Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 27 de maio de 2002 Páx. 7.658

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 180/2002, do 23 de maio, que modifica o Decreto 153/1989, do 27 de xullo, dos órganos rectores das caixas de aforro galegas.

As caixas de aforro, entidades financeiras de carácter social e natureza fundacional, agrupan nos seus órganos de goberno á pluralidade da sociedade na que actúan. Esta forte interacción entre os diferentes sectores sociais proporciona unha das claves do bo funcionamento destas entidades que contan na súa asemblea xeral con representación dos impositores, do persoal, das entidades fundadoras, no caso de habelas, das corporacións locais e das entidades de carácter cultural, científico, benéfico, cívico, económico ou profesional de recoñecido prestixio no seu ámbito territorial de actuación.

Respecto das corporacións locais, o artigo 27 a) da Lei 7/1985, do 17 de xullo, de caixas de aforro galegas, indica que para a designación dos conselleiros xerais en representación deste grupo terase en conta o principio de proporcionalidade conforme se determine regulamentariamente. O artigo 8 do Decreto 153/1989, do 27 de xullo, desenvolve o precepto legal antedito.

Malia o anterior, apréciase que este principio de proporcionalidade é susceptible de ser modificado e mellorado para acadar de mellor xeito o mandato contido na Lei 7/1985, do 17 de xullo, e abarca-la pluralidade social representada na composición democraticamente elixida das corporacións locais.

Por todo o anterior, considérase conveniente realizar algunha modificación que complete e mellore esa designación plural e proporcional do espectro social.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintetrés de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 8 do Decreto 153/1989, do 27 de xullo, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. Os conselleiros xerais representantes das corporacións locais serán designados directamente polas propias corporacións.

2. Cando a unha corporación local lle corresponda máis dun conselleiro xeral, a súa designación farase en proporción directa á importancia numérica das formacións políticas integrantes da corporación, debendo garantirse a designación de, alomenos, un

conselleiro xeral polas formacións políticas minoritarias. De producírense decimais, redondearase por defecto a asignación á cifra enteira, favorecendo os decimais, agrupados, á formación política que obtivera maior número de votos nas eleccións que deran lugar á composición da corporación; non obstante, no caso de que a suma dos decimais impliquen a asignación de máis dun conselleiro, o segundo corresponderalles ás restantes formacións políticas.

No suposto de que a unha corporación local lle correspondese un único conselleiro xeral, resultará elixido o que obteña a maioría dos votos dos membros do pleno.

3. As corporacións locais terán unha participación do 25% dos conselleiros xerais».

Artigo 2º

Modifícase o artigo 12 do Decreto 153/1989, do 27 de xullo, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. Os conselleiros xerais representantes da persoa ou entidade fundadora e das entidades de carácter cultural, científico, benéfico, cívico ou profesional de recoñecido prestixio serán designados directamente por elas segundo as súas normas de funcionamento.

2. Cando algunha das entidades fundadoras sexa deputación provincial ou o concello, elixirá os seus correspondentes representantes nos órganos de goberno conforme o procedemento establecido no artigo 8º deste decreto».

Disposición transitoria

Este decreto será de aplicación ás renovacións dos órganos de goberno das asembleas constitutivas que teñan lugar logo desta publicación.

Disposición derradeira

A entrada en vigor deste decreto producirase o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda