Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 11 de maio de 2011 Páx. 8801

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 78/2011, do 14 de abril, polo que se establece a ordenación das funcións do control metrolóxico do Estado que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproba o regulamento de vixilancia e inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico.

A Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía, fixa os principios e o réxime xurídico da actividade metrolóxica a que se deben someter os instrumentos de medida en defensa da seguranza, a protección da saúde e dos intereses económicos dos consumidores e usuarios. A dita lei foi recentemente modificada nos seus artigos sétimo, relativo ás fases do control metrolóxico, oitavo, relativo ao Rexistro de Control Metrolóxico e trece.3.c, relativo á obriga de presentar a declaración responsable, mediante a Lei 25/2009 do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizo e o seu exercicio, que, pola súa vez, traspón a Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

No antedito artigo sétimo establécese que as fases que comprende o control metrolóxico do Estado son as de avaliación da conformidade e, se for o caso, a de control de instrumentos en servizo. Indica, así mesmo, no seu punto cuarto, que as referidas fases de control metrolóxico, así como a vixilancia e inspección, poderán ser realizadas polas comunidades autónomas ou, se for o caso, polos concellos, atendendo ás súas competencias específicas e de acordo coas directrices técnicas e de coordinación sinaladas pola Administración xeral do Estado.

O Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regulamenta o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida, constitúe o desenvolvemento regulamentario da antedita Lei 3/1985. O referido real decreto establece que a titularidade das competencias executivas en materia de control metrolóxico do Estado corresponde ás comunidades autónomas. Como consecuencia da referida modificación da lei, o Real decreto 889/2006 tamén tivo que ser adaptado, o que se levou a cabo mediante o Real decreto 339/2010, do 19 de marzo, que, alén de recoller os cambios nos requirimentos de inscrición dos reparadores no Rexistro de Control Metrolóxico, encomenda ás administracións públicas competentes a regulamentación do procedemento para a emisión e subministración de precintos aos reparadores, así como a definición do formato e contido da declaración responsable que estes deben presentar ante o Rexistro de Control Metrolóxico para que se realice a súa inscrición.

A metroloxía legal, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, encóntrase regulada mediante o Decreto 252/2007, do 13 de decembro, polo que se establece a ordenación do control metrolóxico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Debido aos cambios que sufriu a normativa estatal como consecuencia da dita transposición da Directiva 2006/123/CE, cómpre publicar este decreto, que ordena certos aspectos internos organizativos da prestación do servizo metroloxía legal na Comunidade Autónoma de Galicia recollendo, do mesmo xeito, os cambios producidos na estrutura da Xunta de Galicia regulados polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que es establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

No presente decreto regúlanse certos aspectos da vixilancia e inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico e se aproba e se publica o correspondente regulamento con base nas competencias establecidas no artigo 7.4 da Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía. Mediante a dita actividade de vixilancia deberase comprobar que na fabricación, comercialización, posta en servizo e uso de instrumentos de medida, se cumpriron os requisitos metrolóxicos que lles son de aplicación.

Así mesmo, no seu artigo 7 fíxase o contido e formato da declaración responsable e dos precintos a que se refire o artigo 8.2 da antedita Lei 3/1985, do 18 de marzo.

Na súa virtude, logo de ser sometido ao trámite de consulta, de acordo co ditame do Consello Consultivo, por proposta do conselleiro de Economía e Industria e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día catorce de abril de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de actuación.

1. O obxecto do presente decreto é o ordenamento das funcións que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de control metrolóxico do Estado e a aprobación do regulamento de vixilancia e inspección dos instrumentos sometidos a dito control.

2. O ámbito de actuación constitúeno os elementos e medicións suxeitos a control metrolóxico do Estado a que se refire o artigo 6 da Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Control metrolóxico. Órganos competentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Corresponde á consellería con competencias en materia de industria o control metrolóxico do Estado na fase de avaliación da conformidade e na fase de instrumentos en servizo a que se refire o artigo 7.2 da Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía.

2. A dirección xeral con competencias en materia de industria será quen designe, se for o caso, os organismos notificados, organismos de control metrolóxico e organismos autorizados de verificación metrolóxica a que se refiren os artigos 4 e 13.3 do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo.

3. O control metrolóxico do Estado na fase de instrumentos en servizo poderá ser xestionado ben directamente pola consellería, xa por si mesma xa mediante medios propios, ben indirectamente con medios alleos.

4. No caso de xestión indirecta, a consellería con competencias en materia de industria realizará a oportuna convocatoria pública, na cal se indicarán as autorizacións que se concedan e os prazos correspondentes cumprindo os requisitos da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Artigo 3. Rexistro de Control Metrolóxico.

1. Na Comunidade Autónoma de Galicia o Rexistro de Control Metrolóxico a que se refire o artigo 8 da Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía, xestionarase desde a dirección xeral con competencias en materia de industria.

2. A inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico e o seu funcionamento levarase a cabo conforme o establecido no antedito artigo 8 da Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía, e no capítulo V do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida.

Artigo 4.Vixilancia e inspección. Obxecto e órganos competentes.

1. Conforme o establecido no artigo 17 do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, a vixilancia terá por obxecto comprobar que na fabricación, comercialización, posta en servizo e uso dos instrumentos sometidos ao control metrolóxico do Estado se cumpren os requisitos que lles son propios.

2. A consellería con competencias en materia de industria exercerá a función de autoridade metrolóxica que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto neste decreto e a normativa que sexa de aplicación.

3. A dirección xeral con competencias en materia de industria levará a cabo a vixilancia e inspección por medio dos inspectores das xefaturas territoriais da consellería ou dos organismos indicados no artigo 12.2 do regulamento anexo.

Artigo 5. Persoal inspector. Condición e requisitos.

1. Terá a condición de inspector o persoal funcionario habilitado para o exercicio dos labores de inspector adscrito á dirección xeral con competencias en materia de industria ou as xefaturas territoriais da consellería con competencias en materia de industria.

2. O persoal inspector terá, no exercicio das súas funcións, a consideración de axentes da autoridade, gozando como tales da protección e facultades que a estes dispensa a normativa vixente, e actuarán con plena independencia, sen prexuízo da súa suxeición aos plans de inspección e ás instrucións dos seus superiores xerárquicos.

3. O persoal inspector deberá estar debidamente acreditado e deberá posuír os coñecementos e, se for o caso, titulación adecuados que o habiliten para a realización eficaz dos labores que teña asignados.

Artigo 6. Regulamento de inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico.

1. Apróbase o Regulamento de inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico da Comunidade Autónoma de Galicia, que se inclúe como anexo I deste decreto.

Artigo 7. Declaración responsable e precintos.

1. A declaración responsable prevista no artigo 8.2 da Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía, e no artigo 15 números 1 e 4 do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, terá o formato indicado no anexo II deste decreto. A solicitude, de carácter facultativo, para a emisión do certificado de inscrición no rexistro de control metrolóxico segundo o teor do artigo 25.1 do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, terá o formato indicado no anexo III.

2. O formato e o contido dos precintos a que se refiren o artigo 8.2 da Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía e o artigo 15 números 2, 3 e 4 do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, serán os indicados no anexo IV deste decreto.

3. Por instancia do reparador, a dirección xeral competente en materia de industria comunicará a relación de códigos alfanuméricos que deberán figurar nos precintos asignados a cada reparador. Unha vez subministrados os precintos polo fabricante, e antes da súa utilización, o reparador deberá presentar unha declaración coa relación dos códigos dos precintos de que dispón en que se indique expresamente que estes son únicos para cada precinto. Así mesmo, o reparador deberá presentar unha declaración do fabricante dos precintos en que poña de manifesto a data en que estes foron subministrados, a relación de códigos alfanuméricos gravados neles e o seu compromiso de que nin fabricou nin fabricará outros precintos cos mesmos códigos.

Artigo 8. Taxas, prezos e tarifas.

As tarifas que perciban outras entidades intervenientes no control metrolóxico do Estado polos servizos prestados e as súas posteriores modificacións deberán ser comunicadas e aprobadas pola dirección xeral con competencias en materia de industria, que tomará as medidas necesarias para que sexan de público coñecemento.

Disposición adicional primeira.

Como consecuencia da modificación do período de vixencia de inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico a que se refire o artigo 25.4 do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, que pasa a ser indefinido, a persoa encargada do Rexistro de Control Metrolóxico emitirá de oficio un novo certificado ás entidades inscritas no Rexistro de Control Metrolóxico nos supostos a que se refiren os números 2 e 3 do artigo 22 do antedito real decreto, no cal se faga constar a nova vixencia.

Disposición adicional segunda.

A acreditación a que se refire o artigo 5.3 do presente decreto será efectuada de oficio pola secretaría xeral da consellería con competencias en materia de industria, por proposta do director xeral con competencias en materia de industria.

Disposición adicional terceira.

Para o cumprimento eficaz dos labores que ten asignados o persoal que desenvolva funcións de inspección en materia de metroloxía, a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de formación de empregados públicos, adoptará as oportunas medidas conducentes á organización e desenvolvemento de programas especializados de formación de técnicos e persoal da propia Administración, fomentando en especial a formación continuada.

Disposición adicional cuarta.

As declaracións a que se refire o artigo 7 deste decreto presentaranse por medios telemáticos, de acordo co disposto no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Disposición transitoria única.

En canto non estea dispoñible a plataforma tecnolóxica que permita a tramitación telemática das declaracións responsables, e en todo caso durante un prazo non superior a doce meses desde a entrada en vigor deste decreto, estas presentaranse en soporte papel ante a dirección xeral competente en materia de industria.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogado o Decreto 252/2007, do 13 de decembro, polo que se establece a ordenación do control metrolóxico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o titular da consellería con competencias en materia de industria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto e, de modo específico, para a aprobación e publicación dos modelos de actas de inspección e do documento de acreditación do persoal inspector.

Disposición derradeira segunda.

As modificacións necesarias dos contidos técnicos da declaración responsable e a solicitude que figuran no anexo II para os manter adaptados ao progreso da técnica ou á modificación da normativa metrolóxica poderase efectuar mediante resolución da dirección xeral con competencias en materia de industria.

Disposición derradeira terceira.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de abril de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Regulamento de vixilancia e inspección de instrumentos
sometidos a control metrolóxico

1.Obxecto.

1. Este regulamento ten por obxecto regular na Comunidade Autónoma de Galicia a vixilancia e inspección de instrumentos de medida sometidos a control metrolóxico do Estado, sen prexuízo do previsto neste ámbito na lexislación de metroloxía ou específica de cada un dos instrumentos de medida.

2. Os labores de vixilancia e inspección estenderanse tamén a garantir o mantemento das condicións que deron lugar á inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico dos reparadores de instrumentos de medida.

3. As previsións contidas neste decreto teñen carácter supletorio respecto das disposicións específicas ordenadoras da función de vixilancia e inspección na regulamentación propia de cada instrumento sometido a control metrolóxico do Estado.

4. En todo caso, atendendo aos seus ámbitos de aplicación son aplicables a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora e as demais disposicións xerais de dereito administrativo.

2. Ámbito de aplicación.

A actividade administrativa de vixilancia e inspección regulada neste regulamento refírese á mencionada no artigo 7.4 da Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía, así como á contida no artigo 25.4 do Real decreto 889/2006, polo que se regulamenta o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida. Constitúen o seu ámbito de actuación os obxectos e elementos de aplicación en metroloxía, así como as medicións suxeitas a control metrolóxico do Estado conforme o indicado no artigo 6 da dita Lei 3/1985, do 18 de marzo.

3. Principios de actuación.

1. As actividades de vixilancia e inspección metrolóxica realizaranse con observancia dos principios de legalidade, obxectividade, proporcionalidade, coordinación e eficacia.

2. As relacións entre os diversos órganos e entes con competencias de inspección sobre establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais axustaranse aos principios de coordinación, cooperación e colaboración. Os órganos que teñan atribuídas funcións propias da inspección en materia de metroloxía comunicaranse cantos datos coñezan con transcendencia para o control de instrumentos de medida ou seguranza industrial, atendendo ás súas respectivas competencias funcionais ou territoriais. Así mesmo, comunicarán tales datos a calquera outro órgano para o cal sexa de transcendencia para o adecuado desempeño das funcións de control e inspección que teñan encomendadas, respectando en todo caso a normativa vixente en materia de protección de datos, así como o segredo comercial ou industrial.

3. En particular, a consellería competente en materia de industria estará obrigada a comunicar ás consellerías, ás entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e a outras administracións públicas competentes aquelas deficiencias detectadas no exercicio da súa función polo persoal inspector que, podendo constituír infraccións, incidan no ámbito competencial daquelas. En todo caso, o inspector/a comunicará o resultado da inspección á autoridade competente en materia de seguranza e saúde laborais nos casos de especial relevancia ou de perigo inminente para os traballadores Así mesmo, comunicarase, se for o caso, o resultado das inspeccións ás autoridades sanitarias ou ás autoridades competentes en materia de protección civil e de emerxencias no ámbito das súas respectivas competencias e de conformidade coa lexislación específica.

4. Comunicación aos órganos xudiciais.

1. Cando o órgano competente teña coñecemento, polos seus propios medios ou por denuncia, da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de delito, e despois de efectuar as comprobacións que se consideren oportunas, dará traslado á autoridade xudicial, con remisión das actuacións que se efectuasen, e absterase de seguir coas actuacións de inspección, sen prexuízo das medidas administrativas que fosen adoptadas, ata que a autoridade xudicial se pronuncie sobre estas no procedemento correspondente.

2. O persoal encargado da función inspectora facilitará os datos que sexan requiridos pola autoridade xudicial con ocasión da persecución dos citados delitos.

5. Funcións da actividade de inspección metrolóxica.

Ao persoal que exerza as funcións de inspección, no seu exercicio, correspóndelle:

a) Velar polo cumprimento da normativa vixente en materia de metroloxía mediante a supervisión, control e vixilancia do cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias que, se for o caso, correspondan.

b) Investigar e comprobar os feitos obxecto das reclamacións e denuncias, así como das comunicacións de presuntas infraccións ou irregularidades, especialmente a persecución das actividades fraudulentas no ámbito da metroloxía.

c) Informar e asesorar os titulares dos instrumentos de medida sobre as exixencias, cumprimento e aplicación da normativa metrolóxica e acerca do alcance das obrigas que esta supón.

d) Propor a incoación de expedientes sancionadores derivados dos incumprimentos de requisitos regulamentarios exixidos aos instrumentos e instalacións inspeccionadas e posteriormente propor medidas provisorias ou definitivas para evitar o incumprimento da normativa metrolóxica.

e) Emitir ditames e informes en relación cos instrumentos e as instalacións inspeccionadas, por instancia dos órganos competentes para a incoación e instrución de expedientes sancionadores.

f) Emitir calquera outro informe técnico ou ditame que, en función da natureza do seu eventual contido, lle sexa solicitado polo titular da consellería ou da dirección xeral competente en materia de industria ou polos órganos xurisdicionais.

g) Comunicar o resultado da inspección ás autoridades en materia de seguranza e saúde laboral, consumo, sanidade, seguranza industrial ou ambiente nos casos de especial relevancia ou de perigo inminente. Estas autoridades poderán, no ámbito das súas competencias, adoptar medidas provisorias antes do inicio do expediente sancionador no caso de que veña reflectido nas súas normas sectoriais con rango de lei.

6. Medidas derivadas da actuación inspectora.

O inspector poderá adoptar as seguintes medidas durante o exercicio da súa actividade inspectora:

a) Propor a paralización, ben sexa de forma total ou parcial, da actividade do instrumento ou instalación, que se fará efectiva como resultado da decisión da autoridade administrativa ou xudicial que coñeza do caso e unha vez incoado o expediente sancionador.

b) Realizar propostas de incoación de expedientes sancionadores como consecuencia do resultado final da inspección.

c) Realizar recomendacións sobre o funcionamento do instrumento ao seu titular ou o seu representante para lograr o máis efectivo cumprimento das disposicións que o afecten.

d) Advertir o titular co fin de que, nun prazo determinado, leve a efecto as modificacións que sexan precisas nas instalacións que garantan o cumprimento das disposicións relativas á metroloxía.

e) Requirir o suxeito responsable para que, no prazo que se lle sinale, adopte as medidas para o cumprimento da normativa que sexa de aplicación, mesmo coa súa xustificación ante a persoa inspectora actuante.

f) Comunicar ás administracións públicas competentes noutros campos diferentes ao metrolóxico as irregularidades detectadas no exercicio da súa función de inspección que, podendo constituír infraccións, mesmo cando incidan nun ámbito competencial diferente ao metrolóxico.

g) Cantas outras medidas deriven da lexislación en vigor.

7. Facultades do persoal inspector.

Ademais das medidas derivadas da función inspectora a que se refire o número precedente, os inspectores están facultados para:

a) Comparecer sen previo aviso nos establecementos ou instalacións que dispoñan de instrumentos sometidos ao control metrolóxico do Estado, e solicitar o acceso a estes, despois de se identificaren, co obxecto de realizar as comprobacións e actuacións que consideren pertinentes, na forma e tempo previsto neste decreto e nas leis.

b) Requirir a comparecencia do titular do instrumento ou establecemento ou da persoa que o represente os días que resulten precisos para o desenvolvemento das súas actuacións, no lugar e hora que considere necesarios, de acordo co previsto no punto vixésimo primeiro deste regulamento.

c) Facerse acompañar nas visitas de inspección polos peritos e técnicos do establecemento, instalación ou da empresa ou habilitados oficialmente, así como das persoas que participan na instalación, mantemento, utilización ou inspección das industrias, ou aparellos que consideren necesarias para o mellor desenvolvemento da función inspectora.

d) Exixir que se lle acredite a identidade, o carácter e as facultades da persoa ou persoas con cuxo concurso e asistencia se vaian realizar as actuacións. Para os actos de mero trámite presumirase concedida a representación sen que sexa preciso acreditarse.

e) Requirir, motivadamente, a presenza dos representantes da instalación, á chegada a esta e antes do inicio da inspección, para ser informado das actividades realizadas naquela, as medidas de seguranza dispoñibles e requirir o apoio administrativo e loxístico necesario para a inspección.

f) Requirir información, só ou ante testemuñas, ao titular da instalación, ao seu representante legal ou aos responsables do establecemento ou instalación, sobre calquera asunto relativo ao cumprimento da normativa que resulte de aplicación. Así mesmo, poderá entrevistar os responsables ou calquera membro do persoal da instalación, en presenza de representantes desta, solicitando unicamente os datos que sexan necesarios para a realización da inspección.

g) Examinar os documentos, expedientes e rexistros que considere pertinentes para os efectos do disposto neste regulamento nos termos e condicións previstos na lexislación aplicable.

h) Realizar avaliacións e ensaios, tomar as mostras e obter as fotografías que sexan estritamente necesarias nas condicións e termos previstos neste regulamento e demais normas de aplicación.

i) Solicitar aos responsables do instrumento ou instalación, en caso de que sexa estritamente necesario para o cumprimento da inspección, a realización de determinadas operacións de funcionamento daquel.

8. Obrigas e incompatibilidades do persoal inspector.

1. Son obrigas dos inspectores:

a) Actuar con imparcialidade, independencia e integridade.

b) Realizar todas as actividades inspectoras necesarias para chegar ao convencemento razoable de que os elementos obxecto destas se atopan en bo estado e cumpren a normativa autonómica, nacional e internacional vixente.

c) Elaborar, ao finalizar unha actividade inspectora, o documento de inspección que corresponda de conformidade co disposto no artigo vixésimo segundo deste regulamento e no artigo 17.4 do Real decreto 889/2009, do 21 de xullo.

d) Informar os órganos correspondentes de que dependan sobre os resultados das visitas e sobre as medidas adoptadas como consecuencia destas.

e) Gardar segredo profesional respecto aos feitos e información que coñezan no exercicio das súas funcións, sen prexuízo das actuacións de colaboración administrativa que procedan.

f) Portar un documento persoal acreditativo da súa condición, expedido pola secretaría xeral do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria, que indique o tipo de técnico e persoal de que se trata. Sen prexuízo do disposto no artigo 7.a) deste regulamento, este documento poderá ser requirido cando exerza as súas funcións, tendo no devandito caso obriga de o exhibir.

g) Realizar as actividades de inspección de forma que non se dificulte máis do necesario o bo funcionamento dos establecementos que conteñan os instrumentos sometidos a control metrolóxico do Estado.

2. Todo o persoal con destino en órganos ou dependencias con competencias inspectoras queda suxeito ao deber de segredo e sixilo acerca dos feitos que coñeza por razón do seu posto de traballo.

3. No exercicio das súas funcións, o persoal inspector terá que observar o deber de respecto e consideración debido aos interesados e debe tomar as medidas necesarias para a protección da intimidade das persoas.

4. O inspector, así como o persoal que o asista, non poderán ter interese comercial nin económico ningún nos establecementos ou aparellos sobre os cales realice actividades inspectoras.

5. O inspector non poderá instruír procedementos sancionadores que afecten procedementos que conteñan algunha actuación inspectora levada a cabo polo propio inspector.

9. Alcance das actuacións de vixilancia e inspección.

As actuacións inspectoras poderán ser xerais, parciais ou abreviadas.

a) Terán carácter xeral cando teñan por obxecto o control metrolóxico do Estado respecto do cumprimento dos requisitos esenciais metrolóxicos e técnicos nas fases de avaliación da conformidade ou de instrumentos en servizo a que se refiren os artigos 4 e 13 do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo.

b) Terán carácter parcial cando só se refiran a un ou varios aspectos dos requisitos dos instrumentos ou o seu axuste de erro.

c) Son abreviadas as actuacións de inspección limitadas á comprobación de datos e antecedentes que consten en poder da administración de industria.

10. Modos de inicio das accións de vixilancia e inspección.

1. Conforme o establecido no artigo 17.3 do Real decreto 889/2006, as accións de vixilancia e inspección iniciaranse de oficio, por acordos de colaboración, como parte dun plan de inspección, ou como participación en campañas de ámbito europeo, nacional ou autonómico.

2. Así mesmo, as accións de vixilancia poderanse iniciar no caso de denuncia relacionada co deseño, coa execución ou co funcionamento dun instrumento ou instalación suxeita á control metrolóxico do Estado, que sexa cualificada inicialmente como fundada polos órganos competentes en metroloxía. A denuncia deberá ser formulada de acordo co previsto na normativa sobre procedemento administrativo sancionador, e debe ser realizada ante a dirección xeral con competencias en materia de industria ou das correspondentes xefaturas territoriais. A persoa denunciante non poderá alegar a consideración de interesado para ningún efecto na fase de investigación, ben que poderá ter, se é o caso, a condición de interesado, se se inicia o correspondente procedemento sancionador, nos termos do artigo 31 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Plans de inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico.

1. Corresponde á dirección xeral con competencias en materia de industria a elaboración e aprobación dos plans de actuacións de vixilancia e inspección programados, coa extensión temporal que se determine nestes e con base en criterios de oportunidade, aleatoriedade ou outros que considere pertinentes. Mediante resolución do seu titular aprobaranse o obxecto, o contido e o ámbito de actuación, así como as instrucións que deben cumprir os servizos correspondentes das xefaturas territoriais da consellería con competencias en materia de industria ou os organismos indicados no artigo 12 para levar a cabo as inspeccións que se deben realizar conforme o programado no plan.

2. Os plans de actuación inspectora poderán limitarse a un determinado tipo de instrumentos ou ter un carácter territorial, declarando zonas de preferente actuación de inspección.

3. Cada plan de inspección deberá delimitar os programas específicos de inspección e control regulamentarios dos instrumentos a que se refire, debendo ter como obxecto verificar o grao de cumprimento das condicións metrolóxicas exixidas. Para a concreción dos programas específicos de inspección e do grao de intervención en cada tipo de instrumento deberán terse en conta as demandas e efectos sociais que poida provocar a existencia de instrumentos que non superen as exixencias metrolóxicas.

4. Os plans de inspección poderán prever a colaboración e coordinación con outras unidades con competencias de inspección da propia consellería ou coas doutras consellerías da Comunidade Autónoma de Galicia, ou mesmo doutra comunidade autónoma.

5. Por proposta motivada do servizo competente en materia de metroloxía, a dirección xeral competente en materia de industria poderá dispoñer a revisión e modificación dos plans de inspección en curso de execución.

12. Execución dos plans de inspección.

1. Os órganos e unidades que desenvolvan as correspondentes actuacións inspectoras en execución dos plans de control metrolóxico deberanse axustar ao contido, alcance e frecuencia dos programas específicos incluídos en cada plan.

2. Os plans de control metrolóxico serán levados a cabo directamente polo persoal inspector a que se refire o artigo 5.1. do decreto que aproba o presente regulamento, ou baixo a supervisión da Administración, a través dos organismos notificados, organismos de control metrolóxico e dos organismos autorizados de verificación metrolóxica designados para o efecto. Neste caso a dirección xeral con competencias en materia de industria exercerá as funcións de supervisión e control das inspeccións ordenadas aos anteditos organismos na execución de cada programa, podendo estar presente o persoal técnico da consellería naquelas inspeccións que considere oportuno e realizar, unha vez efectuada a inspección, as comprobacións posteriores que crea necesarias.

3. As xefaturas territoriais da consellería remitirán á dirección xeral competente en materia de industria, no prazo que no propio plan se estableza, os resultados dos programas de control administrativo obtidos durante a súa vixencia.

13. Principios xerais de actuación.

1. O exercicio da función de inspección responderá ao principio de traballo planificado e programado, sen prexuízo das actividades que poidan exixir necesidades sobrevidas ou denuncias.

2. No desenvolvemento temporal de actuacións darase preferencia ás orixinadas por denuncias, ás derivadas de ordes de servizo ás que se confira carácter urxente e as que correspondan á programación para cada provincia establecida no correspondente plan de inspección.

3. Conferirase carácter preferente ás denuncias presentadas polos concellos e órganos con competencia en materia de comercio, sanitaria e ambiental da Comunidade Autónoma, logo de valorar a gravidade dos feitos denunciados.

4. As actuacións inspectoras terán a duración que sexa precisa para o adecuado cumprimento da súa finalidade.

5. As actuacións inspectoras poderán realizarse por un ou varios inspectores baixo o principio de unidade de acción.

14. Modalidades e medios da actuación inspectora.

1. As actuacións de inspección poderán consistir na análise administrativa da documentación propia dos instrumentos de medida sometidos por regulamentación específica ao control metrolóxico do Estado.

2. As actuacións inspectoras poderanse realizar a través dos seguintes medios:

a) Visita de comprobación aos establecementos e ás instalacións obxecto de inspección.

b) Requirimento de presentación nas oficinas públicas daqueles documentos establecidos especificamente que deba ter preceptivamente o titular do instrumento.

c) Requirimentos de información indispensable para o cumprimento das súas funcións.

d) Calquera outro medio de investigación legalmente admitido que se considere idóneo para comprobar os feitos presuntamente constitutivos de infracción.

15. Visita de comprobación.

1. As actuacións de inspección efectuaranse, por norma xeral, sen aviso previo.

2. As actividades inspectoras que se leven a cabo nas instalacións efectuaranse, sempre que sexa posible, en presenza da persoa titular ou responsable da instalación inspeccionada. Na súa ausencia, deberá cooperar, prestando a asistencia necesaria ao inspector, o persoal que se atope na instalación no momento da inspección. Cando se considere necesario requirirase, motivadamente, a comparecencia dos titulares ou responsables na instalación obxecto da inspección, co obxecto de practicar as dilixencias que se determinen na correspondente citación.

3. A visita realizarase coa comparecencia do inspector actuante, e pódea efectuar un único inspector ou varios conxuntamente, ou acompañado do persoal técnico que considere oportuno, baixo o principio de unidade de acción.

4. Poderase realizar máis dunha visita sucesivas. Cada día a inspección practicará as actuacións que considere oportunas. Ao termo das actuacións de cada día, a inspección poderá fixar o lugar, o día e a hora para a súa continuación.

5. Con motivo da visita, os titulares ou responsables das instalacións suxeitas a regulamentación metrolóxica porán ao dispor do persoal inspector a documentación cuxo exame proceda, e facilitaranlle a información necesaria para o cumprimento das súas funcións.

6. Nos supostos en que existan no establecemento libros de inspección ou incidencias deixarase constancia da visita.

16. Requirimentos de documentación e información.

1. A persoa inspectora actuante poderá requirir o titular do instrumento para que presente nas oficinas públicas daqueles documentos a que fai referencia o punto décimo cuarto b así como daqueles que poidan resultar da visita a que fai referencia o número 2.a) do mesmo punto, e que non puidesen ter achegado no momento da visita.

2. O requirimento de documentación será escrito e notificado directamente con ocasión da visita á instalación ou establecemento, ou por calquera forma de notificación válida.

3. O requirimento de documentación deberá conter a enumeración precisa dos documentos que se solicitan para o seu exame, a identificación do funcionario ante o que se deben presentar, o prazo para achegalos así como os efectos de non o atender. Se o requirimento de documentación se realiza con ocasión da visita sen estar presente o titular, deberase establecer para a súa formalización un período mínimo de 10 días

4. O inspector actuante poderá requirir, motivadamente, a presentación na oficina pública da información solicitada no curso da visita e que non se puidese facilitar nese momento.

5. Se por requirimento do inspector actuante se tivese que presentar algún documento, levantarase a correspondente dilixencia de entrega, que deberá ser asinada por unha persoa con facultade para representar o titular da instalación.

17. Avaliacións ou ensaios.

1. Os ensaios que se realicen nas actuacións de inspección dos establecementos e das instalacións deberanse levar a cabo conforme os procedementos técnicos de avaliación de conformidade, de acordo cos establecidos nos regulamentos, ordes ministeriais e instrucións técnicas complementarias ou calquera outra normativa de carácter metrolóxico que afecte o instrumento inspeccionado.

2. Os ensaios deben ser practicados por persoal debidamente habilitado polo órgano competente e mediante os instrumentos que reúnan os requisitos regulamentariamente establecidos. Para a realización destas dilixencias, poderanse solicitar a asistencia de técnicos especialistas, que actuarán conxuntamente co inspector.

3. Os ensaios que teñan lugar na instalación realizaranse ante o titular de establecemento suxeito a inspección, ou ante o seu representante legal ou persoa responsable e, na falta destes, ante calquera empregado ou dependente.

4. Se for necesario retirar as mostras, isto realizarase mediante dilixencia que, en todo caso, deberá ser autorizada polo inspector. Este documento deberá ser asinado tamén polo titular ou o representante legal do instrumento ou da instalación suxeita a inspección. O titular ou o representante legal deberá permitir ao inspector a toma de mostras suficientes para realizar as análises e comprobacións pertinentes.

18. Toma de imaxes.

Nos supostos en que sexa estritamente necesario para as comprobacións obxecto da inspección e logo de comunicación ao titular ou representante legal, o inspector poderá obter fotografías e imaxes.

19. Tempo das actuacións.

1. Cando as actuacións de inspección se leven a cabo en dependencias ou oficinas públicas, deberán realizarse normalmente dentro do horario oficial de apertura ao seu público e, en todo caso, dentro da xornada de traballo vixente.

2. Nos demais casos, se as actuacións de inspección se realizan mediante visita de comprobación aos establecementos obxecto de inspección, observarase a xornada laboral da actividade que rexa nestes, sen prexuízo de que poida actuarse de común acordo cos interesados noutras horas e días.

3. Poderanse levar a cabo actuacións de inspección fóra dos días e horas a que se refiren os números anteriores se existiren sospeitas de que se estea a realizar unha fraude cos instrumentos de medida.

20. Suxeitos obrigados.

1. As actuacións inspectoras realizaranse perante os titulares dos instrumentos, o seu representante ou empregados debidamente autorizados. As visitas, e en ausencia daqueles, poderán realizarse co persoal que, se for o caso, se atope no establecemento no momento da inspección.

2. O representante non poderá eludir a declaración sobre feitos ou circunstancias con transcendencia inspectora que deban ser coñecidos polo representado.

21. Deber de colaboración, cooperación e asistencia.

1. Os titulares das instalacións ou establecementos, os seus representantes legais e o persoal que, se for o caso, se atope ao fronte da actividade no momento da inspección están obrigados a dar ao inspector que realice a inspección e ao seu persoal colaborador a máxima facilidade e a asistencia necesaria para o desenvolvemento da súa tarefa.

2. En particular, os titulares e responsables das instalacións terán as seguintes obrigas:

a) Atender o persoal de inspección se se achar presente na instalación, cando compareza sen previo requirimento no lugar onde se practiquen as actuacións.

b) Comparecer na instalación obxecto da inspección cando sexa requirido motivadamente co obxecto de practicar as dilixencias que se determinen na correspondente citación. Cando alegue xusta causa que lle impida comparecer o día e hora sinalados deberá adoptar cantas medidas del dependan e permitan atender adecuadamente a inspección.

c) Permitir ao inspector que realice a inspección e ao seu persoal colaborador, logo da identificación deles, o acceso aos locais e facilitarlles os documentos que sexan necesarios para a práctica das actuacións inspectoras.

d) Poñer ao dispor do persoal inspector os medios técnicos que sexan precisos para o cumprimento da súa misión.

e) Informar o inspector ou o persoal que realice as actuacións de inspección en relación coa instalación, sobre as actividades desenvolvidas nesta e as medidas de seguranza requiridas. Así mesmo, deberán subministrar canta información resulte necesaria para o cumprimento das súas funcións de verificación, comprobación e investigación, legalmente asignadas.

f) Contribuír á aclaración de cuestións dubidosas da inspección.

22. Formalización e anotación das actuacións inspectoras.

1. Durante as actuacións inspectoras o inspector encargado de realizalas ou dirixilas formalizará as actuacións mediante a elaboración de dilixencias, informes de inspección ou actas. O centro directivo a que se encontre adscrito o inspector conservará os documentos de inspección e remitirá unha copia á dirección xeral competente en materia de industria cando así sexa requirido.

2. Os datos, informes ou antecedentes obtidos polos inspectores no curso das súas actuacións só poderán ser utilizados por persoal debidamente autorizado e para o exercicio das funcións da inspección metrolóxica e, se for o caso, para a denuncia dos feitos que poidan ser constitutivos de delitos, todo isto sen prexuízo da posible comunicación dos datos a aqueles órganos administrativos para os que puideren ser de transcendencia.

23. Dilixencias.

1. Mediante dilixencia de inspección documentaranse aquelas actuacións de inspección que non poñan fin a esta, salvo a visita de inspección, que deberá constar en acta.

2. Deberanse documentar, en todo caso, mediante dilixencia:

a) As actuacións inspectoras tales como controis de documentos, medicións, probas practicadas, verificacións, ensaios, así como as de solicitude de documentación ou comparecencia, indicando os prazos ou as datas para a súa realización. Para levar a cabo estas dilixencias, o inspector poderá solicitar a asistencia de técnicos especialistas, que actuarán conxuntamente co inspector.

b) Os resultados do actuado individualmente por cada técnico que interveu nunha inspección.

3. As dilixencias poden servir para deixar constancia daqueles feitos ou circunstancias determinantes dunha inspección máis ampla da inicialmente acordada ou programada, así como deixar constancia do levantamento da acta de proposta de iniciación de procedemento sancionador.

4. Nas dilixencias, que poderán redactarse sen suxeición necesariamente a un modelo preestablecido, constará a identificación do instrumento ou instalación inspeccionada, o nome e apelidos, número do documento nacional de identidade e a sinatura, se for o caso, da persoa a que se dirixan as actuacións, así como o carácter ou representación con que intervén, os propios feitos ou circunstancias que constitúen o contido propio da dilixencia; a situación de conformidade ou desconformidade legal derivada das actuacións realizadas pola inspección, o lugar e data da súa expedición e a identificación do persoal ou dos funcionarios actuantes que subscriban a dilixencia.

5. Cando a natureza das actuacións inspectoras cuxo resultado se reflita nunha dilixencia requira a presenza dunha persoa con que se entendan tales actuacións, a dilixencia será asinada pola devandita persoa e, se esta se negar a asinar a dilixencia ou non puider ou souber facelo, farase constar así nela, sen prexuízo da entrega do duplicado correspondente mediante remisión por calquera dos medios admitidos en dereito.

24. Informes de inspección.

1. Sen prexuízo dos supostos concretos previstos nos cales a información obtida durante comprobacións e investigacións se recolla nun informe, cando as circunstancias da inspección o requiran, darase conta dos feitos mediante informe de inspección.

2. Nos informes de inspección faranse constar, como mínimo, os seguintes datos:

a) A identificación do expediente, do instrumento ou instalación, do seu titular ou representante legal, dos elementos ou equipamentos inspeccionados, así como da persoa ante quen se efectuou a actividade inspectora.

b) O lugar, datas e horas en que se levou a cabo a actividade inspectora.

c) A identificación do persoal inspector e do persoal técnico interveniente nas actividades obxecto do informe.

e) A constatación de que a instalación ou os elementos ou equipamentos inspeccionados cumpre coas disposicións aplicables da normativa vixente ou, pola contra, unha enumeración detallada das deficiencias atopadas, con indicación precisa das normas que se poidan vulnerar en cada caso, así como a valoración que as devanditas deficiencias poidan ter verbo da normativa metrolóxica.

f) A relación detallada das medidas que deban ser adoptadas para emendar as deficiencias detectadas, con indicación, se for o caso, do prazo para que sexan levadas a cabo.

g) O criterio do inspector actuante que aconselle ou non o inicio de procedemento sancionador ou calquera outra medida prevista sen prexuízo da acta correspondente en caso de considerar que debe incoarse.

25. Actas de inspección.

1. O resultado da actuación inspectora, así como da visita in situ, formalizarase nunha acta de inspección, sen prexuízo de que cando as circunstancias da inspección o requiran, conforme o previsto no artigo anterior, se poida dar conta dos feitos, ademais de na acta, mediante un informe de inspección.

2. No caso de que a acta responda a unha visita de inspección, esta levantarase en presenza do titular do instrumento ou establecemento, ou do seu representante. Emitirase nos modelos oficiais aprobados pola consellería con competencias en materia de industria. Formarán parte da acta de inspección os seus anexos e as dilixencias emitidas polo persoal inspector actuante durante a súa actividade de comprobación.

3. Nas actas de inspección recolleranse tanto os feitos constatados relevantes como algún ou varios dos seguintes posibles resultados da inspección:

a) Comprobación e conformidade.

b) Advertencia.

c) Requirimento.

d) Paralización e precintaxe.

e) Posta en servizo e desprecintaxe.

f) Proposta de incoación de expediente sancionador.

g) Obstrución ao labor inspector.

4. Invitarase a persoa ante quen se efectúa a inspección a que faga cantas alegacións ou aclaracións considere convenientes, así como a que manifeste a súa conformidade ou desconformidade, todo o cal deberá quedar reflectido na acta, sen prexuízo das posteriores intervencións a que tiver dereito na tramitación do correspondente procedemento.

5. As actas que recollan o resultado das actuacións de inspección serán asinadas polo inspector, ou conxuntamente polos inspectores se foren varios os que realizaron as correspondentes actuacións de comprobación e investigación.

6. As actas de inspección que se redacten gozarán de valor probatorio e presunción de veracidade, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan presentar os propios interesados.

26. Advertencias e requirimentos.

1. Verificada pola actuación inspectora, xa mediante visita xa mediante estudo do expediente, a existencia dalgún defecto, en función da súa gravidade, o inspector poderá advertir ou requirir que se corrixan as deficiencias e que se cumpra a normativa aplicable. Estas observacións formalizaranse documentalmente na acta, debendo consignarse as deficiencias ou incumprimentos detectados, as actuacións necesarias para a emenda das deficiencias, a normativa aplicable e o prazo para o seu cumprimento.

2. Sen prexuízo do anterior, as funcións inspectoras non poderán comportar ningunha diminución das obrigas que correspondan aos responsables conforme a lexislación.

3. En caso de que a emenda ou requirimento non se cumprise no prazo concedido, elevarase a acta, se for o caso, ao órgano competente para a incoación do oportuno expediente sancionador.

27. Paralización, precintaxe e desprecintaxe.

1. En caso de incoarse expediente de infracción, poderá acordarse a paralización inmediata do instrumento, mediante unha acta en que figure a orde de paralización, así como os feitos e incumprimentos que a causan, procedendo a precintar o instrumento.

2. O inspector atenderá ao principio de proporcionalidade, considerando os prexuízos que a paralización ocasione, debéndose optar sempre pola paralización parcial se foran logrados razoablemente os obxectivos que se perseguen.

3. A paralización non poderá prolongarse máis tempo nin afectar máis do que resulte indispensable para cumprir os anteditos obxectivos e, neste caso, débese proceder a desprecintar o instrumento, o que levará consigo a correspondente acta.

28. Proposta de iniciación de procedemento sancionador.

Se se apreciar algún feito que poida ser constitutivo de infracción, levantarase unha acta en que figure unha proposta de iniciación de procedemento sancionador, no cal se deben facer constar as medidas preventivas que adoptará o órgano competente, e que se tramitará conforme a normativa vixente.

29. Obstrución ao labor inspector.

Cando se realicen actuacións que impidan ou dificulten as actuacións do inspector actuante, deberá facerse constar tal circunstancia na correspondente acta.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV
Formato de precintos

Conforme o establecido no número 17 do anexo I do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, os precintos que se deberán empregar nas operacións de reparación cando así estea previsto no regulamento que sexa de aplicación para o exercicio do control metrolóxico do Estado deberán incorporar un número de identificación co formato XX-Y-NNNNNN, onde:

“XX” representa os díxitos que identifican a Administración pública competente, conforme a relación de códigos de identificación contida no anexo I do antedito Real decreto 889/2006, do 21 de xullo.

“Y” e a letra que serve para identificar o sector de actividade conforme os códigos de identificación contidos no anexo I do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo.

“NNNNNN” que son os díxitos correspondentes á identificación do precinto na Comunidade Autónoma de Galicia. Terá seis cifras, que representan un número identificador que será diferente para cada precinto. Este número pertencerá a unha serie de números consecutivos que o servizo encargado do Rexistro de Control Metrolóxico asignará ao reparador cando este, cada vez que deba adquirir novos precintos, o solicite.

Nos precintos con dúas caras accesibles, no anverso figurará a antedita codificación numérica e no reverso o número correspondente á identificación do precinto expresado en código de barras. No caso de precintos dunha única cara, o número de identificación poderá expresarse en cifras ou en código de barras.

Conforme o indicado no número 17 do anexo I do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, no caso de que se trate de precintos en que tecnicamente sexa imposible a incorporación da identificación que proceda, estes deberán ser identificados cun código compatible co tipo de precinto de que se trate, que quedará vinculado, no documento que acredite a actuación do reparador coa identificación do precinto establecida nos parágrafos precedentes.