norma non é aplicable ós menores ou mozos ós que se lles impuxo a medida de internamento terapéutico a consecuencia

dunha anomalía ou alteración psíquica, ou dunha alteración da percepción, que lles impida comprende-la ilicitude dos feitos ou actuar conforme a dita comprensión.

Artigo 72º.-Principios da potestade disciplinaria.

1. A potestade disciplinaria exercerase respectando sempre a dignidade do menor ou mozo.

2. As sancións non poden implicar, de maneira directa ou indirecta, castigos corporais nin privación de dereitos de alimentación, de ensinanza obrigatoria, das comunicacións e das visitas previstos neste regulamento.

3. No caso de aplicación do réxime disciplinario pola comisión dalgunha das faltas previstas neste regulamento, os menores ou mozos só poden ser sancionados con algunha das sancións que se prevén, e mediante o procedemento establecido neste capítulo.

Artigo 73º.-Clasificación das faltas.

As conductas sancionables clasifícanse en faltas moi graves, graves e leves.

Artigo 74º.-Faltas moi graves.

Son faltas moi graves:

a) Agredir, ameazar ou coaccionar a calquera persoa no centro.

b) Agredir, ameazar ou coaccionar, fóra do centro, a outro menor ou mozo internado, a un traballador do centro ou autoridade no exercicio lexítimo das súas funcións, cando o menor ou mozo saíse durante o internamento.

c) Participar en motíns, insubordinacións ou desordes colectivos, ou instigalos, en caso de que chegaran a producirse.

d) Consuma-la fuga do centro.

e) Resistirse de maneira activa e grave ó cumprimento das directrices ou instruccións e ordes do persoal traballador do centro no exercicio lexítimo das súas atribucións.

f) Deteriorar deliberadamente os materiais, dependencias ou efectos do centro ou as pertenzas doutras persoas causándolles danos de elevada contía.

g) Subtraer materiais ou efectos do centro, ou pertenzas doutras persoas.

h) Introducir, posuír ou consumir no centro drogas tóxicas, substancias psicotrópicas ou estupefacientes.

i) Introducir, usar ou posuír no centro armas ou obxectos prohibidos perigosos para as persoas.

j) Cometer calquera feito constitutivo de falta grave conforme dispón o artigo seguinte, cando no dossier do menor ou mozo figure que foi sancionado con carácter firme pola comisión de tres faltas graves, sempre que as anotacións correspondentes non fosen canceladas de conformidade co disposto no artigo 89º deste regulamento.

Artigo 75º.-Faltas graves.

Son faltas graves:

a) Insultar ou faltar gravemente ó respecto a calquera persoa no centro.

b) Insultar ou faltar gravemente ó respecto, fóra do centro, a outro menor ou mozo internado, ou a un traballador do centro ou autoridade no exercicio lexítimo das súas funcións, cando o menor ou mozo saíse durante o internamento.

c) Instigar a outros menores ou mozos internados a participar en motíns, insubordinacións ou desordes colectivos, sen conseguir que aqueles lle secunden.

d) Intentar de forma manifesta e clara a fuga do centro ou facilita-la fuga doutros.

e) Non volver ó centro, sen causa xustificada, despois dunha saída temporal autorizada.

f) Desobedece-las directrices e instruccións recibidas do persoal traballador do centro no exercicio lexítimo das súas funcións, ou resistirse pasivamente a cumprilas.

g) Deteriorar deliberadamente os materiais, dependencias ou efectos do centro, ou as pertenzas doutras persoas, e causarlles danos de escasa contía.

h) Causar danos de elevada contía por temeridade na utilización dos materiais, dependencias ou efectos do centro ou pertenzas doutras persoas.

i) Introducir ou posuír no centro obxectos ou substancias prohibidos polas normas de funcionamento interior do centro.

j) Consumir no centro substancias prohibidas polas normas de funcionamento interior do centro.

k) Cometer calquera feito constitutivo de falta leve conforme dispón o artigo seguinte, cando no dossier do menor ou mozo figure que foi sancionado con carácter firme pola comisión de cinco faltas leves, sempre que as anotacións correspondentes non fosen canceladas de conformidade co disposto no artigo 89º deste regulamento.

Artigo 76º.-Faltas leves.

Son faltas leves:

a) Faltar levemente ó respecto a calquera persoa no centro.

b) Faltar levemente ó respecto, fóra do centro, a outro menor ou mozo internado, ou a un traballador do centro ou autoridade no exercicio lexítimo das súas funcións, cando o menor ou mozo saíse durante o internamento.

c) Facer uso abusivo e prexudicial, no centro, de obxectos e substancias non prohibidos polas normas de funcionamento do centro.

d) Causar danos de contía elevada ás dependencias materiais ou efectos do centro, ou nas pertenzas doutras persoas por falta de coidado ou dilixencia na súa utilización.

e) Atrasarse, sen causa xustificada, no regreso ó centro.

Artigo 77º.-Sancións disciplinarias.

As únicas sancións disciplinarias que se poden impor ós mozos e menores son:

A. Pola comisión de faltas moi graves:

a) A separación do grupo, por un período de tres a sete días en casos de evidente agresividade, violencia e alteración grave da convivencia.

b) A separación do grupo, durante tres a cinco fins de semana.

c) A privación de saídas de fin de semana de quince días a un mes.

d) A privación das saídas de carácter recreativo por un período de un a dous meses.

B. Pola comisión de faltas graves:

a) A separación do grupo por un período de dous días en casos de evidente agresividade, violencia e alteración grave da convivencia.

b) A separación do grupo, durante un ou dos fins de semana.

c) A privación de saídas de fin de semana de un a quince días.

d) A privación de saídas de carácter recreativo por un período dun mes.

e) A privación de participar nas actividades recreativas do centro durante un período de sete a quince días.

C. Pola comisión de faltas leves:

a) A privación de participar en todas ou algunhas das actividades recreativas do centro durante un período de un a seis días.

b) A amoestación.

Artigo 78º.-Determinación das faltas e sancións.

Para determina-las faltas e sancións, ademais do feito obxectivamente cometido, de acordo co principio de proporcionalidade hai que ter en conta:

a) As circunstancias do menor ou mozo.

b) A violencia ou agresividade manifestadas na comisión do feito.

c) A intencionalidade.

d) A perturbación producida na convivencia ou seguridade do centro.

e) Os danos causados ás persoas ou cousas.

f) O grao de participación nos feitos.

g) O número de persoas ofendidas.

h) A reincidencia en faltas da mesma natureza mentres non se cancelen as anotacións das súas sancións.

Artigo 79º.-A sanción de separación do grupo.

A sanción de separación do grupo pola comisión de faltas graves ou moi graves cumprirase no cuarto do menor ou mozo ou noutra de características análogas, no cal permanecerá durante o horario de actividades do centro, agás para asistir á ensinanza obrigatoria, recibir visitas e dispor de dúas horas diarias ó aire libre.

Artigo 80º.-Límites á sanción de separación.

1. A sanción de separación do grupo non se aplicará ás menores ou mozas embarazadas ata transcorridos seis meses despois da terminación do embarazo, nin ás nais lactantes, nin ás que teñan fillos con elas.

2. Tampouco se aplicará ós menores e mozos enfermos e deixarase sen efecto no momento en que se aprecie que esta sanción afecta á súa saúde física ou mental.

3. Cando a sanción de separación supere o período de actividades normais dun día, porase en coñecemento da delegación provincial que o comunicará á dirección xeral.

Artigo 81º.-Execución da sanción de separación.

1. Mentres dure a sanción de separación o menor ou mozo será visitado por un educador un mínimo de tres veces ó día, para tentar recupera-la situación de normalidade, ou detectar calquera circunstancia que faga necesaria a asistencia médica, psicolóxica ou a suspensión da sanción, do cal informará ó director.

2. Se se recomenda suspende-la sanción de separación, substituirase inmediatamente por outra da súa categoría, a criterio do director do centro, polo tempo que reste de cumprimento, ou deixarase sen efecto.

3. O xuíz de menores será informado da sanción de separación que se impoña.

Artigo 82º.-Cumprimento simultáneo e sucesivo de sancións.

1. Cando se axuícen dúas ou máis faltas á vez, imporanse ó menor ou mozo as sancións correspondentes a cada unha delas. Tamén é posible impor unha única sanción para tódalas faltas, tomando como referencia a máis grave das xulgadas. Se se impoñen varias, cumpriranse simultaneamente, sé é posible. En caso contrario, cumpriranse sucesivamente por orde de gravidade e duración de cada unha delas.

2. En ningún caso o cumprimento simultáneo ou sucesivo de diversas sancións impostas, no mesmo ou en diferentes procedementos disciplinarios, pode supor para o menor ou mozo estar:

a) Máis de sete días, ou de cinco fins de semana, seguidos, en situación de separación do grupo.

b) Máis dun mes seguido, privado de saídas de fin de semana.

c) Máis de dous meses seguidos, privado de saídas de carácter recreativo.

d) Máis de quince días seguidos, privado de tódalas actividades recreativas do centro.

Artigo 83º.-Concorrencia de infraccións.

Se un mesmo feito constitúe dúas ou máis faltas, ou cando unha destas faltas é un medio necesario para a comisión doutra, non se aplicarán as regras anteriores e sancionarase o menor ou mozo pola máis grave das faltas cometidas.

Artigo 84º.-Órgano competente para a imposición de sancións.

Os órganos competentes para a imposición de sancións, así como para decidir e gradua-la sanción adecuada entre as establecidas en cada tipo de infracción, ou se é o caso o seu sobresemento, tendo en conta o que dispoñen os artigos anteriores, serán os seguintes:

-O director do centro, nos casos de centros propios xestionados directamente pola consellería.

-O delegado provincial, por proposta do director do centro, nos casos de centros propios xestionados por entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro e nos casos dos centros colaboradores cos que se subscribisen acordos ou convenios de colaboración, de conformidade co artículo 45.3º da Lei orgánica 5/2000.

Destas actuacións será informada a dirección xeral.

Artigo 85º.-Responsabilidade penal e administrativa.

A comisión dunha falta disciplinaria que poida ser constitutiva de delicto ou falta penal será comunicada polo director do centro ó Ministerio Fiscal ou ó xulgado correspondente. Esto non é obstáculo para que se incoe o procedemento disciplinario que corresponda.

Artigo 86º.-Prescrición de faltas.

1. As faltas disciplinarias moi graves prescriben ó ano, as graves ós seis meses e as leves ós dous meses.

2. O prazo da prescrición empeza a contar desde a data en que se cometeu a falta.

3. A prescrición queda interrompida a partir do momento en que, con coñecemento do menor ou mozo, se inicia o procedemento correspondente, constatable documentalmente, sen prexuízo de que o prazo volva a contar novamente se o procedemento permanece paralizado durante un mes por unha causa non imputable ó presunto culpable.

Artigo 87º.-Prescrición das sancións.

1. As sancións impostas por faltas moi graves, graves e leves prescriben nos mesmos prazos sinalados para as infraccións moi graves, graves e leves, respectivamente, que recolle o artigo 89. Estes prazos empezan a contar desde o día seguinte ó día en que a resolución sancionadora adquira firmeza.

2. A iniciación do procedemento de execución, con coñecemento da persoa interesada, interrompe a prescrición, e o prazo volve a transcorrer se o procedemento

permanece paralizado máis dun mes por unha causa non imputable ó infractor.

Artigo 88º.-Anotación das sancións.

As sancións impostas por razón de faltas disciplinarias anotaranse, unha vez que teñan adquirido firmeza, no dossier individual do menor ou mozo.

Artigo 89º.-Cancelación de anotacións.

1. Cancelaranse de oficio as anotacións de sancións disciplinarias que consten no dossier persoal do menor ou mozo cando sexa desinternado definitivamente.

2. Tamén se cancelarán as anotacións cando concorran os seguintes requisitos:

a) Transcurso de catro meses para as faltas moi graves; de dous meses para as graves, e de quince días para as leves, contados desde o cumprimento da sanción.

b) Que, durante os prazos establecidos, o menor ou mozo non incorrese nunha nova infracción disciplinaria.

3. Os prazos de cancelación poden reducirse á metade da súa duración sempre que, posteriormente á sanción e antes de que se complete, o menor ou mozo obteña algunha recompensa, de acordo co artigo 60º deste regulamento.

4. A cancelación das anotacións de faltas no dossier do menor ou mozo sitúao, desde o punto de vista disciplinario, na mesma situación que se non as cometese.

Artigo 90º.-Principio de presunción de inocencia.

O procedemento disciplinario dos centros está presidido polo principio de presunción de inocencia. Mentres non se dicte a resolución sancionadora, ningún menor ou mozo poderá ser considerado culpable disciplinariamente.

Artigo 91º.-Información sobre o expediente disciplinario.

A dirección xeral, a delegación provincial, se é o caso, o xuíz de menores e o Ministerio Fiscal serán inmediatamente informados da tramitación do expediente disciplinario para os efectos de velar polo respecto dos dereitos do menor ou mozo e das garantías do procedemento.

Artigo 92º.-Procedementos.

1. Para a imposición de sancións disciplinarias por faltas moi graves e graves é preceptiva a observación do procedemento sancionador descrito nos artigos seguintes.

2. Para a imposición de sancións disciplinarias por faltas leves ha de seguirse un procedemento sucinto que ha de garantir ó menor ou mozo, en todo caso, o dereito a ser notificado dos feitos que se lle imputan, das infraccións que estes feitos poden constituír e das sancións que, se é o caso, se lle poden impor, do órgano competente para impoñe-la sanción e da norma que lle atribúe a competencia.

Tamén ten dereito a formula-las alegacións e utiliza-las probas procedentes, así como ó trámite de audiencia.

Artigo 93º.-Inicio do procedemento.

1. O director do centro onde se producisen os feitos, de oficio, por orde superior, por comunicación escrita de calquera traballador do centro, ou por denuncia dun menor ou mozo interno, ha de incoar un procedemento sancionador ou, se é o caso, comunicarlle ó delegado provincial para a súa incoacción, cando se producise algunha conducta que poida ser constitutiva de falta, de acordo con este regulamento, sempre que non fose posible a resposta educativa prevista no parágrafo seguinte.

2. A conciliación coa persoa ofendida, a restitución dos bens, a reparación dos danos ou a realización de actividades voluntarias en beneficio da colectividade do centro poden ser tidas en conta polo director do centro para non inicia-lo procedemento, para suspendelo ou para deixar sen efecto as sancións que se é o caso se impoñan.

Artigo 94º.-Nomeamento do instructor.

Unha vez incoado o expediente disciplinario, o órgano competente ha de nomear instructor o membro do equipo directivo ou do equipo educativo que considere conveniente, e que en calquera caso non pode estar implicado nos feitos. En caso de traslado do menor ou mozo a outro centro, ha de nomearse instructor a un membro do equipo directivo ou do equipo educativo do centro de procedencia.

Artigo 95º.-Medidas cautelares.

1. En calquera momento do procedemento, o órgano competente pode adoptar, mediante acordo motivado que ha de notificarse ó menor ou mozo interesado, as medidas cautelares de carácter provisional que aseguren a eficacia da resolución final que se poida dictar. Durante a tramitación do procedemento deberán deixarse sen efecto estas medidas se desaparecesen as causas que motivaron a súa adopción.

2. As únicas medidas cautelares que se poden adoptar son as previstas como sanción para a presunta falta cometida.

3. As medidas cautelares axustaranse á intensidade da falta presuntamente cometida e terán que ser proporcionais a esta e adecuadas ós obxectivos que pretenden garantir en cada suposto.

4. O tempo de cumprimento das medidas cautelares aboarase como tempo de cumprimento das posibles sancións que poidan recaer. Se non son da mesma natureza que as sancións impostas, han de compensarse na parte que se estime razoable.

5. As medidas cautelares non poden exceder do tempo máximo que corresponde á sanción definitiva prevista para cada tipo de falta no artigo 77º deste regulamento.

Artigo 96º.-Sobresemento.

O órgano competente procederá ó sobresemento do expediente e ó arquivo das actuacións cando das dilixencias e as probas practicadas polo instructor non se poida acredita-la existencia de infracción ou responsabilidade. Esta resolución ha de notificarse ó menor ou mozo interesado.

Artigo 97º.-Prego de cargos.

O instructor, vistas as actuacións e probas practicadas, elaborará o prego de cargos, que se terá que redactar de maneira clara e precisa, nunha linguaxe intelixible e co contido seguinte:

a) Os menores ou mozos presuntamente responsables.

b) A relación numerada dos feitos que se imputen a estas persoas.

c) Se é o caso, a exposición dos danos e perdas que se poidan ter ocasionado.

d) A falta ou faltas que poidan constituír estes feitos, con indicación do artigo deste regulamento afectado.

e) As posibles sancións aplicables.

f) O órgano competente para impoñe-la sanción e a normativa que lle atribúe a competencia.

g) As medidas cautelares que, se é o caso, se adopten.

h) A data e sinatura do instructor.

Artigo 98º.-Notificación dos cargos.

O instructor ten que efectua-la notificación dos cargos o mesmo día da súa redacción, mediante lectura íntegra do prego de cargos e entrega dunha copia ó internado. A continuación, informarao do dereito de facer alegacións e de propoñer as probas que considere oportunas para defenderse dos cargos que se lle imputan.

Artigo 99º.-Alegacións do menor ou mozo.

1. O menor ou mozo pode facer alegacións e propoñe-la práctica de probas ante o instructor no momento da notificación do prego de cargos ou durante as 24 horas seguintes.

Se o internado fai as alegacións e propón probas ó tempo da notificación, tamén se poderán practicar nese momento as probas propostas.

Noutro caso, o instructor convocarao 24 horas despois da notificación do prego de cargos para que faga as alegacións, propoña probas e se practiquen estas.

Das alegacións efectuadas verbalmente redactarase unha acta por escrito que asinará o interno.

O instructor só pode declarar improcedentes as probas propostas cando considere, motivadamente, que non poden influír na resolución final.

Se o menor ou mozo recoñece voluntariamente a súa responsabilidade, o instructor elevará o expediente ó órgano competente para a súa resolución, sen prexuí

zo de continua-lo procedemento se hai indicios racionais de fraude ou encubrimento doutras persoas.

Artigo 100º.-Proposta de resolución.

1. Unha vez finalizado o trámite das alegacións e a práctica de probas, o instructor fará inmediatamente unha proposta de resolución ó órgano competente, que ha de conte-los feitos que se imputan, a falta ou faltas que constitúen aqueles feitos e a súa norma reguladora, a sanción ou sancións que se propusexen e a súa duración concreta, o órgano competente para impoñe-la sanción e a normativa que lle outorga a competencia.

2. O instructor notificará a proposta ó menor ou mozo interesado, para que no prazo de vintecatro horas poida presentar alegacións; se son verbais, redactarase acta por escrito, a cal asinará o menor ou mozo. Unha vez completados estes trámites, o instructor elevará o expediente ó órgano competente, para que emita a resolución.

Artigo 101º.-Resolución.

1. O mesmo día, ou como máximo o día seguinte, o órgano competente resolverá sobre o sobresemento das actuacións, a práctica de novas dilixencias por parte do instructor ou a sanción disciplinaria.

2. O sobresemento acordarase cando os feitos non sexan constitutivos de falta, non haxa indicios racionais de que os feitos se producisen ou non se acreditase a existencia de responsabilidade.

Artigo 102º.-Acordo sancionador.

O acordo sancionador deberá ser escrito e deberá conter:

a) O lugar e data do acordo.

b) O número de expediente disciplinario e un breve resumo do procedemento seguido.

c) A relación de feitos imputados.

d) Se é o caso, exposición dos danos e perdas que se poidan ter ocasionado.

e) A persoa ou persoas responsables.

f) A falta ou faltas que constitúan os feitos e o artigo deste regulamento onde están recollidos.

g) A sanción que se impón.

h) O órgano competente para impoñela.

i) Unha mención expresa do recurso que pode interpoñerse contra a sanción, de acordo co artigo 104, e do prazo e forma para interpoñelo.

j) A sinatura do director do centro ou, se é o caso, do delegado provincial.

Artigo 103º.-Notificación da resolución.

O órgano competente, ou aquel en quen delegue, ha de notifica-lo acordo ó menor ou mozo o mesmo día en que se adopte. Se o acordo é sancionador, entregarase unha copia ó menor ou mozo e asinará outra, como xustificante da recepción. Así mesmo,

comunicaranse as sancións por faltas moi graves e graves ó xuíz, ó Ministerio Fiscal, á dirección xeral e, se é o caso, á delegación provincial.

Artigo 104º.-Recursos contra as resolucións.

1. Contra as resolucións sancionadoras poderase recorrer, antes do inicio do seu cumprimento, perante o xuíz de menores polo menor ou mozo ou polo seu letrado, verbalmente no mesmo acto da notificación, ou por escrito dentro do prazo de cinco días hábiles seguintes a este acto. O recurso, verbal ou por escrito, presentarase ante o director do centro, quen, no prazo de vintecatro horas, deberá remiti-lo escrito ou testemuña da queixa verbal, ademais das súas propias alegacións e unha copia do expediente disciplinario, ó xulgado de menores.

2. Non é posible executa-la sanción mentres non sexa resolto o recurso interposto e non se notifique ó centro o auto adoptado polo xuíz de menores.

3. Mentres se substancia o recurso, pódense mante-las medidas cautelares adoptadas de acordo co artigo 95º deste regulamento.

Artigo 105º.-Execución da sanción.

1. As sancións disciplinarias, unha vez firmes, executaranse inmediatamente no centro onde estea efectivamente internado o menor ou mozo no momento do seu inicio.

2. No caso de traslado, o cumprimento das sancións deberá continuar no novo centro.

Artigo 106º.-Revisión de sancións.

1. O órgano competente que impuxera a sanción pode reducir ou deixar sen efecto as sancións disciplinarias en calquera momento da execución, si o cumprimento das sancións se revela prexudicial para a evolución educativa ou persoal do menor ou mozo, e comunicará esta circunstancia á dirección xeral e, se é o caso, á delegación provincial.

2. Tamén anulará ou reducirá inmediatamente, de oficio ou por instancia de parte ou de organismo superior, as sancións disciplinarias se, despois de dictadas, se aprecia que houbo error ou inadecuación na cualificación da infracción ou que a sanción imposta non é considerada axustada a dereito. A anulación dunha sanción ten o mesmo efecto que a cancelación.

3. A revogación ou reducción de sancións previstas nos dous puntos anteriores non pode efectuarse sen autorización previa do xulgado de menores, cando este interviñese na súa imposición por vía de recurso.

4. O tempo cumprido dunha sanción revogada ou reducida en virtude do disposto na alínea 2, ou como consecuencia dun recurso estimado total ou parcialmente, terase en conta para o cumprimento posterior doutras sancións, sempre que estas se impuxeran por faltas disciplinarias anteriores á dita revogación ou anulación.

TÍTULO IV

Prestacións dos centros

Artigo 107º.-Asistencia sanitaria.

1. A entidade pública garantirá a atención sanitaria gratuíta dos menores e mozos a través da rede asistencial e hospitalaria pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Periodicamente, e como mínimo unha vez ó ano, os menores e mozos han de ser obxecto dunha revisión médica.

3. Durante a estadía no centro os menores e mozos terán que recibir asistencia sanitaria sempre que o soliciten ou se perciba a necesidade, a través de consultas ordinarias, programadas ou urxentes.

4. No proceso asistencial, os menores e mozos teñen dereito a ser informados do seu estado de saúde. Esta información ha de adecuarse ó seu grao de comprensión, sen prexuízo de informar tamén a quen teña a súa representación legal.

5. En situacións de risco inmediato grave para a integridade física ou psíquica, cando non sexa posible consegui-lo consentimento do representante legal, en caso de menores, pódense levar a cabo as intervencións indispensables desde o punto de vista clínico a favor da saúde do afectado. Esta circunstancia deberá ser comunicada inmediatamente polo director do centro á dirección xeral, á delegación provincial, ó xulgado de menores competente e ó Ministerio Fiscal.

6. Por razóns de urxencia, o menor pode ser trasladado a un centro hospitalario. Deste traslado darase conta á dirección xeral, á delegación provincial, ó xuíz de menores competente e ó Ministerio Fiscal.

7. Ningún medicamento pode estar ó alcance dos menores e mozos internos. O seu consumo require prescrición médica previa e deberase de facer cos controis oportunos.

8. No caso de enfermidade mental sobrevida que requira o traslado a un centro terapéutico, o centro terao que poñer en coñecemento da dirección xeral, para os efectos de solicita-la preceptiva autorización xudicial previa ó xulgado de menores.

Artigo 108º.-Formación académica e profesional.

1. A entidade pública garantirá, a través do departamento competente en materia de ensinanza e universidades, o dereito dos internos á educación e a acceder a estudios universitarios.

2. Os centros facilitarán, a través do departamento competente en materia de formación ocupacional, o acceso dos menores e mozos internos a estes estudios.

3. Cando o menor ou mozo non puidese asistir ós centros da zona, a causa do réxime ou tipo de internamento imposto, terá que realiza-la actividade educativa ou formativa no mesmo centro, segundo o acordo establecido nesta materia entre os departamentos competentes.

Artigo 109º.-Acceso a libros, publicacións e documentación exterior.

1. Os menores e mozos poden ter no centro libros, diarios e publicacións de libre circulación no exterior, e teñen dereito a estar informados a través doutros medios de comunicación, sen máis limitacións que as establecidas polas leis e as que, en casos concretos e logo da autorización xudicial, aconsellen as esixencias da actuación educativa individualizada.

2. Os centros deben dispoñer de libros e publicacións axeitadas, a súa utilización fomentarase entre os menores e mozos internos.

Artigo 110º.-Alimentación.

Os menores e mozos internos recibirán, nos horarios establecidos, unha alimentación equilibrada e convenientemente preparada, que responda en cantidade e calidade ás normas dietéticas, á súa saúde, idade e que respecte as súas conviccións relixiosas.

Artigo 111º.-Asistencia relixiosa.

A actividade do centro debe respecta-la liberdade relixiosa dos menores e mozos internos, que teñen dereito a pertencer a unha confesión relixiosa rexistrada e a solicita-la súa asistencia, sempre que esta sexa prestada con respecto ós dereitos das demais persoas do centro.

Artigo 112º.-Procedementos de actuación.

Os centros disporán dun plan de evacuación e de prevención dos riscos laborais, que se desenvolverán a través duns protocolos de actuación nestas materias, que comprenderán as diferentes actuacións que nas ditas materias se poderán levar a cabo. Todo o persoal do centro deberá estar instruído neles.

TÍTULO V

Estructura organizativa dos centros

Artigo 113º.-Órganos directivos.

1. Son órganos directivos dos centros o director/a e o subdirector/a naqueles centros en que exista esta figura.

2. Os órganos directivos dos centros encárganse de dirixi-la xestión e o funcionamento nos ámbitos de intervención educativa, de relación directa coa poboación atendida, de xestión dos recursos humanos, de representación institucional e de xestión económica.

Artigo 114º.-O director/a.

1. O director/a é o responsable máximo do centro e o seu representante ante as familias dos menores ou mozos e dos organismos oficiais.

2. De conformidade coa disposición transitoria 3ª do III convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, e mentres non se definan as funcións propias desta categoría, son funcións do director/a de acordo co convenio de protección de menores:

a) Cumprir e facer cumpri-lo presente regulamento, as demais disposicións vixentes relacionadas coa acti

vidade do centro e cantas disposicións emanen dos órganos competentes da consellería que lles afecten.

b) Convocar e presidi-las reunións dos órganos colexiados, así como executar e facer cumpri-los acordos adoptados por estes.

c) Adopta-las medidas que se consideren necesarias nos casos de especial alteración da orde do centro e autoriza-las medidas especiais de contención, de acordo co disposto nos artigos 106º e seguintes.

d) Organizar, coordinar e controla-lo persoal do centro e as actividades desenvoltas.

e) Velar polo proceso de reinserción social dos menores e mozos e polo bo funcionamento xeral do centro, coa finalidade primordial de dar ó menor ou mozo unha educación integral e compensadora.

f) Establecer unha organización axeitada no centro e distribuí-las responsabilidades entre os diferentes profesionais.

g) Levar a cabo as outras funcións que lle encomenda esta normativa, así como as sinaladas na normativa vixente relacionada co funcionamento interno do centro.

Artigo 115º.-O subdirector/a.

O subdirector do centro colabora co director no exercicio das súas funcións, asume as funcións que este lle delega e substitúeo no caso de ausencia e vacacións; nestes casos asume tódalas súas funcións.

Artigo 116º.-Órganos colexiados.

1. Os centros contarán na súa estructura organizativa, alomenos, cos seguintes órganos colexiados:

a) O consello do centro, que asumira a coordinación xeral do centro, marcando as directrices e adoptando os acordos procedentes.

b) A comisión educativa, que asumirá o seguimento do proxecto educativo do centro e a súa programación, así como do proceso educativo grupal e individual.

2. A composición e funcións específicas destes órganos colexiados serán as atribuídas na normativa vixente e acordos aplicables.

Artigo 117º.-O persoal profesional.

O persoal dos centros pode ser entre outros:

a) Médico/a.

b) Psicólogo/a.

c) Pedagogo/a.

d) Administrador.

e) Educador/a.

f) Traballador/a social.

g) Mestre.

h) Mestre de oficio.

i) Monitor/a.

j) Persoal administrativo.

k) Persoal de servicios.

2. O persoal desenvolverá as funcións establecidas especificamente na normativa laboral ou estatutaria vixente e calquera outra que lles encomende o director do centro no exercicio da súa potestade organizativa.