Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 15 de maio de 2002 Páx. 7.103

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 3 de maio de 2002 pola que se dictan normas para a concesión de apoio ós concellos galegos na cesión de equipos de excarceración para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas (artigo 22.2º, parágrafo c), a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia; actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de Protección Civil, na maior parte dos concellos para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección da súa comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, a de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais para as subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para intervención en excarceración.

De acordo co exposto, preténdese por medio desta orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de materiais para misións de protección civil ós concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para colaborar cos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cuns medios necesarios a protección civil, cederalles en propiedade equipos de excarceración e/ou material auxiliar de excarceración ós concellos galegos que conten con Servicio Municipal de Protección Civil e/ou agrupación de voluntarios de Protección Civil, sexa municipal ou teña subscrito un convenio co concello, e ademais estean inscritas no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poderen acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

I) Para novos equipos de excarceración:

a) Non dispor de equipo de excarceración.

b) Dispor de medios de transporte axeitados para este tipo de material, así como recursos humanos que estean operativos as 24 horas do día e os 365 días do ano.

c) Ter no seu termo municipal e ámbito comarcal vías de comunicación con alto índice de sinistros.

d) Estar afastados un mínimo de 15 quilómetros dun parque contra incendios e salvamento e/ou dun Servicio Municipal de Protección Civil que dispoña de equipo de excarceración.

II) Para material auxiliar de excarceración.

a) Dispor dun equipo en propiedade ou cedido en uso.

b) Que o material do que se dispón no momento de face-la solicitude non sexa suficiente para atende-la demanda da poboación.

c) Precisar renova-lo material que estea deteriorado polo uso, ou novo material que non se teña na actualidade.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire esta orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de 95.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.231A.623.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 2002.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello:

a) Se é o caso, da existencia de Servicio Municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais de 2002, destinados ás funcións de seguridade e/ou protección civil.

c) Certificación relativa ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada nesta orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Se faculta o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-lo correspondente convenio, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3. Memoria asinada polo alcalde como xefe local de protección civil, na que se indiquen:

2.3.1. Para os que soliciten novos equipos de excarceración:

-Índices de sinistros nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do concello, e dos concellos colindantes.

-Accidentes ocorridos nos últimos anos nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do concello e concellos colindantes nos que foi preciso empregar medios de rescate.

-Medios materiais e recursos humanos dos que dispón o concello, necesarios para actuar en rescates.

-Cumpri-los requisitos específicos indicados no artigo 2º, letra I), especificando cada un dos puntos.

-Se é o caso, estar en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil, e estar elaborando o Plan de Emerxencias Municipal (Pemu).

2.3.2. Para material auxiliar de excarceración:

-Equipo de excarceración do que se dispón actualmente, indicando o material complementario deste.

-Material auxiliar de excarceración que se precisa (indicando se este é de reposición ou novo).

-Cumpri-los requisitos específicos indicados no artigo 2º, letra II.

-Se é o caso, estar en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil, e estar elaborando o Plan de Emerxencias Municipal (Pemu).

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederáse ó seu exame e análise polos servicios de Protección Civil da provincia correspondente.

2. Os respectivos servicios provinciais emitirán un informe técnico en relación ás peticións recibidas e remitirano á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

3. A proposta de resolución será feita por unha comisión de avaliación, que estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil, e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, polo subdirector xeral de Protección Civil e por un funcionario proposto polo director xeral de Interior e Protección Civil, que actuará como secretario.

4. A referida comisión fará a proposta de resolución, tendo en conta o informe técnico do Servicio Provincial de Protección Civil, e elevará posteriormente esta ó organo competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, así como para a asignación de material, teranse en conta os seguintes criterios:

1. Riscos potenciais existentes no concello e limítrofes conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga) ou, se é o caso, no Plan de Emerxencias Municipal (Pemu).

2. Índices de sinistros nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do concello, e no dos concellos colindantes.

3. Accidentes ocorridos nos últimos anos nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do concello e concellos colindantes nos que foi preciso empregar medios de rescate.

4. Ter creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil.

5. Ter ou estar elaborando o seu Plan de Emerxencias Municipal (Pemu).

6. Cantidade destinada polo concello nos seus orzamentos anuais para actuacións obxecto desta orde.

7. Cumpri-los requisitos específicos indicados no artigo 2º, letra I), especificando cada un dos puntos.

8. Número de colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co Servicio de Emerxencias 112 e plans de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia no sistema de protección civil de Galicia.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo), e co disposto no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, supoñendo a concesión a cesión en propiedade do material de excarceración.

2. A notificación ós peticionarios será efectuada pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, e en todo caso, a aqueles concellos ós que non se lles conceda material notificaraselles indicando que foi desestimada a súa petición.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ó que se lle concedese material disporá dun prazo de quince días hábiles,

contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunica-la aceptación.

2. Considérase como medio de xustificación, para facer efectivo o pagamento da cantidade correspondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo indicado no punto 1 deste artigo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización de cesión.

Para a formalización da cesión asinarase un convenio no que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación do cesionario.

Os gastos de seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, serán por conta dos concellos.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na Comunidade Autónoma.

1. Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais