Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Mércores, 24 de xullo de 2002 Páx. 11.569

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 4/2002, do 25 de xuño, do estatuto da capitalidade da cidade de Santiago de Compostela.

A designación de Santiago de Compostela como sede das institucións autonómicas, pola Lei de Galicia 1/1982, do 24 de xuño, de fixación da sede das institucións autonómicas de Galicia, supuxo un fito que veu engadir á tradicional dinámica da cidade, determinada pola súa singularidade monumental, condición de capital espiritual e meta de peregrinos, cidade universitaria e símbolo de cultura, civilización e progreso, a necesidade de afrontar novos retos, particularmente en relación coa prestación de servicios públicos, así como coa implantación de dotacións e equipamentos, directamente determinados pola presencia das institucións autonómicas no termo municipal.

Cómpre poñer de manifesto a importante acción coordinada que, para a preservación e potenciación do papel que corresponde a esta urbe singular, veñen realizando as diferentes administracións públicas; acción que se materializa desde o ano 1992 a través do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela.

Partindo, por tanto, da anterior constatación, esta lei, pola que se dota a cidade de Santiago de Compostela dun estatuto especial de capitalidade, ten como obxecto, en primeiro lugar, a plasmación normativa expresa, o recoñecemento formal de Compostela como capital da Comunidade Autónoma, co que tal declaración significa no proceso de identificación de Galicia como pobo, completando a nivel normativo as determinacións contidas na Lei 1/1982, do 24 de xuño, de fixación da sede das institucións autonómicas de Galicia.

Este carácter emblemático que lle corresponde á cidade como capital de Galicia reflíctese tamén nos principios rectores da organización e funcionamento do Concello santiagués, reforzando a súa autonomía ó servicio dunha xestión administrativa eficaz, moderna e solidaria, cunha efectiva participación cidadá, e cunha opción decidida polo recoñecemento e a aplicación das novas técnicas e tecnoloxías que permita afronta-los retos da sociedade do novo milenio desde a tradición que Compostela representa.

Debe destacarse, igualmente, a creación pola lei dun órgano colexiado estable de relación entre as administracións autonómica e municipal, o Consello da Capitalidade, ó que se lle encomenda a adecuada coordinación das políticas respectivas naqueles aspectos que se consideren de interese concorrente das dúas administracións en relación co feito da capitalidade. A súa composición, así como o sistema de adopción de acordos, fan compatible o exercicio das competencias que esta lei lle atribúe a este órga

no co obrigado respecto ó principio de autonomía municipal.

Finalmente, o estatuto establece unha previsión de financiamento específico nos orzamentos da Comunidade Autónoma, en atención, precisamente, á condición de capital da Comunidade Autónoma, e sede das súas institucións, circunstancia que, como xa se dixo, implica a necesidade por parte de Santiago de Compostela de establecer unha serie de servicios para o sostemento dos cales se pretende contribuír con esta previsión.

Establécense, xa que logo, os mecanismos axeitados para o tratamento xurídico-administrativo e financeiro deste específico feito, a capitalidade, dotando a cidade de Santiago de Compostela dun estatuto especial, como, por outra banda, xa preveu o artigo 89.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei do estatuto da capitalidade da cidade de Santiago de Compostela.

Título I

Da cidade de Santiago de Compostela

Artigo 1.-Obxecto da lei.

Esta lei ten por obxecto regula-lo estatuto especial da cidade de Santiago de Compostela como sede das institucións autonómicas e polo seu recoñecemento como capital da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 89.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 2.-Capitalidade.

Santiago de Compostela é a capital de Galicia.

Artigo 3.-Réxime xurídico especial e símbolos.

1. A cidade de Santiago de Compostela gozará do réxime xurídico especial establecido por esta lei.

2. A Corporación municipal compostelá gozará da preeminencia honorífica e protocolaria que lle corresponda de acordo coas leis.

3. Como distintivo da capitalidade o escudo de Santiago de Compostela está conformado por dous cuarteis, o dereito coas armas de Galicia, cáliz con Sagrada Hostia con sete cruces periféricas; e o esquerdo co sepulcro do Apóstolo en mármore branco, con forma de arqueta sobre nubes, e no alto unha estrela de ouro radiante; sobre o escudo, a coroa dos Reis Católicos, por detrás, a Cruz Espada de Santiago.

4. A bandeira de Santiago de Compostela é de cor granate e leva bordado, no seu centro, o escudo.

5. A cidade de Santiago de Compostela ostentará os títulos concedidos en atención á súa historia e

tradición, e en concreto os de moi nobre, moi leal e fidelísima cidade de Santiago de Compostela.

6. O escudo e a bandeira de Santiago de Compostela poderán modificarse por acordo do Pleno da Corporación municipal, logo de informe da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Artigo 4.-Termo municipal.

O territorio do municipio está constituído polo actual termo municipal de Santiago de Compostela.

Artigo 5.-Réxime xurídico.

O Concello de Santiago de Compostela ten personalidade xurídica e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e réxese polo disposto na Lei de bases de réxime local, nesta lei, na Lei de Administración local de Galicia e nas normas que as desenvolvan.

Artigo 6.-Idioma.

1. O galego, lingua propia de Galicia, éo tamén do Concello de Santiago de Compostela.

2. O Concello de Santiago de Compostela debe normalizar e potencia-lo uso do galego no ámbito das súas competencias en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa.

3. O Concello de Santiago de Compostela, dentro do marco constitucional e estatutario, debe garantir que ninguén sexa discriminado por causa do uso das linguas galega ou castelá.

Título II

Organización, competencias e información

Artigo 7.-Principios xerais.

O Goberno municipal actúa de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, desconcentración e coordinación. Deben ser criterios esenciais da súa organización diferencia-las funcións deliberantes de ordenación, programación e control das executivas de goberno e administración e fomenta-la participación cidadá.

Artigo 8.-Órganos de corporación.

1. O goberno e a administración municipal de Santiago de Compostela correspóndenlle ó Concello, integrado polo alcalde e os concelleiros.

2. Os órganos de goberno do Concello de Santiago de Compostela son:

a) O Pleno municipal.

b) O alcalde.

c) Os tenentes de alcalde.

d) A Comisión de Goberno.

e) Os demais que estableza o Regulamento orgánico da corporación de acordo, en todo caso, coas disposicións legais vixentes en materia de réxime local.

3. As competencias e o funcionamento dos órganos do Concello de Santiago de Compostela axustaranse ó disposto na normativa de réxime local e no Regulamento orgánico da corporación.

Artigo 9.-Áreas de servicios.

1. De acordo co que estableza o Regulamento orgánico da corporación, o alcalde poderá crear áreas funcionais para a xestión daqueles servicios ou competencias que se estimen convenientes, baixo a dependencia dos órganos municipais que se establezan.

2. Á fronte de cada área poderá existir un xerente, nomeado e separado libremente polo alcalde, que exercerá as funcións que se lle atribúan no Regulamento orgánico.

Artigo 10.-Autonomía municipal.

Para a efectividade da autonomía garantida constitucionalmente e do réxime de capitalidade recoñecido nesta lei, así como para o cumprimento das finalidades establecidas no artigo 2 da Lei reguladora das bases de réxime local e na Carta europea de autonomía local, o municipio de Santiago de Compostela ostentará as competencias procedentes en atención ás características da súa actividade pública e capacidade de xestión.

Artigo 11.-Atribución competencial.

O Concello de Santiago de Compostela ten as competencias establecidas nesta lei e nas disposicións legais en materia de réxime local e poderá ostentar tamén aqueloutras que as demais administracións públicas poidan transferirlle ou delegarlle.

Artigo 12.-Información ós cidadáns.

1. Os cidadáns teñen dereito a ser informados das actividades municipais, a acceder ós arquivos públicos e a utilizar tódolos medios de información xeral que o Concello estableza mediante o uso de calquera das tecnoloxías ó servicio da comunicación, nos termos e condicións e co alcance que determinen a lexislación xeral sobre a materia, o Regulamento orgánico e as ordenanzas.

2. Co fin de asegura-la máxima participación, a información municipal pode realizarse das seguintes formas:

a) Información pública.

b) Información pública individualizada, que debe utilizarse nas actuacións urbanísticas de singular relevancia e noutros supostos que se establezan polo regulamento.

c) Consulta directa dos cidadáns, mediante sistemas telefónicos e telemáticos, das bases de datos, ficheiros e rexistros que o Concello dispoña abrir ó acceso público. O Concello debe regula-los efectos das comunicacións enviadas mediante correo electrónico.

3. Os veciños teñen dereito a ser informados dos resultados da xestión municipal. Co fin de facer efec

tivo este principio de transparencia, o Concello de Santiago de Compostela debe definir un conxunto de indicadores de actividade, custos, eficacia, eficiencia e calidade, e os seus valores deben ser publicados anualmente. Esta información difúndese polos medios e redes de comunicación para asegura-lo seu coñecemento xeral.

4. O Concello de Santiago de Compostela debe presta-lo servicio de acceso á información municipal e cidadá por sistemas telemáticos. Con esta finalidade, o Concello pode convir con outras administracións, organismos, institucións ou entidades nacionais ou internacionais a interconexión das distintas bases de datos. En calquera caso, debe especificarse qué información é propiamente municipal e cál é facilitada por outros organismos, persoas ou entidades.

5. No tratamento específico da información que se poña ó dispor de quen queira consultala e na determinación dos procedementos e protocolos de acceso, debe terse en conta a normativa que regula o carácter privado dos datos persoais.

6. O Concello de Santiago de Compostela adoptará as medidas pertinentes para que os procedementos que se inician por solicitude do interesado se tramiten en soporte informático, así como para que os cidadáns poidan coñece-lo estado de tramitación dos procedementos que os afecten e o acceso ós documentos e información que estean en tal soporte por conducto telemático ou informático. O anterior entenderase sen prexuízo das limitacións que as leis establecen no exercicio dos dereitos de acceso ós arquivos e rexistros administrativos.

Artigo 13.-Incorporación de medios técnicos nas relacións entre o Concello de Santiago de Compostela e os cidadáns.

1. O Concello de Santiago de Compostela impulsará o emprego e aplicación das técnicas e medios electrónicos e telemáticos, para o desenvolvemento da súa actividade e exercicio das súas competencias, coas limitacións que para a utilización destes medios establecen a Constitución e as leis.

2. Os cidadáns poderán presenta-las solicitudes, escritos e comunicacións dirixidas á Xunta de Galicia en calquera dos rexistros públicos dos órganos administrativos do Concello de Santiago de Compostela. Tamén poderán presentar nos rexistros dos órganos dependentes da Xunta de Galicia calquera escrito, solicitude ou comunicación dirixida ó Concello de Santiago de Compostela. As recíprocas obrigas de ámbalas dúas administracións para garanti-lo exercicio dese dereito dos cidadáns regularanse mediante o asinamento do correspondente convenio de colaboración.

3. Para a presentación de solicitudes, comunicacións ou escritos nos rexistros de órganos dependentes do Concello de Santiago de Compostela, cando vaian dirixidos á Administración do Estado, haberase que ater ó que resulte dos convenios de cola

boración que, se é o caso, se celebren entre ámbalas administracións.

4. O Concello de Santiago de Compostela poderá celebrar convenios de colaboración con entidades públicas ou privadas para facilita-la presentación de solicitudes, comunicacións ou escritos dirixidos ó Concello de Santiago de Compostela nas oficinas que as devanditas entidades teñan abertas ó público.

Artigo 14.-Cartas de servicios.

En relación cos servicios públicos de competencia municipal, e de conformidade co que estableza o correspondente regulamento da corporación, o Concello elaborará cartas de servicios nas que se establezan os dereitos dos cidadáns nas súas relacións coa Administración municipal, así como as concretas obrigas e responsabilidades que esta última asuma para garantir aqueles dereitos e mailos axeitados niveis de calidade na prestación dos correspondentes servicios.

Título III

Relacións interadministrativas e o Consello

da Capitalidade

Artigo 15.-Colaboración e cooperación.

1. As relacións de colaboración e cooperación entre o Concello de Santiago de Compostela e as demais administracións públicas rexeranse polo disposto na Lei de Administración local de Galicia, na lexislación que regula o procedemento administrativo e nas demais normas estatais ou autonómicas que resulten aplicables.

2. No que se refire ás relacións entre a Comunidade Autónoma e o Concello de Santiago de Compostela observarase, ademais, o establecido neste título.

Artigo 16.-O Consello da Capitalidade.

Créase o Consello da Capitalidade como órgano colexiado, de carácter permanente, que ten por obxecto a coordinación entre a Administración autonómica de Galicia e a Corporación municipal de Santiago de Compostela no que atinxe ás súas respectivas competencias e responsabilidades derivadas do feito da capitalidade.

Artigo 17.-Composición.

1. O Consello da Capitalidade estará composto por:

-O presidente da Xunta de Galicia.

-Os conselleiros con competencias nas seguintes materias: Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública; Xustiza, Interior e Relacións Laborais; Economía e Facenda; Cultura, Comunicación Social e Turismo; Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; e Educación e Ordenación Universitaria.

-O alcalde de Santiago de Compostela.

-Os concelleiros delegados das áreas de Presidencia, Casco Histórico, Economía, Cultura e Urbanismo.

-Os concelleiros designados polo Pleno, un por cada grupo municipal non representado na Comisión de Goberno, sempre que obtivera máis do 10% dos votos no correspondente proceso electoral.

A Presidencia do Consello correspóndelle ó presidente da Xunta e a Vicepresidencia, ó alcalde de Santiago de Compostela. Actuará como secretario o secretario xeral do Concello de Santiago de Compostela.

2. Por razón dos asuntos que se sometan á consideración do Consello da Capitalidade poderán incorporarse ás súas sesións como membros non permanentes os conselleiros competentes por razón da materia de que se trate e os concelleiros da área correspondente.

Artigo 18.-Réxime de funcionamento.

1. O Consello da Capitalidade aprobará o seu propio regulamento de funcionamento con observancia do establecido nesta lei, aplicándose supletoriamente as normas sobre funcionamento de órganos colexiados que establece a lexislación sobre réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

2. Os acordos do Consello adoptaranse por consenso, a través da posición manifestada polos titulares das dúas administracións nel representadas.

3. O Consello reunirase, cando menos, unha vez por ano e, en todo caso, antes da aprobación pola Xunta de Galicia do Proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma.

4. A convocatoria do Consello da Capitalidade efectuaraa o secretario, por orde do presidente, que igualmente fixará a orde do día das súas sesións.

5. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, procederá a convocatoria do Consello sempre que así sexa solicitado pola representación do Concello de Santiago de Compostela. A solicitude formularase por conducto da Alcaldía e nela expresaranse os asuntos que a motivan, que se incluirán na orde do día.

Artigo 19.-A Comisión Executiva.

1. O Consello dispoñerá dunha Comisión Executiva, presidida polo alcalde de Santiago de Compostela e da que formarán parte:

-Un representante, con rango de director xeral ou equivalente, designado por cada unha das consellerías con competencias en materia de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública; Xustiza, Interior e Relacións Laborais; Economía e Facenda; Cultura, Comunicación Social e Turismo; e Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Os concelleiros delegados das áreas de Presidencia, Casco Histórico, Economía, Cultura e Urbanismo.

-Os concelleiros designados polo Pleno, un por cada grupo municipal non representado na Comisión

de Goberno, sempre que obtivese máis do 10% dos votos no correspondente proceso electoral.

Será secretario da Comisión un letrado da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

2. Á Comisión Executiva poderanse incorporar, en razón das materias que se traten, como membros non permanentes, persoas representativas das institucións que compoñen o Consello designadas polo titular respectivo.

3. Á Comisión Executiva correspóndelle prepara-las sesións do Consello da Capitalidade, velar pola execución dos seus acordos e exercer cantas funcións lle sexan atribuídas polo Regulamento orgánico así como as que lle delegue o Consello da Capitalidade. Seralle de aplicación, no que a afecte, o réxime de funcionamento previsto no artigo 18.

Artigo 20.-Funcións do Consello da Capitalidade.

Ó Consello da Capitalidade correspóndenlle as seguintes funcións:

1. A adopción de acordos en relación coas materias que o Pleno do propio Consello declare de interese concorrente para a Administración autonómica e o Concello de Santiago de Compostela e que afecten as funcións que á cidade de Santiago de Compostela lle correspondan como capital de Galicia.

2. O estudio e valoración dos custos que para a cidade de Santiago de Compostela supón a súa condición de capital de Galicia e, se é o caso, a fixación dos instrumentos de compensación precisos.

Artigo 21.-Servicios e actuacións metropolitanas.

Para a prestación de servicios que esixan unha actuación conxunta ou coordinada do Concello de Santiago de Compostela e dos concellos limítrofes poderá constituírse un consorcio na forma e polo procedemento regulado na Lei de Administración local de Galicia. As iniciativas que con este fin se adopten haberán de lle ser comunicadas ó Consello da Capitalidade.

Artigo 22.-Patrimonio histórico-artístico de Santiago de Compostela.

1. A consellería competente en materia de patrimonio histórico-artístico e o Concello de Santiago de Compostela remitiranlle ó Consello da Capitalidade unha programación anual das actuacións tendentes á conservación e rehabilitación do patrimonio histórico e monumental da cidade de Santiago de Compostela.

2. A Administración autonómica e o Concello de Santiago de Compostela establecerán os mecanismos de colaboración e cooperación necesarios para determinar e financia-las políticas de recuperación urbana integral do casco histórico de Santiago de Compostela, así como dos contornos monumentais e espacios naturais de interese histórico-artístico do concello, nos que se indiquen os obxectivos que se pretenden alcanzar e os recursos comprometidos.

Artigo 23.-Territorio e urbanismo.

1. O Concello de Santiago de Compostela reservará nos plans xerais de ordenación municipal o solo necesario para lles dar resposta ás necesidades de localización de edificios de organismos públicos, ben sexan autonómicos, estatais ou internacionais, que desexen ter sedes permanentes en Galicia.

2. O Concello de Santiago de Compostela emitirá informe previo nos casos de deseño de grandes infraestructuras de comunicación que o afecten, de acordo co disposto na lexislación sectorial.

Artigo 24.-Seguridade pública.

1. O Concello de Santiago de Compostela velará pola seguridade pública nos actos protocolarios oficiais que se celebren na cidade, en colaboración e coordinación coas demais forzas de seguridade, nos termos previstos na Lei orgánica de corpos e forzas de seguridade.

2. No ámbito de aplicación desta lei e co fin de garanti-la seguridade por parte da policía local, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela asinarán os convenios de colaboración precisos no marco da Xunta Local de Seguridade, de acordo co disposto na Lei de coordinación de policías locais de Galicia.

Artigo 25.-Transporte.

A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela deberán establecer fórmulas de colaboración e cooperación no marco da Lei de coordinación de transportes por estrada para asegura-la prestación do transporte público no ámbito da área de Santiago de Compostela.

Artigo 26.-Turismo.

1. Para os efectos previstos na Lei de Administración local de Galicia e na Lei de ordenación do turismo de Galicia, Santiago de Compostela terá a condición de municipio turístico.

2. De acordo co artigo 91.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, poderanse establecer convenios entre a Administración autonómica e o Concello de Santiago de Compostela para a coordinación e apoio en materia de salubridade e espacios públicos, protección civil e seguridade cidadá, información, atención e promoción turística.

Artigo 27.-Relacións entre o Consello da Capitalidade e o Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela.

O Consello da Capitalidade coordinará as súas actuacións co Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, de conformidade co disposto nos seus estatutos.

Título IV

Réxime de financiamento

Artigo 28.-Financiamento da capitalidade.

A condición de capital de Galicia da cidade de Santiago de Compostela terá un apartado específico

nos orzamentos da Comunidade Autónoma. Para tal fin, antes da elaboración do Proxecto de lei de orzamentos, o Consello da Capitalidade poderá emiti-lo correspondente informe.

Disposición derradeira

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, veinticinco de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA