Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 16 de maio de 2002 Páx. 7.170

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 8 de maio de 2002 pola que se actualiza o Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen normas sobre a súa xestión e control.

A Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, condiciona o acceso ó exercicio da actividade de explotación dos recursos mariños a aquelas embarcacións que estean inscritas no Rexistro de Matrícula de Buques e no censo de embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura de Galicia, ademais de contar coas habilitacións administrativas correspondentes. Esta vinculación da actividade pesqueira á inscrición no Rexistro de Buques é reiterada no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exerce-la actividade pesqueira e marisqueira, que no seu artigo 7 estende a tódalas embarcacións que operan nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia ou que estean rexistradas nela. E no seu artigo 9 prevé que o dereito para obte-lo permiso de explotación está limitado ás embarcacións que estean inscritas no Rexistro de Buques da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

E, pola súa parte, o Decreto 424/1993, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira limita o exercicio desta actividade ás embarcacións que teñan a súa base en portos do litoral galego e que estean incluídas no Rexistro de Buques de Galicia.

Dado o elevado número de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, estableceuse o Rexistro de Buques como fórmula para controla-lo esforzo pesqueiro sobre os recursos mariños de xeito que aquel esforzo sexa compatible coa explotación equilibrada dos recursos. É por esa razón que a normativa condiciona o dereito de pesca á obtención do permiso de explotación e á súa inscrición no Rexistro de Buques como mecanismo para garantir este control.

O Decreto 420/1993, do 17 de decembro, veu refundi-la normativa vixente en materia de rexistros de buques e de empresas halioalimentarias que no seu artigo 4 inclúe o Rexistro de Buques que teñan o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia. O artigo 5 deste decreto advirte que o incumprimento desta obriga rexistral implicará a imposibilidade de exerce-la actividade de explotación de recursos mariños, con independencia das sancións ou da imposibilidade de ser beneficiarios de axudas ou subvencións ou doutros dereitos de que poida ser obxecto. É clara, polo tanto, a vinculación da inscrición no Rexistro Buques ó exercicio da pesca.

O rexistro ten por finalidade, ademais dun control do esforzo pesqueiro, dispor dunha información fia-

ble e actualizada sobre a flota que radica en Galicia, o que non se consegue se non dispoñemos dun rexistro vivo, áxil e actualizado no que se recollan tódalas incidencias, situacións e modificacións durante a vida do buque rexistrado e, se é o caso, a súa desaparición. É necesario que o rexistro sexa activo co fin de obter un coñecemento completo e permanentemente actualizado deste sector polo que é preciso facer constar no rexistro os cambios de base efectuados, os cambios de titularidade ou as baixas por inoperatividade do buque.

Transcorrida case unha década desde a publicación do Decreto 420/1993, sen que se tivese desenvolvido, faise ineludible proceder á depuración e actualización do Rexistro de Buques atendendo especialmente a aqueles buques que carecen do preceptivo permiso de explotación, condición esencial para poder exerce-la pesca. Outros buques atópanse en situación de irregularidade porque as súas características non coinciden co previsto na folla de asento, polo que é necesario regula-la adaptación destes buques ás previsións daquel polo que convén habilitar un mecanismo para que poidan proceder á súa legalización.

As previsións de actualización do rexistro responden á normativa estatal contida no Real decreto 798/1995, do 19 de maio, polo que se definen os criterios e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, da acuicultura e da comercialización, a promoción dos seus productos, no que se establecen as normas de regulación do Censo da Flota Pesqueira Operativa. Este real decreto prevé, entre outras medidas, a baixa definitiva no censo daqueles buques irrecuperables e buques inoperativos e, por ende, a súa baixa de oficio no Rexistro de Matrícula de Buques. Idéntico suposto é previsto para os buques en desguazamento, afundidos ou exportados.

Pola súa parte, o artigo 57 da Lei 3/2001, de pesca marítima do Estado, remite ás comunidades autónomas a xestión do Rexistro de Buques Pesqueiros para a aplicación da normativa en materia de ordenación do sector pesqueiro.

Polo tanto, amparado nas competencias da Xunta de Galicia en materia de ordenación do sector pesqueiro tal e como prevé o artigo 28.5º do Estatuto de autonomía, e o artigo 6 da Lei 6/1993, concretamente no seu parágrafo f) en materia de Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma e no artigo 57 da Lei 3/2001, de pesca marítima do Estado, sobre normativa básica en materia de xestión do Rexistro de Buques, en virtude da habilitación feita ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos na disposición derradeira do Decreto 420/1993, para o seu desenvolvemento,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obrigatoriedade da inscrición.

1. A inscrición no rexistro é obrigatoria para tódolos buques que teñan o seu porto base na Comu

nidade Autónoma de Galicia e incluídos nas listas 3ª e 4ª do Rexistro de Matrícula ó que alude o Decreto 420/1993, do 17 de decembro.

2. O incumprimento desta obriga rexistral producirá os efectos ós que se refire o artigo 5 do Decreto 420/1993, do 17 de decembro.

Artigo 2º.-Requisitos para a inscrición.

Para a efectiva inscrición no rexistro, o buque terá que cumpri-los seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do permiso de expolotación.

b) Que o buque estea dado de alta no Censo da Flota Pesqueira Operativa.

c) Que non se trate dunha embarcación irregular, conforme o disposto no artigo 5º.5 da presente orde.

d) Que teña o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º. Da formalización da inscrición.

1. Para a inscrición do buque no rexistro o armador ou propietario deberá cubri-lo impreso que figura como anexo I da presente orde e que presentará no rexistro xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, nos das súas delegacións territoriais ou comarcais, ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O impreso irá acompañado coas copias compulsadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI.

b) Documento de inscrición no Rexistro Mercantil actualizada ou certificación acreditativa desta inscrición.

c) Folla de asento do buque actualizada.

d) Rol de despachos no que respecta ós dos últimos anos cando non se trate de buques novos.

Artigo 4º.-Das modificacións na inscrición.

En caso de modificación dalgún dos datos que figuran no rexistro, o armador/a ou propietario/a do buque deberá comunica-la variación producida ó órgano competente na xestión do Rexistro de Buques. Esta comunicación será por escrito que irá acompañado coa documentación á que se refira a modificación nun prazo máximo de 30 días contados a partir da data da modificación.

Artigo 5º.-Das baixas no Rexistro de Buques.

1. Para efectos da actualización do Rexistro de Buques, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos procederá de oficio á baixa de tódalas embarcacións pesqueiras inscritas que acaden á condición definitiva de inoperativas, manifestamente irrecuperables, irregulares ou as que carezan de permiso de explotación.

2. Terán a consideración de embarcacións pesqueiras definitivamente inoperativas aquelas que por un período de sete anos continuados non foran des

pachadas para labores de pesca marítima ou auxiliares de pesca marítima ou de explotacións de acuicultura, conforme se establece nas normas de regulación do Censo da Flota Pesqueira Operativa.

3. Para tódolos efectos, estas embarcacións inoperativas, non poderán ser achegadas como baixas en proxectos de novas construccións nin modernizacións de embarcacións.

4. Son embarcacións irrecuperables aquelas en situación de desguazamento, afundimento, perda total por accidente, exportación ó estranxeiro, cambios de lista, asignación definitiva á conservación do patrimonio histórico ou asignación para a realización de actividades de investigación ou de formación pesqueira en organismos públicos ou análogos.

5. Teñen a consideración de embarcacións irregulares todas aquelas nas que o seu arqueo, potencia propulsora ou características principais non coincida co rexistrado na folla de asento.

6. As embarcacións que figuran nos anexos II e III, logo de comprobar que carecen do permiso de explotación expedido pola Xunta de Galicia, causarán baixa de oficio no Rexistro de Buques de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os titulares das embarcacións irregulares ás que se refire o artigo 5º.5 disporán dun prazo de tres meses desde a publicación desta orde para dirixirse ás delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e declara-la súa situación irregular. A partir da dita declaración iniciarase o procedemento de regularización da embarcación conforme a normativa en vigor.

Segunda.-Os titulares das embarcacións relacionadas no anexo III que faenan fóra das augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia, terán un prazo de catro meses para obte-lo permiso de explotación a partir do que serán dados de baixa no Rexistro de Buques conforme o sinalado no artigo 1.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada toda normativa de igual ou inferior rango que se opoña ó preceptuado nesta orde.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para que dicte as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2002.

Enrique C. López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA