Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 11 de maio de 2011 Páx. 8909

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

INSTRUCIÓN 4/2011, do 12 de abril, sobre a metodoloxía de cálculo do grao de consolidación edificatoria na delimitación do solo de núcleo rural, ao abeiro do disposto na Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Os núcleos rurais constitúen o fenómeno máis característico dos asentamentos tradicionais de poboación en Galicia. Están claramente vinculados ao acervo urbanístico desta comunidade e conforman un modelo de ocupación de solo que contribuíu notoriamente ao desenvolvemento harmónico do noso territorio. A súa especifidade e significación, xa apuntada na Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da Lei do solo a Galicia, foi merecedora na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, de constituír unha clase diferenciada de solo, co seu singular réxime xurídico.

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, establece un marco definitorio do solo de núcleo rural de cara a favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio, que contribúa a elevar a calidade de vida e a harmonizar o desenvolvemento e benestar do mundo rural coa preservación e revitalización dos bens culturais e naturais, ordenando, protexendo e reconducindo os procesos de transformación, promovendo a consolidación dos núcleos tradicionais en contra da dispersión da urbanización e das edificacións sobre o territorio.

A Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da LOUG, articula unha definición de núcleo rural que recolla axeitadamente todos os tipos de núcleo que realmente existen. Considerouse que non é doado exixir da existencia de edificacións tradicionais en sentido histórico estrito como condición inescusable para facer o recoñecemento dun núcleo, nin axustar o perímetro orgánico dun asentamento vivo nunhas distancias lineais. Renúnciase á formulación historicista que impedía na práctica delimitacións que desen resposta ás necesidades de crecemento e desenvolvemento dos asentamentos rurais, o que facía inviable gran parte dos plans xerais. Xa que logo, reformúlase o concepto de núcleo superando os parámetros lineais de distancias, ata o de agora vixentes como determinantes regrados do recoñecemento do ámbito da súa delimitación, que as máis das veces non responde a un modelo de crecemento racional nin resulta axustado ás singulares condicións de cada lugar.

Porén, como pedra angular da concepción do núcleo adóptase a densidade edificatoria existente, converxendo no concepto tradicional de asentamento de poboación. Téntase desta forma que o núcleo existente aumente a súa capacidade de acollida densificándose, coa súa correlativa rede de dotacións e equipamentos públicos ao servizo da comunidade, consolidando o sistema de núcleos tradicionais existentes e impedindo a expansión de ocupación do territorio, na procura da sustentabilidade e a eficiencia dende o punto de vista social e da mobilidade.

II. A Lei 2/2010, de medidas urxentes de modificación da LOUG, reformula o concepto do solo de núcleo rural, establecendo tres tipos básicos:

Núcleo rural histórico tradicional, que mantén todas as características da LOUG, delimitado cunha consolidación pola edificación superior ao 50 % da superficie do seu ámbito, de acordo coa ordenación proposta.

Núcleo rural común, en que se incluirán os asentamentos recoñecibles como solo de núcleo rural que presenten un grao de consolidación pola edificación igual ou superior a un terzo da súa superficie de acordo coa ordenación urbanística prevista no Plan, que non reúnan as características imprescindibles para a súa inclusión no tipo básico anterior.

Núcleo rural complexo, referido aos que sexan resultado da concorrencia no seo dun mesmo asentamento rural dos dous tipos básicos anteriores.

III. Doutra banda, a disposición transitoria primeira da LOUG, na redacción dada pola Lei 2/2010, ao determinar o réxime urbanístico aplicable aos terreos incluídos no ámbito dos núcleos rurais delimitados nos planeamentos xerais non adaptados, establece a vinculación directa co grao de consolidación que presente a edificación, aplicándose un réxime distinto (en canto á parcela mínima e á ocupación máxima) en función do grao de consolidación inferior ou superior ao 50 %.

De todo o anterior dedúcese a relevancia que o grao de consolidación da edificación representa verbo da delimitación do solo de núcleo rural. E observándose unha grande disparidade de criterios, considérase necesario clarificar e unificar o procedemento do seu cálculo.

IV. A este obxecto responde a presente instrución, que ten a natureza de instrución ou orde de servizo ditada ao abeiro do disposto polo artigo 26.3.b da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector autonómico de Galicia (DOG nº 251, do 31 de decembro de 2010) polo que só é de obrigado cumprimento para os órganos e unidades administrativas deste departamento. Circunscríbese, en exclusiva, ao ámbito das súas competencias e ten por obxecto coordinar a actuación en materia de urbanismo dos órganos e unidades administrativas integradas nel, sen prexuízo das competencias que corresponda exercer a outros departamentos, organismos públicos ou á Administración municipal.

Aínda que esta instrución, de acordo co previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza regulamentaria, co fin da maior transparencia na xestión administrativa e da seguridade xurídica, considérase conveniente a súa publicación para que todos os interesados poidan coñecer os criterios que seguirá esta secretaría xeral, no exercicio das súas competencias en materia urbanística, tras a entrada en vigor da Lei 2/2010, do 25 de marzo.

V. Os métodos establecidos son o resultado da análise realizada por técnicos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en colaboración cos da propia Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da CMATI, e derivan do estudo dun número representativo de núcleos rurais con características diversas en canto á dimensión do ámbito, forma e estrutura parcelaria, superficies e frontes de parcela, tipoloxía da edificación, ordenanzas de aplicación e incidencia porcentual da superficie viaria e dos equipamentos.

Primeiro .Ámbito de aplicación.

Delimitación dos tipos básicos de solo de núcleo rural ao abeiro do artigo 13 da LOUG, no eido da redacción dos plans xerais e das súas modificacións, así coma nos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural previstos na disposición adicional segunda da LOUG.

Para os efectos de establecer o réxime transitorio aplicable ao solo de núcleo rural delimitado nos planeamentos non adaptados á LOUG; nestes casos refírese á data da solicitude da primeira licenza de edificación ou de parcelamento, tras a entrada en vigor da Lei 2/2010.

Cando, excepcionalmente, se pretenda temperar a exixencia de consolidación requirida polo artigo 13 da lei, logo do informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, nos termos da disposición transitoria primeira.1.e da LOUG.

Segundo. Definicións.

–Grao de consolidación: relación entre o número de parcelas edificadas e o número de parcelas edificables, expresada en porcentaxe, para cada ámbito concreto delimitado de núcleo rural.

–Superficie bruta do ámbito: superficie total delimitada de cada tipo de núcleo, incluíndo o viario e as dotacións, medida sobre o terreo, ou sobre a cartografía máis detallada dispoñible.

–Parcela existente: a recollida no parcelario da cartografía oficial do Catastro.

–Parcela edificada: parcela en que existe unha edificación destinada ao uso previsto no planeamento. Non computarán como edificadas as parcelas ocupadas por construcións que non poidan ter a consideración de edificación, de acordo co artigo 2.2 da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.

–Parcela edificable: parcela que, non estando destinada ou prevista a viario ou dotación urbanística, reúne as condicións mínimas para ser edificada segundo a ordenación proposta polo planeamento, coa previsión das posibles operacións de parcelamento. O seu número obterase para o ámbito de cada ordenanza concreta do solo de núcleo rural. Para o seu cálculo, será suficiente con prever as operacións de segregación posibles aplicables ao parcelario existente coas súas edificacións. En aplicación da disposición transitoria primeira da LOUG, naqueles casos en que o plan vixente non prevexa a dimensión da fronte mínima de parcela, considerarase –para os efectos desta determinación do grao de consolidación- un mínimo de 15 metros.

–Superficie de parcela mínima edificable: a establecida no planeamento para cada ordenanza.

–Coeficiente corrector: parámetro que reflicte a incidencia do viario, as dotacións e as parcelas non edificables por razón de forma, tamaño, estrutura da propiedade ou dispoñibilidade de acceso rodado, de cara ao cómputo da consolidación edificatoria. O seu valor, resultado do estudo dun número representativo de núcleos rurais, con características diversas en canto á dimensión, forma e estrutura parcelaria, superficies e frontes de parcela e tipoloxía, queda establecido en 1’75.

Terceiro. Método de cálculo.

A. Método gráfico.

O método gráfico é un mecanismo de simulación consistente en proxectar sobre o parcelario existente no ámbito as posibilidades de parcelamento, en función dos parámetros urbanísticos que o planeamento estableza; as posibles parcelas edificables obteranse segundo a ordenación prevista polo propio plan. Será o método aplicable con carácter xeral, e obteranse graficamente, na data de referencia, o número de parcelas edificadas e o número de parcelas edificables.

Grao de consolidación (%) = [nº parcelas edificadas / nº parcelas edificables] x 100.

B. Método numérico ou simplificado.

O método numérico ou de cálculo simplificado permite determinar o número total de parcelas edificables aplicando o coeficiente corrector de 1’75 ás parcelas hipotéticas que resultan de dividir a superficie bruta do ámbito entre a parcela mínima edificable que o plan estableza. Ten un carácter aproximativo, pero non se observa inconveniente no seu emprego como instrumento áxil que é, toda vez que do estudo pormenorizado realizado que basea a presente instrución resulta conservador en relación co método gráfico.

Grao de consolidación (%) = coeficiente corrector 1’75 x [nº parcelas edificadas / nº parcelas edificables] x 100.

Nº de parcelas edificables = superficie bruta do ámbito / superficie de parcela mínima edificable.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2011.

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo