Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Martes, 18 de febreiro de 2003 Páx. 1.817

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 6 de febreiro de 2003 pola que se crea a Comisión Técnica Asesora sobre Equipamento en Diagnóstico pola Imaxe e Radioterapia.

A Consellería de Sanidade, no ámbito das súas competencias, vela polo cumprimento das normas básicas establecidas nas disposicións legais, regulamentarias e administrativas vixentes sobre todos e cada un dos aspectos relativos á adquisición de equipamento en áreas como o diagnóstico pola imaxe e a radioterapia.

Neste sentido, os reais decretos 1841/1997, do 5 de decembro, 1566/1998, do 17 de xullo e 1976/1999, do 23 de decembro, establecen os criterios de calidade en medicina nuclear, radioterapia e radiodiagnóstico para asegura-la optimización na obtención das imaxes e nos tratamentos e a protección radiolóxica do paciente nas unidades asistenciais de medicina nuclear, radioterapia e radiodiagnóstico, respectivamente. Os devanditos reais decretos recollen referencias sobre as características que deben cumprir certos equipos e do procedemento que hai que seguir na elaboración das especificacións técnicas para a adquisición do equipamento. Así mesmo, establecen a necesidade de adoptar medidas encamiñadas a evita-la proliferación innecesaria de equipos.

Por outra banda, a importancia cada vez maior que está a adquiri-la integración dos sistemas de información no ámbito sanitario fai imprescindible garanti-la correcta comunicación entre calquera equipo que se adquira nestas áreas e os sistemas informáticos corporativos.

Por todo isto, a Consellería de Sanidade precisa da incorporación do coñecemento específico na determinación das características técnicas, como paso previo á adquisición de novo equipamento, de xeito que se garanta a eficiencia da instalación, a integración cos sistemas de información e o cumprimento da lexislación sobre criterios de calidade e protección radiolóxica. Para isto establécese un mecanismo de consulta e informe previo no proceso de adquisición de equipos de diagnóstico pola imaxe e radioterapia.

Esta contribución técnica realízase mediante a creación dunha comisión asesora de expertos sobre equipamento en diagnóstico pola imaxe e radioterapia, polo que cómpre regula-las súas funcións, organización e funcionamento.

Polo tanto, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase a Comisión Técnica Asesora sobre Equipamento en Diagnóstico pola Imaxe e Radioterapia.

Artigo 2º.-Composición.

1. As áreas de especialización desta comisión son: o radiodiagnóstico, que inclúe a resonancia magnética e os ultrasóns, a medicina nuclear e radioterapia. A comisión componse de membros permanentes e de membros especialistas, nomeados polo pleno da comisión, cando a natureza do asunto requira a súa asistencia.

2. Membros permanentes:

a) Presidente: secretario xeral da Consellería de Sanidade.

b) Vicepresidente: subdirector xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento.

c) Secretario: xefe do Servicio de Informática.

d) Vocais:

-Un técnico de protección radiolóxica da Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento.

-Un técnico da División de Asistencia Sanitaria.

-Un técnico do Centro de Soporte Técnico.

-Un técnico de protección radiolóxica dun centro asistencial.

-Un técnico da área de electromedicina dun centro asistencial.

Tódolos membros permanentes serán designados polo secretario xeral da Consellería de Sanidade.

3. Especialistas nomeados polo pleno da comisión.

a) Tres especialistas na área de radiodiagnóstico.

b) Dous especialistas na área de medicina nuclear.

c) Especialistas na área de radioterapia: dous especialistas en oncoloxía radioterápica.

Artigo 3º.-Funcións.

1. A comisión ten as seguintes funcións:

a) Establecer e publica-los criterios técnicos en materia de garantía de calidade e de integración informática para a adquisición de equipamento de diagnóstico pola imaxe e radioterapia.

b) Asesorar en materia de planificación sanitaria na incorporación de novas técnicas de diagnóstico pola imaxe e radioterapia.

c) Asesorar co fin de evita-la multiplicación innecesaria das instalacións de radiodiagnóstico, radioterapia e medicina nuclear, aplicando os criterios de ordenación de recursos aprobados pola Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade e Consumo.

2. A finalidade da comisión é o asesoramento técnico sobre o equipamento utilizado en diagnóstico pola imaxe e radioterapia. Aplicaranse fundamentalmente criterios de integración cos sistemas de información e criterios de garantía de calidade e de adecuación á planificación sanitaria, para evita-la multiplicación innecesaria de instalacións radiolóxicas médicas. Todo isto realizarase sen prexuízo das

competencias correspondentes á Subcomisión de Informática Sanitaria, dependente da Comisión de Informática da Xunta de Galicia, a Comisión Asesora en materia de Garantía de Calidade en Radiodiagnóstico, a Comisión Asesora para a Implantación da Tomografía por Emisión de Positróns en Galicia, a Comisión Asesora para a Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias no ámbito do Consellería de Sanidade, ou calquera outra comisión relacionada co equipamento en diagnóstico pola imaxe e radioterapia.

Artigo 4º.-Funcionamento.

1. A comisión reunirase, mediante convocatoria do seu presidente, cada vez que se precise do seu asesoramento como paso previo á incorporación de novo equipamento de características non avaliadas previamente pola mesma no que se refire ó seu ámbito de actuación, e polo menos unha vez ó ano.

2. O presidente da comisión poderá dispoñer que, co obxecto de presta-lo adecuado asesoramento, asistan ás reunións da comisión as persoas que considere conveniente en función da natureza dos asuntos que haxa que tratar. Estas persoas participarán con voz e sen voto.

3. Para o non previsto nesta orde, a Comisión Técnica Asesora Sobre Equipamento en Diagnóstico pola Imaxe e Radioterapia rexerase no seu funcionamento polo disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 e pola Lei 24/2001.

Artigo 5º.-Duración.

Esta comisión funcionará mentres a Consellería de Sanidade precise do seu asesoramento para a incorporación do equipamento de diagnóstico pola imaxe e radioterapia ou para a mellora dos diferentes aspectos asociados a este.

Artigo 6º.-Grupos de traballo.

1. Por proposta desta comisión asesora pódense crear grupos de traballo dependentes dela, co fin de achegar respostas a obxectivos concretos, podendo coincidir un ou máis grupos no tempo. Estes grupos disolveranse unha vez que acaden os obxectivos para os que foron creados.

2. Cada un dos grupos de traballo que se constitúan estará formado polos profesionais das especialidades correspondentes que se considere oportuno, con relación ó tema específico que se trate. A súa composición é a seguinte:

a) Coordinador: facultativo especialista.

b) Vocais: un máximo de sete representantes da área de traballo.

Tódolos membros dos grupos de traballo serán designados polo presidente da comisión por proposta dela.

3. As funcións destes grupos de traballo son as seguintes:

a) Participar na confección, desenvolvemento, e revisión de informes que desde a comisión asesora se considere oportunos.

b) Elaboración de recomendacións e/ou documentos de consenso, obtidos a partir da evidencia científica dispoñible, o estado actual da técnica ou a realidade das unidades asistenciais.

c) Aqueloutras funcións da comisión que se consideren oportunas.

Artigo 7º.-Asesoramento.

Para o desenvolvemento das funcións da comisión, o presidente poderá solicita-la colaboración temporal doutros técnicos, que participarán como asesores mentres sexa preciso. Estes asesores poderán asistir ás sesións da comisión nas condicións fixadas no artigo 4.2º.

Disposicións adicionais

Primeira.-As adquisicións de equipamento de diagnóstico pola imaxe e radioterapia da Consellería de Sanidade, Sergas, fundacións sanitarias e unidades dependentes, deberán axustarse obrigatoriamente ós criterios técnicos en materia de garantía de calidade e de integración informática publicados pola comisión.

Segunda.-Os pregos de prescricións técnicas dos expedientes de contratación e as propostas de adquisición de equipamento de diagnóstico pola imaxe e radioterapia precisan dos informes favorables de adecuación ós criterios, emitidos polas unidades centrais responsables da protección radiolóxica e de informática. Quedan exceptuados aqueles expedientes que teñan a consideración de gasto menor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade para adopta-las medidas adecuadas en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2003

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade