Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 11 de maio de 2011 Páx. 8936

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos, nas convocatorias de xuño e setembro, e se ditan instrucións para a súa realización.

A Orde do 19 de febreiro de 2009, DOG do 4 de marzo, pola que se establecen as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas maiores de dezaoito anos, prevé no artigo 5.1 que a dirección xeral competente en materia de educación ao longo da vida convocará as citadas probas nos meses de xuño e setembro de forma ordinaria e no punto 2 que establecerá as datas de matrícula e celebración, así como os centros nos que se van realizar.

En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición primeira da orde de referencia, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2011, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

Primeiro. Condicións das persoas aspirantes.

1. Poderanse inscribir para a realización das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria aquelas persoas que teñan cumpridos dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.

2. As persoas solicitantes matriculadas de forma oficial nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria, educación secundaria para persoas adultas, nivel II, nas modalidades presencial ou a distancia, para facer a inscrición nas probas libres deberán presentar ante a dirección do centro a renuncia ao dereito a seren avaliadas pola matrícula oficial. A renuncia realizarase con anterioridade á presentación da solicitude de matrícula nas probas libres, xuntando copia da devandita renuncia á solicitude. O incumprimento deste requisito implica a perda do dereito á avaliación nas probas libres.

3. Para a realización das probas, as persoas aspirantes acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

Segundo. Contidos da proba.

1. As áreas constitutivas da proba están integradas nos seguintes ámbitos:

a) Ámbito da comunicación. Abrangue exercicios das materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura, e lingua estranxeira.

b) Ámbito científico-tecnolóxico. Abrangue exercicios das materias de matemáticas, ciencias da natureza e tecnoloxía, e aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo da educación física.

c) O ámbito social. Abrangue exercicios das materias de ciencias sociais, xeografía e historia, educación para a cidadanía e aspectos da percepción correspondentes ás materias de educación plástica e visual, e música.

2. Os departamentos territoriais, dous días antes da data de realización das probas, enviarán un funcionario acreditado para recoller os protocolos de exames na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Logo de recibidos os protocolos, entregaránselle aos presidentes ou ás presidentas dos tribunais designados para avaliar as probas en presenza do xefe ou xefa territorial e do xefe ou a xefa do Servizo Provincial de Inspección, ou do persoal funcionario en quen deleguen.

3. Os departamentos territoriais adoptarán todas as medidas necesarias para que en ningún caso se poida coñecer o contido das probas antes da súa aplicación.

Terceiro. Centros e lugares de celebración das probas.

1. Constituiranse tribunais para avaliación das probas para a obtención do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria nas catro provincias, nas seguintes localidades e centros:

a) Provincia da Coruña:

–Centro EPA Eduardo Pondal, rúa Pepín Riveiro, 3, A Coruña.

–Centro EPA de Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n, Ferrol.

–IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, Santiago de Compostela.

b) Provincia de Lugo:

–Centro EPA de Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, Lugo.

c) Provincia de Ourense:

–Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, Ourense.

d) Provincia de Pontevedra:

–Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1º, Vigo.

–Centro EPA Río Lérez, avda. de Buenos Aires, s/n, Pontevedra.

2. Cando, nos centros autorizados, o número de persoas matriculadas exceda o aforo das aulas para realizar a proba, o departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que corresponda establecerá, na mesma localidade, o centro ou centros nos que os matriculados excedentes realizarán a proba.

3. No suposto anterior, o centro no que se realiza a matrícula elaborará listaxes definitivas de admitidos diferenciadas para cada centro no que deben presentarse para realizar as probas. As listaxes organizaranse seguindo criterios de orde alfabética por grupos de letras.

Cuarto. Matrícula.

1. A solicitude de matrícula axustarase ao modelo que figura no anexo I desta resolución, acompañando da documentación que nel se solicita e presentarase na secretaría dun único centro dos que figuran no punto terceiro desta resolución.

2. De acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009 que o desenvolve, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, non será exixible a fotocopia do documento nacional de identidade, sempre que o/a solicitante preste o seu consentimento para que o órgano xestor poida realizar a consulta por medio telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade.

No caso de que o/a interesado/a non prestase o dito consentimento para a comprobación dos datos, poderáselle exixir que presente a fotocopia do documento de identidade correspondente.

3. Os prazos de matrícula serán:

–Proba de xuño: 16 ao 27 de maio, ambos os dous incluídos.

–Proba de setembro: o 1 e o 2 de setembro, ambos os dous incluídos.

4. Cada departamento territorial, a través dos medios de comunicación, dará coñecemento público dos prazos, dos centros para a matrícula e das datas das probas dispostas nesta resolución.

5. O día hábil seguinte ao do remate do prazo da matrícula de cada convocatoria, os directores dos centros nos que se realizou a matrícula deberán comunicar por fax aos respectivos departamentos territoriais e á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa o número de aspirantes que solicitan a realización da proba.

6. As persoas matriculadas para a convocatoria do mes de xuño, se non superan a totalidade dos grupos de materias da proba, consideraranse matriculadas para a convocatoria de setembro sen que teñan que presentar nova documentación.

Quinto. Data e normas de realización.

1. As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 14 de xuño e 9 de setembro para as respectivas convocatorias.

2. Entre as 8.30 e as 9.00 horas iniciarase o chamamento para acceso aos espazos de realización da proba.

3. A sesión da mañá terá dúas partes: na primeira, de 9.30 horas a 12.30 horas, realizaranse as probas do ámbito científico-tecnolóxico; na segunda, de 12.30 horas a 14.00 horas, realizaranse as probas do ámbito social.

Na sesión da tarde, de 16.00 horas a 19.45 horas, realizaranse as probas do ámbito da comunicación. A sesión da tarde dará comezo ás 16.00 horas e comprenderá os exercicios de:

a) Lingua galega e literatura.

a.1) Exercicio de redacción.

O tribunal elixirá un tema para llelo propor ás persoas aspirantes. O tema elixido debe ter preferentemente un contido de tipo social ou cultural e de ampla difusión local, autonómica, estatal ou internacional.

Na valoración da redacción que realicen as persoas aspirantes terase en conta o xeito de estruturar os datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, a presentación do tema e o dominio da ortografía.

O tempo para a realización deste exercicio será de corenta e cinco minutos como máximo.

a.2) Cuestións de lingua galega e literatura.

O tempo para a súa realización será de corenta e cinco minutos.

b) Lingua castelá e literatura.

b.1) Exercicio de redacción.

Aterase ao disposto no punto a.1 para a lingua galega e literatura.

O tempo para a súa realización será de corenta e cinco minutos.

b.2) Cuestións de lingua castelá e literatura.

O tempo para a realización deste exercicio será de corenta e cinco minutos como máximo.

c) Lingua estranxeira.

O tempo para a súa realización será de tres cuartos de hora.

4. As persoas inscritas deberán presentar, para realización da proba, copia da folla da solicitude de inscrición e documento oficial de identidade. Non se permitirá o acceso para a realización da proba as persoas que non presenten os devanditos documentos.

5. Os aspirantes, unha vez resolta a proba, que sería de resposta cerrada, trasladarían as opcións elixidas a unha plantilla tipo test con tres opcións das que só unha é correcta e que servirá para avaliación da proba.

Sexto. Avaliación e puntuación das probas.

1. A avaliación das probas será por ámbitos de coñecemento e correspóndelle facela ao equipo de profesorado que compoña o tribunal en función da súa especialidade. Este profesorado, cando exista discrepancia na cualificación dalgún ámbito, actuará de maneira colexiada para establecer a cualificación definitiva das probas. Unha vez avaliados os tres ámbitos, no caso de que algunha persoa teña avaliado negativamente un só ámbito, o tribunal poderá revisar novamente se se lograron, en termos globais, os obxectivos establecidos para a etapa nese ámbito, e modificar a nota proposta en sentido positivo.

2. Entenderanse alcanzados os obxectivos cando, segundo o xuízo do tribunal, a persoa aspirante amose un grao de adquisición das capacidades que lle permita incorporarse ao mundo laboral, así como proseguir a aprendizaxe ao longo da vida. O tribunal poderá, cando o considere oportuno, convocar as persoas aspirantes a unha entrevista que sirva para aclarar posibles dúbidas sobre a valoración dese grupo de materias.

3. As persoas para quen o tribunal determine que non procede a proposta de expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria por non teren acadados os obxectivos xerais desta etapa nun grao suficiente conservarán para sucesivas convocatorias as cualificacións positivas obtidas nos termos de “suficiente”, “ben”, “notable” e “sobresaliente” no ámbito ou nos ámbitos superados. Tales cualificacións deberán ser tidas en conta polos tribunais en sucesivas convocatorias, polo que non cumprirá volver realizar as probas dos ámbitos superados para proceder á proposta do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

4. As persoas aspirantes que acrediten ter superado algún ámbito ou grupo de materias nas probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2010 ou anteriores quedarán eximidas da realización da proba no ámbito ou nos grupos de materias avaliadas positivamente, axustando de forma porcentual a cualificación do punto VI, epígrafes 7 e 8, desta resolución.

5. Quen acreditase ter superada algunhas materias do cuarto curso de educación secundaria obrigatoria, módulos do 2º curso dun Programa de Diversificación Curricular, algún módulo número catro dos diferentes ámbitos de educación secundaria de persoas adultas ou algún módulo voluntario de programas de cualificación profesional inicial recollidos no anexo III, quedará eximido da realización da proba dos ámbitos correspondentes. A cualificación dos ámbitos exentos axustarase, de xeito porcentual, á cualificación do punto VI, epígrafes 7 e 8, desta resolución.

6. Durante o período de matrícula, as persoas aspirantes poderán dirixir á dirección do centro onde realizan a proba solicitude de exención de lingua galega para os efectos de que non sexa obxecto de avaliación nesa convocatoria.

Para solicitar a exención da materia de lingua galega utilizarase o modelo que figura no anexo II desta resolución, no que se expresará a razón pola que se solicita a exención prevista no artigo 18.1 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo na ensinanza non universitaria de Galicia.

As persoas solicitantes de exención acreditarán a procedencia doutra comunidade ou dun país estranxeiro.

O director ou a directora do centro onde presenta a solicitude, de conformidade co artigo 19.2 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, resolverá sobre a concesión ou a denegación da exención e fará pública tal circunstancia no taboleiro de anuncios e comunicaranllo ao presidente ou á presidenta do tribunal que corresponda, polo menos tres días antes da data de realización da proba.

Contra a resolución da dirección do centro, a persoa interesada poderá interpoñer un recurso de alzada, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación perante o xefe ou xefa territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

7. A cualificación de cada ámbito outorgarase consonte a seguinte escala:

a) Ámbito científico-tecnolóxico.

Matemáticas.

Ciencias da natureza.

Tecnoloxía.

Puntuación máxima: 15 puntos.

Puntuación máxima: 10 puntos.

Puntuación máxima: 10 puntos.

Total máxima puntuación: 35 puntos.

b) Ámbito social.

Ciencias sociais, xeografía e historia.

Música, e educación plástica e visual.

Puntuación máxima: 25 puntos.

c) Ámbito lingüístico.

Lingua galega e literatura.

Redacción.

Cuestións de lingua galega e literatura.

Lingua castelá e literatura.

Redacción.

Cuestións de lingua castelá e literatura.

Lingua estranxeira.

Puntuación máxima: 10 puntos.

Puntuación máxima: 5 puntos.

Puntuación máxima: 10 puntos.

Puntuación máxima: 5 puntos.

Puntuación máxima: 10 puntos.

Total máxima puntuación: 40 puntos.

8. Cualificación dos ámbitos.

a) Científico-tecnolóxico.

Puntuación

Cualificación

31 a 35 puntos

26 a 30

21 a 25

17 a 20

Menos de 17

Sobresaliente

Notable

Ben

Suficiente

Insuficiente

b) Lingüístico.

Puntuación

Cualificación

36 a 40 puntos

31 a 35

26 a 30

20 a 25

Menos de 20

Sobresaliente

Notable

Ben

Suficiente

Insuficiente

c) Social.

Puntuación

Cualificación

25 puntos

21 a 24

16 a 20

12 a 15

Menos de 12

Sobresaliente

Notable

Ben

Suficiente

Insuficiente

9. No caso de persoas exentas da proba de lingua galega, a cualificación do ámbito lingüístico outorgarase de acordo coa seguinte escala:

Ámbito lingüístico para persoas exentas de lingua galega:

Lingua castelá e literatura.

Redacción.

Cuestións de lingua castelá e literatura.

Lingua estranxeira.

Puntuación máxima: 10 puntos

Puntuación máxima: 5 puntos

Puntuación máxima: 10 puntos

Total máxima puntuación: 25 puntos

Cualificación do ámbito lingüístico para alumnos exentos de galego:

Puntuación

Cualificación

25 puntos

21 a 24

16 a 20

12 a 15

Menos de 12

Sobresaliente

Notable

Ben

Suficiente

Insuficiente

10. Cualificación global da proba.

a) Logo de avaliada a proba, no prazo de dez días, a presidencia do tribunal fará pública a listaxe provisional de persoas avaliadas coas cualificacións positivas, por ámbito, no taboleiro de anuncios do centro no que se realizou a matrícula.

b) Contra a cualificación provisional da proba poderase presentar reclamación ante a presidencia do tribunal no prazo de dous días posteriores ao da publicación das listaxes provisionais.

c) Transcorrido o prazo de reclamacións, elevarase a definitiva a listaxe provisoria de persoas aprobadas, e aquelas que aproben os tres ámbitos terán superada a proba.

d) Contra a cualificación definitiva da proba, a persoa interesada poderá interpoñer un recurso de alzada, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación perante o xefe ou xefa territorial do departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

e) Logo de rematado o proceso de avaliación, a presidencia do tribunal entregará na secretaría do centro as actas de cualificación e demais documentación relacionada coa proba para a tramitación de documentación e custodia.

f) Á vista das actas de cualificación, as persoas candidatas serán propostas polo centro para expedir o título de graduado en educación secundaria obrigatoria, a través da aplicación de xestión administrativa de centros (XADE).

Sétimo. Tribunal.

1. O tribunal estará constituído por un inspector ou unha inspectora de educación que actuará como presidente ou presidenta, e catro vogais pertencentes aos corpos de catedráticos ou de profesorado de ensino secundario, preferentemente que estean a impartir educación secundaria de persoas adultas no nivel II, designados polo xefe ou xefa do departamento territorial. Na composición do tribunal garantirase que exista un membro do profesorado que imparta docencia no ámbito de comunicación en idioma estranxeiro, e outros dous que impartan docencia nos ámbitos científico-tecnolóxico e social.

2. Se se presentaren persoas con necesidades educativas especiais que soliciten recoñecemento de necesidades específicas para realizar as probas, segundo o anexo IV e sempre que o departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o considere necesario, o tribunal adoptará as medidas que se estimen oportunas para facilitar a realización das probas.

3. Os membros do tribunal poderán percibir axudas de custo por asistencia e axudas para gastos de locomoción por concorreren ás sesións de avaliación consonte o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6. Logo da avaliación da proba, o tribunal facilitará a cada participante unha certificación coas cualificacións dos ámbitos, así como a proposición para expedición do título utilizando os anexos V e VI, se procede, e cubrirá a ficha estatística que se xunta como anexo VII. A ficha estatística remitiráselle á xefatura do Servizo Provincial de Inspección, desde onde, co visto e prace do inspector xefe ou da inspectora xefa, se enviará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa antes do próximo 30 de xullo para a convocatoria de xuño e antes do 8 de outubro para a convocatoria de setembro.

Disposición derradeira

Única. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2011.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file