Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 10 de maio de 2011 Páx. 8633

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2011, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames teóricos e prácticos para a obtención de titulacións para o goberno de embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co establecido na orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 8 de xaneiro de 2009, pola que se establecen as condicións e regulan os requisitos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia publicada no DOG n.º 11, do 16 de febreiro de 2008, e no Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, polo que se actualizan as medidas de seguridade na utilización das motos náuticas.

Esta dirección xeral no uso das facultades que lle confire o Decreto 312/2009, do 17 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar, convoca exames teóricos e prácticos ordinarios para a obtención de títulos de patrón para a navegación básica, patrón de embarcacións de lecer, patrón de iate, capitán de iate, patrón de moto náutica A e patrón de moto náutica B de acordo coas seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais. Os exames teóricos e prácticos serán realizados por aqueles tribunais que se constitúan de conformidade co establecido no artigo 3 da Orde do 28 de novembro de 2007 pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo pesqueiras e náutico-deportivas.

2. Solicitudes. Os candidatos solicitarán a súa admisión ao exame teórico ou práctico en instancia dirixida ao presidente do tribunal do centro oficial de ensino pesqueiro onde realizará o exame, cubrindo o modelo de impreso PE616C, que figura como anexo I da Orde do 8 de xaneiro de 2009. Este impreso facilitarase nas oficinas da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, xefaturas comarcais e territoriais de Consellería do Mar e na epígrafe de procedementos da Guía do cidadán na oficina virtual http//www. xunta.es/.

Á solicitude deberán unirse os seguintes documentos:

a) Unha fotografía en cor e recente en tamaño carné, semellante á exixida para o DNI, en cuxo dorso figure o nome e apelidos do solicitante.

b) Fotocopia compulsada do DNI.

c) Recoñecemento médico, no caso de que sexa necesario, de acordo co disposto na Resolución do 11 de xaneiro de 2010, da Dirección Xeral da Mariña Mercante, sobre a acreditación da aptitude psicofísica para o manexo de embarcacións de lecer.

Non será necesario realizar o dito recoñecemento se transcorreu un período menor de dous anos desde a data de obtención ou renovación de calquera título, ou desde a realización de calquera outro exame de lecer.

d) As taxas polos dereitos de exame da distintas titulacións de lecer, segundo o establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, e na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, son as seguintes:

d.1. Exames teóricos:

–Patrón de navegación básica. 29,45 €.

–Patrón de embarcacións de lecer: 37,91 €.

–Patrón de iate: 53,11 €.

–Capitán de iate: 64,45 €.

–Patrón de moto náutica “A” ou “B”: 28,60 €.

d.2. Exames prácticos:

–Patrón de navegación básica. 73,59 €.

–Patrón de embarcacións de lecer: 73,59 €.

–Patrón de iate: 110,40 €.

–Capitán de iate: 110,40 €.

O pagamento das taxas producirase no momento da inscrición das probas de exame e a solicitude non se tramitará ata non ter efectuado o pagamento.

e) Os candidatos que se presenten ao exame teórico ou práctico de patrón de iate ou de capitán de iate, deberán presentar un certificado ou copia compulsada do título anterior.

f) Os candidatos que teñan superada unha parte do programa de patrón de iate ou de capitán de iate fóra da Comunidade Autónoma de Galicia deberán presentar, xunto coa solicitude de exame, o certificado orixinal do último exame realizado, solicitando a validación das disciplinas aprobadas en anteriores convocatorias.

g) Non presentarse ao exame teórico ou práctico, salvo por enfermidade, debidamente xustificada no prazo máximo de tres días hábiles con posterioridade ao exame, non dará lugar ao cambio de matrícula para unha próxima convocatoria das que figuran no anexo I. Soamente se poderán realizar cambios de matrícula nas circunstancias anteriores para o ano 2011 e antes da última convocatoria fixada para este.

h) Unha vez finalizado o prazo de solicitude de matrícula, farase pública a lista provisional de alumnos admitidos e excluídos na páxina web da Consellería do Mar (http://www.conselleriamar.xunta.es/) e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que os alumnos excluídos poidan emendar as deficiencias, de acordo co disposto no artigo 71.1, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE n.º 285/1992).

3. Presentación de solicitudes. As solicitudes para tomar parte nos exames teóricos e prácticos poderán presentarse directamente nos centros oficiais de ensino pesqueiro onde o alumno se examina, ou ben nos lugares indicados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e remitiranse aos respectivos tribunais de exame unha vez constituídos estes.

4. Lugares de exame. Os exames teóricos e prácticos celebraranse nas datas e nos centros que figuran no anexo I.

5. Tribunais. Os tribunais para a realización das probas serán nomeados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, unha vez coñecido o número de candidatos presentados aos exames nas distintas titulacións.

6. Desenvolvemento das probas. Os lugares de celebración das probas, así como as horas de inicio dos exames teóricos e prácticos serán anunciadas polo presidentes dos tribunais nos taboleiros de anuncios de cada centro e na web da Consellería do Mar.

7. Resultados dos exames. Rematados os exames teóricos, os secretarios dos tribunais publicarán no taboleiro de anuncios do centro unha copia do exame e a modelo de corrección coas respostas correctas co fin de que os interesados poidan comprobar o resultado provisional do seu exame. Realizadas as probas de seguridade e navegación do exame práctico o presidente do tribunal comunicará ao interesado o resultado destas coa cualificación de apto ou non apto. Unha vez corrixidos os exames teóricos e realizadas as probas prácticas, o tribunal fará públicas no taboleiro de anuncios do centro as listas provisionais das cualificacións, así como, na páxina web da Consellería do Mar http://www.conselleriamar.xunta.es/, e dará un prazo de dez días hábiles para que os candidatos presenten por escrito as reclamación que consideren oportunas, debidamente razoadas, xunto coa fotocopia do DNI, dirixidas ao secretario do tribunal, con indicación dos datos persoais, domicilio e código postal da localidade, co obxecto de dar as oportunas contestacións por escrito. Serán desestimadas de oficio as reclamacións en que falte algún dos requisitos sinalados anteriormente. Resoltas as reclamacións, se as houber, os secretarios dos tribunais elevarán as listas a definitivas.

8. Norma derradeira. Esta convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados nos casos e forma previstos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2011.

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

ANEXO I
Convocatoria de xullo

Titulacións, datas e centros de realización de exames teóricos e prácticos ordinarios para o ano 2011

Para as titulacións:

Patrón de navegación básica (PNB).

Patrón de embarcacións de lecer (PEL).

Patrón de iate (PI).

–Datas:

Inicio de matrícula: 11 de maio.

Cerre de matrícula: 28 de maio.

Data de exame teórico:

Patrón de navegación básica: 1 de xullo.

Patrón de embarcacións de lecer: 4 de xullo.

Patrón de iate: 6-7 de xullo.

Data de exame práctico: 19 de xullo.

–Centros:

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

(Avda. Beiramar,55, 36202 Vigo. Teléf. 986 23 56 08).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

(R/ 19 de febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf. 981 37 01 79).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

(R/ Praia de Coroso, s/n, 15050 Ribeira. Teléf. 981 87 44 76.

Para as titulacións:

Capitán de iate (CI).

Patrón de moto náutica “A” e”B”.

–Datas:

Inicio de matrícula: 11 de maio.

Cerre de matrícula: 28 de maio.

Data de exame teórico:

Capitán de iate: 11-12 de xullo.

Patrón de moto náutica “A” e “B”: 15 de xullo.

Data de exame práctico: 18-19 de xullo.

–Centro:

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

(Avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf. 986 23 56 08).

Convocatoria de setembro

Titulacións, datas e centros de celebración de exames teóricos e prácticos ordinarios para o ano 2011.

Para as titulacións:

Patrón de navegación básica (PNB).

Patrón de embarcacións de lecer (PEL).

Patrón de iate (PI).

–Datas:

Inicio de matrícula: 26 de xullo.

Cerre de matrícula: 11 de agosto.

Data de exame teórico:

Patrón de navegación básica: 13 de setembro.

Patrón de embarcacións de lecer: 16 de setembro.

Patrón de iate: 20-21 de setembro.

Data de exame práctico: 30 de setembro.

–Centros:

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

(Avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf. 986 23 56 08).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

(R/ 19 de febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf. 981 37 01 79).

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

(R/ Praia de Coroso, s/n, 15050 Ribeira. Teléf. 981 87 44 76).

Para a titulación:

Capitán de Iate (CI).

–Datas:

Inicio de matrícula: 26 de xullo.

Cerre de matrícula: 11 de agosto.

Data de exame teórico:

Capitán de iate: 26-27 de setembro.

Data de exame práctico: 30 de setembro.

–Centro:

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

(Avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf. 986 23 56 08).