Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 09 de maio de 2003 Páx. 5.839

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

DECRETO 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís.

A Constitución española, no artigo 39, relativo á familia e ós nenos, sinala no seu punto 4 que os nenos gozarán da protección prevista nos acordos internacionais que velan polos seus dereitos.

Neste sentido, a Convención dos Dereitos dos Nenos, do 20 de novembro de 1989, ratificada por España o 30 de novembro de 1990, dispón no seu artigo 30.1º que os estados partes recoñecen o dereito do neno ó descanso e ó esparexemento, ó xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade e a participar libremente na vida cultural e nas artes.

Pola súa parte, a resolución do Parlamento Europeo sobre a Carta Europea dos Dereitos do Neno de 1992, refírese ó dereito de todo neno ó ocio, ó xogo e á

participación voluntaria en actividades deportivas. Deberá, así mesmo, poder desfrutar de actividades sociais, culturais e artísticas.

A Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código Civil e da Lei de axuizamento civil, establece no artigo 3 que os menores gozarán dos dereitos que lles recoñece a Constitución e os tratados internacionais dos que España sexa parte, especialmente a Convención dos Dereitos do Neno das Nacións Unidas e os demais dereitos garantidos polo ordenamento xurídico, e no artigo 11, ó referirse ós principios rectores da acción administrativa en relación cos menores de idade, sinala que as administracións públicas deberán ter en conta as necesidades do menor ó exerce-las súas competencias, especialmente en materia de control, entre outros, sobre os espacios libres nas cidades, e terán particularmente en conta a adecuada regulación e supervisión daqueles espacios nos que permanecen habitualmente nenos e nenas, no que se refire ás súas condicións físico-ambientais, hixiénico-sanitarias e demais condicións que contribúan a asegura-los seus

dereitos.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, aprobada polo Parlamento de Galicia en exercicio da competencia exclusiva que en materia de asistencia social lle atribúe o artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia, establece no seu artigo 7 que tódolos membros da familia gozarán da tutela xurídica dos dereitos individuais e colectivos recoñecidos pola Constitución e os pactos e acordos internacionais ratificados polo Estado español e demais recoñecidos polo resto do ordenamento xurídico. En particular, a infancia e a adolescencia gozarán dos que proclama a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno de 1989 sen discriminación ningunha por circunstancias persoais, familiares ou sociais.

O Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica e competencias da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, atribúelle a esta consellería a xestión da política autonómica en materia de acción social no sector da familia, a infancia e os menores.

As normas de seguridade en parques infantís en Galicia estaban recollidas no Decreto 306/1997, do 23 de outubro, normativa que tivo un carácter pioneiro na regulación desta materia no conxunto do Estado.

Desde a entrada en vigor do citado decreto producíronse cambios importantes tanto a nivel de regulamentación técnica a nivel europeo, como da concienciación e consecuente renovación dos equipamentos dos parques infantís, impulsados sen dúbida polo prazo de adaptación que se concedía para a adecuación á anterior normativa.

Todo isto facía recomendable que se dera un paso máis na protección dos menores no seu tempo de ocio e espallamento no marco das recomendacións técnicas do Comité Europeo de Normalización

(CEN), que entre os anos 1998 e 1999 desenvolveu diferentes normas UNE, en concreto a UNE-EN 1176 e UNE-EN 1177, relativas á seguridade nos equipamentos e instalacións das áreas de xogo, facéndose precisa a modificación da actual normativa de xeito que as recomendación técnicas voluntarias se adopten de xeito obrigatorio no marco da comunidade.

Por todo o que antecede, e por proposta da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, en virtude das competencias que ten atribuídas polo Decreto 195/2003, do 20 de marzo logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vintecatro de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto ten por obxecto regula-las normas mínimas de seguridade e prevención de accidentes que deben de reuni-los parques infantís e áreas de xogo para a infancia, así como os seus equipamentos e elementos de xogo.

2. As disposicións deste decreto serán de aplicación tanto ás instalacións de titularidade pública como ás de titularidade privada, sempre que, neste último caso, estean destinadas ó uso público ou comunitario.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

-Parques infantís: os espacios ó aire libre que conteñan equipamento destinado especificamente para o xogo de menores e que non sexan obxecto dunha regulación específica.

-Bambáns: é o equipo móbil onde o peso do usuario é soportado por unha unión rotatoria ou articulación.

-Tobogáns: é unha estructura con superficie sobre a cal o usuario pode escorregar nun percorrido definido.

-Balancíns: un balancín ou equipo de balanceo é aquel onde o usuario pode poñer en movemento o elemento a partir da existencia dun compoñente na base que permita a oscilación.

-Tirolinas: é un elemento dun parque infantil no cal os nenos se desprazan ó longo dun cable por acción da gravidade.

-Carruseis: un carrusel defínese como un equipamento de área de xogo cun ou máis emprazamentos para usuarios, que rota arredor dun eixe vertical ou inclinado cun ángulo máximo de 5º.

Capítulo II

Requisitos xerais dos parques infantís

Artigo 3º.-Situación.

1. Os parques infantís deberán estar situados en zonas onde os posibles riscos para os usuarios sexan

mínimos, evitando a elevada contaminación atmosférica e acústica, a proximidade de tendidos eléctricos aéreos e/ou subterráneos, ou vertedoiros ou canalizacións de auga de gran capacidade.

2. As superficies previstas para o xogo deberán estar debidamente acoutadas dun xeito seguro e separadas do tráfico rodado, ben mediante un distanciamento mínimo de 30 metros ou ben a través da súa separación por medios naturais ou artificiais que protexan os menores do perigo derivado do seu acceso inmediato á calzada.

Artigo 4º.-Accesibilidade e uso.

1. Os parques infantís serán accesibles para os menores discapacitados segundo o establecido na Lei 8/1997, do 8 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 166, do 29 de agosto), tratándose de integrar posibilidades de xogo adaptadas para estas persoas.

2. Os parques infantís poderán dispoñer de áreas de xogo reservadas a menores comprendidos en diversos tramos de idade. Os menores de tres anos deberán estar acompañados constantemente por un adulto que se faga responsable do seu coidado e atención.

3. Os maiores de idade non poderán usa-los elementos de xogo integrantes dos parques infantís.

4. Estará prohibida a entrada de bicicletas, patinetes e outros elementos de xogo con velocidade susceptible de ocasionar danos persoais. Deberanse adecuar circuítos independentes para estas actividades noutras áreas. Queda así mesmo prohibida a circulación de calquera vehículo de motor nos parques infantís.

5. Estará prohibido o acceso de animais ás áreas de xogo. Esta condición sinalizarase adecuadamente no acceso á zona de xogo ou, no seu defecto, no recinto que albergue a citada área.

Artigo 5º.-Elementos auxiliares.

1. Os elementos auxiliares, tales como valos, papeleiras, aparcabicicletas e asentos que estean colocados no interior da área de xogo deberán de cumpri-los requisitos referidos ó atrapamento, saíntes e esquinas contidos nos puntos 4.2.5 e 4.2.7 da Norma UNE-EN 1176-1:1999, así como os requisitos de estabilidade estructural contidos no punto 4.2.2 da citada norma.

2. As fontes e xogos de auga deben dispoñer sempre de auga potable. Se outros elementos naturais ou ornamentais da área de xogo non dispoñen desta, debe indicarse cun cartel ou dispositivo similar claramente visible.

Artigo 6º.-Sinalización.

1. Nos parques infantís figurarán, de forma facilmente lexible, carteis que conteñan, alomenos, as seguintes indicacións:

a) A situación do teléfono público máis próximo.

b) A localización do centro sanitario máis próximo e a indicación do número de teléfono das urxencias sanitarias, en caso de accidente.

c) O número de teléfono do servicio encargado do mantemento e reparación de desperfectos do parque infantil.

d) A prohibición de circulación de vehículos de motor e a limitación de uso de bicicletas, patinetes e similares.

e) A prohibición de uso dos xogos ós maiores de idade.

f) A prohibición de acceso de animais ós parques infantís.

g) A recomendación de uso dos xogos por tramos de idade.

h) A obriga de que os menores de tres anos estean constantemente acompañados e supervisados por un adulto na área de xogo infantil.

2. As indicacións contidas nas letras a) e c) do punto anterior poderán vir referidas, no caso das comunidades de propietarios, a algún representante ou membro destas.

Capítulo III

Requisitos xerais dos elementos de xogo

Artigo 7º.-Seguridade.

1. Dimensións: os elementos de xogo integrantes dos parques infantís deben ter unhas dimensións adecuadas ós menores os que estean destinados, favorecendo o seu desenvolvemento evolutivo e potenciando a súa psicomotricidade, os procesos de socialización, integración e respecto cara ó medio ambiente.

2. Especificacións técnicas: os equipamentos e elementos de xogo nos parques infantís e áreas de xogo para a infancia deberán cumpri-las especificacións técnicas sobre normas de seguridade previstas nas normas relacionadas no anexo a este decreto para cada tipo de elemento, poñéndose especial coidado nos aspectos relativos a:

Primeiro: materiais. Esixirase unha coidada fabricación e tratamento dos materiais. En concreto, terase en consideración o contido do punto 4.1 da Norma UNE-EN 1176-1:1999 no relativo á:

I. Inflamabilidade.

II. Madeiras e productos asociados.

III. Metais.

IV. Materiais sintéticos.

V. Substancias perigosas.

Segundo: deseño e fabricación. Os equipos estarán deseñados de forma que o risco relacionado co xogo sexa apreciable e predicible polos nenos. Para iso terase en consideración o contido do punto 4.2 da

Norma UNE-EN 1176-1:1999 no relativo ós seguintes aspectos:

I. Á integridade estructural.

II. Proteccións contra caídas das distintas partes dos equipos.

III. Acabados dos equipos.

IV. Elementos móbiles.

V. Protección contra atrapamentos da cabeza e do pescozo.

VI. Zonas e espacios mínimos de seguridade.

VII. Medios de acceso.

VIII. Cordas e cables.

IX. Cadeas.

X. Cimentacións.

Terceiro: a superficie sobre a que poidan cae-los menores no uso dos elementos de xogo (superficie de impacto) será de materiais brandos, de tal xeito que permitan a adecuada absorción de impactos e amortezan os golpes. Aqueles materiais que non teñan unhas propiedades de amortecemento do impacto significativas deberán empregarse unicamente fóra da superficie de impacto.

Cuarto: os revestimentos deberán estar libres de arestas vivas ou relevos saíntes perigosos.

Baixo tódolos equipamentos dunha área de xogo que teñan unha altura de caída libre superior ós 600 mm, deberase instalar un revestimento amortecedor do impacto na totalidade da superficie de impacto.

En todo caso será de aplicación a Norma UNE-EN 1177:1998 «Revestimentos das superficies das áreas de xogo absorbedores de impactos. Requisitos de seguridade e métodos de ensaio».

Artigo 8º.-Marcaxe.

Os equipos deberán marcarse de forma lexible e permanente con alomenos a seguinte información:

-Nome e enderezo do fabricante representante autorizado.

-Referencia do equipo e ano de fabricación.

-Marca da liña de chan.

-O número e a data da norma de referencia.

Capítulo III

Requisitos específicos de cada elemento de xogo

Artigo 9º.-Bambáns.

1. Tipos: bambáns con un eixe de rotación, bambán con varios eixes de rotación, bambán cun punto de fixación.

2. Requisitos xerais:

-Non deberán empregarse elementos de suspensión totalmente ríxidos, é dicir, barras metálicas. Deberán empregarse cadeas ou cordas.

-Non deben apreciarse roturas, deformacións ou cambios de dimensións apreciables visualmente nin en asentos, nin en plataformas ou estructuras.

-Se se trata dun bambán de máis de dous asentos, deberá existir un elemento constructivo denominado interbambán, de forma que non haxa máis de dous asentos por espacio interbambán. Con isto evítase que o neno non poida correr a través da zona do bambán cando este está en uso.

-A distancia lateral mínima do bambán a un cerramento tipo valo ou similar deberá ser de 1,5 m.

3. Independentemente do sinalado no parágrafo 2 do artigo 7º deste decreto, os bambáns deberán cumpri-las especificacións técnicas previstas na Norma UNE-EN 1176-2:1999 «Requisitos de seguridade específicos adicionais e métodos de ensaio para bambáns».

Artigo 10º.-Tobogáns.

1. Tipos: tobogán ondulado, en pendente, combinado, helicoidal ou curvado, autoportante, túnel, túnel combinado.

2. Requisitos xerais:

-Os tobogáns e os medios de acceso á sección de inicio deberán estar deseñados de forma que eviten o atrapamento das roupas.

-Eliminarase calquera posibilidade de causa de lesións, motivada pola alteración dos materiais que compoñen o tobogán, debida ó uso excesivo, ó desgaste dos elementos ou a deterioracións derivadas de axentes atmosféricos ou climatolóxicos.

3. Independentemente do sinalado no parágrafo 2 do artigo 7º deste decreto, os tobogáns deberán cumpri-las especificacións técnicas previstas na Norma UNE-EN 1176-3:1999 «Requisitos de seguridade específicos adicionais e métodos de ensaio para tobogáns».

Artigo 11º.-Balancíns.

1. Tipos de balancíns: balancín axial, balancín de punto único en equipo oscilante, balancín multipunto en equipo oscilante e balancín oscilante.

2. Requisitos xerais:

-Son os definidos na seguinte táboa tanto polo tipo de balancín como polas alturas libres de caídas e pendentes.

TipoAltura libre

de caída máxima

Pendente máxima

asentos/plataforma

Axial1.500 mm20º

Oscilante de punto único1.000 mm30º

Multipunto1.000 mm30º

Oscilante1.500 mm20º

-Complementariamente, na táboa seguinte indícanse as alturas das plataformas, espacio libre ata o chan e a necesidade de instalar uns repousapés.

TipoAltura máxima de/plataformasEspacio libre ata o chan (1)Repousapés

Axial1.000 mm230 mm como mínimoOpcional

Oscilante de punto únicoa) Dirección de movemento predeterminada. 550 mmOpcionalRequirido

b) Multidireccional. 780 mm230 mm como mínimoOpcional

Multipuntoa) Dirección principal de movemento predeterminada. 550 mmOpcionalRequirido

b) Multidireccional. 780 mm230 mm como mínimoOpcional

Oscilante1.000 mm230 mm como mínimoRequirido

(1) Non requirido con amortecemento

-Para evita-lo posible esmagamento do usuario entre o chan e o equipo, debe existir un espacio libre ó chan de 239 mm como mínimo. Os elementos de soporte oscilante (espirais na base) non deberán comprimirse máis dun 5%, evitando así posibles beliscos e esmagamentos nos pés e nas mans.

-O movemento basculante non debe ser brusco e debe de poder ralentizarse no punto estremo do percorrido, evitando así un efecto de resorte que puidera facer perde-la estabilidade ó usuario, e incluso saír despedido polo aire ante unha carga ou peso brusco que se producira no punto estremo.

3. Independentemente do sinalado no parágrafo 2 do artigo 7º deste decreto, os balancíns deberán cumpri-las especificacións técnicas previstas na Norma UNE-EN 1176-6:1999 «Requisitos de seguridade específicos adicionais e métodos de ensaio para balancíns».

Artigo 12º.-Tirolinas.

Independentemente do sinalado no parágrafo 2 do artigo 7º deste decreto, as tirolinas deberán cumpri-las especificacións técnicas previstas na Norma UNE-EN 1176-4:1999 «Requisitos de seguridade específicos adicionais e métodos de ensaio para tirolinas».

Artigo 13º.-Carruseis.

1. Tipos: carrusel clásico, setas rotatorias e deslizadores colgantes, de percorrido prefixado e disco rotatorio xigante.

2. Requisitos xerais:

-A altura libre de caída non pode exceder dun metro en ningún punto.

-Para a definición de cotas mínimas terase en conta a existencia dunha forza centrífuga producida polo movemento xiratorio circular, por iso esixiranse 2 metros desde o punto máis estremo da plataforma ou soporte e, para os espacios libres de cabeza, tamén 2 metros por enriba da altura máxima do carrusel.

3. Independentemente do sinalado no parágrafo 2 do artigo 7º deste decreto, os carruseis deberán cum

pri-las especificacións técnicas previstas na Norma UNE-EN 1176-5:1999 «Requisitos de seguridade específicos adicionais e métodos de ensaio para carruseis».

Capítulo IV

Obrigas dos titulares de parques infantís

Artigo 14º.-Mantemento e conservación.

Os titulares dos parques infantís serán responsables do seu mantemento e conservación, debendo realizar inspeccións e revisións anuais por técnicos competentes e con formación acreditada. En todo caso, será de aplicación a Norma UNE-EN 1176-7:1998 na que se definen os requisitos para a instalación, inspección, mantemento e utilización.

Disposición transitoria

Período de adecuación. Os parques infantís existentes á entrada en vigor deste decreto disporán dun prazo de cinco anos para a súa adecuación ás disposicións previstas neste.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 306/1997, do 23 de outubro, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado

ANEXO

Relación de normas UNE

Código: UNE-EN 1176-1:1999. Título: equipamento das áreas de xogo. Parte 1: requisitos xerais de seguridade e métodos de ensaio. Publicación: BOE nº 112, do 11-5-1999.

Código: UNE-EN 1176-2:1999. Título: equipamento das áreas de xogo. Parte 2: requisitos de seguridade específicos adicionais e métodos de ensaio para bambáns. Publicación: BOE nº 142, do 15-6-1999.

Código: UNE-EN 1176-3:1999. Título: equipamento das áreas de xogo. Parte 3: requisitos de seguridade específicos adicionais e métodos de ensaio para tobogáns. Publicación: BOE nº 142, do 15-6-1999.

Código: UNE-EN 1176-4:1999. Título: equipamento das áreas de xogo. Parte 4: requisitos de seguridade e métodos de ensaio complementarios específicos para tirolinas. Publicación: BOE nº 142, do 15-6-1999.

Código: UNE-EN 1176-5:1999. Título: equipamento das áreas de xogo. Parte 5: requisitos de seguridade e métodos de ensaio complementarios específicos para carruseis. Publicación: BOE nº 197, do 18-8-1999.

Código: UNE-EN 1176-6:1999. Título: equipamento das áreas de xogo. Parte 6: requisitos de seguridade e métodos de ensaio complementarios específicos para balancíns. Publicación: BOE nº 142, do 15-6-1999.

Código: UNE-EN 1176-7:1998. Título: equipamento das áreas de xogo. Parte 7: guía para a instalación, inspección, mantemento e utilización. Publicación: BOE nº 167, do 14-7-1998.

Código: UNE-EN 1177:1998. Título: revestimento das superficies das áreas de xogo absorbentes de impactos. Requisitos de seguridade e métodos de ensaio. Publicación: BOE nº 187, do 6-8-1998.