Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 9 de maio de 2011 Páx. 8175

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 12 de abril de 2011 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a concellos e mancomunidades de municipios enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 4.2, en termos análogos a como o fai o artigo 9.2 da Constitución española, a obriga dos poderes públicos de Galicia de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impiden ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

O Decreto 335/2009, do 11 xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar dispón no seu artigo 35, número 1.d), que corresponde á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a xestión, en coordinación coa Secretaría Xeral de Familia e Benestar, das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento do Plan Galego de Fomento e Promoción da Acción Voluntaria, a xestión do sistema de rexistro autonómico das entidades de acción voluntaria e todas aquelas que correspondan segundo o disposto na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

A Consellería de Traballo e Benestar considera de máximo interese, por tanto, colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado; actuacións que necesariamente deberán influír no desenvolvemento comunitario.

Esta convocatoria tramítase de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no capítulo II do título preliminar da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e no establecido na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a Lei 2/2007, do 28 de marzo e a Lei 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a concellos e mancomunidades de municipios no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2011. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e aos concellos e mancomunidades de municipios inscritos no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia a mozos e mozas galegos/as para a súa colaboración como voluntarias/os na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas prioritarias a que se refire o parágrafo 3 deste artigo.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

3. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e concellos e mancomunidades de municipios sempre que a dita acción voluntaria se desenvolva por mozos/as de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nalgunha das seguintes áreas:

–Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

–Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

–Actividades con colectivos en situación de risco.

–Actividades xuvenís.

–Actividades ambientais.

–Actividades relacionadas co Ano Europeo do Voluntariado.

–Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

4. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre os 15 días e os dous meses.

5. Os proxectos de acción voluntaria deberán contar cunha descrición exhaustiva deles así como do número de persoas voluntarias con que se conta para a súa realización e a participación destas no desenvolvemento dos proxectos.

6. Non se subvencionarán máis de tres persoas voluntarias por proxecto, que deberán manter a súa acción voluntaria durante toda a duración deste. Ao finalizar os proxectos, as persoas voluntarias que participasen neles poderán obter da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida.

Artigo 2. Beneficiarias/os.

As/os beneficiarias/os das axudas serán as entidades de acción voluntaria e os concellos e mancomunidades de municipios que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro, e que se desenvolvan dentro das áreas de actuación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

No caso de que a solicitude a presentase unha mancomunidade de municipios conxuntamente con todos ou algún dos concellos que forman parte dela, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo proxecto.

Artigo 3. Requisitos das/os beneficiarias/os.

1. Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:

–Que as entidades de acción voluntaria e os concellos e mancomunidades de municipios estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

–Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarias ou voluntarios.

–Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, para o ano en curso e na data de presentación da solicitude, que irá acompañada das copias compulsadas das pólizas correspondentes e dos xustificantes de pagamento.

2. Polo contrario, non poderán solicitar axuda aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 números 2,3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10, números 2, 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

4. As entidades que soliciten axudas ao abeiro desta orde de convocatoria non poderán presentar outra solicitude para o mesmo proxecto ao abeiro das ordes dirixidas a entidades de acción voluntaria e a concellos e mancomunidades de municipios para o fomento e a realización de actividades de voluntariado.

Artigo 4. Crédito total.

As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 12.07.312F.460.0, por un importe de trinta e tres mil oitocentos cincuenta euros (33.850 €), para concellos e mancomunidades de municipios, e con cargo á aplicación orzamentaria 12.07.312F.481.0, por un importe de cincuenta e catro mil setecentos oitenta e seis con sesenta e sete euros (54.786,67 €) para entidades de acción voluntaria, segundo o establecido na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Artigo 5. Conceptos subvencionables.

1. Serán conceptos subvencionables os custos orixinados pola participación dos mozos e mozas voluntarias/o nos proxectos de acción voluntaria de acordo co artigo 14.g da Lei 3/2000, do 22 de decembro (manutención, transporte e seguro).

2. Os gastos das persoas voluntarias derivados do desenvolvemento da súa acción voluntaria subvencionaranse á entidade a razón de 10 euros por voluntario e día, dos cales 8 euros diarios serán entregados pola entidade ás persoas voluntarias para cubrir os custos de desprazamento e manutención, mentres que os 2 euros restantes os empregará a entidade para cubrir os seguros de accidentes e de responsabilidade civil das persoas voluntarias.

Artigo 6. Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

As solicitudes deberán dirixirse á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e poden presentarse, xunto coa documentación preceptiva, na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou a través de calquera das formas establecidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Se o expediente se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que a solicitude sexa datada e selada pola/o funcionaria/o de correos antes de proceder á súa certificación.

3. As solicitudes cubertas segundo o modelo do anexo I presentaranse xunto coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada do DNI do representante legal da entidade, no caso de que este non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade.

b) Copia compulsada do CIF da entidade.

c) Certificación orixinal dunha entidade bancaria da conta da entidade onde se fará o ingreso da subvención.

d) Certificación expedida polo secretario da entidade co visto e prace do representante legal (anexo II) que recolla: o acordo do órgano que teña asumida a competencia en virtude da cal se solicita a subvención, a acreditación da persoa que teña o cargo de representante legal, así como o conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como os fondos propios que achega a entidade.

e) Proxecto, tal e como se recolle no anexo III; só se admitirá un proxecto por entidade. O proxecto irá acompañado dunha relación nominal de todas as persoas voluntarias coas cales se pretende executar este, así como dos correspondentes compromisos de colaboración das persoas voluntarias coas entidades.

f) Copia compulsada da póliza en vigor do seguro de responsabilidade civil, e do seu xustificante de pagamento, de todo o persoal voluntario que participe no proxecto.

g) Copia compulsada da póliza en vigor do seguro de accidentes, e do seu xustificante de pagamento, de todo o persoal voluntario que participe no proxecto.

4. No caso de que algún dos documentos relacionados nas alíneas a), b), e c) xa fora presentado na administración, cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda, quedará este exento de presentación, sempre que así se faga constar xunto co expediente para o que foi presentado.

5. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou os demais previstos na lexislación aplicable, o interesado será requirido para que, no prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

Artigo 7. Instrución e resolución.

1. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que estará composta polos seguintes membros:

Presidenta/e: subdirectora/or xeral de Voluntariado e Participación.

Secretario: unha/un funcionaria/o da Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación que participará con voz pero sen voto.

Vogais: a/o xefa/o de Servizo de Voluntariado e dous técnicos da Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación.

3. A dita comisión poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

4. As solicitudes admitidas remitiránselle á comisión de valoración para que, unha vez avaliadas, proceda a propor a concesión ou denegación das axudas seguindo os criterios de valoración establecidos no artigo 8 desta orde.

5. A comisión proporá a contía das axudas correspondentes a cada entidade, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. A concesión da axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para acceder á axuda requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos de acordo cos criterios de valoración do artigo 8.

Artigo 8. Criterios de valoración.

A valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo 7.

No devandito procedemento teranse en conta os seguintes criterios:

a) Coherencia xeral do proxecto (ata 35 puntos).

–Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberanse acreditar os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de beneficiarias/os e voluntarias/os que van participar no proxecto.

–Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade.

–Secuencia lóxica da intervención: situación de que se parte e a onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, con que se conta e os que terán que incrementar.

–Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

b) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na comunidade autónoma galega previndo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da/o responsable de voluntariado (ata 15 puntos).

c) Capacidade económica da entidade (ata 15 puntos):

–Se a entidade xestionou con anterioridade algún proxecto de igual ou superior contía ao que presenta.

–Achega financeira da entidade ao proxecto.

–Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de carácter privado.

d) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 15 puntos).

e) Proxecto conxunto con outras entidades (ata 15 puntos).

f) Garantir o uso do galego na presentación do proxecto a esta Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación. Así mesmo, facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativas á actividade subvencionada (ata 5 puntos).

Artigo 9. Resolución.

1. Analizadas as solicitudes pola Comisión de Valoración, esta levantará acta na cal se recollerá a proposta de resolución para a súa elevación ao director xeral de Xuventude e Voluntariado, quen resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

2. O director xeral de Xuventude e Voluntariado resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, que se considerarán ditadas polo órgano delegante.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Se a resolución non foi notificada aos interesados no prazo ao que se refire o punto anterior, poderá entenderse desestimada a solicitude de concesión da subvención por silencio administrativo.

5. Notificada a resolución polo órgano concedente, a/o beneficiaria/o disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada tal como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra ela cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de notificación da resolución, se esta é expresa, ou no de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se non o é.

Artigo 11. Xustificación da axuda concedida.

1. Unha vez notificada a resolución de concesión da axuda os beneficiarios procederán, antes do 15 de outubro de 2011, á xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola comisión. Para isto, o beneficiario deberá presentar na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, a seguinte documentación por duplicado:

1.1. Certificación expedida pola/o secretaria/o da entidade co visto e prace da/o representante legal (anexo IV), na cal se farán constar:

a) O orzamento total do proxecto segundo a solicitude (en cifras e letra).

b) O importe da subvención concedida (en cifras e letra).

c) Os fondos propios da entidade (en cifras e letra).

d) O conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

e) A relación de actividades realizadas de acordo co proxecto presentado.

f) O cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención.

1.2. Unha memoria descritiva das actividades realizadas de acordo co proxecto presentado.

2. No caso de concellos e mancomunidades de municipios, unha certificación expedida polo secretario da entidade co visto e prace do representante legal dos gasto totais realizados e efectivamente pagados para o cumprimento do proxecto subvencionado.

3. No caso de entidades de acción voluntaria, a xustificación dos gastos realizarase do seguinte xeito:

–En canto ao persoal voluntario, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias compulsadas dos recibos xustificativos dos gastos ocasionados pola acción do seu voluntariado, en que constará o concepto ao cal se imputa o gasto (transporte, manutención), os datos persoais identificativos da persoa voluntaria, así como a confirmación por esta da súa recepción.

–En canto aos fondos propios, a entidade deberá acreditar na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos á actividade subvencionada.

4. Os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos. No caso de que a/o beneficiaria/o non os remita dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 12. Concorrencia de subvencións públicas e modificación da resolución.

1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Pagamento da axuda.

O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobada polo órgano concedente a xustificación presentada polo beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxectivo ou adopción do comportamento para o cal se concedeu, e o cumprimento dos demais requisitos fixados na normativa reguladora da subvención. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento total do proxecto presentado coa solicitude, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe, de acordo co artigo 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Non obstante, poderán realizarse pagamentos á conta que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e que se aboarán pola contía equivalente á xustificación presentada e ata o máximo do 50% da subvención concedida. O pagamento restante terá lugar no momento da completa xustificación por parte do beneficiario da finalidade e demais condicións para as cales se lle outorgou a subvención. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria e os concellos e mancomunidades de municipios quedan exonerados da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

Artigo 14. Pagamentos anticipados.

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 80% da subvención concedida. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria e os concellos e mancomunidades de municipios quedan exonerados da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

2. O importe conxunto dos pagamento á conta e dos pagamentos anticipados que, se for o caso, se concedesen, non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades de acción voluntaria que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión de subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.

c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios.

d) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita, á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Artigo 16. Fiscalización e control.

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 17. Reintegro das axudas ou subvencións.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

–Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

–Incumprimento total ou parcial do proxecto obxecto de subvención.

–Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e nesta orde.

–Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión.

–Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ao cumprimento do obxectivo, á regularidade das actividades e á concorrencia doutras axudas.

–Incumprimento das obrigas impostas pola Administración aos beneficiarios cando derive a imposibilidade de conseguir o obxecto, sempre que afecten o modo en que se conseguen os obxectivos, ou cando do incumprimento derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou ao cumprimento do obxecto.

De acordo co disposto no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 18. Publicidade.

1. Unha vez ultimada a concesión das axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, a entidade beneficiaria, a contía e a finalidade da subvención, de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, publicarase na páxina web da Xunta de Galicia e no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios da Xunta de Galicia a concesión e indicarase a relación de beneficiarios e o importe das axudas, ao abeiro do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Disposicións adicionais

Primeira. Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Xuventude e Voluntariado para desenvolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer o gasto, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda. Poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de conformidade cos artigos 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011.

Terceira. Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normas de aplicación.

Cuarta. Coa presentación da solicitude (anexo I) a/o beneficiaria/o dá a súa conformidade a que os datos facilitados para concesión da subvención figuren no Rexistro Público de Subvencións, coas excepcións do artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.

A relación de beneficiarios será publicada no Diario Oficial de Galicia, na páxina web e no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios da Xunta de Galicia, en cumprimento do disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no Decreto 132/2006, do 26 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposicións derradeiras

Primeira. Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file