Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 18 de marzo de 2002 Páx. 3.541

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 77/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra da Enciña da Lastra.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, establece a necesidade de axeita-la xestión dos espacios naturais e das especies que deben protexerse ós seus principios inspiradores, para o que resulta necesaria a posta en vigor dun instrumento de planificación dos recursos naturais que permita acada-los obxectivos de conservación do ecosistema e harmonice os distintos intereses implicados no uso sustentable e gozo público destes espacios.

O artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espacios naturais e das especies e elementos singulares de fauna, flora e xea de Galicia que polo seu valor e interese científico, paisaxístico, cultural ou histórico requiran unha especial atención.

A ordenación das actividades humanas no espacio natural da serra da Enciña da Lastra, a través da redacción do Plan de Ordenación de Recursos Naturais, está xustificada polos motivos seguintes:

1. Trátase de preserva-lo patrimonio xeolóxico desta serra que é o principal macizo cárstico de Galicia e conta con formacións xeomorfolóxicas de grande interese; entre elas destaca a maior rede de covas ou palas do territorio galego, así como impresionantes cortados calcarios como o do estreito de Covas. Tamén existen xacigos fósiles da Era Terciaria (Ordovícico).

2. Trátase dunha das escasas zonas calcarias mediterráneas de Galicia e sustenta unha biodiversidade excepcional no contexto galego, tanto en tipos de hábitats e formacións vexetais como en especies de flora e fauna.

3. Para garanti-la conservación dunha paisaxe excepcional e incomparable en Galicia, no que se alternan farallóns calcarios con bosques mediterráneos, soutos de castiñeiros, zonas de uso agrogandeiro, pequenas aldeas moi ben conservadas e o leito do río Sil encaixado entre abas de forte pendente.

4. Para preserva-lo seu potencial educativo, cultural e científico, como espacio que incrementa a biodiversidade do territorio e conxuga usos tradicionais coa conservación de procesos ecolóxicos.

O espacio natural da serra da Enciña da Lastra debe ser un modelo de desenvolvemento endóxeno sustentable baseado na complementariedade de actividades agropastorais tradicionais e ecolóxicas, pequenas industrias artesanais e empresas compatibles coa conservación do medio ambiente e actividades recreativas, turísticas e educativas, compatibles co mantemento da extraordinaria riqueza xeobiolóxica da zona.

Co propósito de cumpri-los obxectivos reflectidos tanto no artigo 4.3º da Lei 4/1989, do 27 de marzo, vixente no momento do inicio da tramitación deste plan, e ante a necesidade de xeneralizar este enfoque preventivo, procedeuse á redacción do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) para harmoniza-las actividades económicas e o medio no espacio natural da serra da Enciña da Lastra.

Con anterioridade ó inicio do procedemento de elaboración do PORN, existiron diversas solicitudes das universidades e de grupos ecoloxistas que, ó longo do tempo, foron demandando o establecemento dalgún tipo de figura de protección sobre este espacio que indudablemente posúe importantes valores naturais. Con data 19 de febreiro de 2001, publicouse no DOG nº 35 a Orde do 23 de xaneiro de 2001, pola que se inicia o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra da Enciña da Lastra.

O documento, que foi sometido a información pública e que foi elaborado pola Consellería de Medio Ambiente, recolle os contidos previstos para un PORN. Así, delimita e describe o ámbito territorial, define o estado de conservación dos recursos e ecosistemas, especifica as distintas zonas existentes no espacio e determina as limitacións para cada unha delas, concreta as actividades que requiren un réxime de avaliación e establece recomendacións básicas para a xestión.

O procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do Espacio Natural da Serra da Enciña da Lastra incluíu, entre outros, os trámites de información pública e audiencia ós interesados. Unha vez iniciado o procedemento de elaboración do PORN, mantivéronse reunións con representantes da poboación local e levouse a cabo unha campaña de consulta e divulgación entre a poboación residente. A continuación, o plan estivo sometido a información pública e audiencia ós interesados durante trinta (30) días de acordo coa resolución da Dirección Xeral de Montes e MAN do 25 de maio de 2001, publicada no DOG o día 14 de xuño e foron presentadas sete alegacións que foron contestadas con data 4 de decembro de 2001.

Por estas razóns, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co establecido no título II da Lei 4/1989, apróbase o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra da Enciña da Lastra como instrumento de ordenación dos seus recursos naturais, cunhas prescricións de carácter normativo que figuran como anexo a este decreto.

Artigo 2º

O Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra da Enciña da Lastra é obrigatorio e executivo nas materias reguladas na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre, constituíndo as súas disposicións un

límite para calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física cunhas determinacións que non poderán alterar ou modificar tales disposicións.

No referente a usos e actividades que poden levarse a cabo dentro dos límites do espacio natural haberá que aterse ó disposto no plan que se aproba, ademais de á normativa vixente en materia de conservación da natureza, así como ó resto das disposicións existentes.

Artigo 3º

A concesión das autorizacións previstas no decreto corresponderalle ó órgano competente por razón da materia, tralo informe preceptivo da Consellería de Medio Ambiente.

Disposición transitoria

De acordo co establecido no artigo 5 da Lei 4/1989, do 27 de marzo, o presente Plan de Ordenación dos Recursos Naturais prevalece sobre calquera ordenación territorial ou física, que deberá adaptarse a aquel nun prazo dun ano, que comezará a contar a partir do día seguinte ó da publicación deste decreto.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para desenvolver este decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

1. Delimitación do ámbito territorial.

2. Definición do estado de conservación, diagnóstico e evolución dos valores ambientais.

3. Obxectivos de ordenación.

4. Directrices de ordenación dos recursos naturais.

4.1. Directrices para a xestión do medio natural.

4.2. Directrices sobre o aproveitamento dos recursos.

4.3. Directrices para a xestión do uso público.

4.4. Directrices sobre actividades científicas.

4.5. Directrices sobre a ordenación territorial.

4.6. Directrices para a dinamización da estructura socioeconómica.

5. Zonificación.

5.1. Zona de reserva.

5.2. Zona de uso restrinxido.

5.3. Zona de uso moderado.

5.4. Zona de uso xeral.

6. Normas xerais.

6.1. Usos permitidos.

6.2. Usos prohibidos.

6.3. Usos autorizables.

7. Normas particulares.

8. Réxime de avaliación de impacto ambiental.

9. Desenvolvemento do plan.

1. Delimitación do ámbito territorial

A superficie obxecto do plan de ordenación ocupa 3.151,67 hectáreas incluídas integramente no termo municipal de Rubiá, na provincia de Ourense.

Os límites do ámbito do plan, do cal se inclúe unha representación gráfica como anexo II, descríbense comezando polo norte e en sentido horario:

Norte: desde a intersección da estrada OU-622 co límite da provincia de León, seguindo polo límite provincial, ata a intersección coa vía de ferrocarril na ponte do Estreito.

Este: desde a intersección do límite provincial coa vía do ferrocarril na ponte do Estreito, seguindo polo límite coa provincia de León, ata o punto no que se cruza coa liña perpendicular que parte desde a boca sur do túnel polo que discorre a pista pola que se accede ó encoro de Penarrubia.

Sur: desde este punto, segue en liña recta ata a boca do túnel, seguindo pola pista en dirección sur ata a intersección co primeiro regato que discorre de dereita a esquerda, polo que sobe ata a estrada que dá acceso a Pardellán e Vilar de Silva. Continúa pola estrada ata o punto no que cruza coa curva de nivel de 510 m, desde onde segue en dirección norte cruzando o regato Pardellán ata o punto de intersección da estrada coa curva de nivel 540 m, seguindo por esta última dirección oeste ata o primeiro regato que a cruza, polo que sobe ata a cota 695 m. Desde este punto segue pola pista forestal que discorre en dirección oeste ata o segundo regato que a cruza, polo que sobe ata o alto de cota 803,65 m. Desde este alto, segue descendendo pola ladeira en liña recta en dirección oeste ata acada-la cota 775 m na valgada, de onde parte unha pista forestal coa dirección oeste pola que segue ata que dobra cara ó sur para subir por un regato ata acadar unha devasa. Desde este punto segue

cara ó oeste por esa devasa cara ó alto de Poleares, para continuar pola devasa que descende na dirección noroeste ata que este finaliza, seguindo en liña recta ata acada-la estrada que vai ó Castelo. Segue por esta estrada en dirección ó Castelo ata acadar unha pista que parte á dereita, pola que segue subindo unha valgada ata acada-lo alto de cota 603,62 m. Desde este alto, segue cara ó sudoeste baixando pola divisoria ata o río Galir. Continúa ascendendo polo leito do río Galir a unha distancia de 5 m da marxe dereita do río ata a confluencia pola marxe esquerda cun regato pouco antes de cruza-la estrada OU-621 nos arredores de Oulego.

Oeste: desde o punto no que conflúen ámbolos cursos fluviais segue polo mencionado regato ata onde este nace nas proximidades da estrada OU-622, para seguir por esta ata o límite coa provincia de León.

2. Definición do estado de conservación, diagnóstico e evolución dos valores naturais.

A serra da Enciña da Lastra acolle ás formacións de bosque e matogueiras espiñentas mediterráneas máis extensas e mellor conservadas de Galicia. Non só constitúen as aciñeiras máis extensas da Comunidade Autónoma senón as únicas de carácter calcícola, feito que favorece a entrada de especies de flora descoñecidas no resto da comunidade. Corresponden á asociación Genisto hystricis-Quercetum rotundifoliae, e representan a vexetación climácica natural potencial do espacio natural. Mantén tamén representacións de salgueirais mediterráneos (Salicetum angustifolia-salvifoliae), moi escasos en Galicia e conservan os únicos tomiñares (matogueiras espontáneas caracterizadas polo tomiño Thymus zygis) da Comunidade Autónoma. Varios tipos de pasteiros presentes son hábitats de conservación prioritaria na Comunidade Europea. Finalmente, a vexetación de cumes calcarios presenta varias comunidades endémicas de Galicia. Están catalogadas 451 especies e subespecies de plantas vasculares, entre elas

40 endemismos ibéricos, varios endemismos de área restrinxida, e dous endemismos exclusivos das calcarias bercianas: Armeria rothmaleri e Petrocoptis grandiflora. Esta última, xunto co endemismo Caureliano-berciano Rhamnus legionensis, están consideradas especies en perigo de extinción total se non se protexen en Galicia. A flora é extraordinariamente singular no contexto galego, con 62 especies localizadas exclusivamente nestas serras, e outras 55 de área de distribución moi restrinxida en Galicia.

Respecto á fauna invertebrada, pese a ser un grupo pouco coñecido e estudiado, están catalogados catro endemismos ibéricos, un exclusivo das aciñeiras galegas, a miñoca Allobophora morenoe, e tres do noroeste, as lesmas Geomalacus grandis e Furcopenis circularis, e o caracol Portugala inchoata. Ademáis, seis especies están incluídas no anexo II da Directiva Hábitats (43/92/CEE), os coleópteros Lucanus cervus e Cerambyx cerdo, os odonatos Oxygastra curtisii e Coenagrion mercuriale, a lesma Geomalacus maculosus e o cangrexo de río autóctono (Austrapotamobius pallipes). Oito especies son exclusivas de aciñeiras e afloramentos calcarios (tres miñocas e cinco lepidópteros. Entre estes últimos destacan Eilema uniola e Arctia hebe, citadas en Galicia unicamente na serra da Enciña da Lastra).

Un mínimo de 194 especies de vertebrados viven no espacio natural: 9 peixes, 10 anfibios, 13 réptiles, 124 aves e 38 mamíferos. Entre elas, 124 están protexidas na categoría de interese especial no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas (R.D. 439/1990), e 76 son consideradas de interese pola súa reducida área de distribución ou o seu desfavorable estado de conservación. Delas, 50 están incluídas nalgún dos anexos da Directiva 43/92/CEE, de conservación dos hábitats e da fauna e flora silvestres; 32 incluídas no Libro rojo de los vertebrados de España, e 40 de especial interese no contexto galego. Hai once endemismos ibéricos. Especial mención merece a presencia dunha poboación de lagartiña cincenta (Psammodromus hispanicus), moi escasa en Galicia, e unha das comunidades de morcegos máis rica do noso territorio, con nove especies confirmadas e polo menos cinco de presencia posible, acollendo unha importante

poboación a nivel ibérico de morcego das covas (Miniopterus schreibersii), e contando con citas de morcego de ferradura mediterráneo (Rhinolophus euryale) e rabudo (Tadarida teniotis), de distribución restrinxida no noso país. O principal valor faunístico constitúeno as aves, co maior número de especies nidificantes de Galicia. Conta coa presencia exclusiva de bicogroso e, aínda que irregularmente, de voitre branco; ademais o espacio natural representa unha das escasas localidades galegas nas que nidifican aguia real, bufo real, aguia calzada, pomba das rochas, pardal das rochas e papamoscas. As comunidades de aves rapaces, rupícolas e mediterráneas son de grande interese e únicas en Galicia. Varias especies manteñen nas serras de Rubiá máis do 10% dos seus efectivos galegos: aguia real, aguia calzada, andoriñón, pomba das rochas e chova de bico vermello.

Na actualidade, son poucos os sectores do territorio que permanecen alleos a intervencións antrópicas que, dunha forma directa ou indirecta, afecten en maior ou menor medida ós seus valores naturais.

As prácticas agrogandeiras tradicionais moldearon o medio natural desde tempo inmemorial. Perfectamente integradas nos diferentes ecosistemas, acadaron un equilibrio entre a explotación dos recursos e o mantemento das características naturais, creando novas condicións ás que progresivamente se adaptaron multitude de comunidades biolóxicas, que co paso do tempo pasaron a depender destes ambientes. A sociedade moderna, coa imposición de novos hábitos e formas de vida, induciu e continúa inducindo notables cambios no medio rural. Por un lado, as prácticas agrícolas de carácter intensivo produciron unha perda de diversidade estructural destes ambientes, principal condicionante da diversidade de formas biolóxicas dunha área, mentres que, ó mesmo tempo se abandonaron prácticas e sistemas agrarios tradicionais.

Por outro lado, a presencia dunha profusa rede de tendidos eléctricos dunha zona de abundantes cortados e estreitos, fai que o risco de colisión ou electrocución de aves presentes na zona sexa elevada. Baixo condicións climáticas adversas, ou na etapa de emancipación dos xuvenís, o risco increméntase notablemente.

O espacio natural da serra da Enciña da Lastra caracterízase, entre outros valores, pola presencia dunha das mellores comunidades de quirópteros de Galicia. As actividades de espeleoloxía ou a simple presencia humana nos refuxios utilizados polos morcegos, tanto de cría como de invernada, poden interferir na cría ou esperta-los morcegos durante a hibernación, o que pode implicar un desbarate de reservas imprescindibles para poder sobrevivir ata a seguinte primavera.

Nesta serra a visita a covas e palas é unha actividade que mantén unha certa frecuencia e pode estar causando un dano importante. Por outra parte, as deterioracións, e destrozos causados nas formacións xeolóxicas das covas por algúns visitantes son evidentes e nalgúns casos graves.

Existen por outro lado diversos impactos paisaxísticos como vías de comunicación ou canteiras en explotación que degradan a naturalidade deste espacio natural.

Entre as ameazas de degradación do espacio natural podemos destacar:

-Intentos de apertura de novas canteiras de calcarias a ceo aberto dentro dos límites do propio espacio natural ou nas súas proximidades. Nunha explotación destas características, a cuberta vexetal da superficie explotada é eliminada por completo, os ruídos inherentes á extracción e picado da rocha, xunto coa apertura de pistas de acceso e trasego humano en zonas antes tranquilas, afectan negativamente a comunidade faunística en xeral e os quirópteros e aves rapaces en particular, especialmente sensibles ás molestias nas áreas de nidificación. Ademais o impacto paisaxístico é importante, motivado pola apertura de pistas e pola presencia da explotación en si, e agudizado polo feito de tratarse de zonas de difícil revexetación.

-O elevado risco de incendios forestais, ata o momento de reducida incidencia, constitúe unha seria ameaza para a conservación do espacio. As peculiares características do ecosistema mediterráneo aquí representado, con varios meses de sequía estival, unido ó gran desenvolvemento da matogueira, favorecen a propagación dos incendios.

-As actividades turísticas, deportivas e de lecer na natureza, e o seu previsble aumento dentro dos límites do espacio deben ser reguladas, ante o risco de degradación que poden exercer sobre determinados valores naturais. As actividades náuticas no encoro de Penarrubia non constitúen perigo na actualidade para a conservación dos valores naturais do espacio, pero poderían intensificarse e diversificarse desordenadamente, provocando importantes alteracións. Considerando a relación do cangrexo de río autóctono (Austrapotambius pallipes) con masas de auga pouco profundas, as actividades de lecer nas beiras poderían chegar a ter un efecto negativo sobre a especie. As dúas especies de insectos odonatos de maior interese, Coenagrion mercuriale e Oxigastra curtisii están tamén ligadas ás beiras do encoro de Penarrubia. A alteración da vexetación palustre por unha excesiva presión humana nas beiras convertiríase na maior ameaza para a conservación destas dúas especies na zona, xunto coa

degradación da calidade das augas e do medio acuático en xeral.

En relación coa escalada, na actualidade non parece ser unha actividade de importancia, pero podería chegar a provocar graves alteracións sobre os valores naturais do espacio. A escalada pode ocasionar danos en comunidades vexetais casmofíticas e outras comunidades rupícolas calcícolas (hábitats de conservación prioritaria segundo a Directiva 92/43/CEE). Ademais, a maior parte das plantas endémicas máis interesantes deste espacio viven nestes medios (Petrocoptis grandiflora, Rhamnus legionensis, Leontodon farinosus, Campanula arbatica subsp. Adsurgens e Saxifraga trifurcata). Estudios recentes sobre perturbacións en rapaces, recomendan non permiti-la escalada a menos de 500 m das situacións dos niños de falcón peregrino (Falco peregrinus), nidificantes na serra da Enciña da Lastra. Outros deportes de risco e aventura como o descenso de canóns, parapente, poderían chegar a ter efectos negativos sobre a comunidade de aves rapaces durante a época de reproducción, ó supoñer un tránsito

humano frecuente en zonas que nunca soportaron tal presión. A afluencia excesiva e incontrolada

de excursionistas ou a canalización mal orientada de futuros visitantes do espacio poderían poñer en serio perigo ós valores naturais da serra da Enciña da Lastra, tanto por deterioro directo da flora, por efecto do pisoteo ou coleccionismo, como sobre a fauna, especialmente sobre o grupo das rapaces nidificantes e quirópteros.

-A alteración da cuberta vexetal autóctona, a través de repoboacións forestais con piñeiros e chopos en menor medida, ou a través do aumento da intensidade das cortas poderían compromete-la importante biodiversidade do espacio, derivando nun impacto negativo para a conservación tanto da singularidade e naturalidade da paisaxe vexetal como da súa peculiar composición florística e faunística.

-A recolección a pequena escala de plantas con fins medicinais, cosméticos ou de alimentación existe hoxe en día no contorno da serra da Enciña da Lastra. A gran potencialidade de explotación que encerra este espacio, fai concebi-lo risco dunha situación de recolección intensiva que sobreexplote os recursos, máxime se entra en canles de comercialización.

-O posible incremento da demanda de leña, asociado a un incremento do uso público-turístico do espacio natural, é un feito que debe ser valorado axeitadamente, tanto no tempo como no espacio, para que se regulen os lugares, épocas e as formas de extracción de madeira para leña.

-Debe prestarse atención á introducción ou penetración de especies alóctonas vigorosas, concretamente de Ailanthus altissima, polo potencial risco de desprazamento que supón, en xeral, para elementos florísticos de comunidades vexetais autóctonas. A apertura de novas pistas e camiños, facilitan a penetración deste tipo de flora.

3. Obxectivos de ordenación.

Este plan de ordenación ten como obxectivo establece-las medidas necesarias para asegura-la protección, conservación, mellora e utilización racional dos recursos do espacio natural da serra da Enciña da Lastra.

Son obxectivos do plan de ordenación:

a) Definir e sinala-lo estado de conservación dos recursos naturais que integran o ámbito do plan, formulando un diagnóstico neste ámbito e unha previsión da súa evolución futura.

b) Determina-las limitacións xerais e específicas que, respecto dos usos e actividades, deban establecerse en función do estado de conservación do territorio.

c) Promove-la aplicación de medidas de conservación, restauración e mellora dos recursos naturais que o precisen.

d) Establecer criterios de referencia orientadores para a formulación e xeración das diversas políticas sectoriais que incidan no ámbito territorial do plan.

4. Directrices de ordenación dos recursos naturais.

4.1. Directrices para a xestión do medio natural.

Atmosfera:

a) Procurarase mante-la calidade do aire, limitando no espacio natural a emisión de substancias conta

minantes en concentracións tales que modifiquen a calidade do aire por riba dos niveis autorizados.

b) Promoveranse as medidas correctoras necesarias para minimizar ou, se é o caso, elimita-las fontes de emisión de olores desagradables ou ruídos molestos.

Auga:

a) Procurarase conseguir no menor prazo posible, o axeitado tratamento de depuración para as verteduras, xa sexan urbanas, industriais, agrícolas ou gandeiras, velando en todo momento para mante-la calidade das augas.

b) Preservaranse as marxes e ribeiras de ríos e regatos, restauranto aquelas zonas que sufriran alteracións importantes por actuacións ou usos inaxeitados.

c) Estableceranse mecanismos de coordinación cos organismos de bacía para asegura-la eficacia das medidas de protección e actuación.

Xeoloxía e xeomorfoloxía:

a) Non se permitán as novas actividades extractivas a ceo aberto. Estas explotacións producen un impacto paisaxístico crítico, incompatible cos obxectivos de protección do espacio natural e, por outra parte, con mínimas posibilidades de restauración.

b) Realizaranse xestións para que tódalas actividades extractivas dispoñan dos plans de restauración pertinentes e velarase para o seu cumprimento.

c) Velarase polo axeitado mantemento e protección das palas e covas existentes no espacio natural.

Solo:

a) Velarase por mante-las caracteríticas estructurais e de textura dos solos das que depende en gran medida a súa vexetación e para evita-la aparición de fenómenos erosivos por causas antrópicas.

b) Procurarase evita-lo tránsito de vehículos fóra das estradas e camiños das zonas de maior valor natural do espacio.

Vexetación:

a) Conservaranse e protexeranse as formacións vexetais máis representativas do espacio natural, así como aquelas que presentan un maior perigo de degradación irreversible ou alberguen flora ou fauna de especial valor.

b) Daráselle prioridade á protección e conservación de comunidades ou especies de especial interese polo seu carácter endémico, pola súa situación ameazada, ou por atoparse no límite da súa área de distribución.

c) Daráselle prioridade, alí onde se presenten os hábitats incluídos no anexo I da Directiva 92/43/CEE, á conservación e rexeneración natural fronte a calquera outro tipo de actuación.

d) Tenderase a rexenera-la vexetación silvestre potencial do espacio natural, procurando especialmente reconstruí-las súas etapas máis maduras, especialmente nas zonas de maior protección e nas que o risco de erosión sexa máis elevado.

e) Tenderase á eliminación gradual das especies alóctonas existentes nas zonas de maior protección (zonas de reserva e uso restrinxido). Evitarase a introducción e propagación de especies alóctonas fóra das zonas urbanas ou de carácter agrícola.

f) Evitarase a desaparición de calquera especie autóctona, asegurando a persistencia do seu hábitat e aplicaranse se fose preciso medidas de protección e conservación da flora endémica, ameazada ou relíctica.

g) Desenvolverase un conxunto de indicadores que permitan vixiar e controla-lo estado de conservación da vexetación para tomar, se é o caso, as medidas de protección, conservación e restauración que se consideren necesarias.

Fauna:

a) Protexerase o conxunto da fauna, conservando a súa abundancia, diversidade e singularidade.

b) Evitarase a desaparición de calquera especie autóctona, sen prexuízo do necesario control sobre as poboacións daquelas especies que ameazaran o equilibrio dos ecosistemas. Aplicaranse, se son precisas, medidas de protección e conservación da fauna endémica, ameazada ou relíctica presente no espacio natural.

c) Adaptarase a xestión das especies con aproveitamento cinexético ou piscícola ós obxectivos do espacio natural, a través dos correspondentes plans técnicos de xestión.

d) Desenvolverase un conxunto de indicadores que permitan vixiar e controla-lo estado de conservación da fauna para tomar, se é o caso, as medidas de protección, conservación e restauración que se consideren necesarias.

Paisaxe:

a) Restaurarase a calidade paisaxística alí onde fose deteriorada por accións humanas coma movementos de terra, actividades extractivas, apertura de pistas e camiños ou de calquera outro tipo.

b) Procurarase evita-la introducción no medio natural de calquera elemento artificial que limite o campo visual ou rompa a harmonía da paisaxe. Non obstante, poderán establecerse as infraestructuras que sexan imprescindibles, de acordo coas prescricións do PORN, procurando minimiza-lo seu impacto sobre o medio.

c) Velarase polo mantemento do territorio do espacio natural libre de lixo, residuos e verteduras, apoiando a aplicación da normativa vixente na materia. Eliminaranse os vertedoiros e as entulleiras incontrolados.

4.2. Directrices sobre o aproveitamento dos recursos.

Aproveitamentos agrícolas:

a) Promoveranse as produccións agrícolas ás que se poida outorgar denominación de orixe, etiquetas de calidade ou outras cualificacións que as identifiquen co espacio natural.

b) Fomentarase a agricultura ecolóxica e código de boas prácticas agrarias.

Xestión forestal:

a) Regularanse, de acordo cos plans técnicos que se redactarán para o efecto, os aproveitamentos de madeira, leña e cortiza.

b) Favorecerase a rexeneración ou repoboación coas especies autóctonas correspondentes ás respectivas series de vexetación.

c) Desenvolveranse as medidas necesarias para a prevención e extinción de incendios forestais no interior do espacio natural, procurando que as actuacións preventivas persigan criterios de funcionalidade e minimicen o seu impacto paisaxístico.

d) Non se autorizarán plantacións con especies que non sexan propias do espacio natural. Procurarase garanti-la calidade e a procedencia xenética de sementes e chantóns empregados na reforestación con especies autóctonas.

Aproveitamentos cinexéticos e piscícolas:

a) Compatibilizaranse estes aproveitamentos coa protección e conservación da fauna e demais recursos naturais do espacio natural, establecéndose as prescricións necesaria para este fin.

b) Evitarase que o exercicio da caza interfira co uso público, establecendo, se fose preciso, medidas para compatibilizar no posible ámbalas actividades.

4.3. Directrices para a xestión do uso público.

Xerais:

a) Impulsarase o uso público como elemento dinamizador do desenvolvemento socioeconómico da poboación residente na área de influencia do espacio natural.

b) Crearanse as infraestructuras de uso público necesarias para facilitar e optimiza-la visita pública ó espacio natural, como centros de interpretación, información ou acollida.

Para iso aproveitaranse ó máximo as edificacións existentes, promovendo a súa restauración se fose necesario.

Actividades turísticas, recreativas e deportivas:

a) Fomentarase o uso turístico sustentable que non produza unha diminución da calidade ambiental da área, nin poña en perigo a conservación dos seus valores naturais e culturais.

b) Procurarase que as áreas utilizadas polos visitantes con fins recreativos se sitúen nas zonas menos fráxiles.

c) Regularanse tódalas actividades deportivas que poidan supoñer deterioración para o medio ou perigo parra os visitantes do espacio.

Actividades de interpretación e información:

a) Indicaranse mediante sinalización, a delimitación do territorio do espacio natural e a súa zonificación, así como os aspectos básicos da súa normativa.

b) Buscarase, a través da interpretación do espacio natural, promover actitudes de respecto ó medio natural en xeral e a adquisición dun maior grao de conciencia sobre a problemática ambiental.

c) Promoverase a divulgación dos valores do espacio natural mediante a restauración de sendeiros de uso peonil.

Seguridade:

a) Redactarase un plan que garanta a seguridade dos visitantes do espacio natural. Para a súa elaboración teranse en conta tódalas aquelas actividades que poidan ser causa de accidente sobre as persoas, así como aqueloutras situacións ambientais ou naturais que comporten perigo.

4.4. Directrices sobre actividades científicas.

a) Como actividades científicas enténdense aquelas que están encamiñadas a amplia-lo coñecemento sobre os recursos naturais ou culturais para contribuír á súa conservación, protección ou rexeneración.

b) Favoreceranse e ordenaranse as actividades científicas de forma que non supoñen ningún perigo para especies e ecosistemas presentes, facilitando a consecución dos seus obxectivos.

c) Estableceranse as liñas prioritarias de investigación e promoverase a difusión dos coñecementos científicos sobre o espacio natural.

d) Promoverase a creación dun fondo documental que recolla tódolos traballos de investigación realizados no ámbito do espacio natural e o seu contorno.

4.5. Directrices sobre a ordenación territorial.

Infraestructuras:

a) Procurarase minimiza-lo impacto sobre o medio natural no desenvolvemento de infraestructuras fóra dos núcleos urbanos, tales como camiños, conduccións de calquera tipo, tendidos eléctricos ou telefónicos, valorando a posibilidade do seu soterramento.

Urbanismo:

a) As áreas delimitadas como zona de reserva, zona de uso limitado e zona de uso moderado deberán ser asignadas no correspondente planeamento urbanístico, ós usos e aproveitamentos propios de solos non urbanizables de especial protección.

b) Os instrumentos de planeamento urbanístico deberán defini-las condicións que garantan a integración paisaxística das edificacións e manteñan o estilo tradicional predominante na zona, prestando especial atención á tipoloxía ou materiais de cubertas e fachadas. Para acadar este obxectivo promoveranse liñas de fomento ou subvención necesarias.

c) Promoverase a elaboración de estudios ou catálogos sobre arquitectura tradicional da zona e fomentarase liñas de axuda para a adecuación das vivendas rurais á dita tipoloxía, fomentándose que, na rehabilitación, mellora e nova construcción de vivendas rurais, se manteña a fisonomía tradicional dos usos rurais.

Patrimonio histórico-artístico e cultural:

a) Realizaranse estudios descritivos das tipoloxías arquitectónicas tradicionais co obxecto de facilita-la súa rehabilitación e coñecemento, promovéndose a protección e conservación das edificacións máis valiosas.

b) Promoverase o fomento das accións de revalorización, conservación e rehabilitación do patrimonio cultural do espacio natural, incluídas as festas populares e manifestacións folclóricas, en harmonía coa preservación dos recursos naturais.

4.6. Directrices para a dinamización da estructura socioeconómica.

a) Promoveranse tódalas aquelas actuacións que incrementen o nivel de vida dos residentes no ámbito do espacio natural dentro do maior respecto ás prescricións do PORN e ós valores naturais e culturais do espacio protexido.

b) Procurarase que as rendas xeneradas polos servicios do espacio protexido e a súa xestión revertan nas poboacións locais.

5. Zonificación.

En función do estado de conservación dos recursos naturais e da presencia e fraxilidade de elementos físicos e bióticos singulares, os terreos incluídos no ámbito do plan clasifícanse en catro categorías: zona de reserva, zona de uso restrinxido, zona de uso moderado e zona de uso xeral, segundo se recolle no plan que figura como anexo II.

5.1. Zona de reserva: son aquelas áreas que requiren un alto grao de protección por alberga-los maiores valores naturais, científicos e paisaxísticos, así como pola singularidade dos seus hábitats, especies e comunidades.

5.2. Zona de uso restrinxido: está constituída por áreas que presentan un elevado grao de naturalidade e que poden soportar un certo nivel de uso público, orientado á investigación, educación e interpretación ambiental e á contemplación da natureza de forma controlada. Garantirase a conservación íntegra dos seus recursos e valores ó tempo que se permitirán determinados aproveitamentos primarios.

5.3. Zona de uso moderado: esta categoría inclúe os terreos nos que as formacións naturais, xeralmente de mediana calidade e singularidade, soportaron un maior grao de humanización, ou ben presentan boa capacidade para soportar un uso público más intenso. Nestas zonas permitirase a práctica de usos agropecuarios e aproveitamentos tradicionais.

5.4. Zona de uso xeral: son aquelas áreas que presentan menor calidade dentro do espacio natural protexido. Poderán utilizarse para a localización de instalacións de uso público.

6. Normas xerais.

6.1. Usos permitidos.

Con carácter xeral considéranse usos ou actividades permitidos os agrícolas, gandeiros e forestais que sexan compatibles coa protección deste espacio natural, e todos aqueles non incluídos nos grupos de actividades prohibidas ou suxeitas a autorización nin contemplados na normativa específica contida neste plan de ordenación.

6.2. Usos prohibidos.

Son usos ou actividades prohibidos todos aqueles que sexan incompatibles coas finalidades de protección do espacio natural, e en particular, os seguintes:

a) A introducción non autorizada no medio natural de especies non autóctonos da fauna e flora silvestres.

b) A extracción de plantas, ou partes delas (máis alá das actividades agrícolas e forestais), animais (agás actividades cinexéticas e piscícolas autorizadas) e de rochas e minerais agás nos casos autorizados ou por motivos de interese científico ou de xestión do espacio natural.

c) A acampada libre fóra dos lugares sinalados para o efecto.

d) A instalación de parques eólicos e minicentrais hidroeléctricas.

e) A vertedura de lixo, estullos e demais residuos sólidos.

f) Todo tipo de actividades das que poida derivarse contaminación das augas nacentes ou circulantes polo espacio natural, así como o baño fóra das zonas destinadas para tal fin.

g) Altera-los leitos e o caudal ou calidade dos cursos de auga, agás nos casos de actuacións debidamente autorizadas.

h) Facer calquera tipo de lume ou fogueira fóra das instalacións destinadas para ese uso.

i) A circulación con vehículos motorizados fóra das estradas e pistas forestais, agás os expresamente autorizados pola Consellería de Medio Ambiente.

j) Sobrevoar o ámbito do espacio natural con calquera tipo de aeronave a unha altura inferior a 300 m sobre a cota de maior altura do espacio, agás por causas de salvamento ou forza maior.

k) Aquelas accións que provoquen danos á sinalización e ás infraestructuras do espacio natural.

l) E en xeral, calquera actividade que atente contra os valores naturais do espacio protexido.

6.3. Usos autorizables.

Considéranse usos ou actividades autorizables todos aqueles que, sen estaren permitidos ou prohibidos con carácter xeral, poderán ser levados a cabo tralo sometemento previo a un control do órgano xestor do espacio. Deberarse, en todo caso, obterse autorizacón previa para executa-los seguintes aproveitamentos e actividades:

a) Para os aproveitamentos forestais, tratamentos silvícolas e as labores de todo tipo que se executen nos montes do espacio.

b) Para a instalación de sinalizacións.

c) Para a realización de actividades de investigación no medio natural.

d) Para a realización de actividades e probas de carácter deportivo.

e) Para a actividade fotográfica, de filmación e gravación, cando sexan de carácter comercial ou científico.

7. Normas particulares.

Actividades forestais:

a) Non estará permitido o aproveitamento madeirable nin de leña na zona de reserva. Na zona de uso restrinxido permitirase baixo autorización expresa

da Consellería de Medio Ambiente, logo de informe do órgano xestor do espacio.

b) As repoboacións forestais necesitarán a autorización da Consellería de Medio Ambiente, logo de informe do órgano xestor do espacio. Deberán orientarse ó avance da sucesión ecolóxica cara ás formacións climácicas.

c) Na zona de reserva estarán prohibidos as rozas e a apertura de novas devasas.

Caza e pesca fluvial:

a) Permitirase a caza en todo o ámbito do espacio natural, regulada baixo a normativa vixente na materia, agás nas zonas de reserva, onde estará prohibida agás por motivos de xestión ou por fins científicos e con autorización da Consellería de Medio Ambiente.

b) Na zona de uso restrinxido a Consellería de Medio Ambiente poderá limitar temporalmente o aproveitamento cinexético por motivos de xestión.

c) A pesca fluvial quedará regulada polas disposicións normativas vixentes.

d) As repoboacións cinexéticas e piscícolas precisarán autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente.

Actividades turísticas, recreativas e deportivas:

a) A práctica do sendeirismo permitirase en todo o ámbito do plan agás na zona de reserva, onde se precisará autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente. Enténdese por sendeirismo o percorrido a pé de itinerarios que trasncorren por pistas, camiños e sendas existentes na actualidade.

b) A práctica da espeleoloxía precisará a autorización da Consellería de Medio Ambiente en todo o ámbito do espacio.

c) Non estará permitida a escalada na zona de reserva.

d) O tránsito de calquera tipo de embarcación no encoro de Penarrubia deberá contar coa autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente.

Urbanismo:

a) Nas zonas de reserva e uso restrinxido prohíbese calquera clase de edificación da nova planta.

b) Na zona de uso moderado só se poderán autoriza-las edificacións de nova planta vencelladas a explotacións agrarias, forestais ou destinadas á xestión do espacio natural, que precisarán en todo caso do informe favorable da Consellería de Medio Ambiente.

Infraestructuras:

a) Prohíbese o tendido de novas liñas de alta tensión no espacio natural. As liñas existentes de alta e media tensión deberán incorporar medidas para evita-la colisión de aves con cables. En todo o espacio, os novos tendidos de liñas de transporte de enerxía eléctrica, de lonxitude superior ós tres quilómetros deberán someterse a avaliación de impacto ambiental. Para o resto de liñas que se pretenda tender fóra dos núcleos urbanos ou rurais requirirase autorización da Consellería de Medio Ambiente.

b) Prohíbese a apertura de novas estradas e pistas nas zonas de reserva e uso restrinxido. O arranxo de pistas e estradas nestas zonas requirirá autorización da Consellería de Medio Ambiente.

c) A apertura de novas estradas ou pistas e a mellora ou o asfaltado das xa existentes na zona de uso moderado precisará autorización da Consellería de Medio Ambiente.

8. Actividades suxeitas ó réxime de avaliación de impacto ambiental.

As actividades suxeitas ó procedemento de avaliación de impacto ambiental no ámbito deste plan serán como mínimo as que estableza a normativa vixente. Na actualidade esta normativa é:

a) Directiva do Consello 85/337/CEE, do 27 de xuño de 1985, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio e Directiva 97/11/CEE, do Consello, do 3 de marzo de 1997, que a modifica.

b) Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.

c) Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental e Real decreto lei 9/2000, que o modifica.

d) Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución do Real decreto 1302/1986.

e) Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

f) Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

g) Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación dos efectos ambientais de Galicia.

9. Desenvolvemento do plan.

O desenvolvemento deste Plan de Ordenación de Recursos Naturais deberá realizarse mediante o correspondente Plan Rector de Uso e Xestión, que se elaborará segundo o disposto da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e na Lei 4/1989, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre.

O Plan Rector de Uso e Xestión desenvolverase mediante programas básicos de actuación sectorial que poderían se-los que se citan a continuación:

a) Programa de conservación e restauración dos valores naturais.

b) Programa de ordenación forestal.

c) Programa de corrección e ordenación hidrolóxica.

d) Programa de investigación.

e) Programa de uso público e interpretación.

f) Programa de animación cultural e educación ambiental.

g) Programa de defensa contra incendios forestais, outros riscos naturais e seguridade en xeral.

h) Programa de desenvolvemento socioeconómico.